Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 21 de xullo de 2011 Páx. 20529

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2011 pola que se publica a Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións, aprobada no Consello de Goberno do 15 de xuño de 2011.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, atribúe á universidade a regulación dos procedementos de verificación dos estudos e coñecementos dos estudantes. Tamén o artigo 115 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), establece que a Xunta de Goberno elaborará unha normativa para articular os procedementos extraordinarios de avaliación e a revisión de cualificacións. Esta normativa foi acordada pola Xunta de Goberno do 15 de novembro de 2001, que aprobou a normativa para articular os procedementos extraordinarios de avaliación e a revisión de cualificacións. Na mesma data aprobouse a Normativa básica para a ordenación do proceso de ensino/aprendizaxe, e posteriormente o Consello de Goberno do 22 de xullo de 2009 aprobou a Normativa da avaliación do rendemento académico dos estudantes.

Coa entrada en vigor do Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do estudante universitario, faise necesario adaptar a normativa existente, establecendo sistemas de avaliación acordes co novo paradigma de ensino-aprendizaxe e regulando un sistema transitorio que favoreza o remate das titulacións non adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior ou o tránsito ás novas.

Por todo o anterior, o Consello de Goberno, reunido en sesión ordinaria o 15 de xuño de 2011, aprobou a seguinte

Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.

I. programación da oferta.

Artigo 1. Programación docente.

1. Corresponde á USC o establecemento da oferta académica anual. Para estes efectos, o plan docente anual (PDA) determinará o número de grupos de cada materia, o cuadrimestre en que se impartirá, as áreas responsables da impartición da docencia, etc.

2. As xuntas de centro establecerán os horarios de impartición das materias, a ser posible antes da elaboración dos plans de organización docente dos departamentos (POD).

3. Os departamentos teñen a obriga de garantir para cada materia unha programación docente ou guía docente, que deberá especificar:

a) Profesorado encargado da docencia con indicación, de ser varios, do coordinador dela.

b) Descritores da materia no plan de estudios.

c) Número de créditos expositivos, interactivos, de laboratorio, etc.

d) Obxectivos da materia.

e) Programa da parte teórica e práctica.

f) Desenvolvemento do temario (con indicación, de ser posible, do tempo previsto para cada tema) especificando a docencia non presencial.

g) Criterios e sistemas de avaliación (tipo e número de probas, traballos que se presentarán coas posibles datas de entrega, de ser o caso, controis periódicos, etc.).

h) Bibliografía recomendada actualizada.

4. Os departamentos garantirán a coordinación da programación e equivalencia formativa de todos os grupos dunha mesma materia. Conforme o establecido polo calendario de programación académica, os departamentos farán chegar aos centros unha copia da programación docente de cada materia.

5. O centro, no prazo máximo dun mes, a través da xunta de centro ou da comisión con competencias nesta materia, supervisará que o programa e demais partes da programación anual de cada materia se adaptan ao plan de estudos vixente, se exercerá a necesaria coordinación de programas e sistemas de avaliación dentro dun mesmo curso, ciclo e titulación.

6. Na programación do calendario de exames evitarase que un estudante sexa convocado a probas oficiais de carácter global de distintas materias do mesmo curso nun prazo inferior a vinte e catro horas. En todo caso, terá dereito a que a realización das probas oficiais de carácter global correspondentes non lle coincidan en data e hora dentro do mesmo curso. Os centros deberán regular o procedemento para garantir o dereito do alumnado á non coincidencia das probas oficiais de materias correspondentes a cursos diferentes en día e hora.

7. En todo caso, os horarios, as datas de exames e a programación das materias serán públicados antes do 30 de maio ou do prazo establecido para o inicio do período de matrícula do curso académico.

II. Avaliación ordinaria.

Artigo 2. Funcións da avaliación.

1. A avaliación debe servir para asegurar as seguintes funcións: mellorar a docencia, cumprir as obxectivos educativos previstos e garantir que os alumnos teñan as competencias, coñecementos e habilidades previstas no plan de estudos.

2. Os estudantes debe ser informado con exactitude e coa suficiente antelación sobre os criterios e métodos de avaliación, así como o tipo e número de exames ou actividades formativas avaliables.

Artigo 3. Criterios de avaliación.

1. Os criterios de avaliación deberán ser públicos, coherentes cos obxectivos e metodoloxía da materia, e formativos.

2. Os estudantes serán avaliados unicamente de acordo cos criterios que figuren de forma explícita na programación da materia ou guía docente que, en xeral, se basearán nalgunha das seguintes actividades:

a) Participación nas clases expositivas, interactivas e outras actividades complementarias.

b) Realización de prácticas, seminarios e traballos de laboratorio.

c) Presentación de traballos ou informes relacionados co contido da materia.

d) Probas parciais e/ou final.

e) Outras actividades específicas que tamén garantan a avaliación obxectiva do rendemento do estudante.

3. En cada curso académico, as programacións docentes/guías docentes de cada materia deberán determinar os aspectos que se deberán avaliar, os instrumentos ou procedementos de avaliación (traballos conxuntos, individuais, exames parciais, finais, etc.) e os criterios de avaliación, precisando, de ser posible, a súa correspondente ponderación na cualificación final. Tamén deberán constar expresamente os criterios previstos para a oportunidade ordinaria do cuadrimestre, e aqueles que se refiren a oportunidade extraordinaria de recuperación, así como para os alumnos repetidores, no caso de que existan diferenzas entres elas. Poderán rectificarse ou corrixirse erros nos criterios de avaliación, coa oportuna publicidade (web, taboleiro de anuncios e folla informativa, etc. ) ao inicio das actividades docentes. As programacións/guías docentes, en todo caso, deberán respectar os criterios aprobados na memoria de grao ou do máster.

Para a valoración da asistencia a clase, obervarase o disposto na Normativa de asistencia a clase nas ensinanzas adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) (Acordo do Consello de Goberno do 25 de marzo de 2010).

4. A programación docente ou guía docente dunha materia pode determinar as actividades obrigatorias que se realizarán durante o curso (actividades prácticas, de laboratorio...), sen as cales non será posible a superación da dita materia. Se as actividades só poden ser desenvolvidas durante o período de clase, deberá precisarse que a non asistencia impedirá a superación da materia tanto na oportunidade ordinaria do cuadrimestre, como na oportunidade da recuperación.

5. A programación docente/guía docente tamén poderá prever a posibilidade de que a avaliación positiva de certas actividades (seminarios, prácticas de laboratorio, etc.) poida ser conservada durante un número determinado de cursos académicos, sempre que exista conformidade entre os profesores que imparten a materia.

6. Cando a programación académica dunha materia prevexa a realización de probas obrigatorias distintas da final, deben especificarse as datas aproximadas da súa realización na programación docente. No caso de que a realización destas probas poda afectar o desenvolvemento normal da actividade académica, será a dirección do centro a encargada de coordinar as posibles datas das diferentes materias.

Artigo 4. Publicidade.

1. Os criterios e métodos de avaliación deberán ser publicados e coñecidos polos alumnos con anterioridade ao inicio do período de matrícula.

2. Os calendarios de datas, horas e lugares de realización das probas oficiais, incluídas as orais, serán acordados polas xuntas de centro ou órgano que deleguen, garantindo a participación dos estudantes, e atendendo á condición de que estes o sexan a tempo completo ou a tempo parcial.

3. As datas de realización das probas de avaliación oficiais non se poderá modificar, salvo naquelas situacións en que, por forza maior ou imposibilidade sobrevida, resulten irrealizables nas datas establecidas. Ante estas situacións excepcionais, os decanos ou directores dos centros realizarán as consultas oportunas co profesorado e cos estudantes afectados para propor un novo calendario ou a modificación puntual do existente.

Artigo 5. Realización das probas.

1. No lugar onde se realicen os exames e probas de cada materia deberán estar presentes os profesores responsables da materia, agás casos excepcionais debidamente autorizados pola dirección do departamento, que informará o dirección do centro.

2. No caso de alumnado con algunha minusvalidez, facilitaráselles a realización das probas de avaliación en condicións acordes coas súas capacidades.

Artigo 6. Procedemento de avaliación.

1. A avaliación ordinaria realizaraa o profesorado encargado da materia, de acordo cos criterios establecidos na programación académica aprobada polo consello de departamento, ratificada polo órgano colexiado competente do centro e publicada na web da USC.

2. A avaliación do rendemento académico dos estudantes tenderá cara á avaliación continua, entendida como ferramenta de corresponsabilidade educativa, e como un elemento do proceso de ensino-aprendizaxe que informa a estudante sobre o seu proceso de aprendizaxe.

3. Os sistemas de avaliación deberán ter en conta:

a) O sistema ordinario de avaliación, que poderá estar integrado polas probas parciais e finais, a avaliación continua e aqueles instrumentos elixidos polo profesor que consten na programación académica.

b) O procedemento de avaliación para a recuperación, dentro do mesmo curso académico. No caso de que non se prevexa esta posibilidade por resultar imprescindible a realización de actividades que só se poidan desenvolver presencialmente nas clases, laboratorios, prácticas, etc., deberá constar expresamente esta precisión.

c) O sistema de avaliación para alumnos repetidores, naqueles casos en que sexa diferente á avaliación ordinaria.

Garantirase que os distintos grupos dunha mesma disciplina teñan criterios e sistemas de avaliación similares e equilibrados en cada unha das convocatorias ou oportunidades, requirindo un tipo e número de probas semellantes.

4. Os estudantes que por motivos de asistencia a reunións dos órganos colexiados de representación universitaria non poidan concorrer ás probas de avaliación programadas, terán dereito a que lles fixe un día e hora diferentes para a súa realización. Procurarase que estas reunións non coincidan cos períodos de exames oficiais nin cos días de estudo previos.

5. En calquera momento das probas de avaliación, o profesorado poderá requirir a identificación dos estudantes asistentes, que deberán acreditala mediante a exhibición do seu carné de estudante, documento nacional de identidade, pasaporte ou, na súa falta, acreditación suficiente a xuízo do avaliador.

6. Os estudantes terán dereito a que se lles entregue no momento da finalización das probas de avaliación un xustificante documental da súa realización e duración.

7. Para a realización de probas orais, convocaranse cada día os alumnos que previsiblemente o profesor poida examinar. Tales exames serán públicos, e polo menos nos casos en que sexa a única proba de avaliación, ou se trate da proba final oficial, o departamento nomeará unha comisión de avaliación que deberá estar formada por dous profesores da materia, excepto no caso de que sexa impartida por máis. Esta comisión farase público no momento en que sexa nomeada.

Artigo 7. Comunicación de resultados da avaliación.

1. Os estudantes teñen dereito a coñecer os resultados das probas parciais e finais que realicen, segundo o sistema de avaliación previamente establecido, nun prazo razoable que, salvo casos excepcionais debidamente xustificados ante a dirección do centro, será inferior a 15 días naturais desde a data de realización da proba. Tales resultados deben coñecerse con suficiente antelación, e nunca con menos de tres días antes da realización dunha nova proba ou convocatoria de recuperación.

2. A notificación das cualificacións finais provisorias de cada materia realizarase mediante a publicación dunha lista coa cualificación de cada estudante. Os profesores informarán no momento da realización do exame da data aproximada de publicación dos resultados. Mentres non se establezan procedementos informáticos de arquivo desta información, unha copia da lista exposta coas cualificacións e as rectificacións será depositada na secretaría do centro por un período mínimo de cinco anos, e deben enviarse a continuación ao arquivo histórico.

A lista de cualificacións provisionais a que se refire o punto anterior elaborarase mediante a aplicación informática de cobertura das actas de cualificacións. Así mesmo, no caso de estar operativo un procedemento para enviar aos alumnos información sobre as cualificacións provisionais das materias en que estean matriculados, e a data de revisión de exames a través de teléfonos móbiles, os profesores deberán autorizar a dita comunicación no momento de publicar as cualificacións provisionais, mediante as canles técnicas que se establezan.

Estas cualificacións consideraranse definitivas ao finalizar o prazo de revisión de exames. O alumno poderá acceder á súa secretaría virtual para ter comunicación das cualificacións acadadas en cada convocatoria.

3. Os profesores deberán conservar o material escrito, en soporte papel ou electrónico, das probas de avaliación ou, de ser o caso, a documentación correspondente das probas orais, ata a finalización do curso académico seguinte. Nos supostos de impugnación da cualificación deberán conservarse ata que exista resolución firme.

4. No caso de que desapareza (perda, roubo…) o material dunha proba antes de finalizar o prazo de revisión, e sen que o alumnado exercerse este dereito, o alumno poderá solicitar a realización dunha nova avaliación. Neste caso o profesor procurará que o alumno teña facilidades (flexibilidade nas datas de exame, tipo de exame, etc.) para a realización desta avaliación especial.

Artigo 8. Revisión de cualificacións.

1. O alumnado terá dereito de acceso aos seus propios exercicios, e o dereito á revisión das cualificacións tanto parciais como finais na súa presenza, nas datas e horarios que para tal efecto se deberán fixar no momento de facer públicos os resultados provisorios.

2. As datas de revisión deberán estar comprendidas dentro dos dez días seguintes á publicación dos resultados. O prazo para a revisión non poderá ser inferior a tres días hábiles contados desde o día seguinte ao da data de publicación da lista. Procurarase que estas revisións se poidan levar a cabo en dúas datas opcionais e con horarios alternativos, e que sexan un instrumento útil para que o estudante poda percibir o seu nivel de coñecementos e carencias, tanto se resulta aprobado como suspenso. O director do centro garantirá que todo o alumnado que o desexe poida revisar o exame nas datas establecidas polo profesores.

3. A revisión será persoal e realizaraa o profesorado encargado da docencia, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo director do departamento. Deberá adaptarse ás necesidades específicas dos estudantes con discapacidade, e procederase ás adaptacións metodolóxicas precisas e, de ser o caso, ao establecemento de actuacións específicas en función das súas necesidades.

4. En todo caso, deberá quedar constancia da realización da revisión e da data en que se realizou, mediante sinatura no exame revisado, listas específicas, ou calquera outro sistema que acredite a realización da revisión.

5. Os estudantes avaliados por tribunal terán dereito á revisión das súas cualificacións ante el, e conforme o establecido nos puntos precedentes.

Artigo 9. Reclamación das cualificacións.

I. Reclamación das cualificacións de grao ou titulacións non adaptadas ao EEES.

1. A cualificación outorgada polo profesorado encargado da materia ou polo tribunal nomeado para o efecto, poderá ser revisada polos estudantes conforme o disposto polo artigo 128.2 dos estatutos, no cal se establece que a revisión procederá cando a cualificación recibida supoña un tratamento arbitrario ou discriminatorio, e de acordo co artigo 30 do Estatuto do estudante.

2. Contra a cualificación outorgada polo profesorado encargado da materia ou polo tribunal nomeado para o efecto, o alumnado poderá interpoñer reclamación motivada dirixida ao decano ou director do centro a que estea vinculada a titulación, no prazo de 10 días hábiles desde que se produciu a revisión. Para poder exercer este dereito é necesario que o alumno acudise previamente ao proceso de revisión do exame. A presentación de queixas ou consultas non paraliza este prazo.

3. A reclamación será inadmitida a trámite nos casos de ausencia radical de motivación ou cando se presente fóra de prazo.

4. A revisión deberá levarse a cabo de acordo co seguinte procedemento:

a) O prazo para a presentación de tales reclamacións será de 10 días hábiles desde que se realizou a revisión do exame o a proba.

b) Á vista da reclamación, o decano/director do centro decidirá sobre a admisión a trámite da impugnación presentada. O estudante poderá recorrer contra a inadmisión a trámite ante o reitor. A resolución do reitor esgotará a vía administrativa, e contra ela só caberá recurso contencioso-administrativo.

c) Admitida a trámite a reclamación, o decano/director daralle traslado aos profesores responsables da materia, que poderán presentar alegacións no prazo de cinco días hábiles.

d) O decano/director, vistas as alegacións presentadas polos profesores, nomeará unha comisión de reclamacións, que será a encargada de resolver sobre a reclamación.

e) A comisión a que se refire o punto anterior terá a seguinte composición:

– O decano/director ou o vicedecano/subdirector en quen delegue, que a presidirá.

– 3 profesores.

– 1 alumno con voz pero sen voto.

Un dos tres profesores será de área distinta a aquela responsable da materia. De ser posible, os outros dous, que serán propostos polo director do departamento, serán da mesma área que ten encargada a docencia, e un deles impartirá a docencia da mesma disciplina. Os alumnos serán nomeados polo decano entre os que teñan a materia superada.

Non formará(n) parte da dita comisión o(s) profesor(es) responsable(s) da cualificación.

f) A comisión revisará o material que serviu de base para a cualificación do reclamante e, de ser o caso, os exames ou probas dos demais compañeiros. Se considera que os exames realizados careceren das garantías mínimas necesarias, non existen elementos suficientes para a avaliación, ou non se axustan ao sistema de avaliación recollido na programación académica e publicado na guía docente, poderá acordar a realización dunha nova proba ao reclamante.

g) A comisión, unha vez analizada a reclamación, poderá acordar algunha das seguintes actuacións: ratificar a cualificación outorgada polo profesor; modificar a cualificación e outorgar a que corresponda; ou proceder a realizar unha nova proba nos casos indicados no parágrafo anterior.

h) A resolución do decano/director do centro reflectirá a proposta da comisión, e non esgotará a vía administrativa. Será comunicada ao estudante indicando que contra esta resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o reitor no prazo dun mes a partir da data de recepción da resolución.

i) A revisión de exames non modifica os prazos ordinarios de entrega das actas.

5. Os exames ou probas conservaranse ata a finalización de todos os procesos, incluído o xudicial, de ser o caso.

6. No caso de ser necesaria unha modificación en acta da cualificación, como consecuencia do proceso de revisión de exames, a nova cualificación será notificada polo secretario do centro ou polo decano/director á Secretaría Xeral da Universidade para que se acorde a modificación da acta, incorporando unha dilixencia administrativa que reflicta o acordo.

II. Reclamación das cualificacións en estudos de máster, doutoramento e títulos propios.

1. Contra a cualificación outorgada polo profesorado encargado da docencia ou polo tribunal encargado da avaliación, que procederá conforme o disposto no artigo 128.2 dos Estatutos desta universidade, e 30 do Estatuto do estudante, o alumnado poderá interpoñer unha reclamación debidamente motivada dirixida á comisión académica no prazo de 1o días hábiles desde que se produciu a revisión. A reclamación será inadmitida polo coordinador nos casos indicados no punto anterior. Contra a inadmisión procederá recurso ante o reitor, que esgotará a vía administrativa.

2. A revisión da avaliación levarase a cabo de acordo co seguinte procedemento:

a) Ádmitida a trámite a impugnación, o coordinador da titulación trasladará a reclamación aos profesores responsables dela para que presenten alegacións nun prazo de cinco días hábiles.

b) Vistas as alegacións presentadas, a comisión académica analizará a reclamación e poderá acordar o seu rexeitamento, o cambio de nota ou a realización de novo exame. Non formará(n) parte da dita comisión o(s) profesor(es) responsable(s) da cualificación. A comisión poderá solicitar os asesoramentos que considere oportunos antes de tomar a decisión.

c) A resolución do coordinador do máster reflectirá a proposta da comisión e non esgotará a vía administrativa. Será comunicada ao estudante indicando que contra esta resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o reitor no prazo dun mes a partir da data de recepción da resolución.

3. No caso de ser necesaria unha modificación en acta da cualificación como consecuencia do proceso de revisión de exames, a nova cualificación será notificada a Secretaría Xeral da Universidade para proceder á modificación da acta, na cal se incorporará unha dilixencia administrativa que reflicta o acordo de modificación.

III. Avaliación extraordinaria.

Artigo 10. Actuacións extraordinarias.

1. Á vista dos resultados do rendemento académico de cada convocatoria, a Comisión de Ordenación Académica e Profesorado (COAP) poderá facer unha análise global por centros e por materias do rendemento académico dos estudantes para, de ser o caso, poñer en marcha as medidas que poidan axudar a corrixir as disfuncións ou problemas que se detecten (axuste do programa, cambio dos métodos de avaliación, etc.).

2. No caso de que a porcentaxe de alumnos que superan unha disciplina se desvíe significativamente por exceso ou por defecto da media establecida para cada titulación, a COAP poderá instar á comisión de docencia ou de titulación do centro que solicite aos profesores responsables da materia xustificación dos motivos da desviación.

3. Á vista das alegacións dos profesores previstas no punto anterior, a COAP, de oficio o por instancia da comisión de docencia ou de titulación do centro, poderá acordar en supostos extraordinarios suficientemente xustificados unha análise técnica dos motivos das desviacións das cualificacións baseada en informes sobre programas, exames, calidade da docencia, e poderá adoptar algunha das seguintes decisións:

a) A revisión extraordinaria das cualificacións outorgadas polos profesores a cargo doutros profesores da mesma área doutras universidades.

b) Someter á consideración do Consello de Goberno a aprobación dos cambios ou resolucións que considere oportunos.

Artigo 11. Apoio titorial extraordinario.

1. A universidade poderá establecer un sistema de apoio titorial extraordinario para axudar aos estudantes a superar aquelas materias que lles presenten especiais dificultades. Anualmente a USC establecerá o procedemento para acollerse a este sistema extraordinario de avaliación.

2. Poderán solicitar este apoio os estudantes sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) Que as materias pendentes de rematar a titulación non sumen máis de 18 créditos, e debenrán ter esgotadas polo menos dúas convocatorias en cada unha delas. No caso dos planos de estudos vellos, non estruturados en créditos, o número máximo de materias pendentes será de tres. Só se poderá solicitar apoio titorial extraordinario para un máximo de 18 créditos ou tres materias.

b) Que se trate dun estudante cunha soa materia pendente, aínda que non teña esgotada ningunha convocatoria. Neste cómputo exclúense materias como o proxecto fin de grao, prácticas, prácticas tuteladas ou o practicum.

3. Os alumnos matriculados en materias sen dereito a docencia tamén poderán acollerse ao apoio titorial extraordinario desas materias.

IV. Avaliación específica para plans de estudo en proceso de extinción.

Artigo 12. Materias sen docencia.

A avaliación dos estudantes sen posibilidade de docencia previa (exames de febreiro dos plans non renovados, convocatoria fin de carreira, etc.) realizaraa o profesor que impartiu a materia no curso anterior, ou quen determine o departamento, logo de modificación do POD. Os criterios de avaliación serán os do curso do último curso con docencia e o programa deberá axustarse ao realmente impartido nese curso. No caso de materias sen dereito a docencia (materias de plans de estudo en proceso de extinción) seguiranse os criterios anteriores e, en ausencia do profesor que impartiu a materia por última vez, o departamento designará o profesor ou profesores responsables da avaliación.

Artigo 13. Superación de materias nos plans aprobados consonte o Real decreto 1497/1987 e anteriores.

1. Sempre que non se extinga a titulación e co obxecto de facilitar a conclusión dos estudios polos plans en procesos de extinción, nos supostos de adaptación obrigatoria por estar as materias extinguidas, poderase autorizar a realización de ata un máximo de 3 materias ou 18 créditos consonte un plan de grao para ser imputadas a un plano en proceso de extinción, sempre que exista equivalencia entre as materias.

2. Superadas as materias, recoñeceranse plenos efectos dentro do plan de orixe en que está matriculado o alumno e recoñeceráselle a cualificación outorgada. A resolución reitoral que autorice esta matrícula establecerá a correspondencia entre as materias do plan en extinción e as do plan novo.

Artigo 14. Apoio titorial extraordinario.

O alumnado que teña materias sen docencia por estar en extinción do plan poderá solicitar apoio titorial extraordinario consonte o artigo 11.

Artigo 15. Oportunidade de recuperación.

O Consello de Goberno poderá acordar, para as titulacións en proceso de extinción, a posibilidade dunha nova oportunidade de recuperación para poder superar a materia. Procurarase que esta oportunidade se realice en datas non coincidentes coas xa establecidas na programación docente para as convocatorias ordinaria e extraordinaria. A cualificación obtida imputarase á última convocatoria consumida.

V. Outras disposicións.

Artigo 16. Realización fraudulenta de exercicios ou probas.

A realización fraudulenta dalgún exercicio ou proba exixida na avaliación dunha materia implicará a cualificación de suspenso na convocatoria correspondente, con independencia do proceso disciplinario que se poida seguir contra o alumno infractor. Considerarse fraudulenta, entre outras, a realización de traballos plaxiados ou obtidos de fontes accesibles ao público sen reelaboración ou reinterpretación e sen citas aos autores e das fontes.

Artigo 17. Propiedade intelectual.

1. Os traballos e demais material de tipo creativo elaborados polos estudantes seranlles devoltos, se o solicitan, ao finalizar o curso académico seguinte, agás nos casos de reclamación, que deberán conservarse ata que exista resolución firme.

2. A reprodución total ou parcial dos traballos do curso e dos contidos das probas de avaliación ou a utilización para outra finalidade necesita a autorización explícita do autor ou autores, de acordo coa Lei de propiedade intelectual.

3. A propiedade intelectual do traballos de fin de grao, traballos de fin de máster e tese de doutoramento regularase polas normas propias.

Artigo 18. Efectos da matrícula na avaliación.

1. Os estudantes só teñen dereito a seren avaliados nas materias en que se matriculen. A realización de actividades anteriores á data de matriculación non xera o dereito para o alumno de repetir as actividades ou proceder a excluílas da avaliación. Tampouco implica o dereito a datas de avaliación distintas das previstas se está matriculado de materias con datas de avaliación coincidentes.

2. Procurarase que non haxa materias de dous cursos consecutivos con calendarios de avaliación coincidentes.

3. Cando por resolución reitoral se autorice a formalización dunha matrícula extemporaneamente levará consigo o dereito de avaliación independentemente do momento en que esta teña lugar.

Artigo 19. Cambio de grupo.

O Consello de Goberno aprobará unha normativa xeral sobre cambio de grupo. Entrementres, os centros establecerán os criterios tanto para a asignación como para o cambio de grupo. Serán criterios preferentes para asignación ou cambio de grupo a posibilidade de conciliar a formación con actividades profesionais, extraacadémicas ou familiares para os alumnos a tempo parcial e especificamente os dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero. Tamén poderán considerarse as características das diferentes materias e o número de convocatorias esgotadas polos solicitantes.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas a normativa para articular os procedementos extraordinarios de avaliación e a revisión de cualificacións (Xunta de Goberno do 15 de novembro de 2001) e a Normativa básica para a ordenación do proceso de ensino/aprendizaxe e da avaliación do rendemento académico dos estudantes (Xunta de Goberno do 15 de novembro de 2001 e 22 de xullo de 2009), así como as Normas de xestión académica no que se opoñan a este acordo.

Disposición transitoria primeira.

Os procedementos de revisión de cualificacións iniciados con anterioridade tramitaranse conforme a normativa anterior.

Disposición transitoria segunda.

O deber de conservación de exames e probas aplicarase para todos os exercicios e probas que se realicen no curso 2010-2011.

Disposición adicional.

Todas as referencias a alumnos, estudantes ou alumnado enténdense en xenérico sen identificación de sexo, polo que abranguen tanto o xénero feminino como o masculino.

Disposición derradeira.

Este acordo entrará en vigor na data da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2011.

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela