Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Luns, 3 de outubro de 2011 Páx. 29072

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2011, da Dirección Xeral de Tributos, pola que se ditan instrucións relativas á presentación do modelo 600 do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, no suposto de adquisición de bens mobles usados por empresarios dedicados á revenda.

O imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, regulado polo Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, somete a imposición a transmisión onerosa por actos inter vivos de toda clase de bens e dereitos que integren o patrimonio das persoas físicas ou xurídicas, sempre que as operacións enumeradas anteriormente non sexan realizadas por empresarios ou profesionais no exercicio da súa actividade empresarial ou profesional e, en calquera caso, cando constitúan entregas de bens ou prestacións de servizos suxeitas ao imposto sobre o valor engadido.

Do texto legal dedúcese que a delimitación entre o imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas e o IVE se encontra na condición do transmitente. Así, a consulta vinculante da Dirección Xeral de Tributos do Ministerio de Facenda do 26 de abril de 2011 sinala: «a delimitación entre estes dous tributos realízase atendendo á condición do transmitente do ben ou dereito, de modo que segundo sexa particular ou empresario-profesional, as súas transmisións quedarán suxeitas ao ITPAXD ou ben ao IVE, sendo irrelevante para os efectos de determinar o tributo aplicable á condición xurídica do adquirente dos bens ou dereitos».

A autoliquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados realízase no modelo 600. Este modelo, deseñado inicialmente para regular en cada modelo unha soa transmisión, provoca que os profesionais dedicados á compra de bens usados a particulares para a súa revenda posterior, que adoitan efectuar un número alto de operacións en curtos períodos de tempo, teñan que realizar numerosos trámites.

Coa finalidade de axilizar e simplificar as obrigas formais deste colectivo, esta dirección xeral procede a ditar as seguintes instrucións:

Primeira. Os empresarios dedicados á revenda, con ou sen transformación, de bens mobles usados, cuxas adquisicións deban tributar polo imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas, poderán presentar as autoliquidacións das devanditas adquisicións ben no modelo papel, ben usando o programa de axuda existente na oficina virtual da Consellería de Facenda, neste último caso presencial ou telemáticamente.

Segunda. Para a presentación do imposto, poderanse acumular varias adquisicións nun só modelo 600. Neste caso consignarase na epígrafe clave/concepto a clave TM1 «Adquisición de bens mobles usados para revenda agás automóbiles e valores mobiliarios» e poderán incluír no recadro de base impoñible a suma do importe total das adquisicións acumuladas, deixando en branco os datos relativos aos transmitentes.

Neste suposto, a presentación do documento comprensivo do feito impoñible a que se refiren os artigo 98 e 101 do Real decreto 828/1995, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, substituirase por unha relación de cada un dos bens adquiridos, coa súa descrición, datos identificativos do transmitente, e importe de cada operación, cuxa suma deberá coincidir co importe fixado na base impoñible do modelo 600. No caso de compravendas de obxectos fabricados con metais preciosos, esta relación das operacións ten que coincidir coas rexistradas no Libro-rexistro da Policía, cuxa regulación se encontra no artigo 91 do Real decreto 197/1988, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de obxectos fabricados con metais preciosos.

A presentación desta documentación deberase realizar no momento da presentación do modelo 600 nas oficinas xestoras, ou se se realiza a presentación telemática, no prazo de 15 días a que se refire o artigo 6.2 a) da Orde do 30 de decembro de 2010 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, así como determinadas obrigas de subministración de información tributaria.

Terceira. As operacións obxecto de acumulación en cada modelo 600 deberán cumprir os prazos de presentación establecidos na normativa do tributo, en concreto o prazo de 30 días hábiles desde o momento en que se cause o acto ou contrato. Por este motivo, a autoliquidación considerarase presentada en prazo sempre que os datos declarados e autoliquidados obxecto de acumulación fagan referencia a operacións de compravenda realizadas nos 30 días hábiles anteriores á data de presentación.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2011.

Carlos Rodríguez Sánchez
Director xeral de Tributos