Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 28 de outubro de 2011 Páx. 31664

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet.

A internet e, en xeral, as tecnoloxías da información cambian o xeito en que as administracións públicas se relacionan coa cidadanía e convértense nunha canle principal de comunicación. Non debe esquecerse que o sector público é o principal depositario de contidos e, por iso, o modo en que se canaliza esa información non é unha mera cuestión formal senón que adquire particular relevancia ao aparecer directamente vinculado aos mecanismos que permiten facer efectivo o acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. A Administración pública galega non pode quedar á marxe desta realidade e debe garantir a máxima calidade posible no seu aproveitamento mediante a definición do modelo de presenza na internet.

O Goberno da Xunta de Galicia ten dentro dos seus obxectivos estratéxicos de actuación a integración plena da sociedade galega na sociedade da información e o coñecemento. Con este obxectivo a presenza da Administración pública no contexto dixital e na rede é unha ferramenta fundamental para a prestación de servizos públicos, para o desenvolvemento da Administración electrónica, para difundir a súa riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social, para promover canles de participación cidadá e mellorar a interrelación coa cidadanía dun xeito dinámico e continuo.

Deste xeito, no actual e futuro estado de desenvolvemento da información e os servizos que a Xunta de Galicia presta á cidadanía, ás empresas, ao persoal empregado e ás entidades colaboradoras a través da rede, é preciso facilitar un acceso ordenado á información, aos contidos e aos servizos proporcionados pola Administración xeral de Galicia dunha forma estruturada, sinxela, atractiva, eficaz e segura.

O establecemento dunhas regras para regular a coordinación da presenza na rede da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia ten o obxectivo común de mellora da xestión pública, de achegamento da Administración pública á cidadanía, de mellora no tratamento da información e, en xeral, por tanto, da consecución do obxectivo de eficacia previsto no artigo 103.1 da CE.

Ademais, é necesario ordenar e regular o modo de abordar novas canles ou mecanismos de acceso á información que se irán consolidando nos próximos anos como ferramentas efectivas para achegar a Administración pública aos cidadáns, como son os escenarios de participación que establecen os servizos web sociais e participativos, así como as posibilidades que propoñen conceptos vinculados á reutilización da información procedente do sector público.

A Xunta de Galicia mediante estes servizos pretende conseguir unha administración máis próxima e máis participativa. Deste xeito, a planificación de políticas e a toma de decisións a todos os niveis de goberno exixen unha comunicación aberta para escoitar o punto de vista da cidadanía, de axentes socioeconómicos e organizacións sociais.

A obriga da Administración de actuar de acordo co principio de eficacia e baixo os criterios de máxima eficiencia, austeridade e economía organizativa cúmprese, sen dúbida, coa publicación deste modelo da presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet.

A consecución da coordinación efectiva do uso da internet por parte do conxunto de unidades que compoñen a Administración pública galega artéllase mediante o establecemento dun conxunto de elementos vertebradores orientados a garantir a homoxeneidade, non a uniformidade, desta presenza na rede.

Neste conxunto de elementos ten especial relevancia a definición da Guía de políticas web corporativas que ten por obxectivo articular unha serie de elementos considerados nucleares para garantir a necesaria integración e compatibilidade entre as iniciativas web e conseguir un grao de homoxeneidade entre os portais que favoreza o aproveitamento dos recursos en beneficio da súa utilización común por todos os departamentos, todo isto sen menoscabo da descentralización da xestión que redundará nunha maior implicación de cada un dos órganos da Administración.

A Guía de políticas web ten como obxectivo principal integrar nos portais da Administración pública de Galicia os parámetros e os elementos comúns que garanten a integración de todos eles nun mesmo sistema global. Trátase, en calquera caso, de unificar o modo de xestión dos contidos e servizos co obxectivo de facilitar á cidadanía o acceso a eles, asegurando ao mesmo tempo a visibilidade na internet das identidades dos departamentos ou organismos implicados.

A realización destes obxectivos pasa por articular unha serie de directrices que garanten dentro da propia Administración a integración e compatibilidade de contidos e servizos publicados en calquera portal dependente da Administración pública galega, a articulación dunha serie de elementos comúns, posibilitando deste modo un acceso cruzado á información contida no sistema de calquera das partes que o integran, evitando duplicidades e sobreesforzos de mantemento e facilitando o acceso aos contidos e servizos por parte das persoas usuarias dos portais.

Deste xeito a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet organízase como unha rede integrada de portais, cos seus correspondentes contidos e servizos, arredor do portal común www.xunta.es, a partir do cal se enlazará coa totalidade dos portais e servizos web sociais e participativos dos organismos e entidades que integran o sector público da Comunidade Autónoma de Galicia mantendo os principios de integración, xerarquización e segmentación.

Ademais, seguindo a liña aberta polo capítulo IV do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, para a consecución destes obxectivos resulta necesaria a constitución duns órganos colexiados que teñan atribuídas as funcións de coordinación e seguimento de todos os contidos dos portais do sector público autonómico de Galicia.

Con respecto á estrutura, o decreto consta de 30 artigos, agrupados en nove capítulos, con tres disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

O capítulo I regula o obxecto do decreto, o seu ámbito de aplicación e a finalidade da súa incorporación ao ordenamento xurídico galego.

No capítulo II, o decreto define a presenza do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia na internet baixo un conxunto integrado de contidos e servizos, organizados en distintos portais, que conforman a Rede integrada de portais do sector público autonómico de Galicia, co obxectivo último de facilitarlle á cidadanía o acceso a este, garantindo ao mesmo tempo a visibilidade na internet das identidades de cada departamento e das entidades dependentes.

Ademais, cómpre salientar a regulación dos servizos web sociais e participativos como canle de diálogo e participación, de consulta e opinión, nos cales recibir as valoracións e suxestións sobre os borradores de normativas e outros suscitados desde a propia Administración, ademais dos considerados de interese por parte da cidadanía.

O capítulo III define os instrumentos para a xestión da rede de portais e para a consecución dos obxectivos fixados. Particular mención neste capítulo, pola importancia que adquiren na definición do modelo, son os elementos comúns do sistema como instrumentos que permiten ordenar, harmonicamente, os contidos e servizos que quedarán recollidos na Guía de políticas web.

O capítulo IV trata sobre a política de dominios que, como complemento necesario do modelo de presenza na rede, se estrutura xerarquicamente baixo o dominio xunta.es, do cal dependerán, como subdominios, os distintos portais da rede.

O capítulo V regula aspectos como a interoperabilidade técnica, a seguridade e a protección de datos. Deste xeito, este decreto pretende garantir a independencia na escolla de alternativas tecnolóxicas pola cidadanía e as administracións públicas.

Os capítulos VI e VII regulan aspectos clave como a reutilización da información, a transparencia e a accesibilidade coa finalidade de garantir unha coordinación da presenza do sector público autonómico de Galicia na internet e facilitar mecanismos accesibles electronicamente que posibiliten a procura de documentos dispoñibles para a súa reutilización que permitan á cidadanía a adecuada recuperación da información.

O capítulo VIII concreta o réxime de responsabilidade e calidade na veracidade e autenticidade das informacións e servizos ofrecidos a través de medios electrónicos ao cal as administracións públicas están suxeitas de acordo co establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Por último, para a consecución destes obxectivos, resulta necesaria, como establece o capítulo IX, a constitución duns órganos colexiados que teñan atribuídas as funcións de coordinación e seguimento da Rede de portais da Administración xeral de Galicia como órganos responsables da coordinación da información, comunicación, prestación de servizos e sistemas de participación na Rede de portais, así como da avaliación da súa calidade, consistencia, coherencia e respecto dos criterios transversais recollidos na Guía de políticas web.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de outubro de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

Constitúe o obxecto deste decreto a regulación da presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet, a determinación dos instrumentos de ordenación e a estrutura organizativa encargada da súa coordinación e xestión.

Artigo 2. Finalidade.

As medidas establecidas neste decreto teñen por finalidade:

a) Garantir unha adecuada información institucional, administrativa e dos servizos web sociais e participativos.

b) Procurar a proxección dunha imaxe homoxénea da presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet, minimizando a curva de aprendizaxe do seu uso por parte do cidadán.

c) Asegurar o máximo nivel de calidade, consistencia e coherencia canto á imaxe, comunicación e información ofrecidos na Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

d) Posibilitar a estruturación, catalogación e distribución de contidos atendendo a criterios de segmentación da información co obxectivo de promover unha ordenación harmónica dos contidos e servizos, facilitando así o acceso da cidadanía.

e) Promover a difusión de información de interese e relevancia pública e o aproveitamento das oportunidades que ofrecen a evolución dos servizos na internet para achegar a Administración á cidadanía, facilitando espazos de participación.

f) Impulsar a difusión da riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de Galicia a través de internet.

Artigo 3. Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación a todos os órganos e ás unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 4. Definicións.

1. Os termos que se empregan neste decreto terán o significado que se establece no anexo da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, no anexo IV do Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica e no anexo do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica.

2. Para os efectos deste decreto as entidades instrumentais do sector público autonómico terán o significado e alcance establecido no artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 5. Previsións xerais.

1. A presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na rede articularase sobre a base dos seguintes principios:

a) Potenciar unha imaxe institucional de Galicia que sexa referente na internet e que permita articular e garantir, mediante unha adecuada organización, o acceso aos contidos e servizos ofrecidos polo Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na rede.

b) Adecuar e organizar os contidos e servizos á demanda dos diferentes grupos de potenciais persoas usuarias.

c) Ofrecer unha canle de comunicación da cidadanía coas institucións que permita, pola súa vez, promover a participación desta nos asuntos públicos.

d) Promover e garantir a transparencia, como criterio orientador da actividade das administracións públicas, facilitar á cidadanía información e datos de interese xeral.

e) Garantir unha adecuada información institucional, administrativa e dos servizos prestados polos distintos departamentos e polas demais entidades que conforman o ámbito de aplicación deste decreto, e simplificar o acceso a ela.

f) Impulsar a oferta de servizos públicos na rede e facilitar o seu acceso á cidadanía.

g) Manter a coherencia cos demais elementos que conforman a Administración electrónica, particularmente no referido aos servizos prestados e á información fornecida.

h) Fomentar a calidade e eficiencia na prestación de servizos electrónicos.

2. As entidades incluídas no artigo 3 adoptarán todas as medidas técnicas e organizativas necesarias co fin de satisfacer o previsto neste decreto e, en especial:

a) A austeridade e disciplina do gasto, garantindo os criterios de eficiencia e transparencia establecidos.

b) A promoción do uso da lingua galega, conforme o marco legal vixente, cun especial coidado da súa calidade.

c) A responsabilidade e vixencia dos contidos e servizos postos á disposición dos cidadáns na rede.

d) A automatización dos procesos que polas súas características e por razóns de eficiencia o xustifiquen, sen que se produza ningunha redución de garantías das persoas administradas e, se procede, determinando o órgano responsable para os efectos de impugnación.

e) A sensibilización, a divulgación, a educación e, en especial, a formación no terreo da accesibilidade, co obxecto de lograr que os titulares doutros portais da internet distintos daqueles a que refire este decreto incorporen progresivamente os criterios de accesibilidade e melloren os niveis mencionados neste, particularmente aqueles cuxo contido faga referencia a contidos e servizos á disposición da cidadanía.

Artigo 6. Políticas de converxencia cara á igualdade efectiva.

1. Na aplicación das disposicións establecidas neste decreto, as entidades previstas no artigo 3 adoptarán todas as medidas necesarias para a efectiva aplicación do principio de igualdade material e o previsto no artigo 9.2 da CE.

2. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto garantirán que tanto as persoas con algún tipo de diversidade funcional como as persoas maiores que se relacionan coas devanditas entidades poidan acceder aos servizos electrónicos en igualdade de condicións, con independencia das súas circunstancias persoais, os seus medios ou coñecementos.

Artigo 7. Usos lingüísticos.

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto garantirán á cidadanía o exercicio dos dereitos lingüísticos recoñecidos nas leis, en particular, os referidos ao uso do galego na Administración pública. Para ese efecto, adoptaranse as medidas necesarias dirixidas a facer efectivo o exercicio de tales dereitos.

2. Os contidos e servizos publicaranse, polo menos, en galego e castelán, sen prexuízo da inclusión noutras linguas de contidos e servizos que se consideren de interese.

3. O galego, como lingua de contacto inicial coa cidadanía, deberá ser a lingua de navegación establecida por defecto.

4. Para a redacción de contidos teranse en conta as pautas establecidas na Guía de políticas web no referente aos usos lingüísticos.

Capítulo II
Organización da presenza da administración na rede

Artigo 8. Portal web corporativo da Xunta de Galicia.

1. O portal web corporativo www.xunta.es configúrase como o sitio web institucional da Xunta de Galicia constituído polo conxunto de páxinas web relacionadas entre si, estruturadas mediante un sistema de información, de libre acceso e albergadas na Rede corporativa da Xunta de Galicia.

2. O portal web corporativo recollerá, xunto coa información institucional corporativa, a información administrativa e os servizos en liña facilitados ou prestados pola Administración xeral de Galicia para a súa difusión ás persoas interesadas.

Artigo 9. Rede integrada de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

1. A presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet ordénase como un conxunto ou rede integrada de portais, cos seus correspondentes contidos e servizos, que conforman a Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia estará integrada polos portais web e servizos web sociais e participativos cuxa titularidade, xestión e administración corresponde aos órganos ou unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia no exercicio das súas competencias.

3. A devandita rede de portais estrutúrase arredor do portal institucional www.xunta.es, a través do cal se poderá acceder á totalidade dos portais e servizos web sociais e participativos dos organismos e entidades que integran o sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que constituirá un punto de acceso permanente á información e aos servizos da Administración autonómica e das súas entidades dependentes.

Artigo 10. Organización da Rede de portais.

1. Os órganos superiores da Administración xeral de Galicia ou entidades instrumentais do sector público autonómico poderán ofrecer información ou servizos ao público a través da internet, mediante portais web propios baixo subdominios de xunta.es, de conformidade co establecido neste decreto e nas políticas e recomendacións vixentes, recollidas na Guía de políticas web, publicadas na intranet da Xunta de Galicia.

2. Poderase determinar a publicación de portais temáticos destinados a organizar contidos e servizos vinculados a unha determinada materia que transcendan do departamento ou entidade instrumental que ofrece os contidos ou presta o servizo, e que poderán contar con varios segmentos de destinatarios ou públicos obxectivos.

3. Poderase, ademais, determinar a publicación de portais promocionais para a difusión na internet de campañas ou programas específicos. Estes portais non se identificarán como portais ou sitios web dun determinado departamento ou entidade instrumental, aínda cando os contidos destes portais se correspondan, maioritariamente, cos dun departamento ou entidade.

4. En calquera caso, para a incorporación de novos portais temáticos ou promocionais seguirase o principio de integración cos portais previamente existentes, coa finalidade de articular un modelo coherente de presenza da Administración pública na internet sobre a base dos elementos comúns do sistema que garanten a homoxeneidade da imaxe, a compatibilidade e a interoperabilidade dos contidos.

Artigo 11. Web social e participativa.

1. A Administración pública utilizará canles ou servizos web sociais e participativos, como canle de diálogo, participación, consulta e opinión, nos cales recibir as valoracións e suxestións sobre planificación de políticas, toma de decisións en todos os niveis de goberno, borradores de normativas e outros temas suscitados desde a propia administración coa finalidade de establecer unha comunicación aberta para escoitar o punto de vista da cidadanía, de axentes socioeconómicos e organizacións sociais.

2. A creación de canles sociais e participativas estará vinculada a temáticas ou públicos obxectivos, e rexerase polo principio de integración, coa finalidade de articular un modelo coherente de presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. As canles sociais e participativas considéranse elementos da Rede de portais.

4. A Administración xeral de Galicia ou entidades instrumentais do sector público autonómico deberán cumprir as políticas vixentes de uso de servizos web sociais e participativos da Xunta de Galicia, recollidas na Guía de políticas web, que establecerá os criterios da súa creación.

Capítulo III
Instrumentos para a organización da presenza da administración na rede

Artigo 12. Catálogo de portais.

1. O Catálogo de portais constitúe a ferramenta que permite recoller a información xeral, características e propiedades xerais dos portais e servizos web sociais e participativos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia que conforman a Rede integrada de portais.

2. Calquera portal web ou servizo web social e participativo vinculado as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto deberá quedar identificado no Catálogo de portais.

3. O contido do Catálogo de portais servirá de base para a publicación na web institucional do directorio de portais e servizos web sociais e participativos.

Artigo 13. Guía de políticas web.

1. A Guía de políticas web da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia é o conxunto de normas e directrices comúns de homoxeneización no deseño, construción e posta en marcha de portais web, así como servizos sociais e participativos. As devanditas normas garanten unha imaxe común da rede, a identidade común dos distintos portais que a integran e facilita a súa navegación, usabilidade e o aproveitamento dos recursos.

2. A Guía de políticas web permitirá estruturar a Rede integrada de portais con base nos principios de integración, xerarquización e segmentación, mediante o desenvolvemento de:

a) Políticas de desenvolvemento e construción de portais para xerar unha arquitectura de portais con base na tipificación e xestión dos contenidos, estandarización de criterios de visualización e navegación co ánimo de minimizar a curva de aprendizaxe de uso dun portal por parte das persoas usuarias.

b) Políticas de desenvolvemento e uso de servizos web, o uso e consolidación de servizos horizontais e a utilización das novas canles ou servizos que a evolución do uso da internet poida achegar á Administración pública para o fomento da participación activa da cidadanía.

c) Políticas de implantación e publicación de contidos e servizos na internet, nos cales se explicitan os pasos que se deben seguir e os criterios mínimos que se deben aplicar.

d) Políticas de control da calidade e seguimento, orientadas a ofrecer recomendacións, principios e indicadores de avaliación estandarizados e comúns que permitan valorar o éxito das distintas iniciativas e realizar comparacións obxectivas.

e) Políticas de creación, aprobación, implantación e mantemento dos procesos e procedementos que rexen para dar soporte á organización da Rede integrada de portais.

f) Políticas de usos lingüísticos, para garantir o cumprimento da lexislación vixente en materia de lingua así como os dereitos lingüísticos da cidadanía.

3. Na Guía de políticas web identificaranse tamén os elementos e ferramentas comúns de utilización por todos os portais que o precisen. Enténdese por elementos ou ferramentas comúns todos aqueles aspectos gráficos, aplicacións, compoñentes ou outros elementos que poden ser utilizados desde diferentes portais, facilitando o coñecemento por parte dos usuarios dos portais, e promovendo a optimización e non redundancia de recursos.

4. A Guía de políticas web será de obrigado cumprimento para todos os portais web, contidos ou servizos web sociais e participativos integrados na Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, nos termos e co alcance que nela se determine.

5. Atendendo ás diferentes tipoloxías de portais incluídos na Rede de portais, estableceranse criterios de aplicación específicos:

a) Aos portais temáticos e promocionais, que, ademais de cumpriren unhas normas de estilo e identidade corporativa comúns, respectarán o establecido nos correspondentes capítulos da Guía de políticas web que lles sexa de aplicación.

b) Aos portais dos centros educativos non universitarios de Galicia seralles de aplicación unha guía específica de políticas web que terá en consideración o uso, a natureza, o contido e o público obxectivo a que van dirixidos.

c) A aqueles portais que teñan a consideración de sede electrónica seralles de aplicación o contido previsto neste decreto que non contradiga a normativa específica de Administración electrónica e desenvolvemento de sedes electrónicas.

Artigo 14. Sistema de clasificación de portais e contidos.

1. A Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia promoverá o emprego dun sistema de clasificación corporativa de portais e contidos como o principal elemento de cohesión, integración e interoperabilidade entre portais e como eixo da arquitectura de navegación e información. Este sistema de clasificación constitúese por medio dun vocabulario controlado e finito, no cal os termos representan algún tipo de contido, contexto ou estrutura común e se configuran no eixo da arquitectura de navegación e información dos portais.

2. Este sistema de clasificación permitirá catalogar e clasificar os portais e contidos segundo áreas temáticas, tipos de contidos, feitos habituais na relación entre cidadáns e Administración, público obxectivo, criterios organizativos e aqueles outros que se consideren útiles para facilitar a súa recuperación, uso, avaliación, e/ou interoperabilidade.

3. Os termos que constitúen este sistema de clasificación terán carácter horizontal para toda a Rede de portais e estarán publicados na Guía de políticas web corporativas.

4. O portal corporativo utilizará este sistema de clasificación para potenciar a presenza das iniciativas dos distintos departamentos, favorecendo a navegación a través dun sistema que facilite o acceso aos contidos e servizos que se ofrecen a través da Rede de portais.

5. Promoverase a configuración de áreas ou portais temáticos que permitan agrupar contidos ou servizos da Rede de portais con base neste sistema de clasificación.

Artigo 15. Mecanismo de incorporación ao catálogo de portais.

1. Para a incorporación á Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia de novos portais ou servizos web sociais e participativos seguirase o procedemento de solicitude e incorporación establecido na Guía de políticas web.

2. A solicitude de creación de novos portais ou servizos web sociais e participativos será por instancia da secretaría xeral técnica da consellería de que dependa o promotor da iniciativa.

3. Xunto coa solicitude de creación deberán identificarse claramente as persoas responsables da iniciativa, departamento promotor, responsable de contidos e responsable técnico.

4. Os mecanismos de incorporación de novos portais e servizos web sociais e participativos terá a finalidade de verificar o cumprimento dos criterios transversais e vertebradores vixentes en cada momento e recollidos na Guía de políticas web.

5. A publicación dun novo portal na internet estará condicionada á súa incorporación no catálogo de portais.

Artigo 16. Publicación da Guía de políticas web e procedementos de incorporación.

1. A Guía de políticas web e o mecanismo de incorporación ao catálogo de portais estarán permanentemente dispoñibles e actualizadas na intranet da Xunta de Galicia.

2. A publicidade establecida no punto 1 deste artigo farase sen prexuízo da utilización doutros mecanismos de comunicación dirixidos a garantir o seu coñecemento.

Capítulo IV
Política sobre os dominios

Artigo 17. Política de dominios web.

1. xunta.es constitúese como o dominio web, a partir do cal se ordenarán os subdominios existentes en cada momento.

2. Os órganos superiores da Administración xeral de Galicia e os portais temáticos ou promocionais empregarán subdominios do dominio corporativo xunta.es.

3. As entidades públicas instrumentais do sector público de Galicia, entendendo como tales, para estes efectos, aquelas establecidas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, deberán empregar subdominios do dominio corporativo xunta.es nunha óptica de simplificación, coherencia e austeridade.

4. As outras entidades instrumentais do sector público de Galicia respecto das cales a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exerce xuridicamente, de forma directa ou indirecta, unha posición de dominio, entendendo como tales, para estes efectos, aquelas establecidas no artigo 45.b) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, quedarán exentas da aplicación do punto anterior.

5. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto deberán cumprir, ademais do establecido neste decreto, as políticas e recomendacións vixentes de uso de dominios e subdominios da Xunta de Galicia, recollidas na Guía de políticas web e publicadas na intranet da Xunta de Galicia.

6. Os dominios e subdominios da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia deberán construírse sobre denominacións en lingua galega.

7. Poderá aprobarse a utilización doutros dominios atendendo a criterios de impacto social, consolidación da marca ou mellora da difusión da iniciativa que deberán ter, en todo caso, un dominio correspondente coa política de dominios.

Artigo 18. Política de dominios de correo.

1. Os órganos e unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia deberán empregar o dominio de correo electrónico xunta.es.

2. As entidades públicas instrumentais do sector público de Galicia, entendendo como tales, para estes efectos, aquelas establecidas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, deberán empregar o dominio de correo electrónico xunta.es nunha óptica de simplificación, coherencia e austeridade.

3. As das outras entidades instrumentais do sector público de Galicia respecto das cales a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exerce xuridicamente, de forma directa ou indirecta, unha posición de dominio, entendendo como tales, para estes efectos, aquelas establecidas no artigo 45.b) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, quedarán exentas da aplicación deste artigo.

Artigo 19. Rexistro de dominios.

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto poderán solicitar o rexistro de novos dominios ao órgano con competencias en materia de Administración electrónica, que será o encargado da súa solicitude, rexistro e mantemento.

2. O órgano con competencias en materia de Administración electrónica será o encargado da reserva, mantemento e migración de dominios que efectúen as entidades recollidas no ámbito de aplicación deste decreto.

3. Corresponde ao órgano con competencias en materia de Administración electrónica manter a titularidade dos dominios vixentes e garantir a unidade de dominio a que se refire o artigo precedente e o cumprimento das políticas vixentes na materia, de acordo coa normativa patrimonial vixente.

4. O órgano con competencias en materia de Administración electrónica rexistrará, ademais, aqueles dominios que se consideren de especial interese e permitan preservar a imaxe da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e da Rede de portais.

Capítulo V
Interoperabilidade técnica, seguridade e protección de datos

Artigo 20. Interoperabilidade técnica e estándares abertos.

1. Os portais das entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto empregarán estándares abertos e, de forma complementaria, estándares de uso xeneralizado polos cidadáns co obxecto de garantir a independencia na escolla de alternativas tecnolóxicas pola cidadanía e as administracións públicas.

2. Os portais das entidades previstas no artigo 3 deste decreto utilizarán as medidas informáticas, tecnolóxicas, organizativas e de seguridade que garantan un axeitado nivel de interoperabilidade técnica, semántica e organizativa e eviten a discriminación dos cidadáns por razón da súa escolla tecnolóxica.

3. Os documentos e servizos da Administración electrónica que se poñan a disposición da cidadanía encontraranse, como mínimo, dispoñibles mediante estándares abertos.

4. Os documentos, servizos electrónicos e aplicacións postos á disposición da cidadanía serán visualizables, accesibles e funcionalmente operables en condicións que permitan satisfacer o principio de neutralidade tecnolóxica e eviten a discriminación da cidadanía por razón da súa escolla tecnolóxica.

5. En calquera caso, as persoas poderán escoller as aplicacións ou sistemas para relacionarse coas administracións públicas galegas, sempre e cando utilicen estándares abertos ou, se é o caso, aqueloutros que sexan de uso xeneralizado pola cidadanía. Para facilitar a interoperabilidade coas administracións públicas, a Guía de políticas web conterá unha relación de estándares abertos e, se é o caso, complementarios aplicables.

Artigo 21. Seguridade.

1. A utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas por parte das entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto deberá incorporar as medidas de seguridade, de calidade e de control necesarias que garantan a autenticidade, confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e conservación da información.

2. Na utilización de ligazóns a contidos fóra da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia por parte das entidades incluídas no ámbito de aplicación aplicarase ao réxime de responsabilidade establecido no artigo 26 deste decreto.

3. As entidades incluídas no artigo 3 deste decreto seguirán as políticas de seguridade da información da Xunta de Galicia para a aplicación efectiva dos principios sinalados nos puntos anteriores.

Artigo 22. Protección de datos.

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos achegados por unha persoa usuaria quedarán incorporados nun ficheiro que será procesado exclusivamente para a finalidade descrita. Os datos recolleranse a través dos mecanismos correspondentes e só conterán os campos imprescindibles para poder prestar o servizo requirido pola persoa usuaria.

2. No momento de recoller datos de carácter persoal, os portais web da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia deberán identificar o ficheiro a que se incorporan os datos, a súa finalidade, o órgano responsable de seu tratamento e, de ser o caso, as posibles cesións que se realicen dos datos.

3. Os datos de carácter persoal serán tratados co grao de protección adecuado, segundo a normativa vixente en materia de protección de datos, e tomaranse as medidas de seguridade necesarias para evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado por parte de terceiros que os poidan utilizar para finalidades distintas para as cales foron solicitados á persoa usuaria. Os datos de carácter persoal obxecto de tratamento só poderán ser cedidos conforme ao artigo 11 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Capítulo VI
Reutilización da información e transparencia

Artigo 23. Reutilización da información do sector público autonómico.

1. As entidades incluidas no artigo 3 deste decreto facilitarán, progresivamente, mecanismos accesibles electronicamente que posibiliten a procura dos documentos dispoñibles para a súa reutilización, por medio dun espazo único a través do cal a Administración autonómica galega poña á disposición da cidadanía e empresas a información de interese público dos seus organismos para aproveitar a potencialidade que ofrece a súa reutilización.

2. O espazo único permitirá á cidadanía a adecuada recuperación da información, tal como listas, bases de datos ou índices e portais que enlacen con listaxes descentralizadas, a cal deberá estar dispoñible en formato dixital e ser procesable electronicamente.

3. A reutilización de documentos que conteñan datos de carácter persoal rexerase polo disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

4. A Administración xeral de Galicia reserva para si o dereito de publicar conxuntos de datos para os cales se deba satisfacer o pagamento de contraprestacións económicas. A contía destas contraprestacións terá como obxectivo cubrir os custos asociados á produción, reprodución e difusión dos datos.

5. Para todo o non previsto neste artigo será de aplicación o disposto na Lei 37/2007, do 16 de novembro, sobre reutilización da información do sector público.

Artigo 24. Transparencia.

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación, de acordo coas previsións contidas na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, están obrigadas a garantir a transparencia, a eficacia e a eficiencia na organización e na xestión pública e a proporcionar e difundir información constante, veraz, obxectiva actualizada e clara sobre a actuación do sector público autonómico.

2. A Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia con presenza na Rede de portais publicarán e difundirán a través deles a información recollida nesta materia na Guía de políticas web.

3. Os contidos deberán estar facilmente accesibles e situarse baixo o rótulo ou opción de menú nomeado Lei de transparencia ou Transparencia.

Capítulo VII
Accesibilidade

Artigo 25. Accesibilidade.

1. Os portais das entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto deberán garantir na publicación dos seus contidos o cumprimento dos criterios xeralmente admitidos en materia de accesibilidade, prestando especial atención ao acceso á información por parte dos colectivos con diversidade funcional.

2. A información dispoñible nos devanditos portais da internet deberá ser accesible á cidadanía cun nivel mínimo de conformidade AA da última revisión da Norma UNE 139803.

3. A Rede de portais da Xunta da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia adaptarase aos estándares establecidos en cada momento polas autoridades competentes para asegurar a súa accesibilidade ás persoas con algún tipo de diversidade funcional.

Capítulo VIII
Réxime de responsabilidade

Artigo 26. Responsabilidade da Administración.

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto, dada a súa condición de prestadoras de dereito público de servizos da sociedade da información, están suxeitas ao principio de responsabilidade e calidade na veracidade e autenticidade das informacións e servizos ofrecidos polas administracións públicas a través de medios electrónicos.

2. Os portais incluídos na Rede deberán recoller unha indicación da normativa aplicable en materia de propiedade intelectual, protección de datos persoais e criterios de responsabilidade.

Capítulo IX
Coordinación e seguimento da Rede de portais da Administración xeral
e do sector público autonómico de Galicia

Artigo 27. Creación e obxecto.

1. Créase a Comisión de Coordinación e Seguimento da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia como órgano colexiado responsable da coordinación da información, comunicación, prestación de servizos e sistemas de participación na Rede de portais, así como da avaliación da súa calidade, consistencia, coherencia e respecto dos criterios transversais recollidos na Guía de políticas web.

2. Coa finalidade de facilitar a actividade desta comisión créase a Subcomisión Operativa de Seguimento da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que elevará as correspondentes propostas á Comisión de Coordinación e Seguimento da Rede de portais.

3. Os devanditos órganos colexiados adscríbense ao órgano con competencias en materia de Administración electrónica.

Artigo 28. Funcións.

1. Corresponde á Comisión de Coordinación e Seguimento da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia o exercicio das seguintes funcións:

a) Aprobar os plans estratéxicos que definan as liñas de actuación da Rede de portais na internet, en materia de incorporación de servizos á cidadanía e de xestión de contidos.

b) Aprobar e elevar á persoa titular da consellería con competencias en materia de administracións públicas, para a súa remisión ao Consello da Xunta, a memoria anual sobre o seguimento da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, con proposta das medidas pertinentes para a mellora da presenza da Administración pública de Galicia na internet.

c) Aprobar a utilización de dominios web segundo os criterios previstos no artigo 17.7 deste decreto.

2. Corresponde á Subcomisión Operativa de Seguimento da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia o exercicio das seguintes funcións:

a) Determinar o procedemento de incorporación á Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia de novos portais ou servizos web sociais e participativos coa finalidade de verificar o cumprimento dos criterios transversais e vertebradores vixentes en cada momento e recollidos na Guía de políticas web.

b) Elaborar os plans estratéxicos que definan as liñas de actuación da Rede de portais na internet en materia de incorporación de servizos á cidadanía e de xestión de contidos.

c) Elaborar a memoria anual sobre o seguimento da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, con proposta das medidas pertinentes para a mellora a presenza da Administración pública de Galicia na internet.

d) Elevar á Comisión de Coordinación e Seguimento da Rede de portais os plans estratéxicos que definan as liñas de actuación da Rede de portais na internet e a memoria anual sobre o seguimento da Rede de portais.

e) Elevar á Comisión de Coordinación e Seguimento da Rede de portais as posibles propostas de utilización de dominios web segundo os criterios previstos no artigo 17.7 deste decreto.

f) Aprobar os capítulos da Guía de políticas web aplicables á Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

g) Coordinar a adecuación dos contidos do portal web corporativo e a promoción e dinamización de novos contidos.

h) Asegurar o máximo nivel de calidade, consistencia e coherencia canto a imaxe, comunicación, información e servizos ofrecidos polas entidades incluídas no ámbito de aplicación.

i) Asegurar a máxima calidade lingüística dos contidos, así como facilitar a unificación e a actualización das ferramentas lingüísticas á disposición dos usuarios a través dos portais.

k) Fomentar a adaptación paulatina dos contidos da rede para que cumpra cos requisitos establecidos neste decreto.

l) Determinar o procedemento de actualización do catálogo de portais e servizos web sociais e participativos, así como os documentos de directrices e recomendacións publicados na intranet da Xunta de Galicia.

m) Difundir os criterios xerais do Catálogo e da Guía de políticas web a todas as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto.

n) Determinar que documentos de interese público se porán á disposición para a súa reutilización pola cidadanía e empresas.

Artigo 29. Composición dos órganos colexiados encargados da coordinación e seguimento da Rede de portais.

A Comisión de Coordinación e Seguimento da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia estará integrada polos seguintes membros:

a) Persoa titular do órgano con competencias en materia de Administración electrónica, que actuará como presidente/a.

b) Persoa titular do órgano con competencias en materia de medios de comunicación, que actuará como vogal.

c) Persoa titular do órgano con competencias en materia de política lingüística, que actuará como vogal.

d) Persoa titular do órgano con competencias en materia de igualdade, que actuará como vogal.

e) Persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de información administrativa e atención ao cidadán, que actuará como vogal.

f) As persoas titulares das secretarías xerais técnicas adscritas ás consellerías da Administración xeral de Galicia e as persoas titulares das secretarías xerais adscritas ou dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, salvo aquelas con representación específica prevista nos puntos anteriores, que actuarán como vogais.

2. A secretaría corresponderalle a unha persoa funcionaria, nomeada polo presidente/a entre as pertencentes ao órgano con competencias en materia de Administración electrónica.

3. As persoas integrantes da devandita comisión poderán nomear unha persoa substituta pertencente ao órgano que representen, en caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada.

4. A Subcomisión Operativa de Seguimento da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia estará integrada polos seguintes membros:

a) Persoa titular do órgano con competencias en materia de Administración electrónica, que actuará como presidente/a.

b) Persoa titular do órgano con competencias en materia de medios de comunicación, que actuará como vogal.

c) Persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de información administrativa e atención ao cidadán, que actuará como vogal.

5. A secretaría corresponderalle a unha persoa funcionaria, nomeada polo presidente/a entre as pertencentes ao órgano con competencias en materia de Administración electrónica.

6. As persoas integrantes da devandita subcomisión poderán nomear unha persoa substituta pertencente ao órgano que representen, en caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada.

7. A Subcomisión Operativa de Seguimento da Rede de portais solicitará a cada consellería e órgano superior adscrito ou dependente da Presidencia da Xunta de Galicia a designación dunha ou varias persoas responsables da interlocución coa devandita subcomisión para o tratamento de temáticas relativas ao seu departamento, así como para o traslado e a difusión de información de interese xeral, sen prexuízo de que se poida solicitar a colaboración doutras unidades diferentes.

8. Funcionalmente, os devanditos órganos colexiados configurarán os grupos de traballo que se consideren precisos para o cumprimento das funcións que se concretan no artigo 28 deste decreto.

Artigo 30. Réxime de funcionamento.

1. Os órganos colexiados a que se refire este capítulo rexeranse polo disposto en materia de órganos colexiados no capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As reunións da Comisión de Coordinación e Seguimento da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e da Subcomisión Operativa de Seguimento da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia celebraranse cunha periodicidade mínima anual e trimestral, respectivamente.

3. Os devanditos órganos colexiados poderán aprobar as súas propias normas de funcionamento e réxime interno para o mellor exercicio das súas funcións, nas cales se utilizarán preferentemente as tecnoloxías da información como ferramenta para a axilización do seu funcionamento.

Disposición adicional primeira. Non incremento do gasto.

A constitución e o funcionamento dos órganos colexiados previstos no capítulo IX non suporán en ningún caso un incremento do gasto público e non xerarán un aumento dos créditos orzamentarios asignados ao orzamento de gastos do órgano con competencias en materia de Administración electrónica.

Disposición adicional segunda. Réxime especial dos dominios de correo.

O réxime establecido no artigo 18 deste decreto non será de aplicación aos dominios de correo sergas.es e edu.xunta.es.

Disposición adicional terceira. Adecuación de portais e servizos web sociais e participativos xa existentes.

No prazo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto a Subcomisión Operativa de Seguimento da Rede de portais, xunto cos representantes dos organismos implicados, promoverá o plan de adecuación de portais e servizos web sociais e participativos xa existentes seguindo os criterios previstos neste decreto, e fará especial énfase nos aspectos vinculados á aplicación de dominios, accesibilidade, usos lingüísticos, identidade corporativa, seguridade e responsabilidade. Este plan establecerá os portais, servizos web sociais e participativos ou dominios que deberán ser migrados ou eliminados.

Disposición transitoria única. Guía de políticas web da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto publicarase e difundirase a Guía de políticas web da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Quedan derrogadas cantas normas regulamentarias preexistentes resulten contrarias ao disposto neste decreto e, en particular, as seguintes normas:

– Decreto 21/1999, do 5 de febreiro, polo que se regula a utilización da rede internet pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Capítulo IV do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento e execución.

Facúltase á persoa titular da consellaría con competencias en materia de administracións públicas para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza