Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2012 Páx. 52

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 242/2011, do 15 de decembro, polo que se aproba a bandeira do Concello de Castro Caldelas.

O Concello de Castro Caldelas, Ourense, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais corresponde á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobar a bandeira do Concello de Castro Caldelas, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

– Pano con tres franxas verticais; as do batente e hasta de azul, perfiladas de branco ao centro; e a terceira, do dobre de largo, de vermello cun castelo de amarelo, aberto, coa porta superada por un escudo de branco cargado de seis roeis de azul, sobre chamas de vermello perfiladas de amarelo.

– O castelo representa o existente na vila e o señorío que sobre ela exerceron os señores de Monforte de Lemos desde o ano 1336 por concesión do rei don Alfonso XI á liñaxe Castro; os condes de Lemos reedificárono, foi derrubado en parte durante a Revolta Irmandiña e volveu ser reconstruído. As chamas lembran o suceso acaecido durante a invasión francesa, cando en 1810 o xeneral Loison prendeu lume á vila. A bordura de azul alude á tradicional devoción mariana de Nosa Señora dos Remedios.

Ourense, quince de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

missing image file