Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 3 de febreiro de 2012 Páx. 4880

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa, se aproba o proxecto de execución e se recoñece, en concreto, a utilidade pública dun proxecto de gasoduto de distribución de gas natural (expediente IN627A 2011/3-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 5.4.2011 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do proxecto do gasoduto de distribución de gas natural denominado Ramal MOP=16 bar, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, xunto co preceptivo proxecto de instalacións.

O 18.7.2011 a dita empresa presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública dunha primeira addenda ao dito proxecto. Esta addenda I ten por obxecto:

– Recolocar a estación de protección catódica noutro terreo con mellores condicións de resistividade.

– Definir en detalle as respectivas situacións da estación de protección catódica e da estación de regulación e medida.

O 1.9.2011 a dita empresa presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública dunha segunda addenda ao dito proxecto. Esta addenda II ten por obxecto:

– Recolocar a estación de regulación e medida noutro terreo.

– Incluír a relación de bens e dereitos afectados e os planos parcelarios.

– Desprazar o leito anódico da estación de protección catódica.

A autorización da infraestrutura gasista que se solicita comportará, de acordo co que establecen os artigos 103 e 105 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados, necesarios para o establecemento destas instalacións, e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.

As características desta infraestrutura gasista son as seguintes:

● O gasoduto denominado Ramal MOP=16 bar, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño ten o seu inicio na punta de tubaxe deixada por Gas Natural Distribución SDG, S.A., como punto final do proxecto Punto de entrega de gas natural con MOP=16 bar para subministración a Gas Galicia en Salceda de Caselas, no lugar da Rega da Lama, pertencente á parroquia de San Estevo de Budiño.

● O dito ramal discorrerá polos termos municipais de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, e rematará en dúas ERM (estación de regulación e medida) de 16/5 bar, situadas, a primeira próxima ao núcleo urbano de Salceda de Caselas, xunto ao matadoiro municipal, e a segunda en terreos da PLISAN (Parque Loxístico Intermodal Salvaterra-As Neves). Este ramal deseñarase para unha presión máxima de servizo de 16 bar.

● As lonxitudes, espesores e diámetros da tubaxe que se empregarán son os reflectidos na táboa seguinte:

Condución

Diámetro (“)

Espesor (mm)

Lonxitude (m)

Canalización ata o vértice RG-101

8

4,0

6.505

Canalización ata o vértice RG-187

8

4,0

5.375

Canalización ata o vértice RG-264

8

4,0

4.918

Acometida á ERM en Salceda de Caselas

4

3,6

560

Acometida ao Polígono Industrial Chan da Ponte

3

3,6

5

Acometida á ERM en Salvaterra de Miño

4

3,6

6

Acometida á PLISAN

8

4,0

5

Lonxitude total

17.374

● As instalacións obxecto do proxecto son as seguintes:

– Conexión á tubaxe proxectada de 8” de saída da EM (estación de medida) propiedade de Gas Natural Distribución SDG, S.A., no lugar da Rega da Lama, pertencente á parroquia de San Estevo de Budiño, no concello de Salvaterra de Miño.

– Canalización con MOP (máxima presión de operación)=16 bar, de 6.505 m de lonxitude desde o vértice RG-001 ata o RG-101, próximo ao núcleo urbano de Salceda de Caselas, e con tubaxe de aceiro de 8” e espesor de 4 mm.

– Canalización con MOP=16 bar, de 5.375 m de lonxitude desde o vértice RG-101 ata o RG-187, no Polígono Industrial de Chan da Ponte, xunto ao núcleo urbano de Salvaterra de Miño, e con tubaxe de aceiro de 8” e espesor de 4 mm.

– Canalización con MOP=16 bar, de 4.918 m de lonxitude desde o vértice RG-187 ata o RG-264, dentro da PLISAN no concello de Salvaterra de Miño, e con tubaxe de aceiro de 8” e espesor de 4 mm.

– Canalización con MOP=16 bar, de 560 m de lonxitude desde o vértice RG-101 para subministración da ERM (estación de regulación e medida) que se situará próxima ao núcleo urbano de Salceda de Caselas, e con tubaxe de aceiro de 4” e espesor de 3,6 mm.

– Instalación dunha ERM (16/5 bar) para subministración á rede de distribución do núcleo urbano de Salceda de Caselas, con válvulas e conexións de entrada e saída.

– Conexión e válvula para subministración ao Polígono Industrial de Chan da Ponte.

– Instalación dunha ERM (16/5 bar) para subministración á rede de distribución do termo municipal de Salvaterra de Miño, con válvulas e conexións de entrada e saída.

– Conexión e válvula para subministración á PLISAN.

– Instalación de tritubo para telecomunicacións.

– Instalación dunha estación de protección catódica.

● O seu orzamento ascende á cantidade de dous millóns setecentos vinte e catro mil setenta e dous euros con sesenta e sete céntimos (2.724.072,67 euros).

Segundo. O 8.4.2011 esta dirección xeral resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da autorización administrativa do dito gasoduto, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12.5.2011 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 13.9.2011 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, resolveu que non era necesario someter o proxecto da dita infraestrutura gasista ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

Cuarto. O 18.10.2011 esta dirección xeral resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do proxecto do gasoduto de distribución de gas natural denominado Ramal MOP=16 bar, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e das súas addendas I e II, promovidos pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 8.11.2011, e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados durante un prazo de vinte días (en Salceda de Caselas desde o 28.10.2011 ao 28.11.2011; en Salvaterra de Miño desde o 3.11.2011 ao 5.12.2011).

Así mesmo, esta dirección xeral cursou as preceptivas notificacións individuais a todas as persoas que aparecen como interesadas no procedemento expropiatorio, e cuxos predios afectados se relacionaron no anexo da dita resolución de información pública do 18.10.2011.

Durante o período de información pública legalmente establecido non se presentaron alegacións.

Quinto. Así mesmo, a empresa promotora deu traslado das separatas do dito proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada condución de gas, para os efectos de obter a súa autorización. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo da súa resposta:

N.º

Entidade

Resumo da resposta

1

Confederación Hidrográfica do Miño Sil - Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño

Resolución de data 21.12.2011: autoriza a execución do proxecto de referencia, con suxeición ás condicións especificadas.

2

Xefatura Territorial de Pontevedra - Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Resolución de data 5.9.2011: autoriza a execución do proxecto de referencia, con suxeición ás condicións especificadas.

3

Servizo de Vías e Obras - Deputación Provincial de Pontevedra

Resolución de data 17.6.2011: autoriza a execución do proxecto de referencia, con suxeición ás condicións especificadas.

4

Dirección Xeral de Montes - Consellería do Medio Rural

Informe de data 12.7.2011: considéranse suficientes as medidas correctoras propostas no estudo de impacto ambiental.

Sexto. A Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de referencia o 15.12.2011.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. En canto aos bens e dereitos afectados por este gasoduto e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa, aprobar o proxecto de execución e recoñecer, en concreto, a utilidade pública do proxecto do gasoduto de distribución de gas natural denominado Ramal MOP=16 bar, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e das súas addendas I e II; con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 54.481,45 euros, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto e nas súas addendas I e II subscritos polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado n.º 1.130 - Colexio de Galicia) e visados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, na súa Delegación de Santiago, con rexistro n.º 87/11 (data: 3.3.2011), 189/11 (data: 13.7.2011) e 209/11 (data: 30.8.2011), respectivamente.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá expedila logo das comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, asinado por técnico competente, en que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, e acreditará así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte o da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas