Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 2 de marzo de 2012 Páx. 7621

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convocan para o ano 2012 as axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, dispón no seu artigo 39 que a Xunta de Galicia establecerá, a través do departamento competente en materia de igualdade, unha prestación económica dirixida ás mulleres que sofren violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres, irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor e a tentar axudarlle a romper coa situación de violencia. Indica que se aboará periodicamente, logo da acreditación da situación de violencia de xénero, e que será o departamento competente en materia de igualdade o encargado de regular as bases de convocatoria e as contías das axudas, dentro dos límites orzamentarios de cada anualidade.

A través da Resolución do 14 de xaneiro de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, publicada no Diario Oficial de Galicia número 12, do 19 de xaneiro, aprobáronse as bases reguladoras e convocáronse para o ano 2011 as axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero. Estas axudas están dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e que se atopan nunha situación de dependencia económica do agresor que as obriga á convivencia e lles impide afrontar o seu futuro con independencia dos seus agresores.

Mediante esta resolución procédese a convocar para o ano 2012 as axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

Por todo o disposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2012 a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

3. A convocatoria rexerase polas bases reguladoras recollidas na Resolución do 14 de xaneiro de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases e se convocan axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero (Diario Oficial de Galicia núm. 12, do 19 de xaneiro).

Artigo 2. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes formalizaranse segundo o modelo do anexo I desta resolución, asinadas pola persoa solicitante. O formulario da solicitude así como os demais formularios normalizados referidos nas bases reguladoras e que figuran como anexos desta resolución estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade http://www.mulleresengalicia.es

2. As solicitudes poderán presentarse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación electrónica, a solicitante deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3, recoñecido pola plataforma de validación e por sinatura electrónica @firma. Xunto cos formularios de solicitude deberá achegarse a documentación a que se fai referencia no artigo 3 das bases reguladoras da convocatoria, que deberá cumprir os requisitos sinalados no artigo 27 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro. Aqueles documentos non dispoñibles en formato electrónico e que pola súa natureza non sexan susceptibles de achega nun formato electrónico válido deberán presentarse, xunto coa copia do anexo I, a través das vías previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais do formato electrónico, admítese igualmente a presentación en formato papel no Rexistro da Secretaría Xeral da Igualdade, sito no edificio administrativo de San Lázaro s/n, en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso teñan subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2012.

Artigo 3. Orzamento.

Para a concesión destas axudas destinaranse 2.396.650 euros imputables á aplicación orzamentaria 04.40.313D.480.0, de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2012: 1.276.650 euros.

Ano 2013: 1.120.000 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á súa declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Artigo 4. Contía das axudas.

1. A contía que poderá acadar esta axuda establécese en función das rendas e dos ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2012, de acordo coas seguintes especificacións:

1.1. Se os ingresos da solicitante son iguais ou inferiores ao IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 600 euros/mes.

b) Cunha/un filla/o menor a cargo ou cando a vítima teña unha discapacidade ≥ 33%: 650 euros/mes.

c) Cunha/un filla/o menor a cargo e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33%: 700 euros/mes.

d) Con dúas ou máis fillas/os menores a cargo: 700 euros/mes.

e) Con dúas ou máis fillas/os menores a cargo e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33%: 800 euros/mes.

f) Cunha/un filla/o menor a cargo e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65% ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 800 euros/mes.

1.2. Se os ingresos da solicitante son superiores ao IPREM vixente e iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 300 euros/mes.

b) Cunha/un filla/o menor a cargo ou cando a vítima teña unha discapacidade ≥ 33%: 350 euros/mes.

c) Cunha/un filla/o menor a cargo e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33%: 400 euros/mes.

d) Con dúas ou máis fillas/os menores a cargo: 400 euros/mes.

e) Con dúas ou máis fillas/os menores a cargo e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33%: 500 euros/mes.

f) Cunha/un filla/o menor a cargo e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65% ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 500 euros/mes.

Artigo 5. Instrución e resolución.

A instrución e resolución do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras destas axudas.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nos servizos de Igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es; do teléfono 981 95 76 99 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.es, ou presencialmente.

Disposición adicional.

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de aplicación.

Disposición derradeira primeira.

Para os efectos desta convocatoria substitúense os formularios normalizados de solicitude publicados como anexos na Resolución do 14 de xaneiro de 2011.

Disposición derradeira segunda.

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Disposición derradeira terceira.

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2012.

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file