Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 27 de marzo de 2012 Páx. 10593

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 14 de marzo de 2012 pola que se modifica parcialmente a Orde do 28 de xuño de 2006 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizo e por petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en atención á situación de conciliación da vida familiar e laboral.

Pola Orde do 28 de xuño de 2006 regulouse a adscrición de forma temporal, en comisión de servizo e por petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral, modificada parcialmente pola Orde do 3 de maio de 2007.

A experiencia acadada na aplicación da citada orde aconsella realizar modificacións puntuais nesta, modificando os requisitos de idade dos fillos que xeran o dereito á concesión da comisión de servizo.

Na súa virtude, no uso da autorización conferida pola disposición derradeira primeira do Decreto 244/1999, do 29 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo único.

Os puntos 1.º e 2.º do artigo 3 da Orde do 28 de xuño de 2006 quedan redactados do seguinte xeito:

1. Ter un fillo ou filla menor de catro anos, dous fillos ou fillas menores de seis ou tres fillos ou fillas menores de doce anos. Poderá, así mesmo, efectuarse a solicitude cando exista embarazo a termo final con anterioridade ao mes de marzo do ano seguinte no que se presenta a instancia. No caso de adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo, a idade computarase desde a resolución xudicial ou administrativa.

A idade dos fillos ou fillas computarase en 31 de agosto do ano en que se efectúa a solicitude.

2. Ter, se é o caso, destino definitivo a unha distancia superior a 60 km dos centros ou localidade, que se solicitan en primeiro lugar.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase o director xeral de Centros e Recursos Humanos a ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria