Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 27 de marzo de 2012 Páx. 10796

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 27 de febreiro de 2012, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de revisión de oficio do denominado monte da Lanzada, clasificado no expediente Circundado de San Xoán de Aios e outros en prol da CMVMC de Noalla, do concello de Sanxenxo.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes veciñais de Pontevedra, ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique.

Vogais:

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 20.2.2012, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 2.ª planta do edificio administrativo sito no n.º 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de revisión de oficio do monte denominado monte da Lanzada, clasificado no expediente «Circundado de San Xoán de Aios e outros» a favor da CMVMC de Noalla, do concello de Sanxenxo.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 1 de agosto de 1984 tivo entrada na no Rexistro da Delegación da Consellería de Agricultura, Pesca e Alimentación a solicitude de clasificación como monte veciñal, formulada polo presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Noalla, en relación cos montes: Circundado de San Xoán de Aios, monte da Canteira, Praia de Bascuas, Sobre Praia de Bascuas, monte da Galiña, monte do Corvo e Copetito e Rosas, Praia da Lanzada, Praia de Mogorio ou Mogor, todos eles da parroquia de Noalla, xuntando toda unha serie de documentos que se foron ampliando a posteriori.

Segundo. Con data do 22 de xuño de 1989 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou clasificar como montes veciñais os montes denominados da Canteira, da Galiña, do Corvo, da Lanzada, de Mogor, e Gándara, a favor dos veciños da parroquia de Noalla-Sanxenxo, por estimar que os referidos montes reunían todos os requisitos fixados na Lei e no Regulamento de montes veciñais en man común.

Pola contra, denegouse a clasificación dos terreos chamados Circundado de San Xoán de Aios e Praia de Bascuas, ao considerar que non se cumprían as exixencias fixadas ad hoc.

Terceiro. Contra a citada resolución interpuxeron recurso de reposición os veciños de Noalla e o Ministerio de Obras Públicas, os cales foron desestimados en vía administrativa, e o último en sede contenciosa polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por medio de Sentenza do 10 de setembro de 1992, e posteriormente pola STS do 24.1.2001.

Cuarto. Con data do 30.7.2003 tivo entrada no Rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Pontevedra unha solicitude de revisión de oficio formulada polo Concello do Grove, con base nun ditame emitido polo profesor Raposo Arceo do 4.5.2003, contra a Resolución do Xurado de Montes de 1989, en relación co monte da Lanzada, por entender que este tiña natureza demanial.

Quinta. Con data do 22.1.2004 o Concello do Grove interpuxo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do TSX de Galicia, contra a desestimación por silencio administrativo, da petición da revisión de oficio da Resolución do Xurado de Montes do 22 de xuño de 1989 no referente ao monte da Lanzada alegando o artigo 62 da Lei 30/1992, ao entender que o procedemento podería estar viciado por falta de audiencia ao Concello do Grove no procedemento de clasificación, do cal se irrogaría unha posible indefensión.

Este recurso tramitouse finalmente perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, logo de declaración de incompetencia do TSX de Galicia, co número 111/2004, e finalizou coa Sentenza 28/2006, do 5 de febreiro, a cal foi estimatoria das pretensións dos recorrentes, anulando a resolución e ordenando ao Xurado de Montes que procedese a tramitar pola súa vía, ata a súa resolución final, o procedemento revisorio no que a dito monte (A Lanzada) atinxise.

Esta sentenza foi impunada, pola súa vez, polo Xurado de Montes de Pontevedra perante o TSX de Galicia, ben que o recurso foi desestimado por medio de Sentenza do 8 de maio de 2008, que confirmou integramente a Sentenza 28/2006.

Sexta. Como consecuencia do anterior, e en cumprimento da referida sentenza, con data 2 de novembro de 2010, o Xurado Provincial de Montes de Pontevedra dita resolución pola que acorda a inadmisión do recurso de revisión e confirma en todos os seus termos a Resolución do Xurado do 22.6.1989, e isto con base nos seguintes razoamentos que pasamos a transcribir:

«Terceiro. O motivo esgrimido polo Concello do Grove para solicitar a revisión de oficio do acto de clasificación susténtase no feito de que o procedemento podería estar viciado por falta de audiencia e un erro manifesto canto á extensión, de xeito que a resolución podería estar viciada de nulidade radical na medida en que supón a adquisición de certas facultades dun dereito se se carece dos requisitos esenciais para isto (artigo 62.1.e) da Lei 30/1992 ou de anulabilidade por producirse indefensión ao Concello ao non darlle audiencia no procedemento de clasificación.

(…) Sexto. Canto á manifestación de que o procedemento podería estar viciado por falta de audiencia, lémbrese que no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 25.3.1987 foi publicado o inicio do procedemento e deuse audiencia a todos os posibles interesados.

Pretender a nulidade da resolución por falta de notificación persoal cando se acudiu á notificación edictal non vulneraría o previsto no artigo 62, pois o Concello puido examinar o expediente e aducir durante todo este tempo o que estimase oportuno para a defensa dos seus dereitos, sen que tales alegacións se presentasen; de feito o artigo 59.6 da Lei 30/1992 lexitima a publicación en lugar da notificación cando se trata de procedementos en que podería existir unha pluralidade indeterminada de persoas.

Sétima. A raíz do anterior, por medio de escrito do 8 de febreiro de 2011, a representación do Concello do Grove solicitou a execución forzosa da sentenza asegurando que o órgano encargado da execución non cumprira a decisión xudicial, xa que a Resolución de novembro de 2010 que acordaba a inadmisión do recurso de revisión tiña como finalidade, segundo alegacións do Concello do Grove, eludir o cumprimento da condena recollida na sentenza.

Tendo en conta o anterior, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra acordou por medio da providencia do 8 de febreiro de 2011 oír todas as partes, trámite no cal se presentaron as correspondentes alegacións.

Oitava. Finalmente, con data do 5 de maio de 2011, recibiuse neste órgano un auto ditado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra no cal, após a oportuna fundamentación xurídica, dispoñía o seguinte:

«1.º Declaro nula a Resolución do 2 de novembro de 2010 do Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra, que inadmitiu a trámite a solicitude de revisión de oficio formulada polo Concello do Grove contra a súa propia Resolución do 22 de xuño de 1989 sobre clasificación do monte denominado A Lanzada.

2.º Ordeno ao Xurado Provincial de Montes de Pontevedra que acredite documentalmente ante este Xulgado ter tramitado e resolto en forma expresa o procedemento de revisión de oficio contra esa resolución antes do 26.10.2011 (…)».

Novena. Unha vez recibido este auto, e para os efectos de darlle debido cumprimento, convocouse coa maior brevidade posible unha reunión do Xurado de Montes en cuxa orde do día se incluía expresamente este asunto.

Nela nomeouse relatora a vogal Lorena Peiteado Pérez e acordouse iniciar e impulsar o procedemento de revisión por todos os seus trámites, ditándose o oportuno acordo de incoación con data do 27 de outubro de 2011, o cal foi notificado, segundo consta acreditado polos correspondentes avisos de recepción que constan no expediente, a todas e cada unha das partes interesadas con emprazamento polo termo de dez días para realizar as alegacións pertinentes, todo o anterior acompañado da paralela publicación da incoación do procedemento de revisión de oficio no DOG.

Décima. Con data do 9 de novembro de 2011 presentou alegacións Roberto Garrido Pérez, en calidade de presidente da CMVMC de Noalla manifestando a súa oposición á solicitude de revisión de oficio instada polo Concello do Grove e demais consideracións en defensa dos seus intereses.

Con data do 22 de novembro de 2011 presentou alegacións o Concello do Grove reproducindo o xa manifestado en sede contenciosa, que, en esencia, se reconduce á falta da preceptiva audiencia do Concello no procedemento de clasificación coa conseguinte indefensión determinante de nulidade do artigo 62 da Lei 30/1992.

Así mesmo, constan unidas ao expediente de revisión de oficio alegacións da CMVMC de San Vicente do Grove e da CMVMC de San Martiño do Grove, defendendo un suposto aproveitamento exclusivo sobre a parcela afectada pero sen posicionarse en relación á revisión en si.

Finalmente, con data do 28 de decembro de 2011 recíbense alegacións do Concello de Sanxenxo pedindo que se resolva de maneira negativa a revisión de oficio.

Décimo primeira. Con data do 16 de decembro de 2011, e de acordo co preceptuado no artigo 84.2 da Lei 30/1992, ábrese o trámite de audiencia outorgando un prazo de dez días para que todas as partes afectadas, con carácter previo á redacción da presente proposta de resolución, puidesen manifestar canto considerasen oportuno en prol da axeitada defensa.

Décimo segunda. Unha vez esgotado o prazo para a presentación de alegacións no trámite de audiencia, con data do 13 de xaneiro de 2012 dítase a correspondente proposta de resolución favorable á revisión de oficio, que foi notificada a todas e cada unha das partes.

Décimo terceira. Con igual data, 13 de xaneiro de 2012, a instrutora elabora a petición de informe ao Consello Consultivo de Galicia para a emisión do informe preceptivo de acordo co previsto no artigo 102 da Lei 30/1992, xuntando á dita petición copia da proposta de resolución e de todo o expediente de revisión tramitado.

Décimo cuarta. Con data do 8 de xaneiro de 2012 recíbese ditame emitido polo Consello Consultivo de Galicia a favor da proposta de resolución remitida ao considerar que a omisión do trámite de audiencia respecto do Concello do Grove, en canto titular rexistral, irrogou indefensión determinante da nulidade prevista no artigo 62.1.e) da Lei 30/1992.

Aos anteriores antecedentes resultánlles de aplicación os seguintes fundamentos de dereito:

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man común é o órgano competente para a revisión de oficio dos seus actos de conformidade co disposto no artigo 102 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Segundo. No tocante ao fondo do asunto, e concretando o fundamento legal do presente procedemento de revisión de oficio, arredor do cal se debe centrar o ditame do Consello Consultivo, solicitado con esta mesma data, é preciso advertir que este responde á revisión dun acto que se entende viciado por causa de nulidade de pleno dereito das previstas no artigo 62 da LRXPAC, particularmente na súa alínea 1.e) e, por tanto, susceptible de revogación pola vía do artigo 102 do mesmo texto legal.

Sentada a premisa anterior e pasando a analizar a posible concorrencia da causa de nulidade invocada polo Concello do Grove en relación á Resolución de 1989 de clasificación do denominado monte da Lanzada como veciñal a favor da CMVMC de Noalla por suposta omisión do trámite de audiencia, é preciso advertir desde este mesmo instante que a cuestión non é pacífica como evidencia o volume do propio expediente e dilación no tempo da presente problemática.

Non obstante, tomando en consideración a prolixa documentación obrante no expediente, os fundamentos de dereito recollidos na Sentencia 28/2006 que puxo fin ao procedemento ordinario seguido perante o Xulgado do Contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra 111/2004, estimatoria das pretensións do Concello do Grove, así como na Sentenza do TSX de Galicia do 8 de maio de 2008 (que confirma integramente a anterior) e a propia xurisprudencia sentada en asuntos idénticos ao presente polo Tribunal Supremo, podemos entender que a omisión do trámite de audiencia con carácter previo á cualificación como veciñal en man común do monte da Lanzada causou indefensión ao Concello do Grove, incorrendo a resolución na causa de nulidade do artigo 62.1.e) da Lei 30/1992.

En concreto, e de xeito detallado, no fundamento de dereito terceiro da Sentenza 28/2006 recóllese un dato fundamental que este Xurado, en prol da axeitada protección do dereito de defensa do Concello aquí afectado non pode ignorar, sobre todo cando a dita resolución xudicial é firme e produce efectos vinculantes para este órgano canto á resolución da presente problemática.

«Terceiro. Certamente, a clasificación dun monte como veciñal en man común prodúcese cando existe un aproveitamento consuetudinario do monte polos veciños, en réxime de comunidade e sen asignación de cotas (artigo 1 da LMVMC), acreditación que se debe pór de manifesto coa instrución do correspondente expediente administrativo, no cal deben ser inescusablemente notificadas desde a súa fase inicial as personas ou entidades a cuxo favor apareza inscrito no Rexistro da Propiedade algún título relativo ao monte, sen prexuízo da necesaria publicación edictal para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 10 da mesma lei.

(...) E polo demais, xa fose maior ou menor a superficie do monte que era propiedade da entidade demandante, o certo é que figuraba como titular rexistral, de modo que tiña que ter sido oída no expediente e debeu térselle notificado a Resolución do 22.6.1989 (artigo 10.2 LMVMC), o que significa que se lle debe impor ao Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra a obriga de dar á petición de revisión de oficio o trámite previsto nos artigos 102 ou 103 da Lei 30/1992».

Estes mesmos argumentos son empregados polo TSX de Galicia en diferentes sentenzas, así como polo TS, citando a título ilustrativo a Sentenza do 20 de marzo de 1991 (tamén invocada polo Concello do Grove nos seus escritos de alegacións) que no seu fundamento de dereito segundo conclúe: «determinándose no artigo 10.2 da LMVMC a procedencia de conceder audiencia aos interesados e de notificar inescusablemente o procedemento, na súa fase inicial, ás persoas a cuxo favor apareza inscrito no RP algún título relativo ao monte, resulta evidente que, ante tales circunstancias y en presenza de tal explícita normativa, tornábase inoperante a mera notificación por edictos ou pola publicación no boletín da provincia».

Pola súa parte, o Consello do Estado no seu ditame núm. 1337/1994 en relación a esta controversia, e entrando a valorar a posible configuración da omisión do trámite de audiencia como unha causa determinante de nulidade xustificativa do oportuno procedemento de revisión dispón: «non basta coa omisión de tal trámite, xa que resulta necesario ponderar en cada caso as consecuencias producidas por tal omisión á parte interesada, a falta de defensa que realmente teña orixinado e, sobre todo, o feito de que tivese podido variar o acto administrativo orixinario en caso de terse observado o trámite omitido».

Por tanto, en plena consonancia co antedito, debe relativizarse o rigorismo no caso de omisión do trámite de audiencia entendendo, en palabras da xurisprudencia e do Consello do Estado (ditame núm. 6.175/1997, do 19 de febreiro) que «só poderá entenderse ditado o acto prescindindo total e absolutamente do procedemento cando a falta de audiencia produce indefensión efectiva e real no interesado», engadindo que «esta situación non se dá cando o interesado tivese podido defender o seu dereito en calquera fase das actuacións, aínda que non fose no estrito trámite de vista e de audiencia».

Esta última consideración evidencia que non estamos en presenza dun problema de resposta fácil e indubitable, de aí a postura mantida polo Xurado ata este momento.

Non obstante, e dado que a xurisprudencia maioritaria e máis recente se postula a favor de entender que a publicación edictal non é suficiente en casos como o presente, cando o interesado aparece como titular rexistral, sendo preceptiva a notificación persoal, para favorecer a axeitada protección do dereito de defensa do Concello do Grove e asegurar un procedemento de clasificación garantista e protector de todos os intereses en xogo, este organismo considera que concorre a causa de nulidade prevista no artigo 62.1.e) da Lei 30/1992.

Enténdese, en efecto, que a publicación feita no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra dando audiencia a todos e cada un dos posibles interesados, pero sen emprazamento persoal ao Concello do Grove, a pesar de aparecer no Rexistro de Propiedade, foi inoperante por insuficiente, irrogando indefensión xeradora da nulidade que agora se declara, tal e como se recolle nas sentenzas ditadas polo Xulgado Contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra, a que xa fixemos alusión, como a sentenza do TSX de Galicia confirmatoria da anteriror, a cuxa decisión debe aterse este Xurado de Montes.

Finalmente, polo que respecta ás alegacións presentadas pola CMVMC de Noalla, en absoluto empecen a anterior conclusión pois que son reprodución do xa alegado no seo do procedemento contencioso-administrativo finalizado a día de hoxe por sentenza xudicial firme, da cal dimana a obriga de incoar e seguir o presente procedemento de revisión.

Así, se ben é certo que nun primeiro momento este Xurado tivo en conta tanto a extemporaneidade da solicitude de revisión como a suposta mala fe do Concello do Grove, ao entender acreditado o seu coñecemento anterior do procedemento de clasificación, non podemos obviar, como xa sinalamos, que existe unha sentenza xudicial de carácter firme que xa abordou todas estas consideracións con decisión condenatoria para esta parte, polo que non sería de recibo denegar neste momento a revisión con base nas mesmas consideracións, pois o único que se conseguiría sería dilatar indefinidamente no tempo este expediente.

En relación co anterior e sobre o efecto vinculante que as sentenzas xudiciais firmes teñen respecto da Administración, débese a colación o previsto no artigo 103 da LXCA, segundo o cal:

«1. A potestade de facer executar as setenzas e demais resolucións xudiciais corresponde exclusivamente aos xulgados e tribunais desta orde xurisdicional, e o seu exercicio compete a quen coñecese do asunto en primeira ou única instancia.

2. As partes están obrigadas a cumprir as sentenzas na forma e termos que nelas se consignen.

3. Todas as persoas e entidades públicas e privadas están obrigadas a prestar a colaboración requirida polos xuíces e tribunais do contencioso-administrativo para a debida e completa execución do resolto.

4. Serán nulos de pleno dereito os actos e disposicións contrarios aos pronunciamentos das sentenzas que se diten coa finalidade de eludir o seu cumprimento.

5. O órgano xurisdicional a quen corresponda a execución da sentenza declarará, por instancia de parte, a nulidade dos actos e disposicións a que se refiere o número anterior, polos trámites previstos nos números 2 e 3 do artigo 109, salvo que careza de competencia para isto conforme o disposto nesta lei».

No tocante ao manifestado polas demais partes, en especial polas CMVMC de San Martiño e San Vicente do Grove, simplemente se debe subliñar que se trata de cuestións de fondo, propias do procedemento de clasificación e, por tanto, alleas ao obxecto fundamental do presente procedemento de revisión de oficio.

Xa para rematar, resta sinalar que todas e cada unha das afirmacións condensadas ao longo da presente argumentación xurídica se ven ratificadas polo ditame emitido polo Consello Consultivo de Galicia unido ao expediente e de carácter vinculante, do cal se poden extraer como consideracións máis importantes as seguintes:

«Neste senso é evidente, por tanto, que o Concello agora solicitante da revisión de oficio se atopou no curso do procedemento aquí analizado en clara indefensión, por canto se aprecia no expediente remitido que non lle foi notificada nin a incoación (artigo 14 da LMVMC) privándoo deste xeito de exercer o dereito ao recurso, tanto en vía administrativa como contenciosa.

O exame da nulidade do acto debe ficar unicamente nestes termos, sen entrar a valorar as cuestións que o Concello do Grove manifesta sobre aspectos substantivos tales como a extensión do circundado, dado que tales aspectos deben ser, precisamente, obxecto de valoración no procedemento de elaboración do acto en cuestión».

Vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, e de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia o Xurado de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en uso das facultades que ten conferida, por unanimidade de todos os seus membros resolve:

A revisión da Resolución do Xurado de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra do 22.6.1989, en virtude da cal se clasificou como veciñal en man común o monte da Lanzada a favor da CMVMC de Noalla, por concorrer nela a causa de nulidade do artigo 62.1.e) da Lei 30/1992, coa conseguinte retroacción do procedemento de clasificación ao seu inicio e sen que esta declaración de nulidade prexulgue en si mesma a titularidade do predio ou o carácter de veciñal en man común do referido monte a favor do Concello de O Grove».

Pontevedra, 27 de febreiro de 2012.

Gerardo Zugasti Enrique
Xefe territorial de Pontevedra