Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 7 de xuño de 2012 Páx. 21959

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 126/2012, do 24 de maio, polo que se establece e se regula o sistema de información sobre o consumo de bebidas alcohólicas en menores.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, establece a competencia da Comunidade Autónoma para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior. No seu artigo 33.1 establece as competencias da nosa Comunidade Autónoma para facer efectivo o dereito constitucional á protección da saúde.

O artigo 37 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, establece que lle corresponde á Xunta de Galicia a competencia para «o establecemento e xestión do sistema de información sobre consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade».

O artigo 3.15.º da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, define a saúde pública como o conxunto de iniciativas, actividades e servizos organizados polas administracións públicas para mellorar a saúde da poboación mediante intervencións colectivas ou sociais, que teñen por obxecto a identificación e modificación, se é o caso, dos factores protectores e de risco para a saúde que evitan ou condicionan a aparición de morbilidade, mortalidade prematura e discapacidade.

O artigo 34.2.º da citada Lei 8/2008 recolle, entre as formas de intervención pública sobre actividades, centros e bens, o establecemento de sistemas de información e rexistro sobre patoloxías, perigos e riscos para a saúde ou poboacións específicas.

A Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, enmárcase no contexto das políticas de saúde pública que as administracións públicas deben promover e completar con programas de prevención e control, segundo o mandato especificado no seu articulado.

O artigo 1 da mesma lei inclúe dentro do seu obxecto a regulación de actuacións e iniciativas no eido da prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade e, en especial, aquelas encamiñadas a «establecer o sistema de información sobre resultados de aplicación da norma».

O artigo 17 da citada lei refírese especificamente ao dito sistema de información sobre o consumo de bebidas alcohólicas en menores, que servirá para «recadar, procesar, analizar e difundir información sobre os factores de risco e protectores, sobre a incidencia e prevalencia destes comportamentos, sobre as actuacións en materia de prevención e sobre os centros e programas». Establécese ademais que o dito sistema estará «integrado no sistema de información de saúde de Galicia definido no artigo 71 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia» (sistema de información de saúde de Galicia).

A nivel organizativo, a xestión do sistema de información que se establece mediante o presente decreto quedará asignada ao órgano da Consellería de Sanidade con competencias en materia de saúde pública, contando co apoio da unidade que teña atribuídas as competencias en materia de prevención de trastornos adictivos.

O sistema terá entre as súas finalidades recadar, procesar, analizar e difundir información sobre factores de risco, así como a incidencia e prevalencia do consumo de bebidas alcohólicas en menores, como elementos fundamentais para a definición de indicadores e programas preventivos eficaces, así como para o seguimento da súa eficacia e a análise na toma de decisións.

Así mesmo, establécense os principios básicos do sistema, as áreas de información, o procedemento para a obtención desta, a definición dos usuarios e os mecanismos de acceso, seguridade e avaliación.

Na súa virtude, de conformidade co previsto no artigo 37 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e catro de maio de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Este decreto ten por obxecto desenvolver o previsto no artigo 17 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, mediante o establecemento e a regulación do sistema de información sobre o consumo de bebidas alcohólicas en menores.

O sistema a que se refire o presente decreto quedará integrado no sistema de información de saúde de Galicia previsto no artigo 71 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Artigo 2. Adscrición.

De conformidade co disposto no artigo 17.8 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, a xestión do sistema de información queda asignado ao órgano directivo con competencias en materia de innovación e xestión da saúde pública.

Para tal efecto, a unidade administrativa á que lle corresponda a xestión dos sistemas de información de saúde pública contará coa colaboración e asistencia da unidade que teña atribuídas as competencias en materia de prevención de trastornos adictivos.

Artigo 3. Finalidades.

O sistema de información sobre o consumo de bebidas alcohólicas en menores terá como finalidades:

a) Recadará, procesará, analizará e difundirá información sobre os factores de risco e protectores, sobre a incidencia e prevalencia do consumo de bebidas alcohólicas en menores, sobre as actuacións en materia de prevención e sobre os centros e programas dispoñibles.

b) Servirá para a definición daqueles indicadores que permitan a avaliación continuada das iniciativas e programas emprendidos en relación coa prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores, tendo en conta as recomendacións internacionais.

c) Definirá e recollerá aquela información que permita coñecer, estudar e avaliar a situación epidemiolóxica do consumo de bebidas alcohólicas por menores e os progresos e avances na consecución dos obxectivos marcados pola Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

d) Así mesmo, deberá facilitar o intercambio de información relevante para a toma de decisións entre as distintas organizacións implicadas no desenvolvemento e a aplicación da Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

Artigo 4. Principios básicos.

O sistema de información sobre o consumo de bebidas alcohólicas en menores artellarase sobre os seguintes principios básicos:

a) Accesibilidade.

b) Dispoñibilidade.

c) Calidade da información.

d) Protección de datos persoais.

e) Avaliación continua.

Artigo 5. Áreas de información.

O sistema de información sobre o consumo de bebidas alcohólicas en menores recollerá, como mínimo, información das seguintes áreas:

a) Factores condicionantes (de risco ou protectores) para o consumo de bebidas alcohólicas por menores e, en particular, factores sociodemográficos, educativos ou económicos.

b) Prevalencia, incidencia, cambios nos patróns de consumo e outros indicadores relevantes do consumo ou da demanda de bebidas alcohólicas por menores.

c) Actividade clínico-asistencial e dispoñibilidade de recursos sanitarios relacionada co consumo de bebidas alcohólicas por menores.

d) Dispoñibilidade e cobertura dos programas, actuacións ou medidas preventivas previstas na Lei 11/2010.

e) Grao de implantación das medidas previstas no capítulo II do título I da Lei 11/2010, en relación á limitación da oferta de bebidas alcohólicas a menores.

f) Actividade sancionadora das distintas administracións implicadas, de conformidade co previsto no artigo 30 da citada Lei 11/2010, así como a aplicación da substitución das sancións disposta no artigo 28 desta.

g) Grao de apoio da sociedade ás medidas adoptadas con base no previsto na Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

h) En xeral, aquela información sobre políticas e actuacións relacionadas co previsto na Lei 11/2010.

Artigo 6. Procedemento de obtención de información.

1. A información contida no sistema de información sobre o consumo de bebidas alcohólicas en menores obterase dos sistemas de información sanitarios existentes, públicos ou de xestión pública, así como das persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que sexan expresamente requiridas.

Os sistemas de información xestionados por institucións ou organizacións privadas do eido da saúde pública, integraranse na medida en que sexan requiridos e por medio dos instrumentos que especificamente se establezan para tal efecto, garantindo en todo caso a observancia da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

2. Para os efectos indicados, o órgano directivo que ten atribuída a xestión do sistema de información sobre o consumo de bebidas alcohólicas en menores, poderá requirir a calquera entidade pública ou privada os informes, protocolos, documentos ou a notificación de cantos datos axeitados, pertinentes e non excesivos, con interese e relevancia para a saúde pública que sexan precisos para os fins de información previstos na da Lei 11/2010.

3. De acordo cos artigos 6.2 e 11.2.f) da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, as administracións sanitarias non precisarán obter o consentimento das persoas afectadas para o tratamento dos datos para os fins deste sistema de información, e tampouco para a súa cesión cando teña por obxecto a realización de estudos epidemiolóxicos, nos termos establecidos na normativa sanitaria aplicable.

O mandato contido no artigo 17 da Lei 11/2010 substitúe o contrato de tratamento a que alude a normativa aplicable en materia de protección de datos de carácter persoal.

4. En todo caso, os órganos de colaboración previstos no artigo 2 deste decreto codificarán os datos persoais para garantir a súa confidencialidade, a calidade da información, a evitación de asignacións erróneas e a eliminación de duplicados. Así mesmo, deberán adoptarse cantas medidas sexan precisas para garantir a seguridade dos datos persoais e a evitación da súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado.

Artigo 7. Usuarios do sistema.

Os usuarios do sistema de información sobre o consumo de bebidas alcohólicas en menores dividiranse en tres niveis:

a) Nivel 1: usuarios membros dos órganos e unidades encargadas da xestión do sistema, de conformidade co previsto no artigo 2 deste decreto, que terán capacidade para a incorporación de datos e o acceso a toda a información deste.

b) Nivel 2: usuarios con capacidade de consulta de información vinculada ao seu ámbito de actuación ou xerada a partir dos datos achegados por aqueles, logo de requirimento previo. Neste nivel agrúpase: o persoal dos órganos e unidades encargadas da xestión do sistema que non se atopen no nivel 1; o persoal pertencente a órganos de colaboración vinculados por acordo ou convenio; as persoas físicas ou xurídicas que, logo do oportuno requirimento, achegasen datos ao sistema. Nos supostos enumerados neste nivel será preciso dispoñer de identificación e rexistro previo, que determinarán a capacidade de consulta.

c) Nivel 3: cidadáns con acceso público a través de medios electrónicos, que só poderán acceder á información agregada xerada polo sistema e baseada nun sistema de indicadores e datos estatísticos.

Artigo 8. Acceso á información.

1. O acceso á información contida no sistema destinarase ás finalidades previstas na Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

2. A información a que se acceda en ningún caso conterá datos de carácter persoal nin información sobre as persoas e institucións que a facilitasen.

3. O acceso por persoas ou institucións que proxecten realizar traballos con finalidade científica de investigación en saúde pública deberá ser autorizado polo órgano directivo a que estea adscrito o sistema, atendendo á finalidade e xustificación dos traballos que se van realizar.

4. As persoas ou institucións que, con tal finalidade, accedan á información, asumirán as seguintes obrigas:

a) Non difundir a información a terceiros, agás que o órgano directivo a que estea adscrito o sistema así o autorice.

b) Non utilizar a información para fins distintos dos declarados.

c) Eliminar os datos proporcionados, unha vez concluída a investigación.

d) Remitir ao órgano directivo a que estea adscrito o sistema copia dos traballos, estudos ou investigacións que, froito da utilización da información, vaian ser difundidos por calquera medio.

5. O incumprimento de calquera destas obrigas dará lugar á revogación do acceso, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades a que houber lugar.

6. Os órganos, entidades ou institucións colaboradoras poderán solicitar a información de interese xerada polo sistema, que sexa necesaria para o desempeño das súas funcións. Do mesmo xeito se procederá con outros departamentos da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou doutras administracións ou entidades e organismos públicos, para o exercicio lexítimo das súas competencias.

Artigo 9. Seguridade da información.

1. En todos os niveis do sistema de información sobre o consumo de bebidas alcohólicas en menores se adoptarán as medidas necesarias para garantir a seguridade dos datos, segundo o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e calquera outra normativa vixente.

2. Calquera empregado/a dun centro público ou privado que, por razón da súa actividade teña acceso aos datos do sistema de información, virá obrigado a manter segredo profesional e preservar os dereitos dos cidadáns.

3. As infraccións en materia de protección de datos rexeranse polo procedemento sancionador previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 10. Avaliación do sistema.

Establecerase un procedemento de avaliación interna continua que permita a revisión permanente do sistema, co obxecto de coñecer as súas fortalezas e debilidades, posibilitar a implantación de melloras ou modificacións e avaliar a súa utilidade e eficiencia.

Disposición adicional única. Codificación e carga de datos.

Nos supostos en que a obtención ou transmisión de datos non se poida instrumentar a través de procedementos telemáticos, corresponderalles ás unidades indicadas no artigo 2 deste decreto a codificación e carga dos datos no sistema.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento.

Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do previsto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de maio de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade