Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 18 de xuño de 2012 Páx. 23802

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 8 de xuño de 2012 pola que se convocan prazas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso 2012-2013.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, estableceuse a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 13/2012, do 4 xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, estableceuse, no seu artigo 7, a estrutura básica da Consellería de Traballo e Benestar. A dita consellería conta cunha Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado á cal corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, segundo dispón o artigo 34 do Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

Neste senso, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado desenvolve o programa de fomento da actividade xuvenil, para o que dispón dunha serie de instalacións, entre as cales se atopan as residencias xuvenís.

Como é habitual, as citadas instalacións póñense á disposición dos/as mozos/as estudantes, mais este ano, como novidade, resérvase un 9% das prazas para a mocidade traballadora.

As prazas ofrécense en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza; ademais, nas residencias ofrécense unha serie de actividades convivenciais e educativas, a través das cales se intenta fomentar os valores sociais, culturais e deportivos dos/as mozos/as residentes e de calquera outro que puidese beneficiarse do labor sociocultural nas actividades que se programan.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto convocar para o curso académico 2012/2013, en réxime de concorrencia competitiva, 225 prazas para mozos e mozas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Con esta oferta póñense as residencias xuvenís ao servizo da xuventude que por razóns de estudo ou traballo se vexa obrigada a permanecer fóra do concello ou provincia onde ten a súa residencia familiar.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias son as seguintes:

Cidade

Residencia

Núm. prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

76 Home/muller

Ourense

Florentino L. Cuevillas

55 Home/muller

Vigo

Altamar

94 Home/muller

Do total de prazas resérvase un 9% para mozos e mozas que desempeñen unha actividade estatutaria, funcionarial ou laboral, tanto se é por conta propia como allea, distribuídas do seguinte xeito:

Cidade

Residencia

Núm. prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

7 Home/muller

Ourense

Florentino L. Cuevillas

5 Home/muller

Vigo

Altamar

8 Home/muller

No suposto de que non se cubran todas as prazas, as restantes ofertaranse a estudantes.

Cando o número de solicitudes supere a reserva establecida, para a adxudicación das prazas aplicaranse os criterios de selección establecidos no artigo 5.

Artigo 2. Período da estadía

O período máximo de estadía das persoas beneficiarias será de 10 meses e estará comprendido entre o 1 de setembro de 2012 e o 30 de xuño de 2013.

As persoas beneficiarias que teñan a condición de estudantes iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia coincidindo co curso académico en que estivesen matriculadas (respectando sempre o período máximo antes indicado) e, en todo caso, concluirán a súa estadía co remate dos estudos desenvolvidos.

En calquera caso as persoas beneficiarias deberán iniciar a súa estancia na residencia como prazo máximo o 15 de outubro.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

3.1. Requisitos xerais.

Poderán optar ás prazas obxecto da presente convocatoria os mozos e as mozas que reúnan os seguintes requisitos:

– Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.

– Que non superen os 30 anos de idade na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

– Non ter perdido a condición de residente por causa imputable á persoa solicitante.

3.2. Requisitos para mozos e mozas estudantes.

– Cursar estudos de ciclos formativos de grao medio, de bacharelato, de ciclos formativos de grao superior, estudos universitarios tendentes á obtención de título de grao ou equivalente ou ben, mentres non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios, estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria, ou estudos superiores en ensinanzas artísticas.

– Que no concello onde radique a súa residencia familiar non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante. Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios, nos cales o/a solicitante non acade a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia familiar.

3.3. Requisitos para mozos e mozas traballadores/as.

– Que o lugar de traballo teña o enderezo nunha provincia distinta ao lugar de residencia familiar da persoa solicitante.

– No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida, terá que ter unha duración mínima de 9 meses contado desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

– No caso de ser unha persoa traballadora autónoma por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, cunha anticipación mínima de 3 meses á publicación da presente convocatoria.

– Ter cumpridos os 18 anos na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Solicitude

4.1. A solicitude efectuarase utilizando os impresos normalizados que figuran nos anexos I e II segundo corresponda para persoas estudantes ou traballadoras que, no caso de que o/a solicitante sexa menor de idade, deberá ir asinada polo/a pai/nai ou titor/a legal.

As solicitudes tamén se poderán presentar en formato electrónico segundo o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

4.2. Xunto coa solicitude, todas as persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

– Só no caso de que a persoa interesada non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade, fotocopia do DNI para persoas españolas ou equivalente para nacionais doutros estados membros da Unión Europea, ou tarxeta de residencia da persoa solicitante no caso de naturais doutros países.

– Fotocopia de todas as follas do libro de familia en que figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar.

– Fotocopia do título de familia numerosa, de ser o caso. Cando este título fose emitido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso achegalo sempre e cando se autorice expresamente na solicitude o acceso telemático a estes datos.

– Só no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de residencia, acreditación, a través dun certificado de empadroamento en que figurará a composición da unidade familiar a que pertenza o/a solicitante, de posuír a residencia familiar en Galicia ou ser fillo/a de emigrantes. No caso de producirse un cambio de domicilio nos últimos 2 meses, o/a interesado/a deberá achegar o certificado directamente ou sinalar o concello para o que efectuou o cambio.

– Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar.

– Xustificación de ingresos da unidade familiar: A persoa interesada autorizará expresamente na solicitude á Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, a través de medios informáticos ou telemáticos. As demais persoas con ingresos que compoñen a unidade familiar, deberán asinar o número 2 do anexo IV.

De non prestar consentimento expreso á Consellería de Traballo e Benestar para a obtención dos datos tributarios a que se refire o punto anterior, terán que presentar copia da declaración do IRPF, correspondente ao último exercicio, de cada persoa da unidade familiar obrigada a declarar ou, se é o caso, certificación emitida pola AEAT de non ter a obriga de declarar.

No suposto de que non sexa posible achegar a devandita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.

– Certificación médica que acredite o embarazo no momento de presentación da solicitude de axuda, se é o caso.

– Acreditación de ser muller vítima de violencia de xénero, se é o caso, por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que son:

a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.

c) Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

d) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

g) Calquera outra que se estableza regulamentariamente.

– Acreditación da condición de orfandade, se é o caso.

– Acreditación da condición de discapacidade igual ou superior ao 33% de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar. No caso de documentos emitidos pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso achegar a devandita acreditación se cada persoa da unidade familiar con minusvalidez recoñecida, autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para o acceso telemático dos seus datos. Así, cando a condición de discapacidade a teña o/a solicitante, abondará con marcar o recadro correspondente da solicitude; noutro caso deberase asinar o número 1 do anexo IV.

4.3. No caso de solicitantes estudantes tamén deberán presentar:

– Certificación académica orixinal ou copia en que figuren as notas das disciplinas correspondentes ao último curso. No caso de que fose o último curso de bacharelato LOXSE, xuntarase certificación académica da selectividade. No caso de non ser requisito necesario realizar a selectividade, certificación académica do último curso do bacharelato LOXSE.

– Fotocopia da preinscrición na facultade ou escola universitaria, ou ciclo formativo de grao superior ou grao medio correspondente para os/as alumnos/as que vaian cursar o primeiro ano de estudos universitarios de grao medio ou superior, ou primeiro ano do ciclo formativo de grao superior ou grao medio. No caso de tratarse de estudantes de bacharelato, solicitude de praza no centro en que pretenda cursar estudos, condicionado a que no seu momento presente a formalización da matrícula.

– Acreditación da situación de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai ou do/da titor/a legal, se é o caso.

4.4. No caso de persoas traballadoras, deberán presentar, ademais da documentación xeral:

– Copia do nomeamento se a relación de traballo é funcionarial ou estatutaria.

– Copia do contrato laboral en vigor se a relación de traballo é laboral.

– Certificado do tempo cotizado no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social.

4.5. A solicitude, xunto coa restante documentación, deberá presentarse preferentemente en calquera dos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso da solicitude telemática, mediante sinatura electrónica, procederase á transferencia telemática da documentación ao Rexistro electrónico da Xunta de Galicia regulado no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

4.6. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contado desde o día seguinte ao da publicación no DOG da presente orde.

Se o último día de prazo for inhábil, enténdese prorrogada ata o primeiro día hábil seguinte.

4.7. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 5. Criterios de selección

Cando o número de solicitudes para cada residencia supere a dispoñibilidade de prazas, estas serán asignadas segundo o baremo establecido neste artigo.

5.1. Baremo aplicable a todas as persoas solicitantes:

– Aqueles/as que xa foron residentes en cursos anteriores e cuxo comportamento e/ou rendemento académico os fagan merecentes: 2 puntos.

Este criterio preferente non se terá en conta para o caso daqueles/as residentes que abandonasen a residencia xuvenil antes de rematar o curso académico, excepto por enfermidade persoal ou dalgún/dalgunha familiar cos/coas que conviva, debidamente xustificada.

A admisión de persoas que xa fosen residentes en cursos anteriores queda condicionada á inexistencia dun informe desfavorable por parte da comisión cualificadora prevista no artigo 6, baseado no incumprimento das normas de réxime interno ou inadaptación á normal convivencia e mínimo respecto cívico que debe rexer nestes centros.

– Renda da unidade familiar. Terase en conta a relación de ingresos/número de persoas que compoñen a unidade familiar. Para estes efectos, poderanse incluír como membros da unidade familiar os/as fillos/as menores de 25 anos de idade, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria.

En cumprimento do establecido no artigo 6.2 da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, terase en conta o seguinte:

• Computarase que a unidade familiar da que forme parte a muller embarazada está integrada por un ou máis membros adicionais desde o momento da fecundación, dependendo no número de fillos/as que espere, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio.

• Se a nai xestante non forma parte da unidade familiar, entenderase que, polo feito de estar embarazada, a constitúe.

Puntuarase segundo o seguinte baremo:

• Inferior ao 50% do IPREM: 4 puntos.

• Entre o 50% e o 75% do IPREM: 3 puntos.

• Superior ao 75% e inferior ao 100% do IPREM: 2 puntos.

• Entre o 100% e o 125% do IPREM: 1 punto.

• Superior ao 125% do IPREM: 0 puntos.

– Situación de familia numerosa:

• Categoría xeral: 0,25 puntos.

• Categoría especial: 0,50 puntos.

– Condición de orfandade: 0,50 puntos.

– Discapacidade de calquera membro da unidade familiar: 0,50 puntos por cada membro da unidade familiar con minusvalidez igual ou superior ao 33%.

– Ter a súa residencia familiar en Galicia: 1 punto.

– Por calquera outra circunstancia sociofamiliar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión cualificadora e axeitadamente acreditada como a condición de familia monoparental, ou por irmán/á-áns/ás con praza renovada na residencia: 1 punto.

– Mulleres en estado de xestación: 1 punto.

– Mulleres vítimas de violencia de xénero, sempre que a acreditación da dita circunstancia tivese sido emitida nos doce meses anteriores á data da presentación da solicitude: 1 punto.

5.2. No suposto de que as persoas solicitantes sexan estudantes, terase en conta:

– Cursar estudos:

• Universitarios, estudos superiores en ensinanzas artísticas: 1 punto.

• Ciclos formativos de grao superior, medio ou bacharelato: 2 puntos.

– Rendemento académico segundo a nota media obtida no último curso ou na proba de selectividade. A puntuación neste caso corresponderase coa dita nota media.

– Situación laboral de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai ou do/da titor/a legal: 1 punto por cada situación.

5.3. No suposto de que as persoas solicitantes sexan traballadoras, terase en conta:

– A duración da relación laboral, que será como mínimo de 9 meses, contados desde a data de remate de presentación de instancias, valorarase con 5 puntos. Esta valoración incrementarase 1 punto máis por cada mes de duración do contrato ata un máximo de 10 puntos. Os contratos de duración indeterminada ou indefinida, así como a relación estatutaria ou funcionarial de carácter permanente, valoraranse con 8 puntos.

– No caso de traballadores/as por conta propia, a alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, que deberá terse producido cunha anticipación mínima de tres meses desde a data en que remate o prazo de presentación de instancias, valorarase en 5 puntos, incrementándose 1 punto máis por cada mes que teña cotizado no dito réxime, ata un máximo de 10 puntos.

Artigo 6. Comisión cualificadora

6.1. A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase na xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos e constituída por:

– Presidente/a: a persoa que exerza a xefatura do Servizo de Xuventude e Voluntariado da correspondente provincia.

– Vogais:

Unha persoa que exerza a xefatura de sección do Servizo de Xuventude e Voluntariado desa provincia.

As persoas que exerzan a dirección das residencias xuvenís situadas nesa provincia.

– Secretario/a: unha persoa funcionaria nomeada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente.

6.2. A comisión cualificadora reserva para si o dereito de solicitar a documentación que estime necesaria para aclarar a valoración das solicitudes.

Artigo 7. Resolución da convocatoria

7.1. Cada comisión cualificadora confeccionará una lista por orde de puntuación das solicitudes recibidas para a respectiva residencia e elevará proposta de resolución en que figurará a relación de beneficiarios/as ordenados/as segundo os criterios indicados no artigo 5, no prazo máximo de dous meses contado desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes, ao/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que será quen resolva no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

As persoas que non obtivesen praza pasarán a formar parte dunha lista de espera, ordenada segundo a orde de puntuación obtida en aplicación do baremo indicado no artigo 5.

Con posterioridade á primeira proposta de resolución, poderanse realizar outras sen necesidade de que se reúna de novo a comisión cualificadora, sempre que se respecte a orde da lista de espera.

7.2. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela pódese interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben, no caso de silencio administrativo, no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7.3. Unha vez resolta a presente convocatoria para cada unha das residencias xuvenís, os servizos de xuventude das xefaturas territoriais respectivas notificaranlles ás persoas interesadas a resolución de adxudicación. Así mesmo, as listas de admitidos/as serán expostas nas residencias xuvenís, no rexistro xeral e nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, e na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e no Centro de Información Administrativa e Atención ao Cidadán de Santiago de Compostela.

7.4. No caso de non ditar resolución expresa nun prazo de 4 meses desde a data de publicación da orde no DOG, entenderase desestimada a solicitude correspondente.

7.5. No caso de seren admitidos/as terán que presentar os seguintes documentos:

– Fotocopia da tarxeta sanitaria ou, na súa falta, calquera outro documento de asistencia médica e farmacéutica.

– Certificado de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa e de vacinacións.

– Dúas fotografías tamaño carné.

– Xustificante bancario de pagamento de dúas mensualidades correspondentes ao primeiro mes de estadía do ano 2012 e ao último do ano 2013.

O pagamento dos meses de setembro/outubro e maio/xuño será proporcional aos días de estadía na residencia.

– Se a persoa beneficiaria ten a condición de estudante, fotocopia do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que vai cursar ou, no caso do alumnado de terceiro ciclo, certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente conforme a persoa interesada está realizando o doutoramento naquel.

A dita documentación terán que presentala no servizo de xuventude da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde radique a residencia xuvenil correspondente, ou na mesma residencia adxudicada, no prazo de 10 días hábiles contados desde aquel en que reciban a comunicación de admisión, excepto a fotocopia do xustificante de matrícula ou o certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 2012, con excepción do establecido no artigo 4.3, parágrafo 2, para o caso de alumnos/as de primeiro curso. No caso de que o/a interesado/a non poida presentar a fotocopia do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente, debendo, non obstante, presentar a fotocopia do resgardo de matrícula no momento en que a faga.

Artigo 8. Renuncia e perda do dereito

8.1. A renuncia dunha praza da cal fosen adxudicatarios/as deberase facer por escrito e enviarse á xefatura territorial correspondente. Esta renuncia producirá os efectos económicos do artigo 9.4.

En todo caso, aqueles/as adxudicatarios/as que non presenten a documentación requirida no prazo establecido, entenderanse decaídos/as no seu dereito.

8.2. En ambos os casos, a praza que resulte vacante cubrirase conforme a lista de espera confeccionada pola comisión cualificadora. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

Artigo 9. Condicións económicas

9.1. De acordo co estipulado na letra C do anexo I da Orde do 1 de febreiro de 2012, pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á xuventude da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, durante o ano 2012 (DOG nº 28, do 9 de febreiro) a cota que haberá que aboar por mes será:

Residentes internos/as: 315,6 €.

9.2. Unha vez comunicada a admisión, farase unha entrega de dúas mensualidades en concepto de pagamento polo primeiro e o derradeiro mes de estadía na residencia. No caso de que a persoa beneficiaria sexa estudante, estes meses corresponderán aos que marque o plan de estudos de cada residente.

En ambos os casos o pagamento destes meses será proporcional aos días de permanencia na residencia, é dicir, segundo o día en que cada residente inicie e remate o curso académico ou a relación de traballo.

9.3. A cota poderase aboar por trimestre ou por mes. Os pagamentos faranse nos cinco primeiros días de cada trimestre ou mes, durante a duración do curso 2012-2013 segundo estableza o plan de estudos da persoa beneficiaria, non habendo descontos por vacacións, permisos etc.

Transcorridos 15 días desde a finalización do prazo previsto para o pagamento do prezo sen que a persoa beneficiaria realice o ingreso, poderá acordarse a perda do dereito á praza e a expulsión do beneficiario/a da instalación.

9.4. A renuncia voluntaria que se comunique 15 días despois da entrada do/da residente na residencia dará lugar á perda da devandita cantidade entregada, e a que se comunique ata a dita data dará lugar á devolución da cantidade entregada excepto da parte proporcional a media mensualidade, debendo, neste caso, solicitar a devolución da cantidade correspondente no impreso que figura no anexo III desta orde.

Artigo 10. Servizos ofertados

10.1. Ademais dos servizos de aloxamento e mantenza, as residencias xuvenís ofrecen con carácter xeral, os seguintes:

– Aula de estudo-biblioteca.

– Salas de xogos.

– TV e vídeo.

– Actividades culturais e deportivas.

– Información aos pais e/ou as nais sobre o comportamento do seu fillo/a cando os/as pais/nais o soliciten ou cando a dirección da residencia o considere necesario.

10.2. A asistencia médica e gastos farmacéuticos será por conta do/a residente e deben traer o día da incorporación a fotocopia da tarxeta da Seguridade Social ou calquera outra documentación do seguro médico de que sexa beneficiario/a (Muface, Sanitas, Adeslas etc.). Con todo, en cada residencia haberá un caixa de primeiros auxilios.

10.3. As fins de semana e festivos non se prestarán servizos de comedor.

10.4. Durante as vacacións académicas de Nadal e Semana Santa non se ofrecerán os servizos de mantenza nin de aloxamento, ben que se reservará ás persoas residentes o dereito á tenza de obxectos nos cuartos, durante calquera destes períodos vacacionais.

Artigo 11. Obrigas das persoas residentes

11.1. Os/as residentes comprometeranse a respectar e cumprir as normas de réxime interno da residencia xuvenil. O seu incumprimento, logo da tramitación do expediente disciplinario en que se respectará, en todo caso, o trámite de audiencia, poderá dar lugar, de ser o caso, á perda da condición de residente.

11.2. Os/as residentes deberán deixar os cuartos libres inescusablemente o 30 de xuño. No caso de que o/a residente sexa menor de idade, deberá abandonar a residencia as fins de semana e días non lectivos.

11.3. Os danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios, serán de responsabilidade individual dos seus autores e das súas autoras ou colectivamente de quen teña asignadas as dependencias concretas ao seu uso, tendo que aboar o seu custo.

11.4. Os/as adxudicatarios/as poderán incorporarse ás residencias xuvenís de acordo co inicio do curso académico segundo estableza o plan de estudos do/a beneficiario/a, salvo causa de forza maior debidamente acreditada. Na súa falta, entenderase que renuncian á praza adxudicada con perda dos seus dereitos, e procederase a cubrir a vacante conforme o disposto nos artigos 7 e 8.2 desta orde.

11.5. O estado de saúde do/a residente deberá, en todo momento, permitir o normal desenvolvemento da vida residencial; en caso contrario e por prescrición facultativa, debe abandonar a residencia ata a súa recuperación.

Artigo 12. Autorizacións

12.1. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e da Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve este, as persoas solicitantes poderán facer constar no formulario de solicitude o seu consentimento expreso para que a Administración verifique, de xeito telemático, os seus datos de identidade e residencia no Sistema de Verificación de Datos do Ministerio da Presidencia.

12.2. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos na solicitude se incorporarán a un ficheiro coa finalidade da xestión deste procedemento e non serán cedidos a terceiros/as, agás a outras administracións públicas que exerzan as mesmas competencias e no caso de que unha lei o previse. De acordo co establecido na Orde do 15 de decembro de 2011, o dito ficheiro, denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», é responsabilidade da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, perante a cal se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei dirixíndolle un escrito ao seguinte enderezo: edificio administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Cando a persoa solicitante facilite datos dun terceiro, aínda que se trate de menores de idade, sempre que sexan maiores de 14 anos, será a encargada de informar do contido desta cláusula a persoa titular dos datos e con carácter previo á súa inclusión no devandito ficheiro; no caso dos/as menores deberá expresalo nunha linguaxe facilmente comprensible para eles/as.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file