Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 9 de agosto de 2012 Páx. 32085

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2012 pola que se convocan probas selectivas para cubrir sete prazas da categoría profesional de técnico superior de xestión, grupo I, catro pola quenda de promoción interna e tres pola quenda de acceso libre, vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro de universidades, así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir sete prazas da categoría profesional de técnico superior de xestión, vacantes no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo sete prazas vacantes na categoría profesional de técnico superior de xestión do grupo I, do convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), catro pola quenda de promoción interna e tres pola quenda de acceso libre.

1.2. Os procesos de selección de promoción interna e de acceso libre realizaranse separadamente, e será en primeiro lugar o de promoción interna. De non cubrirse vacantes por promoción interna, acumularanse para seren cubertas por acceso libre.

1.3. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das dúas quendas de acceso.

1.4. O sistema de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.5. As persoas seleccionadas pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre os da quenda libre para a elección de praza.

1.6. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.7. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.8. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de función pública de Galicia, os Estatutos da USC, aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro, da Xunta de Galicia, o convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para ser admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún estado, ao cal, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais de algún dos demais Estados membros da Unión Europea, e cando así o prevexa o correspondente tratado, o dos nacionais dalgún estado ao cal en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de 21 anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade, sendo titular dun documento que o habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non ter acadada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalentes. No caso de que as persoas aspirantes posúan unha titulación académica estranxeira, para poder participar no proceso selectivo, deberán ter homologado previamente o título, de acordo co previsto na lexislación española.

d) Será requisito indispensable para o ingreso, ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos a persoa aspirante declarará, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría á que pretende incorporarse.

e) Non estar separado de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentenza firme para o exercicio da función pública.

f) Non estar sancionado coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do convenio colectivo para persoal laboral da USC.

g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.4.2 desta convocatoria para as persoas discapacitadas, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

2.2. As persoas aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal laboral fixo da USC.

b) Estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional.

c) Pertencer a unha categoría distinta que a das prazas ofertadas nesta convocatoria.

d) Ter unha antigüidade efectiva de polo menos seis meses como persoal laboral fixo na categoría á que pertenzan o último día do prazo de presentación de solicitudes.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá solicitalo ao reitor da USC en solicitude segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

As persoas aspirantes deberán facer constar na súa solicitude a quenda pola que se inscriben, libre ou promoción interna, segundo corresponda.

A solicitude presentarase xunto coa da seguinte documentación:

– Fotocopia do DNI ou do pasaporte.

– Fotocopia do anexo V a que se fai referencia na base 11 desta convocatoria.

– Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

– De conformidade co disposto na base 6.5 da convocatoria, as persoas aspirantes que estean exentas da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán, xuntarán para tal efecto fotocopia compulsada dos diplomas de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) ou equivalente. De non achegar esta certificación, non poderán ser declaradas exentas, e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.5.

Os antigos diplomas de español nos seus niveis, intermedio e superior serán equivalentes, para todos os efectos, aos diplomas previstos no Real decreto 264/2008, nos seguintes termos:

a) O diploma de español (nivel intermedio) será equivalente ao diploma de español (nivel B2).

b) O diploma de español (nivel superior) será equivalente ao diploma de español (nivel C2).

3.2. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso, será achegada no momento de presentar a solicitude, e non serán valorados méritos que non se atopen suficientemente acreditados documentalmente, nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes. A acreditación farase da seguinte maneira:

3.2.1. Certificado acreditativo dos servizos prestados, en que conste a categoría e os períodos nos cales se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude, se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

3.2.2. Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

3.2.3. O certificado acreditativo dos aspectos indicados nos anteriores números 3.2.1. e 3.2.2. (certificaranse os cursos que consten no expediente) expedirase de oficio para as persoas aspirantes que presten ou prestasen servizos na USC e, engadirase á solicitude da persoa aspirante.

3.2.4. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.2.5. En calquera momento a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.3. A presentación de solicitudes e da documentación indicada nos puntos anteriores farase no Rexistro Xeral da Universidade, situado na Reitoría da USC (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro s/n, 15782 Santiago de Compostela), no rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio de servizos administrativos e Biblioteca Intercentros (avda. Bernardino Pardo Ouro, polígono de Fingoi, 27002 Lugo) ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.4. Os dereitos de exame serán de 40,74 euros, que se ingresarán na conta de Novagalicia Banco «oposicións» número: 2080-0388-20-3110000646. Para realizar o ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura como anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.4.1. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.4.2. Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e tamén as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa, os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando orixinal ou copia compulsada da cualificación do grao de discapacidade ou do carné de familia numerosa segundo corresponda.

Tamén se aplicará unha bonificación do 50 % á inscrición no proceso selectivo, solicitada por persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos seis meses, antes da data de publicación desta convocatoria, e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados no parágrafo anterior, solicitarase nas oficinas do Servizo Público de Emprego e presentarase coa solicitude.

3.4.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.5. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, aquelas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na súa solicitude as necesidades de adaptacións específicas e o seu motivo.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor da USC ditará resolución declarando aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, na cal constará o nome e apelidos das persoas excluídas, o número de DNI, así como as causas que motivaran a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivasen a exclusión.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8 desta convocatoria.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III desta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.4. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír aos que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.3.

5.5. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.6. A partir da súa constitución o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presenza da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.7. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.8. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os devanditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel ca exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público, e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, o mesmo que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo o tribunal poderá dispoñer a incorporación con carácter temporal doutros funcionarios para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.9. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o número 3.5. participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vai realizar.

5.10. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame, o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Z, de conformidade co establecido na Resolución do 7 de febreiro de 2012 da Consellería de Facenda.

6.2. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal para que acrediten a súa identidade.

6.3. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento, e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se realice o primeiro deles así como na Reitoría da universidade, na páxina web http://www.usc.es/gl/goberno/xerencia/selecciondepersoal.html, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, cunha antelación de, polo menos, 24 horas á sinalada para a súa iniciación.

6.5. Persoas aspirantes con nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na cal se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro (BOE do 8 de novembro), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto; sendo necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan eximidas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten mediante fotocopia compulsada estar en posesión do diploma de español como lingua estranxeira, (nivel B2 ou nivel C2) e as persoas estranxeiras nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español. De non achegaren esta documentación, non poderán ser declaradas exentas, e deberán, en consecuencia, realizar a proba descrita anteriormente.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos por esta convocatoria, logo de audiencia á persoa interesada, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas pola persoa aspirante na súa solicitude para os efectos procedentes.

Contra esta exclusión, poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Listaxe de persoas aspirantes aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa celebración, na sede do tribunal, na páxina web http://www.usc.es/gl/goberno/xerencia/selecciondepersoal.html, e naqueles outros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida e do documento acreditativo da identidade.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I. No caso de empate, a orde de prelación será a seguinte: maior puntuación na fase de oposición, maior puntuación na fase de coñecementos específicos, maior idade, e orde alfabética.

7.6. O tribunal fará pública, para cada quenda de acceso, a listaxe das persoas aspirantes que, segundo a orde da puntuación total acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, e que en ningún caso poderá conter un número de persoas superior que o de prazas convocadas. A dita relación, que será elevada polo tribunal ao reitor da universidade xunto coa proposta de contratación a favor das persoas aspirantes que figuren nela, será publicada no taboleiro de anuncios da Reitoría.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte a aquel en que se fixese pública a relación definitiva de persoas aprobadas na reitoría da universidade, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar no Servizo de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, rúa Nova, 6, Santiago de Compostela) a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou do documento que acredite a súa nacionalidade.

b) Documento que acredite, de ser o caso, a residencia legal en España.

c) Fotocopia compulsada do título exixido.

d) Declaración xurada de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública e de non acharse inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin realizar actividade ou actividades suxeitas a incompatibilidades. As persoas aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar que non están sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

e) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Contratación como persoal laboral fixo.

9.1. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superasen, serán contratadas como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

9.2. O período de proba será de seis meses, durante os que o/a traballador/a terá os dereitos e obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse a instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable a quen estivese con anterioridade desenvolvendo funcións similares na USC.

10. Adxudicación do posto de traballo.

10.1. As persoas aspirantes deberán solicitar por orde de preferencia, as prazas vacantes que previamente se lle oferten.

10.2. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. A solicitude deberá ir acompañada dun informe expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

11. Listaxes de espera.

11.1. Elaboraranse listaxes de espera, tanto para promoción interna como para acceso libre, coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción por campus, as persoas aspirantes presentarán a solicitude que figura como anexo V desta convocatoria, xunto coa solicitude de admisión ás probas selectivas.

12. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2012

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: técnico superior de xestión

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican para as quendas de promoción interna e de acceso libre, agás as exencións previstas na descrición do primeiro e cuarto exercicio.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o cuarto que será obrigatorio e non eliminatorio, para as persoas que se presenten pola quenda de acceso libre.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acreditasen documentalmente xunto coa solicitude, estar en posesión do certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo, e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 120 preguntas tipo test con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes aos bloques de coñecementos específicos que figuran no programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para a realización deste exercicio será de dúas horas.

Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo do 60 % do total das respostas correctas.

Terceiro exercicio: proba práctica. Consistirá en resolver por escrito, cos datos e documentación que proporcione o tribunal, un suposto práctico relacionado co temario específico. A documentación facilitada poderá estar toda ou en parte, en lingua inglesa e o/a aspirante poderá contestar en inglés ou en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Posteriormente, o tribunal convocará as persoas aspirantes para a lectura e defensa do exercicio en sesión pública, e cualificará valorando os coñecementos, a capacidade de síntese, a claridade e orde de ideas, así como a súa forma de presentación e exposición.

Finalizada a intervención, o tribunal poderá formularlle preguntas ao/a opositor/a, sobre aspectos do suposto desenvolvido. Coa finalidade de avaliar as competencias de comprensión escrita e expresión oral, algunhas das preguntas realizaranse en lingua inglesa, ás cales o/a aspirante deberá contestar tamén nesta lingua.

O tempo máximo para a realización do exercicio escrito será de catro horas, e para a defensa e preguntas do tribunal, as persoas aspirantes disporán de trinta minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 35 puntos. Para aprobar será necesario obter un mínimo de 17,5 puntos.

Cuarto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Estarán exentas de realizar este exercicio, as persoas aspirantes que se presenten pola quenda de promoción interna.

Consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 30 preguntas tipo test, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos non específicos do programa.

O tempo para a súa realización será de 40 minutos, e valorarase de 0 a 5 puntos.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

II. Fase de concurso.

Quenda de promoción interna: máximo 35 puntos.

Experiencia: máximo 30 puntos.

• Na mesma categoría ou categoría equivalente nas administracións públicas: valorarase a 0,40 puntos/mes, ata un máximo de 20 puntos. Para estes efectos consideraranse equivalentes os servizos prestados na seguinte escala e categoría: escala técnica superior de administración da USC; titulado superior na OXVI e na OIT. Non se valorará o tempo traballado en categoría superior por atribución temporal de funcións.

• Noutras categorías nas administracións públicas: valorarase a 0,08 puntos/mes, ata un máximo de 10 puntos.

Formación, valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións das prazas convocadas, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Celga 5: 0,75 puntos.

• Outros cursos de galego impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con aptitude: 0,02 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con asistencia: 0,01 puntos/hora.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. Os celgas valoraranse a partir do nivel superior ao exixido na convocatoria para o acceso.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

Quenda de acceso libre: máximo 30 puntos.

Experiencia: máximo 25 puntos.

• Na mesma categoría ou categoría equivalente na USC: valorarase a 0,40 puntos/mes. Para estes efectos consideraranse equivalentes os servizos prestados na seguinte escala e categoría: escala técnica superior de administración da USC; titulado superior na OXVI e na OIT.

• Na mesma categoría ou categoría equivalente noutras administracións públicas: valorarase a 0,10 puntos/mes.

• Noutras categorías da USC: valorarase a 0,10 puntos/mes.

Formación: valorarase igual que para promoción interna, ata un máximo de 5 puntos.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan serán resoltas por unha comisión composta por dous representantes da Xerencia e dous en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación das prazas: técnico superior de xestión

Programa

Coñecementos específicos:

A. A Innovación. Aspectos básicos. Sistemas de Innovación.

1. Conceptos xerais sobre a actividade de I+D: investigación, ciencia e tecnoloxía. A cadea de valor do coñecemento. A sociedade do coñecemento.

2. O proceso de innovación. Modelos. Tipos de innovación. Innovación aberta.

3. Os sistemas de innovación. Subsistemas e relacións. Contornos. As relacións entre os elementos dos contornos científico e tecnolóxico: o seu papel difusor do coñecemento.

4. A Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Lei de economía sustentable: aspectos relevantes na xestión da investigación e a transferencia de resultados.

5. A medición da actividade I+D: indicadores de produción científica, indicadores de I+D e transferencia de tecnoloxía. A medición das actividades de innovación: indicadores de referencia.

6. O Sistema nacional de innovación en España. O Sistema público de I+D. Indicadores de referencia.

7. O Sistema rexional de innovación na Comunidade Autónoma de Galicia. Axentes e contornos esenciais. Indicadores de referencia.

8. As estruturas de interface nos sistemas de innovación: funcións que desempeñan, procesos que desenvolven. Tipoloxía. As estruturas de interface nas universidades españolas.

9. Organización da I+D na Universidade de Santiago de Compostela. Estruturas de apoio á xestión de I+D e a transferencia na Universidade de Santiago de Compostela.

B. Financiamento e xestión da investigación.

10. Organización administrativa da I+D en España. Instancias de coordinación. Órganos de planificación e xestión da política científica e I+D.

11. Estratexia nacional de ciencia e tecnoloxía (ENCYT). Estratexia estatal de innovación (E2I).

12. Proxectos de I+D en convocatorias nacionais. Ciclo de vida das axudas públicas: convocatorias, proxecto, avaliación das propostas, concesión e xustificación.

13. O Plan nacional de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica. Instrumentos para a cooperación en I+D.

14. A Estratexia Universidade 2015. O programa de Campus de Excelencia Internacional. Participación da USC no programa de Campus de Excelencia Internacional: Campus Vida e Campus do Mar.

15. Organización administrativa da I+D na Comunidade Autónoma de Galicia. Instancias de coordinación. Órganos de planificación, dirección e de xestión.

16. Programas de financiamento de I+D na Comunidade Autónoma de Galicia. Tipos de instrumentos. Características das convocatorias desde o punto de vista da súa xestión.

17. O espazo europeo de investigación. O Programa marco de I+D da Unión Europea. Estrutura e formas de participación. O proceso de participación. Outros programas europeos para o financiamento da I+D.

18. Atracción e captación de talento. Interese e programas de apoio a nivel nacional e europeo para a mobilidade e a incorporación de investigadores ao sistema de I+D.

19. Elaboración, planificación, seguimento e control de proxectos de I+D. Tipoloxía de proxectos. Aspectos esenciais na xestión de proxectos de I+D. Aspectos específicos na xestión de proxectos europeos de I+D.

20. O artigo 83 da Lei orgánica de universidades. O seu desenvolvemento e aplicación na Universidade de Santiago de Compostela. Tipoloxía de contratos de I+D. Estrutura do contrato e da súa memoria técnica. Cláusulas. Orzamento dos traballos.

21. I+D en colaboración: investigación, desenvolvemento ou innovación conxunta. Os acordos de consorcio en I+D. Definición de estruturas de xestión e goberno. Acordos e regulación do coñecemento preexistente e o coñecemento xerado. Responsabilidades.

C. Xestión de resultados de I+D: valorización e transferencia.

22. Metodoloxías de identificación e avaliación de resultados de investigación. Potencial de innovación. Criterios tecnolóxicos e criterios de mercado. Metodoloxías para a identificación de tecnoloxías competidoras e expectativas de mercado.

23. Protección de resultados de investigación: invencións. Marco lexislativo e normativo. Patentabilidade. Procedemento de solicitude e de concesión de patentes. O informe sobre o estado da técnica.

24. Documento de patente. Estrutura e partes. Requisitos formais e de contido. As patentes como fontes de información. Bases de datos de patentes.

25. Convenio da Unión de París para a protección da propiedade industrial: obxecto e principios básicos. A prioridade unionista. O Tratado de cooperación en materia de patentes (PCT). Solicitude internacional. Informe de busca internacional. Aplicación en España do PCT.

26. O Convenio de Munich sobre concesión de patentes europeas e a súa aplicación en España: fases do procedemento.

27. Aplicación do marco lexislativo e normativo español de propiedade intelectual á xestión dos resultados de investigación.

28. Outras formas de protección de resultados de investigación con compoñente técnica e aplicación industrial: variedades e obtencións vexetais e topografías de produtos semicondutores. Bases de datos e rexistros de material biolóxico.

29. A xestión dos dereitos de propiedade industrial nas universidades. Aspectos esenciais nas normativas de patentes universitarias. Regulamento de patentes na USC.

30. Valoración de resultados de investigación. Conceptos básicos dos métodos baseados no custo, no mercado e nos ingresos. Posibilidades e limitacións.

31. Programas de maduración de resultados e «proba de concepto»: xustificación, obxectivos e propostas. Experiencias destacadas a nivel nacional (Innocash, Valtec, Fundación Genoma) e internacional (Government´s University Challenge Seed Fund Scheme en Inglaterra, e programas de «Gap Funding» en universidades de Estados Unidos.

32. Os contratos licenza. Tipoloxía de contratos de licenza. Estrutura do contrato. Cláusulas. Peculiaridades da súa aplicación no entorno universitario.

33. Marketing e comercialización de resultados. Accións, canles e soportes para a localización de potenciais licenciatarios, contactos profesionais (networking), redes e medios sociais (web 2.0), presenza na internet e marketing en línea, eventos, visitas etc.

D. Emprendemento e xestión de proxectos empresariais.

34. Emprendemento universitario. Fomento da actitude emprendedora. Os procesos de preincubación e de incubación de empresas na universidade.

35. A spin-off como mecanismo de transferencia de tecnoloxía. Definición, tipoloxía e posibilidades que ofrece. Aspectos legais sobre os spin-off académicos.

36. Estrutura, obxecto e contido do plan de negocio. Idea de negocio. Identificación do mercado e dos clientes. Estudos de custos de produción e de comercialización.

37. Xestión económica: fundamento e utilidade do análise dos fluxos de caixa. Concepto de tesouraría e conta de perdas e ganancias. Utilidade do balance e conta de explotación.

E. Calidade e acreditación.

38. Principios básicos da calidade. ¿Que é a calidade?. Sistema de aseguramento da calidade. Manual de calidade: conceptos básicos e terminoloxía. Procedementos normalizados de traballo: conceptos básicos, fins e utilidade para todo tipo de organizacións.

39. Os sistemas integrados de xestión: coñecementos básicos e exemplos de xestión integral. Desenvolvemento e aplicación da norma UNE-EN ISO 9001: conceptos básicos e principios xerais. Implantación dun sistema de xestión ambiental segundo ISO 14001: definición e conceptos básicos.

40. Acreditación de laboratorios de ensaio segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17025: conceptos básicos. Procedementos normalizados de traballo. Boas prácticas de laboratorio. Conceptos básicos de estatística para a calidade e a acreditación.

Coñecementos non específicos:

1. A Constitución de 1978: estrutura e contido.

2. O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Requisitos e eficacia dos actos administrativos. Motivación e notificación, nulidade e anulabilidade dos actos administrativos.

3. O procedemento administrativo común. Iniciación, ordenación, instrución e terminación. A revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio. O silencio administrativo.

4. Os recursos administrativos.

5. A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

6. O Estatuto básico do empregado público: clases de persoal ao servizo das administracións públicas. Dereitos e deberes. Código de conduta do empregado público.

7. Texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores: dereitos e deberes laborais básicos. Clasificación profesional e promoción no traballo. Mobilidade funcional e xeográfica. Dos dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores na empresa. Da negociación dos convenios colectivos.

8. O convenio colectivo do persoal laboral da USC.

9. Estatutos da USC (1): réxime económico e financeiro.

10. Estatutos da USC (2): órganos de goberno unipersoais e colexiados. Clases e réxime xurídico do PAS.

11. Estrutura das ensinanzas universitarias oficiais. As ensinanzas universitarias oficiais: grao, máster e doutorado.

12. Lei de prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas.

13. Dereitos e deberes lingüísticos na USC.

14. Políticas públicas para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

15. A calidade na universidade española. Organismos que xestionan a mellora da calidade nas universidades. Instrumentos utilizados para a xestión, mellora e avaliación da calidade universitaria: conceptos básicos.

Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame, e nese caso deben entenderse referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III

Denominación da praza: técnico superior de xestión

Tribunal titular

Presidente:

– Fernando Gil Sotres, catedrático de universidade da USC.

Vogais:

– Carlos Alberto Gómez Otero, funcionario de carreira do subgrupo A1 da USC.

– Elena Marta Vázquez Martínez, persoal laboral do grupo IV 1 da USC.

– María Isabel Vaquero Quintela, persoal laboral do grupo I da USC.

Secretario:

– Emilio Santos Vigo, funcionario de carreira do subgrupo A1 da USC, que actuará con voz e voto.

Tribunal suplente

Presidente:

– Paulino Martínez Portela, catedrático de universidade da USC.

Vogais:

– Antonio Luis Llamas Saiz, persoal laboral do grupo I da USC.

– Carlos Tarrío Carrodeguas, persoal laboral do grupo I da USC.

– Manuel Blanco López, persoal laboral do grupo IV 1 da USC.

Secretaria:

– Carmen Martí Fernández, funcionaria de carreira do subgrupo A1 da USC, que actuará con voz e voto.

missing image file
missing image file