Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 19 de novembro de 2012 Páx. 43353

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 8 de novembro de 2012 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de máster nas universidades da Coruña e Vigo.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de xaneiro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e dispón no seu capítulo VI o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos deberán ser verificados polo Consello de Universidades e someterse a un procedemento de acreditación cada seis anos no caso dos graos e doutoramentos e catro nos de máster, contados desde a data da súa verificación inicial ou a súa última acreditación, co fin de manter a súa acreditación.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do Sistema universitario de Galicia, no Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011.

No artigo 12 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma se fará por orde da consellería competente en materia de universidades e se publicará no Diario Oficial de Galicia. O Pleno do Consello Galego de Universidades do día 2 de xullo de 2012, de acordo co previsto no artigo 5.j) da Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades, emitiu informe favorable sobre a solicitude de implantación de determinados títulos universitarios oficiais de máster.

As universidades, logo de ser autorizadas para implantar estudos, quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos levará consigo o inicio do procedemento de revogación.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Conceder autorización á Universidade da Coruña para implantar as ensinanzas universitarias oficiais de:

– Máster universitario en Avogacía.

– Máster universitario en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental.

Artigo 2

Conceder autorización á Universidade de Vigo para implantar as ensinanzas universitarias oficiais de:

– Máster universitario en Avogacía.

– Máster universitario en Enxeñaría Informática.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria