Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 25 de marzo de 2013 Páx. 8847

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 49/2013, do 21 de marzo, polo que se crean e se transforman institutos de educación secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, competencia que o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, atribúe á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 1.3º do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, publicado no DOG do 19 de agosto de 1996, en relación coa Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que a creación e a supresión destes centros docentes se realizará mediante decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Os centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, que se regulan polo Decreto 266/2007, do 28 de decembro, serán autorizados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar, logo do ditame do Consello Galego de Formación Profesional.

Para a racional distribución das ensinanzas que se imparten nos centros docentes existentes no concello de Ames (A Coruña) e as necesidades educativas previstas para a zona, na cal se deu un aumento considerable de poboación escolar nos últimos anos, coa saturación do único centro de educación secundaria existente na localidade, que obriga a escolarizar alumnado no concello limítrofe de Santiago de Compostela, é necesaria a creación dun novo instituto de educación secundaria no Milladoiro (Ames).

Para proporcionar solucións formativas aos principais sectores da economía que demandan cualificación e formación profesional en Galicia é necesario contar cunha axeitada rede de centros integrados de formación profesional, baseada no uso eficiente dos recursos dispoñibles, polo que dous institutos de educación secundaria das provincias de Lugo e Ourense se transforman en centros integrados de formación profesional.

Polo que antecede, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de marzo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación dun instituto de educación secundaria

Créase o instituto de educación secundaria do Milladoiro, código 15032807, no concello de Ames, con capacidade para 16 unidades de educación secundaria obrigatoria e 4 unidades de bacharelato.

Artigo 2. Transformación de institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional

1. Transfórmanse en centros integrados de formación profesional o seguintes centros:

Código 27006528 IES As Mercedes, Lugo.

Código 32008902 IES A Carballeira-Marcos Valcárcel, Ourense

2. Como consecuencia, as ensinanzas de educación secundaria e bacharelato destes centros trasládanse aos institutos que a continuación se relacionan:

CIFP As Mercedes: distribuíranse entre os IES da localidade de Lugo.

CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, ao IES O Couto de Ourense.

Disposición adicional primeira. Situación do profesorado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria determinará as necesidades e a situación do profesorado dos centros afectados por este decreto, en aplicación do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el, e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional segunda. Redistribución de efectivos

1. Con carácter previo á oferta dos postos de traballo docentes do centro educativo do Milladoiro que se crea no artigo 1 deste decreto no correspondente concurso xeral de traslados, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar un único proceso de redistribución de efectivos entre o persoal docente do corpo de profesores de ensino secundario con destino definitivo no concello de Santiago de Compostela.

2. O persoal quedará adscrito con carácter definitivo ao centro de nova creación, e computaráselle para todos os efectos a antigüidade xerada no centro de orixe.

Disposición adicional terceira. Implantación das ensinanzas

O cambio de ensinanzas previsto neste decreto realizarase integramente no curso académico 2013-2014.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de marzo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria