Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2013 Páx. 11425

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de abril de 2013 pola que se regulan as probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior de ciclos formativos de formación profesional dos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

A Estratexia 2020 da Unión Europea resume o marco estratéxico para a cooperación europea no ámbito da educación e da formación nesta década, e establece como un dos seus obxectivos estratéxicos facer realidade a aprendizaxe permanente dentro dos países da Unión. As políticas de educación e formación deben permitir que toda a cidadanía, independentemente das circunstancias persoais, sociais e económicas, adquira, actualice e desenvolva durante toda a vida tanto unhas aptitudes profesionais específicas como as competencias clave necesarias para a súa empregabilidade, así como apoiar a aprendizaxe continua, a cidadanía activa e o diálogo intercultural.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma regular a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolvan.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no seu artigo 8 que os títulos de formación profesional teñen carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, e que os devanditos títulos acreditan as correspondentes cualificacións profesionais ás persoas que os obtiveron e, se é o caso, producen os correspondentes efectos académicos segundo a lexislación aplicable. Así mesmo, na súa disposición adicional sétima determina que as administracións públicas promoverán as accións educativas e/ou formativas necesarias para que as persoas que participaron no proceso de avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral poidan cursar os módulos profesionais necesarios para completar e conseguir, así, un título de formación profesional.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 5 que todas as persoas deben ter a posibilidade de se formar ao longo da vida, dentro e fóra do sistema educativo, co fin de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, os seus coñecementos, as súas habilidades, as súas aptitudes e as súas competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Así mesmo, no seu artigo 69.4, establece que as administracións educativas, no ámbito das súas competencias, organizarán periodicamente probas para obter directamente algún dos títulos de formación profesional, sempre que se demostre que se alcanzaron os obxectivos establecidos no seu artigo 40, así como os fixados nos aspectos básicos do currículo respectivo.

O Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, regula no seu artigo 36 as probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior. Ademais, no seu artigo 43, establécese que a acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación deberá obterse mediante o procedemento establecido no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, e que as administracións educativas promoverán que as persoas que participaron no procedemento de avaliación e acreditación de competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral poidan completar a formación necesaria para a obtención dun título de formación profesional.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, establece no seu artigo 24 que a consellería con competencias en materia de educación convocará anualmente probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior, e que na convocatoria correspondente se determinarán os ciclos formativos e os centros docentes públicos designados para a realización das probas, así como o período de matriculación e as datas de realización. Así mesmo, establece que as probas se realizarán de xeito diferenciado por módulos profesionais e tomarán como referencia os resultados de aprendizaxe e os criterios de avaliación dos currículos dos ciclos formativos vixentes.

A Orde do 12 de xullo de 2011 regula o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial.

En coherencia con todo o anterior, e para favorecer a aprendizaxe permanente e vías flexibles de acceso á titulación de técnico e técnico superior de formación profesional que lles permitan ás persoas adultas accederen ao mundo laboral ou continuaren a súa formación, procede determinar as bases para regular as probas establecidas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para a obtención directa dos títulos de técnico e técnico superior de formación profesional, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o anterior, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

CAPÍTULO I
Obxecto e finalidade

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, e establecer, con carácter ordinario, en centros públicos, a realización dunha convocatoria anual dos ciclos formativos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2. Finalidade

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 5 que todas as persoas deben ter a posibilidade de se formar ao longo da vida, e que o sistema educativo debe facilitar e as administracións públicas deben promover que toda a poboación chegue a alcanzar unha formación de educación secundaria postobrigatoria ou equivalente. Consonte o anterior, as probas que se regulan nesta orde teñen por finalidade permitir ás persoas participantes obteren directamente algún dos títulos de técnico ou de técnico superior de formación profesional, sempre que demostren que alcanzaron os obxectivos establecidos na citada Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, para a formación profesional, así como os fixados no currículo respectivo.

CAPÍTULO II
Convocatoria e requisitos das persoas solicitantes

Artigo 3. Convocatoria

1. A oferta de probas libres estará vinculada á oferta existente nos centros públicos no réxime ordinario, no réxime para as persoas adultas na modalidade presencial e no réxime para as persoas adultas na modalidade a distancia.

2. Realizarase unha convocatoria anual de probas libres para a obtención de títulos de formación profesional establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en todos os centros públicos, dos ciclos formativos de formación profesional que teñan autorizados, naqueles módulos profesionais que conten con alumnado matriculado no curso académico correspondente.

Consonte o establecido no artigo 24.2 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá realizar convocatorias de probas específicas, de carácter extraordinario, en datas e/ou lugares diferentes, destinadas a determinados colectivos.

3. Poderán ser obxecto de avaliación na devandita convocatoria todos os módulos profesionais dos ciclos formativos autorizados, agás os módulos profesionais de formación en centros de traballo (FCT) e de proxecto, que se regulan segundo o disposto nos artigos 16 e 17 desta orde.

4. En cada convocatoria, as persoas solicitantes só poderán ser admitidas e matriculadas nun único centro en módulos profesionais dun mesmo ciclo formativo e nun único grupo vinculado á oferta existente no centro de réxime e modalidade correspondente, a que se refire o punto 1 deste artigo.

5. As persoas que se matriculen nestas probas non consumirán convocatoria para os efectos do número máximo de convocatorias en que o alumnado poderá ser avaliado dun mesmo módulo profesional, establecidas na normativa vixente. Non obstante, as persoas que non superen algún módulo profesional dun ciclo formativo tras a segunda convocatoria de proba libre só poderán matricularse nas probas libres de módulos profesionais dese ciclo formativo no caso de que haxa vacantes logo de resolto o proceso de admisión o que se refire artigo 10.

6. As persoas que esgoten o número máximo de convocatorias establecidas na normativa vixente nalgún módulo profesional, con independencia do réxime ou da modalidade en que os cursaron, poderanse presentar a esta convocatoria de probas libres, coa finalidade de obter o título correspondente.

Artigo 4. Calendario de desenvolvemento da proba

As probas realizaranse no mes de xuño, co fin de lles posibilitar ás persoas aspirantes a participación no proceso de admisión de ciclos formativos do seguinte curso académico.

Artigo 5. Prazas dispoñibles

1. Con carácter xeral, os centros públicos a que se refire o artigo 3 desta orde convocarán dez prazas por cada un dos grupos autorizados que conformen a oferta de cada módulo profesional do ciclo formativo obxecto de proba libre. Para os efectos do cómputo do número de prazas teranse en conta todos os réximes e/ou modalidades ofertados no centro.

Excepcionalmente, a xefatura territorial que corresponda da consellería con competencias en materia de educación poderá modificar o límite establecido, considerando as posibilidades organizativas do centro.

2. De acordo co establecido no artigo 24.2 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, do total de prazas que se ofrecen reservarase un 10 % para as persoas solicitantes con discapacidade.

Artigo 6. Requisitos das persoas solicitantes

1. Para poderen acceder á realización das probas libres obxecto desta orde correspondentes a un título de técnico ou de técnico superior, as persoas aspirantes deberán cumprir o seguinte:

a) Algunha das condicións de acceso a que se refire o artigo 36 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, e ademais:

– Ter dezaoito anos, para os títulos de técnico.

– Ter vinte anos, para os títulos de técnico superior, ou dezanove anos no caso de posuír xa o título de técnico.

Malia o anterior, coa finalidade de facilitar a formación permanente, a integración social e a inclusión de persoas e de grupos desfavorecidos no mercado de traballo, se houber vacantes logo de resolto o proceso de admisión a que se refire artigo 10, poderán acceder á realización das probas dos módulos profesionais asociados a unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais as persoas adultas que, sen cumprir as condicións de acceso, teñan acreditada unha experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo de dous anos nunha actividade laboral directamente relacionada co sector profesional do ciclo formativo correspondente.

b) Con carácter xeral, non estar matriculado/a en ciclos formativos de formación profesional nin ter causado baixa no correspondente curso académico.

Excepcionalmente, no caso de que haxa vacantes logo de resolto o proceso de admisión a que se refire artigo 10, poderán acceder á realización das probas as persoas matriculadas polo réxime de persoas adultas para a superación dos módulos profesionais do mesmo ciclo formativo, sempre que os teñan suspensos de cursos académicos anteriores e non se atopen matriculadas neles no curso académico de realización da proba.

c) Non estar en posesión dun título de formación profesional declarado equivalente ao correspondente título de formación profesional establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, obxecto da proba.

2. O incumprimento dalgúns destes requisitos suporá a anulación da matrícula na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

CAPÍTULO III
Admisión e matrícula

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

Con carácter xeral, o prazo de presentación de solicitudes será durante os derradeiros dez días hábiles do mes de abril.

Artigo 8. Solicitudes de admisión e documentación que presentarán as persoas solicitantes

1. As persoas que soliciten participar nas probas libres dos módulos profesionais presentarán unha única instancia, segundo o modelo do anexo I, que entregarán no centro onde se imparta o ciclo formativo solicitado en primeiro lugar e irán dirixidas ao seu director ou directora. Na instancia farase constar, por orde de preferencia, os ciclos formativos, os centros onde se impartan, e a súa oferta vinculada ata un máximo de seis opcións. No campo de oferta vinculada, as persoas solicitantes indicarán para cada opción a letra que corresponda das seguintes posibilidades:

– A. Para solicitar a admisión en módulos no grupo vinculado á oferta existente no centro no réxime ordinario.

– B. Para solicitar a admisión en módulos no grupo vinculado á oferta existente no centro no réxime para as persoas adultas na modalidade presencial.

– C. Para solicitar a admisión en módulos no grupo vinculado á oferta existente no centro no réxime para as persoas adultas na modalidade a distancia.

O modelo de solicitude estará dispoñible na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.es, nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

En caso de que a persoa solicitante presente máis dunha instancia, non se terá en conta ningunha delas e será excluída do proceso. Procederase de igual xeito respecto das instancias que se presenten fóra de prazo.

2. Deberase xuntar á solicitude a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento de identificación: DNI (no caso de non autorizar na solicitude a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade), NIE, pasaporte ou documento de identidade da Unión Europea.

b) Se a persoa solicitante cumpre os requisitos xerais de acceso establecidos no artigo 6.1.a) desta orde, presentará a certificación oficial correspondente.

c) Se a persoa solicitante acredita experiencia laboral, presentará a seguinte documentación:

c.1) Para traballadores e traballadoras asalariados.

– Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña ou da mutualidade laboral en que se teña afiliación, onde conste a empresa, o grupo de cotización e o período de contratación (vida laboral).

– Certificación da empresa en que se adquirira a experiencia laboral, que reflicta especificamente a duración dos períodos de prestación de servizos, a categoría laboral, a actividade desenvolvida, o período en que se realizou a devandita actividade e os ciclos formativos relacionados. A certificación presentarase segundo o modelo de anexo II.

c.2) Para traballadores e traballadoras autónomos ou por conta propia.

– Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña, dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial correspondente (vida laboral).

– Descrición da actividade desenvolvida e o intervalo de tempo en que esta se realizou, e os ciclos formativos relacionados, segundo o modelo establecido no devandito anexo II.

d) Se a persoa solicitante xa ten módulos superados do ciclo formativo ou unidades de competencia acreditadas que os validen, deberá presentar a correspondente certificación acreditativa.

e) Se ten dezanove anos e un título de técnico, deberá presentar o depósito do título de técnico (só no caso de solicitar ciclos formativos de grao superior).

f) Se solicita recoñecemento de necesidades especiais, xuntará o certificado do recoñecemento do grao de minusvalidez e ditame técnico facultativo (só no caso de non dar o consentimento para que o órgano xestor poida realizar a consulta do ditame de discapacidade, no caso de que esta fose recoñecida polo órgano competente da Xunta de Galicia).

Artigo 9. Baremo para a admisión

1. En caso de existiren máis solicitudes que prazas ofrecidas para cada ciclo formativo, o baremo que se aplicará para seleccionar as persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 6, aspiren a unha praza será o seguinte:

a) Pola experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo dun ano nun sector produtivo directamente relacionado co ciclo formativo: 3 puntos por cada ano, ata un máximo de 15 puntos. A fracción de ano computarase a razón de 0,25 puntos por cada mes completo.

b) Pola experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo dun ano nun sector produtivo non relacionado co ciclo formativo: 1,2 puntos por cada ano, ata un máximo de 6 puntos. A fracción de ano computarase a razón de 0,1 puntos por cada mes completo.

c) Por módulos xa acreditados do ciclo formativo ou unidades de competencia acreditadas que os validen: 2,25 puntos por cada módulo.

2. Con estes criterios elaborarase a listaxe de solicitantes ordenada de maior a menor puntuación.

3. En caso de empate entre varias persoas solicitantes, e co obxectivo de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representado na área profesional en que se demande a praza. De persistir o empate, resolverase mediante sorteo público.

Artigo 10. Resolución do procedemento de admisión de solicitantes e matrícula

1. Os centros educativos, logo de analizar a documentación presentada, farán pública a relación provisional de persoas solicitantes no taboleiro de anuncios, ordenada alfabeticamente, con indicación da puntuación conseguida, no prazo máximo de tres días hábiles desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Esta publicación realizarase, así mesmo, na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es/fp.

2. Contra esta listaxe, as persoas solicitantes poderán presentar ante a dirección do centro a correspondente reclamación, no prazo de tres días hábiles desde tal publicación.

3. Logo de resolver as reclamacións presentadas, os centros educativos farán pública a relación definitiva de persoas solicitantes no taboleiro de anuncios, ordenada alfabeticamente, con indicación da puntuación conseguida, no prazo máximo de tres días hábiles desde a finalización do prazo de presentación de reclamacións a que se refire o punto anterior.

Contra esta relación definitiva, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada no prazo máximo dun mes, ante o xefe ou a xefa territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

4. No prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da relación definitiva de persoas solicitantes a que se refire o punto anterior, farase pública a relación definitiva de persoas admitidas en cada ciclo formativo, no taboleiro de anuncios dos centros educativos e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, onde aparecerán as persoas admitidas, segundo a oferta vinculada, por orde decrecente de puntuación.

5. No prazo máximo de tres días hábiles, as persoas adxudicatarias deberanse matricular nas secretarías dos centros correspondentes, no ciclo formativo en que foron admitidas, naqueles módulos profesionais que desexen dos que o centro teña ofertados na correspondente oferta vinculada, segundo o modelo establecido na normativa vixente.

6. Se despois do período de matrícula a que se fai referencia no punto 5 anterior existiren prazas vacantes nos módulos profesionais e non houber lista de espera, liberaranse as prazas ata o derradeiro día do mes de maio para que as persoas interesadas que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 6 poidan matricularse. Os centros efectuarán a matrícula por estrita orde de chegada das solicitudes.

A relación dos ciclos formativos coa condición de liberados e o número de prazas dispoñibles en cada módulo profesional poderase consultar na páxina web:
http://www.edu.xunta.es/fp.

CAPÍTULO IV
Comisións de avaliación e desenvolvemento da proba

Artigo 11. Comisións de avaliación

1. En cada centro no cal se realicen as probas crearase unha comisión de avaliación por cada equipo docente dos ciclos formativos autorizados, que terá as seguintes funcións:

a) Elaboración da programación e deseño das probas para cada un dos módulos profesionais do ciclo formativo, agás o módulo de Formación en Centros de Traballo e o módulo de Proxecto dos ciclos formativos de grao superior.

b) Organización e desenvolvemento das probas.

c) Avaliación e cualificación das probas.

d) Elaboración das actas da avaliación.

e) Proposta de resolución das reclamacións presentadas.

f) Outras que a dirección do centro lle encomende, dentro do seu ámbito de competencias.

2. A devandita comisión estará presidida, con carácter xeral, polo profesor ou a profesora que exerza a titoría, que se encargará de coordinar o resto do equipo docente, baixo as directrices da xefatura do departamento da familia profesional a que pertenza o ciclo formativo.

3. Cada módulo profesional que se ofreza para cada grupo de proba libre será avaliado por un único membro do profesorado que, con carácter xeral, será o profesor ou a profesora que se encargue de impartilo no curso académico, e asinará as actas de avaliación correspondentes.

4. No caso dos centros que ofrezan o mesmo módulo profesional dun ciclo formativo a diferentes grupos de alumnado, no mesmo ou en diferente réxime e/ou modalidade, as comisións de avaliación correspondentes deberán acordar a mesma programación para o módulo a que se refire a alínea a) do punto 1 deste artigo.

5. A dirección do centro coordinará as comisións de avaliación para un correcto desenvolvemento das probas.

Artigo 12. Deseño e programación das probas

1. Consonte o artigo 9 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, os módulos profesionais están constituídos por áreas teórico-prácticas de coñecemento, en función das competencias profesionais, persoais e sociais do correspondente título. Xa que logo, as probas axustaranse aos currículos dos ciclos formativos e organizaranse en dúas partes, unha teórica e outra práctica, que permitan evidenciar, baseándose nos criterios de avaliación correspondentes, se a persoa aspirante alcanzou os resultados de aprendizaxe establecidos para cada módulo profesional.

2. Realizarase unha programación da proba libre de cada módulo, agás a do módulo de Formación en Centros de Traballo e a do módulo de Proxecto dos ciclos formativos de grao superior, que será elaborada polo profesor ou a profesora que se encargue de impartilo no curso académico.

A programación de cada módulo axustarase ao modelo establecido no anexo III, e deberá concretar os seguintes aspectos:

– Identificación da programación.

– Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación para as dúas partes da proba.

– Mínimos exixibles para alcanzar a avaliación positiva e os criterios de cualificación.

– Características da proba e instrumentos necesarios para o seu desenvolvemento.

3. Co fin de garantir o dereito das persoas aspirantes a seren avaliadas con plena obxectividade, consonte o establecido na normativa vixente, a programación da proba libre terá como referente a correspondente programación presentada para o módulo profesional no curso académico de realización da proba, segundo o modelo do anexo XIII da Orde do 12 de xullo de 2011. Por tanto, terase en conta que:

a) A programación da primeira parte da proba deberá deseñarse cos criterios de avaliación do currículo do módulo relacionados cos coñecementos teóricos que deberá demostrar a persoa aspirante. Para estes efectos incorporará, como mínimo, os criterios de avaliación da correspondente programación presentada para o módulo profesional, aos cales se lles asignou como instrumento de avaliación unha proba escrita ou similar e foron considerados mínimos exixibles.

b) A programación da segunda parte da proba deberá deseñarse cos criterios de avaliación do currículo do módulo relacionados cos coñecementos prácticos que deberá demostrar a persoa aspirante. Para estes efectos incorporará, como mínimo, os criterios de avaliación da correspondente programación presentada para o módulo profesional aos cales se lles asignou como instrumento de avaliación unha lista de cotexo ou táboa de observación ou similar e foron considerados mínimos exixibles.

4. A consellería con competencias en materia de educación promoverá o uso das tecnoloxías da información e da comunicación na elaboración das programacións da proba libre.

Artigo 13. Organización, estrutura e desenvolvemento das probas

1. O calendario de realización das probas harmonizarase coas actividades de recuperación dos módulos pendentes a que se refiren os artigos 29, 31 e 33 da Orde do 12 de xullo de 2011, nun período non superior a tres semanas antes da avaliación final correspondente.

2. As persoas aspirantes serán convocadas para a xornada de acollemento a que se refire o artigo 22.2 e para cada unha das partes da proba de cada módulo profesional en único chamamento. Para estes efectos, os membros da comisión de avaliación poderán requirir en calquera momento ás persoas aspirantes que acrediten a súa identidade.

3. A valoración da adquisición dos resultados de aprendizaxe de cada módulo profesional levarase a cabo a través da realización das dúas partes da proba, pola persoa aspirante, ante o profesor ou a profesora do correspondente módulo:

a) Primeira parte. Terá carácter eliminatorio e consistirá nunha proba escrita que versará sobre unha mostra suficientemente significativa dos criterios de avaliación establecidos na programación para esta parte.

O profesor ou a profesora do módulo profesional cualificará esta primeira parte da proba de cero a dez puntos. Para a súa superación as persoas candidatas deberán obter unha puntuación igual ou superior a cinco puntos. Finalizada esta primeira parte da proba, as comisións de avaliación exporán a puntuación obtida polas persoas aspirantes no taboleiro de anuncios do centro onde se realizou.

b) Segunda parte. As persoas aspirantes que superen a primeira parte da proba realizarán a segunda, que tamén terá carácter eliminatorio e consistirá no desenvolvemento de un ou de varios supostos prácticos que versarán sobre unha mostra suficientemente significativa dos criterios de avaliación establecidos na programación para esta parte.

O profesor ou a profesora do módulo profesional cualificará esta segunda parte da proba de cero a dez puntos. Para a súa superación as persoas candidatas deberán obter unha puntuación igual ou superior a cinco puntos. As persoas que non superen a primeira parte da proba serán cualificadas cun cero nesta segunda parte. Finalizada esta segunda parte da proba, as comisións de avaliación exporán as puntuacións obtidas no taboleiro de anuncios do centro onde se realizou.

4. Os membros da comisión de avaliación poderán excluír de calquera parte da proba dun determinado módulo profesional as persoas aspirantes que leven a cabo calquera actuación de tipo fraudulento ou incumpran as normas de prevención, protección e seguridade, sempre que poidan implicar algún tipo de risco para si mesmas, para o resto do grupo ou para as instalacións, durante a realización das probas. Neste caso, o profesor ou a profesora do módulo profesional cualificará esa parte da proba do módulo cun cero.

CAPÍTULO V
Avaliación, cualificación e reclamacións

Artigo 14. Avaliación e cualificación final das probas libres

1. A avaliación da proba libre realizarase nos termos previstos no artigo 37 da Orde do 12 de xullo de 2011 e a expresión da cualificación final obtida por cada aspirante en cada un dos módulos profesionais será numérica, entre un e dez, sen decimais.

2. A cualificación final correspondente da proba de cada módulo profesional será a media aritmética das cualificacións obtidas en cada unha das partes, expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima. No caso das persoas aspirantes que suspendan a segunda parte da proba, a puntuación máxima que poderá asignarse será de catro puntos.

Artigo 15. Reclamación contra as cualificacións

As persoas aspirantes poderán presentar reclamación contra as cualificacións finais alcanzadas en cada módulo no centro en que se realizaron as probas, consonte o procedemento establecido no artigo 45.2 da citada Orde do 12 de xullo de 2011. As referidas reclamacións deberán basearse nalgún dos seguintes aspectos:

a) A avaliación que se levou a cabo non foi adecuada aos resultados de aprendizaxe e os criterios de avaliación recollidos na correspondente programación.

b) Os instrumentos de avaliación aplicados foron inadecuados, conforme o sinalado na programación.

c) A aplicación dos criterios de cualificación establecidos na programación para a superación das partes da proba do módulo profesional non foi correcta.

CAPÍTULO VI
Módulos profesionais de formación en centros de traballo e de proxecto

Artigo 16. Módulo de Formación en Centros de Traballo

1. Consonte o establecido no artigo 15.3 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, con carácter xeral, o módulo profesional de Formación en Centros de Traballo deberase cursar logo de alcanzada a avaliación positiva en todos os módulos profesionais realizados no centro educativo, agás o módulo de Proxecto, de ser o caso.

2. O alumnado deberá cursar o módulo de Formación en Centros de Traballo ou solicitar a exención nas mesmas condicións que no resto de réximes e modalidades de formación profesional inicial establecidos na súa normativa reguladora.

Artigo 17. Módulo de Proxecto

1. O artigo 14.2 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, establece que o módulo de Proxecto se avaliará logo de cursado o módulo profesional de Formación en Centros de Traballo, co obxecto de posibilitar a incorporación das competencias adquiridas nel, polo que para se matricular deste módulo o alumnado deberá estar en condicións de cumprir tal requisito.

2. O alumnado deberá cursar o módulo de Proxecto, no caso dos ciclos formativos de grao superior, nas mesmas condicións que no resto de réximes e modalidades de formación profesional inicial establecidos na súa normativa reguladora.

CAPÍTULO VII
Validación de módulos profesionais

Artigo 18. Validación de módulos profesionais

1. En materia de validacións observarase o disposto na súa normativa reguladora e cumprirase o seguinte:

a) Quen desexe solicitar a validación dalgún módulo profesional deberao facer constar expresamente no momento de presentar a solicitude de matrícula para as probas.

b) A solicitude de validación de módulos profesionais formalizarase no modelo de instancia establecido para tal efecto no anexo XIV da Orde do 12 de xullo de 2011, para o que cumprirá xuntar a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos para a obter.

2. Antes do primeiro día hábil do mes de xuño de cada ano, a dirección do centro deberá resolver ou, de ser o caso, remitir ao órgano competente as solicitudes de validacións.

3. As persoas aspirantes que estean pendentes de validación nalgún módulo profesional deberán presentarse á proba do correspondente módulo profesional. Se a confirmación da validación é posterior ás avaliacións finais, deberanse facer as dilixencias oportunas de modificación da cualificación en todos os documentos oficiais. Non terán validez as resolucións de validación para as persoas que causasen baixa na proba.

CAPÍTULO VIII
Titulación e acreditación

Artigo 19. Certificación

As persoas que superen módulos profesionais a través das probas libres terán dereito a que se lles expida un certificado académico dos módulos profesionais superados, o cal terá, ademais dos efectos académicos, efectos de acreditación parcial acumulable das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema nacional de cualificacións e formación profesional, de acordo co establecido no artigo 43.4 da Orde do 12 de xullo de 2011. O modelo de certificación será o establecido no anexo XI da devandita orde.

Artigo 20. Titulación

As persoas interesadas que teñan superados todos os módulos profesionais de centro educativo dun determinado ciclo formativo logo da realización das probas libres, e superen o módulo de Formación en Centros de Traballo ou sexan eximidas del e o módulo de Proxecto, no caso dos ciclos formativos de grao superior, poderán solicitar a expedición do título correspondente.

Nestes casos, os centros educativos realizarán a proposta de título polo réxime de «proba libre».

CAPÍTULO IX
Información e orientación

Artigo 21. Información e orientación

Os centros educativos en que se desenvolvan as probas darán, a través dos departamentos de orientación, a información e a orientación que demanden as persoas interesadas, cos seguintes fins:

a) Difundir a oferta de probas que se vaia realizar nese centro.

b) Informar sobre os requisitos académicos e as condicións de acceso establecidos, atendendo ás condicións, ás necesidades e aos intereses das persoas que demanden a información.

c) Orientar as persoas interesadas cara ás probas dos ciclos formativos que mellor se adapten ás súas circunstancias persoais, de xeito que a opción elixida permita superar os obxectivos dos módulos profesionais e terminar a totalidade do ciclo formativo, e sen que supoña risco para a súa integridade física nin a dos demais.

d) Informar e orientar sobre as oportunidades de aprendizaxe e os posibles itinerarios formativos para facilitar a inserción e a reinserción laborais, a mellora no emprego, así como a mobilidade profesional no mercado de traballo.

e) Informar sobre as titulacións académicas e sobre as oportunidades de acceso ao emprego, e orientar sobre as posibilidades de adquisición, avaliación e acreditación de competencias e cualificacións profesionais requiridas no mundo laboral, e o progreso nelas ao longo de toda a vida.

Artigo 22. Organización e coordinación do proceso de información

1. Antes do inicio do período de matrícula, o centro porá á disposición das persoas interesadas as programacións da proba libre dos módulos profesionais, publicará o calendario e o horario de realización das probas, e dará a información que se considere de interese xeral.

2. Logo de rematado o proceso de matrícula, o equipo directivo do centro encargarase de organizar e coordinar unha xornada de acollemento para as persoas matriculadas, xunto co orientador ou a orientadora do centro, co fin de transmitir a información precisa, dar as instrucións que consideren convenientes e aclarar as dúbidas xurdidas para o mellor desenvolvemento das probas.

CAPÍTULO X
Persoas con necesidades educativas especiais

Artigo 23. Persoas con necesidades educativas especiais

1. As persoas con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de discapacidade que teñan a declaración legal de discapacidade poderán solicitar a adaptación dos procedementos e do tempo de realización da proba, así como recursos adicionais para a desenvolver.

2. A presidencia da comisión de avaliación correspondente determinará se procede adoptar medidas ou facilitar recursos adicionais para cada caso e informará a persoa interesada da súa decisión. Cando o considere necesario, solicitará informe do equipo de orientación específico provincial.

3. A presidencia da comisión de avaliación adoptará as medidas e facilitará os recursos adicionais que se determinen para permitir que estas persoas poidan realizar as probas. Cando sexa necesario, porá esa circunstancia en coñecemento da xefatura territorial da consellería con competencias en materia de educación que corresponda, para que facilite os recursos necesarios.

4. Consonte o establecido no artigo 62.4 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, as medidas que se adopten non poderán afectar de xeito significativo a consecución dos resultados de aprendizaxe previstos para cada un dos módulos profesionais.

Disposición adicional primeira. Ordenación académica e avaliación do alumnado

Todos os aspectos relativos á ordenación académica e á avaliación sobre formación profesional inicial non recollidos nesta orde rexeranse polas normas que con carácter xeral regulan as ensinanzas de formación profesional do sistema educativo.

Disposición adicional segunda. Baixas de oficio

1. Os centros realizarán a baixa de oficio da matrícula da proba cando unha persoa matriculada non asista inxustificadamente á xornada de acollemento a que se refire o artigo 22.2 ou a calquera das partes en que se organiza a proba de cada módulo profesional.

Para os efectos de determinación da baixa de oficio, a comisión de avaliación valorará as circunstancias na xustificación desas faltas, cuxa aceptación será acorde co establecido no correspondente regulamento de réxime interior do centro.

2. Contra a resolución da baixa de oficio da matrícula, a persoa solicitante poderá presentar recurso de alzada perante o xefe ou a xefa territorial no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. A devandita resolución esgotará a vía administrativa.

3. As persoas ás cales se lles aplique a baixa de oficio perderán a condición de persoa matriculada na proba, polo que non se terá en conta ningunha cualificación e non poderán presentar unha solicitude de inscrición nas probas do curso académico seguinte, e só poderán presentarse a esa convocatoria no caso de que haxa vacantes despois de resolto o proceso de admisión a que se refire artigo 10.

Disposición adicional terceira. Proba extraordinaria de avaliación para o alumnado que perdeu o dereito á avaliación continua

O profesorado responsable da impartición dos módulos profesionais poderá empregar o calendario, o procedemento e o deseño de probas que se establecen nesta orde para a realización da proba extraordinaria de avaliación ao alumnado que perdeu o dereito á avaliación continua, a que se refire o artigo 25 da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regula o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial.

Disposición adicional cuarta. Acreditación de condicións psicofísicas

Consonte o establecido no artigo 36.4 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, para as ensinanzas de formación profesional conducentes a títulos que polo seu perfil profesional requiran determinadas condicións psicofísicas ligadas a situacións de seguridade ou saúde, as persoas matriculadas nas probas libres presentarán a documentación xustificativa necesaria ou realizarán determinadas probas, cando así se indique na norma que regule o correspondente título, con carácter previo ao desenvolvemento da proba. Cando se trate de persoas con discapacidade, estes requisitos adicionais deberán respectar a lexislación en materia de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal.

Disposición adicional quinta. Prazos de presentación de documentación

A hora límite para a presentación de documentación en todos os prazos habilitados nesta orde será ás 13.00 horas do derradeiro día do prazo establecido.

Disposición transitoria única. Aspectos particulares de aplicación para a convocatoria do curso 2012/13

1. A convocatoria de probas libres no curso académico 2012/13 realizarase exclusivamente, nos centros públicos, dos ciclos formativos de formación profesional que teñan autorizados, sempre que se oferten todos os módulos deste en calquera dos réximes e/ou modalidades.

2. As persoas que soliciten participar nas probas libres dos módulos profesionais no curso 2012/13 presentarán unha instancia cunha única petición de centro e ciclo formativo, que entregarán no centro onde se imparta o devandito ciclo formativo solicitado. En caso de que a persoa solicitante presente máis dunha opción de centro e ciclo formativo, só se terá en consideración a petición de máis preferencia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para adoptaren as medidas precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file