Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 31 de maio de 2013 Páx. 19485

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 21 de maio do 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas en réxime de concorrencia non competitiva para o fomento e implantación da metroloxía legal nos abastos públicos da Comunidade Autónoma galega a través de entidade colaboradora, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (IN655I).

A Consellería de Economía e Industria, en virtude do Decreto 324/2009, do 20 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, exerce as competencias da Xunta de Galicia en materia de metroloxía legal.

Os comerciantes teñen a obriga de verificar periodicamente as súas básculas. Os abastos e mercados municipais teñen, ademais, a condición de servizo público, polo que o cumprimento da normativa metrolóxica resulta, se cabe, de maior importancia, xa que á necesidade de establecer un marco de confianza fundamental para un comercio leal e para unha competencia sa e en igualdade de condicións engádese a necesidade de garantir un servizo público eficiente e coas máximas garantías para os consumidores.

Polo dito, a Consellería de Economía e Industria considera necesario establecer medidas de apoio ao fomento e implantación da metroloxía legal nos abastos o mercados públicos.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de presentación e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento de concesión de axudas vén xustificado polo feito de que os requisitos que se teñen que cumprir para a concesión da subvención están fixados de forma clara e regulada nesta orde, de maneira tal que non é adecuado á finalidade e ao obxecto da axuda establecer criterios de gradación entre os posibles beneficiarios.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron concedidas.

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas cales se rexerá a colaboración entre a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e a entidade colaboradora para o fomento e implantación da metroloxía legal nos abastos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, e convocar as axudas para o ano 2013.

2. Así mesmo, para lograr a devandita promoción arbítrase un programa de axudas para proceder á primeira verificación periódica.

Artigo 2. Entidade colaboradora

1. A entidade colaboradora terá como misión a promoción do obxecto da subvención indicado no artigo primeiro, actuando como enlace entre os beneficiarios das accións subvencionables e a consellería.

2. As funcións que realizará a entidade colaboradora son:

• Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda.

• Realización ante a consellería dos trámites para solicitar a axuda.

• Desenvolvemento das accións vinculadas.

• Xustificación da axuda e a súa certificación ante a consellería.

3. Despois dos oportunos trámites de licitación, por procedemento aberto, o contrato de xestión de servizos públicos, na modalidade de concesión, consistente no control metrolóxico de diversos equipamentos de medida na fase de instrumentos en servizo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia (expediente 04/10 DXI), adxudicouse a Lgai Technological Center, S.A.

4. Por Resolución do 26 de setembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, desígnase Lgai Technological Center, S.A. como organismo autorizado de verificación metrolóxica e un dos ámbitos da designación é a dos instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático.

5. Tendo en conta que tanto o contrato de xestión de servizos públicos como a designación se fan con carácter de exclusividade durante o tempo de duración do contrato, o organismo autorizado de verificación metrolóxica será a única entidade que cumpra cos requisitos para ser entidade colaboradora.

6. A pesar de que o organismo autorizado de verificación metrolóxica é unha entidade suxeita a dereito privado, non é oportuno e iría contra o interese xeral iniciar un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non-discriminación para a selección de entidades colaboradoras, posto que entre o organismo autorizado de verificación metrolóxica e a Xunta de Galicia media un contrato de xestión de servizo público, na modalidade de concesión, cuxo obxecto é coincidente co obxecto da subvención.

7. As condicións do antedito contrato garanten que o organismo autorizado de verificación cumpre coas condicións de solvencia y eficacia requiridas para as entidades colaboradoras.

Artigo 3. Solicitude de axuda

1. O beneficiario presentará ante a entidade colaboradora o documento de compromiso e aceptación de condicións polo usuario (anexo III). O dito documento levará consigo a autorización á entidade colaboradora para a presentación da axuda ante a consellería.

2. A entidade colaboradora presentará para cada proxecto unha solicitude da axuda perante a consellería. Esta solicitude deberá estar axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta orde, e irá acompañada do documento de aceptación e sometemento ás condicións establecidas na presente orde, que se achega como anexo III.

3. A data límite para a presentación das ditas solicitudes é o 15 de novembro de 2013, salvo que se produza o suposto de esgotamento de crédito previsto no artigo 1 das bases reguladoras. Neste caso, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web da Consellería de Economía e Industria.

4. Polo xeral, a actividade subvencionable deberá realizarse unha vez obtida a correspondente resolución de concesión da axuda; non obstante, a entidade colaboradora poderá baixo a súa responsabilidade levar a cabo as actividades subvencionables con anterioridade, ben que no caso de que finalmente a concesión da subvención non tivese lugar ou que a Consellería de Economía e Industria comprobase posteriormente que non se cumpren as condicións establecidas para que os beneficiarios reciban a axuda, ou comprobe que a entidade colaboradora incumpre as bases da convocatoria, a entidade asumirá o custo de dita acción e non poderá reclamar á Consellería de Economía e Industria.

5. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

6. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de aprobación da solicitude da axuda

1. As solicitudes de axuda serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder cinco meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da data de presentación das solicitudes de aprobación.

2. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter información a través da entidade colaboradora, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web http://www.axudasbasculasabastos.es/

b) O teléfono 981 01 47 00.

c) O enderezo electrónico axudas.basculas@applus.com

d) Presencialmente nas oficinas da entidade colaboradora.

Do mesmo xeito, sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (economiaeindustria.xunta.es), na súa parte de axudas.

b) Os teléfonos 981 54 55 72 e 981 95 77 89 da devandita dirección xeral.

c) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde todo o estado 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orden entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2013

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
B
ases reguladoras para a colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e a entidade colaboradora para o fomento e a implantación da metroloxía legal nos abastos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Este anexo ten o obxecto de aprobar as bases polas cales se rexerá a colaboración entre a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e a entidade colaboradora, para o fomento e implantación da metroloxía legal nos abastos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei.

3. O procedemento de concesión desta subvención quedará suxeito ao Regulamento comunitario nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 28.12.2006).

O importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas amparadas na cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 euros. Estes límites aplicaranse con independencia de forma de axudas de minimis e indistintamente se a axuda concedida está financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe comunitaria.

4. A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario, e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración publicará no DOG a indicada circunstancia, o que levará consigo a inadmisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 2. Financiamento

1. As axudas outorgaranse ata se esgotaren as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas e financiaranse con cargo á partida 08 03 732A 770.00 cun crédito de 150.000,00 euros, previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

2. Para os efectos desta orde, entenderase como investimento subvencionable o custo da primeira verificación periódica da báscula segundo a tarifa oficialmente aprobada sen incluír os impostos e a subministración do libro rexistro convenientemente dilixenciado.

3. A axuda acadará o 100 % do investimento subvencionable, en forma de subvención en especie ao cumprirse o indicado na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A verificación periódica será realizada polo organismo autorizado de verificación designado pola Xunta de Galicia, que actuará de entidade colaboradora para a xestión das axudas e a realización dos ensaios de verificación como concesionaria do servizo e único organismo autorizado de verificación designado para o efecto.

4. As axudas recollidas nesta orde serán incompatibles con calquera outro tipo de axuda pública ou privada que poida recibir o beneficiario para a execución do mesmo investimento.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán solicitar e beneficiarse das axudas a que se refire esta orde:

a) Os empresarios autónomos titulares de básculas situadas nos abastos públicos de Galicia de titularidade municipal usadas para a pesaxe de produtos alimentarios para o consumidor final.

b) As microempresas titulares de básculas situadas nos abastos públicos de Galicia de titularidade municipal usadas para a pesaxe de produtos alimentarios para o consumidor final.

2. Só poderán ser beneficiarios da subvención os titulares de básculas que estean legalmente en servizo, isto é, as que teñan a correspondente aprobación de modelo e verificación primitiva ou ben a avaliación da conformidade.

3. Para ser beneficiario deberase tramitar a solicitude, exclusivamente, a través da entidade colaboradora.

Artigo 4. Solicitude das axudas

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das axudas presentaranse na forma e no prazo que se indican na convocatoria.

2. As entidades colaboradoras comprobarán a idoneidade da documentación dos solicitantes para seren beneficiarios, para o cal obterán do solicitante o seguinte:

a) Copia do DNI do autónomo ou do representante da empresa no caso de que o solicitante sexa unha microempresa (só no caso de non autorizar a súa consulta).

b) Documento que acredite a concesión ou licenza outorgada polo concello do posto ao titular.

c) Copia do TC2 co nome e número de traballadores da empresa ou do autónomo, de ser o caso.

d) Declaración expresa de axudas solicitadas, obtidas ou que se vaian solicitar para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, ente público ou privado, nacional ou internacional (anexo III).

e) Declaración escrita sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso (anexo III).

f) Declaración responsable que acredite o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma (anexo III).

De acordo co artigo 55 da Lei de orzamentos para o 2013, a obriga de presentar a certificación indicada no artigo 11 do Decreto 11/2009, que acredita o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma pode ser substituído por unha declaración responsable do solicitante no caso de subvencións ou axudas que se concedan co cargo ao artigo 77 do orzamento de gastos, ao non superar o importe de 1.500 euros por beneficiario.

No contexto desta orde, entenderase por microempresa o manifestado pola recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas e pequenas e medianas empresas, na cal se definen como microempresa aquelas empresas que ocupan menos de 10 persoas e cuxo volume de negocio anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

3. Unha vez obtida a documentación anterior, a entidade colaboradora solicitará a aprobación remitindo á Consellería pola vía establecida nesta orde a solicitude (IN655I) que figura como anexo IV da presente orde.

4. Así mesmo, a entidade colaboradora obterá un documento de aceptación e sometemento ás condicións establecidas na presente orde, que se achega como anexo III, que deberá ser asinado polo solicitante e remitido tamén á Consellería.

5. O DNI, o NIF ou o NIE poderá considerarse como información accesible cando o solicitante autorice nos formularios normalizados de solicitude que o órgano xestor poida obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (NIF, apelidos e nome ou razón social e domicilio fiscal), en lugar de presentar os ditos documentos, comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6.2.b) e no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación das solicitudes implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade coa Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está en poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución dos procedementos, e corresponde ao titular da Consellería de Economía e Industria ditar as resolucións administrativas das axudas que poñan fin ao procedemento en vía administrativa.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes revisaranse en función dos obxectivos da presente orde. A Consellería aprobará ou non as solicitudes de axuda en función da revisión efectuada, así como das dispoñibilidades orzamentarias. Atenderanse as solicitudes seguindo a orde de presentación ata esgotar o crédito dispoñible.

2. No momento en que a Consellería esgote a consignación orzamentaria establecida no artigo 2 destas bases, porao en coñecemento da entidade colaboradora, e non aprobará ningunha nova solicitude, sen menoscabo da tramitación ordinaria das aprobacións xa comunicadas.

3. Esta aprobación en prazo concede á entidade colaboradora un prazo máximo para desenvolver e xustificar cada proxecto, sendo a data límite de xustificación o 15 de decembro de 2013. A data de aprobación poderá ser verificada en todo momento na páxina web da Consellería. O incumprimento do dito prazo máximo no proceso de xustificación suporá de xeito automático a desistencia na tramitación da aprobación e corresponderá o seu arquivamento por parte da Consellería.

Artigo 8. Audiencia

1. Instruídos os procedementos, e inmediatamente antes de redactar as propostas de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren nos procedementos nin se vaian ter en conta nas resolucións outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 9. Resolucións e pagamentos

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o conselleiro ditará a correspondente resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1990, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación na páxina web da Consellería de Economía e Industria, con indicación, neste caso, da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada.

3. As resolucións serán, do mesmo xeito, comunicadas á entidade colaboradora, que terá a obriga de comunicarlla ao beneficiario.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Desenvolvemento dos proxectos

1. Unha vez que un proxecto conte coa aprobación, as colaboradoras desenvolverano conxuntamente co beneficiario. A entidade colaboradora poderá realizar pola súa conta e risco as actuacións subvencionables antes da ser emitida a resolución de concesión, ben que neste caso, se a consellería comproba posteriormente que non se cumpren as condicións establecidas para que os beneficiarios reciban a dita axuda, ou comproba que a entidade colaboradora incumpre as bases da convocatoria, a entidade colaboradora asumirá os custos das súas accións e non poderá reclamar á Consellería. Todo isto sen as posibles responsabilidades que poidan recaer tanto no beneficiario como na propia entidade colaboradora.

2. A entidade verificadora realizará a verificación periódica do beneficiario e posteriormente emitiralle, de ser o caso, o certificado de verificación da báscula; do mesmo xeito, se o beneficario o solicita, suministraráselle o libro rexistro de reparacións e verificacións oportunamente dilixenciado, cuxas taxas serán aboadas pola entidade colaboradora. Ao ser unha subvención en especie, o beneficiario non terá que realizar pagamento ningún, porén, terá que asinar a declaración responsable da execución das actividades subvencionadas levadas a cabo pola entidade colaboradora.

3. Calquera modificación sobrevida nos datos incluídos na solicitude de aprobación (por exemplo, erro nos datos do beneficiario, nos importes, no equipamento subvencionabe etc.) implica a necesaria anulación da solicitude pola entidade colaboradora e debe dar lugar á presentación dunha nova solicitude de aprobación.

Artigo 12. Xustificación das axudas

1. Unha vez realizadas pola entidade colaboradora as actuacións subvencionadas, esta deberá de achegar á Consellería a xustificación das axudas, que consistirá en:

a) Certificado de verificación periódica.

b) Declaración responsable do beneficiario en que se certifiquen as actuacións levadas a cabo pola entidade colaboradora (anexo V).

c) Xustificante do aboamento das taxas pola adquisición do libro rexistro de reparacións e verificacións e o seu dilixenciamento.

2. A consellería poderá solicitar da entidade colaboradora ou do beneficiario calquera información complementaria que poida considerar oportuna durante a tramitación da orde.

3. A falsidade ou inexactitude nos datos recollidos nas certificacións poderá dar lugar á anulación da adhesión da colaboradora á orde, así como á aplicación do réxime sancionador previsto na normativa de aplicación en materia de subvencións públicas e/ou en materia metrolóxica segundo os casos.

Artigo 13. Pagamento a entidade colaboradora

1. Logo da aprobación dunha solicitude e do desenvolvemento da actividade subvencionable, a entidade colaboradora poderá presentar as xustificacións correspondentes.

2. Atenderanse, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dentro da vixencia da orde, as actuacións xustificadas convenientemente antes do 15 de decembro de 2013. O importe que se pague por cada unha das actuacións será o correspondente ás tarifas de verificación metrolóxica oficialmente aprobadas e ao importe das taxas pola subministración e dilixenciamento do libro rexistro.

3. A consellería poderá verificar presencialmente ou polos medios que considere oportunos que o proceso se levou a cabo segundo o establecido. Comprobada a documentación e o proceso, se procede, a consellería realizará a proposta de pagamento.

Artigo 14. Obrigas da entidade colaboradora

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indiquen no anexo desta convocatoria, a entidade colaboradora, ao abeiro desta orde quedará obrigada a:

a) Someterse ás actuacións de inspección e control que esta consellería poida efectuar respecto á xestión destas axudas e que permitan a xustificación financeira perante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas.

b) Realizar todos os trámites ante a consellería para a obtención das axudas por parte dos solicitantes. Así mesmo, verificarán que estes reúnen os requisitos establecidos nesta orde para teren a condición de beneficiarios e emitirán certificación da verificación feita. Para isto, obríganse a presentar as solicitudes para a súa aprobación pola consellería, tal como se recolle no artigo 4, e a presentar a documentación xustificativa do desenvolvemento, tal como recolle o artigo 13 do presente anexo.

c) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autónoma, así como coa Seguridade Social.

d) Conservar os xustificantes e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

e) Cumprir as obrigas en materia de protección de datos de carácter persoal derivadas da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e o resto da normativa aplicable.

Artigo 15. Obrigas de publicidade

1. A entidade colaboradora empregará os medios que sexan necesarios para dar a máxima difusión posible á presente orde entre todos os potenciais beneficiarios e disporá na súa web de información suficiente respecto ao alcance dela. Así mesmo, disporá, cando menos, dun teléfono e dun enderezo de correo electrónico para canalizar as consultas dos interesados.

2. Cando remate o prazo de presentación de solicitudes, e unha vez valoradas, publicarase no DOG e na páxina web da Consellería de Economía e Industria a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indiquen no anexo desta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedarán obrigados a:

a) Someterse ás actuacións de inspección e control que esta consellería poida efectuar respecto á xestión destas axudas e que permitan a xustificación financeira perante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas. A falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polos beneficiarios poderá dar lugar á anulación da aprobación previa, ou ben, con posterioridade, á revogación e ao reintegro da axuda, así como á aplicación do réxime sancionador previsto na normativa en materia de subvencións públicas.

b) De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, os beneficiarios consenten a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

c) Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e aos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei.

2. Serán causas de reintegro, á marxe das indicadas no punto anterior e sen prexuízo das sancións que por outras materias procedan, non solicitar as sucesivas verificacións en exercicios futuros ou a utilización das básculas verificadas noutras localizacións distintas das que son o obxecto da subvención.

3. Tendo en conta que esta subvención é en especie e que non procede o reintegro de forma similar, cando se acorde a procedencia do reintegro este farase polos importes correspondentes ás actividades subvencionables, segundo as tarifas e taxas regulamentariamente establecidas, máis os xuros de mora correspondentes segundo o número anterior.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece no título III a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Disposición adicional única. Remisión normativa

En todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en canto non se opoña ao establecido na citada lei e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II
Convenio de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e a entidade colaboradora Lgai Technological Center, S.A. para a xestión das axudas convocadas pola Orde do 21 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas en réxime de concorrencia non competitiva para o fomento e implantación da metroloxía legal nos abastos públicos da Comunidade Autónoma galega a través de entidade colaboradora, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (IN655I)

En Santiago de Compostela o …

REUNIDOS:

Dunha parte, o conselleiro de Economía e Industria, actuando en nome e representación da Xunta de Galicia, en virtude das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, o acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, publicado por Resolución da Consellería de Economía e Facenda do 8 de abril de 1991, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Da outra parte …, con NIF …, actuando en nome e representación da entidade Lgai Technological Center, S.A., debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, acordou realizar una convocatoria de axudas dirixidas a autónomos e microempresas galegas para o fomento e implantación da metroloxía legal nos abastos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a Orde do 21 de maio de 2013.

II. Que ambas as partes consideran que, por razón de eficacia na xestión e co fin de conseguir una mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Obxecto da colaboración

O obxecto deste convenio consiste en establecer un marco de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e Lgai Technological Center para xestionar as axudas convocadas pola Orde do 21 de maio de 2013.

Segunda.

Con base no contrato existente entre a Consellería de Economía e Industria e a entidade colaboradora para a xestión de servizos públicos, na modalidade de concesión, consistente no control metrolóxico de diversos equipamentos de medida na fase de instrumentos en servizo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia (expediente 04/10 DXI) queda acreditado o cumprimento dos requisitos e as condicións de solvencia previstas nas bases reguladoras contidas na devandita orde.

Terceira. Normativa reguladora especial

En todo o non previsto neste convenio observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, en canto non se opoña ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Cuarta. Prazo de duración

Este convenio estará en vigor o día seguinte á súa sinatura e estenderá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2013.

Quinta. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais de ao establecido nas bases reguladoras da orde de axudas, ao seguinte:

1. Empregar os medios que sexan necesarios para dar a máxima difusión posible á orde de axudas entre todos os potenciais beneficiarios e dispor na súa web de información suficiente respecto ao seu alcance. Así mesmo, disporán, cando menos, dun teléfono e dun enderezo de correo electrónico para canalizar as consultas dos interesados.

2. Asumir a tramitación e xestión ante a Consellería de Economía e Industria das axudas dos autónomos e empresas beneficiarias e aboar as taxas pola adquisición dos libros rexistro da báscula e o seu dilixenciamento ao nome do titular.

3. Comprobar e certificar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos na orde de axudas para que as empresas beneficiarias obteñan a condición de beneficiario, emitindo certificación da verificación realizada.

4. Presentar as solicitudes das axudas das empresas beneficiarias na forma e no prazo previstos nas bases reguladoras da orde, para a súa posterior concesión ou denegación pola Consellería de Economía e Industria.

5. Desenvolver conxuntamente cos beneficiarios as accións vinculadas ás axudas concedidas.

6. Comprobar e certificar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde aos autónomos e empresas beneficiarias e a idoneidade da documentación que se lles exixe para a percepción da subvención.

7. Presentar a documentación xustificativa do desenvolvemento das actuacións como data límite o día 15 de decembro, tal e como se recolle na orde de axudas.

8. Acreditar a realización aos beneficiarios das actuacións subvencionadas mediante documento que o xustifique e mediante a declaración responsable por parte do beneficiario da data en que se efectuou.

9. Adaptarse ás novas solucións telemáticas para a xestión e tramitación de expedientes, así como para outros procesos de información continua sobre a actividade que se vai desenvolver neste convenio, adoptando para iso as medidas necesarias canto ao acceso á internet e á adopción de sinatura electrónica.

10. Presentar toda a documentación establecida na orde de axudas no rexistro telemático da Xunta de Galicia, a través de medios informáticos.

11. Achegar, mediante copia dixitalizada, á Consellería de Economía e Industria, toda aquela documentación que a entidade colaboradora ten que presentar segundo as bases da orde de axuda, cuxa fidelidade co orixinal se garantirá mediante a utilización de sinatura electrónica avanzada segundo o establecido no artigo 35 da Lei 11/2007, do 23 de xuño de 2007, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. A Administración pública, segundo o artigo 35 da Lei 11/2007, do 23 de xuño de 2007, poderá solicitar do correspondente arquivo o cotexo do contido das copias achegadas. Ante a imposibilidade deste cotexo, e con carácter excepcional, poderá requirir ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

12. Comunicar á Consellería de Economía e Industria calquera variación que se produza nos datos inicialmente fornecidos para adherirse a este convenio, garantindo a confidencialidade dos datos subministrados polas empresas beneficiarias.

13. Conservar os xustificantes orixinais e o resto de documentación relacionada coas axudas outorgadas durante un período de 5 anos desde a súa concesión.

14. Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e as normas que a desenvolvan.

15. Posto que se trata dunha subvención en especie, e que a entidade colaboradora non recibirá os fondos para a súa repartición senón como contraprestación dos traballos efectuados aos beneficiarios, non será necesario establecer garantías.

Sexta. Obrigas da Consellería de Economía e Industria

1. A Consellería de Economía e Industria obrígase a pagar á entidade colaboradora a cantidade correspondente por cada verificación realizada ao abeiro da orde de axudas segundo as tarifas oficialmente aprobadas e o correspondete ás taxas pola adquisición dos libros rexistro e o seu dilixenciamento con cargo á aplicación orzamentaria 08 03 732A 770.00.

Sétima. Natureza administrativa

Este convenio ten natureza administrativa e considérase incluído no artigo 4.1.d) do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, que aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, polo que queda fóra do ámbito da súa aplicación, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios deste real decreto lexislativo para resolver as dúbidas e lagoas que puideren presentarse. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo.

A Consellería de Economía e Industria posúe a prerrogativa de interpretar o convenio e resolver todas as dúbidas que ofreza o seu cumprimento.

Os acordos correspondentes porán fin á vía administrativa e serán inmediatamente executados, sendo impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Oitava. Causas de resolución

Son causas de resolución deste convenio entre a consellería e a entidade colaboradora o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas ou no articulado da orde de axudas, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso, así como a falsidade ou inexactitude nos datos e documentos achegados pola entidade colaboradora.

Pola Consellería de Economía e Industria Pola entidade colaboradora

Francisco José Conde López

Conselleiro de Economía e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file