Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 27 de decembro de 2013 Páx. 50255

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Exposición de motivos

1

A necesidade de que as administracións públicas traballen medidas concretas para fomentar o emprendemento e apoiar as persoas emprendedoras como axentes dinamizadores da economía en Galicia vén dada polo alto grao de representatividade das pequenas e medianas empresas, determinantes do crecemento económico e soporte para a creación de emprego.

2

A situación que atravesa o ámbito económico ten o seu reflexo na evolución que se está a vivir na actividade emprendedora de Galicia. A última actualización do Directorio central de empresas (Dirce) indica que, por cuarto ano consecutivo, o número de empresas activas se reduce. Por outro lado, os informes do Global Entrepreneurship Monitor mostran a tendencia decrecente experimentada, tanto a nivel nacional coma autonómico, no índice que mide a taxa da actividade emprendedora. No último informe presentado indícase que, logo de tres anos consecutivos de descenso, en 2011 a tendencia do índice presenta un punto de inflexión cara á recuperación.

Aínda que o perfil de emprendedor está a mudar en canto á prevalencia de xénero, a taxa de actividade emprendedora masculina segue a estar por riba da feminina, distancia que se está a reducir significativamente en moitas das fases do proceso emprendedor, onde están moi preto de taxas similares nas iniciativas novas, cun maior incremento das iniciativas promovidas por mulleres.

3

O acordo adoptado pola Mesa 2 do diálogo social de Galicia establece que actualmente a sociedade galega padece unha tendencia progresiva á redución na creación de empresas e do autoemprego, agravada, con toda seguridade, pola presente crise. Esta redución no número de novas empresas e autoempregos entenden os seus membros que pode verse compensada en calidade no caso de que se aborden con éxito determinadas actuacións, entre outras as seguintes:

– Orientación dos esforzos emprendedores cara a aqueles sectores onde exista un maior potencial para a creación de empresas, ben polas súas elevadas taxas de crecemento sectorial (sectores biotecnolóxicos, das novas tecnoloxías, etc.), ben polo seu carácter representativo da economía galega (sector da automoción, do naval, do turismo, etc.), ben por abordar actividades vinculadas aos novos viveiros de emprego, das novas tecnoloxías ou de actividades de especial interese público, económico ou social.

– Fortalecemento da consideración da persoa emprendedora e do autoemprego nuns tempos difíciles en que o perfil da persoa que emprende un proxecto empresarial se converte, máis que nunca, no aspecto esencial do éxito da nova empresa.

–  Resolución da problemática do acceso ao financiamento, especialmente na etapa de xestación da empresa a través de fórmulas como o capital semente e a posta en marcha a través do capital risco, etc.

– Dotación aos plans de negocios emprendedores e autoempregos dunha visión estratéxica que estableza como prioridade os mercados exteriores e a innovación.

– Mellora da coordinación entre as diversas entidades que traballan no eido do emprendemento e o autoemprego, provocando sinerxías que redunden positivamente nos servizos prestados ás persoas emprendedoras.

A mesa propón mesmo determinadas actuacións como a creación dun programa integral de fomento do emprendemento e do autoemprego e da consolidación de novas empresas, consolidación e reforzo da Rede de Mentoring, servizos avanzados de financiamento para o emprendemento, rede de coordinación do fomento do emprendemento en Galicia.

4

O contexto de incerteza actual require, máis que nunca, unha xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos, creando ámbitos favorables que aceleren e consoliden a actividade emprendedora. Urxe definir unha estratexia conxunta de emprendemento que parta do consenso político, empresarial e social. Un dos retos actuais para o Goberno de Galicia nos momentos actuais é o crecemento empresarial, proporcionando un ámbito laboral máis estable que permita o desenvolvemento dunha economía máis equilibrada, e aborda tamén a necesidade de que se intensifiquen as medidas para flexibilizar a sucesión nas empresas familiares, que constitúen gran parte do tecido emprendedor do país. A superación da actual crise económica implica modificar o paradigma de crecemento económico, pasando dunha economía con amplos sectores de baixo valor engadido, cun uso moderado ou menor da tecnoloxía e centrados no comercio interior, a unha economía baseada fundamentalmente en sectores de alto valor engadido, tecnoloxía avanzada e orientados á internacionalización.

Os desafíos para acadar ese obxectivo implican compromisos firmes coa formación en todos os graos e niveis, co impulso específico aos sectores tractores ou cun potencial de crecemento importante, e como consecuencia un cambio na cultura empresarial.

5

A Comunidade Autónoma, coa presente lei, ofrecerá ao tecido produtivo galego unha resposta inmediata ás súas necesidades máis perentorias, a posta en marcha de novos mecanismos con medidas que, a curto ou a medio prazo, muden o panorama actual, e un conxunto de medidas que fomenten o espírito emprendedor, individual e colectivo, impulsen a posta en marcha e a consolidación de novas iniciativas emprendedoras e permitan a reestruturación de empresas que necesiten posicionarse en mellores condicións. En definitiva, apoio aos colectivos emprendedor e empresarial para que poidan actuar como catalizadores do crecemento da nosa economía.

A norma reflicte especificamente a contribución do emprendemento colectivo á dinamización económica, unindo obxectivos empresariais e sociais, e reforza o compromiso coa creación dunha maior conciencia pública sobre a súa realidade e potencialidades, a través do labor de fomento do cooperativismo e da economía social liderado pola Rede Eusumo.

6

As propostas recollidas nesta lei teñen en conta que o apoio ao emprendemento debe ser integral, é dicir, debe manterse durante todas as fases da actividade emprendedora: o emprendemento potencial, o nacente, a implementación e a consolidación.

En cada fase do emprendemento enfróntanse diferentes retos e dificultades. Nas fases previas á posta en marcha da empresa cómpre ofrecer capacitación empresarial, básica e avanzada, así como obradoiros de maduración de ideas e reflexión metódica. Posteriormente, será conveniente realizar unha análise seria do proxecto empresarial mediante a preparación dun plan de empresa rigoroso e serio que analice os produtos/servizos e o mercado para contrastar a priori a viabilidade do proxecto emprendedor, elixindo tamén a forma xurídica máis conveniente para o exercicio da actividade.

Pero o proxecto emprendedor, unha vez fundada a empresa e iniciada a actividade, non debe carecer de posibilidades de apoio, dado que as seguintes fases son as menos coidadas habitualmente polas administracións públicas; nas fases iniciais da actividade as persoas emprendedoras, malia o traballo previo, afrontan formas de decisión e situacións moitas veces inesperadas, polo que será interesante dispoñer de apoio específico neste período, como as redes de mentores ou programas de profesionalización básica en materias empresariais.

Os instrumentos que se propoñen son, polo tanto, multidisciplinares: desenvolvemento de capacidades e habilidades, formación, asesoramento, estudos de viabilidade, busca de fontes de financiamento, análise e diagnóstico, plan de negocio, titoría, mentoring, servizos de profesionalización e desenvolvemento estratéxico, creación de redes, etc.

7

A Lei de fomento do emprendemento en Galicia adécuase ao marco normativo comunitario e responde aos obxectivos formulados desde a comunicación da Comisión Europea COM/2008/0394 final, da pequena empresa da Unión Europea de 2008, que recibiu o título de Small Business Act. For Europe en recoñecemento á primeira lei americana (Small Business Act (SBA) -1953). A SBA ten por obxecto crear condicións favorables para o crecemento e a competitividade das pequenas e medianas empresas.

Baséase en dez principios e en medidas prácticas, que pretenden orientar e definir as políticas comunitarias e nacionais, entre os cales cabe salientar:

– Establecer un marco en que os empresarios e as empresarias poidan consolidar os seus negocios.

– Garantir que os empresarios e as empresarias que non fosen condenados por incumprimento da lexislación fiscal, penal, laboral e medioambiental e que fixesen fronte a unha quebra teñan rapidamente unha segunda oportunidade.

– Elaborar normas conforme o principio de pensar primeiro a pequena escala.

– Facilitar o acceso das pemes ao financiamento e desenvolver un marco xurídico e empresarial que propicie a puntualidade dos pagamentos nas transaccións comerciais.

– Promover a actualización das cualificacións nas pemes e toda forma de mellora da súa competitividade, e favorecer a colaboración entre o mundo empresarial, as universidades e os centros de coñecemento.

8

A Comunidade Autónoma, a través da Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia e o seu desenvolvemento regulamentario, efectuou un profundo proceso de adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, proceso complementado coa simultánea tramitación telemática dos procedementos e a creación da sede electrónica. O resultado desa adaptación é a xeneralización da comunicación previa ou a declaración responsable como medio de control administrativo nos procedementos da Xunta de Galicia, de xeito que a autorización previa é excepcional e case residual.

Porén, o proceso non pode culminar sen que as administracións locais eliminen as pexas administrativas previas ao exercicio de actividades. Nese proceso é destacable, por unha banda, a introdución da comunicación previa ao inicio de actividades comerciais, introducida pola Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, e, por outra banda, a decidida intervención do Estado con normas como a Lei 25/2009, do 22 de decembro; a Lei 2/2011, do 4 de marzo, de economía sustentable, que introduce novos artigos 84 bis e ter na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e suprime a licenza de actividade, e a Lei 12/2012, do 26 de decembro, de medidas urxentes de liberalización do comercio e determinados servizos. Cómpre subliñar tamén a actividade de moitos dos entes locais que establece ordenanzas que introducen a comunicación previa ou declaración responsable nas actividades. Neste último caso, o labor non se pode completar sen que a Comunidade Autónoma estableza un réxime xurídico único e estable nas actividades que regula pero que non autoriza, ao ser competencia exclusivamente municipal e estar sometida a licenza de actividade. Son as denominadas actividades inocuas, as clasificadas e as actividades recreativas e os espectáculos públicos.

A Comunidade Autónoma carece dunha regulación común do réxime de control administrativo das actividades. A regulación existente, ou é estatal e aplícase supletoriamente –caso das actividades inocuas co Regulamento de servizos das corporacións locais de 1955–, ou debe ser actualizada para adaptala ao novo marco normativo –caso do Decreto 133/2008–, ou atópase fragmentada –caso dos espectáculos públicos, regulados por un regulamento estatal de 1982 e por un catálogo aprobado por decreto da Xunta de Galicia.

O novo texto establece un réxime xurídico único do exercicio de actividades en Galicia, eliminando de xeito pleno e efectivo a licenza de apertura previa á instalación e ao inicio da actividade (licenzas de actividade ou instalación e de apertura ou funcionamento). Neste sentido, a lei dá cumprimento en Galicia ao disposto no artigo 41 da Lei de economía sustentable, que determina que, con carácter xeral, o exercicio de actividades non se someterá á obtención de licenza ou outro medio de control preventivo.

Para que a liberalización de actividades sexa efectiva é preciso modificar a regulación das licenzas de obra, de xeito que se establece un réxime xeral que é o de comunicación previa xunto cunha reserva para a licenza naqueles casos en que unha norma estatal así o exixe, singularmente a Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, e o máis recente artigo 23 do Real decreto lei 8/2011, do 1 de xullo, de medidas de apoio aos debedores hipotecarios, de control do gasto público e cancelación de débedas con empresas e autónomos contraídas polas entidades locais, de fomento da actividade empresarial e impulso da rehabilitación e de simplificación administrativa.

En prol de que a instalación, implantación ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial poida realizarse no menor tempo posible axilizando os procedementos de control, pero ao tempo dar seguridade xurídica ao interesado, a terceiros e á propia administración, créanse nesta lei as entidades de certificación de conformidade municipal (Eccom), que se configuran como as que avaliarán a conformidade daquelas respecto da normativa aplicable en cada caso no ámbito municipal.

A intervención das entidades de certificación de conformidade municipal será facultativa, e non substituirán en ningún caso as potestades de comprobación, inspección ou calquera outra da Administración, pero serán as responsables fronte a ela dos extremos obxecto de certificación.

Tendo en conta que o labor das entidades de certificación da conformidade debe levarse a cabo cun elevado nivel de calidade e de profesionalidade, que se deben rexer conforme os principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia, que o seu labor terá efectos administrativos para os cidadáns e mais que o seu funcionamento e actos estarán baixo o control da Administración, está xustificado que por razóns de interese xeral a súa actividade estea sometida a autorización administrativa previa nas condicións recollidas no artigo 5 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, establecéndose para iso requisitos obxectivos que garantan a non discriminación e a proporcionalidade.

9

A lei estrutúrase en tres títulos, tres disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, dúas disposicións derrogatorias e oito disposicións derradeiras, máis un anexo.

Título I. Obxecto desta lei.

Título II. Indícanse os títulos competenciais e determínase o seu ámbito de aplicación subxectivo e obxectivo.

Así mesmo, establécese o conxunto de medidas propostas para estimular o emprendemento e a actividade emprendedora. Clasifícanse en nove capítulos agrupados por ámbitos de actuación:

Capítulo I. Disposicións xerais. No marco da normativa da Unión Europea e da lexislación básica do Estado, a lei desenvolve políticas específicas que permitan estimular a creación de empresas.

Capítulo II. Principios informadores. Describen os principios informadores polos cales se rexerán a promoción, protección, fomento e apoio á actividade emprendedora: incentivar a cooperación empresarial, desenvolver políticas formativas e de I+D+i; garantir a seguridade xurídica, a confianza lexítima, a liberdade de establecemento e a libre competencia; traballar na coordinación e simplificación administrativa e mais favorecer a consolidación temperá.

Capítulo III. Simplificación administrativa. Traballar a favor da simplificación, facilitando e diminuíndo a carga administrativa que supón a posta en marcha dunha empresa.

Capítulo IV. Financiamento. Regular actuacións que lles permitan ás persoas emprendedoras e ao empresariado en Galicia accederen a diferentes formas de financiamento, en particular, ao alternativo á banca tradicional.

Capítulo V. Ámbito laboral. Coordinación entre as políticas de apoio ás persoas emprendedoras derivadas desta lei e as comprendidas nos programas de apoio ao emprendemento, coas deseñadas pola consellaría competente en materia de promoción do emprego, para o fomento do autoemprego e do emprendemento.

Capítulo VI. Ámbito educativo. Colaborar coa consellaría competente en materia de educación na tarefa de sensibilizar e promover unha cultura emprendedora en todos os niveis do ámbito educativo, apoiando o Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia. Este plan constitúese como o marco onde coordinar sinerxías sobre materia emprendedora, e supón unha aposta clara e firme para a difusión e implantación desta cultura na comunidade educativa.

Capítulo VII. Servizos de capacitación previa e de consolidación e crecemento.

Capítulo VIII. Ámbitos específicos: políticas públicas de igualdade e apoio a proxectos innovadores ou con proxección internacional.

Capítulo IX. Consello Galego de Economía e Competitividade. A creación deste órgano colexiado da Administración permitirá desenvolver un conxunto de mecanismos de mellora na coordinación de políticas e servizos de apoio a persoas emprendedoras e empresas.

Título III. Establécese a regulación integrada do exercicio de actividades en Galicia:

Capítulo I. Supresión da licenza municipal de actividade e réxime de comunicación previa, polo que na Comunidade Autónoma de Galicia se suprime con carácter xeral a necesidade de obtención de licenza municipal de actividade, apertura ou funcionamento para a instalación, implantación ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial profesional, industrial ou comercial.

Capítulo II. Avaliación ambiental de actividades, no cal se establece o procedemento de incidencia ambiental.

Capítulo III. Espectáculos públicos e actividades recreativas. Establécese o réxime para súa autorización.

Capítulo IV. Entidades de certificación de conformidade municipal.

Capítulo V. Réxime sancionador.

Na disposición derradeira primeira recóllense medidas de carácter fiscal para o apoio ao emprendemento no ámbito do imposto sobre a renda das persoas físicas, do imposto sobre sucesións e doazóns, do imposto sobre o patrimonio e do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Así mesmo, aclárase a normativa existente sobre prezos medios de mercado para a valoración de inmobles, distinguíndoo do medio consistente no ditame de peritos, cuxa natureza é distinta. Así, no caso de que o ben obxecto de valoración estea dentro do ámbito obxectivo da orde que regula os prezos medios e non presente ningunha singularidade, ou, presentándoa, esta teña un coeficiente parametrizado na propia orde que adapte o prezo medio a ela, a valoración non precisará da presenza dun perito e poderá ser realizada polo propio órgano liquidador.

No caso contrario, é dicir, aqueles bens que non entran no ámbito obxectivo da orde, ou que, entrando, presentan singularidades ás que non responde ningún coeficiente parametrizado na propia orde para corrixir o seu valor, faise necesaria a intervención facultativa e, polo tanto, o medio de comprobación adecuado será o ditame pericial.

10

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 30.1.1 que corresponde á Comunidade Autónoma o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia, e no seu artigo 30.1.7.b) que lle corresponde igualmente o desenvolvemento e a execución en Galicia de programas xenéricos estimuladores da ampliación de actividades produtivas e implantación de novas empresas.

A competencia en materia de regulación de actividades e obras de edificación contense no parágrafo 3 do artigo 27 do Estatuto de autonomía e as actividades recreativas e os espectáculos públicos no artigo 2.b) da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias a Galicia.

O establecido nesta lei enténdese sen menoscabo do disposto noutras normas en materia laboral, educativa e sobre colexios profesionais. En canto ás medidas tributarias, as competencias da Comunidade Autónoma en materia de impostos cedidos inclúense na Lei 22/2009, que regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común, e na Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

TÍTULO I
Obxecto da lei

Artigo 1. Obxecto

1. Constitúe o obxecto desta lei a definición dun marco normativo específico na Comunidade Autónoma de Galicia que incentive a creación e implantación de empresas e o seu posterior desenvolvemento, a través da xeración de cultura emprendedora, a formación, a flexibilización dos trámites administrativos, a ampliación dos prazos de validez dos permisos e a introdución de instrumentos financeiros, servizos específicos ás persoas emprendedoras e incentivos fiscais. Todo isto no ámbito das competencias que o Estatuto de autonomía lle atribúe á Comunidade Autónoma. Así mesmo, desenvolve, pon en valor e regula a actividade do investidor particular en proxectos de emprendemento.

2. Tamén é obxecto desta lei a regulación do réxime xurídico e dos instrumentos de intervención administrativa aplicables á instalación e apertura de establecementos e ao exercicio de actividades económicas e a regulación do réxime de comunicación previa administrativa para o exercicio de actividades e a realización de actos de uso do solo e do subsolo.

TÍTULO II
Medidas para estimular o emprendemento e a actividade emprendedora

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 2. Competencias en materia de emprendemento

A consellaría competente en materia de economía é o órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia encargado de promover, dinamizar, deseñar e executar as políticas específicas de apoio ás persoas emprendedoras para o estímulo á creación de empresas e ao seu posterior desenvolvemento e consolidación, sen prexuízo das competencias doutras consellarías en función da natureza xurídica das empresas e das actividades que realicen, para as que se establecerán os mecanismos de coordinación que resulten necesarios.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

1. Ámbito subxectivo. Para os efectos deste título, considéranse emprendedoras aquelas persoas físicas ou xurídicas que se encontren realizando unha actividade empresarial ou profesional con ata corenta e dous meses de antigüidade ou ben os trámites previos para poder desenvolver unha actividade económica, sexa de forma autónoma, como autónomo, cooperativista, socio ou socia dunha pequena e mediana empresa, sociedade laboral, ou a través de calquera fórmula empresarial admitida en dereito, que teña domicilio social e fiscal dentro de Galicia. Terán a consideración de pequenas e medianas empresas as que cumpran os requisitos previstos na definición adoptada polos organismos competentes na materia.

2. Ámbito obxectivo. Sen prexuízo das medidas establecidas con carácter xeral, este título será de aplicación ás actividades empresariais ou profesionais que realicen ou vaian realizar os suxeitos sinalados no parágrafo anterior, de xeito individual ou colectivo.

Artigo 4. Excepcións

Para os efectos deste título, non se considerarán persoas emprendedoras:

a) As persoas físicas con relación a aquelas actividades que se leven a cabo no ámbito de dirección e organización doutra persoa física ou xurídica. Singularmente, esta lei non será aplicable aos denominados traballadores/as autónomos/as dependentes, previstos no capítulo III do título II da Lei 20/2007, do 11 de xullo, reguladora do Estatuto do autónomo.

b) As persoas físicas cuxa actividade económica se leva a cabo a través dunha sociedade patrimonial.

c) As persoas físicas cuxa actividade se limita pura e simplemente ao mero desempeño do cargo de conselleiro/a ou membro dos órganos de administración nas empresas que revistan a forma xurídica de sociedade.

d) As persoas físicas ou as persoas xurídicas en que algún/algunha dos/as seus/súas socios/as se encontre inhabilitado/a, en España ou no estranxeiro, como consecuencia dun procedemento concursal, se encontre procesado/a ou, tratándose do procedemento a que se refire o título III do libro IV da Lei de axuizamento criminal, se teña ditado auto de apertura do xuízo oral, ou teña antecedentes penais, por delitos de falsidade contra a Facenda pública e contra a Seguridade Social, de infidelidade na custodia de documentos e violación de segredos, de branqueo de capitais, de receptación e outras condutas afíns, de malversación de bens públicos, contra a propiedade, ou que estea inhabilitado/a ou suspendido/a, penal ou administrativamente, para exercer cargos públicos ou de administración ou dirección de entidades financeiras.

e) No caso de sociedades unipersoais ou persoas autónomas, non poderán ser consideradas emprendedoras as persoas que teñan a condición de socio ou socia único/a noutra empresa unipersoal ou que leven dados de alta no réxime de persoas autónomas máis de corenta e dous meses.

f) As persoas físicas ou as persoas xurídicas mentres desenvolvan actividades relacionadas coa actividade bancaria, seguros e fondos de pensións, e aquelas que afecten a seguridade nacional.

Artigo 5. Definición de actividade emprendedora

1. Para os efectos desta lei, entenderase como actividade emprendedora a consistente en realizar todo o conxunto de actuacións precisas para o comezo efectivo dunha actividade empresarial ou profesional por persoas emprendedoras que manteñan e desenvolvan un compromiso ético permanente na súa actuación, reflectido, entre outros aspectos, na vinculación ao territorio e no compromiso de mantemento da actividade, ben sexa de forma autónoma, como autónomo ou como cooperativista, socio ou socia dunha pequena ou mediana empresa, sociedade laboral, ou a través de calquera fórmula empresarial admitida en dereito, sempre que o domicilio fiscal e social da entidade se vaia situar en Galicia e que a maioría do capital social sexa de titularidade de persoas emprendedoras.

2. Tamén se considera actividade emprendedora a realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional por persoas emprendedoras sempre que desde o comezo desta transcorrese un prazo non superior a corenta e dous meses, e sempre que a actividade non sexa continuación ou ampliación doutra actividade anterior.

3. En relación coas medidas relativas á sucesión da empresa, considérase actividade emprendedora a realización efectiva da actividade empresarial ou profesional pola persoa sucesora inter vivos ou mortis causa sempre que a persoa sucesora cumpra os requisitos para ser considerada persoa emprendedora.

4. O inicio do exercicio efectivo da actividade económica acreditarase mediante a xustificación da alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios.

CAPÍTULO II
Principios informadores da lei

Artigo 6. Principios informadores

As políticas públicas de promoción, protección, fomento e apoio da actividade emprendedora levaranse a cabo atendendo aos seguintes principios informadores:

a) Garantía da liberdade de establecemento e libre competencia no marco das disposicións da Unión Europea.

b) Mellora do tecido empresarial territorial endóxeno, así como un patrón de crecemento baseado na competitividade, a innovación, a tecnoloxía e o crecemento económico dentro dun marco de desenvolvemento sustentable.

c) Protección da seguridade xurídica e da confianza lexítima.

d) Simplificación administrativa, en especial no concernente ao inicio das actividades emprendedoras e para a creación de empresas, para a redución de trámites e requisitos, no marco da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, e da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

e) Coordinación das accións levadas a cabo polas diversas administracións e polos distintos departamentos e unidades administrativas, como consecuencia do carácter transversal das funcións públicas a favor das persoas emprendedoras.

f) Promoción e fomento da actividade emprendedora a través dos servizos de asesoramento e apoio ás persoas emprendedoras e dos incentivos para a súa constitución e desenvolvemento.

g) Potenciación de todas as alternativas de financiamento existentes favorecendo un modelo específico de financiamento para emprendedores e os seus correspondentes incentivos.

h) Impulso do autoemprego, do emprendemento de base cooperativa, do emprendemento feminino, do asociacionismo e da colaboración empresarial e outras fórmulas de economía social.

i) Desenvolvemento dunha cultura empresarial da innovación e a internacionalización.

j) Promoción da cooperación económica empresarial, especialmente nos sectores estratéxicos da comunidade autónoma.

k) Consolidación temperá da actividade emprendedora, mediante accións que favorezan o fortalecemento das empresas.

l) Facilitar a sucesión, o traspaso de empresas ou a superación de situacións de fracasos ou quebras sobrevidas de empresas.

m) No desenvolvemento da capacidade e responsabilidade normativa, cando se creen novas cargas administrativas para as empresas, asegúrase de eliminar polo menos unha carga existente de custo equivalente.

n) Perspectiva de xénero no deseño e na planificación e execución das accións que se vaian desenvolver, garantindo a igualdade entre homes e mulleres.

CAPÍTULO III
Medidas de simplificación administrativa

Artigo 7. Puntos de atención ao emprendedor

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en colaboración coas organizacións afectadas, elaborará as propostas necesarias para unha progresiva redución de cargas administrativas soportadas polas empresas, incidindo principalmente na eliminación de trámites innecesarios e na presentación de documentos prescindibles, co obxectivo de que a constitución de novas empresas en Galicia se poida realizar en menos de vinte e catro horas.

En prol de facilitar os trámites administrativos, a Administración empregará en todos os documentos unha linguaxe sinxela e clara para a cidadanía.

2. Potenciarase a administración electrónica e a análise de xestións, permisos e licenzas necesarios para axilizar toda a tramitación administrativa que comporta o proceso de creación de empresas.

3. Os puntos de atención ao emprendedor que desenvolvan a súa actividade en Galicia regularanse pola normativa estatal correspondente e terán, entre outras, as seguintes funcións:

a) Recibir as solicitudes de constitución de empresas, as comunicacións previas e as declaracións responsables, así como tramitar as altas provisionais de empresas.

b) Realizar as funcións de información e orientación que regulamentariamente se determinen.

c) Incentivar a celebración de convenios de colaboración ou participar naqueles que concerte a Administración do Estado cos rexistros da propiedade, o Consello Xeral do Notariado, a Axencia Estatal de Administración Tributaria e mais os rexistros mercantís, os rexistros de cooperativas e o Rexistro de Sociedades Agrarias de Transformación.

d) Emitir, de acordo cos convenios que se subscriban coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e cos rexistros mercantís, rexistros de cooperativas e rexistros administrativos, o certificado de rexistro provisional da denominación da empresa e o número de identificación fiscal provisional.

e) Cando se integren na unidade Galicia Emprende deberán prestar a asistencia prevista no artigo 8 seguinte.

f) Todas as demais funcións que regulamentariamente se determinen.

4. Na Rede de puntos de atención ao emprendedor integraranse os puntos de atención previstos na normativa estatal. Para tal efecto a Xunta de Galicia promoverá os oportunos convenios de colaboración co ministerio competente e co Centro de Información e Rede de Creación de Empresas do mesmo departamento.

Artigo 8. Unidade Galicia Emprende

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, directamente ou a través da entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de emprendemento, creará a unidade Galicia Emprende como programa transversal de información, orientación e avaliación das persoas emprendedoras.

2. Regulamentariamente, estableceranse as condicións, características e composición da unidade, que poderá estar composta por todas as persoas e entidades con domicilio social e fiscal en Galicia que soliciten a adscrición á unidade como axentes e cumpran as condicións que sexan regulamentariamente establecidas.

3. A unidade Galicia Emprende facilitará o apoio ás persoas emprendedoras de xeito coordinado e con requirimentos comúns:

a) Calquera persoa física que requira atención e información para emprender será atendida cun nivel estandarizado de atención e información.

b) As persoas emprendedoras serán dirixidas, en función do seu perfil e das características da súa idea ou proxecto, ao axente da unidade Galicia Emprende idóneo para a atención e apoio nos seguintes pasos.

c) Cando a persoa física demande apoio ou formación previa para a maduración dunha idea empresarial ou para a elaboración do plan de empresa, a unidade terá a obriga de coñecer e de lle ofrecer as posibilidades existentes, para que as súas necesidades sexan satisfeitas nun prazo non superior a sesenta días naturais desde a súa demanda formativa.

d) Servizo de avaliación de proxectos: cando se presente a calquera axente da unidade Galicia Emprende un proxecto desenvolvido de empresa, o axente receptor deberá emitir un preinforme de viabilidade nun prazo non superior a dez días naturais, preinforme que será remitido á entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de emprendemento. A entidade, nun prazo non superior a vinte días naturais desde a recepción do proxecto, elaborará un informe que poderá ratificar o preinforme emitido. En caso de que o informe sexa positivo, xuntarase a orientación sobre apoios económico-financeiros públicos asignables ao proxecto así como unha recomendación de itinerarios para a busca de apoio financeiro privado.

4. A unidade Galicia Emprende elaborará un informe con carácter anual, no que se deberán recoller as cifras de polo menos os datos de solicitudes atendidas, proxectos avaliados, proxectos declarados como viables e servizos proporcionados.

5. No deseño, planificación e implementación da actividade da unidade Galicia Emprende teranse en conta as actuacións en materia de emprendemento por parte da Administración xeral do Estado.

Artigo 9. Rede de viveiros Galicia Emprende

1. A entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de emprendemento recompilará a información dos viveiros e incubadoras de empresas existentes na comunidade autónoma e procurará un espazo telemático para difundir e compartir a información destas estruturas: a súa localización, dependencia, características principais e dispoñibilidade.

2. A entidade instrumental do sector público autonómico competente en materia de promoción económica outorgará unha cualificación Galicia Emprende ás entidades xestoras de viveiros que acaden un estándar mínimo de calidade nos servizos prestados e nas instalacións con que contan.

3. As entidades cualificadas como Galicia Emprende estarán facultadas para xestionar de xeito independente a súa información dentro do espazo de difusión xeral, e para a actividade de tales entidades xestoras poderanse establecer incentivos específicos.

CAPÍTULO IV
Medidas para facilitar o financiamento das persoas emprendedoras

Artigo 10. Obxectivos e instrumentos económicos de financiamento das persoas emprendedoras

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma e a entidade instrumental do sector público autonómico competente en materia de promoción económica xestionarán os instrumentos económicos de apoio e incentivo ao financiamento das persoas emprendedoras, que terán como obxectivo preferente promover a posta en marcha por elas de novas empresas en Galicia mediante a concepción e concertación pública, privada ou público-privada de instrumentos de apoio financeiro especificamente estruturados para tal fin.

2. Os instrumentos a que se refire o parágrafo anterior estableceranse respecto da regulación sobre axudas de Estado da Unión Europea e, sen prexuízo de que se estableza calquera outro que cumpra cos obxectivos sinalados, poderán ser:

a) Préstamos, crédito, garantías ou avais, xa sexa directamente ou en concerto con outras entidades públicas ou privadas.

b) Incentivos a fondo perdido para apoiar os investimentos necesarios para a posta en marcha de empresas constituídas por suxeitos aos cales lles sexa de aplicación esta lei.

c) Fondos de capital risco e capital semente específicos para proxectos emprendedores, para os cales se impulsará a actuación neste eido das sociedades de capital risco e das sociedades de garantía recíproca para a concertación de microcréditos e préstamos participativos.

3. Para acadar os obxectivos previstos neste título, a Administración xeral da Comunidade Autónoma, directamente ou a través da entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de emprendemento, creará os seguintes instrumentos:

a) Un fondo de capital risco Galicia Emprende, público ou público-privado, para o emprendemento, cunha dotación inicial non inferior a 4 millóns de euros.

b) Un programa de microcréditos para emprendemento coas sociedades de garantía recíproca galegas.

4. A entidade instrumental do sector público autonómico competente en materia de promoción económica, co obxecto de incrementar a capacidade financiadora do emprendemento, concertará con entidades públicas e privadas mecanismos de cofinanciamento, especialmente nos eidos das participacións minoritarias en capital ou en participacións sociais, ou a través de préstamos participativos.

5. Coa mesma finalidade, estimularase o financiamento directo dos proxectos de emprendemento a través de entidades financeiras que operan en Galicia e mesmo a través de calquera empresa como parte da súa responsabilidade social empresarial.

Artigo 11. Investidor ou investidora particular de apoio ao emprendemento

1. Para os efectos desta lei, terá a condición de investidor/a particular de apoio ao emprendemento galego a persoa física ou agrupación sen personalidade xurídica de persoas físicas que leven a cabo un investimento entre 50.000 e 300.000 euros para financiar un proxecto empresarial que estea promovido por suxeitos aos cales lles sexa de aplicación a presente lei e cuxo domicilio ou sede da actividade estea en Galicia.

2. A toma do capital do/a investidor/a particular de apoio ao emprendemento galego non poderá superar o 50 % do capital da empresa participada.

3. A Administración xeral da Comunidade Autónoma, por si mesma ou a través da entidade instrumental do sector público autonómico competente en materia de emprendemento, potenciará os investidores e as investidoras particulares de apoio ao emprendemento pola súa capacidade de apoio económico e pola súa experiencia e achega de valor ás pemes participadas. Para poñer en valor todos os aspectos positivos desta figura, anualmente, e de acordo cos investidores, programaranse accións de difusión pública dos procesos de investimento e coinvestimento realizados, con especial énfase no efecto exemplificador das dúas figuras, o de persoa emprendedora e o de investidor ou investidora particular.

Artigo 12. Rede galega de investidores e investidoras particulares de apoio ao emprendemento

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma, directamente ou a través da entidade instrumental do sector público autonómico competente en materia de emprendemento, creará a Rede galega de investidores e investidoras particulares de apoio ao emprendemento como recompilación de persoas investidoras.

2. A Rede galega de investidores e investidoras particulares de apoio ao emprendemento recibirá os proxectos empresariais das persoas emprendedoras e mediará na captación de investidores/as particulares.

3. No marco da Rede galega de investidores e investidoras particulares, a entidade instrumental do sector público autonómico competente en materia de emprendemento deberá poñer en marcha instrumentos de coinvestimento público-privado e procurará a creación de fondos de investimento específicos con esta composición mixta.

4. Establecerase un sistema de acreditación de investidores/as particulares Galicia Emprende no que se terá en conta a participación efectiva no financiamento e apoio de proxectos emprendedores en Galicia.

5. Daráselles preferencia, na análise para o coinvestimento, aos proxectos de emprendemento propostos por investidores/as particulares que propoñan investir nunha parte do capital.

Artigo 13. Forma de realización das accións e compatibilidade

As medidas públicas de apoio ao emprendemento mediante préstamos directos ou a través doutros instrumentos de financiamento públicos ou público-privados, avais ou subvencións levaraas a cabo directamente a entidade instrumental do sector público autonómico competente en materia de emprendemento ou indirectamente en concerto con outras entidades públicas ou privadas. En todo caso, calquera das medidas se axustará aos límites establecidos nas leis anuais de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e non será incompatible con outras que se poidan desenvolver no ámbito da Comunidade Autónoma ou do Estado.

CAPÍTULO V
Medidas no ámbito laboral

Artigo 14. Políticas activas da Xunta de Galicia no eido do emprego e da ocupación

1. O emprendemento e o autoemprego, o fomento das cooperativas e outras fórmulas de economía social constitúen piares das políticas activas de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia como fórmulas de inserción ou reinserción no mercado de traballo.

2. As políticas de apoio ás persoas emprendedoras comprendidas nos programas de apoio deseñados e xestionados pola consellaría competente en materia de promoción de emprego para o fomento do autoemprego, do emprendemento feminino e o emprendemento colectivo, así como para a promoción do cooperativismo e a economía social, exerceranse sen prexuízo da coordinación da consellaría competente en materia de economía.

3. Promoveranse o emprendemento colectivo e o emprendemento feminino a través de accións de formación, divulgación, asesoramento e acompañamento de proxectos cooperativos, en particular a través da colaboración de entidades públicas e privadas dentro da Rede Eusumo e dos gabinetes de economía social dos axentes sociais para o fomento do cooperativismo e a economía social.

4. En calquera das actividades formativas destinadas ao autoemprego, creación de empresas, cooperativas ou mellora empresarial poderanse convocar exclusivamente mulleres ou prever na convocatoria unha maioría de mulleres e, en todo caso, a totalidade das actividades formativas deberán incluír unha porcentaxe de mulleres equivalente á de mulleres desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego do ámbito sectorial da correspondente actuación.

CAPÍTULO VI
Medidas no ámbito educativo

Artigo 15. Políticas activas da Xunta de Galicia no eido educativo

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma, por si mesma ou a través da entidade instrumental do sector público autonómico competente en materia de emprendemento, desenvolverá e reforzará, no marco do vixente Plan de emprendemento no sistema educativo, políticas de apoio ao emprendemento no ámbito educativo, incluído o universitario. As citadas medidas formularanse en coordinación coas que aprobe a consellaría competente en materia educativa e terán carácter prioritario no deseño das políticas de fomento do emprendemento.

2. Na execución do Plan de emprendemento no sistema educativo fixarase como obxectivo prioritario o reforzamento das materias que teñan que ver coa dinámica da actividade emprendedora en todos os niveis educativos e o estímulo do talento emprendedor, a promoción dos valores da iniciativa persoal, a creatividade e o esforzo. Igualmente, promoveranse o emprendemento feminino, o emprendemento colectivo e os valores e principios do cooperativismo e da economía social.

3. No ámbito de aplicación do Plan de emprendemento no sistema educativo consolidarase a implementación de medidas nos ámbitos de actuación da sensibilización e motivación, capacitación emprendedora e empregabilidade, e fomento e apoio da empresarialidade.

CAPÍTULO VII
Servizos de capacitación previa e de consolidación e crecemento

Artigo 16. Servizos de apoio

1. Coa finalidade de incrementar a supervivencia media dos proxectos empresariais en Galicia, a Administración xeral da Comunidade Autónoma e a entidade instrumental do sector público autonómico competente en materia de promoción económica realizarán as seguintes medidas:

a) Impulsarán a xeración e coordinación de servizos ao emprendemento, tanto nas fases previas ao inicio da actividade empresarial coma na consolidación e no crecemento nos primeiros anos de vida.

b) Activarán, directa ou indirectamente, un conxunto de instrumentos de apoio para as distintas fases e situacións dos proxectos emprendedores, coordinando os existentes, dispostos por outros axentes territoriais, e evitando as posibles duplicacións ou solapamentos de servizos.

c) Poñeranse ao servizo do emprendemento en Galicia obradoiros e cursos de formación empresarial para a maduración de ideas e proxectos, apoios individualizados para a elaboración e a análise dos plans de empresa, consultas para a selección da forma xurídica e soporte ás xestións e tramitacións necesarias para a posta en marcha.

2. Logo de iniciarse as actividades empresariais, coordinaranse distintos servizos de soporte inicial de consolidación, como a dinamización e o aproveitamento de redes de mentores, servizos específicos de apoio á profesionalización e desenvolvemento estratéxico e de diagnose e apoio á expansión de mercados e internacionalización.

CAPÍTULO VIII
Medidas de fomento de ámbitos específicos do emprendemento

Artigo 17. Políticas públicas de igualdade e non discriminación no apoio ás persoas emprendedoras

1. As políticas públicas de apoio ás persoas emprendedoras previstas nesta lei e as que se inclúan nos plans de apoio ás persoas emprendedoras terán, entre outros, como obxectivos prioritarios a promoción do empresariado feminino no marco das políticas de igualdade e o fortalecemento dos proxectos de emprendedores liderados por mulleres, a promoción do emprendemento nos ámbitos rural, agrario e do mar, da actividade emprendedora dos mozos e mozas e o fomento do emprendemento entre persoas con discapacidade, ou entre persoas en situación ou en risco de exclusión social.

2. As actuacións dirixidas ao fomento do empresariado feminino desenvolveranse regulamentariamente en relación, de ser o caso, cos seguintes aspectos: formación empresarial, axudas económicas para a creación de empresas, servizos de asesoramento empresarial, servizos de titoría na creación e mellora de empresas, apoio á constitución de redes empresariais, fomento da participación nas canles de promoción, publicidade e comercialización de servizos e produtos.

3. No desenvolvemento regulamentario das medidas dirixidas ao fomento do empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social e as mulleres emprendedoras do medio rural e do sector marítimo-pesqueiro.

Artigo 18. Apoio ao emprendemento no medio rural e a proxectos innovadores ou con proxección internacional

1. As medidas económicas de apoio ao emprendemento previstas nesta lei serán de aplicación preferente aos proxectos de emprendemento no medio rural e aos proxectos que teñan a condición de especialmente innovadores ou a aqueles con vocación de internacionalización.

2. Considéranse proxectos de emprendemento no medio rural as iniciativas de creación de empresa fóra dos núcleos urbanos, é dicir, as iniciativas que se localicen en núcleos de poboación inferior aos 10.000 habitantes.

3. Considéranse proxectos innovadores aqueles que teñan como obxectivo principal a aplicación de desenvolvementos tecnolóxicos no ámbito produtivo, de novo coñecemento aplicado, de resultados do avance científico e de I+D+i, ou nos cales a presenza de elementos intanxibles xeradores de valor sexa especialmente importante.

4. Considéranse proxectos con proxección internacional aquelas iniciativas que prevén desde o inicio a comercialización das súas producións nos mercados internacionais.

5. A consellaría competente en materia de economía, a través dos diversos organismos adscritos a ela, avaliará, por solicitude das persoas interesadas, os proxectos que lle presenten e, de xeito motivado, asignará a condición de emprendemento rural, proxecto innovador ou de proxección internacional aos que reúnan os requisitos expresados nos parágrafos anteriores.

CAPÍTULO IX
Consello Galego de Economía e Competitividade

Artigo 19. Creación do Consello Galego de Economía e Competitividade

1. Créase o Consello Galego de Economía e Competitividade, con natureza xurídica de órgano colexiado da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellaría competente en materia de economía e industria.

2. O Consello Galego de Economía e Competitividade, cumprindo co previsto na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, estará composto por representantes destas organizacións e integrará, ademais, outros axentes económicos e sociais que, en todo caso, representarán diferentes departamentos da Administración galega, as universidades e os eidos máis importantes da sociedade civil con responsabilidade en materia de economía e industria.

3. O desenvolvemento regulamentario dispoñerá a composición, atributos e condicións do Consello Galego de Economía e Competitividade. No seo do Consello procurarase unha composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 20. Funcións do Consello Galego de Economía e Competitividade

Sen prexuízo das funcións que regulamentariamente se determinen, o Consello Galego de Economía e Competitividade deberá exercer as seguintes:

1. Aprobar os plans de desenvolvemento e apoio nas materias que son competencia da Consellería de Economía e Industria: emprendemento, innovación, competitividade, internacionalización, comercio interior e exterior, desenvolvemento industrial, enerxético e mineiro, e establecerán as directrices de apoio ás actividades para persoas físicas e xurídicas e as cautelas para garantir, nos termos que regulamentariamente se establezan, que as empresas se creen, maduren, se expandan e consoliden a nivel nacional e internacional. En tal sentido, o Pleno do Consello Galego de Economía e Competitividade aprobará anualmente un informe sobre os plans de desenvolvemento e apoio, en que se indiquen os resultados obtidos e a consecución de obxectivos.

2. Establecer os comités executivos, por obxectivos temáticos, que no seo do Consello se consideren convenientes, e establecer as directrices de funcionamento destes.

3. Propoñer melloras na planificación, xestión e avaliación das políticas públicas en materia de economía e industria.

4. Responder as consultas que lle formulen e elaborar os informes que lle soliciten as administracións públicas.

Artigo 21. Comités executivos

O Pleno do Consello Galego de Economía e Competitividade creará os comités executivos que considere convenientes no seu seo.

Pola súa vez, estes comités executivos poderán crear as seccións técnicas que consideren convenientes para o mellor tratamento das temáticas obxectivo.

Artigo 22. Réxime de funcionamento do Consello Galego de Economía e Competitividade

Regulamentariamente, desenvolverase o réxime de funcionamento do Consello Galego de Economía e Competitividade.

O órgano colexiado rexerase polo disposto nos artigos 14 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do sector público autonómico de Galicia, e poderá establecer ou completar as súas propias normas de funcionamento.

TÍTULO III
Regulación integrada do exercicio de actividades

CAPÍTULO I
Supresión da licenza municipal de actividade e réxime de comunicación previa

Artigo 23. Supresión da licenza municipal de actividade

1. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia suprímese con carácter xeral a necesidade de obtención de licenza municipal de actividade, apertura ou funcionamento para a instalación, implantación ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial.

2. Os concellos velarán polo cumprimento dos requisitos aplicables segundo a lexislación correspondente, para o cal comprobarán, controlarán e inspeccionarán as actividades.

Artigo 24. Comunicación previa

1. Con carácter previo ao inicio da actividade ou da apertura do establecemento e, de ser o caso, para o inicio da obra ou instalación que se destine especificamente a unha actividade, os/as interesados/as presentarán ante o concello respectivo comunicación previa na cal poñerán en coñecemento da Administración municipal os seus datos identificativos e achegarán a seguinte documentación acreditativa dos requisitos exixibles para o exercicio da actividade ou para o inicio da obra e instalación:

a) Memoria explicativa da actividade que se pretende realizar, coa manifestación expresa do cumprimento de todos os requisitos técnicos e administrativos.

b) Xustificante de pagamento dos tributos municipais.

c) Declaración de que se cumpren todos os requisitos para o exercicio da actividade e de que os locais e as instalacións reúnen as condicións de seguridade, salubridade e as demais previstas no planeamento urbanístico.

d) Proxecto e documentación técnica que resulte exixible segundo a natureza da actividade ou instalación.

e) A autorización ou declaración ambiental que proceda.

f) As autorizacións e os informes sectoriais que sexan preceptivos, xunto coa manifestación expresa de que se conta con todos os necesarios para o inicio da obra, instalación ou actividade.

g) Se for o caso, o certificado, acta ou informe de conformidade emitido polas entidades de certificación de conformidade municipal reguladas nesta lei.

2. Se para o desenvolvemento da actividade é precisa a realización dunha obra, a documentación anterior presentarase coa comunicación previa prevista na normativa urbanística ou coa solicitude de licenza de obra, se proceder. Logo de rematar a obra, presentarase comunicación previa para o inicio da actividade coa antelación sinalada no parágrafo 1 deste artigo.

3. Sométese tamén ao réxime de comunicación previa o cambio de titularidade das actividades e instalación, e quen exerza a nova titularidade deberá comunicalo por escrito ao concello.

4. Toda a documentación requirida neste artigo poderá presentarse telematicamente. As comunicacións e resolucións da Administración tramitaranse do mesmo xeito. E todos os concellos de Galicia deberán ter na súa páxina web un portal telemático de comunicacións previas e autorizacións administrativas.

Artigo 25. Efectos da comunicación previa

1. A comunicación previa presentada cumprindo con todos os requisitos constitúe un acto xurídico do particular que, de acordo coa lei, habilita para o inicio da actividade ou a apertura do establecemento e, de ser o caso, para o inicio da obra ou instalación, e faculta a Administración pública para verificar a conformidade dos datos que se conteñen nela.

2. Os concellos deberán establecer e planificar os procedementos de comunicación necesarios, así como os de verificación posterior do cumprimento dos requisitos precisos para o exercicio da actividade e o seu control posterior.

3. O incumprimento sobrevido das condicións da comunicación previa ou dos requisitos legais da actividade será causa da ineficacia da comunicación previa e habilitarán o concello respectivo para a súa declaración logo de audiencia do/a interesado/a.

Artigo 26. Inexactitude, falsidade ou omisión nos datos achegados na comunicación previa

1. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se achega ou incorpora á comunicación previa comporta, logo de audiencia da persoa interesada, a declaración de ineficacia da comunicación efectuada e impide o exercicio do dereito ou da actividade afectada desde o momento en que se coñece, sen prexuízo das sancións que proceda impoñer por tales feitos.

2. A resolución administrativa que constata as circunstancias ás cales se refire o parágrafo 1 comportará o inicio das correspondentes actuacións e a exixencia de responsabilidades, e poderá determinar a obriga do interesado de restituír a situación xurídica ao momento previo ao recoñecemento ou ao exercicio do dereito ou ao inicio da actividade correspondente, así como a imposibilidade de instar un novo procedemento durante un período de tempo determinado de entre tres meses a un ano.

Artigo 27. Modificacións das actividades

1. Quen exerza a titularidade das actividades debe garantir que os seus establecementos manterán as mesmas condicións que tiñan cando estas foron iniciadas, así como tamén adaptar as instalacións ás novas condicións que posteriores normativas establezan.

2. Quen exerza a titularidade das actividades debe comunicar ao órgano competente, cando se produza, calquera cambio relativo ás condicións ou ás características da actividade ou do establecemento.

3. Será, en todo caso, necesaria unha nova comunicación previa, en cumprimento dos requisitos do artigo 24 desta lei, nos casos de modificación da clase de actividade, cambio de localización, reforma substancial dos locais, instalacións ou calquera cambio que implique unha variación que afecte a seguridade, salubridade ou perigosidade do establecemento.

Artigo 28. Competencias

1. As actividades quedan suxeitas ás potestades administrativas da Xunta de Galicia así como ás do concello respectivo no ámbito das súas competencias.

Os concellos poden adoptar, en calquera caso, medidas cautelares cando se dean motivos de urxencia ou gravidade.

2. A competencia administrativa en materia de control das actividades esténdese ás facultades de comprobación, inspección, sanción e demais medidas de control para garantir que o exercicio da actividade ou a execución da obra ou instalación se adecuan á normativa vixente e, sen prexuízo do disposto na normativa urbanística, comprenderá as seguintes potestades:

a) A comprobación e inspección de instalacións, establecementos e actividades.

b) A incoación, tramitación e resolución dos procedementos de modificación, caducidade ou declaración de ineficacia da comunicación previa.

c) A incoación, tramitación e resolución de procedementos sancionadores, de responsabilidade patrimonial e de restablecemento da legalidade e mais a execución, se é o caso, das resolucións ditadas nestes.

d) A adopción das medidas de carácter preventivo con carácter previo á incoación ou con ocasión da tramitación de calquera dos procedementos sinalados nas alíneas anteriores.

3. Para o restablecemento da legalidade en materia de actividades seguirase o procedemento para a protección da legalidade establecido na normativa urbanística.

4. O procedemento sancionador será o previsto con carácter xeral para o exercicio da potestade sancionadora e axustarase ao previsto no capítulo IV deste título.

Artigo 29. Actuacións de comprobación

1. Sen prexuízo das facultades de control establecidas no artigo anterior, os/as interesados/as poden solicitar a realización dunha inspección de comprobación do local ou do establecemento, que terá por obxecto a adecuación deste á normativa aplicable e o cumprimento das condicións legais e técnicas da actividade.

2. Realizada a solicitude prevista no parágrafo anterior, no prazo que se sinalen nas ordenanzas locais e, no seu defecto, no prazo máximo de tres meses desde a solicitude do particular, o concello remitirá a quen o solicitase o resultado da actuación inspectora. Sinalarase expresamente se se cumpren os requisitos para o exercicio da actividade e a apertura do establecemento ou, en caso contrario, sinalaranse os incumprimentos ou as deficiencias detectados e concederase un prazo de emenda. O transcurso do prazo sen que se corrixan as deficiencias dará lugar, logo de audiencia da persoa interesada, á adopción das medidas previstas no artigo anterior.

Artigo 30. Actividades promovidas por administracións públicas

1. As actividades e as obras necesarias para o seu exercicio que promovan órganos das administracións públicas ou entidades de dereito público estarán suxeitas a control municipal por medio da obtención de licenza municipal ou, de ser o caso, comunicación previa, agás os supostos exceptuados pola lexislación aplicable e nos termos establecidos regulamentariamente.

2. As actividades municipais e as obras necesarias para o seu exercicio entenderanse autorizadas polo acordo de aprobación do órgano competente do concello, logo de acreditación no expediente do cumprimento da normativa.

CAPÍTULO II
Avaliación ambiental de actividades

Sección 1ª. Procedementos de avaliación ambiental

Artigo 31. Autorización ambiental integrada

Sen prexuízo do disposto no capítulo anterior deberán obter autorización ambiental integrada todas as instalacións ás cales lles resulte de aplicación a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación. Así mesmo, quedan sometidas á dita lei as modificacións destas instalacións.

Artigo 32. Avaliación de impacto ambiental

Os proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental regularanse pola súa propia normativa e non precisarán posterior declaración de incidencia ambiental.

Artigo 33. Avaliación de incidencia ambiental

1. As actividades ás cales non lles resulte de aplicación a normativa sobre avaliación de impacto ambiental e que estean incluídas no anexo desta lei someteranse a avaliación de incidencia ambiental previamente á comunicación a que fai referencia o capítulo anterior.

2. Para estes efectos, obtida a declaración de incidencia ambiental ou a súa modificación substancial, presentarase a comunicación previa prevista no artigo 24 desta lei perante o concello respectivo, na cal, ademais do previsto no citado artigo, achegarán a seguinte documentación:

a) Copia do proxecto da obra ou actividade asinada por técnico/a responsable.

b) Declaración de incidencia ambiental.

c) Certificación do/a técnico/a ou dos/as técnicos/as facultativos/as que autoricen o proxecto de que este cumpre coa normativa técnica de aplicación.

3. Carecerá de validez e eficacia para todos os efectos a comunicación previa relativa a un proxecto que non se axuste ao determinado na declaración de incidencia ambiental.

Sección 2ª. Declaración de incidencia ambiental

Artigo 34. Solicitude de declaración de incidencia ambiental

1. Toda persoa física ou xurídica que pretenda desenvolver unha actividade comprendida no anexo deberá solicitar a emisión de declaración de incidencia ambiental perante o órgano da consellaría competente en materia de ambiente, denominado no sucesivo órgano ambiental.

2. Coa solicitude de declaración de incidencia ambiental deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico redactado por técnico/a competente na materia, de ser o caso.

b) Unha memoria descritiva na cal se detallen:

1º. Os aspectos básicos relativos á actividade, á súa localización e repercusións no ambiente.

2º. Os tipos e as cantidades de residuos, verteduras e emisións xerados pola actividade, e a xestión prevista para eles.

3º. Os riscos ambientais que poidan derivar da actividade.

4º. A proposta de medidas preventivas, correctoras e de autocontrol da incidencia ambiental.

5º. As técnicas de restauración do medio afectado e o programa de seguimento da área restaurada nos casos de desmantelamento das instalacións ou cesamento da actividade.

6º. Os datos que ao xuízo do/a solicitante gozan de confidencialidade amparada na normativa vixente.

Artigo 35. Tramitación da declaración

1. Tras a presentación da solicitude, o órgano ambiental inserirá a memoria presentada na páxina web institucional da consellaría competente en materia de ambiente co fin de que as persoas interesadas poidan formular observacións ou alegacións en relación coas repercusións ambientais da actividade durante o prazo de quince días.

2. Simultaneamente, o órgano ambiental consultará as administracións públicas afectadas. A consulta poderase ampliar a outras persoas físicas ou xurídicas públicas ou privadas vinculadas á protección do ambiente.

3. A notificación indicará o prazo en que deberán remitir, de ser o caso, as observacións e alegacións. Este prazo non poderá exceder os quince días. Os informes solicitados e non recibidos no prazo estipulado entenderanse como favorables, e poderase continuar o procedemento.

4. Se o concello emite informe de non compatibilidade do proxecto co planeamento urbanístico, o órgano ambiental ditará resolución motivada que poña fin ao procedemento e arquivará as actuacións.

Artigo 36. Emisión da declaración de incidencia ambiental

1. Logo de realizar os trámites sinalados no artigo anterior, a persoa titular do órgano ambiental emitirá a declaración de incidencia ambiental que proceda e establecerá, de ser o caso, as medidas preventivas, correctoras ou de restauración que se deben observar na implantación, desenvolvemento e cesamento da actividade.

2. A declaración de incidencia ambiental deberá ser emitida no prazo máximo de dous meses desde a presentación da solicitude. Se se supera o citado prazo, a declaración entenderase favorable e a persoa solicitante quedará vinculada polas medidas preventivas, correctoras e de restauración recollidas na memoria presentada coa solicitude.

3. A declaración poñerá fin á vía administrativa e seralles notificada á persoa solicitante, ás persoas interesadas que formulasen alegacións e ao concello onde se prevexa implantar a actividade.

4. A declaración de incidencia ambiental terá efectos vinculantes para a autoridade municipal.

Artigo 37. Vixilancia e réxime sancionador

1. Sen prexuízo das competencias atribuídas á Administración autonómica, correspóndelle ao concello a vixilancia e o seguimento do cumprimento das condicións establecidas na declaración de incidencia ambiental.

2. O incumprimento das obrigas establecidas na declaración de incidencia ambiental ou das medidas preventivas, correctoras e de restauración recollidas na memoria presentada coa solicitude nos casos de silencio positivo sancionarase, cando proceda, de conformidade co disposto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde a que houber lugar.

Artigo 38. Modificacións substanciais de actividades sometidas a declaración de incidencia ambiental

1. Estarán tamén sometidas a previa declaración de incidencia ambiental as modificacións substanciais das actividades comprendidas no anexo.

2. Consideraranse substanciais as modificacións das instalacións ou procesos vinculados á actividade de cuxa realización derive a superación dos seguintes limiares:

a) O incremento superior ao 50 % da capacidade produtiva da instalación.

b) O incremento superior ao 50 % das materias primas empregadas no proceso produtivo.

c) O incremento do consumo de auga ou enerxía superior ao 50 %.

d) O incremento superior ao 25 % das emisións de contaminantes atmosféricos ou a implantación de novos focos de emisión catalogados.

e) O incremento superior ao 50 % da vertedura de augas residuais.

f) A produción de residuos perigosos ou o incremento do 25 % do seu volume no caso de estaren inicialmente previstos.

g) O incremento nun 25 % dalgún ou da suma do total de contaminantes emitidos.

h) A incorporación ao sistema de produción ou o seu aumento por riba do 25 % de substancias perigosas, reguladas polo Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas.

i) A aplicación dos limiares sinalados no parágrafo 1 terá carácter acumulativo durante todo o tempo de desenvolvemento da actividade.

3. Nas modificacións das actividades comprendidas no anexo que non teñan a consideración de substanciais observarase o previsto no artigo 27 desta lei.

CAPÍTULO III
Espectáculos públicos e actividades recreativas

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 39. Definicións

1. Para os efectos desta lei, entenderase por espectáculos públicos as representacións, exhibicións, actuacións, proxeccións, competicións ou audicións de concorrencia pública, de carácter artístico, cultural, deportivo ou análogo.

2. Entenderase por actividades recreativas aquelas que ofrecen ao público, espectadores ou participantes, actividades, produtos ou servizos con fins de recreo, entretemento ou lecer.

3. Mediante lei do Parlamento de Galicia establecerase o réxime xurídico relativo á organización e ao desenvolvemento dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.

Sección 2ª. Réxime de control administrativo

Artigo 40. Actividades sometidas a comunicación previa

A apertura dos establecementos públicos e a organización de espectáculos públicos e actividades recreativas están sometidas ao réxime de comunicación previa prevista na presente lei, agás nos casos en que por razóns de interese xeral sexa necesario a obtención de licenza municipal, conforme o establecido nesta lei.

Artigo 41. Actividades sometidas a licenza ou autorización

En atención á concorrencia de razóns de interese xeral derivadas da necesaria protección da seguridade e saúde pública, dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, do mantemento da orde pública, así como da adecuada conservación do ambiente e do patrimonio histórico artístico, será precisa a obtención de licenza ou autorización para:

a) A apertura de establecementos e a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas que se desenvolvan en establecementos públicos cunha capacidade superior a 500 persoas, ou que presenten unha especial situación de risco, de conformidade co disposto na normativa técnica en vigor.

b) A instalación de terrazas ao aire libre ou na vía pública, anexas ao establecemento.

c) A celebración de espectáculos e actividades extraordinarias e, en todo caso, os que requiran a instalación de escenarios e estruturas móbiles.

d) A celebración dos espectáculos públicos e actividades recreativas ou deportivas que se desenvolvan en máis dun termo municipal da comunidade autónoma, conforme o procedemento que regulamentariamente se estableza.

e) A celebración dos espectáculos e festexos taurinos.

f) A apertura de establecementos e a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas cuxa normativa específica exixa a concesión de autorización.

Sección 3ª. Procedemento

Artigo 42. Tramitación mediante licenza municipal

1. Con anterioridade á apertura do establecemento público ou ao inicio do espectáculo público ou actividade recreativa, quen exerza a súa titularidade ou as persoas encargadas da súa organización deberán presentar unha solicitude de licenza perante o concello. A solicitude de licenza terá o seguinte contido:

a) Datos identificativos do/a titular ou de quen organice a actividade e, de ser o caso, da persoa que actúe na súa representación, indicando o seu nome e enderezo e incluíndo tamén os enderezos para comunicacións e notificacións telemáticas se elixe ese xeito de notificación.

b) Localización do establecemento público, espectáculo público ou actividade para o/a cal se solicita a licenza.

2. Xunto coa solicitude da licenza, quen exerza a titularidade ou as persoas encargadas da organización deberán presentar a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico, entendido como o conxunto de documentos que definen as actuacións que se van desenvolver, co contido e detalle que lle permita á Administración coñecer o obxecto delas e determinar o seu axuste á normativa urbanística e sectorial aplicable. O proxecto que se presente incluirá o contido mínimo previsto pola normativa sobre prevención e seguridade en materia de incendios, deberá estar asinado polo/a técnico/a competente e deberá conter os datos e requisitos da normativa específica sobre edificación, prevención e control ambiental que sexan de aplicación aos proxectos construtivos e de actividades.

b) Plan de emerxencia, plan de autoprotección, memoria de mobilidade ou estudo de avaliación da mobilidade xerada, estudo de impacto acústico e dispositivo de asistencia sanitaria, redactados de conformidade coa normativa vixente, e sempre que os seus contidos non se incorporasen ao proxecto técnico a que fai referencia a alínea anterior.

c) Declaración da persoa titular ou organizadora, se é o caso, onde faga constar o compromiso de contratación dos seguros previstos nesta lei.

d) Documentación requirida pola normativa sobre ruídos, quentamento, contaminación acústica, residuos e vibracións e, en todo caso, a que determine a normativa sobre prevención e control ambiental segundo corresponda en función das características do establecemento e das actividades que se van desenvolver nel.

e) Documento acreditativo da designación, por quen solicite a licenza, da persoa que debe asumir a responsabilidade técnica da execución do proxecto e que debe expedir a certificación que acredite a adecuación do establecemento á licenza outorgada, no cal debe constar o nome, o enderezo e a titulación e habilitación profesional da persoa designada.

f) A solicitude de licenza urbanística, se é o caso, acompañada pola documentación requirida pola normativa urbanística.

g) Calquera outra documentación que lle sexa solicitada polo concello competente.

3. O custo dos informes, certificacións e actas de verificación ou control de funcionamento e de revisión é por conta dos/as solicitantes.

4. Recibida a solicitude de licenza e a documentación anexa, o concello emitirá os informes necesarios que determinen o cumprimento da normativa aplicable, remitiralles, cando proceda, esta documentación ás autoridades competentes para que emitan os informes referidos ao cumprimento das exixencias técnicas reguladas segundo a normativa vixente que lle sexa de aplicación, informes que serán vinculantes cando sexan negativos ou establezan condicións de obrigado cumprimento. Entenderase que os informes son favorables cando, transcorrido un mes desde a recepción do expediente por parte das autoridades competentes, o concello non reciba comunicación expresa, sen prexuízo das consecuencias derivadas da emisión de informes fóra de prazo, que se fixarán regulamentariamente.

5. Recibido o informe ou transcorrido o prazo regulado no parágrafo anterior sen comunicación expresa, o concello comunicará á persoa interesada no prazo máximo de quince días, contados desde a data de recepción ou de remate do prazo, a idoneidade ou os requisitos e as condicións técnicas que sexa preciso cumprir para a concesión da licenza.

Esta comunicará ao concello o cumprimento das condicións e dos requisitos a que se refire a comunicación regulada no parágrafo anterior.

6. A tramitación de solicitude de licenza non poderá exceder os tres meses, contados desde a presentación da solicitude e da documentación anexa no concello, ata a resolución municipal, na cal se comunican os requisitos e condicionantes técnicos. Transcorridos tres meses sen que o concello comunique a resolución ao interesado, entenderase que o proxecto presentado é correcto e válido para todos os efectos e poderá entender estimada por silencio administrativo a súa solicitude.

Artigo 43. Contido das licenzas

1. As licenzas deberán mostrar, como mínimo, os seguintes datos:

a) O nome, razón social, número ou código de identificación fiscal de quen exerza a titularidade.

b) A denominación do establecemento.

c) O domicilio e localización.

d) A data de outorgamento da licenza.

e) O tipo de establecemento, actividade recreativa ou espectáculos públicos autorizados.

f) A capacidade máxima permitida.

g) Calquera outro dato que se considere oportuno en función da normativa aplicable e/ou das condicións singulares en función da tipoloxía da actividade ou do establecemento.

2. A licenza outorgada polo concello será suficiente para acreditar a actividade, condicións e características do establecemento público e deberá expoñerse nun lugar visible e de fácil acceso.

Artigo 44. Vixencia das licenzas

1. As licenzas dos establecementos abertos ao público concédense por tempo indefinido, salvo que un regulamento ou as propias licenzas establezan expresamente o contrario. Todo iso sen prexuízo dos efectos dos controis e das revisións periódicas a que sexan sometidas.

2. As autorizacións de espectáculos públicos e actividades recreativas terán a mesma vixencia que as dos espectáculos e actividades autorizados.

Artigo 45. Extinción das licenzas

As licenzas extínguense polos seguintes motivos:

a) Por ter finalizado o espectáculo público ou a actividade recreativa.

b) Por cumprimento do prazo a que está sometida a actividade ou o espectáculo público para o cal se solicitou a licenza, nos casos en que proceda.

c) Por caducidade.

d) Por revogación.

e) Por renuncia de quen exerza a súa titularidade.

Artigo 46. Revogación e caducidade

1. As licenzas poden revogarse nos seguintes supostos:

a) Por se teren modificado substancialmente ou teren desaparecido as circunstancias que determinaron o outorgamento, ou teren sobrevido outras novas que, no caso de teren existido, terían comportado a súa denegación.

b) Por incumprimento por parte de quen exerza a titularidade das licenzas dos requisitos ou condicións en virtude dos cales lles foron outorgadas.

c) Por sanción de conformidade co disposto nesta lei.

d) Por falta de adaptacións aos novos requirimentos establecidos polas normas dentro dos prazos previstos con esta finalidade.

2. A non realización da actividade para a cal foi concedida a licenza durante un período ininterrompido dun ano facultará a Administración para declarar a caducidade das licenzas. Este período poderá ser ampliado ata un máximo de dous anos, no caso de espectáculos ou actividades que para o seu normal desenvolvemento precisen de períodos de interrupción ou inactividade. Deberase fixar o prazo que se aplicará na resolución pola cal se outorgou a licenza.

3. A revogación e a declaración de caducidade tramitaranse de oficio dando audiencia ás persoas interesadas, e deberán realizarse dentro do prazo de seis meses de terlles notificado a apertura do expediente. O procedemento poderá ser sobresido no caso de que se emende a irregularidade que motivou a apertura do expediente, agás que se aprecie reiteración ou reincidencia no incumprimento. Tanto a revogación coma a declaración de caducidade non xeran dereito a indemnización.

CAPÍTULO IV
Entidades de certificación de conformidade municipal

Artigo 47. Natureza e finalidade

1. As entidades de certificación de conformidade municipal (Eccom) son aquelas que, despois de seren autorizadas pola Administración, tendo capacidade plena de obrar e actuando baixo a súa responsabilidade, se constitúan coa finalidade de desenvolver en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia actuacións de certificación, verificación, inspección e control da conformidade de instalacións, establecementos e actividades coa normativa aplicable no ámbito municipal e que dispoñan dos recursos humanos, materiais e financeiros necesarios para realizalas, de acordo con esta lei e co que se estableza regulamentariamente.

2. As Eccom rexeranse polos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia, e as súas funcións non substituirán as potestades de comprobación, inspección ou calquera outra da Administración.

3. As Eccom serán as únicas responsables fronte ás administracións públicas do contido das súas certificacións, verificacións, inspeccións e controis da conformidade, e a súa actuación substituirá a responsabilidade dos demais interesados.

Artigo 48. Autorización e rexistro

1. A autorización e o rexistro das entidades de certificación de conformidade municipal corresponderán á consellaría competente en materia de seguridade industrial, e regulamentariamente estableceranse as normas necesarias para iso, así como as súas obrigas e os requisitos exixibles para o desenvolvemento das súas actividades e a súa acreditación.

2. As entidades de certificación de conformidade municipal virán obrigadas, como requisito previo á efectividade da autorización, a subscribir pólizas de seguro que cubran os riscos da súa responsabilidade na contía que se estableza, sen que esta limite a devandita responsabilidade.

Artigo 49. Funcionamento

1. As entidades de certificación de conformidade municipal (Eccom) certificarán, verificarán, inspeccionarán ou controlarán se a instalación, implantación ou exercicio de calquera actividade, económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial, é conforme coa normativa sectorial e coa aplicable no concello onde se realicen ou pretendan realizar, e cos campos e as normas de actuación que se establezan regulamentariamente para este efecto.

2. Nas súas actuacións, as Eccom poderán emitir certificados, actas, informes e ditames, que poderán ser asumidos pola administración pública competente sen prexuízo das súas competencias.

3. No exercicio das súas funcións, as Eccom e o persoal dependente delas desenvolverá as súas funcións con independencia e regulamentariamente estableceranse as disposicións en materia de incompatibilidades.

Artigo 50. Control e inspección

As entidades de certificación de conformidade municipal e os seus actos estarán sometidos ao control e inspección da Administración local e da consellaría competente en materia de seguridade industrial.

CAPÍTULO V
Réxime sancionador

Artigo 51. Infraccións

1. Constitúen infraccións en materia de actividades as accións ou omisións tipificadas nesta lei, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que poidan derivar delas, así como as previstas na normativa sectorial.

2. As infraccións administrativas en materia de actividades clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 52. Infraccións moi graves

Considéranse infraccións moi graves as seguintes:

1. Abrir un establecemento e levar a cabo actividades, ou realizar modificacións, sen efectuar a comunicación previa ou sen dispoñer das licenzas ou autorizacións oportunas, ou incumprir as súas condicións, se supón un risco grave para as persoas ou os bens.

2. A reapertura de actividades afectadas por resolución firme en vía administrativa de clausura ou suspensión, mentres perdure a vixencia de tales medidas.

3. Incumprir as medidas e condicións de seguridade e hixiene establecidas no ordenamento xurídico, así como aquelas específicas recollidas nas correspondentes comunicacións previas, licenzas ou autorizacións, ou derivadas de inspeccións, cando iso supoña un grave risco para a seguridade das persoas ou bens.

4. O engano ou a falsidade nas comunicacións previas ou na obtención das correspondentes licenzas ou autorizacións mediante a achega de documentos ou datos.

5. Modificar os establecementos públicos e instalacións obxecto de regulación nesta lei sen a correspondente licenza ou autorización, sempre que a referida modificación xere situacións de grave risco para as persoas ou os bens.

6. O mal estado dos establecementos, instalacións e servizos que supoña un grave risco para a seguridade das persoas.

7. Incumprir a prohibición de discriminación recollida nesta lei.

8. A expedición de certificados, actas, informes ou ditames cuxo contido non se axuste á realidade dos feitos.

9. A realización de certificacións, verificacións, inspeccións e controis propios das entidades de certificación sen posuír a correspondente autorización en vigor para iso.

Artigo 53. Infraccións graves

Considéranse infraccións graves as seguintes:

1. Abrir un establecemento e levar a cabo actividades, ou realizar modificacións, sen efectuar a comunicación previa ou sen dispoñer das licenzas ou autorizacións oportunas, ou incumprir as súas condicións, se non supón un risco grave para as persoas ou os bens.

2. A inexactitude ou omisión de carácter esencial nos datos obxecto de comunicación previa, licenza ou autorización.

3. Incumprir as medidas e condicións de seguridade e hixiene establecidas na normativa urbanística e de edificación, así como aquelas específicas recollidas na comunicación previa ou nas correspondentes licenzas ou autorizacións, ou derivadas de inspeccións, cando iso non supoña un grave risco para a seguridade das persoas ou bens, e sempre que non sexa constitutivo de infracción moi grave.

4. O mal estado dos establecementos, instalacións e servizos que non supoña un grave risco para a seguridade do público e executantes.

5. A comisión, no prazo dun ano, de máis de dúas infraccións cualificadas como leves por resolución firme en vía administrativa.

6. Non colaborar no exercicio das funcións de inspección.

7. As certificacións, verificacións, inspeccións e controis efectuados polas entidades de certificación de conformidade municipal de forma incompleta ou con resultados inexactos por unha insuficiente constatación dos feitos ou pola deficiente aplicación de normas técnicas ou regulamentarias.

8. O incumprimento das obrigas establecidas regulamentariamente ás entidades de certificación de conformidade municipal.

9. A acreditación de entidades de certificación de conformidade municipal por parte das entidades de acreditación cando se efectúe sen verificar totalmente as condicións e os requisitos técnicos exixidos para o funcionamento daqueles ou mediante valoración tecnicamente inadecuada.

10. O incumprimento das prescricións ditadas pola autoridade competente en cuestións de seguridade, hixiene e medio relacionadas con esta lei e coas normas que a desenvolvan.

11. Ocultar datos ou alterar os xa achegados á entidade de certificación de conformidade municipal.

12. Incorrer as entidades de certificación de conformidade municipal en mora inxustificada en remitir ao órgano ou órganos da Administración, e no prazo establecido regulamentariamente, os certificados, actas, informes ou ditames que sexan resultado da súa actuación.

Artigo 54. Infraccións leves

Considéranse infraccións leves as seguintes:

1. A non comunicación á Administración competente dos cambios de titularidade das actividades reguladas nesta lei.

2. A inexactitude, falsidade ou omisión, en calquera dato ou documento que se xunta ou que consta na comunicación previa, cando non teña carácter esencial.

3. Calquera outra acción que constitúa incumprimento das obrigas establecidas na presente lei ou vulneración das prohibicións recollidas nela, cando non proceda a súa cualificación como infracción moi grave ou grave.

4. O incumprimento das prescricións ditadas pola autoridade competente ás entidades de certificación de conformidade municipal conforme o desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 55. Responsables

1. Considéranse responsables das infraccións reguladas na presente lei as persoas físicas ou xurídicas que incorran nas faltas tipificadas nesta lei. Para estes efectos, os titulares dos establecementos públicos e instalacións, os organizadores de espectáculos públicos e actividades recreativas e, de ser o caso, os técnicos redactores do proxecto ou dos certificados técnicos serán sancionados como responsables polos feitos que constitúan infraccións administrativas reguladas nesta lei.

2. No caso de existir unha pluralidade de responsables a título individual, se non for posible determinar o grao de participación de cada un na realización da infracción, responderán de forma solidaria.

3. Cando unha entidade de certificación de conformidade municipal participe na tramitación administrativa será a responsable das infraccións reguladas nesta lei no que concirne ao obxecto da devandita tramitación. Esta responsabilidade substituirá a dos suxeitos indicados nos parágrafos anteriores deste artigo.

Artigo 56. Procedemento

1. As infraccións previstas nesta lei serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, logo da instrución do oportuno procedemento tramitado consonte o establecido no capítulo II do título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e nas disposicións que o desenvolvan.

2. Iniciado o procedemento sancionador, poderán adoptarse, de forma motivada, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para evitar que se produzan ou manteñan no tempo os prexuízos derivados da presunta infracción.

Artigo 57. Competencia para sancionar

1. Correspóndelles aos concellos a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores pola comisión das infraccións previstas nesta lei, agás en todo o relativo ás entidades de certificación de conformidade municipal e as súas actuacións, que lle corresponderá á consellaría competente en materia de seguridade industrial, sen prexuízo de que poida delegarse nos concellos algunha delas.

2. Nos termos que establece o artigo 4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os órganos administrativos de calquera administración pública deben facilitar ao instrutor do expediente sancionador a documentación necesaria así como os medios materiais e persoais que requira o desenvolvemento da actividade.

Artigo 58. Sancións

1. As infraccións leves serán sancionadas con multa de ata 300,51 euros.

2. As infraccións graves poderán ser sancionadas alternativa ou acumulativamente nos termos previstos salvo que resulten incompatibles con:

a) Multa de 300,52 a 30.050,61 euros.

b) Suspensión ou prohibición da actividade por un período máximo dun ano.

c) Clausura do local ou establecemento por un período máximo dun ano.

d) Retirada da autorización de entidade de certificación de conformidade municipal por un período máximo dun ano.

3. As infraccións moi graves poderán ser sancionadas alternativa ou acumulativamente nos termos previstos salvo que resulten incompatibles con:

a) Multa de 30.050,62 ata 601.012,1 euros.

b) Clausura do local ou establecemento por un período máximo de tres anos.

c) Suspensión ou prohibición da actividade ata tres anos.

d) Retirada da autorización de entidade de certificación de conformidade municipal por un período máximo de tres anos.

4. A contía das sancións económicas previstas nos parágrafos anteriores poderá ser actualizada pola Xunta de Galicia en función das variacións do índice de prezos de consumo.

Artigo 59. Graduación

1. As sancións deberán gardar proporcionalidade coa gravidade dos feitos constitutivos da infracción e graduaranse atendendo aos seguintes criterios:

a) A transcendencia social da infracción.

b) A neglixencia ou intencionalidade de quen realice a infracción.

c) A natureza e contía dos prexuízos ocasionados.

d) A existencia de reiteración ou reincidencia.

e) A situación de predominio de quen realiza a infracción no mercado.

f) A conduta observada por quen realiza a infracción respecto do cumprimento das disposicións legais.

2. Para os efectos desta lei, entenderase como reiteración a comisión de máis dunha infracción de distinta natureza no prazo dun ano desde a comisión da primeira cando así fose declarado por resolución que poña fin á vía administrativa.

Entenderase por reincidencia a comisión de máis dunha infracción da mesma natureza no prazo dun ano desde a comisión da primeira cando así fose declarado por resolución que poña fin á vía administrativa.

3. Para a aplicación dos criterios de graduación das sancións, respectando os límites establecidos no artigo anterior, o órgano competente para sancionar deberá ponderar que a comisión da infracción non resulte máis beneficiosa para quen realice a infracción que o cumprimento das normas infrinxidas.

4. A imposición acumulativa de sancións nos termos previstos no artigo anterior acordarase, en todo caso, naqueles supostos que impliquen grave alteración da seguridade ou contraveñan as disposicións en materia de protección de menores.

Artigo 60. Prescrición e caducidade

1. As infraccións tipificadas como leves nesta lei prescribirán no prazo de seis meses; as tipificadas como graves, no de dous anos, e as tipificadas como moi graves, no prazo de tres anos.

2. O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día da comisión do feito. Nas infraccións derivadas dunha actividade continuada, a data inicial do cómputo será a da finalización da actividade ou a do último acto en que a infracción se consome. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador, e restablecerase o prazo de prescrición se o expediente sancionador está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao presunto ou presunta responsable.

3. Prescribirán ao ano as sancións impostas por infraccións leves da presente lei; aos dous anos, as impostas por infraccións graves, e aos tres anos, as impostas por infraccións moi graves. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable a quen realizou a infracción.

4. O procedemento sancionador debe ser resolto, e notificada a súa resolución, no prazo máximo dun ano desde a súa apertura, salvo que se dea algunha das circunstancias establecidas pola lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común que comporte a interrupción do cómputo. Unha vez vencido este prazo, prodúcese a caducidade das actuacións, de acordo co establecido pola dita lexislación.

Disposición adicional primeira. Réxime dos proxectos industriais estratéxicos

Os proxectos industriais estratéxicos previstos e regulados na Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, sométense ao disposto nela e non lles será de aplicación o previsto na presente lei.

Disposición adicional segunda. A axencia Instituto Galego de Promoción Económica

A axencia Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no marco da súa función de promoción de creación de empresas prevista no artigo 4.b) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, será o instrumento esencial da consellaría competente en economía para desenvolver e aplicar as medidas especificadas no título II da presente lei, e terá a consideración de entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de emprendemento.

Disposición adicional terceira. Reforzamento da inspección administrativa

No prazo dun ano desde a aprobación desta lei todas as administracións nas que o medio de control de inicio de actividades se realice por comunicacións previas ou declaracións responsables deberán regular as medidas e os procedementos de control operativo, habilitar os corpos de inspección pertinentes, deseñar plans de inspección periódica e establecer as taxas que, se é o caso, procedan por estes controis.

Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio das licenzas e autorizacións

1. Todas as solicitudes de licenzas e de autorizacións presentadas antes da entrada en vigor desta lei se rexen pola normativa de aplicación no momento en que se solicitaron, sen prexuízo do cumprimento en todo momento das condicións técnicas que poidan afectar a seguridade das persoas e dos bens ou a convivencia entre a cidadanía.

2. Os interesados e as interesadas poderán optar entre a continuación do procedemento ou a desistencia deste, acolléndose ao previsto na presente lei.

Disposición transitoria segunda. Réxime dos consellos galegos de industria, da minaría e do comercio

1. O Consello Galego de Economía e Competitividade asumirá, no momento da súa constitución, as funcións e competencias que, respectivamente, se atribúen na correspondente normativa aos seguintes consellos, que quedarán suprimidos:

a) Consello Galego de Industria, regulado na Lei 3/2011, do 16 de decembro, da política industrial de Galicia.

b) Consello Galego da Minaría, regulado na Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.

c) Consello Galego de Comercio, regulado na Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia.

2. Mentres non se constitúa o Consello Galego de Economía e Competitividade, os consellos relacionados no parágrafo 1 anterior continuarán coas súas funcións e seguirán rexéndose pola súa normativa.

Disposición derrogatoria primeira

Quedan derrogadas cantas disposicións legais de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derrogatoria segunda

1. Queda derrogado o capítulo IV do título II, «Da avaliación de incidencia ambiental», artigos 13 a 19, ambos inclusive, da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

2. Quedan derrogados os seguintes decretos:

a) Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

b) Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo

Con efectos do 1 de xaneiro de 2013, modifícanse os artigos 5.Dez, 5.Once, 7.Oito, 8.Oito, 13 ter e 17.Oito do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.

Un. O artigo 5.Dez terá a seguinte redacción:

«Dez. Dedución por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación e o seu financiamento.

Os/as contribuíntes poderán deducir na cota íntegra autonómica, e cun límite conxunto de 20.000 euros, as seguintes cantidades:

a) O 20 % das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de capital social como consecuencia de acordos de constitución de sociedades ou de ampliación de capital en sociedades anónimas, limitadas, sociedades laborais e cooperativas.

b) Con respecto ás mesmas entidades, poderase deducir o 20 % das cantidades prestadas durante o exercicio, así como das cantidades garantidas persoalmente polo/a contribuínte, sempre que o préstamo se outorgue ou a garantía se constitúa no exercicio en que se proceda á constitución da sociedade ou á ampliación do seu capital.

Para ter dereito a estas deducións deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) A participación do/a contribuínte, computada xunto coas do cónxuxe ou das persoas unidas por razón de parentesco, en liña directa ou colateral, por consanguinidade ou afinidade ata o terceiro grao incluído, non pode ser superior ao 40 % nin inferior ao 1 % do capital social da sociedade obxecto do investimento, ou dos seus dereitos de voto, en ningún momento e durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación. En caso de préstamo ou garantía, non será necesaria unha participación do/a contribuínte no capital, pero se esta existe non pode ser superior ao 40 %, cos mesmos límites temporais anteriores. O importe prestado ou garantido polo/a contribuínte ten que ser superior ao 1 % do patrimonio neto da sociedade.

b) A entidade en que hai que materializar o investimento, préstamo ou garantía debe cumprir os seguintes requisitos:

1º. Debe ter o domicilio social e fiscal en Galicia e mantelo durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación.

2º. Debe desempeñar unha actividade económica durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación. Para ese efecto, non debe ter por actividade principal a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, de acordo co disposto no artigo 4.8º.Dous.a) da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

3º. Debe contar, como mínimo, cunha persoa ocupada con contrato laboral e a xornada completa, dada de alta no réxime xeral da Seguridade Social e con residencia habitual en Galicia. O contrato terá unha duración mínima dun ano e deberá formalizarse dentro dos dous anos seguintes á constitución ou ampliación, agás no caso de sociedades laborais ou sociedades cooperativas.

4º. No caso de que o investimento fose realizado mediante unha ampliación de capital, ou o préstamo ou a garantía se realizase no exercicio dunha ampliación, a sociedade mercantil debeu ser constituída nos tres anos anteriores á data desta ampliación, e ademais, durante os vinte e catro meses seguintes á data do inicio do período impositivo do imposto sobre sociedades en que se realizase a ampliación, o seu cadro de persoal medio con residencia habitual en Galicia incrementarase, polo menos, nunha persoa respecto do cadro de persoal medio con residencia habitual en Galicia nos doce meses anteriores, e o devandito incremento manterase durante un período adicional doutros doce meses, agás no caso de sociedades laborais ou sociedades cooperativas.

Para o cálculo do cadro de persoal medio total da empresa e do seu incremento tomaranse as persoas empregadas, nos termos que dispoña a lexislación laboral, tendo en conta a xornada contratada en relación coa xornada completa.

c) O/a contribuínte pode formar parte do consello de administración da sociedade en que materializou o investimento, pero en ningún caso pode levar a cabo funcións executivas nin de dirección durante un prazo de dez anos, nin pode manter unha relación laboral coa entidade obxecto do investimento durante ese mesmo prazo, agás no caso de sociedades laborais ou sociedades cooperativas.

d) As operacións en que sexa aplicable a dedución deben formalizarse en escritura pública, na cal se debe especificar a identidade dos/as contribuíntes que pretendan aplicar esta dedución e o importe da operación respectiva.

e) As participacións adquiridas deben manterse no patrimonio do/a contribuínte durante un período mínimo de tres anos seguintes á constitución ou ampliación. No caso de préstamos, estes deben referirse ás operacións de financiamento cun prazo superior a cinco anos, e non poderá amortizar unha cantidade superior ao 20 % anual do importe do principal prestado. No caso de garantías, estas estenderanse a todo o tempo de vixencia da operación garantida, e este non poderá ser inferior a cinco anos.

A dedución contida neste punto resultará incompatible, para os mesmos investimentos, coas deducións previstas nos puntos 9 e 11 deste artigo.»

Dous. O artigo 5.Once terá a seguinte redacción:

«Once. Dedución por investimento en accións de entidades que cotizan no segmento de empresas en expansión do mercado alternativo bolsista.

1. Os contribuíntes poderán deducir na cota íntegra autonómica, e cun límite de 4.000 euros, o 15 % das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de accións como consecuencia de acordos de ampliación de capital subscritos por medio do segmento de empresas en expansión do mercado alternativo bolsista, aprobado polo acordo do Consello de Ministros do 30 de decembro de 2005.

A dedución total calculada conforme o parágrafo anterior ratearase por partes iguais no exercicio en que se realice o investimento e nos tres exercicios seguintes.

2. Para poder aplicar a dedución a que se refire o punto 1 deben cumprirse os seguintes requisitos:

a) A participación conseguida polo contribuínte na sociedade obxecto do investimento non pode ser superior ao 10 % do seu capital social.

b) As accións adquiridas deben manterse no patrimonio do contribuínte durante un período de tres anos, como mínimo.

c) A sociedade obxecto do investimento debe ter o domicilio social e fiscal en Galicia, e non debe ter como actividade principal a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, de acordo co disposto polo artigo 4.8º.Dous.a) da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

Os requisitos indicados nas letras a) e c) anteriores deberán cumprirse durante todo o prazo de mantemento indicado na letra b), que se contará desde a data de adquisición da participación.

d) As operacións en que sexa aplicable a dedución deben formalizarse en escritura pública, na cal se debe especificar a identidade dos investidores e o importe do investimento respectivo.

3. O incumprimento dos requisitos anteriores comporta a perda do beneficio fiscal.

4. A dedución contida neste punto resultará incompatible, para os mesmos investimentos, coas deducións previstas nos puntos 9 e 10 anteriores.»

Tres. O artigo 7.Oito terá a seguinte redacción:

«Oito. Redución pola adquisición de bens destinados á creación ou constitución dunha empresa ou negocio profesional.

1. Nas adquisicións mortis causa por fillos e fillas e por descendentes de calquera tipo de ben, destinado á constitución ou adquisición dunha empresa ou negocio profesional, establécese unha redución do 95 % da base impoñible do imposto sobre sucesións e doazóns, cun límite de 118.750 euros. No caso de que o/a habente causa acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, o límite será de 237.500 euros.

Este límite é único e aplícase no caso dunha ou varias adquisicións mortis causa, sempre que sexan a favor da mesma persoa, proveñan dun ou de distintos ascendentes.

Por constitución dunha empresa ou negocio profesional entenderase o inicio do exercicio dunha actividade económica por unha persoa física ou por medio dunha das entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, xeral tributaria, ou a constitución de calquera forma de sociedade que teña como obxecto a realización dunha actividade económica, sempre que o número de socios e socias ou partícipes non sexa superior a cinco, agás no caso de sociedades laborais ou sociedades cooperativas.

Para os efectos da aplicación da redución, entenderase producida a constitución cando se cause alta por primeira vez no censo de empresarios/as, profesionais e retedores/as como consecuencia do establecido no artigo 3.2.a) do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e dos procedementos de xestión e inspección tributaria. No caso de persoas xurídicas societarias ou entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, xeral tributaria, os socios ou partícipes deben ser persoas físicas que non estean ou estean con anterioridade de alta no citado censo.

Por adquisición dunha empresa ou negocio profesional entenderase a adquisición do pleno dominio dun conxunto patrimonial de bens e dereitos afectos ao exercicio dunha actividade económica ou a adquisición do pleno dominio de accións ou participacións que permitan o control dunha sociedade, sen que se poida considerar como tal a adquisición de elementos illados.

Para determinar se existe actividade económica e se un elemento patrimonial está afecto a unha actividade económica, haberá que aterse ao disposto no imposto sobre a renda das persoas físicas, sen que a redución sexa aplicable en ningún caso á actividade de arrendamento de inmobles nin cando a actividade principal sexa a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, de acordo co disposto no artigo 4.8º.Dous.a) da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

2. Para a aplicación da redución deben cumprirse os seguintes requisitos:

a) A suma da base impoñible total menos o mínimo persoal e familiar para efectos do imposto sobre a renda das persoas físicas do/a habente causa, correspondente ao último período impositivo, cuxo prazo regulamentario de declaración estivese concluído na data da devindicación da primeira transmisión hereditaria, non poderá ser superior a 30.000 euros. Na mesma data, e conforme as regras de valoración establecidas no imposto sobre o patrimonio, o patrimonio neto do/a habente causa non poderá superar o importe de 250.000 euros, excluída a súa vivenda habitual.

b) A aceptación da transmisión hereditaria deberá formalizarse en escritura pública, na cal se exprese a vontade de que, se é diñeiro, se destine á constitución ou adquisición dunha empresa ou negocio profesional, e se é un ben doutra natureza, se afecte a esa actividade. Non se poderá aplicar a redución se esta declaración non consta no documento público, nin tampouco no caso de que se fagan rectificacións do documento co fin de emendar a súa omisión, salvo que se fagan dentro do período voluntario de autoliquidación do imposto.

c) A constitución ou adquisición da empresa ou do negocio profesional debe producirse no prazo de seis meses, contados desde a data de formalización da aceptación da transmisión hereditaria. No caso de haber varias, o prazo computarase desde a data da primeira. A redución non se aplicará ás transmisións hereditarias de diñeiro posteriores á constitución ou adquisición da empresa ou do negocio profesional, agás nos supostos de pagamento aprazado ou financiamento alleo para a constitución ou adquisición da empresa ou do negocio profesional que tivese lugar nos corenta e dous meses anteriores á transmisión hereditaria, sempre que se acreditase que no prazo de seis meses o importe do diñeiro se destinou ao pagamento do prezo pendente ou á cancelación total ou parcial do crédito. No caso de que se trate de bens distintos de diñeiro, a afectación do devandito ben á actividade debe producirse no prazo de seis meses, contados desde a constitución ou adquisición da empresa ou do negocio profesional, e deberá manterse por un prazo de catro anos desde a afectación. Non se entenderá que se incumpre este requisito se o ben se cambia por outro de igual ou superior valor.

d) O centro principal de xestión da empresa ou do negocio profesional, ou o domicilio fiscal da entidade, debe estar situado en Galicia e manterse durante os catro anos seguintes á data da devindicación do imposto.

e) Neste período de catro anos deberanse formalizar e manter un contrato laboral e a xornada completa, cunha duración mínima dun ano e con alta no réxime xeral da Seguridade Social, con persoas con residencia habitual en Galicia distintas do/a contribuínte que aplique a redución e dos socios e socias ou partícipes da empresa ou do negocio profesional, agás no caso de sociedades laborais e sociedades cooperativas.

f) Durante o mesmo prazo deberán manterse a actividade económica e o nivel de investimento que se tome como base da redución.»

Catro. O artigo 8.Oito terá a seguinte redacción:

«Oito. Redución pola adquisición de bens destinados á creación dunha empresa ou negocio profesional.

1. Nas doazóns a fillos e fillas e descendentes de calquera tipo de ben, destinado á constitución ou adquisición dunha empresa ou negocio profesional, establécese unha redución do 95 % da base impoñible do imposto sobre sucesións e doazóns, cun límite de 118.750 euros. No caso de que a persoa que recibe a doazón acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, o límite será de 237.500 euros.

Este límite é único e aplícase tanto no caso dunha soa doazón coma no caso de doazóns sucesivas, sempre que se outorguen a favor da mesma persoa, proveñan dun ou de distintos ascendentes.

Por constitución dunha empresa ou negocio profesional entenderase o inicio do exercicio dunha actividade económica por unha persoa física ou por medio dunha das entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, xeral tributaria, ou a constitución de calquera forma de sociedade que teña como obxecto a realización dunha actividade económica, sempre que o número de socios e socias ou partícipes non sexa superior a cinco, agás no caso de sociedades laborais e sociedades cooperativas.

Para os efectos da aplicación da redución, entenderase producida a constitución cando se cause alta por primeira vez no censo de empresarios/as, profesionais e retedores/as como consecuencia do establecido no artigo 3.2.a) do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e dos procedementos de xestión e inspección tributaria. No caso de persoas xurídicas societarias ou entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, xeral tributaria, os socios e socias ou partícipes deben ser persoas físicas que non estean ou estean con anterioridade de alta no citado censo.

Por adquisición dunha empresa ou negocio profesional entenderase a adquisición do pleno dominio dun conxunto patrimonial de bens e dereitos afectos ao exercicio dunha actividade económica ou a adquisición do pleno dominio de accións ou participacións que permitan o control dunha sociedade, sen que se poida considerar como tal a adquisición de elementos illados.

Para determinar se existe actividade económica e se un elemento patrimonial está afecto a unha actividade económica, haberá que aterse ao disposto no imposto sobre a renda das persoas físicas, sen que a redución sexa aplicable en ningún caso á actividade de arrendamento de inmobles nin cando a actividade principal sexa a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, de acordo co disposto no artigo 4.8º.Dous.a) da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

2. Para a aplicación da redución deben cumprirse os seguintes requisitos:

a) A suma da base impoñible total menos o mínimo persoal e familiar para efectos do imposto sobre a renda das persoas físicas da persoa que recibe a doazón, correspondente ao último período impositivo, cuxo prazo regulamentario de declaración estivese concluído na data da devindicación da primeira doazón, non poderá ser superior a 30.000 euros. Na mesma data, e conforme as regras de valoración establecidas no imposto sobre o patrimonio, o patrimonio neto deste non poderá superar o importe de 250.000 euros, excluída a súa vivenda habitual.

b) A aceptación da transmisión deberá formalizarse en escritura pública, na cal se exprese a vontade de que, se é diñeiro, se destine á constitución ou adquisición dunha empresa ou negocio profesional, e se é un ben doutra natureza, se afecte a esa actividade. Non se poderá aplicar a redución se esta declaración non consta no documento público, nin tampouco no caso de que se fagan rectificacións do documento co fin de emendar a súa omisión, salvo que se fagan dentro do período voluntario de autoliquidación do imposto.

c) A constitución ou adquisición da empresa ou do negocio profesional debe producirse no prazo de seis meses, contados desde a data de formalización da doazón. En caso de haber varias doazóns, o prazo computarase desde a data da primeira doazón. A redución non se aplicará ás doazóns de diñeiro posteriores á constitución ou adquisición da empresa ou do negocio profesional, agás nos supostos de pagamento aprazado ou financiamento alleo para a constitución ou adquisición da empresa ou do negocio profesional que tivese lugar nos corenta e dous meses anteriores á doazón, sempre que se acreditase que no prazo de seis meses o importe do diñeiro se destinou ao pagamento do prezo pendente ou á cancelación total ou parcial do crédito. No caso de que se trate de bens distintos de diñeiro, a afectación do devandito ben á actividade debe producirse no prazo de seis meses, contados desde a constitución ou adquisición da empresa ou do negocio profesional, e deberá manterse por un prazo de catro anos desde a afectación. Non se entenderá que se incumpre este requisito se o ben se cambia por outro de igual ou superior valor.

d) O centro principal de xestión da empresa ou do negocio profesional, ou o domicilio fiscal da entidade, debe estar situado en Galicia e manterse durante os catro anos seguintes á data da devindicación do imposto.

e) Neste período de catro anos deberanse formalizar e manter un contrato laboral e a xornada completa, cunha duración mínima dun ano e con alta no réxime xeral da Seguridade Social, con persoas con residencia habitual en Galicia distintas do/a contribuínte que aplique a redución e dos socios e socias ou partícipes da empresa ou do negocio profesional, agás no caso de sociedades laborais ou sociedades cooperativas.

f) Durante o mesmo prazo deberán manterse a actividade económica e o nivel de investimento que se tome como base da redución.»

Cinco. O artigo 13 ter terá a seguinte redacción:

«Artigo 13 ter. Bonificación na cota do imposto sobre o patrimonio.

Se entre os bens ou dereitos de contido económico computados para a determinación da base impoñible figura algún ao cal se lle aplicaron as deducións na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas relativas á creación de novas empresas ou á ampliación da actividade de empresas de recente creación, ou investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación, bonificarase no 75 %, cun límite de 4.000 euros por suxeito pasivo, a parte da cota que proporcionalmente corresponda aos mencionados bens ou dereitos. O incumprimento dos requisitos previstos nas deducións do imposto sobre a renda das persoas físicas determinará a perda desta bonificación.»

Seis. O artigo 17.Oito terá a seguinte redacción:

«Oito. Dedución na constitución e modificación de préstamos ou créditos hipotecarios e operacións de arrendamento financeiro, concedidos para o financiamento das adquisicións de local de negocios para a constitución dunha empresa ou negocio profesional.

Establécese unha dedución do 100 %, cun límite de 1.500 euros, na cota gradual da modalidade de actos xurídicos documentados no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, para o suposto de primeiras copias de escrituras notariais que documenten a constitución ou modificación de préstamos ou créditos hipotecarios destinados a financiar a adquisición de locais de negocio, beneficiada pola dedución sinalada no punto Sete anterior.

Esta mesma dedución, e co mesmo límite, aplicarase á constitución ou modificación de contratos de arrendamento financeiro a que se refire o punto 1 da disposición adicional sétima da Lei 26/1988, do 29 de xullo, sobre disciplina e intervención das entidades de crédito, destinados a financiar locais de negocio, sempre que se cumpran os requisitos sinalados no punto Sete anterior referidos á constitución da empresa ou negocio e ao seu mantemento, localización, prazos e afectación do ben. Para estes efectos, para o prazo a que se refire o punto 2.b), tomarase como referencia a data do contrato de arrendamento financeiro.»

Sete. O artigo 27.Tres terá a seguinte redacción:

«Tres. Prezos medios de mercado

1. Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1º.c) da Lei 58/2003, xeral tributaria, a Administración tributaria aprobará e publicará a metodoloxía empregada no cálculo, que incluirá as táboas dos propios prezos medios resultantes ou ben as táboas das compoñentes ou valores básicos (solo, construción e gastos/beneficios), así como dos coeficientes singularizadores. Estes últimos teñen como finalidade adaptar os prezos medios á realidade física do ben que se vai valorar e recollen a variabilidade do valor en función das características particulares do ben. Esta normativa técnica aprobarase mediante orde da consellaría competente en materia de facenda.

As táboas actualizaranse periodicamente conforme as variacións do mercado inmobiliario, e poderán adoptarse, para este caso, os índices de variación de prezos inmobiliarios publicados polas distintas administracións públicas ou por institucións especializadas en estatística inmobiliaria.

O proceso de singularización pódeo facer de oficio a Administración cando teña constancia da existencia da singularidade ou por requirimento do administrado mediante a indicación da presenza desta. En calquera caso, o órgano liquidador poderá aplicar o correspondente coeficiente que recolla o feito singular posto de manifesto sen necesidade dunha peritaxe, sempre que o valor do coeficiente estea parametrizado segundo esta normativa.

Será suficiente a motivación da comprobación de valor que inclúa unha correcta identificación do ben, unha aplicación do prezo medio que corresponda e unha adaptación deste ao caso concreto a través dos coeficientes singularizadores que determine a normativa técnica sinalada no punto primeiro.

2. As comprobacións de valor dos inmobles a través de prezos medios de mercado poderán realizarse de forma automatizada a través de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos, de acordo co establecido no artigo 96 da Lei 58/2003, xeral tributaria.»

Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia

Modifícanse os artigos 2, 5, 31, 33, 40 e 45 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

Un. A alínea a) do artigo 2 terá a seguinte redacción:

«a) Clasificación das actividades de acordo coa súa incidencia ambiental, co fin de evitar e corrixir os efectos negativos que estas poden ter no ambiente, a través dos procedementos de avaliación ambiental previa, de ser o caso, e da vixilancia e control delas.»

Dous. O parágrafo 1 do artigo 5 terá a seguinte redacción:

«1. Para os efectos do disposto nos artigos 2.a) e 4, todos os proxectos, obras e actividades que sexan susceptibles de afectar o ambiente deberán obter unha declaración ambiental, se así o exixe a clasificación do grao de protección aplicable a eles.»

Tres. O parágrafo 4 do artigo 5 terá a seguinte redacción:

«4. A declaración ambiental será un requisito previo, preceptivo e vinculante para a autoridade municipal, en canto ás medidas correctoras.»

Catro. O parágrafo 6 do artigo 5 terá a seguinte redacción:

«6. Cando a declaración ambiental impoña a adopción de medidas correctoras, o órgano administrativo ao cal lle corresponda a súa emisión poderá exixir a prestación dunha fianza que cubra a reparación dos posibles danos e o posible custo da restauración.»

Cinco. O artigo 31.a) terá a seguinte redacción:

«a) Previas ao outorgamento dunha autorización.»

Seis. A alínea a) do artigo 33 terá a seguinte redacción:

«a) A iniciación ou realización de proxectos, obras ou actividades sen obter a autorización previa ou sen presentar a comunicación previa cando se trate de actividades sometidas a este trámite.»

Sete. A alínea d) do artigo 33 terá a seguinte redacción:

«d) A ocultación de datos ou o seu falseamento, total ou parcial, no procedemento de obtención da autorización, ou no de presentación da comunicación previa.»

Oito. A alínea e) do artigo 33 terá a seguinte redacción:

«e) A transgresión ou o incumprimento das condicións impostas na autorización ou declaración ambiental, ou o incumprimento das ordes de clausura ou de aplicación de medidas correctoras ou restauradoras do ambiente.»

Nove. O artigo 40 terá a seguinte redacción:

«Artigo 40. Suspensión de actividades

1. Toda actividade que comezase a realizarse sen autorización ou sen presentar comunicación previa, ou incumprindo manifestamente as condicións establecidas, cando tales trámites estivesen impostos pola lexislación vixente, será suspendida na súa execución por requirimento do órgano da Administración ambiental competente, sen prexuízo de que se exixan as responsabilidades que procedan.

2. Así mesmo, sen prexuízo da imposición das sancións e a determinación de responsabilidades que procedan, o órgano substantivo acordará a suspensión nos seguintes supostos:

a) Cando se tiver acreditado a ocultación de datos ou o seu falseamento ou a manipulación maliciosa no procedemento de avaliación, sempre que tiver influído de forma determinante no resultado da dita avaliación.

b) Cando se tiveren incumprido ou se tiveren transgredido de xeito significativo as condicións ambientais impostas para a execución do proxecto ou as medidas preventivas, correctoras e de restauración recollidas na memoria presentada coa solicitude nos casos de silencio positivo.

3. O requirimento do órgano da Administración ambiental competente a que se refire o punto 1 pode ser acordado de oficio ou por instancia de parte, unha vez xustificado o suposto a que fai referencia o dito punto.

4. No caso de suspensión de actividades, terase en conta o previsto na lexislación laboral.»

Dez. O artigo 45.1.b) terá a seguinte redacción:

«b) Ao órgano municipal competente, pola falta de comunicación previa ou do inicio da actividade.»

Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia

Modifícanse os artigos 3, 24, 194, 196, 198, 209, 210, 211, 217 e 219 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Un. A alínea 4.b) do artigo 3 queda coa seguinte redacción:

«b) O sometemento a control municipal da construción e do uso dos predios, ben mediante licenza municipal, ben mediante o réxime de intervención municipal de comunicación previa.»

Dous. A alínea c) do parágrafo 3 do artigo 24 queda coa seguinte redacción:

«c) Presentar a comunicación previa ou solicitar a licenza de edificación e edificar cando o plan xeral ou especial así o estableza.»

Tres. Modifícase a rúbrica do artigo 194, que queda redactada como segue:

«Artigo 194. Licenzas urbanísticas e comunicacións previas».

Catro. O parágrafo 2 do artigo 194 queda coa seguinte redacción:

«2. Estarán suxeitos a licenza municipal previa, sen prexuízo das autorizacións que sexan procedentes de acordo coa lexislación aplicable, os seguintes actos de uso do solo e do subsolo:

a) Os actos de edificación e uso do solo e do subsolo que, consonte a normativa xeral de ordenación da edificación, precisen de proxecto de obras de edificación.

b) As intervencións en edificios declarados bens de interese cultural ou catalogados polas súas singulares características ou valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos ou paisaxísticos.

c) As demolicións.

d) Os muros de contención de terras.

e) Os grandes movementos de terras e as explanacións.

f) Os parcelamentos, segregacións ou outros actos de división de terreos en calquera clase de solo, cando non formen parte dun proxecto de reparcelamento urbanístico.

g) A primeira ocupación dos edificios.

h) A localización de casas prefabricadas e instalacións similares, xa sexan provisionais ou permanentes.

i) A corta de masas arbóreas ou de vexetación arbustiva en terreos incorporados a procesos de transformación urbanística e, en todo caso, cando a devandita corta derive da lexislación de protección do dominio público.»

Cinco. Engádense os parágrafos 4, 5, 6, 7 e 8 ao artigo 194 coa seguinte redacción:

«4. Quedan suxeitos ao réxime de intervención municipal de comunicación previa previsto no presente artigo os actos de uso do solo e do subsolo non suxeitos a licenza e, en todo caso, os que así se establezan nas leis.

5. Cando se trate de actos suxeitos ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, o promotor dos actos de uso do solo e do subsolo previstos no número anterior comunicará ao concello a intención de levar a cabo o acto cunha antelación mínima de quince días hábiles ao da data en que pretenda levar a cabo ou comezar a súa execución. A comunicación deberá ir acompañada de:

a) Descrición suficiente das características do acto de que se trate.

b) Xustificante de pagamento dos tributos municipais.

c) De ser o caso, proxecto técnico exixible legalmente e declaración do/a técnico/a ou os/as técnicos/as facultativos/as que autoricen o proxecto de que este cumpre en todos os seus termos coa ordenación urbanística de aplicación.

d) Copia das restantes autorizacións e, de ser o caso, concesións administrativas cando sexan legalmente exixibles ao solicitante, ou acreditación de terse solicitado o seu outorgamento.

e) Documento de avaliación ambiental, en caso de requirila o uso a que vaian destinadas as obras.

f) Copia da autorización ou ditame ambiental, así como das restantes autorizacións, concesións ou informes sectoriais cando sexan legalmente exixibles.

Con carácter xeral, transcorrido o prazo de quince días hábiles sinalado, a presentación da comunicación previa cumprindo con todos os requisitos exixidos constitúe título habilitante para o inicio dos actos de uso do solo e do subsolo suxeitos a ela, sen prexuízo das posteriores facultades de comprobación, control e inspección por parte do concello respectivo.

Dentro dos quince días hábiles seguintes ao da comunicación, o concello, sen prexuízo da comprobación do cumprimento dos requisitos, poderá declarar completa a documentación presentada ou requirir a emenda das deficiencias que presente a documentación; neste caso adoptará motivadamente as medidas provisionais que entenda oportunas para evitar toda alteración da realidade en contra da ordenación urbanística aplicable, e comunicarallas á persoa interesada por calquera medio que permita acreditar a súa recepción.

O concello deberá ditar a orde de execución que proceda para garantir a plena adecuación do acto ou os actos á ordenación urbanística dentro dos quince días seguintes ao da adopción de calquera medida provisional. A orde que se dite producirá os efectos propios da licenza urbanística.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se achega ou incorpora á comunicación previa comporta, logo de audiencia da persoa interesada, a declaración de ineficacia da comunicación efectuada e impide o exercicio do dereito ou da actividade afectada desde o momento en que se coñece, sen prexuízo das sancións que proceda impoñer por tales feitos.

A resolución administrativa que constata as circunstancias a que se refire o número anterior comportará o inicio das correspondentes actuacións e a exixencia de responsabilidades e poderá determinar a obriga do interesado de restituír a situación xurídica ao momento previo ao recoñecemento ou ao exercicio do dereito ou ao inicio da actividade correspondente, así como a imposibilidade de instar un novo procedemento durante un período de tempo determinado entre tres meses e un ano.

6. Cando se deban realizar diversas actuacións relacionadas coa mesma edificación ou inmoble, presentarase unha única comunicación previa.

7. A comunicación previa presentada para os actos de uso do solo suxeitos a ela implica a responsabilidade solidaria de quen promove as obras, de quen ten a propiedade dos terreos, ou os/as empresarios/as das obras, dos/as técnicos/as redactores/as do proxecto e directores/as das obras e da súa execución, respecto da conformidade das obras coa ordenación urbanística de aplicación e a súa adecuación ao proxecto presentado.

8. Os concellos deberán establecer e planificar os procedementos de comunicación necesarios, así como os de verificación posterior do cumprimento dos requisitos precisos.»

Seis. Modifícase o parágrafo 2 do artigo 196, que queda coa seguinte redacción:

«2. Cando a obra teña por obxecto o desenvolvemento dunha actividade, consignarase expresamente esa circunstancia e, xunto coa comunicación previa ou solicitude de licenza de obra, de ser o caso, poñeranse en coñecemento da Administración municipal os datos identificativos e achegarase a documentación prevista no artigo 24 da Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.»

Sete. Modifícase o parágrafo 1 do artigo 198, que terá a seguinte redacción:

«1. Os actos relacionados no artigo 194 que promovan órganos das administracións públicas ou de dereito público estarán suxeitos a control municipal por medio da obtención de licenza municipal ou comunicación previa, agás os supostos exceptuados pola lexislación aplicable.»

Oito. Modifícase a rúbrica do artigo 209, que queda redactada como segue:

«Artigo 209. Obras sen licenza ou sen comunicación previa en curso de execución».

Nove. Modifícase o parágrafo 1 do artigo 209, que queda coa seguinte redacción:

«1. Cando se estivesen executando obras sen licenza, sen comunicación previa ou orde de execución, sen axustarse ás condicións sinaladas nelas, a persoa titular da alcaldía dispoñerá a suspensión inmediata dos ditos actos e procederá a incoar o expediente de reposición da legalidade e comunicarllo á persoa interesada.»

Dez. Modifícase o parágrafo 3 do artigo 209, que queda coa seguinte redacción:

«3. Instruído o expediente de reposición da legalidade, e logo da audiencia das persoas interesadas, adoptarase algún dos seguintes acordos:

a) Se as obras non son legalizables por seren incompatibles co ordenamento urbanístico, acordarase a súa demolición á custa da persoa interesada e procederase a impedir definitivamente os usos a que desen lugar ou, se é o caso, á reconstrución do indebidamente demolido.

b) Se as obras son legalizables por seren compatibles co ordenamento urbanístico, requirirase a persoa interesada para que no prazo de tres meses presente a solicitude da oportuna licenza ou comunicación previa; manterase a suspensión das obras mentres non se outorgue licenza ou non se presente a comunicación previa.

c) Se as obras non se axustan ás condicións sinaladas na licenza, comunicación previa ou orde de execución, ordenaráselle á persoa interesada que as axuste no prazo de tres meses, prorrogables por outros tres por petición desta, sempre que a complexidade técnica ou envergadura das obras que haxa que realizar faga inviable a súa acomodación ás previsións da licenza no prazo previsto.»

Once. Modifícase o parágrafo 1 do artigo 210, que queda coa seguinte redacción:

«1. De estaren rematadas as obras sen licenza ou sen comunicación previa, ou incumprindo as condicións sinaladas nelas ou na orde de execución, a persoa titular da alcaldía, dentro do prazo de seis anos, contados desde a total terminación das obras, incoará expediente de reposición da legalidade, procedendo segundo o disposto nos números 3, 4, 5, 6 e 7 do artigo anterior. Tomarase como data de remate das obras a que resulte da súa efectiva comprobación pola Administración actuante, sen prexuízo da súa acreditación por calquera outro medio de proba válido en dereito.»

Doce. Modifícase o artigo 211, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 211. Outros actos sen licenza ou sen comunicación previa

1. Cando algún acto distinto dos regulados no artigo anterior e que precise de licenza ou comunicación previa se realizase sen esta ou en contra das súas determinacións ou o contido comunicado, a persoa titular da alcaldía dispoñerá a cesación inmediata do dito acto e incoará expediente de reposición da legalidade.

2. Instruído o expediente de reposición da legalidade, e logo da audiencia da persoa interesada, adoptarase algún dos seguintes acordos:

a) Se a actividade se realizase sen licenza ou comunicación previa, ou sen axustarse ás súas determinacións ou ao contido declarado, requirirase a persoa interesada para que solicite a oportuna licenza, presente comunicación previa ou axuste a actividade á xa concedida ou comunicada.

b) Se a actividade non é legalizable por ser incompatible co ordenamento urbanístico, procederase a impedir definitivamente a actividade e a ordenar a reposición dos bens afectados ao estado anterior ao incumprimento daquela.

3. Se, transcorrido o prazo de tres meses desde o requirimento, a persoa interesada non solicita a oportuna licenza ou presenta comunicación previa ou, se é o caso, non axusta a actividade ás condicións sinaladas nela, a persoa titular da alcaldía adoptará o acordo previsto na alínea b) do número anterior. Procederase de igual modo no suposto de que a licenza fose denegada por ser o seu outorgamento contrario á legalidade.»

Trece. Engádese unha alínea f) ao parágrafo 3 do artigo 217 coa seguinte redacción:

«f) A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato ou documento que se presenta ou consta na comunicación previa.»

Catorce. Modifícase o parágrafo 4 do artigo 217 coa seguinte redacción.

«4. Considéranse infraccións leves as infraccións do ordenamento xurídico que non teñan o carácter de graves ou moi graves e, en todo caso, a execución de obras ou instalacións realizadas sen licenza ou orde de execución ou sen comunicación previa cando sexan legalizables por seren conformes co ordenamento urbanístico, así como o incumprimento das ordes de execución ou demolición ou a obriga da inspección periódica das edificacións. Considérase tamén como leve a infracción consistente na inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter non esencial, en calquera dato ou documento que se presenta ou consta na comunicación previa.»

Quince. Modifícase o parágrafo 1 do artigo 219, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 219. Persoas responsables

1. Nas obras que se executasen sen licenza, sen comunicación previa ou con inobservancia das súas condicións ou dos datos comunicados serán sancionadas por infracción urbanística as persoas físicas ou xurídicas responsables delas en calidade de promotoras das obras, propietarias dos terreos ou empresarias das obras, e os/as técnicos/as redactores do proxecto e directores/as das obras.»

Disposición derradeira cuarta. Modificación da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia

Engádese unha disposición adicional quinta á Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional quinta. Actos que non precisan de licenza municipal

1. Están exentos de actividade ou funcionamento e de licenza urbanística os actos de uso do solo ou do subsolo incluídos nas resolucións de outorgamento de dereitos mineiros e nos proxectos ou instalacións de produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica ou de gas para cuxa autorización ou concesión sexa competente a Xunta de Galicia, cando no procedemento de autorización ou no da súa avaliación ambiental estea previsto o trámite de audiencia ao concello ou informe municipal e o proxecto ou instalación sexan compatibles co planeamento e a normativa urbanísticos.

2. En tales casos, obtida a autorización ou concesión, o titular da instalación ou concesión presentará a comunicación previa prevista na normativa urbanística e na Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.»

Disposición derradeira quinta. Modificación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia

Un. Modifícase o artigo 28 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 28

1. Non será exixible licenza para o inicio e desenvolvemento das actividades comerciais obxecto desta lei nin para o cambio de titularidade. Nestes casos abondará coa comunicación previa prevista na Lei do emprendemento de Galicia e na normativa urbanística, se proceder.

2. Os concellos respectivos serán competentes para a comprobación, inspección, sanción e demais medidas de control para garantir que o exercicio da actividade ou a execución da obra ou instalación se adecuan á normativa vixente, tamén no caso das sometidas a autorización comercial autonómica. Deberán establecer e planificar os procedementos de comunicación necesarios, así como os de verificación posterior do cumprimento dos requisitos precisos para o exercicio da actividade e o seu control posterior.»

Dous. Modifícase o artigo 33 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 33. Simplificación administrativa e integración de procedementos

Obtida a autorización autonómica, a persoa interesada presentará a comunicación previa ou solicitará a licenza urbanística, segundo proceda.»

Disposición derradeira sexta. Habilitación normativa

1. Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións para o desenvolvemento regulamentario desta lei. No prazo de seis meses, a Xunta de Galicia aprobará un regulamento único que estableza o réxime xurídico e o procedemento de intervención administrativa das actividades obxecto da presente lei.

2. Facúltase a Xunta de Galicia para que, mediante decreto, poida modificar o anexo desta lei coa finalidade de o adaptar á normativa aplicable e aos requirimentos ambientais ou de carácter técnico.

3. Facúltase a persoa titular da Consellería de Economía e Industria para que, mediante orde publicada no Diario Oficial de Galicia, aprobe un modelo de comunicación previa ao exercicio da actividade ou para o inicio da obra e instalación naqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que non teñan aprobadas ordenanzas municipais.

Disposición derradeira sétima. Leis de orzamentos

As leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia poderán modificar as disposicións contidas nesta lei.

Disposición derradeira oitava. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de decembro de de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

ANEXO
Catálogo de actividades sometidas a incidencia ambiental

Nota: os valores limiar mencionados en cada unha das actividades relacionadas na seguinte táboa refírense, con carácter xeral, a capacidades de produción ou a produtos. Se un mesmo titular realiza varias actividades da mesma categoría na mesma instalación, sumaranse as capacidades das ditas actividades.

1. Instalacións de combustión.

1.1. Instalacións de combustión cunha potencia térmica nominal superior a 1 MW e inferior a 50 MW:

a) Instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime ordinario ou en réxime especial, nas cales se produza a combustión de combustibles fósiles, residuos ou biomasa.

b) Instalacións de coxeración, caldeiras, xeradores de vapor ou calquera outro equipamento ou instalación de combustión existente nunha industria, sexa esta ou non a súa actividade principal.

2. Produción e transformación de metais.

2.1. Instalacións para a produción de fundición ou de aceiros brutos (fusión primaria ou secundaria), incluídas as correspondentes instalacións de fundición continua dunha capacidade non superior a 2,5 toneladas por hora.

2.2. Instalacións para a transformación de metais ferrosos:

a) Laminado en quente cunha capacidade non superior a 20 toneladas de aceiro bruto por hora.

b) Forxado con martelos cuxa enerxía de impacto non sexa superior a 50 quilojoules por martelo e cando a potencia térmica utilizada non sexa superior a 20 MW.

c) Aplicación de capas de protección de metal fundido cunha capacidade de tratamento non superior a 2 toneladas de aceiro bruto por hora.

2.3. Fundicións de metais ferrosos cunha capacidade de produción non superior a 20 toneladas por día.

2.4. Instalacións para a fusión de metais non ferrosos, incluída a aliaxe, así como os produtos de recuperación e outros procesos cunha capacidade de fusión non superior a 4 toneladas para o chumbo e o cadmio e non superior a 20 toneladas para todos os demais metais, por día.

2.5. Instalacións para o tratamento de superficie de metais e materiais plásticos por procedemento electrolítico ou químico, cando o volume das cubetas ou das liñas completas destinadas ao tratamento empregadas non sexa superior a 30 m3.

3. Industrias minerais.

3.1. Produción de cemento, cal e óxido de magnesio:

a) Fabricación de cemento por moenda cunha capacidade de produción non superior a 500 toneladas diarias.

b) Fabricación de clínker en fornos rotatorios cunha capacidade de produción non superior a 500 toneladas diarias, ou en fornos doutro tipo cunha capacidade de produción non superior a 50 toneladas por día.

c) Produción de cal en fornos cunha capacidade de produción non superior a 50 toneladas diarias.

d) Produción de óxido de magnesio en fornos cunha capacidade de produción non superior a 50 toneladas diarias.

3.2. Plantas de preparación de formigón.

3.3. Instalacións para a fabricación de vidro, incluída a fibra de vidro, cunha capacidade de fusión non superior a 20 toneladas por día.

3.4. Instalacións para a fundición de materiais minerais, incluída a fabricación de fibras minerais, cunha capacidade de fundición non superior a 20 toneladas por día.

3.5. Instalacións para a fabricación de produtos cerámicos mediante enfornado, en particular tellas, ladrillos, refractarios, azulexos, gres cerámico ou produtos cerámicos ornamentais ou de uso doméstico, cunha capacidade de produción non superior a 75 toneladas por día, ou unha capacidade de enfornado non superior a 4 m3 e de menos de 300 kg/m3 de densidade de carga por forno.

3.6. Instalacións de tratamento de produtos minerais (serrado, puído, machucado, esmiuzado, trituración, pulverización, moenda, coadura, cribado, mestura, limpeza, ensacado) cando a capacidade sexa superior a 200.000 toneladas por ano ou para calquera capacidade cando a instalación estea a menos de 500 metros dun núcleo de poboación.

4. Venda de combustibles e produtos químicos.

4.1. Comercio por xunto de combustibles sólidos, líquidos e gasosos e produtos similares.

4.2. Gasolineiras e estacións de servizo.

4.3. Comercio por xunto de produtos químicos industriais e outros produtos semielaborados.

5. Turismo e actividades recreativas.

5.1. Campos de golf.

6. Industria derivada da madeira.

6.1. Instalacións industriais destinadas á fabricación de papel ou cartón cunha capacidade de produción non superior a 20 toneladas diarias.

6.2. Instalacións de produción de celulosa cunha capacidade de produción non superior a 20 toneladas diarias.

6.3. Instalacións industriais destinadas á fabricación dun ou máis dos seguintes taboleiros derivados da madeira: taboleiros de labras de madeira orientadas, taboleiros aglomerados ou taboleiros de cartón comprimido, cunha capacidade de produción non superior a 600 m3 diarios.

6.4. Instalacións para a serradura ou transformación da madeira cunha superficie útil superior a 1.000 m², ou unha potencia mecánica instalada superior a 250 kW.

7. Industria téxtil.

7.1. Instalacións para o tratamento previo (operacións de lavado, branqueo, mercerización) ou para a tintura de fibras ou produtos téxtiles cando a capacidade de tratamento non supere as 10 toneladas diarias.

8. Industria do coiro.

8.1. Instalacións para o curtido de coiros cando a capacidade de tratamento non supere as 12 toneladas de produtos acabados por día.

9. Industria agroalimentaria e explotacións gandeiras.

9.1. Instalacións para:

a) Sacrificio e/ou despezamento de animais cunha capacidade de produción de canais de entre 5 e 50 toneladas por día.

b) Tratamento e transformación, diferente do simple envasado, das seguintes materias primas, tratadas ou non previamente, destinadas á fabricación de produtos alimenticios ou pensos a partir de:

1º. Materia prima animal (que non sexa exclusivamente o leite) dunha capacidade de produción de produtos acabados non superior a 75 toneladas por día.

2º. Materia prima vexetal cunha capacidade de produción non superior a 300 toneladas por día de produtos acabados (valores medios trimestrais).

3º. Só materias primas animais e vexetais, tanto en produtos combinados coma por separado, cunha capacidade de produción de produtos acabados en toneladas por día non superior a 75, se A é igual ou superior a 10 ou [300 – (22,5 × A)] en calquera outro caso, onde «A» é a porción de materia animal (en porcentaxe do peso) da capacidade de produción de produtos acabados.

O envase non se incluirá no peso final do produto.

A presente subsección non será de aplicación cando a materia prima sexa só leite.

c) Tratamento e transformación só do leite, cunha cantidade de leite recibida entre 20 e 200 toneladas por día (valor medio anual).

9.2. Instalacións para a eliminación ou o aproveitamento de carcasas ou refugallos de animais cunha capacidade de tratamento non superior a 10 toneladas por día.

9.3. Instalacións de gandaría intensiva coas seguintes capacidades:

a) Entre 1.000 e 40.000 prazas de galiñas poñedoras.

b) Entre 1.000 e 55.000 prazas de polos.

c) Entre 50 e 2.000 prazas de porcos de engorda.

d) Entre 25 e 750 prazas de porcas de cría.

e) Entre 50 e 300 prazas para vacún de leite.

f) Entre 75 e 600 prazas para vacún de ceba.

g) Entre 1.000 e 20.000 prazas para coellos.

9.4. Instalacións gandeiras de animais exóticos ou destinados a peletaría.

9.5. Cubís e centros ecuestres con máis de 20 prazas.

9.6. Instalacións para acuicultura intensiva que teñan unha capacidade de produción non superior a 500 toneladas ao ano.

10. Consumo de disolventes orgánicos.

10.1. Instalacións para tratamento de superficie de materiais, de obxectos ou produtos con utilización de disolventes orgánicos, en particular para aprestalos, estampalos, revestilos e desengraxalos, impermeabilizalos, pegalos, lacalos, limpalos ou impregnalos, cunha capacidade de consumo de disolventes orgánicos non superior a 150 kg de disolvente por hora nin tampouco superior a 200 toneladas por ano.

11. Tratamento de augas.

11.1. Plantas de tratamento de augas residuais de capacidade entre 2.000 e 10.000 habitantes equivalentes.

12 . Industria de conservación da madeira.

12.1. Conservación da madeira e dos produtos derivados da madeira utilizando produtos químicos, cunha capacidade de produción non superior a 75 m3 diarios, distinta de tratamentos para combater a albura exclusivamente.