Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 3 de xaneiro de 2014 Páx. 151

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias.

Exposición de motivos

1

A protección da saúde e a atención sanitaria dos cidadáns constitúen o obxectivo común da política sanitaria. Con esta finalidade recoñécenselles aos pacientes un conxunto de dereitos específicos que teñen como elemento de unión o mandato establecido no artigo 43 da Constitución española de 1978.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, estableceu un sistema sanitario no que se definían, brevemente, un grupo de dereitos e deberes dos usuarios. Pola súa parte, a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, estableceu o dereito dos cidadáns a recibir asistencia sanitaria nun tempo máximo e a dispoñer, se ese é o seu desexo, dunha segunda opinión médica sobre o seu proceso, e estableceu ao mesmo tempo diversas garantías en relación coas prestacións sanitarias.

Por último, a Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica, establece, no marco da autonomía do paciente, o seu dereito a outorgar un documento de instrucións previas en que queden reflectidos os desexos do paciente ante unha situación futura que impida que este os manifeste.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Estatuto de autonomía establece como competencia propia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica en materia de sanidade interior. Como consecuencia desta competencia foron aprobadas diversas normas legais, entre as que cabe sinalar a Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Saúde; a Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes; e a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

É precisamente esta última lei a que recolle no capítulo II do título I, denominado «Dereitos e deberes sanitarios da cidadanía», un amplo abano de dereitos que se deberán concretar, de acordo co establecido no artigo 16, mediante normas e instrumentos xurídicos que regulen o seu alcance, desenvolvemento e contido.

Engade o mencionado artigo que as actuacións que se leven a cabo neste sentido deberían estar dirixidas, de forma primordial, a velar polo efectivo cumprimento dos dereitos, deberes e garantías sanitarias.

2

Esta lei ten como obxectivo outorgar as garantías necesarias aos usuarios do Sistema público de saúde de Galicia para o exercicio dos dereitos de atención sanitaria nos prazos establecidos, a libre elección de médico de familia, pediatra e persoal de enfermaría, así como de centro hospitalario, a solicitude dunha segunda opinión médica e a formulación das instrucións previas e de información dos dereitos, deberes, servizos e programas do Sistema público de saúde de Galicia.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, establece, entre os dereitos relacionados coa prestación de servizos sanitarios por parte do Sistema público de saúde de Galicia, o de obter unha garantía de demoras máximas, de forma que determinadas prestacións sanitarias financiadas publicamente sexan dispensadas nuns prazos previamente definidos e coñecidos polos usuarios.

Establécese, polo tanto, a facultade dos pacientes de recibir unha resposta sanitaria ao seu problema de saúde en tempo e forma, e que é responsabilidade da Administración sanitaria conxugar o dereito do paciente coas necesidades de programación da asistencia médica, de forma que se garanta un acceso suficiente, permanente e universal, sen discriminación nin arbitrariedade, a unha gama equilibrada de tratamentos de elevada calidade.

Neste sentido, o tempo de resposta do Sistema público de saúde de Galicia debe conxugar, de acordo cos ditados da Unión Europea, a necesidade obxectiva do paciente atendendo a situación do seu estado de saúde e a posible evolución da súa enfermidade coa necesidade de facer un uso correcto e eficiente dos recursos existentes.

Non obstante, o obxectivo da Administración sanitaria non pode consistir unicamente en reducir o tempo global de espera dos pacientes, senón que, ademais, debe garantir que cada programación se realiza de forma personalizada atendendo a situación sanitaria e o contexto social de cada usuario.

Por iso, as estratexias de xestión da espera dos pacientes deben estar baseadas na indicación establecida polo profesional sanitario, na priorización dos pacientes en función da súa gravidade e na efectividade da atención sanitaria, así como no resultado previsible en cada intervención planificada. Con esta lei consolídase a xestión dos tempos de resposta tendo en conta a gravidade dos procesos, priorizando a atención ao paciente de acordo co seu estado de saúde e coa gravidade do seu proceso de enfermidade.

A Administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia considera necesario establecer recomendacións para homoxeneizar os criterios de indicación de intervencións cirúrxicas, consultas e probas diagnósticas e terapéuticas, e establecer, así mesmo, novos sistemas de avaliación que permitan difundir os resultados da xestión sanitaria e desenvolver instrumentos que identifiquen prioridades de resolución en termos clínicos, sociais e funcionais.

E todo isto reforzado coa introdución de novos obxectivos nos acordos de xestión vinculados a incentivos que permitan unha implicación maior, se cabe, dos profesionais da sanidade e cun sistema de garantía das prestacións que se establece para o caso de que o sistema non poida dar resposta adecuada nos tempos de espera establecidos.

3

A libre elección de médico de familia, profesional de enfermaría e pediatra é un dereito que se sustenta nos principios de liberdade do paciente, equidade no acceso ás prestacións e participación dos cidadáns, así como na eficacia e transparencia do sistema sanitario, ao cal hai que unir a elección do centro hospitalario. Facer efectivo este dereito, dentro dos parámetros que permitan unha planificación racional dos recursos e mediante o uso de mecanismos transparentes que aseguren unha aplicación eficaz en tempo e forma, vai contribuír á mellora do Sistema público de saúde de Galicia, a impulsar e garantir a equidade en saúde e a igualdade de trato e a unha mellor identificación do cidadán co propio sistema. A libre elección que se establece nesta lei non pode abranguer a atención domiciliaria nin a atención de urxencia. Tanto unha coma a outra están baseadas na atención inmediata aos pacientes, sexa pola imposibilidade de desprazamento ou pola necesidade de atención no menor tempo posible, polo que non é operativa a elección nesta materia sen poñer en risco a saúde dos usuarios.

A solicitude dunha segunda opinión médica cando se produce o diagnóstico dunha enfermidade de prognóstico fatal ou incurable, ou que comprometa gravemente a calidade de vida, é un dereito do paciente que aparece recollido na Lei 16/2003, do 28 de maio. A Lei de Galicia 8/2008, do 10 de xullo, limítase a establecer como un dereito relacionado coa autonomía de decisión do usuario a segunda opinión médica, que terá como obxectivo fortalecer a relación médico-paciente e complementar as posibilidades de atención sanitaria.

Nesta lei garántese a posibilidade de solicitar unha segunda opinión médica, nos supostos establecidos, e concrétase o recoñecemento por lei deste dereito, ao mesmo tempo que se amplía a regulación mínima establecida na Lei 8/2008, do 10 de xullo.

O dereito do paciente a manifestar anticipadamente a súa vontade nun documento de instrucións previas para o momento en que non poida manifestalas vén establecido orixinalmente na Lei de Galicia 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes. Pola súa parte, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, limítase de novo a facer unha referencia ao dereito en relación co consentimento informado por substitución.

Por esta lei garántese o dereito á manifestación das instrucións previas do paciente, que serán tidas en conta polo persoal sanitario no marco do establecido na legalidade vixente.

O dereito á información sobre os dereitos e os deberes dos pacientes no ámbito sanitario é fundamental para que os recursos dispoñibles se poidan utilizar de forma eficaz e eficiente. Os usuarios deben coñecer en todo momento os dereitos que os asisten e ao mesmo tempo deben asumir o cumprimento dos deberes que se establecen para manter a eficacia das garantías.

4

En relación co contido da lei, o seu capítulo I establece o obxecto, os beneficiarios e algunhas definicións para mellor coñecemento dos termos utilizados nela. A expresión máis importante deste capítulo establécese no alcance das garantías referidas á demora máxima de tempos de espera e á libre elección de médicos de familia, pediatras e persoal de enfermaría e centro hospitalario e na garantía dunha segunda opinión médica.

O capítulo II da lei refírese á regulación concreta dos tempos de resposta, ao sistema de garantías, ás obrigas dos pacientes e aos supostos de suspensión e perda da garantía.

O capítulo III refírese aos supostos do exercicio da libre elección de médico de familia, profesional de enfermaría e pediatra, así como de centro hospitalario.

Pola súa parte, o capítulo IV establece a garantía da segunda opinión médica e o exercicio deste dereito polos pacientes, e o capítulo V refírese á garantía do outorgamento das instrucións previas, facilitando ao paciente a formalización do documento que conteña a súa vontade ao establecer un terceiro suposto, xa recollido noutras normas autonómicas, ao posibilitar o outorgamento do documento ante o funcionario ou o empregado público encargado do Rexistro Galego de Instrucións Previas.

Por último, o capítulo VI, relativo á información, recolle as garantías que se establecen para que a información que se facilite ao paciente lle permita o coñecemento da súa situación con respecto ao tempo de espera e aos recursos dispoñibles para a atención sanitaria.

Establécese, así mesmo, o dereito do paciente a recibir información personalizada sobre o proceso da súa enfermidade e créase o Rexistro de Pacientes en Espera, adscrito ao Servizo Galego de Saúde.

O anteproxecto de lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia e do Consello Galego de Saúde.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de garantías de prestacións sanitarias.

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta lei ten por obxecto establecer un sistema de garantías de prestacións sanitarias en relación cos seguintes dereitos:

a) Dereito a que a atención sanitaria no ámbito hospitalario do Sistema público de saúde de Galicia, de carácter programado e non urxente, financiada publicamente, sexa dispensada de acordo cunhas demoras máximas nos tempos de resposta.

b) Dereito á libre elección de médico de familia, pediatra e profesional de enfermaría, así como de hospital ou complexo hospitalario.

c) Dereito a dispoñer dunha segunda opinión médica.

d) Dereito a manifestar as instrucións previas.

e) Dereito á información sobre os dereitos e os deberes en relación coas prestacións sanitarias.

Artigo 2. Alcance

1. Esta lei será aplicable en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O alcance de cada unha das garantías dos dereitos que se recoñecen aos usuarios establécese no capítulo correspondente desta lei.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos desta lei, entenderase por:

a) Tempo máximo de acceso: prazo de tempo, expresado en días naturais, que non se poderá exceder para a realización dunha intervención cirúrxica, atender en consultas externas ou realizar unha proba diagnóstica ou terapéutica a un usuario do Sistema público de saúde de Galicia. O dito prazo computarase desde o momento da indicación da atención polo facultativo, que se corresponderá coa data de entrada no rexistro de espera.

b) Garantía de tempo máximo de acceso: compromiso adquirido polo Servizo Galego de Saúde que supón atender o usuario coas adecuadas condicións de calidade, dentro do tempo máximo de acceso establecido no seu ámbito, que en ningún caso excederá o previsto na normativa estatal vixente.

c) Perda da garantía: situación que dá lugar a que quede sen efecto, para un determinado usuario e proceso, a garantía do tempo máximo de acceso por parte do Servizo Galego de Saúde.

d) Suspensión da garantía: situación provisional en que queda suspendida de maneira transitoria e mentres persistan as causas que motiven tal situación a garantía do tempo máximo de acceso establecida polo Servizo Galego de Saúde.

e) Segunda opinión médica: a emisión dun informe en que conste o diagnóstico ou a proposta terapéutica dun paciente afectado por algunha das enfermidades establecidas no alcance das garantías, e realizado por un profesional diferente do que emitiu o primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica. A súa finalidade é contrastar un primeiro diagnóstico completo ou unha proposta terapéutica que axude o paciente a tomar unha decisión entre as opcións clínicas dispoñibles.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Serán beneficiarios das garantías establecidas nesta lei as persoas titulares dos dereitos á protección da saúde e á atención sanitaria establecidos no artigo 3 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e que acreditasen o dereito á asistencia sanitaria pública, conforme a normativa vixente.

2. En todo caso, será requisito indispensable para ser beneficiario das garantías previstas na alínea a) do artigo 1 desta lei que as persoas a que se refire o punto anterior estean inscritas no Rexistro de Pacientes en Espera do Sistema público de saúde de Galicia.

CAPÍTULO II
Tempos máximos de acceso e sistema de garantías

Artigo 5. Fixación de tempos máximos de acceso

1. Os pacientes que requiran atención sanitaria hospitalaria, de carácter programado e non urxente, no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia, e para os procedementos e situacións clínicas que así se determinen no desenvolvemento regulamentario desta lei, terán garantida esa atención nos tempos máximos que se indican:

a) 60 días nas intervencións cirúrxicas.

b) 45 días nas consultas externas.

c) 45 días nas probas diagnósticas e/ou terapéuticas.

2. O Servizo Galego de Saúde implantará un sistema de clasificación en prioridades baseado en aspectos clínicos, funcionais e sociais do paciente, e desenvolverá instrumentos que aseguren a súa aplicación homoxénea no seu ámbito territorial.

3. As situacións clínicas nas que se aplicarán os tempos máximos de espera rexeranse polos seguintes criterios:

a) Gravidade das patoloxías motivo da atención: patoloxías que na súa evolución posterior orixinan risco de morte ou de discapacidade ou diminúen de forma importante a calidade de vida.

b) Efectividade da atención sanitaria: actuacións que aumenten a supervivencia, diminúan a discapacidade ou melloren a calidade de vida do usuario.

c) Oportunidade da atención sanitaria: actuacións temperás que favorezan a recuperación da funcionalidade ou eviten a progresión da enfermidade ou as súas secuelas.

4. O Servizo Galego de Saúde establecerá os tempos máximos dos procedementos e situacións clínicas garantidas en función da prioridade asignada polo facultativo, tendo en conta os criterios establecidos no punto anterior, e establecerá os procedementos necesarios para asegurar a súa aplicación homoxénea nos centros hospitalarios.

5. Os tempos a que se refire o punto 1 contaranse en días naturais a partir da data de entrada no Rexistro de Pacientes en Espera do Sistema público de saúde de Galicia, nos termos previstos nesta lei.

6. Para os efectos do establecido no punto 1, as consultas externas e as probas diagnósticas e terapéuticas entenderanse referidas a un problema de saúde novo e que non teña a consideración de revisión.

Artigo 6. Exclusións

1. O establecido neste capítulo non será aplicable aos pacientes cuxa intervención cirúrxica ou proba diagnóstica e/ou terapéutica sexa programada e realizada durante o episodio de hospitalización en que se estableza a indicación.

2. Quedan excluídas, igualmente, do establecido neste capítulo:

a) As intervencións cirúrxicas de carácter urxente, incluíndo os reimplantes de membros e a atención a queimados.

b) As intervencións cirúrxicas de transplantes de órganos e tecidos, cuxa realización dependerá da dispoñibilidade de órganos, así como a atención sanitaria ante situacións de catástrofe, de conformidade co previsto no artigo 25 da Lei 16/2003, do 28 de maio.

c) As intervencións cirúrxicas que non estean incluídas na carteira de servizos do Sistema nacional de saúde, regulada polo Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, ou normativa que o substitúa.

d) As intervencións que poidan requirir unha espera para as condicións adecuadas para a súa realización, como é o caso das relacionadas coas técnicas de reprodución humana asistida.

e) A atención sanitaria diferente á que orixinou a inclusión do usuario no Rexistro de Pacientes en Espera.

Artigo 7. Sistema de garantías

1. Calquera petición de consulta, proba diagnóstica e/ou terapéutica ou intervención cirúrxica será rexistrada polo Servizo Galego de Saúde, tras o cal o paciente quedará inscrito no Rexistro de Pacientes en Espera, de conformidade co sinalado nos artigos 29 e 30 desta lei.

2. O Servizo Galego de Saúde ofertará ao paciente a realización da prestación no centro da rede pública que escollese de acordo co sinalado no artigo 12 desta lei.

3. No caso de que a espera prevista supere o tempo máximo establecido para a prestación da asistencia sanitaria, o Servizo Galego de Saúde deberá ofertar a realización da prestación noutro centro da rede pública ou nun centro concertado.

4. Se o paciente non recibe unha oferta para ser atendido no tempo máximo establecido, poderá optar, unha vez transcorrido o dito prazo, por continuar na lista de espera do centro elixido ou por requirir a atención sanitaria en calquera outro centro que dispoña de acreditación na Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o procedemento que se establecerá regulamentariamente. Neste último caso, o Servizo Galego de Saúde deberá asumir directamente o pagamento dos gastos derivados da atención sanitaria.

5. En calquera caso, se o paciente non recibe unha oferta para ser atendido no tempo máximo establecido, terá dereito, unha vez transcorrido o dito prazo, a acudir a un centro privado da súa elección, situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a que se lle reembolse o gasto de acordo coas tarifas que se establezan regulamentariamente para o proceso realizado.

Artigo 8. Suspensión da garantía

1. De conformidade co establecido na normativa estatal vixente, o cómputo do tempo máximo de resposta quedará suspendido temporalmente, mentres persistan as causas que motiven tal situación, nos seguintes supostos:

a) Cando o usuario solicite un aprazamento da atención garantida durante un tempo determinado, sen renunciar a ela e sempre que alegue causas debidamente xustificadas, como nacemento ou adopción dun fillo, matrimonio, falecemento ou enfermidade grave dun familiar ou cumprimento dun deber inescusable de carácter persoal durante os días que resulten indispensables para atendelo.

b) Cando concorra causa clínica que xustifique o aprazamento do proceso de atención.

c) No caso de acontecementos catastróficos, epidemias, folgas ou disfuncións graves que afecten un ou máis centros ou servizos sanitarios.

d) Cando o paciente incumpra as obrigas sinaladas na alínea a) do artigo 10 desta lei.

2. O cómputo do tempo máximo de acceso restablecerase unha vez que desaparezan as circunstancias que motivasen a interrupción do prazo.

Artigo 9. Perda da garantía

1. De conformidade co establecido na normativa estatal vixente, quedarán sen efecto as garantías de resposta establecidas neste capítulo:

a) Cando o usuario deixe de ter a indicación que xustificaba a atención garantida.

b) Cando o usuario renuncie voluntariamente á atención garantida.

c) Cando o usuario non opte, no prazo establecido para o efecto, por algunha das alternativas ofertadas polo servizo de saúde ou rexeite o centro ou os centros alternativos ofertados para a realización da asistencia.

d) Cando o paciente non se presente, sen motivo xustificado, á citación correspondente no centro que lle ofreza o Servizo Galego de Saúde.

e) Cando o paciente atrase a atención sen causa xustificada.

f) Cando o paciente incumpra algunha das obrigas sinaladas nas alíneas b) e d) do artigo 10 desta lei.

2. Nos supostos previstos nas alíneas c), e) e f) do punto anterior, o usuario continuará no Rexistro de Pacientes en Espera aínda que perda a garantía respecto desa atención.

Artigo 10. Obrigas dos pacientes inscritos no Rexistro de Pacientes en Espera

Para que poida ser efectiva a garantía de tempo máximo de acceso establecida nesta lei, os usuarios inscritos no Rexistro de Pacientes en Espera están obrigados a:

a) Manter actualizados os datos sobre o seu teléfono, domicilio ou correo electrónico, para efectos de chamamento, notificación ou localización por parte do Servizo Galego de Saúde.

b) Xustificar a solicitude de aprazamento da atención garantida cando concorran motivos persoais e mediante o procedemento que se determine regulamentariamente.

c) Comunicar coa antelación suficiente, sempre que sexa posible, a decisión de non presentarse a unha citación, polos medios que se determinen.

d) Facilitar ao Servizo Galego de Saúde a información sanitaria que lle sexa requirida para poder asignarlles a alternativa máis adecuada para a realización da atención garantida.

e) Poñer en coñecemento dos responsables das institucións sanitarias as irregularidades que observen no exercicio do dereito da garantía de tempo máximo de acceso, mediante o procedemento que se estableza regulamentariamente.

f) Comunicar aos responsables das institucións sanitarias a desaparición das causas persoais que xustificaron o aprazamento dunha intervención cirúrxica, consulta ou proba diagnóstica e/ou terapéutica, por motivos persoais.

CAPÍTULO III
Libre elección

Artigo 11. Garantía de libre elección de profesionais sanitarios e centro hospitalario

1. Garántese o dereito dos usuarios á libre elección de médico de familia, pediatra e persoal de enfermaría para a prestación de asistencia sanitaria en atención primaria.

2. Igualmente, garántese o dereito dos usuarios á elección do centro ou complexo hospitalario do Servizo Galego de Saúde para a realización dunha intervención cirúrxica ou consulta externa ou a realización dunha proba diagnóstica ou terapéutica por un problema de saúde novo.

3. Quedan excluídas do dereito á libre elección a atención sanitaria domiciliaria e a de urxencia.

Artigo 12. Exercicio do dereito á libre elección

1. O dereito á libre elección de médico de familia, pediatra ou persoal de enfermaría, así como de centro ou complexo hospitalario, exercerao de forma individual cada usuario con dereito á asistencia sanitaria pública.

2. No caso de menores de idade non emancipados ou con declaración de incapacidade, o dereito á libre elección corresponderalles aos pais, titores ou representantes legais, de conformidade coa lexislación vixente.

3. A solicitude para o exercicio do dereito á libre elección de médico de familia, pediatra ou persoal de enfermaría poderá realizarse en calquera momento e sen necesidade de ningunha xustificación. O procedemento para o seu exercicio determinarase con carácter regulamentario.

4. A solicitude para o exercicio do dereito á libre elección de centro ou complexo hospitalario poderá formularse desde o mesmo momento en que o médico de familia ou pediatra derive o paciente a unha consulta ou proba diagnóstica e/ou terapéutica ou para unha intervención cirúrxica por un problema de saúde novo.

5. A elección efectuada polo usuario poderá ser denegada mediante resolución motivada polo órgano que se estableza na norma regulamentaria de desenvolvemento, tendo en conta os criterios que se indican no artigo seguinte, así como o de planificación sanitaria.

Artigo 13. Criterios de asignación polo Servizo Galego de Saúde

1. Cando o usuario non realice a elección de médico de familia, pediatra ou persoal de enfermaría, o Servizo Galego de Saúde será o encargado de realizar a asignación dos profesionais, tendo en conta os criterios que se indican no punto seguinte.

2. Para a asignación dos usuarios deberanse ter en conta, con carácter xeral, e sen prexuízo daqueles específicos por centro de saúde, os criterios seguintes:

a) Mantemento das agrupacións familiares ou asimiladas.

b) Mantemento de distribucións etarias de carácter homoxéneo.

c) Usuarios asignados a cada profesional sanitario no centro de saúde máis próximo ao domicilio do usuario.

d) Aqueloutros que, de forma excepcional, se consideren para cada caso en particular.

3. Para a asignación de centros hospitalarios, cando o usuario non realizase a libre elección ou esta fose rexeitada, o Servizo Galego de Saúde será o encargado de realizala conforme os criterios de proximidade ao domicilio familiar e de planificación sanitaria.

Artigo 14. Garantía de calidade asistencial

1. Coa finalidade de garantir a calidade asistencial, o Servizo Galego de Saúde establecerá o número adecuado de usuarios para cada médico de familia, pediatra e persoal de enfermaría no ámbito da asistencia primaria. Os usuarios deberán ser informados, se así o solicitan, sobre o número de pacientes asignados ao profesional sanitario elixido.

2. Con carácter xeral, o Servizo Galego de Saúde non asignará novos usuarios a un médico de familia, pediatra e persoal de enfermaría cando se supere o número de usuarios establecido para cada profesional. De forma excepcional, poderá superarse este número cando non exista risco de deterioración da calidade asistencial e coa aceptación expresa do profesional sanitario ao cal se lle asigne o usuario.

3. O exercicio do dereito á libre elección polos usuarios non xerará ningún tipo de indemnización a cargo do Servizo Galego de Saúde.

CAPÍTULO IV
Segunda opinión médica

Artigo 15. Garantía da segunda opinión médica

1. Garánteselles aos pacientes o dereito á segunda opinión médica en relación cun primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica emitido por un profesional médico do Sistema público de saúde de Galicia.

2. A garantía da segunda opinión será aplicable a:

a) Enfermidades neoplásicas malignas.

b) Enfermidades neurolóxicas inflamatorias e dexenerativas invalidantes.

c) Confirmación de diagnósticos de enfermidade rara, tendo esta consideración aquela patoloxía con perigo de morte ou invalidez crónica e baixa prevalencia, entendida como aquela inferior a cinco casos por cada dez mil habitantes, incluídas as de orixe xenética.

3. A segunda opinión médica poderá solicitarse a calquera outro profesional médico do Sistema público de saúde de Galicia.

4. Só en circunstancias excepcionais e debidamente xustificadas, o Servizo Galego de Saúde poderá facilitar a obtención dunha segunda opinión médica nun centro público doutra comunidade autónoma.

5. O Servizo Galego de Saúde asumirá os gastos de desprazamento do doente e dun familiar, no caso en que as condicións do doente así o aconsellen, para realizar os estudos das probas necesarias para a emisión da segunda opinión.

Artigo 16. Exclusións

1. Quedan excluídas da consideración de segunda opinión as peticións de informes ou certificados médicos para compañías aseguradoras, mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, Administración de xustiza e outras administracións públicas ou persoas físicas ou xurídicas con fins distintos aos asistenciais.

2. Así mesmo, non terá a consideración de segunda opinión médica a continuidade de estudos médicos noutro centro sanitario ou a realización de probas ou informes indicados polo facultativo encargado do tratamento.

Artigo 17. Exercicio do dereito a pedir unha segunda opinión

1. O dereito a unha segunda opinión médica poderán exercelo:

a) Todos os usuarios legalmente capacitados e individualmente considerados desde os 16 anos de idade.

b) Cando o paciente estea circunstancialmente incapacitado para tomar decisións, por criterio do profesional médico que presta a asistencia, o dereito corresponderalles aos seus familiares ou ás persoas vinculadas de feito.

c) No caso de familiares, darase preferencia ao cónxuxe ou, se é o caso, a quen teña a condición legal de parella de feito. Na súa falta, aos familiares de grao máis próximo e, dentro do mesmo grao, quen exerza de coidador ou, na falta deste, o de maior idade.

d) Cando o paciente estea incapacitado legalmente, o dereito corresponderá ao seu representante legal, acreditando de forma clara e inequívoca, en virtude da correspondente sentenza de incapacitación, que está legalmente habilitado para tomar decisións que afecten a persoa incapacitada.

e) No caso de pacientes menores de idade, o dereito poderá exercelo o seu representante legal.

2. A intervención das persoas citadas nas alíneas b) a d) deberá ser adecuada ás circunstancias e proporcionada ás necesidades que sexa necesario atender, a favor do paciente e con respecto á súa dignidade, atendendo sempre criterios médicos obxectivos.

3. O dereito a unha segunda opinión médica só se poderá exercer unha vez en cada proceso asistencial e co único obxecto de contrastar un primeiro diagnóstico completo ou unha indicación terapéutica.

4. Regulamentariamente determinaranse os efectos e o procedemento para o exercicio do dereito a unha segunda opinión médica.

5. A consellaría competente en materia de sanidade e o Servizo Galego de Saúde velarán para que exista información accesible e completa sobre o exercicio deste dereito nos centros hospitalarios.

Artigo 18. Autorización e emisión da segunda opinión médica

1. O prazo para a resolución da solicitude da segunda opinión médica será de dez días hábiles, contados a partir da solicitude, e comunicarase de forma fidedigna e inmediata ao solicitante. Transcorrido o prazo indicado sen que se emitise a resolución, entenderase que esta é favorable por silencio administrativo e darase traslado da solicitude e da documentación correspondente ao facultativo ou servizo indicado polo paciente ou, na súa falta, ao que corresponda.

2. A emisión da segunda opinión deberá realizarse no prazo de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao de emisión da resolución, ou, no caso de silencio, desde o día seguinte a aquel en que se debería ter resolto expresamente a solicitude. O facultativo encargado de emitir a segunda opinión poderá solicitar, en función da complexidade do asunto ou da documentación que se lle transmita, unha ampliación de ata cinco días do prazo indicado.

3. O prazo indicado no punto anterior suspenderase no caso de que sexa necesaria a práctica de novas probas diagnósticas.

Artigo 19. Garantía de atención clínica

1. Emitido o informe de segunda opinión, garantiráselle ao paciente a atención clínica que precise, conforme a carteira de servizos do Sistema público de saúde de Galicia e tendo en conta o seu dereito a decidir libremente, despois de recibir a información adecuada, entre as opcións clínicas ou terapéuticas dispoñibles.

2. A atención sanitaria que se precise axustarase ao establecido nesta lei sobre tempos máximos de acceso.

CAPÍTULO V
Instrucións previas

Artigo 20. Dereito a manifestar as instrucións previas

1. Conforme o establecido na normativa estatal de carácter básico, mediante o documento de instrucións previas, unha persoa, maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade, co obxecto de que esta se cumpra no momento en que chegue a situación en que non sexa capaz de expresala persoalmente, sobre os coidados e o tratamento da súa saúde, ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo e dos seus órganos.

2. As instrucións previas constarán sempre por escrito nun documento en que a persoa outorgante poderá designar un representante, e un substituto se é o caso, para que sirva de interlocutor co médico ou equipo sanitario para a procura do seu cumprimento.

Artigo 21. Garantía de cumprimento das instrucións previas

1. A Administración sanitaria adoptará as medidas necesarias para garantir a vontade dos pacientes recollida no documento de instrucións previas. Non serán aplicables as instrucións previas contrarias ao ordenamento xurídico ou á lex artis, nin as que non se correspondan co suposto de feito que o suxeito prevese no momento de manifestalas.

2. O documento de instrucións previas outorgado de acordo co previsto no punto anterior deberá ser respectado polo persoal sanitario, polos centros, servizos e establecementos sanitarios e por todas as persoas que teñan relación co outorgante, a partir do preciso momento en que o outorgante non poida manifestar a súa vontade.

Artigo 22. Formalización e rexistro das instrucións previas

1. O documento de instrucións previas formalizarase por escrito mediante un dos seguintes procedementos:

a) Ante notario. Neste suposto non será necesaria a presenza de testemuñas.

b) Ante tres testemuñas, maiores de idade e con plena capacidade de obrar, das cales polo menos dúas non poderán ter relacións de parentesco ata o segundo grao nin estar vinculadas por relación patrimonial co outorgante.

c) Ante o persoal do Rexistro Galego de Instrucións Previas, nas condicións que se establezan regulamentariamente.

2. As instrucións previas poderán modificarse, ampliarse, concretarse ou deixarse sen efecto en calquera momento por vontade do outorgante, sempre que conserve a súa capacidade, deixando constancia expresa e indubitada. Nestes supostos, o documento posterior revoga o anterior, agás manifestación expresa contraria do outorgante.

Artigo 23. Rexistro Galego de Instrucións Previas

Os documentos de instrucións previas, formalizados de acordo co artigo anterior, poderanse inscribir no Rexistro Galego de Instrucións Previas coa finalidade de dar a coñecer a súa existencia e contido ás persoas debidamente autorizadas. A organización e o funcionamento do Rexistro Galego de Instrucións Previas estableceranse regulamentariamente.

CAPÍTULO VI
Información
Sección 1ª. Garantía de información sobre os dereitos e os deberes

Artigo 24. Garantía de información

1. Todos os centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde terán á disposición dos usuarios a información clara, veraz, accesible e transparente sobre as diferentes garantías recollidas nesta lei. Os usuarios poderán solicitar as aclaracións que precisen sobre cada unha delas. No suposto de que non sexa posible entregala no momento, seralle facilitada o antes posible.

2. Así mesmo, a dita información estará dispoñible, baixo as mesmas premisas que no punto anterior, nas ferramentas de información permanente que o Servizo Galego de Saúde manteña cos cidadáns.

3. A información estará orientada á consecución dos seguintes fins:

a) A que os cidadáns coñezan os dereitos, os instrumentos de protección e a forma adecuada de exercelos.

b) A que os cidadáns poidan facer unha elección libre e informada.

c) A que os cidadáns coñezan as excepcións, as limitacións e as consecuencias dos incumprimentos dos requisitos que lles son aplicables como deberes.

4. Estes deberes na garantía da información serán aplicables a todos os centros sanitarios concertados e privados que presten servizos sanitarios da carteira do Servizo Galego de Saúde en calquera momento.

5. Os usuarios teñen dereito a que a información se lles proporcione de maneira intelixible e adaptada ás posibles discapacidades visuais, auditivas, psíquicas ou de calquera outra índole.

Sección 2ª. Características comúns aos sistemas de información

Artigo 25. Sistemas de información

1. A consellaría competente en materia de sanidade establecerá un sistema de información sobre a aplicación desta lei.

2. O sistema de información deberá definir e conseguir a información que permita coñecer e estudar os progresos e os avances na consecución dos obxectivos marcados nesta lei.

3. O sistema terá presente toda a regulación que garante o dereito á confidencialidade dos datos que se manexen.

4. O sistema contará cun mecanismo de avaliación continua que permita a detección precoz das desviacións e xere accións correctoras que garantan a efectividade final das medidas.

Sección 3ª. Informe anual

Artigo 26. Informe anual

1. A consellaría competente en materia de sanidade elaborará un informe anual sobre a aplicación desta lei, que será presentado no Parlamento de Galicia no primeiro trimestre de cada ano natural.

2. Respecto dos tempos de resposta, o dito informe incluirá os datos do ano inmediatamente anterior sobre o total de pacientes en espera a que se refire esta lei e mailos tempos medios de espera e o número de pacientes que fixeron uso da garantía establecida por esta lei, así como, se é o caso, as medidas correctoras encamiñadas a mellorar a atención sanitaria no Sistema público de saúde de Galicia para evitar a superación, se a houber, dos referidos tempos máximos de resposta.

3. De igual forma, remitirase o informe anual ao Consello Galego de Saúde.

Sección 4ª. Sistema específico de información sobre tempos de acceso

Artigo 27. Información xeral dos tempos de acceso

O Servizo Galego de Saúde facilitará información semestral a toda a cidadanía, a través do seu portal web, sobre o número de pacientes que figuran en espera e o tempo medio de acceso para os distintos procedementos realizados por cada unha das especialidades e desagregados por centro sanitario.

Artigo 28. Información personalizada

1. Cada paciente, o seu representante legal ou persoa debidamente autorizada recibirá información personalizada sobre o tempo máximo de acceso estimado para a atención sanitaria solicitada.

2. O Servizo Galego de Saúde dispoñerá dos mecanismos que faciliten o proceso de información individualizada.

Artigo 29. Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia

1. Créase o Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia, que se adscribe ao Servizo Galego de Saúde.

2. O obxecto deste rexistro é inscribir todos os pacientes que soliciten unha atención hospitalaria de carácter programado e non urxente, indicada por un facultativo especialista de calquera centro do Servizo Galego de Saúde.

3. O Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia terá carácter único, e a súa estrutura, organización e funcionamento estableceranse regulamentariamente.

4. A data de entrada no Rexistro de Pacientes en Espera corresponderase co momento da indicación da atención polo facultativo solicitante.

5. O Servizo Galego de Saúde definirá o procedemento mediante o cal se establecerá a indicación da atención por parte do facultativo responsable de realizar a intervención cirúrxica, consulta ou proba diagnóstica e/ou terapéutica.

Artigo 30. Datos rexistrables

O Rexistro identificará os pacientes en espera con dereito á garantía da atención sanitaria establecida no capítulo II desta lei e con esa finalidade deberá recoller, como mínimo, os seguintes datos:

a) Datos de identidade do paciente.

b) Data de indicación polo facultativo responsable do paciente.

c) Data de mecanización no Rexistro.

d) Aceptación polo paciente da indicación, cando proceda.

e) Procedemento garantido e tempo máximo de acceso.

f) Data da oferta alternativa.

g) Rexistro da decisión do paciente (aceptación ou rexeitamento da oferta alternativa).

h) Data do inicio da suspensión, se procede.

i) Causa da suspensión do cómputo do tempo máximo de acceso, se procede.

j) Data de reinicio do cómputo do tempo máximo de acceso, unha vez desaparecida a causa que motivou a suspensión, se procede.

k) Data da perda da garantía, se procede.

l) Causa que motiva a perda da garantía, se procede.

m) Data da baixa no Rexistro, se procede.

n) Causa da baixa no Rexistro, se procede.

Artigo 31. Documento acreditativo

O Servizo Galego de Saúde establecerá o mecanismo polo que o paciente recibirá o documento acreditativo do dereito de garantía, o cal deberá conter, polo menos, os seguintes datos:

a) Data de comezo do cómputo do tempo máximo de acceso.

b) Tempo máximo de acceso garantido.

c) Información sobre a repercusión da solicitude por parte do paciente de aprazamento por motivos persoais xustificados, de acordo co criterio establecido no Real decreto 605/2003, do 23 de maio, polo que se establecen medidas para o tratamento homoxéneo da información sobre listas de espera no Sistema nacional de saúde.

d) Tempo máximo de acceso para recibir a atención garantida nos centros alternativos.

e) Modo en que se realizarán as notificacións e as comunicacións entre o paciente e o centro.

f) Procedemento para consultar a súa situación de espera e posición no Rexistro.

g) Procedemento para exercer o seu dereito á atención no tempo máximo garantido e formular calquera queixa ou suxestión.

Disposición transitoria única. Vixencia da normativa regulamentaria actual

Mentres non se elabore a normativa de desenvolvemento da garantía de tempo máximo de acceso e da garantía do dereito á segunda opinión médica, permanecerán en vigor o Decreto 104/2005, do 6 de maio, de garantías de tempos máximos de espera na atención sanitaria, e o Decreto 205/2007, do 27 de setembro, polo que se regula o dereito á segunda opinión médica no sistema sanitario público galego.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango cuxo contido se opoña ao establecido nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Autorización para actualizar os tempos máximos de acceso

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para adaptar mediante decreto, por proposta da persoa titular da consellaría con competencias en materia de sanidade, os tempos máximos de acceso que se establecen no artigo 5 co fin de adecualos á realidade sanitaria de cada momento, ás necesidades dos usuarios e á evolución dos indicadores socioeconómicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Autorízase a Xunta de Galicia para ditar cantas normas sexan precisas para o desenvolvemento e a execución desta lei.

Disposición derradeira terceira. Prazo para a aprobación da normativa de desenvolvemento pola Xunta de Galicia

No prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei a Xunta de Galicia aprobará a normativa de desenvolvemento prevista nela.

Disposición derradeira cuarta. Modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, queda modificada nos seguintes termos:

Un. Modifícase a alínea c) do punto 3 do artigo 24, que terá a seguinte redacción:

«c) Nove vogais en representación das organizacións sindicais presentes na mesa sectorial de negociación do Servizo Galego de Saúde».

Dous. Modifícase o punto 4 do artigo 121, que terá a seguinte redacción:

«4. Os postos de traballo do persoal directivo entenderanse como de especial dedicación e serán incompatibles con calquera outra actividade pública ou privada, agás as derivadas da docencia universitaria nos termos do artigo 4 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas».

Tres. A disposición transitoria segunda queda sen efecto.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de decembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente