Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 11 de abril de 2014 Páx. 16381

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 42/2014, do 27 de marzo, polo que se modifica o Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, polo que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios.

O artigo 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1983, do 6 de abril, atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia de desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de sanidade interior.

O Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, sobre transferencias da Administración do Estado á Xunta de Galicia en materia de traballo, industria, comercio, sanidade, cultura e pesca, no seu artigo 33.g), transfire á Xunta de Galicia o outorgamento da autorización para a creación, construción, modificación, adaptación ou supresión de centros, servizos e establecementos sanitarios de calquera clase ou natureza, incluídos os balnearios e as entidades do seguro libre de asistencia médico-farmacéutica.

Mediante o Real decreto 1277/2003, do 10 de outubro, establecéronse as bases xerais do procedemento de autorización, así como unha clasificación, denominación e definición común para todos eles, creando o catálogo e rexistro xeral, con independencia da súa clase ou natureza.

Como consecuencia do anterior, ditouse o Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, polo que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios, que contén a normativa autonómica aplicable na materia.

Con base na experiencia adquirida desde a súa entrada en vigor, a realidade existente e a análise efectuada, obxectívase a necesidade de modificar a regulación actual no que atinxe á tramitación das autorizacións relativas a centros, servizos e establecementos sanitarios, de conformidade cos principios e criterios establecidos a nivel supranacional que, aínda que non aplicables en toda a súa extensión á materia que nos ocupa, reflicten a tendencia a favorecer a liberdade de prestación de servizos e a liberdade de establecemento no mercado interior, así como a simplificar no posible os procedementos que teñan que ver co exercicio daquelas liberdades. Por outra banda, a modificación tamén responde ao recollido nos artigos 39 bis e 71 bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, engadidos pola Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, que implica a redución das cargas administrativas e dos prazos legais efectivos na tramitación dos procedementos regulados.

Para acadar o antedito, debe procederse á simplificación dos procedementos administrativos canto á tramitación das autorizacións reguladas modificando a redacción actual do artigo 5, número 1, dos artigos 9 e 10, e o parágrafo 1 do número 1 do artigo 18, así como dos anexos de solicitude das ditas autorizacións. Suprímense o número 1 do artigo 7, o número 3 do artigo 8 e o número 2 do artigo 13.

Mediante a simplificación de trámites, contribúese a facer da Administración unha organización máis áxil, menos burocratizada e, por tanto, máis económica e austera. Redúcense de forma considerable os tempos de resolución dos expedientes administrativos, adaptándoos ás distintas situacións que se dan na realidade, e permítese á cidadanía e ás empresas aforrar en tempos de espera. Así mesmo, a Administración pode cumprir estritamente cos tempos marcados no procedemento administrativo para resolver e, ao mesmo tempo, manter un control dos centros, servizos e establecementos, unha vez autorizados.

Nesta mesma liña de simplificación da relación entre o cidadán e a Administración facéndoa máis áxil e fluída, elimínase a posibilidade de presentación das distintas solicitudes de autorización en formato papel. A presentación realizarase en sede electrónica, de conformidade co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos e demais normativa que os desenvolve.

Por tanto, de conformidade co exposto, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete do marzo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, polo que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios

O Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, polo que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 5 queda redactado como segue:

«Artigo 5. Solicitude de autorización

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Dous. Suprímese o número 1 do artigo 7.

Tres. Suprímese o número 3 do artigo 8.

Catro. Modifícase o artigo 9, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 9. Tramitación da autorización de funcionamento

1. Na autorización de funcionamento de centros, servizos e establecementos sanitarios o procedemento que se seguirá será o seguinte segundo o centro, servizo ou establecemento de que se trate:

a) No caso dos hospitais (C.1); centros de saúde (C.2.3.1); centros especializados (C.2.5) con excepción dos centros de recoñecemento médico (C.2.5.10); os servizos sanitarios integrados nunha organización non sanitaria (C.3) e os centros ou servizos que entre as súas actividades asistenciais realicen sedación, procesos diagnósticos e/ou terapéuticos complexos, e/ou dispoñan da unidade asistencial de depósito de medicamentos, o Servizo de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria da Xefatura Territorial correspondente da Consellería de Sanidade, unha vez comprobada e analizada a documentación presentada, dará traslado do expediente ao Servizo de Inspección de Servizos Sanitarios da súa provincia, que deberá comprobar as condicións e requisitos técnico-sanitarios establecidos legalmente a través da visita de inspección, da que levantará acta, e realizará o informe proposta de concesión ou denegación da autorización sanitaria que corresponda, sendo a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade competente para a súa resolución.

b) Para aqueles centros ou servizos que pola súa actividade asistencial non estean incluídos na alínea anterior, que, revisando a documentación, correspondan a centros dun/dunha único/a profesional, sen complexidade ou polivalentes, o Servizo de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria da Xefatura Territorial correspondente da Consellería de Sanidade, previa comprobación e análise documental, elaborará un informe proposta de concesión ou denegación da autorización baseado no cumprimento documental e na declaración responsable do seu titular ou do representante legal do cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios establecidos legalmente e, non será precisa a visita de inspección previa á resolución de autorización solicitada salvo no caso de que a súa normativa específica ou os plans de inspección da Consellería de Sanidade o exixan. Á vista do dito informe, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade resolverá a solicitude.

c) Para os establecementos sanitarios e os centros de recoñecemento médico (C.2.5.10), o Servizo de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria da Xefatura Territorial correspondente da Consellería de Sanidade, previa comprobación e análise documental, emitirá un informe proposta de concesión ou denegación da autorización baseado no cumprimento documental e na declaración responsable do seu titular ou do representante legal do cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios establecidos legalmente e, non é precisa a visita de comprobación previa á resolución de autorización sanitaria. A persoa titular da xefatura territorial que proceda ditará a resolución de concesión ou denegación da autorización.

2. Se desde o Servizo de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade e/ou desde o Servizo de Inspección de Servizos Sanitarios se require a persoa interesada para que, nun prazo sinalado, corrixa as deficiencias detectadas, suspenderase automaticamente o prazo para resolver e notificar a resolución de funcionamento, conforme o previsto no artigo 42.5.a) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. No caso dos establecementos de ortopedia e óptica, nas resolucións de autorización farase constar expresamente se se dispensan produtos que requiren adaptación individualizada e/ou fabricación á medida.

4. Para a autorización dos centros e/ou servizos sanitarios integrados en centros, servizos ou establecementos de titularidade pública, poderanse establecer convenios, acordos ou instrucións para axilizar o procedemento indicado no número 1 deste artigo, garantindo sempre o cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios establecidos na normativa de aplicación».

Cinco. Modifícase o artigo 10, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 10. Vixencia e renovación da autorización de funcionamento

1. A autorización de funcionamento terá unha vixencia de 10 anos, salvo naqueles casos en que a súa lexislación específica estableza outra vixencia. Para os centros, servizos ou establecementos recollidos nas alíneas b) e c) do artigo 9.1 estará condicionada á comprobación do cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios.

Nos centros ou servizos a que fai referencia o artigo 9.1.b), a dita comprobación efectuarase mediante visita de inspección realizada por persoal do Servizo de Inspección de Servizos Sanitarios, e nos establecementos ou centros de recoñecemento aos que fai referencia o artigo 9.1.c), a dita comprobación será efectuada por persoal do Servizo de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria da xefatura territorial que corresponda.

O persoal actuante levantará acta e fará constar nela a conformidade ou non coa autorización de funcionamento outorgada. A conformidade implicará automaticamente o mantemento da vixencia da autorización emitida con anterioridade.

Nos casos en que se detecten desconformidades, concederase á persoa ou entidade titular do centro, establecemento ou servizo sanitario un prazo para corrixir as deficiencias detectadas e, verificada a súa corrección, manterase a vixencia da autorización.

No caso contrario, en función das desconformidades que persistan, darase traslado de todo o actuado ao órgano competente para resolver, xunto cun informe proposta de suspensión de actividade e/ou revogación da autorización baseado no incumprimento dos requisitos técnicos-sanitarios establecidos legalmente.

2. A renovación da autorización de funcionamento deberá solicitala a persoa interesada cunha antelación mínima de tres meses á data de finalización da súa vixencia e seguirá os mesmos trámites que as respectivas autorizacións de funcionamento.

3. A renovación da autorización de funcionamento dos centros, servizos e establecementos sanitarios de titularidade do Servizo Galego de Saúde ou da Consellería de Sanidade realizarase de oficio».

Seis. Suprímese o número 2 do artigo 13.

Sete. Modifícase o parágrafo 1 do número 1 do artigo 18, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 18. Prazo de resolución e falta de resolución expresa

1. O prazo máximo para resolver as solicitudes de autorización a que se refire o presente decreto é de cinco meses, contados desde a data de presentación da solicitude ante o órgano competente para a súa tramitación, prazo que poderá ser suspendido nos supostos previstos no artigo 42.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Oito. Suprímese o anexo I, que quedará substituído, en cada caso, polos seguintes anexos: anexo IA, de solicitude de autorización de instalación, anexo IB, de solicitude de autorización de funcionamento, renovación e/ou modificación e anexo IC, de solicitude de peche.

Disposición adicional única

As referencias ás delegacións provinciais da Consellería de Sanidade contidas no Decreto 12/2009 e nos seus anexos entenderanse realizadas no sucesivo ás xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade.

Disposición transitoria primeira

Para os expedientes administrativos de solicitude de autorización iniciados antes da entrada en vigor deste decreto e que estean en fase de tramitación na xefatura territorial correspondente, seguirase o procedemento indicado neste decreto.

Disposición transitoria segunda

No caso dos laboratorios de análises clínicas con autorización de funcionamento anterior ao 24 de outubro de 2003, a presentación da documentación xustificativa da titulación da dirección técnica do centro, no caso de renovación da autorización ou traslado do local, poderá ser substituída pola presentación dunha declaración responsable en que se acredite a continuidade do mesmo responsable facultativo que estaba no momento da autorización de funcionamento do centro.

Disposición derradeira primeira

A vixencia da autorización sanitaria de dez anos aplicarase nas resolucións de autorización a partir da entrada en vigor deste decreto, mantendo os centros, servizos e establecementos autorizados a data de vixencia que aparece na resolución de autorización outorgada.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da su publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de marzo de dos mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file