Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Venres, 25 de abril de 2014 Páx. 18801

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.

Exposición de motivos

1

A Constitución española, no artigo 14, proclama o dereito á igualdade e á non discriminación ao establecer que as persoas son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer ningunha discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Reiterada xurisprudencia do Tribunal Constitucional estableceu que, aínda que o artigo 14 non contén unha referencia explícita á discriminación derivada da orientación sexual do individuo, esta é, indubidablemente, unha circunstancia incluída na cláusula «calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social», á que debe ser referida a interdición da discriminación.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, da mesma forma que a Constitución española no seu artigo 9.2, sentan as bases para promover unha igualdade efectiva entre individuos, ao recoller a obriga que corresponde aos poderes públicos de «promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social».

A lexislación internacional sobre dereitos humanos e múltiples tratados internacionais consagran a igualdade como un principio xurídico fundamental e universal. Desde a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que establece que «toda persoa ten os dereitos e as liberdades proclamados nesta declaración, sen ningunha distinción de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición», numerosos textos lexislativos internacionais sobre dereitos humanos e múltiples tratados internacionais consagran a igualdade das persoas como un principio xurídico fundamental e universal.

Este recoñecemento implícito da Declaración Universal faise explicíto respecto das persoas homosexuais, bisexuais, transexuais e transxénero en numerosos textos e tratados internacionais, e existen declaracións específicas a este respecto que deben ser tomadas en consideración, como os Principios de Yogyakarta. A ONU e a UE estableceron principios internacionais respecto da homosexualidade, vinculantes para os seus Estados membros. No ano 1994, o Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas ditaminou que a prohibición e consecuente penalización dos comportamentos homosexuais vulneraban os dereitos á privacidade e á non discriminación.

No ano 2000, a UE, no artigo 21 da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, censura legalmente a discriminación por motivos de orientación sexual: «Prohíbese toda discriminación, e en particular a exercida por razón de sexo, raza, cor, orixes étnicas ou sociais, características xenéticas, lingua, relixión ou conviccións, opinións políticas ou de calquera outro tipo, pertenza a unha minoría nacional, patrimonio, nacemento, discapacidade, idade ou orientación sexual».

A Resolución do 8 de febreiro de 1994 do Parlamento Europeo, sobre a igualdade de dereitos dos homosexuais e das lesbianas da Comunidade Europea e sobre a igualdade xurídica e contra a discriminación de lesbianas e gays, insta todos os Estados Membros a velar pola aplicación do principio de igualdade de trato, con independencia da orientación sexual das persoas interesadas, en todas as disposicións xurídicas e administrativas. Neste sentido, tamén se pronunciou a Resolución do Parlamento Europeo sobre a homofobia en Europa, aprobada o 18 de xaneiro de 2006, que pide aos Estados Membros que tomen calquera medida que consideren adecuada para loitar contra a discriminación por razón de orientación sexual. Existe, como se acaba de sinalar, abundante lexislación internacional que consagra a igualdade como principio fundamental, e particularmente a igualdade independentemente da orientación sexual dos individuos.

No ano 2011, o Consello de Dereitos Humanos da ONU aprobou a primeira resolución na que se recoñecen os dereitos do colectivo LGTB e unha declaración formal de condena dos actos de violencia e discriminación en calquera lugar do mundo por razón da orientación sexual e identidade de xénero. Nesa resolución, o Consello facíalle ademais unha petición expresa á Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, co fin de documentar as leis discriminatorias e os actos de violencia por razón de orientación sexual e identidade de xénero en todo o mundo e de propoñer as medidas que se deben adoptar.

Dese informe resultou que os gobernos e os órganos intergobernamentais descoidaran a miúdo a violencia e a discriminación por razón da orientación sexual e identidade de xénero, e concluíron que o Consello debía promover «o respecto universal pola protección de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais de todas as persoas, sen distinción de ningún tipo, e dunha maneira xusta e equitativa» e establecer unha serie de recomendacións aos Estados Membros, entre outras, que «promulguen lexislación ampla de loita contra a discriminación que inclúa a discriminación por razón da orientación sexual e a identidade de xénero entre os motivos prohibidos e recoñeza as formas de discriminación concomitantes e que velen por que a loita contra a discriminación por razón da orientación sexual e a identidade de xénero se inclúa nos mandatos das institucións nacionais de dereitos humanos».

Nos últimos anos producíronse avances importantes no que atinxe á protección e ao recoñecemento dos dereitos das persoas LGTB, de maneira que son moitos os países que recoñecen o dereito a contraer matrimonio entre persoas do mesmo sexo ou que están considerando medidas semellantes nas súas cámaras lexislativas.

España incorporou á súa normativa directivas europeas e ratificou tratados e protocolos internacionais que prohiben toda discriminación por causa da orientación sexual. Na lexislación nacional cabe destacar a Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, que adecua a lexislación nacional á Directiva 2000/43/CE e á Directiva 2000/78/CE, e procede a súa transposición ao noso dereito. Esta lei busca a aplicación real e efectiva do principio de igualdade de trato e non discriminación e fai mención expresa á realizada por razón de orientación sexual. Mediante as medidas incluídas nesa lei estableceuse un marco legal xeral para combater a discriminación en todos os ámbitos, abordouse a definición legal da discriminación, directa e indirecta, e modernizouse a regulación da igualdade de trato e da non discriminación no traballo; así, a Lei 13/2005, do 1 de xullo, pola que se modifica o Código civil en materia de dereito a contraer matrimonio, ou a Lei 3/2007, do 15 de marzo, reguladora da rectificación rexistral da mención relativa ao sexo das persoas.

En Galicia, os principios de liberdade e igualdade do individuo aparecen recollidos no Estatuto de autonomía de Galicia, e son moitas as normas que consagran a igualdade, independentemente do estado civil ou da orientación sexual; por citar algunha, a Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Nos informes da Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea elaborados nos anos 2008 e 2009 destácanse os importantes avances dos últimos anos, e outro informe máis recente revela que o 88 % dos españois considera que a homosexualidade debe ser aceptada pola sociedade, de maneira que as distintas formas de orientación sexual contan cun alto grao de aceptación, mesmo por encima de moitos países do noso contorno. Con todo, e aínda que este nivel de aceptación se incrementou de forma apreciable nos últimos anos, aínda atopamos actitudes discriminatorias que nos obrigan a seguir traballando na procura dunha sociedade cada vez máis igualitaria.

A sociedade galega ofrece un grao de aceptación moi elevado ás distintas formas de orientación sexual e de identidade sexual, e é maioritariamente consciente da necesidade de erradicar calquera forma de discriminación por esta causa. Esta lei persegue garantir a igualdade de trato e combater a discriminación por razóns de orientación sexual e identidade sexual; trátase de eliminar calquera indicio de discriminación que poidamos apreciar no eido do ensino, das relacións laborais, da cultura, da saúde, do deporte e, en xeral, no acceso a calquera ben ou servizo.

2

Esta lei estrutúrase en dous títulos, nove capítulos, unha disposición adicional e tres disposicións derradeiras.

O título I establece as disposicións xerais para a actuación dos poderes públicos na defensa dos dereitos do colectivo LGTBI e na promoción da súa visibilidade.

O título II recolle as medidas que se deben adoptar nos ámbitos policial e da xustiza, laboral, familiar, da saúde, da educación, da cultura e do ocio, da xuventude e da comunicación para a promoción da igualdade, visibilidade e non discriminación do colectivo LGTBI.

Finalmente, a disposición adicional contén a remisión de información ao Parlamento de Galicia. A disposición derradeira primeira faculta a Xunta de Galicia para o desenvolvemento regulamentario desta lei. A disposición derradeira segunda faculta o Valedor do Pobo para se constituír na autoridade independente que vele pola defensa dos dereitos establecidos nesta lei. E a disposición derradeira terceira establece o prazo para a súa entrada en vigor.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da lei

1. O obxecto desta lei é garantir o principio de igualdade de trato e de non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas homosexuais, bisexuais, transexuais, transxénero e intersexuais.

2. Esta lei establece principios e medidas destinados á prevención, corrección e eliminación de toda discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero, nos sectores público e privado, e dentro do ámbito de aplicación contido no artigo 2.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. O ámbito subxectivo de aplicación desta lei engloba todas as persoas físicas ou xurídicas, tanto no sector público coma no privado, e inclúe entidades e organismos públicos autonómicos e locais que se encontren, actúen ou residan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia da súa nacionalidade, residencia, domicilio ou veciñanza civil, e en consonancia co conxunto do ordenamento xurídico.

2. O ámbito obxectivo, dentro das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, comprenderá todos os ámbitos da vida política, social, económica, cultural e familiar, particularmente nas seguintes áreas:

a) Policial e da xustiza

b) Laboral

c) Familiar

d) Da saúde

e) Da educación

f) Da cultura e do ocio

g) Do deporte

h) Da xuventude

i) Da comunicación.

Artigo 3. Concepto de discriminación

1. Para os efectos desta lei, entenderase por principio de igualdade de trato a ausencia de toda discriminación directa ou indirecta por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

2. Existirá discriminación directa cando unha persoa sexa, fose ou puider ser tratada de xeito menos favorable que outra en situación análoga ou comparable por razón da súa orientación sexual ou identidade de xénero.

3. Existirá discriminación indirecta cando unha disposición, criterio ou práctica aparentemente neutros poidan ocasionar unha desvantaxe particular a persoas por razón da súa orientación sexual ou identidade de xénero.

4. Existirá discriminación múltiple cando unha persoa sexa discriminada por razón da súa orientación sexual e/ou identidade de xénero conxuntamente con outra causa ou causas de discriminación, como idade, relixión ou crenzas, convicción ou opinión, sexo, orixe racial ou étnica, incapacidade, enfermidade, lingua, situación económica ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, creando unha forma específica de discriminación. A discriminación múltiple, pola súa propia natureza, será obxecto de especial atención, e, en particular, aquela en que concorre a causa de sexo conxuntamente coa de orientación sexual e/ou identidade de xénero, de conformidade coa lexislación internacional, europea, estatal e autonómica para o efecto.

5. Existirá acoso discriminatorio cando se produza unha conduta que, en función da orientación sexual ou identidade de xénero dunha persoa, persiga atentar contra a súa dignidade e/ou crear un espazo intimidatorio, hostil, degradante, humillante, ofensivo ou segregador.

Artigo 4. Protección contra represalias

1. Entenderase por represalia o trato adverso ou a consecuencia negativa que poida sufrir unha persoa por intervir, participar ou colaborar nun procedemento administrativo ou proceso xudicial destinado a impedir, corrixir ou facer cesar unha situación discriminatoria, ou por presentar unha queixa, reclamación, denuncia, demanda ou recurso de calquera tipo co mesmo obxecto.

2. Para tal efecto, corresponde aos poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia adoptar as medidas necesarias para a protección das persoas que se encontren na situación descrita no punto 1.

Artigo 5. Medidas de acción positiva

Para garantir na práctica a plena igualdade por razón de orientación sexual e identidade de xénero, o principio de igualdade de trato non impedirá que se manteñan ou que se adopten medidas específicas a favor de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais destinadas a previr ou a compensar as desvantaxes que lles afecten relativas ás materias incluídas no ámbito de aplicación deste título.

Artigo 6. Divulgación da información

Corresponde á Xunta de Galicia velar por que as disposicións adoptadas en virtude desta lei sexan postas en coñecemento das persoas ás que sexa aplicable, así como de asociacións, organizacións e colectivos LGTBI, por todos os medios adecuados, e en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto con outras disposicións vixentes na materia.

Artigo 7. Asociacións, organizacións e colectivos LGTBI

1. Entenderanse por asociacións, organizacións e colectivos LGTBI aqueles legalmente constituídos que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa e promoción da igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e/ou identidade de xénero e que desenvolvan a súa actividade en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os poderes públicos de Galicia establecerán un diálogo fluído e colaborarán coas asociacións, organizacións e colectivos LGTBI que teñan un interese lexítimo na loita contra a discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero.

3. As institucións galegas garantirán o acceso das asociacións, organizacións e colectivos LGTBI ás convocatorias de subvencións e axudas coincidentes cos seus fins.

4. Como fomento da participación e do asociacionismo, as administracións públicas galegas desenvolverán campañas de divulgación das accións e de impulso do asociacionismo LGTBI co obxecto de fomentar a participación directa e indirecta por parte de toda a sociedade nos programas de actuación que desenvolvan aquelas, para o que se establecerán medidas específicas co fin de favorecer a participación, a concienciación e a sensibilización de toda a sociedade en conceptos como igualdade, dignidade e respecto do colectivo LGTBI.

Artigo 8. Servizo de apoio e mediación LGTBI

Apoiarase un servizo de información, atención e asesoramento a lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais e ás súas familias e persoas achegadas, en colaboración cos gobernos locais.

TÍTULO II
Políticas públicas para o fomento e a promoción da igualdade,
da visibilidade e da non discriminación do colectivo LGTBI

CAPÍTULO I
Medidas no ámbito policial e no da xustiza

Artigo 9. Acceso e promoción nos corpos e forzas de seguridade

No acceso e promoción aos corpos e forzas de seguridade teranse en conta as previsións contidas tanto no artigo 32 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, coma no artigo 27 da Lei 8/2007, do 13 de xuño, da Policía de Galicia, ou naqueloutra normativa de referencia en que se inclúa o respecto ao dereito constitucional á igualdade.

Artigo 10. Formación dos corpos e forzas de seguridade

1. Os plans de formación da Academia Galega de Seguridade Pública incluirán accións formativas nas que especificamente se recolla o tratamento do dereito á igualdade e á non discriminación das persoas LGTBI.

2. Nestas actividades poderán participar todos os colectivos relacionados coa seguridade pública ou coas emerxencias aos que se dirixa a acción da Agasp.

Artigo 11. Medidas de asistencia

A Xunta de Galicia establecerá medidas de apoio, conforme a lexislación vixente, ás vítimas de violencia homofóbica, bifóbica ou transfóbica, para os efectos de corrixir a situación de discriminación e de minimizar ou eliminar as consecuencias na persoa discriminada, a través de asistencia social, psicolóxica e/ou médica e xurídica.

CAPÍTULO II
Medidas no ámbito laboral

Artigo 12. Medidas de promoción de igualdade de trato e non discriminación por parte da Administración autonómica galega

1. O órgano competente da Comunidade Autónoma en materia de traballo establecerá un programa de información e divulgación da normativa aplicable relativa á non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero, así como programas de loita contra a discriminación, particularmente no ámbito laboral, dirixidos a empresarios e empresarias, sindicatos, autónomos, responsables da inspección laboral, do servizo público de emprego e de calquera centro de traballo.

2. A consellaría competente en materia de traballo promoverá a incorporación, nos seus plans de formación en materia de igualdade, de oportunidades, independentemente da orientación sexual ou da identidade de xénero das persoas.

3. A Administración autonómica promoverá a elaboración dun estudo no que se visibilice a situación das persoas LGTBI e no que se garantan a confidencialidade e a privacidade dos datos das persoas, para os efectos de coñecer a súa situación laboral e as medidas que se deben adoptar para loitar contra a súa posible discriminación no ámbito das empresas públicas e privadas.

4. A Xunta de Galicia poderá establecer mecanismos de información e avaliación periódicos para previr, eliminar e corrixir toda forma de discriminación no ámbito do emprego.

5. Os servizos públicos de emprego, as súas entidades colaboradoras e as axencias de colocación autorizadas no ámbito da Comunidade Autónoma deberán velar especificamente polo respecto do dereito de igualdade de trato e non discriminación no acceso ao emprego, conforme a lexislación estatal competente nesta materia.

6. A inspección de traballo, nos termos previstos na normativa aplicable, deberá garantir o respecto do dereito de igualdade de trato e non discriminación no acceso ao emprego e nas condicións de traballo.

7. No marco do diálogo social, en colaboración coas organizacións sindicais e empresariais, a consellaría competente en materia laboral promoverá a elaboración dun protocolo de igualdade e boas prácticas no ámbito empresarial e das relacións laborais en materia de non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

8. Nas bases reguladoras das subvencións públicas e nos pregos das contratacións poderase impoñer como condición especial de execución o respecto do protocolo establecido no punto anterior, de tal modo que o seu incumprimento poderá levar consigo o reintegro da subvención ou a resolución do contrato, de acordo co establecido nas citadas bases reguladoras e mais nos pregos.

Artigo 13. Organizacións sindicais e empresariais. Negociación colectiva

A Xunta de Galicia instará as organizacións sindicais e empresariais presentes no diálogo social a que actúen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e, se é o caso, en colaboración coas asociacións, organizacións e colectivos LGTBI, a:

1. Impulsar medidas inclusivas para persoas LGTBI nos convenios colectivos de todos os sectores laborais.

2. Informar sobre a normativa en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

3. Promover os dereitos e a visibilidade das persoas LGTBI nos lugares de traballo.

4. Tratar de xeito específico a discriminación múltiple, na que a causa de orientación sexual e identidade de xénero se combine coa de sexo ou enfermidade, discapacidade física ou intelectual ou pertenza a calquera etnia ou relixión, así como a discriminación de persoas transexuais e transxénero, e incentivar a súa contratación.

5. A representación legal das persoas traballadoras velará pola promoción do dereito á igualdade de trato e non discriminación na empresa por razón das causas previstas nesta lei e, en particular, en materia de medidas de acción positiva, e pola consecución dos seus obxectivos.

Artigo 14. Dereito á igualdade de trato e non discriminación no traballo por conta propia

1. Non poderán establecerse limitacións, segregacións ou exclusións polas causas previstas nesta lei no acceso ao exercicio e ao desenvolvemento dunha actividade por conta propia.

2. O disposto no punto anterior será igualmente de aplicación, conforme se recolle na normativa estatal competente, aos pactos establecidos individualmente entre o traballador autónomo e o cliente para o que desenvolve a súa actividade profesional, así como aos acordos de interese profesional concertados entre as asociacións ou sindicatos que representan os traballadores autónomos e as empresas para as que desenvolven a súa actividade.

3. Os acordos de interese profesional regulados pola lexislación estatal aos que se refire o punto anterior poderán establecer, na forma que nela se determine, medidas de acción positiva para previr, eliminar ou corrixir toda forma de discriminación por razón das causas previstas nesta lei no ámbito do traballo por conta propia.

CAPÍTULO III
Medidas no ámbito familiar

Artigo 15. Concepto de familia

Enténdese por familia a derivada do matrimonio, da unión entre dúas persoas do mesmo ou distinto sexo, en relación de afectividade análoga á conxugal, rexistrada ou non, do parentesco, da filiación ou da afinidade, e tamén as unidades monoparentais, formadas por mulleres ou homes, con fillos e fillas ao seu cargo, de conformidade co disposto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

Artigo 16. Adopción

En aplicación da normativa estatal e autonómica vixente, garantirase que na valoración da idoneidade nos procesos de adopción non exista ningunha discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero.

Artigo 17. Medidas de prevención e a favor da visibilidade

1. Os órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de familia e igualdade, así como os gobernos locais da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán establecer programas de información dirixidos ás familias co obxecto de divulgar as distintas realidades afectivo-sexuais e de xénero e os distintos modelos familiares e de combater a discriminación por razón de orientación sexual e de identidade de xénero no ámbito familiar.

2. En particular, incidirase na información e promoción da igualdade de trato daquelas persoas LGTBI máis vulnerables por razón de idade (as e os adolescentes, mozos e mozas e terceira idade) e xénero (mulleres), para os efectos de garantir o pleno gozo dos seus dereitos e o libre desenvolvemento da súa personalidade no ámbito familiar.

Artigo 18. Apoio a vítimas de discriminación

Os servizos de apoio, asesoramento e mediación familiar dependentes da Xunta de Galicia, en coordinación cos servizos de LGTBI municipais, alí onde existan, atenderán e darán apoio ás vítimas de discriminación no ámbito familiar, e terán especial consideración cos casos de violencia doméstica ou con aqueles en que se encontren implicados os grupos de persoas LGTBI máis vulnerables referidos no punto 2 do artigo 17.

CAPÍTULO IV
Medidas no ámbito da saúde

Artigo 19. Medidas de información e formación do persoal sanitario

1. A consellaría competente en materia de sanidade garantirá a información sobre homosexualidade, bisexualidade e transexualidade que recolle a OMS a todas as persoas que traballan no ámbito da saúde, tanto no público coma no privado ou concertado, de modo que se garanta que os profesionais do ámbito sanitario coñezan a devandita información.

2. Para os efectos do punto anterior, a consellaría promoverá campañas e cursos de formación sobre os aspectos, problemas e necesidades específicas das persoas LGTBI no ámbito sanitario.

3. Así mesmo, garantirá a inclusión na formación continua e obrigatoria de todo o persoal sanitario e, de forma transversal, en materia de diversidade afectivo-sexual, tanto no ámbito público coma no privado ou concertado, normalizando o libre desenvolvemento da sexualidade e das relacións sexuais.

Artigo 20. Transexualidade

Garantirase a atención sanitaria, segundo a necesidade e o criterio clínico, das prácticas e para as terapias relacionadas coa transexualidade.

Artigo 21. Campañas de educación sexual

A consellaría competente en materia de saúde tratará de xeito específico a realidade LGTBI nas campañas de educación sexual e de prevención de enfermidades de transmisión sexual, en concreto:

1. Garantirá a realización de campañas efectivas de concienciación respectuosas e inclusivas que abrangan todo o abano de infeccións de transmisión sexual e que terán como destinatarios específicos as e os adolescentes e as e os mozos LGTBI, con especial consideración ao aumento das infeccións de VIH en relacións sexuais HSH.

2. Será a responsable da realización de campañas de visibilización e información do tratamento de profilaxes postexposición, como segunda e última oportunidade para evitar a aparición do VIH, garantindo o seu acceso na sanidade pública e formando o persoal sanitario no dito tratamento.

3. Igualmente, elaboraranse campañas destinadas ás mulleres que teñen relacións sexuais con outras mulleres, nas que se lles recomendará que acudan ao persoal de medicina de familia, ou aos especialistas que se lles indiquen, con regularidade.

CAPÍTULO V
Medidas no ámbito da educación

Artigo 22. Inclusión da realidade LGTBI nos plans de estudos

A consellaría competente en materia de educación incorporará a realidade homosexual, bisexual, transexual, transxénero e intersexual nos contidos transversais de formación de todo o alumnado de Galicia naquelas materias en que sexa procedente, dará audiencia ao Consello e, de ser o caso, escoitará as asociacións, organizacións e colectivos LGTBI. Así mesmo, visibilizaranse na educación os diferentes modelos de familia establecidos nesta lei.

Ademais, revisará os contidos de información, divulgación e formación que xa existan nos distintos niveis de ensino e noutros ámbitos formativos.

Artigo 23. Actitudes

A Administración educativa galega, en colaboración co departamento competente en materia de igualdade, fomentará a realización de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero.

Artigo 24. Formación do persoal docente

Estableceranse actividades de formación para o persoal docente existente. Así mesmo, incorporarase a realidade LGTBI e os distintos modelos de familia aos cursos e másters de formación do futuro persoal docente e aos plans de estudos das titulacións de Educación Social, Maxisterio, Pedagoxía, Psicoloxía e Dereito.

Artigo 25. Divulgación da realidade LGTBI entre as ANPA

A consellaría competente en materia de educación, en colaboración coas ANPA, deseñará contidos para as escolas de pais e nais relativos á realidade LGTBI e aos diferentes modelos de familia.

Artigo 26. Combater o acoso e favorecer a visibilidade

1. Estableceranse actuacións para combater o acoso escolar por razón de orientación sexual ou identidade de xénero, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das distintas orientacións sexuais e identidades de xénero. Así mesmo, informarase sobre os mecanismos de denuncia dos casos de acoso.

2. Para os efectos de favorecer a visibilidade e de integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual nos centros escolares, a consellaría competente en materia de educación favorecerá nos centros sostidos con fondos públicos a realización de actividades específicas próximas a datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo de dereitos a persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais.

CAPÍTULO VI
Medidas no ámbito da cultura e do ocio

Artigo 27. Centro de documentación

O órgano competente da Comunidade Autónoma neste ámbito favorecerá a creación dunha sección específica na Biblioteca de Galicia sobre o feito LGTBI e en materia de orientación sexual e identidade de xénero.

Articulo 28. Impulso a producións culturais

1. A consellaría competente en materia de cultura impulsará e apoiará as producións culturais que inclúan a realidade LGTBI e potenciará referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade.

2. A Xunta de Galicia promoverá e apoiará a realización, por parte dos gobernos locais, de actividades culturais para a concienciación e a normalización do feito LGTBI, nomeadamente nos municipios rurais.

CAPÍTULO VII
Medidas en materia de deporte

Artigo 29. Deporte

A práctica deportiva e de actividade física en Galicia desenvolverase en termos de igualdade e sen ningunha discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero. Para tal efecto, os poderes públicos colaborarán entre si e coas asociacións, organizacións, colectivos e entidades, públicas e privadas.

CAPÍTULO VIII
Medidas en materia de xuventude

Artigo 30. Xuventude

1. A consellaría competente en materia de xuventude continuará desenvolvendo programas destinados á información e ao asesoramento da mocidade en materia de orientación sexual e identidade de xénero.

2. Garantirase, desde unha óptica transversal, a continuación do labor formativo en contextos formais e non formais, nos que se traballe o valor da diversidade e o respecto cara a ela.

3. Nestas accións visibilizarase a realidade LGTBI na mocidade e traballaranse aspectos relacionados coa convivencia e a non discriminación, en función de aspectos relacionados coa identidade ou coa orientación sexual.

CAPÍTULO IX
Medidas no ámbito da comunicación

Artigo 31. Fomento da igualdade nos medios de comunicación

A Xunta de Galicia, a través dos medios de comunicación de titularidade autonómica e a través daqueles nos que participe ou aos que subvencione, garantirá, condicionando a efectividade desta subvención e sen vulnerar a liberdade de expresión e información, a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de todas as persoas na sociedade. Para estes efectos, promoverase:

– A programación de campañas nos medios de comunicación destinadas a toda a sociedade sobre a importancia e a necesidade da participación social e política de todas as persoas.

– A adopción, mediante a autorregulación, de códigos de boas prácticas tendentes a transmitir o contido dos valores constitucionais sobre a igualdade de todos, sen discriminación.

– A utilización non sexista da linguaxe e/ou das imaxes non discriminatorias, especialmente no ámbito da publicidade.

Artigo 32. Programas e campañas de apoio á igualdade de todas as persoas

A Xunta de Galicia, a través dos medios de comunicación de titularidade autonómica, garantirá e promoverá, por medio daqueles nos que participe ou aos que subvencione, condicionando a efectividade da subvención, a emisión de programas tendentes a erradicar todas as formas de discriminación e, en concreto, por razóns de orientación sexual e identidade de xénero.

A Xunta de Galicia velará por garantir, en todas as campañas institucionais de publicidade, o respecto pola orientación sexual e pola identidade de xénero de todas as persoas.

Artigo 33. Fomento da igualdade nas novas tecnoloxías

A Xunta de Galicia promoverá o acceso de todas as persoas ás novas tecnoloxías en condicións de igualdade de oportunidades. Igualmente, garantirá a transmisión, a través dos contidos desas novas tecnoloxías, dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada da sociedade.

Disposición adicional. Información ao Parlamento de Galicia

A Xunta de Galicia remitiralle ao Parlamento de Galicia, con carácter trianual, un informe sobre a aplicación desta lei.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento regulamentario

Autorízase a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións regulamentarias sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta lei.

Disposición derradeira segunda. Facultades do Valedor do Pobo

Facúltase a institución do Valedor do Pobo como autoridade independente para velar pola igualdade de trato e non discriminación por razón das causas previstas nesta lei, tanto no sector público coma no privado, mediante o exercicio das seguintes funcións:

1. Prestar apoio ás persoas que puidesen ter sufrido discriminación para a tramitación das súas queixas ou reclamacións.

2. Constituírse, co consentimento expreso das partes, en órgano de mediación ou conciliación entre elas, en relación con violacións do dereito de igualdade de trato e non discriminación, agás as que teñan contido penal ou laboral.

3. Iniciar de oficio ou por instancia de terceiros, investigacións sobre a existencia de posibles situacións de discriminación que revistan unha especial gravidade ou relevancia, agás coas que revistan carácter de infracción penal, en cuxo caso deberá remitir o investigado á Fiscalía ou á autoridade xudicial.

4. Instar a actuación das administracións públicas que correspondan para sancionar as accións ou omisións que poidan ser constitutivas de infracción administrativa en materia de igualdade de trato e non discriminación.

5. Colaborar co Defensor del Pueblo e coas institucións e organismos públicos equivalentes doutras comunidades autónomas e internacionais.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de abril de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente