Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Xoves, 11 de decembro de 2014 Páx. 50751

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 151/2014, do 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galicia.

O artigo 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

Consonte o anterior, a Comunidade Autónoma de Galicia ditou diferentes normas en materia de policía sanitaria mortuoria, como o Decreto 134/1998, do 23 de abril, sobre policía sanitaria mortuoria, modificado por Decreto 3/1999, do 7 de xaneiro, e a Orde do 12 de maio de 1998 pola que se regulan os libros oficiais de rexistro en materia de policía sanitaria mortuoria.

A normativa citada, no seu dilatado período de aplicación, deu lugar a unha casuística moi importante e a abundante xurisprudencia que incidiron de xeito destacado na interpretación e aplicación práctica da normativa sanitaria neste eido.

As peculiares características da organización social e da distribución da poboación na nosa comunidade autónoma, e das tradicións xeradas arredor dos usos e costumes mortuorios incidiron tamén de xeito significativo na creación e aplicación da normativa en materia de sanidade mortuoria.

Nesta liña, cómpre salientar o papel que desenvolveron os cemiterios parroquiais, a grande maioría dos cales datan de épocas moi anteriores a calquera normativa reguladora, o que ten producido non poucas incidencias na aplicación desta, xa que as características daqueles non resultan de doada modificación ou adaptación a criterios técnicos, ao situárense en lugares con moitas limitacións espaciais, de conservación patrimonial e de desenvolvemento potencial.

Estes factores, limitacións e usos abriron progresivamente unha fenda entre a realidade social e a normativa, que en moitas ocasións precisou do pronunciamento xudicial para restablecer a necesaria correlación entre os mínimos criterios sanitarios e as necesidades e usos sociais.

No presente decreto supérase a anterior distinción entre cemiterios parroquiais, confesionais e particulares, entendendo que o determinante desde o punto de vista xurídico é o uso da instalación o que debe prevalecer e ser examinado, á marxe da súa consideración como confesional ou non.

Por outra banda, a progresiva eliminación de autorizacións sanitarias de funcionamento no caso dos cemiterios, como consecuencia da transposición e aplicación da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, así como a modificación dalgúns dos requisitos para a obtención da licenza municipal, a casuística xerada arredor dos expedientes autorizatorios de novos cemiterios ou das ampliacións, a realidade dos cemiterios anteriores á entrada en vigor da normativa sanitaria que os disciplina e regula, ou a adaptación aos progresos nas prácticas mortuorias que permiten unha modificación nas condicións de conservación dos cadáveres, son aspectos que xustifican a necesidade de abordar cambios na regulación da sanidade mortuoria, co obxecto de adecuala ao marco normativo, competencial e social deste tempo.

Outra disposición que incidiu de xeito salientable na elaboración da presente disposición é a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Esta lei supuxo a supresión con carácter xeral da licenza municipal de actividade, apertura ou funcionamento para a instalación, implantación ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial, e a substitución por unha comunicación previa que o artigo 24 da mesma lei establece.

A dita comunicación previa habilita para o inicio da actividade ou a apertura do establecemento e, de ser o caso, para o inicio da obra ou instalación, e faculta a Administración pública para verificar a conformidade dos datos que se conteñen nela. Estas previsións normativas inciden na regulación do establecemento de servizos funerarios. Por outra banda, a disposición derradeira terceira da citada Lei 9/2013 modificou o artigo 194.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, no que atinxe aos actos suxeitos a licenza municipal.

Outra disposición que convén salientar en relación co presente decreto é a Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, en relación coa Lei 17/2009, do 23 de novembro, de libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio.

Estas disposicións incidiron significativamente na simplificación de trámites no acceso ao exercicio da actividade e na redución dos requisitos e instalacións mínimas necesarias.

Tamén cómpre ter en conta a relevancia das entidades locais, como administracións provedoras dos servizos públicos primarios á poboación, entre os cales se atopan os servizos mortuorios. De feito, a Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sostibilidade da Administración local, modificou o artigo 26 da Lei de bases de réxime local, mantendo o cemiterio como servizo que debe ser prestado por todos os municipios.

Os ditos servizos públicos teñen tamén unha dimensión territorial que os suxeita a unha necesaria planificación e ordenación que levan a cabo as ditas entidades locais, ao estableceren as normas de planeamento necesarias para integrar os ditos servizos.

Por tal motivo, no presente decreto preténdese incrementar a presenza e intervención das entidades locais, asignándolles un papel destacado na materia, non só como nivel de Administración máis próximo ao cidadán senón polas funcións e competencias que o ordenamento xurídico lles atribúe no seu ámbito de organización territorial.

O presente decreto foi sometido aos trámites de audiencia e publicación do proxecto na páxina web institucional, nos cales participaron numerosas organizacións como a propia Federación Galega de Municipios e Provincias, as autoridades eclesiásticas, a Federación Galega de Servizos Funerarios, algunhas entidades privadas de servizos e tamén cidadáns a título particular.

No que atinxe á estrutura, o presente decreto consta de 39 artigos, distribuídos en dez capítulos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I contén disposicións xerais relativas ao seu obxecto e ás facultades de inspección.

O capítulo II contén as definicións dos distintos conceptos, para os efectos da aplicación do decreto.

O capítulo III dedícase a establecer a clasificación sanitaria dos cadáveres, así como o seu destino final.

O capítulo IV dedícase ás prácticas sanitarias sobre cadáveres. Así, establécense unhas normas xerais, as técnicas admitidas para a preservación de cadáveres, os requisitos das técnicas de tanatopraxia, tanatoestética e tanatoplastia, así como as condicións para a exposición do cadáver en lugar público distinto dos establecidos no presente decreto.

O capítulo V trata sobre os servizos funerarios. Nos seus artigos, contense a regulación do seu establecemento, medios e responsabilidades e as características dos tanatorios, velorios e crematorios.

O capítulo VI, sobre transporte de cadáveres, inhumacións, exhumacións, reinhumacións e incineracións, divídese en dúas seccións. Na primeira sección contéñense as regras relativas ao transporte de cadáveres ou restos cadavéricos, os medios de transporte e as formalidades que se deben cumpir. No que atinxe ao transporte transfronteirizo de cadáveres ou restos humanos, resulta de aplicación a normativa estatal vixente, así como os convenios internacionais na materia.

A sección segunda do mesmo capítulo VI dedícase á inhumación, exhumación, reinhumación e incineración de cadáveres e restos, así como unha referencia aos féretros e elementos de transporte admitidos desde o punto de vista sanitario.

O capítulo VII contén as normas sanitarias dos cemiterios. Como xa indicamos anteriormente nesta exposición de motivos, cómpre ter en conta a relevancia das entidades locais, como administracións provedoras dos servizos públicos primarios á poboación, entre os cales se atopan os servizos mortuorios. No presente decreto, e especialmente no capítulo a que nos referimos, preténdese incrementar a presenza e intervención das entidades locais, asignándolles un papel destacado na materia. Así, nos expedientes relativos á nova construción e ampliación de cemiterios, suspensión de enterramentos, clausura ou declaración de ruína o peso do expediente levarao a respectiva administración local, limitándose a autoridade sanitaria a emitir un informe e a establecer as condicións sanitarias mínimas.

O capítulo VIII dedícase ás infraccións e sancións na materia e á consideración destas como infraccións sanitarias, así como a determinar os órganos competentes para a imposición das sancións correspondentes.

O capítulo IX é o relativo aos rexistros, solicitudes e comunicacións, como mecanismos de formalización e acreditación documental do previsto no presente decreto e que teñen a súa correspondencia nos anexos que o acompañan. Neste sentido, dáselle preeminencia á presentación electrónica dos documentos, co obxecto de favorecer e axilizar as relacións dos cidadáns coa Administración.

Finalmente, o capítulo X do decreto refírese aos recursos que poidan presentarse contra actos ou resolucións ditados ao seu abeiro polos órganos da Administración sanitaria con competencias na materia.

Das dúas disposicións adicionais que contén o presente decreto, relativas á regularización de cemiterios e aos cadáveres contaminados con produtos radioactivos, respectivamente, cómpre facer unha breve mención ao contido e razón de ser da disposición adicional primeira.

Así, no presente decreto prevese a posibilidade de que os cemiterios preexistentes que carezan da correspondente autorización sanitaria poidan ser regularizados cumprindo uns mínimos requisitos predeterminados, mediante un mecanismo de carácter extraordinario.

Tal previsión, que respecta a distribución competencial contida no mesmo decreto, prevese que permita acceder á regularización sanitaria a boa parte dos cemiterios, fundamentalmente parroquiais, que viñan funcionando desde antigo sen as autorizacións que resultaban necesarias.

O texto conta tamén con unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras, que conteñen a normativa afectada pola nova norma, a competencia para o seu desenvolvemento e execución e a súa entrada en vigor, respectivamente.

Completa a regulación un total de 10 anexos, que conteñen modelos normalizados para declaración responsable para o inicio da actividade dunha empresa funeraria, tanatorio, velorio ou crematorio, para comunicación de traslado de cadáveres, para solicitar autorización sanitaria para exhumación de cadáveres e restos cadavéricos, para solicitar autorización sanitaria para enterramentos especiais, e para solicitar o dilixenciamento de libros oficiais de rexistro para unha empresa funeraria, tanatorio, velorio, crematorio ou cemiterio. Os anexos tamén inclúen un modelo de Libro Rexistro de Tanatorios, outro de Libro Rexistro de Velorios, outro para funerarias, outro para crematorios e outro modelo de rexistro para cemiterios.

Con fundamento en todas estas premisas e antecedentes normativos e, tendo en conta as especiais características de Galicia e os usos e costumes da súa poboación, faise necesario proceder ao establecemento dun marco normativo xeral en que se recolla o conxunto de materias que, desde o punto de vista exclusivamente sanitario, compoñen a actividade que constitúe o obxecto deste decreto e dea unha resposta normativa axeitada ás distintas situacións de feito que xeraron ao longo do tempo nesta materia tan específica.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de novembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

É obxecto do presente decreto a regulación da sanidade mortuoria na Comunidade Autónoma de Galicia, que inclúe as seguintes materias:

a) Toda clase de prácticas sanitarias sobre cadáveres, tales como as de tanatopraxia e tanatoestética.

b) As condicións técnico-sanitarias que deben reunir as empresas funerarias, tanatorios, velorios e crematorios, de carácter público ou privado, nos traballos que realizan e medios que empregan para o transporte de cadáveres e restos humanos e restos cadavéricos.

c) As condicións técnico sanitarias que teñen que cumprir os cemiterios e demais lugares de enterramentos.

d) As normas sanitarias no tratamento dos restos cadavéricos.

e) As infraccións e sancións en materia de sanidade mortuoria.

Artigo 2. Inspección

1. As funerarias, tanatorios, velorios, crematorios, cemiterios, así como toda clase de medios ou prácticas sanitarias sobre cadáveres, poderán ser inspeccionados polas autoridades sanitarias competentes da Administración autonómica e da municipal.

2. Estableceranse programas de vixilancia dos ditos establecementos para os efectos de comprobar o cumprimento das especificacións do presente regulamento.

CAPÍTULO II
Definicións

Artigo 3. Definicións

Para os fins deste regulamento enténdese por:

1. Ampliación dun cemiterio: incremento da capacidade de enterramentos que implica extensión fóra dos seus muros de peche, de xeito que o recinto orixinal e a ampliación formen unha unidade.

2. Cadáver: o corpo humano durante os cinco primeiros anos seguintes á morte. Esta computarase desde a data e a hora que figura na inscrición de defunción no Rexistro Civil.

3. Cemiterio: o recinto pechado adecuado para inhumar restos humanos, que conta coa oportuna licenza municipal e demais requisitos regulamentarios. Dentro dos seus límites poderán existir instalacións ou establecementos funerarios descritos neste decreto.

4. Cinceiro: depósito para os restos cadavéricos.

5. Cinzas: o que queda dun cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos tras a incineración.

6. Columbarios: depósito para urnas coas cinzas procedentes da incineración.

7. Condución ordinaria: transporte dun cadáver, criatura abortiva ou membro procedente de amputación, en féretro ou caixa de restos, desde o domicilio mortuorio, lugar do aborto ou amputación, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a un cemiterio ou crematorio do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Condución de recollida: transporte dun cadáver desde o lugar de falecemento ao domicilio mortuorio dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de cadáveres xudiciais, incluirá a recollida desde o lugar de falecemento ao do instituto de medicina legal e o seu retorno ao domicilio mortuorio disposto pola familia ou ao seu destino final.

9. Conservación transitoria: os métodos químicos que retrasan os fenómenos de putrefacción.

10. Conxelación: método de conservación do cadáver mediante a hipotermia nunha instalación, manténdoo a unha temperatura de polo menos -12º C.

11. Crematorio: establecemento para a incineración de cadáveres, restos humanos ou restos cadavéricos que conta cos requisitos regulamentarios.

12. Domicilio mortuorio: lugar onde permanece o cadáver ata o momento de ser conducido ao seu destino final que, para os efectos da presente regulamentación, é unha vivenda, un centro hospitalario, un tanatorio ou un velorio.

13. Embalsamamento: os métodos químicos que impiden a aparición dos fenómenos de putrefacción.

14. Empresas funerarias: son aquelas que prestan os servizos de manipulación e acondicionamento dos cadáveres e/ou transporte deles xunto coa subministración de bens e servizos complementarios para os ditos fins e debidamente utilizados para tal efecto.

15. Esqueletización: a fase final de desintegración da materia orgánica, desde a separación dos restos óseos, sen partes brandas nin medios unitivos do esqueleto ata a total mineralización.

16. Establecemento funerario: establecemento debidamente acondicionado e disposto para levar a cabo as prácticas e servizos funerarios de tanatorio, velorio e/ou crematorio regulados no presente decreto.

17. Exhumación: acción de extraer do seu lugar de inhumación un cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos.

18. Féretro: caixa destinada ao transporte, inhumación ou incineración dun cadáver ou restos humanos.

19. Incineración: a redución a cinzas do cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos por medio da calor.

20. Inhumación: acción e efecto de enterrar un cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos.

21. Prácticas sanitarias sobre cadáveres ou restos cadavéricos: calquera tipo de manipulación destinada ao acondicionamento ou preservación dun cadáver ou resto cadavérico segundo o establecido no presente decreto, salvo as destinadas á obtención de pezas anatómicas e tecidos para transplantes.

22. Putrefacción: proceso que conduce á destrución da materia orgánica do cadáver por microorganismos e polos axentes auxiliares dela.

23. Refrixeración: método de conservación que, mentres dura a súa actuación, atrasa o proceso de putrefacción do cadáver por medio do descenso artificial de temperatura nunha instalación a unha temperatura comprendida entre -2º e 5º C.

24. Restos cadavéricos: o que queda do corpo humano, acabados os fenómenos de putrefacción, unha vez transcorridos os cinco anos seguintes á morte.

25. Restos humanos de entidade suficiente: ou restos humanos, son as partes do corpo humano procedentes de abortos, mutilacións e intervencións cirúrxicas, autopsias clínicas ou xudiciais e actividades de docencia ou investigación, de relevancia anatómica ou legal que exixan un tratamento específico segundo o determine a autoridade competente.

26. Restos óseos: os restos cadavéricos, completada totalmente a esqueletización.

27. Sepultura: calquera lugar destinado á inhumación dun cadáver ou restos humanos dentro dun cemiterio ou lugar de enterramento especial autorizado. Inclúense neste concepto:

a) Fosas: escavacións practicadas directamente en terra.

b) Nichos: cavidades construídas artificialmente, que poden ser subterráneas ou aéreas, simples ou múltiples.

28. Servizos funerarios: enténdense como tales as operacións encamiñadas ao transporte, manipulación, realización de prácticas sanitarias sobre cadáveres ou restos cadavéricos e calquera outra das recollidas no presente decreto co fin de cumprir o destino final dos cadáveres.

29. Tanatoestética: conxunto de técnicas de cosmética e modelaxe que permiten mellorar a aparencia do cadáver.

30. Tanatoplastia: prácticas médico-cirúrxicas sobre o cadáver, dunha parte ou da totalidade, para restablecer ou mellorar o aspecto estético ou para extraer do cadáver aquelas próteses que se requiran.

31. Tanatopraxia: conxunto de técnicas aplicadas ao cadáver que atrasan ou impiden os fenómenos putrefactivos a través de prácticas de conservación transitoria ou embalsamamento.

32. Tanatorio: establecemento funerario habilitado como lugar de etapa do cadáver, entre o lugar do falecemento e o destino final, debidamente acondicionado para a realización das técnicas de tanatopraxia, tanatoplastia e tanatoestética e para a exposición dos cadáveres.

33. Traslados: transporte dun cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos en féretro ou caixa de restos, desde o domicilio mortuorio, lugar do aborto, amputación ou cemiterio a un tanatorio ou directamente a un cemiterio ou crematorio fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o traslado dos cadáveres a que se refire o número 3 do artigo 5.

Tamén terán o carácter de traslados os transportes de cadáveres exhumados e restos cadavéricos dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

34. Traslado internacional: transporte do cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos cando isto implique paso de fronteiras internacionais.

35. Velorios: establecementos para a exposición de cadáveres que contan cos requisitos regulamentarios.

CAPÍTULO III
Clasificación sanitaria dos cadáveres e o seu destino final

Artigo 4. Clasificación sanitaria dos cadáveres

Para os efectos deste regulamento, os cadáveres clasifícanse en dous grupos, segundo as causas de defunción:

a) Grupo 1º. Comprende os das persoas falecidas por causa radioactiva ou infecciosa, que supoñan risco sanitario, como o cólera, carbunco e aqueloutras que, no seu momento, poida determinar a consellería competente en materia de sanidade, cando excepcionais circunstancias epidemiolóxicas ou de saúde pública o fagan necesario.

b) Grupo 2º. Comprende todos os falecidos por calquera outra causa.

Artigo 5. Destino final dos cadáveres, restos humanos e restos cadavéricos

1. O destino final de todo cadáver, restos humanos e restos cadavéricos será:

a) Inhumación en lugar autorizado.

b) Incineración.

2. Os restos humanos de entidade suficiente non requiren outro requisito na orde sanitaria para darlles o seu destino que o documento en que se acredite a causa e procedencia de tales restos.

Cando o facultativo que o expida deduza a existencia de posibles riscos de contaxio, poñerao inmediatamente en coñecemento da persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Sanidade, que adoptará as medidas oportunas.

3. Os cadáveres que, de acordo coa clasificación do artigo 4, correspondan ao grupo 2º, poderán destinarse a fins científicos e de ensino, de acordo co establecido nas disposicións legais vixentes.

CAPÍTULO IV
Prácticas sanitarias sobre cadáveres

Artigo 6. Normas xerais

1. Non se poderán realizar técnicas de tanatopraxia, tanatoestética e tanatoplastia sobre cadáveres clasificados no grupo 1º do artigo 4.

2. En casos de excepcionais situacións epidemiolóxicas ou sucesos con vítimas múltiples, a autoridade sanitaria competente poderá ditar os actos necesarios en relación co destino final, establecendo as condicións esixibles en cada caso.

Artigo 7. Técnicas de preservación de cadáveres

As técnicas de preservación de cadáveres inclúen os seguintes métodos:

1. Métodos químicos:

a) Conservación transitoria.

b) Embalsamamento.

2. Métodos físicos:

a) Conxelación.

b) Refrixeración.

Artigo 8. Requisitos das técnicas de tanatopraxia, tanatoestética e tanatoplastia

1. Tanatopraxia.

a) Aplicarase a técnica de tanatopraxia adecuada ao destino do cadáver e ao seu estado físico, que poderá ser supervisada polas autoridades sanitarias competentes.

b) As técnicas de tanatopraxia efectuaranse en salas de tanatopraxia, baixo a supervisión e responsabilidade de persoal con cualificación profesional axustada ao Real decreto 140/2011, do 4 de febreiro, polo que se complementa o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, para a realización das ditas técnicas.

O técnico responsable certificará a súa actuación con descrición das técnicas usadas así como o precinto final do féretro cando proceda. Os residuos que se xeren nas técnicas de tanatopraxia deberan ser manipulados e xestionados de acordo co establecido na lexislación vixente sobre residuos sanitarios.

c) O embalsamamento e conservación transitoria dun cadáver poderán realizarse unha vez obtida a certificación médica de defunción ou a autorización xudicial, segundo corresponda, despois das 24 horas do falecemento e, en calquera caso, antes das 48 horas posteriores ao falecemento, exceptuando os casos en que o cadáver fose autopsiado, nos cales estas técnicas poderanse aplicar unha vez rematada a autopsia e nos cadáveres conxelados, que se realizarán inmediatamente despois da súa desconxelación.

d) O embalsamamento dun cadáver será obrigatorio nos seguintes casos:

1º. Cando a inhumación ou a incineración non se poida realizar antes das 96 horas desde o momento do falecemento.

2º. En traslados ao estranxeiro, de conformidade co establecido no Decreto 2263/1974, do 20 de xullo.

3º. Nos traslados por vía aérea, marítima ou ferroviaria.

4º. Nos enterramentos en lugares especiais previstos neste decreto.

5º. Cando o cadáver vaia ser velado ou exposto nun lugar público.

O transporte dun cadáver embalsamado efectuarase en féretro hermético coas características fixadas no artigo 20 deste regulamento, agás nos casos de condución ordinaria.

Todo cadáver embalsamado na Comunidade Autónoma de Galicia ou que tivese entrada nela deberá ser conducido ao seu destino final nun prazo máximo de 8 días.

Poderán someterse a embalsamamento despois das 48 horas os cadáveres exhumados ou sobre os cales exista un procedemento xudicial aberto para os supostos de traslados recollidos neste punto.

e) A conservación transitoria dun cadáver será obrigatoria nos seguintes casos:

1º. Cando a inhumación ou a incineración vaia realizarse despois das 48 horas e antes das 96.

2º. No caso de traslados a comunidades autónomas nas cales a súa regulamentación así o exixa.

3º. En cadáveres conxelados que non vaian ser conducidos nas 24 horas inmediatas á súa retirada das cámaras ao cemiterio ou crematorio.

4º. En cadáveres refrixerados que non vaian ser conducidos nas 72 horas inmediatas á súa retirada das cámaras ao cemiterio ou crematorio.

f) Os cadáveres que sexan obxecto de dilixencias ou actuacións xudiciais estarán sometidos a refrixeración por un prazo máximo de seis días. Transcorrido o dito prazo, deberán ser inmediatamente inhumados ou incinerados ou, no seu defecto, conxelados ou embalsamados. No caso de facer preservación, poderán permanecer nesta situación un prazo máximo de 21 días.

2. Tanatoestética. Deberán cumprir as normas hixiénico-sanitarias da lexislación vixente.

3. Tanatoplastia.

a) As técnicas de tanatoplastia efectuaranse en salas de tanatopraxia.

b) Os estimuladores cardíacos e outras próteses subcutáneas provistas de pilas ou baterías extraeranse do cadáver con anterioridade á inhumación ou incineración.

Artigo 9. Exposición do cadáver en lugar público

A persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade poderá autorizar a exposición dun cadáver nun lugar público distinto dos establecidos no presente decreto, logo do embalsamamento, sempre que non se aprecie a concorrencia de factores de risco obxectivos que o impidan, e que se farán constar no acordo denegatorio, se for o caso. Así mesmo, fixará as condicións sanitarias mínimas exixibles, se for o caso.

CAPÍTULO V
Servizos funerarios

Artigo 10. Empresas funerarias

1. As empresas funerarias, con carácter previo ao inicio da actividade ou á apertura dun establecemento funerario, deberán presentar unha comunicación ante o concello, nos termos previstos nos artigos 24 e seguintes da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia. A comunicación previa presentada con cumprimento de todos os requisitos habilita para o inicio da actividade ou a apertura do establecemento, e faculta a Administración pública para verificar a conformidade dos datos contidos naquela comunicación.

2. A persoa titular da empresa presentará ante a correspondente xefatura territorial da Consellería de Sanidade, antes do inicio da actividade, a declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto de conformidade co modelo establecido no anexo I (SA440A). Do mesmo xeito, procederase a comunicar calquera variación nas circunstancias ou datos previamente declarados.

3. Este requisito non será aplicable ás empresas que xa se atopen legalmente establecidas noutro lugar do territorio nacional, agás que teñan establecementos funerarios en Galicia, caso en que deberán proceder á súa declaración de conformidade co previsto no parágrafo anterior.

4. As empresas funerarias que teñan establecementos ou infraestruturas físicas en Galicia disporán, como mínimo, de:

a) Medios precisos para a desinfección de vehículos, utensilios, roupas e demais material.

b) Auga apta para o consumo humano.

c) Sistema de eliminación de augas residuais á rede de sumidoiros ou outro sistema autorizado.

5. As empresas son responsables da calidade do material que empreguen e oferten, así como do funcionamento dos servizos que presten.

Artigo 11. Requisitos dos tanatorios, velorios e crematorios

1. As empresas funerarias que dispoñan dun tanatorio, velorio ou crematorio na Comunidade Autónoma de Galicia deberán presentar unha comunicación ante o concello, nos termos previstos nos artigos 24 e seguintes na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia. A comunicación previa presentada con cumprimento de todos os requisitos habilita para o inicio da actividade ou a apertura do establecemento e faculta a Administración pública para verificar a conformidade dos datos contidos naquela comunicación.

2. As empresas funerarias presentarán ante a xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, antes do inicio da actividade, a correspondente declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto de conformidade co modelo establecido no anexo I (SA440A), no cal facilitarán os datos dos establecementos que posúan. Do mesmo xeito, procederase a comunicar calquera variación nas circunstancias ou datos previamente declarados.

3. Os tanatorios e velorios disporán das seguintes instalacións e infraestruturas físicas:

a) Os accesos, así como as dependencias de tránsito e estadía do público, serán independentes das de tránsito, permanencia, tratamento e exposición dos cadáveres.

b) Material e equipamento necesarios para atender os servizos ofertados garantindo un axeitado nivel de hixiene e cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade e hixiene no traballo.

c) Sistema axeitado de eliminación de roupas e outros obxectos.

d) Auga apta para o consumo humano e sistema de eliminación de augas residuais á rede de sumidoiros ou outro sistema autorizado.

e) Aseos.

f) Zona de exposición do cadáver, que constará, como mínimo, de dúas áreas incomunicadas entre si e separadas por unha cristaleira impracticable:

1ª. Área para a exposición do cadáver: contará con refrixeración para asegurar unha temperatura entre 4 e 8 graos centígrados e disporá dun termómetro indicador visible desde o exterior.

2ª. Área para o dó.

4. No caso dos tanatorios, disporán, ademais, de:

a) Sala de tanatopraxia, deseñada e construída de xeito que favoreza a realización hixiénica de todas as operacións. As paredes serán lisas e o seu revestimento lavable, o chan impermeable terá un sumidoiro para a evacuación de augas de limpeza e disporá de lavabo e mesa de material inalterable. Contará co material e equipamento apropiados para as actividades de tanatopraxia. A sala contará con instalación de ventilación e extracción de aire.

A sala de tanatopraxia poderase utilizar para a realización de prácticas de tanatoestética e tanatoplastia.

b) Deberán dispoñer dunha zona con refrixeración para manter os cadáveres mentres non poidan ser expostos ou sometidos a prácticas sanitarias.

c) Disporán de duchas para o persoal da empresa.

5. Os hospitais, tanto públicos coma privados, poderán dispor de tanatorios propios ou contratados, que se axustarán ao establecido no presente decreto.

6. Os crematorios que presten algún tipo de servizo funerario dos recollidos no presente decreto deberán cumprir o establecido no mesmo para tales servizos.

CAPÍTULO VI
Transporte de cadáveres, inhumacións, exhumacións,
reinhumacións e incineracións

Sección 1ª. Transporte

Artigo 12. Transporte de cadáveres ou restos cadavéricos

1. No caso de que sexa necesario o transporte, poderá levarse a cabo unha vez obtida a constancia documental do falecemento, sempre que non concorran circunstancias que impliquen ou exixan a intervención xudicial ou que se trate de cadáveres clasificados no grupo 1º do artigo 4.

Cando o facultativo constate a existencia de posibles riscos de contaxio, poñerao inmediatamente en coñecemento da persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Sanidade, que adoptará as medidas oportunas.

Poderán utilizarse arcas ou padiolas co correspondente saco de recollida para o transporte do cadáver desde o lugar onde se produza o falecemento ata o domicilio mortuorio.

2. O traslado dun cadáver ao estranxeiro realizarase, previamente embalsamado, segundo o disposto nas normas que rexen o transporte transfronteirizo de restos humanos.

3. Os cadáveres sen inhumar do grupo 2º do artigo 4 poderán ser transportados en féretros comúns, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Terán que ser transportados en féretro de traslados cando o transporte teña lugar pasadas as 72 horas desde o falecemento. Nos casos en que se dean circunstancias excepcionais, a autoridade sanitaria poderá dispoñer medidas concretas para o traslado.

4. Non se poderán realizar traslados de cadáveres clasificados no grupo 1º do artigo 4, agás cando se proceda á súa incineración e a causa da morte non sexa de orixe radioactiva.

5. Os restos cadavéricos e restos humanos serán transportados en caixas de restos.

Artigo 13. Medios de transporte

1. O transporte de cadáveres ou restos cadavéricos só se poderá efectuar nos medios de transporte enumerados no presente artigo.

2. A condución e traslado de cadáveres e restos cadavéricos poderá efectuarse en:

a) Coches fúnebres.

b) Furgóns de ferrocarril das características que sinalen os ministerios competentes.

c) Avións ou buques de acordo coas normas que rexan nos convenios internacionais e que exixan as compañías de navegación aérea ou marítima.

3. A condución ordinaria de restos óseos non requirirá medio de transporte específico.

Artigo 14. Coches fúnebres

Os coches fúnebres serán vehículos automóbiles destinados exclusivamente ao transporte funerario, dotados dos medios e características técnicas axeitadas para o seu fin, e que permitan a súa limpeza e desinfección.

Artigo 15. Supostos excluídos

1. Non terá o carácter de transporte a condución de cadáveres que se realice por orde xudicial para a súa retirada da vía pública a un domicilio mortuorio ou a un instituto de medicina legal, se a urxencia do caso así o aconsellar.

2. Non terán a consideración de transporte funerario os casos de mortes producidas durante o traxecto en ambulancia dun paciente ao seu centro hospitalario de referencia.

Artigo 16. Comunicación do traslado

1. Non precisan de autorización sanitaria os traslados de cadáveres sen inhumar, criaturas abortivas ou membros procedentes de amputacións clasificados no grupo 2º do artigo 4, así como os restos cadavéricos. Non obstante, a empresa de servizos funerarios virá obrigada a comunicalo previamente á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade da provincia en que se orixine o traslado, mediante o modelo de comunicación que se recolle no anexo II (SA441A) deste decreto. Cando se realicen prácticas de tanatopraxia xuntarase ademais, a certificación a que se refire o artigo 8.1.b) do presente decreto.

2. A empresa funeraria deberá conservar por un período de cinco anos copia da documentación correspondente a cada traslado realizado.

Artigo 17. Condución no caso de doazón de órganos e tecidos

Naqueles casos en que deba procederse á extracción de órganos ou tecidos, por mor da condición de doadora da persoa falecida, non será obrigatoria a condución e o traslado de cadáveres en féretro e coche fúnebre desde o depósito ou centro sanitario ao centro autorizado para a extracción conforme a normativa vixente. Para os ditos efectos, e sempre que non transcorran máis de oito horas desde o falecemento ata a chegada ao centro autorizado para a extracción, o traslado realizarase en vehículos de transporte sanitario, extremando as condicións hixiénicas, mediante acondicionamento do cadáver con material impermeable.

Sección 2ª. Inhumación, exhumación, reinhumación e incineración

Artigo 18. Inhumación

1. As inhumacións de cadáveres verificaranse sempre en lugares de enterramento legalmente habilitados, de conformidade co previsto neste decreto.

2. A inhumación dun cadáver poderase realizar, unha vez obtida a licenza de enterramento, transcorridas 24 horas do falecemento e antes de que se cumpran as 48 horas daquel, con excepción dos cadáveres sobre os cales se teñan aplicado técnicas de conservación ou embalsamamento, para os cales rexerán os prazos previstos no presente decreto.

3. Nos casos en que previamente se practicase a autopsia ou se obtivesen órganos para transplantes, poderase autorizar a inhumación do cadáver antes de que transcorran as 24 horas do falecemento.

Artigo 19. Supostos de inhumación inmediata

Cando existan razóns sanitarias que aconsellen a inhumación ou incineración inmediata dun cadáver ou cando se trate de cadáveres clasificados no grupo 1 do artigo 4, poñerase o caso en coñecemento da autoridade sanitaria para proceder á súa inhumación tan pronto como sexa posible, agás nos casos de intervención xudicial, nos que se aplicará o que dispoña a súa resolución.

Artigo 20. Féretros e outros recipientes funerarios

1. Respecto das características dos féretros observarase o previsto na norma UNE 190001:2013 ou norma que a modifique ou substitúa. Non obstante, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade do mercado, poderán utilizarse os féretros e os recipientes funerarios legalmente fabricados ao abeiro da normativa dun lugar do territorio español.

2. Os recipientes funerarios, segundo o seu uso, son os seguintes:

a) Féretros comúns: construídos con material sen aberturas, dun espesor mínimo de 15 milímetros. A tapa encaixará no corpo inferior da caixa. Deberán axustarse as especificacións contidas na norma UNE-190001. Non se poderá empregar ningún tipo de material, revestimentos, bolsas etc. de características impermeables que impidan a normal putrefacción dos cadáveres.

b) Féretros de traslado: compostos por dúas caixas. A exterior, de características análogas ás dos féretros comúns, cun espesor mínimo de 20 milímetros e reforzada. A caixa interior poderá ser de láminas de chumbo ou de cinc soldadas entre si, ou doutros materiais e formatos comercializados legalmente, tales como bolsas homologadas destinadas a tal fin.

Os féretros de traslados serán acondicionados de forma que impidan os efectos da presión dos gases no seu interior mediante a aplicación de filtros depuradores e outros dispositivos adecuados.

c) Féretros para incineración: féretros comúns de condicións axeitadas ás necesidades de eliminación de residuos alleos ao cadáver e polas do forno crematorio.

d) Caixa de restos: recipiente destinado ao transporte de restos cadavéricos, restos humanos e restos óseos. Serán metálicas ou de calquera outro material impermeable ou impermeabilizado. Nos casos de reinhumación ou cremación, as caixas de restos serán de materiais adecuados para o dito fin.

e) Arcón de traslado: caixa con tapa de material resistente e impermeable, fácil de desinfectar e de dimensións suficientes para conter un féretro común.

f) Arca de recollida: recipiente para realizar a condución de recollida. Deberá de ser impermeable, de dimensións axeitadas e de fácil limpeza e desinfección.

g) Saco de recollida: saco impermeable, biodegradable, de dimensións adecuadas e dun só uso, que se utilizará para recoller e trasladar o cadáver desde o lugar onde se produciu o falecemento ata o domicilio mortuorio. Deberá introducirse nunha arca de recollida ou padiola.

h) Padiola: estrutura con armazón metálico cunha tea impermeable para envolver o cadáver e correas de suxeición para fixalo durante o transporte, con rodas ou sen elas, utilizada exclusivamente para este fin.

Artigo 21. Utilización

1. Prohíbese a condución, traslado e enterramento ou incineración de cadáveres sen o correspondente féretro ou recipiente funerario, de conformidade co previsto no artigo precedente.

2. Os féretros, unha vez pechados, non se poderán abrir, agás por orde xudicial ou por petición dos familiares, sempre que se realice nun tanatorio, velorio ou establecemento dos previstos neste decreto e sempre que se trate de cadáveres clasificados no grupo 2º do artigo 4.

Nestas mesmas condicións poderase realizar o cambio de féretros, quedando prohibido en todo caso a reutilización do desbotado.

3. O féretro deberá conter exclusivamente o cadáver que se vai inhumar e non poden depositarse dous ou máis no mesmo féretro, agás nos casos seguintes:

a) Nais e neonatos falecidos ambos no momento do parto.

b) Sucesos con vítimas múltiples ou situacións epidemiolóxicas excepcionais.

Artigo 22. Exhumación e reinhumación

1. As xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade autorizarán a exhumación e transporte de cadáveres do grupo 2º do artigo 4 para a súa reinhumación no mesmo cemiterio utilizando féretro común, ou en cemiterio distinto empregando para iso arcón de traslado. O mesmo sucederá no caso de restos cadavéricos, que poderán ser depositados en caixas de restos. No caso de que o destino final sexa a incineración, utilizarase féretro común ou de incineración.

2. Para tal efecto, dirixirase unha solicitude segundo o modelo recollido no anexo III (SA666A) á persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade, xuntando a partida de defunción literal do cadáver que se pretenda exhumar e o xustificante de pagamento da taxa.

3. Cando exista ou existise un procedemento xudicial en relación co falecemento, terá que solicitarse previamente a autorización xudicial.

Artigo 23. Incineración de cadáveres

1. A incineración de cadáveres poderase realizar unha vez obtida a licenza de enterramento, despois das 24 horas e antes das 48 horas posteriores ao falecemento, con excepción dos cadáveres conservados, conxelados ou embalsamados, que se rexerán polos prazos previstos no presente decreto.

2. As cinzas resultantes da incineración colocaranse en urnas destinadas para o efecto, no exterior das cales figurará obrigatoriamente o nome do defunto, e serán entregadas á familia ou ao seu representante legal para o seu posterior depósito en sepultura, columbario, propiedade privada ou outro destino compatible coas normas ambientais e sanitarias vixentes.

3. Prohíbese a reutilización dos féretros que non se incineren, que serán destruídos inmediatamente.

CAPÍTULO VII
Normas sanitarias dos cemiterios

Artigo 24. Número e localización

Cada concello, independentemente ou asociado con outras entidades locais, disporá dun cemiterio con capacidade adecuada ás características da súa poboación.

Artigo 25. Localización de cemiterios de nova construción

1. O emprazamento dos cemiterios de nova construción virá determinado nos instrumentos de planeamento municipais. No caso de que non exista planeamento, a entidade local recadará o parecer das consellerías con competencias en ordenación do territorio e patrimonio cultural, respectivamente.

2. Arredor do solo destinado á construción dun novo cemiterio establécese un perímetro de 50 metros de largo totalmente libre de todo tipo de construción, medida a partir do peche exterior do cemiterio. Para os efectos previstos neste artigo, poderán situarse dentro dese perímetro os edificios e instalacións de carácter relixioso ou destinados a servizos funerarios.

3. Os concellos poderán establecer, motivadamente, nas súas ordenanzas e instrumentos de planeamento un perímetro maior do indicado no parágrafo precedente, en función das circunstancias e características de patrimonio cultural, urbanísticas e de desenvolvemento no seu ámbito territorial. Así mesmo, os concellos, sen prexuízo do disposto nas normas e plans urbanísticos ou de patrimonio cultural aplicables, poderán, excepcional e motivadamente, permitir a ampliación de cemiterios xa autorizados sen o cumprimento do requisito relativo ao perímetro citado anteriormente.

Artigo 26. Instalacións mínimas

Sen menoscabo das instalacións exixidas por outras normativas aplicables, todo novo cemiterio ou ampliación doutro existente deberá contar, ademais do número de sepulturas previsto no proxecto, coas seguintes instalacións:

1. Un osario xeral destinado a recoller os restos procedentes das exhumacións de restos cadavéricos.

2. Un forno incinerador. Esta instalación non será precisa cando se conte cun xestor autorizado para a eliminación de roupas e útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou da limpeza dos cemiterios.

3. Instalación de auga apta para o consumo humano e servizos hixiénicos.

4. Un sector destinado a depositar as cinzas procedentes das incineracións ou un columbario.

5. Un peche perimetral que garanta a seguridade da instalación.

Artigo 27. Condicións construtivas das sepulturas

As sepulturas deberán reunir como mínimo as condicións seguintes:

1. Fosas. As medidas do oco interior das sepulturas serán as seguintes: a profundidade das fosas será como mínimo de dous metros, o seu largo de 0,85 metros e a súa lonxitude, como mínimo, de 2,40 metros, cun espazo de 0,50 metros de separación entre unhas e outras.

2. Nichos.

a) As medidas do oco interior dos nichos serán as seguintes: terá, como mínimo, 0,85 metros de largo por 0,70 metros de alto e 2,40 metros de profundidade.

b) Os materiais utilizados na construción de nichos serán impermeables. Cada unidade de enterramento e o sistema no seu conxunto será permeable, asegurándose unha drenaxe adecuada e unha expansión dos gases en condicións de inocuidade e saída ao exterior pola parte máis elevada.

c) No caso de que se utilicen sistemas prefabricados, reunirán as mesmas características que as exixidas para os nichos neste artigo, e a separación vertical e horizontal das sepulturas virá dada polas características técnicas de cada sistema construtivo. Non obstante, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade do mercado, poderán utilizarse sistemas legalmente fabricados ao abeiro da normativa dun lugar do territorio español.

3. Cinceiros: terán como mínimo 0,80 metros de largo, 0,80 metros de alto e 0,80 metros de profundidade.

Artigo 28. Expedientes de nova construción e ampliación de cemiterios

1. Os expedientes de construción ou ampliación de cemiterios serán instruídos e resoltos polos concellos en que estean situados, aos cales lles corresponderá o outorgamento da licenza correspondente.

2. Os ditos expedientes contarán coa seguinte documentación:

a) Instancia da entidade propietaria. Nos cemiterios municipais a instancia será substituída pola certificación de acordo polo órgano competente para acordar a construción ou ampliación.

b) Memoria asinada por técnico competente en que se fará constar o seguinte:

1º. Localización, superficie e capacidade prevista.

2º. Planos de distribución das instalacións e dependencias.

3º. Construcións existentes máis próximas ou o terreo urbanístico apto para ela e vías de comunicación.

4º. Clase de obra e materiais que se empregarán nos muros de cerramento e nas edificacións.

5º. Tipos de enterramentos e as súas características construtivas.

c) Estudo hidroxeolóxico do terreo con indicación da permeabilidade, variación anual do nivel freático da zona e no cal expresamente se faga constar que non existe risco de contaminación de captacións de auga para abastecemento.

d) Informe favorable do organismo de bacía competente.

e) Informe urbanístico emitido polo órgano competente do concello, no referente a que a zona en que se pretende construír o cemiterio ou ampliar o existente estea prevista para eses usos no planeamento urbanístico vixente. No caso de que non exista planeamento, a entidade local pedirá o parecer das consellerías con competencias en ordenación do territorio e patrimonio cultural, respectivamente.

f) Autorización da consellería competente en ordenación do territorio, nos supostos en que sexa preceptiva.

g) Autorización previa da consellería con competencia en materia de patrimonio cultural para os proxectos de construción de novos cemiterios e ampliación dos existentes no caso de afectaren bens protexidos do inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia e os seus contornos e memoria sucinta sobre os elementos do patrimonio cultural que se poidan ver afectados polo proxecto.

h) Informe da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente segundo a situación do cemiterio. Coa petición do dito informe achegarase copia da documentación prevista nas alíneas b), c) e d) do presente artigo. Este informe terá carácter preceptivo e non vinculante, e emitirase no prazo máximo dun mes.

i) Informes, autorizacións ou permisos exixidos segundo a normativa sectorial específica.

Artigo 29. Suspensión de enterramentos

1. Procederá a suspensión de enterramentos por parte dos concellos, de oficio ou por instancia de parte, cando concorra calquera das seguintes circunstancias:

a) Cando se pretenda destinar o seu terreo ou parte del a outros usos.

b) Por esgotamento transitorio ou definitivo da súa capacidade.

c) Por razóns sanitarias ou de salubridade.

2. Antes de proceder á suspensión de enterramentos, o concello solicitará informe da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, que deberá emitilo no prazo máximo de dez días. O dito informe terá carácter de preceptivo e non vinculante, polo que, transcorrido o prazo sen que se teña emitido, entenderase que é favorable.

Artigo 30. Actuacións para os efectos da declaración de ruína

1. Para os efectos deste artigo, considérase como sepultura en estado de ruína aquela que cumpra os parámetros definidos na normativa urbanística de aplicación.

2. O concello, de oficio ou por petición de parte, e mediante un expediente contraditorio previsto na normativa urbanística, declarará o estado de ruína dunha sepultura, e tales efectos consideraranse como parte interesada as persoas titulares do dereito sobre as sepulturas, así como, se procede, o titular do cemiterio, agás inminente perigo que o impida.

Non obstante, para poder derrubar unha sepultura ou calquera outro elemento integrante dun cemiterio que forme parte ou estea situado no contorno dun ben protexido do inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, será preciso que a consellería con competencia en materia de patrimonio cultural autorice previamente a demolición pretendida.

3. O concello farallo saber á entidade propietaria e ao público cunha antelación de tres meses, mediante a publicación nos boletíns e diarios oficiais e os xornais de maior circulación no concello, a fin de que as familias dos inhumados poidan adoptar as medidas que o ordenamento xurídico lles permita.

4. A declaración do estado de ruína dunha sepultura requirirá que a entidade propietaria, logo da autorización da persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Sanidade, dispoña a exhumación dos cadáveres existentes para a súa inmediata reinhumación no lugar que o titular do dereito sobre a sepultura dispuxese; se non consta o dito acto de disposición, a reinhumación efectuarase nun osario xeral.

5. Rematada a exhumación dos cadáveres, as sepulturas declaradas en estado de ruína serán derrubadas pola entidade titular ou, de non facelo, procederá o concello con cargo aos obrigados a través dos mecanismos previstos no parágrafo 3 do artigo 201 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

6. A declaración do estado de ruína dunha sepultura comporta a extinción do dereito do seu titular. En consecuencia, tanto a exhumación para a inmediata reinhumación como a derruba das sepulturas non darán por si mesmas lugar a ningún tipo de indemnización.

Artigo 31. Clausura de cemiterios

1. O concello, de oficio ou por instancia de parte, iniciará o expediente de clausura dun cemiterio, unha vez declarada a suspensión de enterramentos.

Non se poderá acordar a clausura dun cemiterio nin cambiar o seu destino sen acreditar previamente o transcurso de 10 anos desde a última inhumación, agás que razóns de interese público o aconsellen.

2. Iniciado o expediente, someterase a información pública cunha antelación de tres meses, mediante a publicación nos boletíns e diarios oficiais en un dos xornais de maior circulación no municipio, co obxecto de que as persoas interesadas poidan exercer os dereitos que as leis lles recoñezan.

3. Con carácter previo á proposta de resolución, o concello remitirá o expediente á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, que informará con carácter vinculante. O prazo para a emisión do informe será de dous meses.

4. O concello, á vista da documentación, alegacións e informes, resolverá sobre a procedencia ou non da clausura.

5. Os restos que se retiren por petición dos familiares ou persoas con dereito ou interese lexítimo serán inhumados noutro cemiterio ou cremados logo de autorización da persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade.

En defecto do anterior, a recollida e traslado, por petición da entidade propietaria, será autorizada pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade. Os restos que se retiren poderán ser inhumados noutro cemiterio, cremados ou depositados nun osario xeral.

Artigo 32. Enterramentos en lugares especiais

1. A consellería competente en materia de sanidade poderá autorizar enterramentos en lugares de culto e recintos institucionais de especial relevancia histórica e/o artística, logo de informe favorable do órgano competente en materia de patrimonio cultural e da información pública practicada por prazo de vinte días, sempre que non se aprecie a concorrencia de factores de risco obxectivos que o impidan e que se farán constar no acordo denegatorio, se for o caso.

2. No caso de lugares especiais de enterramento de nova construción, o promotor do expediente presentará a seguinte documentación:

a) Solicitude da entidade propietaria segundo o modelo recollido no anexo IV (SA439A).

b) Memoria asinada por técnico competente en que se fará constar o seguinte:

1º. Localización, superficie e capacidade prevista.

2º. Planos de distribución das instalacións e dependencias.

3º. Clase de obra e materiais que se empregarán nos muros e edificacións.

4º. Tipos de enterramentos e as súas características construtivas.

5º. Identificación precisa dos elementos de valor cultural.

c) Informe urbanístico emitido polo órgano competente do concello.

d) Autorización da consellería competente en ordenación do territorio, nos supostos en que sexa preceptiva, de conformidade co disposto na Lei 9/2002, de 30 do decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

3. Finalizadas as obras de construción, a entidade propietaria comunicarao á persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Sanidade, quen ordenará a realización da visita de inspección de fin de obra co obxecto de comprobar o cumprimento das condicións sanitarias aplicables ao caso.

CAPÍTULO VIII
Infraccións e sancións

Artigo 33. Infraccións

1. As infraccións cualifícanse como leves, graves e moi graves, atendendo aos criterios de risco para a saúde, a contía do eventual beneficio obtido, o grao de intencionalidade, a gravidade da alteración sanitaria e social producida, a xeneralización da infracción e a reincidencia.

2. Terán a consideración de infraccións, de acordo co disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as seguintes accións e omisións.

3. Infraccións leves:

a) O incumprimento da obriga das empresas funerarias de comunicar os traslados de cadáveres á xefatura territorial da Consellería de Sanidade, sempre que se deba a simple neglixencia e a alteración ou risco sanitario sexa de escasa incidencia.

b) O incumprimento do mantemento dos rexistros establecidos no artigo 36, sempre que se deba a simple neglixencia e a alteración ou risco sanitario sexa de escasa incidencia.

c) O incumprimento por simple neglixencia do establecido para os vehículos funerarios no artigo 14, sempre que se deba a simple neglixencia e a alteración ou risco sanitario sexa de escasa incidencia.

d) O incumprimento por simple neglixencia dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas neste decreto que, en razón dos criterios recollidos neste artigo, merezan a cualificación de leves ou non proceda a súa cualificación como faltas graves ou moi graves, sempre que se deba a simple neglixencia e a alteración ou risco sanitario sexa de escasa incidencia.

e) Carecer dos libros oficiais de rexistro establecidos no artigo 36, sempre que se deba a simple neglixencia e a alteración ou risco sanitario sexa de escasa incidencia.

f) A obstrución ao labor inspector mediante calquera acción ou omisión que a perturbe ou atrase, de conformidade co artigo 41.e) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

4. Infraccións graves:

a) O incumprimento, por neglixencia grave, dos requisitos, condicións, obrigas ou prohibicións establecidas no presente decreto, así como calquera outro incumprimento e comportamento que supoña imprudencia grave, sempre que ocasionen alteración ou risco sanitario, aínda que sexan de escasa entidade, de conformidade co previsto no artigo 42.e) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. Tamén terá a consideración de infracción grave o mesmo incumprimento e comportamento cando, cometidos por neglixencia simple, produzan risco ou alteración sanitaria grave. Para os efectos deste punto, constituirá un suposto de neglixencia a omisión do deber de control ou a falla dos controis ou precaucións exixibles na actividade, servizo ou instalación de que se trate.

b) Carencia, por neglixencia grave, dos libros oficiais de rexistro establecidos no artigo 36, cando a dita carencia produza alteración ou risco sanitario, aínda que sexa de escasa entidade.

c) Impedir a actuación dos inspectores, debidamente acreditados, nos establecementos ou instalacións regulados neste decreto.

d) O incumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 10, 11 e 18 respectivamente para as empresas funerarias, tanatorios, velorios, crematorios e licenzas de enterramento, así como calquera outro comportamento que supoña imprudencia grave, sempre que ocasionen alteración ou risco sanitario, aínda que sexan de escasa entidade. E os mesmos incumprimentos e comportamentos cando, cometidos por neglixencia simple, produzan risco ou alteración sanitaria grave. Para os efectos deste punto, constituirá un suposto de neglixencia a omisión do deber de control ou a falla dos controis ou precaucións exixibles na actividade, servizo ou instalación.

e) O incumprimento dos requisitos establecidos no presente decreto para cemiterios e crematorios, así como calquera outro comportamento que supoña imprudencia grave, sempre que ocasionen alteración ou risco sanitario, aínda que sexan de escasa entidade. E os mesmos incumprimentos e comportamentos cando, cometidos por neglixencia simple, produzan risco ou alteración sanitaria grave. Para os efectos deste punto, constituirá un suposto de neglixencia a omisión do deber de control ou a falla dos controis ou precaucións exixibles na actividade, servizo ou instalación.

f) Non respectar nos tanatorios e velorios as condicións de temperatura ou ventilación e refrixeración establecidas para as zonas de exposición de cadáveres ou salas de tanatopraxia recollidas no artigo 11.

g) O enterramento de cadáveres, restos humanos ou restos cadavéricos antes dos prazos establecidos.

h) A exposición dun cadáver nun lugar público distinto dos previstos neste decreto sen a autorización correspondente.

i) O incumprimento do establecido para a exhumación de cadáveres ou restos cadavéricos.

j) A condución e traslado de cadáveres en medios distintos dos recollidos no artigo 13.

k) A reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos tres meses, de conformidade co previsto no artigo 42.j) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

l) A negativa a subministrar datos, facilitar información ou prestar colaboración ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes no desenvolvemento dos labores de inspección ou control sanitarios e investigacións epidemiolóxicas de abrochos ou situacións de especial risco para a saúde da poboación, de conformidade co previsto no artigo 42.d) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

m) As que, en razón dos elementos recollidos neste artigo, merezan a cualificación de graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou moi graves.

5. Infraccións moi graves.

a) O incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas no presente decreto en relación co enterramento de cadáveres, restos humanos ou restos cadavéricos ou calquera comportamento doloso, sempre que ocasionen alteración, danos ou risco sanitario grave, de conformidade co previsto no artigo 43.c) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

b) O incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas no presente decreto en relación coa realización de prácticas de tanatopraxia ou calquera comportamento doloso, sempre que ocasionen alteración, danos ou risco sanitario grave, de conformidade co previsto no artigo 43.c) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

c) O incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas no presente decreto en relación coa condución, traslado e enterramento de cadáveres sen o correspondente féretro, ou calquera comportamento doloso, sempre que ocasionen alteración, danos ou risco sanitario grave, de conformidade co previsto no artigo 43.c) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

d) As actuacións que, a teor do grao de concorrencia dos elementos a que se refire o artigo 40 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, merezan a cualificación de faltas moi graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou graves.

e) A resistencia, coacción, ameaza ou represalia, desacato ou calquera outra forma de presión exercida sobre as autoridades sanitarias ou os seus axentes, de conformidade co previsto no artigo 43.b) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

f) A reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos cinco anos, de conformidade co previsto no artigo 43.h) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Artigo 34. Sancións

1. As accións ou omisións constitutivas de infraccións, segundo o previsto no artigo 33 deste decreto, serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, logo de instrución do oportuno procedemento, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que poidan ocorrer. O procedemento para a imposición de sancións axustarase aos principios establecidos no título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As infraccións a que se refire o artigo 33 do presente decreto serán sancionadas con multa de acordo coa gradación establecida no artigo 44 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Nos supostos de infraccións moi graves, poderá ser acordado, no seo do expediente sancionador, polo Consello da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 44 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, o peche temporal do establecemento, instalación ou servizo por un prazo máximo de cinco anos.

3. Non terá carácter de sanción a clausura ou peche do establecemento ou instalacións que non conten cos requisitos previstos ou a suspensión do seu funcionamento ata que se emenden os defectos ou se cumpran os requisitos exixidos por razóns de sanidade, hixiene ou seguridade.

Artigo 35. Órganos competentes para a imposición de sancións

Os órganos competentes para a imposición de sancións e medidas a que se refire o presente regulamento, sen prexuízo das facultades que lle sexan conferidas por outras disposicións, son:

1. Os titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.

2. O/a director/a xeral con competencia en materia de saúde pública para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

3. A persoa titular da Consellería de Sanidade pola comisión de infraccións moi graves.

4. O Consello da Xunta de Galicia para a imposición de sancións cando a súa contía sexa igual ou superior a cento vinte mil douscentos dous euros con corenta e tres céntimos (120.202,43 euros) e a clausura ou peche temporal de establecementos.

5. Os concellos da comunidade autónoma, ao abeiro das súas respectivas ordenanzas municipais, poderán sancionar as infraccións previstas no presente decreto, sempre que as ditas infraccións afecten as áreas de responsabilidade mínima sobre as cales exercen competencias de control sanitario.

CAPÍTULO IX
Rexistros, solicitudes e comunicacións

Artigo 36. Libro oficial de rexistro

1. As entidades propietarias dos tanatorios, velorios e empresas funerarias, crematorios e cemiterios disporán dun libro oficial de rexistro de acordo co formato e cos datos que se especifican nos anexos VI a X respectivamente.

2. Os libros oficiais de rexistro serán dilixenciados pola xefatura territorial da Consellería de Sanidade da provincia correspondente. Para tal efecto, dirixirase unha solicitude segundo o modelo recollido no anexo V (SA442A) á persoa titular da xefatura territorial correspondente da Consellería de Sanidade, achegando o libro oficial de rexistro e o xustificante do pagamento das taxas.

3. Os libros oficiais de rexistro permanecerán custodiados baixo a responsabilidade do titular do establecemento ou persoa designada por este.

4. Os libros oficiais de rexistro poderán ser controlados, en calquera momento, por requirimento das autoridades sanitarias competentes da Administración autonómica e da municipal.

5. As entidades propietarias estarán obrigadas a inscribir cada servizo que presten nos libros oficiais, cubrindo na súa totalidade os datos especificados en cada un dos seus puntos.

Artigo 37. Follas en soporte informático

As entidades propietarias dos tanatorios, velorios e empresas funerarias, crematorios e cemiterios poderán utilizar follas en soporte informático, que terán que ser posteriormente dilixenciadas pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Sanidade da provincia correspondente, en substitución dos libros oficiais de rexistro citados no artigo anterior, ao rematar o exercicio correspondente.

Artigo 38. Comunicacións e protección de datos

1. As solicitudes e comunicacións deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes e comunicacións será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes e comunicacións en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación dos procedementos regulados no presente decreto, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes ou comunicacións, serán incluídos nun ficheiro denominado «Sistema de información e vixilancia de puntos de risco para a saúde pública» creado por Orde do 14 de xuño do 2007. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Sanidade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita consellería mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Sanidade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

CAPÍTULO X
Recursos

Artigo 39. Órgano competente

Contra as resolucións que ao abeiro do presente regulamento diten os/as xefes/as territoriais da Consellería de Sanidade e o/a director/a xeral con competencia en saúde pública poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, conforme o disposto nos artigos 107.1º e 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira. Regularización de cemiterios

Os titulares dos cemiterios preexistentes que á entrada en vigor do presente decreto non conten co autorización sanitaria e desexen regularizar a súa situación de conformidade con el poderán obtela acolléndose ao seguinte procedemento extraordinario:

1. A entidade titular do cemiterio solicitará do concello a tramitación do correspondente expediente, ao cal se incorporará a documentación técnica necesaria para a constatación dos seguintes aspectos:

a) Instancia da entidade propietaria. Nos cemiterios municipais a instancia será substituída pola certificación de acordo polo órgano competente.

b) Localización, superficie e capacidade.

c) Instalacións, dependencias e tipos de enterramento.

d) Declaración da antigüidade estimada do cemiterio segundo os documentos dispoñibles.

e) Identificación de bens protexidos do inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia e os seus contornos, se é o caso, e informe da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

2. Nestes expedientes non resultará de aplicación o previsto nos artigos 25 e 27, relativos ás distancias mínimas e ás condicións construtivas das sepulturas, respectivamente.

3. Terminada a instrución, o expediente remitirase, xunto coas reclamacións que puideren ser presentadas, co debido informe dos concellos, á persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade que podería ordenar a realización de visita de inspección.

4. No caso de non existir obxeccións desde o punto de vista sanitario, a persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade comunicarao ao concello tramitador, que ditará a resolución que proceda.

Disposición adicional segunda. Cadáveres e restos contaminados por produtos radioactivos

Os cadáveres e restos humanos contaminados por produtos radioactivos deberán ser manexados e darlles un destino final de acordo coas instrucións do organismo competente en materia de protección radiolóxica.

Disposición transitoria única

As empresas e establecementos de servizos funerarios existentes na actualidade deberán axustarse ao establecido neste decreto no prazo de seis meses a partir da data de entrada en vigor deste.

De conformidade co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 9/2013, do 19 de decembro, de emprendemento e competitividade de Galicia, todas as solicitudes de licenzas e de autorizacións presentadas antes da entrada en vigor do presente decreto rexeranse pola normativa de aplicación no momento en que se solicitaron, sen prexuízo do cumprimento en todo momento das condicións técnicas que poidan afectar a seguridade e saúde das persoas. Os interesados e interesadas poderán optar entre a continuación do procedemento ou a desistencia deste, acolléndose ao previsto no presente decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que contradigan o disposto no presente decreto e, en particular, as seguintes disposicións: o Decreto 134/1998, do 23 de abril, sobre policía sanitaria mortuoria, o Decreto 3/1999, do 7 de xaneiro, que modifica o anterior, e a Orde do 12 de maio de 1998 pola que se regulan os libros oficiais de rexistro en materia de policía sanitaria mortuoria.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

1. Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto, de conformidade co previsto no artigo 37.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Os anexos ao presente decreto poderanse modificar mediante orde da conselleira competente en materia de sanidade.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de novembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file