Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 227

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 168/2014, do 18 de decembro, polo que se modifica o Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica electrónica.

O Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, regula en Galicia o uso e acceso á historia clínica electrónica e a evolución do marco lexislativo abriu a vía a novas modalidades de acceso que foron incluídas e reguladas en modificacións da dita norma.

As modificacións introducidas no presente decreto consisten en afondar no acceso á historia clínica electrónica por parte dos/as profesionais médicos forenses que desenvolven a súa actividade nos centros dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

A través do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, e do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, o Estado traspasou á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións de provisión dos medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, así como, as funcións e servizos da Administración do Estado en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, respectivamente.

Por medio do Real decreto 233/1998, do 16 de febreiro, ampliáronse as funcións, os servizos e os medios traspasados e asumidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

No marco destas competencias e de conformidade co previsto no Real decreto 386/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba o Regulamento dos institutos de medicina legal, creouse, a través do Decreto 119/2005, do 6 de maio, o Instituto de Medicina Legal de Galicia, no cal se integraron o persoal médico forense e o resto do persoal funcionario e laboral destinado nos institutos anatómico-forenses, clínicas médico-forenses e agrupacións de forensías dos xulgados de Galicia.

Son funcións do persoal médico forense a asistencia técnica a xulgados e tribunais, fiscalías e oficinas do Rexistro Civil nas materias da súa disciplina profesional, tanto no campo da patoloxía forense e prácticas teratolóxicas, coma na asistencia ou vixilancia facultativa das persoas detidas, lesionadas ou enfermas que se acharen baixo a xurisdición dos/as xuíces e xuízas, nos supostos e na forma que determinen as leis, emitindo informes e ditames médicos legais no marco do proceso xudicial, realizando o control periódico das persoas lesionadas e a valoración dos danos corporais que sexan obxecto de actuacións procesuais, así como outras funcións de investigación e colaboración que deriven da súa propia función.

No curso das actuacións procesuais ou de investigación de calquera natureza incoadas polo Ministerio Fiscal, o persoal médico forense está ás ordes de xuíces, maxistrados, fiscalías ou oficinas do Rexistro Civil, exercendo as súas funcións con plena independencia e baixo criterios estritamente científicos.

O acceso á información contida na historia clínica é unha práctica habitual no curso das investigacións xudiciais que se considera adecuada tanto desde o punto de vista de asegurar un mellor ditame profesional, ao contar cos antecedentes médicos da persoa obxecto de dita investigación, como da necesidade de evitar levar a cabo estudos innecesarios.

De acordo con todo iso, no marco das competencias indicadas, de conformidade co previsto no Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia, e consonte o recoñecemento da condición de autoridade ao persoal médico forense cando actúe no exercicio do seu cargo, cómpre establecer as condicións precisas para garantir o acceso á información contida na historia clínica electrónica, nas actuacións derivadas da realización de autopsias e doutras actuacións derivadas de investigacións xudiciais abertas, ao persoal médico forense que desenvolve a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de decembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 13 do Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica electrónica

O artigo 13 do Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica electrónica, queda modificado como segue:

Un. Engádese un novo punto 2 ao artigo 13, que queda redactado como segue:

«Permitirase o acceso á información contida na historia clínica electrónica aos/ás profesionais médicos forenses que desenvolven a súa actividade nos centros dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de autopsias e outras actuacións derivadas de investigacións xudiciais abertas. A información quedará limitada estritamente para os fins específicos de cada caso e quedará constancia dos accesos efectuados».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de decembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade