Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 24 de marzo de 2015 Páx. 11547

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 13 de marzo de 2015 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña de verán-2015 e se procede á súa convocatoria.

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, leva a cabo a promoción e organización de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do ocio e o tempo libre.

Asumidas as competencias neste eido polo Decreto 146/1982, do 1 de decembro, a Consellería de Traballo e Benestar inclúe entre os seus obxectivos o de favorecer a participación da xuventude en actividades deste tipo, e para iso convoca, unha vez máis, a Campaña de verán-2015.

Mediante a oferta da devandita campaña, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ofrece a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre de verán participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional a través das actividades que se realizan noutras comunidades autónomas de España.

Así mesmo, a Consellería de Traballo e Benestar, en aplicación do principio de transversalidade das políticas en materia de discapacidade, considera pertinente que ademais das actuacións específicas dirixidas ás persoas con discapacidade, se teñan en conta as necesidades e demandas destas persoas nas políticas e liñas de acción de carácter xeral en calquera dos ámbitos de actuación pública, como é o ámbito de actuación das políticas dirixidas á mocidade galega.

Neste sentido cómpre tamén sinalar que a Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade, que entrou en vigor o 3 de maio de 2008, recoñece no seu artigo 30 o dereito das persoas con discapacidade a participar, en igualdade de condicións coas demais persoas, nas actividades recreativas e de lecer e tempo libre; e o artigo 7 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, trata exclusivamente sobre o dereito á igualdade das persoas con discapacidade.

Con base nestes criterios, tanto a Secretaría Xeral de Política Social como a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, acordan integrar na presente convocatoria as necesidades da mocidade galega na ocupación do seu tempo de lecer, de maneira que os/as mozos/as galegos/as con discapacidade, en función das limitacións que presenten, poidan ter a oportunidade de decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas de inclusión. Deste xeito preténdese que a inclusión social das mozas e mozos con discapacidade sexa unha realidade ao tempo que se favoreza a interacción e a convivencia entre toda a mocidade.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Para facilitar que a xuventude galega poida participar en actividades de tempo libre de calidade, a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, oferta a programación de actividades para o ano 2015 que se detalla no anexo I desta orde.

As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diferentes quendas de entre unha semana e quince días de duración durante os meses de xullo e agosto.

2. A información sobre a convocatoria desta campaña, así como de cada actividade e instalación xuvenil onde se desenvolverá, atoparase detallada na páxina web www.xuventude.net. Ademais, as persoas interesadas poden solicitar folletos informativos da convocatoria na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, nos servizos e oficinas locais de xuventude das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, nas oficinas e puntos de información xuvenil da Rede Galega de Información e «Documentación Xuvenil, no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, e nas oficinas de información administrativa e atención á cidadanía.

3. Co fin de lograr a efectiva difusión desta campaña para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir a transparencia, a eficacia e eficiencia na organización e xestión pública (artigo 2.b) da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega), de proporcionar e difundir información constante, veraz, obxectiva e clara sobre a actuación do sector público (2.c), recolleranse experiencias e mesmo fotografías das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e mesmo divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como en páxinas web da Consellería de Traballo e Benestar.

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes que serán incorporadas ao ficheiro «Actividades dirixidas á cidadanía», co tratamento previsto no artigo 14 desta orde.

Artigo 2. Servizos ofertados

1. A participación na oferta da Campaña de verán-2015 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous/dúas, tres ou catro irmáns/ás). As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:

a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación do/a mozo/a.

b) Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.

c) Manutención en réxime de pensión completa.

d) O material necesario para a actividade.

e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais por razón da súa discapacidade, disporase de persoal de apoio que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades.

f) Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.

g) Nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas inclúese o transporte desde Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela.

2. A incorporación aos campamentos e albergues de Galicia será por conta da persoa interesada o día de inicio da quenda correspondente, entre as 16.00 e as 19.00 horas. Non se admitirá ningún/ningunha participante despois deste límite.

Nas actividades que se leven a cabo noutras comunidades autónomas será por conta da persoa interesada o traslado desde o seu domicilio ata Santiago de Compostela, ou o lugar que se sinale como punto de saída, tanto o día de ida para a actividade como o día de chegada desta.

No suposto de abandono da actividade ou expulsión do/a participante, será responsabilidade dos pais/nais ou titores/as legais o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que se ocasionen.

Artigo 3. Participantes

1. Poden solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria os/as mozos/as galegos/as residentes en Galicia, nacidos/as no ano sinalado no anexo I para cada actividade.

2. En canto á idade mínima e máxima para participar na Campaña de verán-2015, cómpre destacar o seguinte:

– Os/as nacidos/as no ano 1997 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.

– Os/as nacidos/as no ano 2006 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.

3. O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión da solicitude.

4. Ningún/ningunha participante poderá ser admitido/a en máis dun campamento por ano.

5. Persoas con discapacidade.

As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 % poderán participar nesta convocatoria sempre que:

– Teñan capacidade de integración nun grupo.

– As súas limitacións e/ou necesidades especiais deben permitirlles manexarse nas instalacións do campamento que elixan e participar e beneficiarse das actividades que nel se van desenvolver. As características das instalacións de cada destino poderanse consultar na páxina web de xuventude (www.xuventude.net); así mesmo, a programación dos distintos campamentos e quendas poderanse consultar na citada páxina web e nos folletos informativos da convocatoria.

O sinalado será condición para a súa admisión no campamento.

As persoas que cumpran os requisitos sinalados poderán presentar a súa solicitude optando por unha destas dúas vías:

a) Polo procedemento xeral (BS303A, no caso de solicitude individual, ou BS303F no caso de solicitude múltiple, para o suposto de irmáns/ás, de concorrer os requisitos sinalados no artigo 5.1.b) exclusivamente para as actividades detalladas no anexo I A (campamentos que se desenvolven en Galicia, excluíndose, polo tanto, os campamentos que teñen lugar noutras comunidades autónomas).

Esta solicitude incluirase no sorteo xeral da campaña de verán. No caso de que opten por esta vía, no formulario de solicitude deberán formalizar obrigatoriamente os datos relativos á discapacidade que presenta o/a solicitante con necesidades especiais. De non facelo así, non serán admitidos no campamento.

b) Polo procedemento das prazas reservadas para inclusión, (procedemento BS303G no caso de solicitude individual, ou BS303H no caso de solicitude múltiple, para o suposto de irmáns/ás, de concorrer os requisitos sinalados no artigo 5.1.b) exclusivamente para os campamentos e quendas que se inclúen no anexo I B. Estas solicitudes incluiranse nun sorteo específico.

As persoas solicitantes con discapacidade deben optar por unha destas dúas vías, de xeito que quedarán excluídas no suposto de que presenten a solicitude por ambos os dous procedementos.

Artigo 4. Persoas procedentes de centros de menores

As solicitudes relativas a mozos e mozas procedentes de centros de menores están excluídas desta convocatoria. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado porá á disposición da Dirección Xeral de Familia e Inclusión un número de prazas reservadas para os/as menores tutelados/as dos seus centros; esta dirección xeral encargarase de seleccionar os/as beneficiarios/as das prazas e comunicarlle a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a relación final de participantes.

Artigo 5. Tipos de solicitude e forma de presentación

1. A solicitude pode ser individual ou múltiple.

a) Solicitude individual:

1º. Procedemento xeral:

As persoas que queiran presentar solicitude individual de prazas deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo II (procedemento BS303A).

2º. Procedemento de prazas reservadas para inclusión de persoas con discapacidade:

As persoas con discapacidade que non presenten a súa solicitude individual pola vía xeral (procedemento BS303A) e opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión (as incluídas no anexo I B) deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo IV (procedemento BS303G). As persoas solicitantes deben ter en conta o sinalado no artigo 3.1 e, en consecuencia, solicitar a súa participación naqueles campamentos e quendas do anexo I B, que se correspondan co seu ano de nacemento.

b) Solicitude múltiple:

1º. Procedemento xeral:

No caso das persoas que cumpran os requisitos que se sinalan no parágrafo final desta alínea e queiran presentar unha solicitude múltiple, deberán empregar o formulario que se incorpora como anexo III da orde (procedemento BS303F).

2º. Procedemento de prazas reservadas para inclusión de persoas con discapacidade:

As persoas con discapacidade que non presenten a súa solicitude múltiple pola vía xeral (procedemento BS303F) e opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión (as incluídas no anexo I B) deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo V (procedemento BS303H).

Tanto no procedemento xeral como no de inclusión, a solicitude múltiple admitirase para o suposto de dous/dúas, tres e ata catro irmáns/ás. Os/as menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar, tamén se poderán incluír na solicitude múltiple, equiparándose a súa situación á dos/as irmáns/ás. Esta solicitude múltiple só se poderá empregar no caso de persoas que pidan idéntica instalación, quenda e actividade (mesmo código). Todas as persoas interesadas que figuren nunha mesma instancia deben cumprir os requisitos de idade exixidos para as instalacións e quendas solicitadas. Cando se trate dunha persoa sen discapacidade que teña irmáns/ás con discapacidade e queiran presentar unha solicitude conxunta, só o poderán facer polo procedemento xeral e en ningún caso unha persoa sen discapacidade poderá ocupar unha praza das reservadas para inclusión. O incumprimento do disposto nesta alínea por unha das persoas participantes, suporá a exclusión de todas as que figuren nesa mesma solicitude. Estas solicitudes teñen efecto durante o sorteo para a adxudicación da praza e para xerar as listas de espera, pero no momento das adxudicacións desde a lista de espera xa se teñen en conta como individuais.

2. Presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Cumprimentación da solicitude.

Os impresos de solicitude deben ser cubertos de acordo coas seguintes normas:

a) Cada mozo/a só poderá cubrir unha solicitude e elixirá, por orde de prioridade, un máximo de cinco quendas ou actividades. Cada quenda ou actividade vai identificada cun código no anexo I, alíneas A, B e C, desta orde.

b) Os datos do/a solicitante deben ser os do/a mozo/a que opta a participar nas actividades. No caso de solicitudes múltiples deberán cubrirse os datos de todos/as os/as irmáns/irmás que soliciten a súa participación.

c) As solicitudes deberanas asinar os/as pais/nais ou titores/as dos/as menores solicitantes.

d) As persoas solicitantes deben residir na Comunidade Autónoma de Galicia e polo tanto, o enderezo que se inclúa na solicitude deberá ser, necesariamente, nalgún concello de Galicia.

e) A duplicidade dunha solicitude dará lugar á non admisión de ambas as dúas, quedando o/a solicitante fóra do sorteo.

Transcorrido un mes desde a publicación da orde, a persoa interesada deberá comprobar, na páxina web: www.xuventude.net, a correcta mecanización da súa solicitude, co fin de proceder á corrección dos erros detectados. Nesa páxina aparecerá un enlace para consultar os datos das solicitudes. Para ter acceso a estes deberase incluír o número do DNI do/a pai/nai ou titor/a que cubriu a instancia, así como a data de caducidade dese DNI. Se as persoas interesadas detectan algún erro nos datos mecanizados ou non atopan a solicitude, deben chamar a calquera dos números de teléfono da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que aparecen no anexo VII. A comunicación dos erros deberá efectuarse, como data límite, ata tres días antes do sinalado para a realización do sorteo. Unha vez transcorrido ese día, contra os erros ou omisións de solicitudes non procederá reclamación ningunha.

4. Non se admitirán as solicitudes que non se presenten no formato normalizado para cada procedemento.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Artigo 6. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Adxudicación de prazas

A adxudicación das prazas, tanto dos que participan polo procedemento xeral como dos que o fan polo procedemento das prazas reservadas para inclusión realizarase da seguinte forma:

1. Por adxudicación directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles.

2. Por sorteo, por medios informáticos, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles. Efectuaranse dous sorteos independentes segundo o procedemento polo que se solicite (o xeral ou o de prazas reservadas para inclusión).

Neste caso o sorteo realizarase, ante notario/a, nos 45 días seguintes á data de publicación da orde. O día concreto de realización do sorteo anunciarase na páxina web de xuventude, www.xuventude.net, e tera lugar ás 12.00 horas dese día na sala de prensa da Consellería de Traballo e Benestar, sita na terceira planta das dependencias da devandita consellería no Edificio Administrativo de San Lázaro en Santiago de Compostela.

Mediante este sorteo cubriranse as prazas nas distintas actividades que especifica o anexo I (alíneas A, B e C) desta orde.

Así mesmo, dará lugar a unha lista de espera para cada unha das actividades. Incluirase a cada participante unicamente nunha lista de espera para un campamento concreto, de entre os que solicitou entre as cinco opcións. O número de reservas en cada actividade será do 50 % das prazas convocadas. Xerarase a lista de espera tanto no sorteo de prazas do procedemento xeral como no específico de prazas reservadas para inclusión.

3. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado fará público o resultado do sorteo, incluídas as listas de espera, e confeccionará a correspondente lista de admitidos/as para cada quenda e actividade.

O resultado do sorteo publicarase na páxina web www.xuventude.net, onde se exporá a lista de admitidos/as a partir do día seguinte ao do sorteo. Para estes efectos, a presentación da solicitude implica a autorización para a publicación dos datos da persoa solicitante.

Artigo 8. Documentación

Os/as participantes seleccionados/as deberán presentar no prazo de 15 días naturais contado desde o seguinte ao da realización do sorteo, na xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde se vai desenvolver a actividade, ou na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, no caso das actividades que se realicen fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, a seguinte documentación:

– Xustificación de pagamento.

– Fotocopia do DNI/NIE ou da folla correspondente do libro de familia, no caso de que o/a pai/nai ou representante legal do/a menor interesado/a non autorice expresamente a comprobación de datos por medio do acceso electrónico ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

– Tarxeta sanitaria ou seguro médico privado.

– Cuestionario médico sanitario (anexo VI).

– Declaración responsable de que sabe nadar.

No caso de persoas con discapacidade, ademais:

– Certificado acreditativo do grao de discapacidade e copia do ditame técnico facultativo, emitido polo equipo de valoración e orientación correspondente, cando non se autorice expresamente a comprobación destes datos de discapacidade ou os ditos documentos non fosen expedidos na nosa comunidade autónoma.

Artigo 9. Adxudicación de prazas ás listas de espera

1. As vacantes que se produzan por non presentar a documentación, por presentala fóra do prazo establecido ou por renunciar á praza obtida no sorteo, serán ofrecidas na fase de reservas dos respectivos procedementos (xeral ou de prazas reservadas para inclusión) aos/ás solicitantes que figuran nas listas de espera correspondentes. No caso de que se produzan baixas, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou o servizo de xuventude correspondente contactarán, seguindo a orde de lista, cos/coas suplentes mediante chamada telefónica.

Realizaranse 3 chamadas das 9.00 ás 14:00 horas que serán rexistradas para a constancia da súa realización. De non contactar coa persoa interesada esta será dada de baixa e chamarase á seguinte na lista de espera.

Unha vez recibida a comunicación e aceptada a praza ofrecida deberán presentar a documentación sinalada no artigo 8 nun prazo de 48 horas. No caso de non presentar a mencionada documentación no prazo indicado a praza ofreceráselle á seguinte persoa da lista de espera.

2. A apertura da fase de reservas publicarase na páxina web de xuventude, www.xuventude.net.

Artigo 10. Adxudicación das prazas de resultas

1. As prazas vacantes que non se cubrisen polos procedementos de adxudicación establecidos nos artigos 7 e 9, serán ofertadas na fase de resultas a calquera solicitante que as demande e reúna as condicións e requisitos exixidos nesta orde para participar na convocatoria.

2. Estas prazas estarán expostas na páxina web www.xuventude.net, onde se anunciará a apertura da fase de resultas.

3. Para solicitar as prazas de resultas a persoa interesada deberá efectuar a oportuna reserva da praza, no caso de que existan vacantes, mediante chamada telefónica, aos números de teléfono indicados no anexo VII. A reserva de prazas poderase efectuar das 9.00 ás 14.00 horas, en días laborables agás os sábados.

Cada persoa só poderá facer a reserva, como máximo, de catro prazas para catro participantes.

4. Unha vez comprobada na aplicación informática a dispoñibilidade da praza solicitada, asignarase esta á persoa interesada, que disporá dun prazo máximo de 48 horas para presentar a documentación relacionada no artigo 8.

Esta documentación poderá presentala en calquera das oficinas relacionadas no anexo VII. No caso contrario, perderá o dereito á praza reservada.

Artigo 11. Prezos

1. Os prezos de aplicación para cada actividade e quenda aparecen detallados no anexo I (alíneas A, B e C) desta orde, de acordo co sinalado na Orde pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, durante o ano 2015.

2. Os membros de familia que teñan o título de numerosa terán un desconto do 50 % sobre os prezos que aparecen detallados no anexo I desta orde.

3. As persoas usuarias do Carné Xove gozarán dun desconto do 25 % sobre os prezos que aparecen detallados no anexo I desta orde. Para poder aplicar o desconto, a persoa beneficiaria deberá estar en posesión do Carné Xove, vixente, no momento de efectuar o pagamento.

4. Os descontos citados nos dous puntos anteriores en ningún caso serán acumulables.

Para os efectos da aplicación destes descontos, as persoas solicitantes deberán indicar na súa solicitude, marcando o recadro correspondente do formulario, se teñen ou non o título de familia numerosa ou o Carné Xove, para a súa posterior comprobación pola Administración.

Artigo 12. Obrigas dos/as adxudicatarios/as

Os/as adxudicatarios/as das prazas están obrigados/as:

1. A incorporarse á actividade e regresar polos medios e nos prazos establecidos.

2. A non abandonar a actividade sen o permiso da persoa responsable. En todo caso, o abandono da actividade antes da súa finalización requirirá a comparecencia dos/as pais/nais ou titores/as, e será responsabilidade destes/as o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que por tal causa se ocasionen, tal e como se especifica no artigo 2.2.

3. A respectar as normas establecidas polos equipos de animación, as normas de réxime interior das respectivas instalacións e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia.

4. A praza é intransferible.

Artigo 13. Devolución de cota

1. Se unha vez obtida a praza e aboado o prezo correspondente a persoa interesada non puidese asistir á actividade, só terá dereito á devolución deste no caso de que comunique a renuncia á praza por escrito e solicite a devolución da cantidade aboada polo menos vinte días naturais antes do inicio da actividade, ou cando por causas non imputables á persoa interesada non se preste o servizo ou a Administración anule a actividade.

No caso de prazas adxudicadas en fase de resultas, só se admitirá a devolución de cota cando a data de inicio do campamento permita presentar a solicitude de devolución coa antelación mínima de 20 días antes sinalada.

No caso de renuncia a unha praza concedida e posterior solicitude e adxudicación doutra na fase de resultas, se a renuncia á primeira praza non se comunicou coa antelación de vinte días antes sinalada, terá que aboarse o importe íntegro da segunda praza, sen que se compense co prezo aboado pola primeira.

2. Todas aquelas solicitudes de devolución de cota que non sexan presentadas, tal e como se reflicte no punto anterior, polo menos vinte días naturais antes do inicio da actividade, serán denegadas independentemente da causa xustificativa que se alegue na respectiva solicitude de devolución de cota.

3. Para estes efectos, as persoas interesadas dispoñen dun modelo normalizado de solicitude de devolución de cota de participación anexo a esta orde (anexo VIII), que se poderá obter na guía de procedementos e servizos, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos ou na sede electrónica, no enderezo: https://sede.xunta.es.

4. A solicitude poderá presentarse en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario. Deberá dirixirse ao/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde se vai desenvolver a actividade, ou a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado no caso das actividades que se desenvolvan fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, que serán os órganos encargados de resolver en cada caso.

Artigo 14. Protección de datos

De acordo co artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, informámolo/a de que os datos recollidos nos diferentes anexos desta orde resultan necesarios para a adxudicación de prazas xuvenís dentro do programa Campaña de verán-2015. Os datos facilitados serán incorporados ao ficheiro «Actividades dirixidas á cidadanía» para o seu tratamento, coa finalidade da xestión do procedemento. O/a titular dos datos consente expresamente a súa comunicación a organizacións ou persoas directamente relacionadas co/coa responsable do ficheiro e a súa publicación nos termos contidos na presente orde. Non haberá máis cesións de datos agás a outras administracións públicas que exerzan as mesmas competencias ou no caso de que unha lei o previse.

Cando o/a solicitante facilite datos dun terceiro, aínda que se trate de menores de idade, sempre que sexan maiores de 14 anos, será o/a encargado/a de informar do contido desta cláusula á persoa titular dos datos e con carácter previo á súa inclusión no devandito ficheiro, no caso de menores deberá expresalo nunha linguaxe facilmente comprensible para estes/as.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. O dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a: sx.traballo.benestar@xunta.es.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I
A. Campamentos de verán 2015-xeral

A Coruña

Instalación xuvenil

Actividade

Data

Ano

nacemento

Importe

praza

Código

Alb. Xuv. Mariña Española

Aventura nas Mariñas

1-8/07

04-05-06

113 €

150001

11-18/07

04-05-06

113 €

150002

21-28/07

04-05-06

113 €

150003

1-8/08

04-05-06

113 €

150004

Implíca-T co noso

11-18/08

97-98-99-00

113 €

150005

Alb. Xuv. Gandarío-Residencia X. Lug II

Conecta con Galicia

1-12/07

97-98-99-00

222 €

150006

Alb. Xuv. Gandarío-Res. Florentino L. Cuevillas

15-26/07

97-98-99-00

222 €

150007

Alb. Xuv. Gandarío

Actividades no mar

1-12/07

00-01

232 €

150008

17-28/07

98-99-00

232 €

150009

Implíca-T + en Gandarío

2-13/08

97-98-99-00

222 €

150010

Actividades no mar

18-29/08

01-02

232 €

150011

Camp. Xuv. Furelos

Natureza no Camiño

1-12/07

01-02

176 €

150012

Implíca-T no Camiño

17-28/07

97-98-99-00

176 €

150013

Natureza no Camiño

2-13/08

01-02

176 €

150014

Implíca-T no Camiño

14-25/08

97-98-99-00

176 €

150015

Camp. Xuv.Virxe de Loreto

Natureza xunto ao mar

1-12/07

00-01

207 €

150016

Implíca-T co Son

17-28/07

97-98-99-00

176 €

150017

Natureza xunto ao mar

2-13/08

00-01

207 €

150018

Camp. Xuv. Espiñeira

Candilexas

1-12/07

03-04

176 €

150019

17-28/07

03-04

176 €

150020

Implíca-T co Barbanza

14-21/08

97-98-99-00

101 €

150021

Lugo

Instalación xuvenil

Actividade

Data

Ano

nacemento

Importe

praza

Código

Alb. Xuv. Area

NaturArea: ambiente mariño e náutica

1-12/07

00-01

232 €

270001

Implíca-T coa Mariña

17-28/07

97-98-99-00

222 €

270002

NaturArea: ambiente mariño e náutica

2-13/08

00-01

232 €

270003

18-29/08

00-01

232 €

270004

Alb. Xuv. Benigno Quiroga

Aventura no Camiño

1-8/07

04-05-06

113 €

270005

11-18/07

04-05-06

113 €

270006

21-28/07

04-05-06

113 €

270007

1-8/08

04-05-06

113 €

270008

Implíca-T no Camiño de Santiago

11-18/08

97-98-99-00

113 €

270009

Camp. Xuv. A Devesa

Devesa Creativa: Danza e Música

1-12/07

03-04

176 €

270010

Implíca-T na Devesa

1-12/07

97-98-99-00

176 €

270011

Devesa Creativa: Arte Urbana

17-28/07

01-02

176 €

270012

Devesa Creativa: Imaxe e Son

17-28/07

03-04

176 €

270013

Implíca-T na Devesa

2-13/08

97-98-99-00

176 €

270014

Devesa Creativa: Artes Escénicas

2-13/08

03-04

176 €

270015

Cam. Xuv. Os Chacotes

Eco-Palas: Natureza e Patrimonio

1-12/07

01-02

176 €

270016

Implíca-T: Natureza e Patrimonio

17-28/07

97-98-99-00

176 €

270017

Eco-Palas: Natureza e Patrimonio

2-13/08

00-01

176 €

270018

Poboado Os Peares (Carballedo)

Adventure Camp 2015

5-12/07

04-05-06

113 €

270019

12-19/07

02-03-04-05

113 €

270020

Ourense

Instalación xuvenil

Actividade

Data

Ano

nacemento

Importe

praza

Código

Camp. Xuv. Penedos de Xacinto (Entrimo)

Teatro e aventura na natureza

01-12/07

04-05-06

176 €

320001

17-28/07

00-01-02-03

176 €

320002

Alb. Vilar de Ordelles (Esgos)

Xuventude Activa-eu tamén participo

1-8/07

01-02-03

113 €

320003

Implíca-T: Xuventude Activa-eu tamén participo

11-18/07

97-98-99-00

113 €

320004

Estación de Montaña Manzaneda

Manzaneda alta montaña

2-9/08

01-02-03

113 €

320005

Manzaneda alta montaña

9-16/08

01-02-03

113 €

320006

Manzaneda alta montaña

16-23/08

04-05-06

113 €

320007

Albergue Equal

Campamento Equal

24-31/08

04-05-06

113 €

320008

Pontevedra

Instalación xuvenil

Actividade

Data

Ano

nacemento

Importe

praza

Código

Alb. Xuv. As Sinas

Actividades no mar

1-12/07

00-01

232 €

360001

17-28/07

00-01

232 €

360002

2-13/08

00-01

232 €

360003

Implíca-T co ambiente natural

18-29/08

97-98-99-00

222 €

360004

Camp. Xuv. Pontemaril

Agricultura ecolóxica e conservación do medio

1-8/07

04-05-06

101 €

360005

11-18/07

04-05-06

101 €

360006

21-28/07

04-05-06

101 €

360007

Agricultura ecolóxica e conservación do medio

1-12/07

03-04

176 €

360008

Implíca-T co agro

17-28/07

97-98-99-00

176 €

360009

Agricultura ecolóxica e conservación do medio

2-13/08

02-03

176 €

360010

Camp. Xuv. Illa de Ons

Big Bang illa

1-8/07

02-03

101 €

360011

11-18/07

03-04

101 €

360012

Implíca-T na illa

21-28/07

97-98-99-00

101 €

360013

Big Bang illa

1-8/08

03-04

101 €

360014

B. Campamentos de verán 2015-prazas reservadas para inclusión

Instalación xuvenil

Actividade

Data

Ano

nacemento

Importe

praza

Código

Alb. Xuv. Mariña Española

Aventura nas Mariñas

1-8/07

04-05-06

113 €

150001

11-18/07

04-05-06

113 €

150002

Alb. X. Gandarío

Actividades no mar

17-28/07

98-99-00

232 €

150009

Camp. Xuv. Espiñeira

Candilexas

1-12/07

03-04

176 €

150019

17-28/07

03-04

176 €

150020

Camp. Xuv. A Devesa

Devesa Creativa: Arte Urbana

17-28/07

01-02

176 €

270012

Cam. Xuv. Os Chacotes

Eco-Palas: Natureza e Patrimonio

2-13/08

00-01

176 €

270018

Camp. Xuv. Pontemaril

Agricultura ecolóxica e conservación do medio

11-18/07

04-05-06

101 €

360006

Agricultura ecolóxica e conservación do medio

1-12/07

03-04

176 €

360008

2-13/08

02-03

176 €

360010

C. Campamentos noutras Comunidades Autónomas. Campaña de verán-2015

Comunidade Autónoma

Instalación xuvenil

Modalidade

Ano

nacemento

Data

Prezo

Código

Álava

Albergue Catedral de Vitoria-Gasteiz

Colonia de rock

98-99

1-12/07

293 €

500001

Alb. Xuv. Barría

Multiaventura

00-01

1-11/08

274 €

500002

Isla de Zuhatza

Náutica

99-00-01

1-11/08

283 €

500003

Estremadura

Camp. X. Emperador Carlos V (Jerte)

Deporte e ocio en Jerte

00-01

3-14/08

247 €

500004

Castela e León

Alb. Xuv. Navarredonda de Gredos

Multiaventura e aire libre

01-02

1-12/08

293 €

500005

A Rioxa

Alb. Xuv. Ezcaray

Multiaventura

00-01

1-12/07

293 €

500006

ANEXO VII

– Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Consellería de Traballo e Benestar.

Enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 3º andar, 15781 Santiago de Compostela.

Teléfonos: 881 99 90 25/881 99 93 14/881 99 91 94/981 95 71 15/981 54 48 38.

– Xefatura Territorial da Coruña. Consellería de Traballo e Benestar. Servizo de Xuventude e Voluntariado.

Enderezo: CC Elviña, rúa Salvador de Madariaga, 9, 1º, 15008 A Coruña.

Teléfonos: 881 88 12 40/881 88 12 43/881 88 12 44.

– Xefatura Territorial de Lugo. Consellería de Traballo e Benestar. Servizo de Xuventude e Voluntariado.

Enderezo: rolda da Muralla, 70, 27001 Lugo.

Teléfonos: 982 29 42 24/982 29 43 53/982 29 49 23.

– Xefatura Territorial de Ourense. Consellería de Traballo e Benestar. Servizo de Xuventude e Voluntariado.

Enderezo: avenida da Habana, 81, baixo, 32004 Ourense.

Teléfonos: 988 38 61 20/988 38 61 16/988 38 61 18.

– Xefatura Territorial de Vigo. Consellería de Traballo e Benestar. Servizo de Xuventude e Voluntariado.

Enderezo: rúa Concepción Arenal, 8, 1º andar, 36201 Vigo.

Teléfonos: 986 81 70 78/986 81 77 81/986 81 76 56.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file