Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 8 de abril de 2015 Páx. 13423

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 25 de marzo de 2015 pola que se inicia o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, adscrito á entidade pública empresarial Augas de Galicia.

A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, creou a entidade pública empresarial Augas de Galicia como ente de dereito público responsable en materia de augas no ámbito das competencias que corresponden á Xunta de Galicia.

De acordo co previsto na disposición adicional terceira da dita lei, aprobouse o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial de Augas de Galicia, determínanse, entre outras medidas, a extinción o 30 de xaneiro de 2012 da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos de xeito que o seu persoal pasou a ser persoal da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

De conformidade coa disposición transitoria primeira desta norma, «o persoal laboral fixo da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, con independencia da súa situación administrativa, que fose seleccionado para a cobertura definitiva dun posto do catálogo de postos do ente público aprobado por este co informe favorable da Administración autonómica baixo os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade, incorporarase á entidade Augas de Galicia como persoal laboral fixo desta, mediante a súa adscrición provisional ao seu posto de traballo, ata a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia e con efectos administrativos desde o momento en que se produza a entrada en funcionamento da entidade Augas de Galicia».

A disposición adicional terceira do dito decreto establece que «O persoal laboral fixo da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos que, sendo seleccionado para a cobertura definitiva dun posto deo catálogo de postos do ente público aprobado por este co informe favorable da Administración autonómica baixo os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade, se adscriba á entidade Augas de Galicia de conformidade co disposto na disposición transitoria primeira deste decreto poderá ser integrado como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, consonte establece a disposición adicional décimo primeira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia».

Así, a disposición adicional décimo primeira da citada lei establece que «O Consello da Xunta de Galicia, mediante decreto, poderá establecer os procedementos que habiliten a progresiva integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo das entidades instrumentais ás que lles sexa aplicable esta lei que non estea sometido á normativa xeral de función pública ou ao convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia».

En desenvolvemento das anteriores previsións legais, aprobouse o Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, norma que vén establecer as bases a que se suxeitarán os procedementos de integración voluntaria do persoal das entidades afectadas polo seu ámbito de aplicación e establecer os efectos da citada integración.

O artigo 6 b) do dito decreto establece o seguinte: «Se as entidades que se adaptan contan con persoal laboral fixo non incluído no ámbito de aplicación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, iniciarase o procedemento regulado no título II deste decreto co obxecto de integrar, como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, o persoal que reúna os requisitos establecidos no artigo 9.1».

De conformidade co establecido no artigo 8.2 do dito decreto, una vez efectuada a petición de iniciación do procedemento de integración do persoal laboral fixo da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, adscrito provisionalmente en Augas de Galicia, como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, procede tramitar a presente orde, que ten como finalidade regular o dito procedemento baixo os principios de voluntariedade, homologación e homoxeneidade das condicións previstas na normativa do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Por todo iso, en virtude das competencias conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e polo Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e previa negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto iniciar e regular o procedemento de integración, como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo da extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) adscrito á entidade pública empresarial Augas de Galicia.

2. O procedemento de integración rexerase polo previsto nesta orde, así como polo establecido no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

3. Poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal laboral da extinta EPOSH adscrito á entidade pública empresarial Augas de Galicia, sempre que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter sido contratado como laboral fixo na EPOSH e cumprir os demais requisitos previstos no artigo 9.1.a) do Decreto 129/2012, do 31 de maio.

b) Ter a titulación establecida no anexo I-A e demais requisitos exixidos para o acceso ao grupo e a categoría de homologación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia.

c) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios, ou para exercer funcións similares ás que desempeñaba no caso do persoal laboral no que fose separado ou inhabilitado.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

e) Estar en situación de servizo activo ou en situación que orixine dereito á reserva de praza ou posto.

4. Non poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal que estivese vinculado á EPOSH por un contrato de alta dirección ou mediante unha relación laboral de carácter temporal ou indefinida non fixa. Igualmente, tampouco poderá exercer o dereito de opción o persoal de carácter eventual ou alto cargo que non tivese a condición de persoal laboral fixo nela.

Artigo 2. Exercicio do dereito de opción

1. O exercicio da opción para se integrar deberá realizarse con carácter individual dentro do prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo de instancia que se xunta no anexo II.

2. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e poderán ser presentadas en calquera dos lugares e formas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade no suposto de non prestar o seu consentimento para a consulta dos seus datos de identidade recollido no anexo II.

b) Copia compulsada do contrato de traballo que acredite a condición de persoal fixo na entidade instrumental de orixe.

c) Copia compulsada da documentación que acredite o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 9.1.a) do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

d) Copia compulsada da titulación académica exixida para o acceso ao grupo e categoría na entidade instrumental de orixe.

e) Copia compulsada do certificado da vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) No suposto de non estar en servizo activo, copia compulsada da resolución que dea lugar á reserva da praza e posto.

g) Certificado expedido pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas das retribucións percibidas no último ano por conceptos e mensualidades.

Artigo 3. Resolución

1. Examinadas as solicitudes, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas requirirá, se é o caso, as persoas interesadas para que, no prazo de dez días hábiles, presenten ou completen a documentación que consideren necesaria para continuar a tramitación do procedemento. De non presentaren a documentación solicitada no prazo establecido, entenderase que desisten da súa solicitude e procederase á resolución de arquivamento correspondente, de conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Recibidas todas as solicitudes e a documentación correspondente, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, remitirá á Dirección Xeral da Función Pública unha proposta, que conterá:

• A relación do persoal que a dita Secretaría Xeral Técnica considere que reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia con indicación do grupo e categoría profesional de homologación co V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, posto de traballo e o carácter da adscrición a el.

• E a relación do persoal que aquela considere que non reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia.

Xunto coa dita proposta achegaranse todos os expedientes.

3. Recibida a documentación indicada con anterioridade, a Dirección Xeral da Función Pública solicitará informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

4. Créase unha comisión formada por representantes das direccións xerais de Planificación e Orzamentos e da Función Pública, de Avaliación e Reforma Administrativa, e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e unha persoa proposta por cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galicia, cuxa misión será realizar un informe sobre o cumprimento ou non dos requisitos das persoas interesadas para se integraren como persoal laboral da Xunta de Galicia,o grupo e categoría profesional en que se produciría aquela, o posto de traballo en que se integra e o carácter da adscrición a el. Este informe remitirase á Dirección Xeral da Función Pública.

5. Unha vez examinada toda a documentación sinalada nos parágrafos anteriores, a Dirección Xeral da Función Pública, á vista dos antecedentes que constan no expediente, realizará a proposta sobre as persoas interesadas que reúnen os requisitos para a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia e das persoas interesadas que non reúnen os ditos requisitos á persoa titular da Consellería de Facenda para que, mediante orde, resolva o que proceda.

6. O transcurso do prazo de tres meses desde o vencemento do prazo de presentación das solicitudes sen se ter ditado a resolución correspondente habilitará os interesados para entenderen desestimadas as súas solicitudes.

Artigo 4. Efectos da integración

1. A resolución de integración determinará o grupo e categoría profesional do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia en que se integra o persoal interesado, o posto en que se integra e o carácter da adscrición a el.

2. A integración suporá a novación da relación contractual e comportará a formalización dun contrato de traballo como persoal laboral fixo da Administración xeral da Xunta de Galicia.

3. Ao persoal que, como consecuencia da integración, experimente unha diminución en cómputo anual das retribucións fixas e periódicas, recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de carácter transitorio, consistente na diferenza de retribucións, nos termos do establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 129/2012, do 31 de maio, de xeito, que a equiparación total se producirá no prazo máximo de seis anos desde a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

4. Ao persoal laboral integrado faráselle, de acordo co previsto no artigo 12.5 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade en termos de homoxeneidade coa prevista no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

5. Procederá a extensión da correspondente dilixencia de integración por parte da Consellería en que sexa destinado o persoal integrado.

Artigo 5. Efectos da non integración

O persoal laboral fixo da EPOSH adscrito á entidade pública empresarial Augas de Galicia que non solicite a súa integración ou que, unha vez solicitada renuncie voluntariamente a ela, como os solicitantes que non cumpran os requisitos para que aquela se produza, poderá manter as súas condicións laborais, sen prexuízo do disposto na disposición adicional terceira do Decreto 129/2012 e do disposto no ordenamento laboral.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2015

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I-A

Titulación requirida na entidade

Grupo e categoría de homologación do V convenio

Titulado superior

Titulado de grao medio

Bacharelato ou FP de 2º grao

Graduado escolar ou FP de 1º grao

Grupo I-Categoría 04

Grupo II-Categoría 07

Grupo III-Categoría 029,062

Grupo IV-Categoría 01,016

Nota: os grupos e categorías profesionais que se recollen no anexo I da presente orde teñen por finalidade dar cumprimento ao disposto no artigo 8.3 do Decreto 129/2012 e establécense sen prexuízo do grupo e categoría profesional en que definitivamente se integre, de ser o caso, na Administración da Xunta de Galicia o persoal incluído no ámbito de aplicación da presente orde.

ANEXO I-B
Relación de postos para adxudicar

Nº de postos

Denominación do posto

Grupo profesional

25

Titulado/a superior

I

2

Titulado/a grao medio

II

3

Oficial 1ª topografía

III

8

Administrativo/a

III

2

Condutor/a

IV

8

Auxiliar administrativo/a

IV

missing image file