Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Xoves, 15 de outubro de 2015 Páx. 40179

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2015 pola que se convoca un curso de conservación e explotación de estradas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e de acordo co convenio de colaboración asinado o 2 de xaneiro de 2015 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de conservación e explotación de estradas que vai desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O curso CV15033 Conservación e explotación de estradas pretende a formación en materia de vixilancia de obra nova e de conservación contratada pola Axencia Galega de Infraestruturas (AGI), así como labores de explotación de estradas (vixilancia do dominio público de estradas, etc.).

Segunda. Persoal a que vai dirixido

Persoal laboral e estatutario (legoeiros do Estado) da AGI coa categoría de legoeiro que se atope en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento, excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e reúna os requisitos establecidos na presente convocatoria. No caso de non cubrirse as prazas con este persoal, poderá entrar persoal da AGI doutras categorías.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Terceira. Criterios de selección

Terá preferencia o persoal laboral e estatutario (legoeiros do Estado) da AGI coa categoría de legoeiro. No caso de non cubrirse todas as prazas co persoal da categoría de legoeiro, poderá participar persoal da AGI doutras categorías.

No caso de existiren máis solicitantes que prazas, a súa selección farase consonte os criterios de selección xerais da EGAP (Resolución do 4 de xaneiro de 2008, DOG núm. 7, do 10 de xaneiro), tendo en conta que non será de aplicación o criterio de selección recollido no punto 2º do número segundo de criterios xerais da dita resolución.

En todo caso, non será admitido neste curso:

1. O persoal que xa participase na formación impartida no «curso superior de conservación e explotación de estradas» de código FC15017 impartido nos meses de abril e maio de 2015.

2. O persoal que fose seleccionado para o curso relacionado no número anterior e que non asistise sen previamente comunicar a súa non asistencia ou abandonase a actividade formativa sen xustificación.

Cuarta. Desenvolvemento

1. Modalidade: presencial.

2. Duración: 30 horas.

3. Datas: 3, 5, 10, 12, 19, 24 e 26 de novembro e 1, 2 e 3 de decembro de 2015.

4. Horario: das 17.00 ás 20.00 horas.

5. Prazas: 40.

Quinta. Contido

1. Uso e defensa das estradas; 2. Seguimento e control xeométrico de explanacións, obras de drenaxe transversal e lonxitudinal, estruturas e firmes; 3. Introdución á vixilancia de obras, explotación e conservación; 4. Sinalización horizontal e vertical; 5. Sistemas de contención; 6. Principios xerais en materia de seguridade e saúde aplicables a actuacións en estradas; 7. Formigón, rochas e solos; 8. Escavacións, recheos, drenaxe e subbases; 9. Firmes bituminosos.

Sexta. Solicitudes e prazos

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP: http://egap.xunta.es/matricula , e non son admisibles outras formas de solicitude. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet: http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. Recoméndase facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil para enviar mensaxes aos seleccionados.

b) A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes darán lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, remitiranlle á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número: 981 54 63 39 ou por correo electrónico ao enderezo: xestion.egap@xunta.es , sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A devandita documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia a letra e) desta base.

e) O prazo de presentación de solicitudes será de oito días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

f) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización.

g) As dúbidas, dificultades técnicas e solicitudes de información serán atendidas pola EGAP a través do número de teléfono: 981 54 62 57/981 54 62 46, o número de fax: 981 54 63 39 ou o enderezo de correo electrónico: xestion.egap@xunta.es . A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Sétima. Publicación das relacións do persoal seleccionado

a) A EGAP publicará na súa páxina web: http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a publicación.

Ademais, quen facilite os seus datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación de persoas seleccionadas ou na lista de espera foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ben ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará na súa páxina web:

http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Oitava. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, asistencia e puntualidade

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar ás actividades formativas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha anticipación mínima dos tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa, mediante o modelo de renuncia publicado na súa páxina web. Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico: xestion.egap@xunta.es .

– O número de fax: 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

3. A asistencia, puntualidade e seguimento das actividades:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e máis a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1º. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2º. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Novena. Realización de probas

Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final delas.

Décima. Certificado de aproveitamento

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe, declarando apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que afecten á súa organización ou docencia. Tamén corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A EGAP e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da escola.

5. A EGAP e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas garantirá nas actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública