Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 4 de decembro de 2015 Páx. 45653

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Con data do 5 de outubro de 2015 publícase o Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, que, baixo os criterios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e organización administrativa, estará integrada por dez departamentos.

Posteriormente, a través do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, fíxase a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e, no seu artigo 5, en relación coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, a dita consellería estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección: a Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a Dirección Xeral de Comercio, a Secretaría Xeral de Emprego e a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral. Quedan adscritos a esta consellería a Axencia Galega de Innovación, o ente público Instituto Galego de Promoción Económica, o organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, o organismo autónomo Instituto Galego de Consumo, o ente público Instituto Enerxético de Galicia e o Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, consultivo, regulado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

De acordo co anterior e de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a nova estrutura da Consellería de Economía, Emprego e Industria axústase aos principios de austeridade, eficacia, eficiencia e coordinación no deseño e funcionamento da Administración pública, co obxectivo de alcanzar unha mellor adaptación ás necesidades sociais e laborais derivadas do actual escenario económico.

Así, coa supresión das direccións xerais de Traballo e Economía Social e de Emprego e Formación, e a creación da Secretaría Xeral de Emprego e a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral os novos órganos asumen as competencias en materia de políticas activas de emprego, política laboral, relacións laborais e saúde laboral, cooperativas e outras entidades de economía social, formación e colocación.

Polo que se refire á organización dos servizos periféricos, de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 16/2010, as xefaturas territoriais previstas neste decreto dependen orgánica e funcionalmente da Consellería, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das súas competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial. Concretamente, a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén a súa organización en catro xefaturas territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Na presente disposición, a estrutura periférica adáptase aos cambios organizativos dos servizos centrais.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día tres de decembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Ámbito competencial e organización xeral da consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución:

a) O exercicio das competencias e funcións nos ámbitos da promoción e dinamización da economía, investigación, desenvolvemento e innovación, industria, seguridade industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía, minas e recursos minerais, artesanía, comercio interior e exterior, consumo, así como a planificación, en colaboración coa consellería competente en materia de vivenda e solo, e das infraestruturas dos servizos empresariais do solo industrial.

b) Propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, que engloba as competencias en materia de políticas activas de emprego, política laboral, relacións laborais e seguridade e saúde laboral, responsabilidade social empresarial, cooperativas e outras entidades de economía social, orientación e promoción laboral.

Artigo 2. Estrutura da consellería

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Economía, Emprego e Industria estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

I. O/a conselleiro/a.

II. Secretaría Xeral Técnica.

III. Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

IV. Dirección Xeral de Comercio.

V. Secretaría Xeral de Emprego.

V.1. Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

VI. Xefaturas territoriais.

Artigo 3. Entidades instrumentais e demais órganos

1. Quedan adscritas a esta consellería as seguintes entidades:

a) A Axencia Galega de Innovación.

b) O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

c) O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

d) O organismo autónomo Instituto Galego de Consumo.

e) O ente público Instituto Enerxético de Galicia.

f) O Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, consultivo, creado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

2. Así mesmo, quedan adscritos a esta consellería:

a) O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

b) O Laboratorio de Consumo de Galicia, a través do Instituto Galego de Consumo.

c) A Real Academia Galega de Ciencias, a través da Axencia Galega de Innovación.

d) O Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia e o Observatorio de Innovación de Galicia, creados pola Lei 5/2013, do 30 de maio, a través da Axencia Galega de Innovación.

3. Así mesmo, están adscritos a esta consellería, co carácter, misión e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os órganos colexiados seguintes:

a) O Consello Galego de Economía e Competitividade, creado pola Lei 9/2013, do 19 de decembro.

b) A Comisión de Prezos de Galicia, regulada polo Decreto 106/1984, do 24 de maio.

c) O Consello Galego de Consumidores e Usuarios, creado polo Decreto 127/1998, do 23 de abril.

d) A Comisión Galega da Artesanía, creada pola Lei 1/1992, do 11 de marzo.

e) O Observatorio do Comercio de Galicia, creado pola Lei 13/2010, do 17 de decembro.

f) O Consello Galego de Cooperativas, creado pola Lei 5/1998, do 18 de decembro.

g) O Consello Galego do Traballo Autónomo, creado polo Decreto 19/2013, do 17 de xaneiro.

h) O Consello Autonómico de Emprego, os consellos provinciais de emprego e os comités territoriais de emprego, creados polo Decreto 192/2011, do 29 de setembro.

i) A Comisión Galega de Formación Profesional Continua, creada polo Decreto 7/2005, do 13 de xaneiro.

j) O Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, creado pola Lei 14/2007, do 30 de outubro.

k) O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, creado polo Decreto 147/2011, do 30 de xuño.

l) A Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos, creada polo Decreto 101/2015, do 18 de xuño.

m) A Comisión Consultiva Tripartita da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia, creada pola Orde do 21 de febreiro de 2008.

TÍTULO II
Órganos centrais

CAPÍTULO I
Persoa titular da consellería

Artigo 4. O/A conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a superior autoridade deste departamento e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO II
A Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 5. Atribucións

Baixo a superior dirección da persoa titular da Consellería, consonte o artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións nel establecidas, así como aqueloutras que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da Consellería e as restantes que lle atribúa o ordenamento xurídico, entre elas as seguintes:

a) O asesoramento e coordinación de todos os órganos, servizos e entidades instrumentais adscritos á Consellería.

b) A emisión dos informes e a realización dos estudos técnicos e xurídicos correspondentes aos asuntos de que coñezan a Consellería ou as entidades públicas instrumentais adscritas a ela.

c) A remisión dos asuntos que deban someterse ao Consello da Xunta de Galicia ou ás súas comisións delegadas.

d) O seguimento da tramitación e rexistro dos convenios, acordos, protocolos e declaracións subscritos no ámbito competencial da Consellería.

e) A representación da Consellería nos órganos colexiados que exerzan funcións relacionadas coas súas competencias.

f) A substitución temporal, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, das persoas titulares do órgano superior e dos órganos directivos da Consellería a que se refire a disposición adicional primeira.

g) As derivadas da aplicación da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, no ámbito da Consellería.

h) Calquera outra que lle atribúa a normativa en vigor.

Artigo 6. Estrutura

A Secretaría Xeral Técnica estrutúrase, para o exercicio das súas funcións e baixo a superior dirección da persoa titular da Consellería, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

1.1. Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interno.

1.2. Servizo de Recursos Humanos.

1.3. Servizo Técnico Xurídico.

1.4. Servizo Técnico Administrativo.

2. Subdirección Xeral de Coordinación Económica.

2.1. Servizo de Seguimento e Coordinación Orzamentaria.

2.2. Servizo de Xestión Económica.

2.3. Servizo de Contratación.

2.4. Servizo de Proxectos e Obras.

3. Servizo de Igualdade.

4. Asesoría Xurídica de Enerxía, Minas e Comercio.

5. Asesoría Xurídica de Economía e Innovación.

6. Asesoría Xurídica de Emprego.

7. Intervención Delegada.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa

Artigo 7. A Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica.

2. De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos órganos de dirección da Consellería.

b) O estudo, preparación e informe dos asuntos que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia.

c) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para o estudo e preparación das reunións da Comisión de Secretarios/as Xerais.

d) O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos administrativos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non sexan competencia doutros órganos.

e) A coordinación, para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia, ou en calquera outro diario oficial, das disposicións e actos administrativos ditados polos distintos órganos da Consellería.

f) A xestión dos asuntos relacionados cos recursos humanos da Consellería, así como o seguimento e control do rexistro de persoal, sen prexuízo das atribucións que correspondan aos órganos da consellería competente en materia de función pública.

g) A coordinación e xestión dos servizos de carácter xeral, da organización do rexistro da Consellería, do arquivo, do inventario dos bens, o mantemento e utilización de instalacións e vehículos adscritos á consellería e a tramitación dos actos administrativos referidos ao patrimonio, así como das publicacións e estatísticas.

h) A atención e coidado do réxime interno das dependencias da Consellería, así como a administración e conservación dos bens mobles e inmobles que ten adscritos.

i) A supervisión e coordinación da tramitación e xestión dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Consellería, así como a súa remisión ao órgano encargado de realizar os trámites necesarios para o seu rexistro, sen prexuízo das atribucións que correspondan nesta materia a outros órganos da Xunta de Galicia.

j) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, cos órganos e unidades administrativas da consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

k) O exercicio das funcións que teña encomendadas a Consellería con relación ás fundacións de interese galego sobre as cales exerza o protectorado e as funcións como sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

l) A tramitación dos requirimentos, queixas e peticións formulados á Consellería polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións.

m) O estudo, a coordinación e a revisión da proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial cuxa resolución corresponda á persoa titular da Consellería.

n) O estudo e coordinación da tramitación de expedientes sancionadores que lle resulten atribuídos, consonte a normativa aplicable.

o) A coordinación das reclamacións, recursos administrativos, demandas e os recursos contencioso-administrativos, cando non correspondan a outros órganos.

p) A coordinación da elaboración de estudos, informes, instrucións, circulares e instrumentos similares que se requiran no exercicio das funcións anteriores.

q) A substitución temporal, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, agás a asistencia ás reunións da Comisión de Secretarios Xerais.

r) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no exercicio das súas atribucións, e da coordinación da actuación dos órganos directivos e das unidades administrativas da Consellería.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interno.

b) Servizo de Recursos Humanos.

c) Servizo Técnico Xurídico.

d) Servizo Técnico Administrativo.

Artigo 8. Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interno

O Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interno exercerá as seguintes funcións:

a) Prestar apoio a calquera unidade administrativa e órgano da Consellería ou das entidades instrumentais a ela adscritas, segundo o mandato que para o efecto lle encomenden as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, no ámbito das súas atribucións.

b) Asesorar e emitir informe sobre aquelas cuestións que lle encomenden as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, no ámbito das súas atribucións.

c) Coordinar o sistema de xestión de procedementos administrativos e outros de contido administrativo que lle atribúan as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

d) O aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento dos servizos centrais da consellería e a coordinación e supervisión neste ámbito dos servizos periféricos.

e) A coordinación dos asuntos de réxime interior da Consellería.

f) Apoiar e asistir as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa no estudo, preparación e informe dos asuntos que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia, así como no caso daqueles que se van someter á Comisión de Secretarios/as Xerais.

g) Supervisar e coordinar a xestión do rexistro da Consellería.

h) Xestionar os arquivos centrais da Consellería e supervisar e coordinar a xestión do arquivo de oficina e dos restantes arquivos da Consellería e das entidades instrumentais a ela adscritas.

i) Coordinar a preparación e xestión das publicacións, o plan de publicacións, a información e difusión das publicacións, así como das aplicacións estatísticas da consellería e das entidades instrumentais a ela adscritas, sen prexuízo das atribucións doutros órganos da Xunta de Galicia.

j) Realizar as tarefas de xestión e tramitación e, se for o caso, coordinación, necesarias para a remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia, ou en calquera outro diario oficial, das disposicións e actos administrativos ditados polos distintos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

k) Coordinar e xestionar as aplicacións informáticas da Consellería, sen prexuízo das atribucións que nesta materia teñan outros órganos ou entidades instrumentais da Xunta de Galicia.

l) Aqueloutras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, dentro do seu ámbito de atribucións.

Artigo 9. Servizo de Recursos Humanos

Corresponde a este servizo o exercicio das seguintes funcións, sen prexuízo das que teñan outros órganos e entidades instrumentais da Consellería, así como as que poidan corresponder aos restantes órganos con competencia en materia de persoal da Xunta de Galicia:

a) A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da Consellería e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito aos servizos centrais.

b) A coordinación dos servizos periféricos da Consellería e das súas entidades instrumentais en materia de persoal.

c) A tramitación dos expedientes administrativos relativos a persoal funcionario, laboral e eventual.

d) A programación das necesidades de persoal da Consellería e das súas entidades instrumentais.

e) O estudo, tramitación e elaboración das propostas de resolución de reclamacións previas á vía laboral e recursos, a elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial, así como, se é o caso, a execución de sentenzas, en materia de persoal dos servizos centrais da Consellería, e a coordinación e apoio nesta materia con respecto ao persoal dos servizos periféricos e entidades instrumentais adscritas á Consellería.

f) A habilitación de gastos de persoal dos servizos centrais da Consellería, sen prexuízo das atribucións doutros órganos da Consellería e das entidades instrumentais.

g) A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo da Consellería, así como a coordinación das propostas que formulen neste ámbito as entidades instrumentais adscritas.

h) O mantemento e a actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral dos servizos centrais da Consellería, a coordinación nesta materia da actuación dos servizos periféricos e das entidades instrumentais adscritas, así como a organización, a custodia e o arquivamento dos expedientes do persoal dos servizos centrais da Consellería.

i) A xestión e a tramitación da nómina de persoal adscrito aos servizos centrais da Consellería.

j) O cumprimento das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos.

k) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos en materia orzamentaria do capítulo I da Consellería, así como a elaboración, se é o caso, das correspondentes propostas de modificación de crédito.

l) A tramitación e xestión dos permisos, vacacións e licenzas do persoal dos servizos centrais da Consellería, así como o apoio nesta materia aos servizos periféricos e entidades instrumentais adscritas, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos da Consellería e da Xunta de Galicia.

m) Controlar a asistencia e puntualidade do persoal dos servizos centrais, así como coordinar e supervisar o control que neste ámbito efectúen os servizos periféricos e as entidades instrumentais adscritas á Consellería.

n) O estudo, a coordinación e a proposta de resolución dos procedementos disciplinarios cuxa resolución corresponda á persoa titular da Consellería ou ao Consello da Xunta de Galicia, con respecto ao persoal dependente desta Consellería e das súas entidades instrumentais.

o) Aqueloutras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, dentro do seu ámbito de atribucións.

Artigo 10. Servizo Técnico Xurídico

O Servizo Técnico Xurídico terá atribuídas as seguintes funcións:

a) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición e de revisión, das solicitudes de revisión de oficio e das reclamacións previas á vía civil.

b) A elaboración dos estudos xurídicos, resolucións, informes e demais asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

c) A elaboración de instrucións, protocolos de actuación, informes, estudos ou calquera outro instrumento de carácter técnico xurídico que se considere adecuado para a coordinación dos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

d) Nomeadamente, a elaboración das pautas de unificación de criterios técnicos e xurídicos dos departamentos territoriais e demais órganos periféricos da Consellería.

e) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos en que a Consellería sexa parte interesada.

f) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos xulgados e tribunais.

g) En xeral, cantas funcións lle sexan atribuídas, encomendadas, ou delegadas, por razón da súa competencia, polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

Artigo 11. Servizo Técnico Administrativo

Corresponde ao Servizo Técnico Administrativo o desenvolvemento das seguintes funcións:

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións que elaboren os centros directivos da Consellería, así como a preparación das recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

b) Estudo e elaboración de informes sobre a normativa correspondente ao ámbito competencial da Consellería.

c) O rexistro, arquivamento e custodia das disposicións normativas emanadas da Consellería ou dos seus centros directivos.

d) A tramitación e elaboración de propostas de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial dentro do ámbito competencial da Consellería.

e) O apoio, asesoramento e asistencia na tramitación de procedementos administrativos e elaboración de propostas de resolución por parte dos diferentes órganos da consellería, así como das entidades instrumentais a ela adscritas.

f) O estudo e apoio na tramitación das propostas de convenios e outros instrumentos bilaterais que elaboren os distintos órganos da Consellería.

g) A tramitación dos requirimentos, queixas e peticións formulados polo Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións, se non son atribución doutro órgano da Consellería.

h) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos de competencia da Consellería que lle sexan atribuídos.

i) O exercicio das funcións de xestión, tramitación e custodia propias da sección de fundacións de interese galego sobre as cales a Consellería exerza o protectorado.

j) Calquera outro asunto que poida ser encomendado polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, no exercicio das competencias que lle sexan propias.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Coordinación Económica

Artigo 12. A Subdirección Xeral de Coordinación Económica

1. A Subdirección Xeral de Coordinación Económica exercerá as seguintes funcións, sen prexuízo das que teñan outros órganos e entidades instrumentais da Consellería, así como as que poidan corresponder aos restantes órganos da Xunta de Galicia con competencia na área económica e orzamentaria.

a) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos dos órganos da Consellería e entidades instrumentais adscritas, o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos e entidades implicados.

b) A execución da xestión orzamentaria efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamentos da Consellería.

c) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

d) A supervisión, coordinación e elaboración das instrucións necesarias para que os órganos e entidades da Consellería efectúen unha correcta execución do orzamento.

e) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

f) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

g) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

h) O control, coordinación e execución dos proxectos de obra da Consellería.

i) A conservación e mantemento das dependencias e edificios adscritos á Consellería.

j) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no ámbito das súas competencias.

2. Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Coordinación Económica contará cos seguintes órganos:

a) Servizo de Seguimento e Coordinación Orzamentaria.

b) Servizo de Xestión Económica.

c) Servizo de Contratación.

d) Servizo de Proxectos e Obras.

Artigo 13. Servizo de Seguimento e Coordinación Orzamentaria

Corresponde a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

b) A elaboración das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión orzamentaria, así como a análise e supervisión da súa execución, de acordo coa normativa vixente.

c) A elaboración e coordinación dos estudos estatísticos de toda a Consellería e do resto dos seus centros xestores que permitan elaborar sistemas de seguimento e avaliar as políticas públicas.

d) A xestión de taxas e de prezos públicos da Consellería e entidades instrumentais, así como a coordinación neste campo con todos os órganos e entidades dependentes, xunto coa tramitación dos expedientes de devolución de ingresos indebidos de taxas.

e) A elaboración do escenario de ingresos propios dos organismos autónomos e axencias adscritos á Consellería, así como o seguimento e análise da execución orzamentaria correspondente aos ditos ingresos.

f) A xestión dos obxectivos estratéxicos e operativos, indicadores e actuacións de todo o sector público da Consellería en aplicación do Plan estratéxico de Galicia e de todos os plans sectoriais da propia Consellería.

g) A coordinación, impulso e seguimento das axudas públicas xestionadas pola Consellería mediante ordes e convenios, así como a súa coherencia co Plan estratéxico de Galicia e de todos os plans sectoriais da propia consellería.

h) A realización de estudos e informes nas materias a que fan referencia as funcións anteriores.

j) Calquera outra función que lle poidan encomendar en materia orzamentaria as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Económica.

Artigo 14. Servizo de Xestión Económica

O Servizo de Xestión Económica terá atribuídas as seguintes funcións:

a) A execución da xestión orzamentaria, efectuando e, se é o caso, impulsando, os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamento dos servizos centrais da Consellería, sen prexuízo das atribucións doutros órganos neste campo.

b) A habilitación dos gastos correntes dos servizos centrais da Consellería e a coordinación e supervisión destas tarefas nos servizos periféricos da Consellería e as entidades instrumentais adscritas.

c) A planificación, habilitación e seguimento da provisión de créditos para gastos de mantemento dos distintos órganos, unidades administrativas e oficinas que se lle asignen, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamentos por xustificar.

d) A xestión orzamentaria dos recursos derivados de transferencias internas e de capital aos organismos autónomos e axencias adscritas á Secretaría Xeral Técnica e o seguimento dos adscritos a outros centros xestores.

e) A coordinación, tramitación, impulso e preparación do anteproxecto de orzamentos da Consellería e das súas entidades adscritas.

f) A tramitación das propostas de modificacións orzamentarias da Consellería e das súas entidades instrumentais, así como a tramitación da variación dos límites orzamentarios.

g) Calquera outra función que lle poidan encomendar en materia de xestión económica as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Económica.

Artigo 15. Servizo de Contratación

O Servizo de Contratación exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Consellería, cando se trate de xestión de servizos públicos, subministracións, servizos e contratación centralizada, ou calquera outra figura contractual, excepto aqueles cuxa xestión estea atribuída a outros servizos da Consellería.

b) O seguimento e control da execución dos contratos.

c) O impulso e coordinación das necesidades en materia de contratación dos distintos órganos e unidades administrativas da Consellería, así como das entidades instrumentais a ela adscritas.

d) A coordinación e elaboración de instrucións e fixación de criterios en materia de contratación.

e) A tramitación e elaboración de convenios, no ámbito das súas atribucións.

f) Aqueloutras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Económica, dentro do seu ámbito de atribucións.

Artigo 16. Servizo de Proxectos e Obras

Corresponden a este servizo as seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa da Consellería, cando se trate de obras, equipamentos, servizos relacionados coas obras ou calquera outra figura contractual, que non estean expresamente atribuídos a outros órganos.

b) A programación da execución de calquera fondo finalista destinado a investimentos nos centros dependentes da Consellería e a súa xestión.

c) A xestión ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras que sexan da súa competencia.

d) A coordinación dos contratos administrativos que se tramiten nos servizos periféricos en materia de obras e servizos relacionados con elas, así como equipamentos.

e) A supervisión, coordinación técnica e inspección dos proxectos de obras da Consellería e das súas entidades instrumentais, así como da correspondente execución material.

f) A realización dos traballos facultativos propios das obras de construción, reforma e reparación das instalacións adscritas á Consellería.

g) A elaboración dos informes técnicos que lle sexan requiridos polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Económica.

h) A tramitación e elaboración de convenios, no ámbito das súas atribucións.

i) Aqueloutras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Económica, dentro do seu ámbito de atribucións.

Sección 4ª. Servizo de Igualdade

Artigo 17. Servizo de Igualdade

O Servizo de Igualdade, con dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, é o órgano de apoio que integrará a dimensión de xénero no ámbito das competencias atribuídas á Consellería e estará coordinada co órgano da Administración autonómica competente en materia de igualdade. Desenvolverá as funcións recollidas no artigo 8 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Sección 5ª. Asesorías xurídicas

Artigo 18. As asesorías xurídicas da Consellería de Economía, Emprego e Industria

A Asesoría Xurídica de Enerxía, Minas e Comercio, a Asesoría Xurídica de Economía e Innovación e a Asesoría Xurídica de Emprego adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica con niveis de subdireccións xerais e dependentes funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral.

A Asesoría Xurídica de Enerxía, Minas e Comercio, a Asesoría Xurídica de Economía e Innovación e a Asesoría Xurídica de Emprego rexeranse polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, e desenvolverán as funcións previstas no artigo 13.2 do devandito decreto en relación coas súas respectivas áreas funcionais. En particular, estas asesorías xurídicas ocuparanse, nas súas respectivas áreas funcionais, da asistencia xurídica ás entidades instrumentais dependentes da Consellería, segundo o Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica Xeral, todo isto sen prexuízo da repartición funcional de traballo que poida realizar a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral, de acordo co expresado no antedito decreto.

As devanditas asesorías xurídicas terán adscrito o persoal que se estableza na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 6ª. Intervención Delegada

Artigo 19. A Intervención Delegada

A Intervención Delegada adscríbese organicamente á Secretaría Xeral Técnica con nivel de subdirección xeral e depende funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

As súas funcións e estrutura serán as especificamente previstas no decreto polo que se estableza a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

CAPÍTULO III
Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 20. Atribucións

Á Dirección Xeral de Enerxía e Minas correspóndelle a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materias de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

A dirección do Instituto Enerxético de Galicia será exercida, por razón do cargo, pola persoa titular da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Artigo 21. Estrutura

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Enerxía:

a) Servizo de Ordenación Enerxética.

b) Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

c) Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

2. Subdirección Xeral de Recursos Minerais:

a) Servizo de Xestión Mineira.

3. Subdirección Xeral de Administración Industrial:

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Enerxía

Artigo 22. A Subdirección Xeral de Enerxía

1. A Subdirección Xeral de Enerxía exercerá as funcións relacionadas coa planificación, ordenación, fomento e inspección no relativo á enerxía, ás instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas, térmicas, ás infraestruturas enerxéticas, ás enerxías renovables e á eficiencia enerxética. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola dirección xeral.

2. En concreto, terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de planificación e ordenación:

a) A proposta da normativa relativa ao réxime enerxético, á produción, transporte, distribución e comercialización de electricidade e gas natural, ás enerxías renovables e ao aforro e eficiencia enerxética.

b) A proposta do réxime de dereitos de acometida eléctrica e das actuacións necesarias para atender os requirimentos de subministración dos usuarios.

c) A emisión de instrucións para a ampliación, mellora e adaptación das redes e instalacións eléctricas e gasistas de transporte e distribución, e a supervisión do seu cumprimento.

d) A determinación de en que casos a extensión das redes eléctricas e gasistas de transporte e distribución se considera unha extensión natural da rede de distribución ou se trata dunha liña directa ou dunha acometida, así como a aprobación dos plans de investimento das empresas distribuidoras.

e) A proposta da planificación dos sectores eléctrico e gasista e de hidrocarburos, en coordinación co Instituto Enerxético de Galicia.

f) O desenvolvemento da normativa para a ordenación do relativo ás instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas.

g) A planificación, a coordinación e o control das actuacións relativas á instalación, á ampliación e ao traslado das instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas.

h) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de transporte e distribución de electricidade e de gas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se é o caso, o rexistro de instalacións.

i) A tramitación e proposta de autorización aos/ás comercializadores/as de enerxía eléctrica e de gas natural cando o seu ámbito de actuación se circunscriba á Comunidade Autónoma de Galicia.

j) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de xeración eléctrica de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se é o caso, o rexistro de instalacións, nos cales se inclúe o Rexistro de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

k) A cooperación e coordinación de actuacións co Instituto Enerxético de Galicia nos eidos das enerxías renovables, do aforro e da eficiencia enerxética.

l) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

m) A xestión do Rexistro de Certificación Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, en coordinación co Instituto Enerxético de Galicia.

B. En materia de fomento:

a) A promoción e difusión das campañas informativas dirixidas aos/as usuarios/as e titulares das instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas sobre os aspectos normativos e técnicos destas.

b) A proposta de programas de formación especializados dirixidos aos/ás técnicos/as da propia Administración que desenvolvan funcións de inspección no ámbito das instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas.

c) A realización de estudos para a análise da competencia no sector da distribución de carburantes.

d) A elaboración, proposta e execución de programas para a mellora das infraestruturas e da calidade da subministración de enerxía eléctrica e de gas natural.

e) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar a investigación en materia de infraestruturas enerxéticas.

f) A elaboración, proposta e execución de plans e proxectos nas áreas de aforro e eficiencia enerxética, así como na das enerxías renovables.

g) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas di-rixidos a fomentar a investigación, o desenvolvemento e a innovación, así como da implantación destes resultados, en materia de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética.

h) A proposta de actuacións que contribúan a difundir o coñecemento das medidas de aforro e eficiencia enerxética.

Todas estas funcións exerceranse en coordinación co Instituto Enerxético de Galicia.

C. En materia de inspección:

a) As actuacións para a mellora da seguridade no eido das instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas.

b) O control da xestión dos rexistros de instalacións e actividades relativas ás instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas, dentro do seu ámbito de competencias.

c) A coordinación, a execución, se é o caso, e o control das actuacións relativas á subministración e distribución de produtos petrolíferos, dentro do seu ámbito de competencias.

d) A proposta dos plans de inspección no eido das instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas.

e) A inspección no ámbito das instalacións de distribución de electricidade e de gas, das condicións técnicas e, se é o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas.

f) A supervisión do cumprimento das funcións dos xestores das redes de distribución eléctrica no seu respectivo territorio.

g) A supervisión do cumprimento das funcións das empresas distribuidoras de gas no seu ámbito territorial.

h) A inspección, no ámbito das enerxías renovables, das condicións técnicas e, se é o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas.

3. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Ordenación Enerxética.

b) Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

c) Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

Artigo 23. Servizo de Ordenación Enerxética

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Ordenación Enerxética exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas a), b), c), d), e), f), e l); no punto B, alíneas a), b) e c); e no punto C, alíneas a), b), c) e d), do número 2 do artigo 22.

Artigo 24. Servizo de Infraestruturas Enerxéticas

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Infraestruturas Enerxéticas exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas g), h), i), j), e l); no punto B, alíneas d) e e); e no punto C, alíneas e), f) e g) do número 2 do artigo 22.

Artigo 25. Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas a), j), k), l),e m); no punto B, alíneas f), g) e h); e no punto C, alínea h), do número 2 do artigo 22.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Recursos Minerais

Artigo 26. A Subdirección Xeral de Recursos Minerais

1. A Subdirección Xeral de Recursos Minerais exercerá as funcións relativas á planificación, ordenación, fomento, desenvolvemento e control da minaría de Galicia. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola dirección xeral.

2. En concreto, terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de planificación e ordenación mineira:

a) A planificación sectorial das actividades extractivas de Galicia e a ordenación dos xacementos minerais e recursos xeolóxicos situados no seu territorio.

b) A xestión e o exercicio das competencias administrativas sobre o dominio público mineiro, sobre as augas minerais e termais e sobre a investigación dos hidrocarburos.

c) A estatística mineira da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) A xestión e o exercicio das competencias administrativas sobre o rexistro mineiro de Galicia e sobre os demais rexistros previstos na normativa mineira e de augas minerais e termais.

e) O exercicio das competencias administrativas que corresponde á Comunidade Autónoma respecto da Cámara Oficial Mineira de Galicia.

B. En materia de fomento da minaría:

a) O impulso de plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados ao desenvolvemento, á innovación, ao incremento da competitividade e á internacionalización do sector mineiro de Galicia.

b) A modernización da xestión administrativa e o impulso e implantación da administración telemática dos expedientes administrativos do seu ámbito competencial.

c) O impulso de plans e programas para mellorar o coñecemento dos recursos minerais, xacementos mineiros e recursos xeolóxicos de Galicia.

d) A difusión social da importancia da actividade mineira e a posta en valor do patrimonio xeolóxico-mineiro da comunidade.

e) A instrución dos procedementos para a declaración dos concellos mineiros e o impulso e coordinación das medidas e plans de actuación específicos aplicables a estes e ás zonas en declive mineiro.

C. En materia de inspección e seguridade mineira:

a) O exercicio das competencias administrativas en materia de seguridade e saúde no ámbito de aplicación da lexislación mineira, así como a policía na minaría a ceo aberto, subterránea, establecementos de beneficio e traballos que requiran a técnica mineira.

b) O exercicio das competencias administrativas na materia de prevención de riscos laborais en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira, nos traballos de manipulación e utilización de explosivos e nos establecementos de beneficio vinculados ás actividades extractivas.

c) A autorización e rexistro das entidades de inspección e control regulamentarios no ámbito da seguridade mineira, así como a coordinación e seguimento das súas actuacións no territorio de Galicia.

d) O impulso de plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados á mellora da seguridade e salubridade do sector mineiro de Galicia.

e) O exercicio das competencias administrativas para a comprobación do cumprimento da normativa mineira aplicable ás actividades extractivas e o seguimento e vixilancia ambiental destas.

3. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a Subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Xestión Mineira.

Artigo 27. Servizo de Xestión Mineira

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Xestión Mineira exercerá as funcións indicadas no artigo 26.

Sección 4ª. Subdirección Xeral de Administración Industrial

Artigo 28. A Subdirección Xeral de Administración Industrial

1. A Subdirección Xeral de Administración Industrial exercerá, sen prexuízo do disposto no artigo 22, as funcións relativas á planificación, ordenación, fomento e inspección da seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola dirección xeral.

2. En concreto, terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de ordenación e planificación:

a) A elaboración de iniciativas normativas referidas ás actividades e instalacións industriais.

b) A dirección e o seguimento de todas as actuacións relativas á inspección técnica de vehículos.

c) A dirección e o seguimento de todas as actuacións relativas aos rexistros específicos de empresas, entidades de formación, carnés e habilitacións profesionais, en materia de seguridade industrial.

d) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

e) A habilitación das entidades de inspección e control regulamentario e a coordinación e o seguimento das súas actuacións na aplicación das regulamentacións técnicas e as normas de seguridade industrial.

f) O exercicio das competencias administrativas en relación co rexistro industrial, rexistro de instalacións e actividades especiais afectadas por seguridade industrial, dentro do seu ámbito de competencias.

g) A planificación, coordinación e control das actuacións relativas á metrololoxía, desenvolvemento de actividades de vixilancia e inspección e xestión do rexistro de control metrolóxico e o ensaio e contraste de metais preciosos.

h) A coordinación e o control das actuacións relativas á verificación de contadores de consumo de enerxía e de auga, dentro do seu ámbito de competencias.

i) O exercicio das competencias administrativas en relación co Rexistro de Control Metrolóxico.

j) A asignación dos códigos dos precintos que usarán os distintos axentes implicados no control metrolóxico.

B. En materia de fomento:

a) A promoción do desenvolvemento e a execución de actuacións de modernización e a dotación de servizos avanzados no solo empresarial.

b) A elaboración, programación, seguimento e difusión de estudos, campañas informativas dirixidas aos/as usuarios/as e titulares das instalacións industriais e estatísticas en materia de industria.

c) A proposta de programas de formación especializados dirixidos aos/ás técnicos/as da propia Administración que desenvolvan funcións de inspección en materia de seguridade industrial, dentro do seu ámbito de competencias.

d) A elaboración, programación, seguimento e difusión de estudos e estatísticas en materia de metroloxía e metais preciosos.

e) A promoción e difusión das campañas informativas dirixidas aos usuarios e titulares dos instrumentos e sistemas de medida sobre os aspectos normativos e técnicos destes.

f) A proposta de programas de formación especializados dirixidos aos técnicos da propia Administración que desenvolvan funcións de inspección en materias relacionadas coa metroloxía legal.

C. En materia de inspección e seguridade:

a) O exercicio das competencias administrativas en relación coas instalacións radioactivas de segunda e terceira categorías e raios X con fins de diagnóstico médico, así como a xestión dos rexistros das devanditas instalacións.

b) Asignación de contrasinais a prototipos e emisión de certificados a vehículos importados destinados ao transporte de mercadorías perecedoiras e perigosas.

c) Vixilancia do mercado, no seu ámbito de competencias.

d) O control da xestión dos rexistros de instalacións e actividades afectadas pola seguridade industrial, así como a elaboración e e proposta dos plans de inspección en materia de seguridade industrial, dentro do seu ámbito de competencias.

e) A inspección e o control das actuacións dos organismos autorizados de verificación metrolóxica, organismos de control metrolóxico e organismos notificados designados no ámbito da Comunidade Autónoma.

f) A elaboración e a proposta dos plans de vixilancia e inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico.

g) A elaboración e a proposta, en coordinación cos órganos competentes en consumo e de seguridade cidadá, dos plans de vixilancia e inspección de obxectos fabricados con metais preciosos.

3. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a Subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.

Artigo 29. Servizo de Administración Industrial

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Administración Industrial exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas a), b), c), d), e), e f); no punto B, alíneas a), b) e c) e no punto C, alíneas a), b), c) e d), do número 2 do artigo 28.

Artigo 30. Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas d), g), h), i) e j); no punto B, alíneas d), e) e f) e no punto C, alíneas c), e), f) e g), do número 2 do artigo 28.

O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial, dependerá funcionalmente do Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais e exercerá competencias en materia de metroloxía legal e industrial e contrastación de metais preciosos, así como as que lle atribúa a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

CAPÍTULO IV
Dirección Xeral de Comercio

Artigo 31. Atribucións

Á Dirección Xeral de Comercio correspóndelle a planificación, coordinación e control das competencias da Consellería en materia de comercio interior e exterior, artesanía e consumo; a planificación e desenvolvemento das estruturas comerciais, feiras, mercados e lonxas, agás as pesqueiras en primeira venda; a tutela e coordinación das actividades das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación e mais a intervención en materia de prezos sobre os cales se deba pronunciar a Comisión de Prezos de Galicia.

Artigo 32. Estrutura

A Dirección Xeral de Comercio estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Comercio.

a) Servizo de Ordenación.

b) Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Artigo 33. A Subdirección Xeral de Comercio

1. A Subdirección Xeral de Comercio terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de comercio:

a) A proposta da normativa relativa ao comercio interior e ás cámaras oficiais de comercio, industria e navegación.

b) A comprobación e vixilancia do cumprimento da normativa vixente en materia de comercio.

c) A promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

d) A reforma, coordinación e mellora das estruturas e dos procesos de distribución comercial.

e) A formación e asistencia técnica aos suxeitos da actividade comercial.

f) A asistencia aos concellos en materia de establecementos e espazos comerciais.

g) A planificación, programación e execución de actuacións destinadas a un maior coñecemento dos produtos galegos no mercado interior. No mercado exterior exercerá esta función en coordinación co Instituto Galego de Promoción Económica.

h) A planificación, programación e dirección das actuacións orientadas á promoción comercial de determinados sectores da economía galega que se consideren especialmente importantes para a Comunidade Autónoma.

i) O fomento de proxectos de cooperación económica entre empresas do sector, o impulso do asociacionismo comercial e a asistencia técnica comercial en colaboración con outras institucións e entidades.

j) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de grandes establecementos comerciais.

k) A coordinación, tutela, promoción e impulso da actividade das cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación da Comunidade Autónoma de Galicia. As resolucións que a Dirección Xeral de Comercio adopte no exercicio da tutela sobre as devanditas corporacións esgotarán a vía administrativa.

l) O exercicio das facultades que corresponden á Xunta de Galicia como titular das marcas de garantía Galicia Calidade e Comercio Rural Galego, directamente ou a través da sociedade anónima Galicia Calidade, S.A.

B. En materia de prezos:

a) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas de actuación encamiñados á execución da política autonómica en materia de intervención de prezos.

b) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de prezos que deban someterse á Comisión de Prezos de Galicia.

C. En materia de actividades feirais:

a) A proposta da normativa en materia de actividades feirais.

b) A dirección, coordinación, execución e control dos programas de actuación en materia de actividades feirais.

c) A execución da normativa relativa ás feiras internacionais.

d) A coordinación e apoio técnico da participación institucional da Comunidade Autónoma en feiras, exposicións e certames.

D. En materia de artesanía:

a) A proposta da normativa relativa á artesanía.

b) A elaboración, execución e seguimento de estudos e programas de actuación dirixidos á ordenación, promoción e desenvolvemento do sector artesán.

c) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudos e estatísticas en materia de artesanía.

d) A xestión do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

e) O impulso para a mellora e modernización das estruturas e dos procesos de produción e distribución artesanal.

f) A actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, en materia de artesanía e, en particular, da Comisión Galega de Artesanía.

2. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Ordenación.

b) Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Artigo 34. Servizo de Ordenación

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Ordenación exercerá as previstas no punto A, alíneas a), b), d), e), i), j) e k); punto C; e punto D, alíneas a), c), d) e e) do número 1 do artigo 33.

Artigo 35. Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía exercerá as previstas no punto A, alíneas c), f), g), h) e l); punto B; e punto D, alínea b) do número 1 do artigo 33.

CAPÍTULO V
Secretaría Xeral de Emprego

Sección 1ª. Competencias e estrutura

Artigo 36. Competencias

Corresponderán á Secretaría Xeral de Emprego, como órgano superior da Consellería de Economía, Emprego e Industria, as seguintes funcións:

a) A participación na elaboración e deseño das estratexias de emprego e dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos neles.

b) Para o exercicio das súas funcións e competencias contará co Observatorio do Emprego de Galicia.

c) A dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de emprego, relacións laborais, seguridade e saúde laboral, responsabilidade social empresarial, cooperativas e outras entidades de economía social e, en concreto, o exercicio de funcións en materia de lexislación laboral e en prevención de riscos laborais, e todas aquelas que como autoridade laboral debe desenvolver en virtude das competencias que lle corresponden á Consellería.

d) Impulso e desenvolvemento das políticas de igualdade laboral e de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas.

e) As competencias funcionais sobre a Inspección de Traballo e Seguridade Social en materia laboral, e de prevención de riscos laborais asignadas á Comunidade Autónoma de Galicia, así como a coordinación coa Administración xeral do Estado para a execución dos plans de actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

f) Corresponde á persoa titular da Secretaría Xeral, no ámbito das competencias desta, o coñecemento e a resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas nos procedementos tramitados para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector, polos órganos territoriais, de conformidade co Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector.

g) A dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma atribuídas á consellería en materia de fomento do emprego, apoio ao autoemprego e á integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade e das que lle atribúan as normas de desenvolvemento en Galicia do Estatuto do traballo autónomo.

h) A dirección e xestión das funcións atribuídas á Consellería en materia de fomento da colaboración coas administracións e institucións públicas e con entidades sen ánimo de lucro.

i) A coordinación da xestión e supervisión do funcionamento dos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, así como a prestación da asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

j) O exercicio das competencias atribuídas pola normativa reguladora dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de emprego, relacións laborais e de persoas traballadoras autónomas e de entidades de economía social.

k) Así mesmo, correspóndelle a elaboración do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

Artigo 37. Estrutura

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Secretaría Xeral de Emprego conta cos seguintes órganos directivos e unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Relacións Laborais.

1.1. Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral.

1.2. Servizo de Réxime Xurídico.

2. Subdirección Xeral de Emprego.

2.1. Servizo de Emprego por Conta Allea.

2.2. Servizo de Emprego Autónomo.

2.3. Servizo de Integración Laboral.

2.4. Servizo de Programas de Cooperación.

3. Subdirección Xeral de Economía Social.

3.1. Servizo de Cooperativas e Economía Social.

4. Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

4.1. Subdirección Xeral de Orientación Laboral.

4.1.1. Servizo de Orientación Laboral.

4.1.2. Servizo de Intermediación.

4.1.3. Servizo de Programas Mixtos.

4.2. Subdirección Xeral de Promoción Laboral.

4.2.1. Servizo de Planificación da Promoción Laboral.

4.2.2. Servizo de Xestión Administrativa da Promoción Laboral.

4.3. Subdirección Xeral das Cualificacións.

4.3.1. Servizo de Acreditación das Cualificacións Profesionais.

4.3.2. Servizo de Observatorio do Emprego.

4.4. Centro de Novas Tecnoloxías.

4.5. Servizo de Verificación de Fondos.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Relacións Laborais

Artigo 38. A Subdirección Xeral de Relacións Laborais

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, responsabilidade social empresarial, igualdade laboral e de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas, así como a modulación das relacións laborais cos axentes económicos e sociais.

b) A promoción, coordinación e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de prevención de riscos laborais, así como o establecemento de vías de colaboración e cooperación técnica e institucional con organismos e institucións con competencias na materia, sen prexuízo das competencias que a lexislación vixente atribúe ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

c) A elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu programa de gasto, así como á súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

d) A coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais, de convenios colectivos (Regcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).

e) A coordinación coas xefaturas territoriais na tramitación dos expedientes e procedementos competencia da Subdirección Xeral.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio, co nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral.

b) Servizo de Réxime Xurídico.

Artigo 39. Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral

Corresponderanlle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación e instrución dos expedientes de procedementos de despedimento colectivo, suspensión de contratos de traballo e redución temporal de emprego e daqueloutros sobre relacións individuais ou colectivas atribuídas á Administración laboral.

b) A xestión e tramitación das axudas e subvencións en materia laboral e de responsabilidade social empresarial competencia da subdirección.

c) A tramitación e instrución do depósito, rexistro e publicación de convenios e acordos colectivos de traballo, adhesión e instrución dos procedementos de extensión de convenios colectivos.

d) A tramitación e instrución do depósito de estatutos dos sindicatos e das asociacións empresariais e a expedición de certificación de documentación en depósito.

e) Coordinación e tramitación das funcións correspondentes aos procesos de eleccións sindicais.

f) A recepción, o seguimento e a coordinación das declaracións de folgas e peches patronais, así como a xestión e instrución dos procedementos e o desenvolvemento das funcións de mediación, arbitraxe e conciliación.

g) A tramitación das autorizacións administrativas e o rexistro das empresas de traballo temporal.

h) A preparación de ditames, normativa, estatísticas e demais informes na área de traballo e relacións laborais.

i) Desenvolvemento das actuacións en materia de responsabilidade social empresarial.

j) As funcións da xestión do Rexistro de empresas acreditadas no sector da construción (REA).

k) Tramitación das comunicacións de desprazamentos transnacionais de traballadores/as.

l) A promoción, coordinación e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de prevención de riscos laborais, así como o establecemento de vías de colaboración e cooperación técnica e institucional con organismos e institucións con competencias na materia, sen prexuízo das competencias que a lexislación vixente atribúa ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral

m) Seguimento das autorizacións a entidades formativas para impartir formación en materia de prevención de riscos laborais, de acordo coa normativa vixente en cada momento.

n) A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións dos servizos de prevención alleos, así como as funcións correspondentes aos Servizos de Prevención Mancomunados e auditorías de prevención.

o) A tramitación, xestión e seguimento dos programas de fomento para a mellora das condicións de seguridade e saúde laboral.

p) A coordinación coa Inspección de Traballo e Seguridade Social para a elaboración e resolución dos expedientes administrativos en materia de prevención de riscos laborais.

q) A coordinación co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral nos procedementos administrativos en materia de prevención de riscos laborais.

r) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

Artigo 40. Servizo de Réxime Xurídico

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación e instrución dos expedientes sancionadores na orde social, segundo o ámbito competencial establecido pola normativa reguladora da distribución de competencias entre órganos da Administración autonómica galega, para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector.

b) A tramitación dos recursos de alzada en materia de sancións por infraccións na orde social.

c) Seguimento das sancións impostas ata o seu pagamento efectivo.

d) Coordinación coa Inspección de Traballo e Seguridade Social para a elaboración e resolución dos expedientes sancionadores e a unificación de criterios.

e) Coordinación cos gabinetes xurídicos para a mellora do procedemento sancionador.

f) Coordinación coa xurisdición competente respecto dos procedementos sancionadores.

g) Coordinación coa Administración da Seguridade Social nos procedementos con recarga de prestacións.

h) Mantemento do Rexistro de Sancións.

i) Proposta de disposicións e elaboración de informes en materia laboral.

j) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Emprego

Artigo 41. A Subdirección Xeral de Emprego

1. A Subdirección Xeral de Emprego, como órgano de dirección, levará a cabo as funcións de programación, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control e avaliación dos programas de fomento do emprego correspondentes aos incentivos á contratación por conta allea, ao apoio ao traballo autónomo, ás iniciativas empresariais xeradoras de emprego e aos programas dirixidos á integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade, así como ás accións correspondentes ao seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego.

Exercerá as competencias da Secretaría Xeral de Emprego sobre os rexistros administrativos das iniciativas locais de emprego (ILE), das iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), o rexistro das asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia e o rexistro das empresas de inserción laboral (EIL).

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Emprego por Conta Allea.

b) Servizo de Emprego Autónomo.

c) Servizo de Integración Laboral.

d) Servizo de Programas de Cooperación.

Artigo 42. Servizo de Emprego por Conta Allea

A este servizo correspóndelle a xestión dos programas de fomento da contratación por conta allea e de todas as actuacións da Secretaría Xeral de Emprego para a mellora do emprego estable. Será o responsable do Rexistro Administrativo das Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica, así como da xestión dos programas de apoio ás IEBT. No seu ámbito competencial exercerá os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control e avaliación, así como a execución e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

Artigo 43. Servizo de Emprego Autónomo

A este servizo correspóndelle a xestión dos programas e accións de apoio ás persoas emprendedoras e á iniciativa empresarial, e daqueloutros que se lle asignen dentro da súa área funcional. No seu ámbito competencial exercerá os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control e avaliación, así como a execución e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

Será o responsable do Rexistro administrativo das iniciativas locais de emprego.

Correspóndenlle, así mesmo, as funcións propias da xestión do Rexistro de asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia e aqueloutras que as normas de desenvolvemento en Galicia da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, atribúan á Secretaría Xeral de Emprego, e as que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 44. Servizo de Integración Laboral

A este servizo correspóndelle a xestión dos programas de fomento da integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade.

Levará a cabo as funcións inherentes á xestión administrativa do Rexistro de empresas de inserción laboral, creado polo Decreto 156/2007, do 19 de xullo, e á xestión dos programas de apoio ás empresas de inserción laboral, así como os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control, avaliación e xustificación contable das partidas orzamentarias correspondentes.

Artigo 45. Servizo de Programas de Cooperación

A este servizo corresponderanlle:

a) A xestión técnica e coordinación dos programas de promoción do emprego no ámbito local e a entidades sen ánimo de lucro.

b) A elaboración de estatísticas relativas aos programas e medidas da súa competencia e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

Sección 4ª. Subdirección Xeral de Economía Social

Artigo 46. A Subdirección Xeral de Economía Social

1. Á Subdirección Xeral de Economía Social, como órgano de dirección, corresponderalle a promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de cooperativas e outras entidades de economía social, así como as relacións coas súas organizacións representativas, sen prexuízo das competencias doutras consellerías en materias relativas a entidades de economia social.

Correspóndelle, ademais, a elaboración do estudo do anteproxecto de orzamentos anual correspondente ao seu programa de gasto, a súa xestión, seguimento e avaliación, así como a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

Desenvolverá as funcións de apoio e impulso do funcionamento do Consello Galego de Cooperativas, órgano consultivo e asesor en materia de cooperativas, creado pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

Promoverá a coordinación de accións conxuntas e a colaboración en rede de institucións, organizacións e entidades no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, creada polo Decreto 225/2012, do 15 de novembro.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará co seguinte órgano de apoio, co nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Cooperativas e Economía Social.

Artigo 47. Servizo de Cooperativas e Economía Social

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) Información e asesoramento en materia de cooperativas, sociedades laborais e outras entidades de economía social, elaboración de estatísticas e estudos.

b) Programación, coordinación, execución, seguimento, control e avaliación dos programas de promoción e divulgación do cooperativismo e doutras formas de economía social, especialmente no marco da Rede Eusumo.

c) Programación, coordinación, execución, seguimento, control e avaliación dos programas de fomento do autoemprego colectivo e nas entidades de economía social.

d) O desenvolvemento das accións de coordinación, apoio e impulso do funcionamento do Consello Galego de Cooperativas.

e) A xestión do Rexistro Central de Cooperativas.

f) A xestión do Rexistro administrativo de sociedades laborais e de centros especiais de emprego.

g) A coordinación dos rexistros provinciais de cooperativas.

h) A tramitación de expedientes sancionadores por infracción da normativa cooperativa.

i) O desenvolvemento e a xestión daqueloutras funcións atribuídas á autoridade laboral na normativa de cooperativas e sociedades laborais.

j) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

CAPÍTULO VI
A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 48. Atribucións

Á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, baixo a dirección e dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, correspóndelle a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de intermediación e orientación laboral, promoción da empregabilidade e formación ocupacional e, nomeadamente, as seguintes funcións:

a) O deseño, planificación e execución das medidas dirixidas á prestación dos servizos previstos na carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego, na Estratexia española de activación para o emprego, a confección e execución dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos.

b) A dirección e xestión das funcións atribuídas á Consellería en materia de formación para o emprego, cualificacións profesionais e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, así como a estatística, a análise e a prospectiva do mercado de traballo.

c) O exercicio das competencias para o reforzo da capacidade de actuación do Servizo Público de Emprego de Galicia, a súa modernización, infraestrutura, recursos humanos e materiais e soporte técnico.

d) A coordinación participación das entidades colaboradoras, con e sen ánimo de lucro, na execución e desenvolvemento dos servizos de políticas activas de emprego, a través da colaboración público privada.

e) A programación, o seguimento, o control e, se é o caso, a xestión dos programas mixtos de formación e emprego.

f) A coordinación da xestión e supervisión do funcionamento dos centros de formación, tanto propios como dependentes doutras entidades, así como a prestación da asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica

g) As funcións de execución relativas ao cumprimento das obrigas de empresarios/as e traballadores/as e, se é o caso, a potestade sancionadora nas materias relativas ao emprego e desemprego.

h) As que correspondan á Consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou da acreditación parcial acumulable correspondente.

i) A resolución dos procedementos de inscrición e acreditación ou, de ser o caso, de baixa no Rexistro de centros e entidades de formación para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido na súa normativa reguladora, así como a autorización dos centros previstos no Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados, así como a certificación dos profesionais que os utilizan, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

j) O exercicio das competencias atribuídas pola normativa reguladora dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia competencia da dirección xeral.

k) A elaboración do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

l) Expedición e rexistro das habilitacións profesionais, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

m) O exercicio das competencias previstas no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, sen prexuízo das que lle corresponden a outras administracións competentes.

n) Desenvolvemento da normativa que contribúa á ordenación e regulación dun sistema de formación profesional que responda ás necesidades de formación e cualificación das persoas co fin de promover a aprendizaxe ao longo da vida.

o) A xestión e execución do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e vías non formais de formación.

Artigo 49. Estrutura

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral contará cos seguintes órganos e unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Orientación Laboral:

1.1. Servizo de Orientación Laboral.

1.2. Servizo de Intermediación.

1.3. Servizo de Programas Mixtos.

2. Subdirección Xeral de Promoción Laboral:

2.1. Servizo de Planificación da Promoción Laboral.

2.2. Servizo de Xestión Administrativa da Promoción Laboral.

3. Subdirección Xeral das Cualificacións:

3.1. Servizo de Acreditación das Cualificacións Profesionais.

3.2. Servizo de Observatorio do Emprego.

4. Centro de Novas Tecnoloxías.

5. Servizo de Verificación de Fondos.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Orientación Laboral

Artigo 50. A Subdirección Xeral de Orientación Laboral

1. A Subdirección Xeral de Orientación Laboral, como órgano de dirección, levará a cabo as funcións de programación, coordinación, execución, seguimento, propostas e avaliación, control e, se é o caso, a xestión dos programas mixtos de formación e emprego, así como as funcións de intermediación no mercado de traballo e, en concreto, as relativas á inserción e rexistro das persoas demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede Eures (European Employment Services), e daqueloutros programas de cooperación competencia da Dirección Xeral.

Así mesmo, corresponderalle a xestión dos programas de orientación laboral e os de apoio e asistencia na busca de emprego, así como a coordinación das actuacións derivadas dos incumprimentos das obrigas derivadas do compromiso de actividade dos demandantes de emprego que sexan perceptores de prestacións e subsidios por desemprego.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Orientación Laboral.

b) Servizo de Intermediación.

c) Servizo de Programas Mixtos.

Artigo 51. Servizo de Orientación Laboral

A este servizo corresponderanlle:

a) A xestión do programa de actividades de información, orientación e prospección do emprego ás persoas desempregadas para facilitarlles o acceso ao mercado laboral.

b) A coordinación e o soporte técnico da actividade das oficinas de emprego en materia de orientación laboral, impartindo as instrucións precisas para a mellora da calidade dos servizos e procurando unha atención adecuada ás persoas usuarias dos servizos públicos de emprego.

c) A coordinación do Plan nacional de garantía xuvenil e de aqueloutros programas específicos de emprego relativos a colectivos de desempregados que, se é o caso, se poidan establecer.

d) A elaboración de estatísticas relativas aos programas e medidas da súa competencia e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

Artigo 52. Servizo de Intermediación

A este servizo corresponderanlle:

a) A xestión técnica e coordinación do sistema de información propio da Comunidade Autónoma e a súa integración co Sistema nacional de emprego.

b) A coordinación e o soporte técnico da actividade das oficinas de emprego en materia de políticas activas de emprego, impartindo as instrucións precisas para a mellora da calidade dos servizos e procurando unha atención axeitada ás persoas usuarias dos servizos públicos de emprego.

c) A xestión e tramitación dos expedientes derivados da colaboración público privada con axencias de colocación.

d) A instrución e tramitación dos expedientes sancionadores incoados como consecuencia dos incumprimentos das obrigas derivadas do compromiso de actividade dos demandantes de emprego que sexan perceptores de prestacións e subsidios por desemprego.

d) A xestión e coordinación dos programas de intermediación laboral, a coordinación da Rede EURES-Galicia e o seguimento da actividade desenvolvida polas entidades colaboradoras e as axencias de colocación.

e) A elaboración de estatísticas relativas aos programas e medidas da súa competencia e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

Artigo 53. Servizo de Programas Mixtos

A este servizo corresponderanlle:

a) A xestión técnica e a coordinación dos programas mixtos de formación e emprego, dos programas integrados de emprego e daqueloutras accións, medidas e tarefas competencia da Subdirección Xeral que se lle poidan encomendar.

b) A elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Promoción Laboral

Artigo 54. A Subdirección Xeral de Promoción Laboral

1. A Subdirección Xeral de Promoción Laboral, como órgano de dirección, levará a cabo as funcións de planificación, programación, seguimento e avaliación das accións de promoción laboral, formación para o emprego, o mantemento do Rexistro de centros e entidades de formación para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e a xestión administrativa dos programas de formación dirixida ás persoas traballadoras desempregadas e ocupadas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Planificación da Promoción Laboral.

b) Servizo de Xestión Administrativa da Promoción Laboral.

Artigo 55. Servizo de Planificación da Promoción Laboral

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión técnica da planificación, programación, avaliación e seguimento das accións de formación para o emprego.

b) O exercicio das funcións que, en relación co Rexistro de centros e entidades de formación para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondan á Dirección Xeral segundo a normativa reguladora de aplicación.

c) A programación das accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas e ocupadas, coordinando as súas actuacións de seguimento e avaliación e a coordinación da programación das accións formativas dos centros propios dependentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria

d) A xestión da tramitación dos procedementos de contratación dos centros propios de formación dependentes da Consellería.

e) A coordinación das distintas ferramentas de xestión da formación para o emprego.

f) A organización, inspección e xestión da rede de centros integrados de titularidade da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

g) A tramitación das autorizacións dos centros previstos no artigo 8.2 do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados, así como a certificación dos profesionais que os utilizan.

Artigo 56. Servizo de Xestión Administrativa da Promoción Laboral

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión administrativa dos programas de formación para o emprego, a execución orzamentaria, o seguimento contable e a xustificación, así como a elaboración das diferentes estatísticas de formación para o emprego.

b) Xestionar os procedementos de xustificación e liquidación das accións formativas e os pagamentos por xustificar dos centros propios dependentes da Consellería.

c) A xestión dos procedementos de xustificación do Fondo Social Europeo e dos proxectos europeos de formación e a coordinación das accións de auditoría en materia de formación.

Sección 4ª. Subdirección Xeral das Cualificacións

Artigo 57. A Subdirección Xeral das Cualificacións

1. A Subdirección Xeral das Cualificacións, como órgano de dirección, desenvolverá as funcións normativas e de xestión necesarias para garantir a implantación efectiva do Sistema nacional de cualificacións profesionais en Galicia, así como dos procesos de estudo das cualificacións, tanto para a súa determinación como para o seu seguimento, establecendo os sistemas de interrelación e cooperación cos organismos, órganos e axentes sociais implicados no mundo produtivo e formativo; coordinación cos distintos órganos e organismos competentes en materia de formación profesional, co fin de promover a integración efectiva dos subsistemas de formación profesional e entre estes e o mundo sociolaboral que lles serve de marco de referencia.

Asumirá as funcións recollidas no Decreto 93/1999, do 8 de abril, polo que se crea o Instituto Galego das Cualificacións, e corresponderalle a xestión e rexistro do procedemento de avaliación e acreditación das competencias profesionais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, dará apoio ao Consello Galego de Formación Profesional nas materias e actividades relacionadas co Sistema nacional de cualificacións.

Correspóndelle a xestión do procedemento de avaliación de competencias clave para o acceso aos cursos de certificados de profesionalidade niveis 2 e 3.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Acreditación das Cualificacións Profesionais.

b) Servizo de Observatorio do Emprego.

Artigo 58. Servizo de Acreditación das Cualificacións Profesionais

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A participación na confección do Catálogo nacional das cualificacións profesionais, así como na súa actualización permanente; elaborará propostas para o Catálogo de cualificacións profesionais de acordo cos resultados dos estudos realizados no tecido empresarial galego e participará na determinación de criterios para definir os requisitos e as características que deben reunir as cualificacións profesionais para seren incorporadas ao Sistema nacional das cualificacións profesionais.

b) A participación na elaboración do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, así como na súa actualización permanente.

c) Coordinación, xestión e desenvolvemento do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais nas diferentes cualificacións profesionais que compoñen o Catálogo nacional das cualificacións profesionais.

d) A expedición e rexistro dos certificados de profesionalidade.

e) Expedición e rexistro das unidades de competencia das cualificacións profesionais do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

f) Expedición e rexistro de certificacións persoais para a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles de acordo coa distribución de competencias recollidas no Decreto 100/2011, do 19 de maio, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 59. Servizo de Observatorio do Emprego

Para lograr un maior coñecemento do mercado de traballo e para conseguir unha maior adecuación á oferta e a demanda do tecido produtivo e unha maior adecuación á realidade formativa e aos requirimentos das persoas e do sector produtivo, o Servizo de Observatorio do Emprego exercerá as seguintes funcións:

a) Análise permanente dos datos estatísticos oficiais dispoñibles sobre a situación laboral en Galicia.

b) Realización de informes técnicos que compilen a evolución das variables máis relevantes e difusión de información a través de ferramentas en calquera formato.

c) Análise, seguimento e información sobre as profesións reguladas, estruturas ocupacionais e perfís profesionais asociados ás cualificacións profesionais.

d) Detección das necesidades de cualificación dos traballadores e traballadoras e seguimento da inserción laboral resultante das accións formativas da formación profesional para o emprego.

e) Coordinación, xestión e desenvolvemento das probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade.

f) A asistencia á Secretaría Xeral de Emprego nas tarefas que lle sexan encomendadas.

Sección 5ª. Centro de Novas Tecnoloxías

Artigo 60. Centro de Novas Tecnoloxías

O Centro de Novas Tecnoloxías, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo baixo a dependencia do/da director/a xeral, ten como obxectivo e competencia a impartición de formación profesional para o emprego dirixida aos/as profesionais do sector das novas tecnoloxías e a sociedade da información.

Corresponde ao centro a realización de actividades formativas e cursos técnicos especializados destinados aos/as profesionais do sector das TIC, a detección de tendencias tecnolóxicas que permitan ofertar actividades formativas actualizadas e adaptadas ás innovacións tecnolóxicas e ás necesidades e demanda do mercado, e a organización e o apoio loxístico para a realización de actividades, foros, seminarios e xornadas que supoñan transferencia de coñecemento para os/as profesionais do sector.

Sección 6ª. Servizo de Verificación de Fondos

Artigo 61. Servizo de Verificación de Fondos

Ao Servizo de Verificación de Fondos, órgano de apoio con nivel orgánico de servizo, baixo a dependencia directa do/da director/a xeral, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A planificación, coordinación e verificación do cumprimento da normativa comunitaria, estatal e autonómica, con posterioridade á súa execución, dos programas de axudas e subvencións en materia de programas de emprego e de formación profesional para o emprego e, en xeral, para todas as medidas de políticas activas de emprego xestionados na Consellería de Economía, Emprego e Industria.

b) A elaboración anual dos plans de verificación e control posteriores ao pagamento das axudas concedidas e a coordinación das auditorías e as actuacións de verificación e control realizadas dentro destes plans anuais, en materia de políticas activas de emprego tanto en servizos centrais como nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, co fin de determinar os resultados das verificacións realizadas e os importes elixidos para a súa certificación ao Fondo Social Europeo, sen prexuízo das competencias de seguimento e control que, no procedemento de tramitación, concesión e pagamento dos incentivos, correspondan aos órganos concedentes.

c) A formación teórica e práctica do persoal encargado da realización destas funcións de verificación e control posteriores, así como para a realización das visitas in situ, tanto en servizos centrais como nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, co obxecto de dar cumprimento aos requirimentos establecidos na normativa estatal e comunitaria que resulte de aplicación.

d) O seguimento e a coordinación dos asuntos que se traten no Grupo Interconferencias Sectoriais de Preparación do Consello de Ministros da Unión Europea de Política Social, Sanidade e Consumidores, do cal forma parte a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como o estudo e a compilación da normativa comunitaria existente en materia de emprego e a busca daqueles proxectos existentes en materia de cooperación territorial europea nos cales a consellería poida participar.

TÍTULO III
Órganos territoriais

Artigo 62. Organización e funcións

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Economía, Emprego e Industria organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións nas áreas competenciais da devandita consellería no ámbito territorial da provincia correspondente, de conformidade coa normativa de aplicación, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito, de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

2. Á fronte das xefaturas territoriais estarán os/as xefes/as territoriais, dos/das cales dependerán todos os servizos, unidades ou centros da Consellería que radiquen no ámbito territorial da súa competencia. As persoas titulares das xefaturas territoriais dependerán funcionalmente do/da conselleiro/a, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar dos órganos superiores e de dirección da Consellería, e exercerán as seguintes funcións:

a) A dirección, despacho e resolución dos asuntos ordinarios.

b) A coordinación dos servizos e unidades que a integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamentos do departamento territorial.

d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais do departamento territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.

g) A xefatura inmediata do persoal respecto de todos os órganos e servizos que integran o departamento, sen prexuízo das competencias que nesta materia correspondan ás persoas titulares das delegacións territoriais e aos correspondentes órganos da Consellería.

h) A resolución dos recursos administrativos que correspondan.

i) A imposición das sancións que, de acordo coas disposicións vixentes en materia sancionadora, lles correspondan.

j) A tramitación e resolución das reclamacións administrativas que correspondan.

k) A tramitación dos expedientes expropiatorios.

l) Cantas outras funcións lles sexan expresamente atribuídas ou delegadas.

3. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, os/as xefes/as territoriais serán substituídos/as polas persoas titulares das xefaturas de servizo, seguindo a orde de prelación establecida no número 1 do artigo 63.

Artigo 63. Estrutura

1. Para o exercicio das súas funcións, as xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contarán coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica.

b) Servizo de Administración Industrial.

c) Servizo de Enerxía e Minas.

d) Servizo de Emprego e Economía Social.

e) Servizo de Orientación e Promoción Laboral.

2. As xefaturas de servizo dependerán funcionalmente dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Economía, Emprego e Industria dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada centro directivo, sen prexuízo da coordinación xeral que exerza o/a xefe/a territorial, do/da cal, se for o caso, dependan organicamente.

A Secretaría Xeral Técnica poderá ditar instrucións sobre as materias de ámbito horizontal da consellería, para a debida coordinación dos distintos servizos dos departamentos e un adecuado seguimento na execución orzamentaria, sen prexuízo das funcións que neste ámbito poidan corresponder aos/ás delegados/delegadas territoriais.

Artigo 64. Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica

Este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa do funcionamento dos servizos dependentes da xefatura territorial.

b) A habilitación e xestión do persoal que preste servizos na xefatura territorial e nos centros dependentes.

c) As cuestións de réxime interior, información e atención ao/á cidadán/a, rexistro xeral, publicacións, tramitación administrativa, arquivo e inventario de bens.

d) A execución de actuacións de inspección da organización e o funcionamento dos servizos administrativos da xefatura territorial.

e) Prestar asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao/á xefe/a territorial.

g) O control contable, a xestión e xustificación dos créditos que se lle asignen ou desconcentren.

h) A elaboración do estudo do anteproxecto de orzamento anual correspondente aos programas de gasto da xefatura territorial e dos centros dela dependentes.

i) A coordinación e supervisión da xestión económica dos servizos da xefatura territorial e dos centros del dependentes.

j) A administración, control contable, xestión e xustificación dos créditos desconcentrados e asignados á xefatura territorial.

k) A habilitación dos medios materiais.

l) A tramitación dos expedientes de contratación.

m) Calquera outro asunto que non sexa de competencia específica dos demais servizos da xefatura territorial.

Artigo 65. Servizo de Administración Industrial

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Administración Industrial exercerá as funcións relacionadas co rexistro, autorización e inspección de actividades e instalacións industriais e coa capacitación profesional dos/as instaladores/as e das empresas instaladoras.

Artigo 66. Servizo de Enerxía e Minas

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Enerxía e Minas exercerá as funcións relacionadas coas autorizacións de execución e posta en funcionamento das instalacións de produción e distribución de enerxía, así como a inspección e supervisión do cumprimento das condicións técnicas e legais destas instalacións e a coordinación do seu funcionamento no seu ámbito territorial.

Así mesmo, exercerá as funcións relacionadas coa inspección mineira e a xestión do dominio público mineiro no seu ámbito territorial.

Artigo 67. Servizo de Emprego e Economía Social

Desenvolverá as funcións propias da Secretaría Xeral de Emprego no respectivo ámbito territorial, entre elas a instrución e tramitación dos expedientes sancionadores na orde social que lle correspondan.

Así mesmo, asume a coordinación cos/as xefes/as dos centros provinciais do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral nos supostos de investigación de accidentes laborais e naqueloutros asuntos que se determinen.

Artigo 68. Servizo de Orientación e Promoción Laboral

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral no respectivo ámbito territorial.

Artigo 69. Servizos da Xefatura Territorial de Pontevedra con sede en Vigo

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria contará cos seguintes Servizos na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo que exercerá funcións en todo o ámbito provincial baixo a dependencia orgánica da Xefatura Territorial de Pontevedra:

a) Servizo de Coordinación Industrial.

b) Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica.

c) Servizo de Emprego e Economía Social.

d) Servizo de Orientación e Promoción Laboral.

Disposición adicional primeira. Substitución das persoas titulares de determinados órganos

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares da Secretaría Xeral de Emprego e direccións xerais das áreas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, como a continuación se indica:

a) As persoas titulares da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e da Dirección Xeral de Comercio serán suplidas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

b) A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego será suplida pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, e viceversa. Na súa ausencia, asumirá a suplencia a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Disposición adicional segunda. Competencias en materia de estatística

O exercicio das competencias que este decreto outorga aos distintos órganos da Consellería de Economía, Emprego e Industria entenderanse sen prexuízo das atribuídas ao Instituto Galego de Estatística.

Disposición adicional terceira. Referencias normativas a outros órganos

As referencias que a normativa vixente realiza aos órganos correspondentes nas materias recollidas no artigo 1 deste decreto entenderanse efectuadas aos correspondentes órganos da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

As alusións contidas na normativa vixente á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e á Dirección Xeral de Emprego e Formación entenderanse realizadas en diante á Secretaría Xeral de Emprego e á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, respectivamente.

Disposición adicional cuarta. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa denominación varíe como consecuencia do disposto no presente decreto.

Disposición adicional quinta. Cambios de denominación ou dos contidos funcionais dos órganos directivos

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir ao persoal funcionario que ocupaba o posto existente o posto equivalente que figura neste decreto. No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

2. Quedan derrogadas as disposicións do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, no que resulten afectadas por este decreto.

3. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria