Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 7 de decembro de 2015 Páx. 45882

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 178/2015, do 26 novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Constitución prevé, conforme unha descentralizada distribución de poderes, a participación no exercicio do poder constituído de entidades territoriais de distinto rango. Iso implica que as comunidades autónomas asumiron, con carácter exclusivo ou ben compartido co Estado, un conxunto de funcións públicas que supoñen a existencia dun ámbito material propio de actuación.

Encomendouse así constitucional e estatutariamente ás comunidades autónomas a realización de tarefas de notable amplitude e relevancia na vida económica e social. E para levar a cabo correctamente as funcións que teñen atribuídas, as comunidades autónomas han realizar determinadas actividades, non xa só fóra do seu territorio senón mesmo fóra dos límites territoriais de España.

Ben que a Constitución recoñece no seu artigo 149.1.3 como competencia exclusiva atribuída ao Estado as relacións internacionais, este artigo foi obxecto dunha dispar interpretación en varias sentenzas do Tribunal Constitucional. O propio Tribunal Constitucional recoñece que a posibilidade de que as comunidades autónomas leven a cabo actividades que teñan unha proxección exterior debe entenderse limitada a aquelas que, sendo necesarias, ou polo menos convenientes, para o exercicio das súas competencias, non impliquen o exercicio dun ius contrahendi, non orixinen obrigas inmediatas fronte a poderes públicos estranxeiros, non incidan na política exterior do Estado, e non xeren responsabilidade deste fronte a Estados estranxeiros ou organizacións inter ou supranacionais. Neste ámbito foi concluínte a doutrina asentada desde a Sentenza 165/1994, do 26 de maio, do Tribunal Constitucional.

Neste sentido, e a pesar de carecer dunha normativa xeral sobre a materia, nestes últimos anos a Xunta de Galicia demostrou un crecente interese pola acción exterior como complemento das competencias internas que lle son propias, sobre todo no tocante á promoción socioeconómica. Non pode ser doutro modo, xa que estamos inmersos nun proceso de globalización que demanda este tipo de actividades para o fomento e defensa dos intereses galegos.

Cabe resaltar, neste sentido, que a propia Unión Europea creou mecanismos para facilitar a participación de entes subestatais no deseño das súas políticas públicas e, con iso, acreditou o recoñecemento da súa capacidade de acción supraestatal, entre os cales destaca o Comité das Rexións e a posibilidade de que representantes autonómicos poidan participar nas reunións do Consello da Unión Europea, así como a posibilidade de acceder aos comités da Comisión Europea e aos grupos de traballo do Consello.

Non obstante, pode dicirse que o ano 2014 supuxo un punto de inflexión no marco xurídico desta materia, xa que o Estado, que non efectuara o desenvolvemento normativo das competencias que ten recoñecidas no artigo 149.1.3 da Constitución, aprobou dúas normas fundamentais e innovadoras, como son a Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado, e a Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais. Ambas as dúas leis introducen importantes reformas, que, pola súa vez, establecen unha serie de novos protocolos de actuación e requisitos que é preciso cumprir en Galicia e que atinxen, entre outras, a Administración autonómica.

Valorando que na actualidade se conta cunha grande experiencia acumulada, como consecuencia da participación de Galicia nos mecanismos da Unión Europea e da proxección das súas propias competencias substantivas fóra de España, o Goberno galego, consciente do cambio producido e constatando a crecente importancia da proxección internacional de Galicia, considerou prioritaria a regulación integral da súa actividade exterior, co obxectivo de facilitar a súa coordinación interna e co Estado, así como atender puntualmente as conseguintes obrigas derivadas deste novo marco normativo.

Este decreto articúlase en oito capítulos. No capítulo preliminar establécense os principios xerais, inclúense as definicións dos principais conceptos manexados na norma e dáse nova regulación ao Consello de Acción Exterior (Caex) como órgano colexiado de traballo, asesor da Xunta de Galicia en materia de acción exterior, e tamén como órgano básico de coordinación da acción exterior galega.

A continuación, no capítulo primeiro regúlase a planificación e elaboración da Estratexia galega de acción exterior, definida como plan en que se concretarán as prioridades que interesen ou preocupen a sociedade galega, facendo especial fincapé na promoción da lingua, cultura e imaxe de Galicia, na defensa dos dereitos e expectativas da diáspora galega nos Estados en que estiver asentada, na promoción da empresa e a economía galegas no exterior e no estreitamento do vínculo con Portugal e coa comunidade lusófona de nacións.

Os dous capítulos seguintes dedícanse, respectivamente, á participación da Xunta de Galicia no ámbito institucional da Unión Europea e á acción exterior galega á marxe das institucións e órganos da UE. Quíxose sistematizar e actualizar, adaptándoos á nosa realidade, diferentes acordos alcanzados coa Administración xeral do Estado, para impulsar a nosa participación na armazón da UE, e abórdanse as cuestións relativas ás delegacións exteriores da Xunta de Galicia, en liña co novo marco xurídico estatal.

Pola súa situación e pola existencia dunha evidente afinidade cultural e histórica, resérvase todo o capítulo cuarto á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e á Lusofonía. Así, defínese mellor a participación de Galicia na Comunidade de Traballo Galicia-Rexión Norte de Portugal, creada en 1991 ao abeiro do Convenio marco europeo sobre cooperación transfronteiriza entre comunidades e autoridades territoriais do Consello de Europa. Esta foi a primeira comunidade de traballo creada na Península Ibérica e é, por tanto, todo un referente no noso país en materia de cooperación institucional transfronteiriza, liña pioneira que seguiu reforzándose coa creación tamén da primeira agrupación europea de cooperación territorial (AECT) na Península Ibérica, forma xurídica institucionalizada polo Regulamento CE nº 1082/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006.

O capítulo quinto regula o protocolo que se seguirá para dar cumprimento ás obrigas de comunicación establecidas na nova norma estatal en relación cos desprazamentos ao exterior da persoa titular da Presidencia e das persoas titulares das consellerías da Xunta de Galicia. Ao mesmo tempo, quíxose introducir un procedemento aplicable a outras autoridades autonómicas galegas para aliñar as premisas da Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado co Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de xullo de 2014, publicado no Diario Oficial de Galicia número 179, do 19 de setembro, por Resolución do 8 de setembro de 2014, conxunta da Dirección Xeneral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública, polo que se aproba o Código ético institucional da Xunta de Galicia, que inclúe as viaxes oficiais ao exterior.

Os capítulos sexto e sétimo abordan os acordos con entidades públicas do exterior e a participación autonómica en delegacións españolas no exterior e na negociación de tratados, respectivamente, incluíndo neles unha regulación detallada de ambas as dúas cuestións para facilitar o cumprimento das obrigas establecidas na Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais.

O presente decreto dítase no exercicio da competencia autonómica exclusiva en materia de organización das súas institucións de autogoberno recoñecida no artigo 27.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, e de acordo co disposto nos seus artigos 7 e 35, dentro do marco lexislativo ditado polo Estado no exercicio da súa competencia exclusiva en materia de relacións internacionais, establecida no artigo 149.1.3ª da Constitución española, e de dirección da política exterior, atribuída no artigo 97, nos termos sinaladas pola doutrina do Tribunal Constitucional.

En consecuencia, de conformidade co exposto, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de novembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

CAPÍTULO PRELIMINAR
Obxecto, principios básicos e suxeitos da acción exterior galega

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto a sistematización, regulación e coordinación da acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coa Constitución española, co Estatuto de autonomía galego e cos tratados e acordos internacionais que incidan sobre competencias da Comunidade Autónoma, así como coa Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado, e a Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais, ademais de coas restantes normas concorrentes en materia de acción exterior, en consonancia coas respectivas competencias da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Principios

A acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia aterase nas súas iniciativas e actuacións aos seguintes principios básicos:

a) O acatamento da distribución competencial prevista polo bloque da constitucionalidade e da xerarquía normativa, de conformidade coa orde constitucional vixente.

b) O respecto das competencias no ámbito exterior que sexan propias da Administración xeral do Estado e da Unión Europea, segundo o principio de atribución.

c) A estrita observancia e o fomento dos dereitos humanos, segundo os definen os tratados e outros acordos internacionais subscritos por España.

d) A defensa dos cidadáns galegos emigrados no exterior da nosa comunidade e dos seus descendentes, dos cidadáns galegos residentes no exterior, e das comunidades galegas e resto de entidades da galeguidade que os representan.

e) A promoción exterior da lingua e a cultura galegas, con especial incidencia naquelas nacións onde se asentasen comunidades galegas.

f) O amparo dos dereitos e intereses das empresas e operadores socioeconómicos galegos no exterior.

g) A adaptación ao ámbito internacional e aos cambios que nel se xeran, co fin de mellorar a nosa competitividade para preservar o benestar da sociedade galega e os servizos públicos dos que é merecente a súa cidadanía.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos desta norma, entenderase por:

a) Exterior: espazo de soberanía que excede o marco territorial da exercida polo Reino de España, de conformidade co dereito internacional.

b) Acción exterior galega: conxunto sistémico e integrado das actuacións das administracións públicas galegas, tanto autonómica como locais, institucionais e corporativas, e dos organismos, entidades, sociedades e institucións públicas delas dependentes, levadas a cabo no exterior, no exercicio das súas respectivas competencias, desenvolvidas de acordo con este decreto e a planificación estratéxica da Xunta de Galicia na materia.

c) Galeguidade: dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaborar e a compartir a vida social e cultural do pobo galego. Por extensión, o dereito dos galegos emigrados e do resto de cidadáns galegos residentes fóra de Galicia a compartir a vida social e cultural do pobo galego.

d) Acordo internacional administrativo: acordo de carácter internacional non constitutivo de tratado que é celebrado por órganos, organismos ou entes dun suxeito de dereito internacional competentes por razón da materia, cuxa celebración está prevista no tratado que executa ou concreta e cuxo contido habitual é de natureza técnica, calquera que sexa a súa denominación, e que se rexe polo dereito internacional. Non constitúe acordo internacional administrativo o celebrado por eses mesmos órganos, organismos ou entes cando se rexe por un ordenamento xurídico interno.

e) Acordo internacional non normativo: acordo de carácter internacional non constitutivo de tratado nin de acordo internacional administrativo celebrado pola Xunta de Galicia, en tanto que executivo da Comunidade Autónoma galega, ou as entidades locais galegas, as universidades públicas galegas e calquera outro suxeito de dereito público radicado en Galicia con competencia para iso, como poden ser as cámaras de comercio ou os colexios profesionais galegos, que conteña declaracións de intencións ou estableza compromisos de actuación de índole política, técnica ou loxística, e non constitúa fonte de obrigas internacionais nin se rexa polo dereito internacional.

f) Memorando de entendemento: forma escrita que adoptará todo acordo internacional non normativo subscrito por unha Administración pública galega, sexa a autonómica ou calquera local, as universidades públicas galegas ou outros suxeitos de dereito público radicados en Galicia con competencia para iso, onde se detallará a natureza, identidade, nacionalidade, competencia e lexitimación de todas as administracións ou entidades subscritoras, a súa idónea representación, no cal se salientarán os diarios ou documentos oficiais onde conste esta, a exposición das razóns e obxectivos do acordo e o detalle dos apartados que precisen os puntos concretos do concerto de vontades alcanzado, especificando, ademais, a súa proxección temporal, o medio de aclarar dúbidas interpretativas ou encher as súas lagoas, a determinación dos custos inducidos e o seu financiamento, os idiomas empregados nas distintas versións lingüísticas, detallando se hai ou non unha versión auténtica que prevaleza e concluíndo coa sinatura das persoas representantes no lugar e data convidos, plasmada en, polo menos, tantas copias como persoas representadas houber e versións lingüísticas se acordaren.

Artigo 4. Suxeitos da acción exterior galega

Son suxeitos da acción exterior galega:

a) O Parlamento de Galicia, nas súas relacións coa Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), co Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa (CPLRE) ou con outros parlamentos análogos de Estados federados, rexións ou provincias doutros Estados, tanto da Unión Europea como de terceiros Estados. O Parlamento non queda sometido ás determinacións detalladas no presente decreto.

b) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que atinxe á proxección exterior das competencias estatutarias ou outorgadas pola pertinente Lei orgánica, sendo responsable da coordinación e coherencia da planificación estratéxica da acción exterior galega coa da Administración xeral do Estado.

c) As entidades locais galegas, nas súas relacións con entes análogos doutros Estados, observando as directrices emanadas da Xunta de Galicia, en liña coa súa planificación estratéxica e coa da Administración xeral do Estado.

d) As universidades públicas galegas, nas súas relacións con universidades ou autoridades educativas doutros Estados, observando as directrices emanadas da Xunta de Galicia, en liña coa súa planificación estratéxica e coa da Administración xeral do Estado.

e) As restantes corporacións e entidades de dereito público con sede en Galicia e sometidas á lexislación autonómica galega, como acontece coas cámaras de comercio e os colexios profesionais, observando as directrices emanadas da Xunta de Galicia, en liña coa súa planificación estratéxica e coa da Administración xeral do Estado.

f) Os entes instrumentais dotados de personalidade xurídica propia, dependentes de calquera dos suxeitos arriba citados, agás os catalogados como parlamentarios, calquera que for tamén a súa forma ou tipoloxía xurídica, que observarán igualmente as directrices emanadas da Xunta de Galicia, en liña coa súa planificación estratéxica e coa da Administración xeral do Estado.

g) Os actores galegos de dereito privado que colaboren voluntariamente coa Xunta de Galicia na execución da planificación estratéxica da acción exterior galega, como é o caso das organizacións empresariais, sindicais e profesionais, das organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento, asociacións e agrupacións de exportadores ou de entidades que aglutinen as comunidades galegas ou as sociedades e asociacións de estudos internacionais con sede en Galicia.

Artigo 5. Consello de Acción Exterior de Galicia

1. A Xunta de Galicia dotarase dun Consello de Acción Exterior de Galicia (Caex), como órgano colexiado de traballo, asesor da Xunta de Galicia en materia de acción exterior e como órgano básico de coordinación da acción exterior galega, adscrito á Consellería que concentre as competencias e funcións primordiais en materia de acción exterior.

2. A misión asesora do Caex será de carácter non vinculante para a Xunta de Galicia, e versará sobre o deseño das estratexias, plans e programas necesarios no campo da acción exterior, coa finalidade de aglutinar esforzos, coordinar as actuacións público-privadas, reforzar a imaxe de Galicia no mundo e consolidar no tempo a súa acción exterior.

3. Para conseguir estes fins o Caex desenvolverá as seguintes funcións:

a) Identificar necesidades, obstáculos e oportunidades para a Acción Exterior de Galicia.

b) Fomentar a interacción, coordinación e colaboración entre o sector público autonómico, as entidades locais e as universidades públicas galegas, a empresa privada e a sociedade civil para o desenvolvemento da acción exterior de Galicia.

c) Xerar ideas para o deseño e desenvolvemento da estratexia, plans e programas de acción exterior de Galicia.

d) Realizar estudos e informes por petición da Presidencia.

4. A composición do Caex será a seguinte:

a) Presidencia de honra: a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

b) Presidencia: a persoa titular da consellería que concentre as competencias e funcións primordiais en materia de acción exterior.

c) Vicepresidencia: a persoa titular da dirección xeral ou asimilada competente en materia de acción exterior e relacións coa Unión Europea.

d) Secretaría: unha persoa funcionaria de carreira da citada dirección xeral.

e) Vogais:

1º. A persoa titular da consellería competente en materia de economía, ou autoridade en que delegue.

2º. A persoa titular da consellería competente en materia de educación e cultura, ou autoridade en que delegue.

3º. A persoa titular da consellería competente en materia de asuntos marítimos, ou autoridade en que delegue.

4º. A persoa titular da Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.

5º. A persoa titular da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

6º. A persoa titular do centro directivo competente en materia de emigración.

7º. A persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

8º. A persoa titular do centro directivo autonómico competente en materia de comercio.

9º. A persoa titular do centro directivo ou entidade autonómica competente en materia de turismo.

10º. A persoa titular do centro directivo autonómico competente no concernente á promoción da lingua galega.

11º. A persoa titular do centro directivo competente en materia de Administración local.

12º. Un representante do Consello de Comunidades Galegas.

13º. A persoa titular da Presidencia do Consello da Cultura Galega.

14º. Unha persoa en representación das Federación Galega de Municipios e Provincias.

15º. Unha persoa en representación do Sistema Universitario de Galicia.

16º. Unha persoa en representación da Confederación de Empresarios de Galicia.

17º. Unha persoa en representación das organizacións sindicais máis representativas.

18º. Unha persoa en representación de entidades galegas de estudos internacionais.

19º. Unha persoa en representación das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento galegas.

20º. Unha persoa en representación das entidades que participen en redes de cooperación transfronteiriza e/ou interrexional.

21º. Ata tres personalidades galegas de recoñecido prestixio no ámbito internacional.

5. Na composición do Consello de Acción Exterior de Galicia procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

6. A duración do mandato dos membros do Caex será por un período de catro anos.

7. Poderán participar nas reunións os/as titulares dos órganos superiores e directivos dos departamentos da Xunta de Galicia que convoque a persoa titular da Presidencia do Caex en función dos asuntos que se vaian tratar, para que expoñan os proxectos e iniciativas correspondentes ao seu ámbito de competencias.

Así mesmo, poderá asistir ás reunións do Caex ou dos grupos de traballo que o integren, de conformidade co que dispoña o seu regulamento de réxime interior, o persoal técnico ou experto nas cuestións que se traten.

8. O Caex poderá funcionar en pleno ou nas subcomisións ou grupos de traballo que se creen, que se reunirán coa periodicidade que determine o réxime de sesións que se estableza no seu regulamento de funcionamento. En calquera caso:

a) O pleno reunirase, polo menos, unha vez ao ano, e sempre que o requira o exercicio das súas funcións.

b) O Caex aprobará o seu regulamento de réxime interior, no cal se preverá a posibilidade de crear subcomisións e grupos de traballo, organizados por especialidades. En todo o non previsto no seu regulamento de réxime interior, o réxime de funcionamento do Caex será o establecido para os órganos colexiados na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 16 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia.

c) Os/as vogais do Caex poderán delegar a súa intervención e voto, sempre por causa xustificada, logo de comunicación á secretaría deste.

d) A pertenza ao Caex non outorgará dereito a ningunha remuneración, coa excepción das axudas de custo e indemnizacións que poidan corresponder de acordo coa normativa en vigor.

9. O Caex elaborará con carácter periódico unha memoria sobre as actividades desenvolvidas en cumprimento das súas funcións, que poderá ser publicada pola Xunta de Galicia.

10. A Consellería que aglutine as competencias e funcións primordiais en materia de acción exterior facilitará os recursos humanos e materiais necesarios ou de apoio para coadxuvar no funcionamento do Caex, sen que se xere un incremento do orzamento que ten asignado.

CAPÍTULO I
Planificación da acción exterior galega

Artigo 6. Inicio da planificación

1. A Estratexia galega de acción exterior (Egaex) será o documento de planificación integral da acción exterior de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, que prelacione os obxectivos estratéxicos, tanto materiais coma xeográficos e ordene e rexa as diversas iniciativas sectoriais na materia, dotándoas de congruencia e coherencia, aproveitando as súas complementariedades e velando pola eficiencia no uso dos recursos públicos, co obxecto de maximizar os retornos socioeconómicos e culturais para a Comunidade Autónoma.

2. O centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior elaborará un borrador de estratexia atendendo aos previos documentos de planificación da Xunta de Galicia que tivesen unha proxección exterior e á vixente estratexia española, así como considerando as achegas das consellerías, entidades, organismos, institucións e expertos con intereses e experiencia na materia.

Artigo 7. Informe do Consello de Acción Exterior de Galicia

O borrador da Estratexia de acción exterior de Galicia será sometido ao Caex para o seu informe, segundo o previsto no artigo 5 do presente decreto. Á vista do devandito informe, o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior poderá modificar o borrador. Este borrador trasladarase ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación co fin de que efectúe as recomendacións que considere pertinentes.

Artigo 8. Información ao Parlamento de Galicia

Tras a consideración da Estratexia polo Caex, a persoa titular do centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior informará o Parlamento de Galicia na comisión competente da Cámara, podendo modificar o texto á luz das súas valoracións.

Artigo 9. Aprobación polo Consello da Xunta

Á vista do conxunto dos informes e alegacións previos a este, a Xunta de Galicia aprobará como plan a Estratexia galega de acción exterior, que se publicará no portal da internet da súa propiedade, e daralle igualmente traslado oficial ao Ministerio español de Asuntos Exteriores e de Cooperación.

Artigo 10. Revisión da Estratexia galega de acción exterior

1. Por proposta motivada dun terzo dos membros do Caex, e tras a súa deliberación e votación, a Xunta de Galicia deberá avaliar a necesidade de iniciar a revisión da estratexia vixente para adaptala a un novo contexto, logo do informe do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

2. De forma ordinaria, con polo menos seis meses de antelación a que expire o prazo de vixencia previsto da estratexia en curso, o centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior iniciará os trámites de revisión desta.

3. En tanto non sexa aprobada unha nova estratexia, o Consello da Xunta de Galicia poderá prorrogar a que estiver vixente, por períodos que oscilarán entre seis meses e un ano, ata que se poida aprobar con todos os trámites indispensables a nova estratexia. Se o executivo autonómico estiver en funcións, entenderase prorrogada tacitamente a estratexia en vigor por un período de seis meses, dentro do cal o novo executivo poderá prorrogala, pola súa vez, ata que se formalice unha nova estratexia galega de acción exterior.

Artigo 11. Participación de Galicia na Estratexia española de acción exterior

1. A Xunta de Galicia manterá unha comunicación fluída e directa co Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, co fin de que este inclúa na Estratexia española de acción exterior as prioridades que interesen ou preocupen a sociedade galega, facendo especial fincapé na promoción da lingua, cultura e imaxe de Galicia, na defensa dos dereitos e expectativas da diáspora galega nos Estados en que estiver asentada, na promoción da empresa e a economía galegas no exterior e no estreitamento do vínculo con Portugal e coa comunidade lusófona de nacións.

2. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería que concentre as competencias e funcións primordiais en materia de acción exterior, aprobará mediante acordo o documento que recolla as achegas galegas á Estratexia española de acción exterior, logo de consulta ao Caex e ás restantes consellerías.

CAPÍTULO II
Acción exterior galega nas institucións e órganos da Unión Europea

Artigo 12. Ámbito competencial

1. Corresponde ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia o impulso, tramitación e seguimento das actuacións que desenvolvan os diferentes departamentos da Xunta de Galicia no ámbito da Unión Europea, tanto no que se refire á presenza directa nos seus órganos e institucións como á participación nos asuntos europeos, sen prexuízo das competencias sectoriais que a cada departamento correspondan.

2. Para o efectivo seguimento das actuacións da Xunta de Galicia na Unión Europea, no que respecta a este capítulo, deberá designarse, no prazo de dous meses desde a publicación deste decreto, unha persoa responsable nos ámbitos da Presidencia e de cada consellería, preferentemente con rango de vicesecretaría ou subdirección, con coñecemento doutros idiomas europeos, para exercer de punto de contacto co citado centro directivo, respecto aos asuntos da Unión aquí regulados.

Artigo 13. Consello da Unión Europea

1. A Xunta de Galicia poderá participar nas formacións sectoriais do Consello da Unión Europea (en diante Consello ou Consello da UE) en que sexa posible a participación das comunidades autónomas segundo os acordos adoptados entre a Administración xeral do Estado e as administracións autonómicas. A devandita participación, exercida a través das persoas titulares das distintas consellerías, realizarase en representación de todas as comunidades autónomas, integrándose dentro da delegación española e asumindo a coordinación do proceso previo ante aquelas e a concertación coa Administración xeral do Estado.

2. En aplicación do artigo 16.2 do vixente Tratado da Unión Europea (TUE) e dos acordos de participación autonómica antes citados, enténdese que cando a persoa titular dunha consellería interveña nunha reunión de calquera formación do Consello, a devandita persoa terá un rango asimilado ao ministerial.

3. A persoa titular da consellería que asista a unha reunión da formación sectorial do Consello informará inmediatamente, ao Consello da Xunta de Galicia das xestións realizadas, do resultado das negociacións e das posibles implicacións para Galicia, trasladando copia ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia.

4. Na súa intervención ante o Consello, a persoa titular da consellería poderá utilizar a lingua galega logo da solicitude realizada cunha antelación mínima de sete semanas, que será formalizada ante o Consello polo centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia, canalizada, pola súa vez, a través da Administración xeral do Estado.

5. Corresponderá ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia levar a cabo funcións de información, apoio, seguimento e cooperación na participación da persoa representante autonómica no Consello da UE, así como a coordinación e interlocución cos servizos da Administración xeral do Estado e da Representación Permanente de España ante a UE (Reper), no que respecta á realización dos trámites que posibiliten facer efectiva a devandita participación.

6. Para os efectos de facilitar o seguimento dos asuntos en cada exercicio de representación, a consellería competente poderá desprazar persoal técnico á oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas durante o tempo que dure a devandita representación. Este desprazamento estará sometido á normativa vixente en materia de función pública ou á normativa laboral, e amparándose na subscrición dun convenio de cooperación ou de calquera outro instrumento xurídico concertado previamente entre a Fundación Galicia Europa e a devandita consellería competente.

Artigo 14. Grupos de traballo do Consello

1. A Xunta de Galicia promoverá a participación do seu persoal técnico naqueles grupos de traballo do Consello, relacionados coas formacións sectoriais desta institución da Unión Europea, nas cales tiver dereito a participar, por si ou en coordinación coas restantes comunidades autónomas.

2. A participación efectiva, en representación de todas as comunidades autónomas, levarase a cabo mediante a incorporación á delegación española dun/dunha responsable técnico/a, designado/a pola persoa titular da consellería a quen corresponda exercer a participación autonómica no Consello por razón da materia. A devandita designación deberá ser notificada ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia.

3. Corresponderá á persoa responsable técnica designada o seguimento dos asuntos, a asistencia ás reunións, a coordinación a nivel técnico coa Administración xeral do Estado e das comunidades autónomas entre si, a preparación de informes e propostas de posición común e, en xeral, cantas outras sexan necesarias para garantir a efectiva representación autonómica. Para os únicos efectos de seguimento, a devandita persoa responsable deberá informar igualmente das súas actuacións ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Comités da Comisión Europea

1. A Xunta de Galicia promoverá a participación do seu persoal técnico naqueles comités da Comisión Europea en que tiver dereito a participar, por si ou en coordinación coas restantes comunidades autónomas, tras o preceptivo acordo coa Administración xeral do Estado.

2. Para cada un dos comités da Comisión Europea con participación autonómica, a consellería competente por razón da materia deberá designar unha persoa responsable sectorial que poida servir de interlocutora coas correspondentes persoas representantes estatais e/ou autonómicas, así como coas restantes persoas integrantes do respectivo comité, sendo obrigatorio informar de inmediato de calquera modificación ou cambio que se poida producir durante o tempo de vixencia do período de representación. A designación e posteriores cambios deberán notificarse ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia.

3. Cando nos asuntos sometidos aos devanditos comités da Comisión Europea os centros directivos se posicionen sobre estes, deberán trasladar copia do seu posicionamento ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior. Ao citado centro directivo corresponderalle levar a cabo funcións de información, apoio, seguimento e coordinación da participación autonómica nos comités.

4. Ao finalizar o período de representación, a persoa responsable sectorial autonómica representante autonómica concertará o traspaso coa persoa responsable sectorial da Comunidade Autónoma a quen corresponda asumir a vez no respectivo comité, e elaborará un informe final que deberá remitir ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Comité das Rexións

1. A Xunta de Galicia participa no Comité das Rexións a través dun membro titular e outro suplente, designados polo Consello da Unión Europea por proposta do órgano a que corresponda a suprema representación da Comunidade Autónoma de Galicia, canalizada, pola súa vez, a través da Administración xeral do Estado.

2. Dentro da Xunta de Galicia, a coordinación das actividades relacionadas coa participación no Comité das Rexións corresponde ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

3. A participación da Xunta de Galicia no Comité das Rexións concretarase, entre outros aspectos, na asistencia ás sesións plenarias, comisións e demais órganos que o integran; na realización de análises e a elaboración de ditames e presentación e/ou apoio de emendas. Para estes efectos, os proxectos de resolución ou ditame serán remitidos por correo electrónico desde o centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior aos departamentos autonómicos competentes por razón da materia, para a súa análise e conformidade ou desconformidade, ou para a proposta de emendas no prazo que se indique no escrito de remisión segundo o prazo que, pola súa vez, tiver outorgado o Comité das Rexións.

4. As propostas de emenda recibidas doutros membros do Comité das Rexións para solicitar o correspondente apoio galego serán remitidas polo centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior aos departamentos autonómicos competentes por razón da materia para a súa análise e conformidade ou desconformidade, sempre para pronunciarse no prazo que se indique no escrito de remisión segundo o prazo que, pola súa vez, tiver outorgado o Comité das Rexións.

5. Os membros titular e suplente da Xunta de Galicia poderán utilizar a lingua galega durante as sesións plenarias do Comité das Rexións, logo da solicitude realizada, como mínimo, sete semanas antes, que se formalizará ante o Comité por instancia do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de Acción Exterior da Xunta de Galicia, canalizada, pola súa vez, a través da Administración xeral do Estado.

Artigo 17. Comité Económico e Social Europeo

A Xunta de Galicia promoverá a participación de persoas representantes galegas no Comité Económico e Social Europeo dentro da delegación española, integrada por membros que representan os distintos intereses económicos, sociais e culturais. Para este fin, difundirá entre as entidades galegas susceptibles de participar no Comité Económico e Social Europeo o coñecemento deste e as súas actividades, coa asistencia e auxilio, se for preciso, do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Tribunal de Xustiza da Unión Europea

1. Nos supostos en que o permita a normativa procesual europea, cando resulten prexudicados os dereitos ou intereses lexítimos de Galicia, a Xunta de Galicia poderá solicitar intervir nas actuacións da Administración xeral do Estado nos asuntos relacionados co Tribunal de Xustiza da Unión Europea que afecten as súas competencias, solicitando mesmo a actuación do Reino de España coa súa propia personalidade e lexitimación xurídica cualificada ante o devandito tribunal ou calquera outro tribunal da Unión en defensa de Galicia.

2. Se a Xunta de Galicia considera que unha disposición ou acto adoptado por unha institución da Unión que poida producir efectos xurídicos debe ser impugnado polo Reino de España ante o Tribunal de Xustiza da UE ou calquera outro tribunal da Unión, por estar viciado de ilegalidade e afectar as súas competencias ou intereses, porao en coñecemento da Administración xeral do Estado nun prazo de vinte días naturais contados a partir da publicación ou notificación da disposición ou acto que pretenda impugnarse. Esta comunicación farase a través da persoa representante de Galicia que forme parte da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE).

3. Igualmente, se a Xunta de Galicia tiver interese en que o Reino de España interveña como coadxuvante nun procedemento ante o Tribunal de Xustiza ou calquera outro tribunal da Unión por entender que a sentenza que se poida ditar pode afectar as súas competencias, porao en coñecemento da Administración xeral do Estado, pola mesma canle precisada no número anterior, no prazo dun mes contado a partir da publicación do recurso no Diario Oficial de la Unión Europea ou no sitio oficial que determine alternativamente a Unión.

4. En caso de que a Xunta de Galicia considere que unha institución da Unión se abstivo de actuar, causándolle con iso un prexuízo a Galicia, poderá solicitar, a través da persoa representante que forme parte da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE), que o Reino de España requira a devandita institución para que actúe e, se for o caso, interpoña ante o Tribunal de Xustiza un recurso de inacción.

5. A Xunta de Galicia poderá solicitar ademais aos órganos competentes do Estado español calquera outra actuación xurídica ante o Tribunal de Xustiza ou ante calquera outro Tribunal da Unión que resulte de acordos subscritos entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas.

6. A representación, defensa e asesoramento xurídico nos asuntos que atinxan a Comunidade Autónoma de Galicia e que se traten ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, cando a normativa procesual aplicable o permita, corresponderán ao persoal letrado da Xunta de Galicia, axustándose á normativa de asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

Artigo 19. Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE)

1. A Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (en diante CARUE), fundamentada na Lei 2/1997, do 13 de marzo, pola que se regula a Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea, é o órgano principal de cooperación entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas para coordinar a participación destas nos asuntos da Unión. Na devandita conferencia, a Xunta de Galicia estará representada pola persoa titular da consellería competente en materia de acción exterior.

2. A persoa responsable do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia será a súa representante natural na Comisión de Coordinadores da CARUE, preparando os traballos e executando as tarefas que aquela lle confíe e cooperando e coordinándose coas persoas representantes da Administración xeral do Estado e das administracións das comunidades autónomas que nela participen.

3. Sen prexuízo das competencias específicas atribuídas ás distintas conferencias sectoriais de cooperación e coordinación entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, a Xunta de Galicia abordará no ámbito de CARUE todas aquelas cuestións prácticas relacionadas co exercicio da participación autonómica en asuntos da Unión, especialmente no referido ao Consello da Unión Europea, aos seus grupos de traballo, e aos comités da Comisión Europea. Así mesmo, a CARUE será o foro onde Galicia debaterá e negociará cando proceda a renovación de postos de conselleiros/as autonómicos/as dentro da Representación Permanente de España ante a Unión Europea (Reper).

Artigo 20. Do tratamento dos asuntos europeos nas conferencias sectoriais

1. Cando unha Consellería da Xunta de Galicia exerza a representación do resto de comunidades autónomas en calquera das formacións do Consello da Unión Europea, solicitará a inclusión dun punto singular sobre esta cuestión na orde do día nas reunións da conferencia sectorial correspondente, onde dea conta do alcance da participación, dos temas que se van tratar ou de calquera aspecto práctico que poida xurdir no exercicio da devandita representación.

2. Así mesmo, a devandita consellería presentará na súa respectiva conferencia sectorial un informe final cun balance dos resultados obtidos no exercicio da devandita representación e facilitará a transición da representación autonómica coa comunidade autónoma a que corresponda asumir a vez desa representación no Consello da Unión, trasladando copia de todo iso ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Grupo de Traballo de Asuntos Europeos e Acción Exterior

A persoa titular da consellería que concentre as competencias e funcións primordiais en materia de acción exterior designará as persoas representantes da Xunta de Galicia no Grupo de Traballo de Asuntos Europeos e Acción Exterior, encadrado na Comisión Bilateral de Cooperación entre a Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas persoas representantes reportarán as súas actividades a través do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia, coa periodicidade e exhaustividade que se determine.

CAPÍTULO III
Acción exterior galega á marxe das institucións e órganos da UE

Artigo 22. Fundamentos da acción exterior galega fóra da UE

1. A Xunta de Galicia desenvolverá a súa acción exterior fóra do ámbito institucional e orgánico da Unión Europea con pleno respecto á normativa española e da Unión, de conformidade co prescrito na Estratexia de acción exterior de España e na propia Estratexia galega de acción exterior.

2. A Xunta de Galicia velará para que os restantes suxeitos públicos da acción exterior galega observen igualmente a citada normativa e prescricións estratéxicas.

3. A Xunta de Galicia impulsará a participación de Galicia nas redes de cooperación territorial co fin de fortalecer o seu posicionamento a nivel internacional, favorecendo a defensa dos intereses globais conxuntos cos demais membros da rede. Ademais, incrementará os vínculos con aquelas asociacións e territorios con que Galicia garde complementariedades socioeconómicas ou histórico-culturais.

Artigo 23. Participación en organizacións rexionais

A Xunta de Galicia participará naqueles organismos rexionais que teñan como obxectivo a defensa dos intereses xerais das rexións fronteirizas e favorezan o desenvolvemento rexional e a cohesión territorial en Europa, especialmente na Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa (CRPM) e na Asociación Europea de Rexións Fronteirizas (ARFE).

Artigo 24. Delegacións e oficinas exteriores autonómicas

1. Terán a consideración de delegacións exteriores da Xunta de Galicia aquelas unidades administrativas radicadas fóra do territorio español que representen a Xunta de Galicia na súa integridade dentro do espazo xeográfico de referencia que se determine no seu acto de creación.

2. As delegacións exteriores da Xunta serán creadas por decreto do Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellería que exerza as competencias fundamentais de acción exterior na Administración autonómica, da cal dependerán para todos os efectos relacionados coa súa xestión. A consellería que exerza as competencias fundamentais de acción exterior velará pola idoneidade do proxecto e pola súa correspondencia coa Estratexia galega de acción exterior e dará curso do referido proxecto de decreto ao Ministerio español de Asuntos Exteriores e de Cooperación, segundo prevé a Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado.

3. Terán a consideración de oficinas exteriores as instalacións de traballo impulsadas por un ente xurídico-público autonómico dotado de personalidade propia, servidas por persoal directamente contratado polo devandito ente, sexa baixo réxime administrativo, laboral ou mercantil, de dereito español, e que acrediten a súa condición mediante a correspondente placa harmonizada, cuxa instalación debe autorizar en todo caso a consellería que exerza as competencias fundamentais de acción exterior.

4. As oficinas exteriores serán creadas mediante o correspondente acordo do ente xurídico-público que as impulse, previamente autorizadas por orde da consellería que exerza a tutela ou control sobre o referido ente, de cuxo proxecto dará conta á consellería que exerza as competencias fundamentais de acción exterior, que informará sobre a súa idoneidade e correspondencia coa Estratexia galega de acción exterior, e dará curso do proxecto ao Ministerio español de Asuntos Exteriores e de Cooperación, segundo prevé a Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado. Tras os trámites oportunos e dispoñendo dos informes preceptivos, a devandita orde de creación dunha oficina exterior será publicada no Diario Oficial de Galicia.

5. Non terán a consideración de oficinas de representación exterior os locais legalmente utilizados por meros axentes de promoción comercial ou de captación de investimentos, contratados especificamente para iso polo correspondente ente xurídico-público autonómico dotado de personalidade, sempre que os devanditos contratos se realizasen ao abeiro do ordenamento do Estado onde aqueles axentes teñan que realizar as súas xestións mercantís.

6. Tampouco terán a consideración de oficinas exteriores autonómicas as instalacións que ocupen axentes de promoción comercial ou de captación de investimentos ao servizo de intereses galegos que fosen contratados ou comisionados por entidades galegas de dereito privado que dispuxesen dalgunha axuda ou subvención autonómica para tal fin, debendo detallarse no acto de concesión da correspondente axuda ou subvención esta circunstancia.

7. Os entes xurídico-públicos autonómicos dotados de personalidade que manteñan oficinas exteriores ou realicen contratos en favor de axentes de promoción comercial ou de captación de investimentos informarán, ademais, en todo caso a consellería que exerza as competencias fundamentais de acción exterior na Administración autonómica con anterioridade á perfección deses contratos ou á apertura desas oficinas, remitindo un informe anual sobre o balance das actividades desenvolvidas.

8. Cando o ministerio competente ofreza á Xunta de Galicia a posibilidade e dispoñibilidade de instalar aquelas delegacións ou oficinas dentro dos locais do Servizo Exterior do Estado ou outras dependencias de titularidade pública española no exterior, a Xunta avaliará a idoneidade das condicións ofrecidas e dos custos que leve consigo o devandito ofrecemento nun prazo non superior a tres meses, transcorrido o cal se dará por desestimado o referido ofrecemento. Este prazo suspenderá o seu cómputo por un período non superior a outros tres meses se ambas as dúas administracións entran en negociacións para buscar alternativas físicas, xurídicas e/ou económicas que satisfagan as necesidades galegas para a futura delegación ou oficina. Exceptuarase a aplicabilidade deste apartado ás oficinas e locais empregados por axentes de promoción comercial ou de captación de investimentos dos números 5 e 7 deste artigo se os profesionais que resulten adxudicatarios destas promocións ou captación de investimentos tiveren sede ou espazos propios para realizar estas actividades neses países.

Artigo 25. Funcionamento das delegacións exteriores da Xunta de Galicia

1. Son funcións das delegacións da Xunta no exterior, naquelas materias en que a comunidade autónoma teña a competencia atribuída, integrando sempre a dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes:

a) Dar soporte ás altas autoridades da Comunidade Autónoma de Galicia e restantes actores ou suxeitos públicos da acción exterior galega no exercicio das súas atribucións, tanto nos seus desprazamentos á área xeográfica de referencia de cada delegación como realizando as xestións que aqueles lle encomenden.

b) Apoiar todas as actuacións dos departamentos autonómicos na área xeográfica de acción, de acordo coas directrices emanadas destes, co fin de canalizar e asegurar a colaboración oportuna naquelas materias da súa competencia.

c) Realizar estudos e informes de interese para Galicia sobre a situación e perspectivas da área xeográfica de referencia asignada.

d) Fomentar as relacións de Galicia coas institucións e órganos de goberno da súa área xeográfica de acción.

e) Impulsar as accións de promoción da cultura e lingua galegas, mantendo os nexos de galeguidade alí onde houber comunidades galegas establecidas.

f) Prestar apoio administrativo e institucional ás persoas emigrantes galegas e ás comunidades galegas no exterior. Deste xeito, estas delegacións terán a responsabilidade da coordinación, xestión e difusión, así como o control, seguimento e información dos programas dirixidos á emigración.

g) Prestar apoio ás accións de cooperación que, dentro da Acción Exterior de Galicia, a Xunta estableza no ámbito socioeconómico e de promoción do turismo.

h) Colaborar no seguimento e avaliación dos plans, programas e proxectos de cooperación ao desenvolvemento que se realicen na área xeográfica asignada.

i) Prestar asistencia técnica, orientación e información sobre Galicia e sobre a área xeográfica asignada aos axentes sociais alí situados, aos/ás galegos/as, aos seus descendentes, ás comunidades galegas que os/as representan e ás persoas interesadas que respectivamente llelo demanden.

j) Desempeñar as atribucións que lle sexan delegadas ou encomendadas polos órganos e entidades dependentes da Xunta de Galicia.

k) Calquera outra función e tarefa que lle sexan asignadas, sempre que resulten compatibles co obxecto especificado neste decreto.

2. Á fronte de cada delegación exterior haberá unha persoa titular nomeada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería que exerza as competencias fundamentais de acción exterior na Administración autonómica.

3. As delegacións estrutúranse nas áreas funcionais que se establezan no seu decreto de creación, respectando en todo caso o principio de unidade de acción baixo as ordes directas da persoa titular da delegación, quen exercerá a xefatura do persoal, así como as competencias que lle sexan delegadas ou encomendadas.

4. A persoa titular da delegación velará polo cumprimento das directrices emanadas da Xunta de Galicia, transmitidas a través da consellería que exerza as competencias fundamentais de acción exterior na Administración autonómica, que establecerá as normas internas de funcionamento da delegación, de acordo coas instrucións que para tal efecto dite con esta finalidade a mesma consellería.

5. A persoa titular da delegación poderá contratar persoal local in situ sometido ao ordenamento do Estado onde estiver a sede, dentro dos límites que lle determine a consellería que exerza as competencias fundamentais de acción exterior na Administración autonómica. Será necesaria autorización previa dos centros directivos competentes en materia de función pública e orzamentos para proceder á contratación de persoal fixo ou temporal. O persoal empregado público ao servizo da Xunta de Galicia, dos seus organismos autónomos e entes de dereito público desprazado ás delegacións exteriores terá dereito ás retribucións básicas e complementarias que lle corresponda no seu posto de orixe de acordo co seu corpo, grupo e categoría, sen prexuízo do dereito á percepción das indemnizacións, axudas de custo e aplicación de coeficientes por razón de servizo que poidan corresponderlle por residencia no estranxeiro.

6. En cada delegación exterior existirá unha oficina de rexistro da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO IV
A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Lusofonía

Artigo 26. Ámbito da Eurorrexión

Para os efectos do presente decreto, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é a constituída pola suma do territorio e augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia e da Rexión Norte de Portugal.

Artigo 27. Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal

1. A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal organízase desde a vertente galega e en sintonía coas autoridades portuguesas a través da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, constituída paritariamente por representantes da Xunta de Galicia e da Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal –Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N)– e que adopta as súas decisións por consenso.

2. A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal tamén pode integrar no seu seo outras institucións que traballen a favor da cooperación transfronteiriza na Eurorrexión, nos termos que acorde a propia Comunidade de Traballo.

3. A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal auto-organízase con plena autonomía, respectando en todo caso o que determinen os ordenamentos da Unión Europea, portugués, español e galego. A súa presidencia e vicepresidencia son rotatorias por períodos de dous anos, e son exercidas respectiva e alternamente pola persoa titular da Presidencia da CCDR-N e pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

4. A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal executa as súas tarefas a través da Presidencia bianual rotatoria que corresponda, que exerce, ademais, a súa representación.

5. Os diferentes regulamentos de réxime interior da Comunidade de Traballo determinarán a composición, atribucións e funcionamento dos diversos órganos da Comunidade de Traballo, e o seu órgano supremo é o Plenario desta.

6. O Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal agrupa as persoas representantes sectoriais de ambas as dúas administracións e as administracións locais, os grupos de traballo específicos que se determinen, as comunidades territoriais de cooperación que acorden os municipios conveciños de Galicia e da rexión Norte de Portugal, e os órganos asesores especializados que a asistan.

7. A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal determina as orientacións xerais e as pautas políticas da cooperación territorial e transfronteiriza no ámbito da Eurorrexión.

8. Corresponde á Comunidade de Traballo coordinar e propoñer ao Cumio Bilateral Hispano-Portugués e á Comisión de Límites as distintas prioridades que, en materia de cooperación transfronteiriza con Portugal, se queiran elevar a estes organismos para que sexan tidas en conta nas súas respectivas convocatorias. Para tal fin e co obxectivo de unificar e de consensuar as diferentes propostas das consellerías e departamentos autonómicos, a Comunidade de Traballo solicitará os informes, plans e proxectos que se deban ter en conta para que sexan abordados polos gobernos de España e Portugal.

9. A coordinación entre a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e as administracións e autoridades públicas galegas corresponderá ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Xunta de Galicia.

Artigo 28. Galicia-Norte de Portugal, Agrupación europea de cooperación territorial (GNP-AECT)

1. A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal posúe ao seu servizo como instrumento preferente para executar as actuacións convidas para a cooperación luso-galaica de base territorial e transfronteiriza a entidade Galicia-Norte de Portugal, Agrupación europea de cooperación territorial (en diante GNP-AECT), institución creada ao abeiro do dereito da Unión Europea, cuxa constitución queda acreditada no Diario Oficial de la Unión Europea, serie S, do 3 de xaneiro de 2009, baixo a referencia 2009/S 1-001310.

2. GNP-AECT caracterízase como unha persoa xurídico-pública constituída pola República Portuguesa, a través da súa Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal-Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N), e pola Xunta de Galicia, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1082/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, sobre a Agrupación europea de cooperación territorial (AECT), e está, por conseguinte, á marxe do sector público autonómico.

3. GNP-AECT réxese polo sistema de fontes detallado no artigo 2 do Regulamento (CE) nº 1082/2006 sobre a Agrupación europea de cooperación territorial (AECT), modificado polo Regulamento (UE) nº 1302/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no que se refire á clarificación, á simplificación e á mellora da creación e o funcionamento de tales agrupacións.

4. A Xunta de Galicia poderá destinar persoal propio á sede, instalacións ou centros de enlace de GNP-AECT, ou da CCDR-N, se mediar un acordo, convenio ou memorando de entendemento entre as autoridades portuguesas e as galegas, ou ás dependencias do centro directivo da propia Xunta que coordina a cooperación territorial e transfronteiriza con Portugal, sempre que o devandito persoal o solicite con carácter voluntario, ben en comisión de servizos ou, se for o caso, en servizos especiais como experto destacado. Nos casos de destino de persoal autonómico en GNP-AECT ou na CCDR-N, o respectivo persoal da Xunta de Galicia pasará ben á situación de servizos especiais, se for retribuído con cargo ao orzamento daquelas entidades, ou ben permanecerá en activo coa pertinente licenza que permita o seu desempeño ordinario naquelas entidades como experto destacado ante elas.

5. A Xunta de Galicia facilitará un trato análogo ao persoal da CCDR-N que sexa destacado para desempeñar as súas tarefas ordinarias na sede, instalacións ou centros de enlace de GNP-AECT ou da propia Xunta de Galicia.

6. GNP-AECT colaborará cos departamentos e entidades autonómicas para prestar asistencia e apoio en materia de cooperación transfronteiriza. Estes poderán encargar a GNP-AECT a xestión de determinados programas de actuación sectorial relativos á cooperación transfronteiriza, traspasándolle os fondos e medios necesarios. O devandito encargo deberá ser aceptado polo Consello de GNP-AECT.

Artigo 29. Planificación estratéxica e programación de actuacións públicas de relevancia para a Eurorrexión

Na elaboración de plans e programas autonómicos que poidan ter transcendencia, repercusión ou interese para o conxunto da área da Eurorrexión, os departamentos autonómicos impulsores dos devanditos plans e programas darán audiencia específica ás autoridades portuguesas competentes, co fin de reducir conxuntamente os custos da súa execución, ampliar o número de persoas beneficiarias cun menor custo por persoa beneficiaria grazas ás economías de escala que concorran ou co propósito de incrementar os resultados ou retornos cun inferior custo unitario.

Artigo 30. Cooperación territorial e transfronteiriza galaico-portuguesa de base local

1. Os municipios galegos poderán cooperar con outros municipios portugueses veciños chegando a formalizar mesmo «eurocidades», baixo a cobertura xurídica dunha agrupación europea de cooperación territorial ou de calquera outra forma xurídica, con ou sen personalidade, recoñecida polos respectivos ordenamentos portugués e galaico-español. Na hipótese de constituírse baixo a fórmula de AECT, a parte galega propiciará a máis estreita cooperación e coordinación con GNP-AECT.

2. Para os efectos deste decreto, as eurocidades estarán conformadas por dous ou máis concellos galegos e cámaras municipais portuguesas, con situación de contigüidade entre si ao longo da fronteira hispano-galaico-portuguesa.

3. As eurocidades teñen como principal obxectivo a promoción da converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental entre os concellos galegos e as cámaras municipais portuguesas que a compoñen, impulsando a utilización de servizos comúns como instrumento dinamizador da convivencia entre a poboación de ambos os dous territorios.

4. A creación dunha eurocidade farase por medio dun acordo en forma de memorando de entendemento entre os concellos galegos e as cámaras municipais portuguesas participantes, en que se detallen, polo menos, os obxectivos que se pretenden alcanzar e os campos en que van colaborar. Este acordo deberá ser aprobado previamente por cada respectivo pleno municipal. A formalización da constitución da eurocidade debe despois ser ratificada pola Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

Artigo 31. Cooperación galaico-portuguesa no ámbito da Lusofonía

1. De conformidade co establecido pola Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa Lusofonía, a Xunta de Galicia poñerá en marcha un programa específico de fomento de intercambios e estadías temporais de persoal empregado público galego e portugués, en especial naquelas áreas en que se considere máis urxente o establecemento dun maior ou máis intenso nivel de cooperación, coordinación ou, mesmo, de integración de servizos públicos.

2. GNP-AECT instrumentará a cooperación galaico-portuguesa no ámbito da Lusofonía a través de programas específicos, promovendo intercambios culturais, universitarios e educativos entre actores e axentes destes ámbitos portugueses, doutros países lusófonos e galegos.

CAPÍTULO V
Desprazamentos de autoridades galegas ao exterior

Artigo 32. Desprazamentos exteriores das persoas titulares da Presidencia e das consellerías da Xunta de Galicia

1. As viaxes, visitas, intercambios e actuacións con proxección exterior das persoas titulares da Presidencia da Xunta de Galicia e das súas consellerías fóra do ámbito da Unión Europea e as súas institucións, deberán ser comunicados ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

2. O devandito centro directivo remitirá a información ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación para que este poida informar e, se for o caso, emitir recomendacións motivadas sobre a adecuación da correspondente proposta de actuación ás directrices, fins e obxectivos da política exterior española fixados polo Goberno e aos instrumentos de planificación establecidos pola Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado.

3. A canalización da información a e desde o Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación en todo o relacionado coa Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado, e coa Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais, concentrarase no centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

Artigo 33. Desprazamentos exteriores doutras autoridades galegas

1. As restantes autoridades da Xunta de Galicia e altos responsables de entidades dela dependentes, como presidentes/as ou directores/as de entidades, organismos, sociedades, fundacións ou empresas públicas, comunicarán os desprazamentos exteriores á persoa titular da súa respectiva consellería sectorial competente, que o poñerá en coñecemento do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. O citado centro directivo recompilará a información indispensable para dar conta dos devanditos desprazamentos ao Parlamento de Galicia, en aplicación e de conformidade co previsto no código ético institucional sobre viaxes oficiais ao exterior, publicado no Diario Oficial de Galicia número 179, do 19 de setembro de 2014, mediante Resolución do 8 de setembro de 2014, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de xullo de 2014 polo que se aproba o Código ético institucional da Xunta de Galicia.

2. A información sobre os desprazamentos exteriores aquí referidos remitirase ao centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, con todos os aspectos detallados no antedito código ético institucional sobre viaxes oficiais ao exterior.

CAPÍTULO VI
Acordos con entidades públicas do exterior

Sección 1ª. Acordos a iniciativa galega

Artigo 34. Acordo internacional administrativo

1. O departamento autonómico ou entidade instrumental dependente del que propoña a celebración dun acordo internacional administrativo deberá informar, ao iniciar os pertinentes contactos exteriores, o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

2. Posteriormente, a autoridade ou alto responsable que propoña a celebración dun acordo internacional administrativo negociará coa autoridade pública foránea o contido material do acordo, podendo solicitar o asesoramento do centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

3. Unha vez que se consensúe un texto básico, deberá remitilo oficialmente ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior xunto co seu correspondente informe exhaustivo, e antes do peche das súas deliberacións coa contraparte estranxeira, cunha proposta que achegará a seguinte documentación:

a) Copia do tratado que será executado ou concretado polo acordo internacional administrativo proposto.

b) Borrador final do acordo internacional administrativo proposto.

c) Informe do servizo xurídico do departamento ou entidade propoñente.

d) Informe técnico sobre as materias incluídas no acordo, elaborado polos servizos competentes do departamento ou entidade propoñente.

e) Memoria económica sobre o impacto do acordo sobre os sectores afectados.

f) Avaliación do custo orzamentario previsto durante o período de vixencia do acordo.

4. Unha vez examinada a documentación achegada, o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de Acción Exterior, dará traslado de toda a documentación ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, segundo o teor da Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais.

Artigo 35. Acordo internacional non normativo

1. O departamento autonómico ou entidade instrumental dependente del que propoña a celebración dun acordo internacional non normativo intentará adecuarse ao modelo de memorando de entendemento que lle proporcione o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior. En todo caso, deberá informar ao iniciar os seus contactos coa correspondente autoridade exterior, o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, podendo solicitar o seu asesoramento.

2. Posteriormente, o departamento ou entidade que propoña a celebración dun acordo internacional non normativo negociará coa autoridade foránea o contido material do acordo.

3. Unha vez que se consensúe un texto, deberá remitir oficialmente ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, e antes do peche dos seus contactos coa contraparte estranxeira, unha proposta que achegará a seguinte documentación:

a) Borrador do acordo internacional non normativo proposto, axeitado o máis posible ao modelo de memorando de entendemento que se lle tivese facilitado.

b) Informe do servizo xurídico do departamento ou entidade propoñente.

c) Memoria económica sobre o impacto do acordo sobre os sectores afectados.

d) Avaliación do custo orzamentario previsto durante o período de vixencia do acordo.

4. Unha vez examinada a documentación achegada, o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, dará traslado de toda a documentación ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, segundo o teor da Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado.

Sección 2ª. Acordos por iniciativa dunha autoridade exterior

Artigo 36. Acordo internacional administrativo

1. O departamento autonómico ou entidade instrumental dependente del que reciba a proposta exterior de celebración dun acordo internacional administrativo deberá remitir inmediatamente ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, e sempre antes do peche dos seus contactos coa contraparte estranxeira, unha proposta que achegará a seguinte documentación:

a) Copia do tratado que será executado ou concretado polo acordo internacional administrativo proposto.

b) Borrador do acordo internacional administrativo proposto pola autoridade exterior.

c) Informe da asesoría xurídica do departamento ou, se for o caso, do servizo xurídico da entidade interesada.

d) Informe técnico sobre as materias incluídas no acordo, elaborado polos servizos competentes do departamento ou entidade interesada.

e) Memoria económica sobre o impacto do acordo sobre os sectores afectados en Galicia.

f) Avaliación do custo orzamentario previsto para Galicia durante o período de vixencia do acordo.

2. Unha vez examinada a documentación achegada, o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, dará traslado de toda a documentación ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, segundo o teor da Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais. Se a contraparte estranxeira non acepta as propostas de modificación engadidas ao texto que se lle traslade, incorporarase á comisión negociadora unha persoa representante do centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, co fin de adecuar o texto aos requisitos galegos e españois exixibles.

Artigo 37. Acordo internacional non normativo

1. O departamento autonómico ou entidade instrumental dependente del que reciba a proposta exterior de celebración dun acordo internacional non normativo deberá remitir inmediatamente ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, e sempre antes do peche dos seus contactos coa contraparte estranxeira, unha proposta que achegará a seguinte documentación:

a) Borrador do acordo internacional non normativo proposto pola autoridade exterior.

b) Informe da asesoría xurídica do departamento ou, se é o caso, do servizo xurídico da entidade interesada.

c) Memoria económica sobre o impacto do acordo sobre os sectores afectados en Galicia.

d) Avaliación do custo orzamentario previsto para Galicia durante o período de vixencia do acordo.

2. O departamento ou entidade autonómica que reciba a proposta exterior de celebración dun acordo internacional non normativo intentará, durante o proceso negociador coa autoridade exterior, que o documento que haxa que asinar se acomode o máis posible ao modelo de memorando de entendemento que lle facilite o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

3. Unha vez examinada a documentación achegada, o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior dará traslado de toda a documentación ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, segundo o teor da Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado. Se a contraparte estranxeira non acepta as propostas de modificación engadidas ao texto que se lle traslade, incorporarase á comisión negociadora unha persoa representante do centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, co fin de adecuar o texto aos requisitos galegos e españois exixibles.

Sección 3ª. Disposicións comúns a este capítulo

Artigo 38. Comunicación e rexistro dos acordos

Unha vez subscritos os acordos a que fai referencia este capítulo, o departamento autonómico ou entidade galega que se encargase da súa tramitación enviará nun prazo inferior a dez días un exemplar orixinal asinado, para o seu depósito oficial, ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, quen, pola súa vez, enviará unha copia certificada ao Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación.

CAPÍTULO VII
Participación autonómica en delegacións españolas no exterior
e na negociación de tratados

Artigo 39. Participación por instancia galega en delegacións españolas no exterior e na negociación de tratados

1. Se un departamento da Xunta de Galicia estima conveniente ou precisa a participación autonómica galega nunha delegación oficial española que se desprace ao exterior, o devandito departamento comunicará a súa intención ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, para que este realice as xestións necesarias ante o Ministerio español de Asuntos Exteriores e de Cooperación. Aquela comunicación ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior acompañarase da seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa sobre as competencias ou intereses galegos afectados.

b) Informe da asesoría xurídica do departamento ou, se for o caso, do servizo xurídico da entidade interesada.

c) Avaliación económica e orzamentaria.

2. Cando, a criterio dun departamento da Xunta de Galicia, for indispensable ou recomendable que España inicie negociacións con outro Estado ou organización internacional para negociar un tratado en defensa dos lexítimos dereitos ou intereses de Galicia, ou se estimar oportuno que autoridades ou funcionarios da Xunta de Galicia se incorporen a unha delegación oficial española no exterior co propósito de iniciar ou desenvolver conversas tendentes á negociación dun tratado, procederase do seguinte modo:

a) O departamento propoñente elaborará unha memoria xustificativa e senllos informes de natureza económica e xurídica ao respecto. Os devanditos documentos serán remitidos ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, que, pola súa vez, procederá á súa valoración e elaborará o seu propio informe á luz do dereito internacional aplicable, así como un documento de prospectiva de condicionantes políticos internacionais que concorran no caso. Ademais, este, poderá solicitar informes adicionais a organismos, entidades e expertos destacados que considere idóneos.

b) Toda a documentación citada se remitirá cunha proposta ao superior do centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, quen valorará a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

c) Se o Consello da Xunta de Galicia estima a procedencia de solicitar á Administración xeral do Estado a participación autonómica nos contactos preliminares ou nas negociacións propiamente ditas para a sinatura dun tratado, a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia cursará a solicitude galega á persoa titular do Ministerio español de Asuntos Exteriores e de Cooperación.

d) As persoas representantes de Galicia nas referidas delegacións exteriores españolas ou nos equipos negociadores de tratados trasladarán copia das notas e actas que elaboren, así como dos documentos a que accedan, ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, que, pola súa vez, poderá destacar a persoal especializado en apoio das persoas representantes autonómicas. En calquera caso, as persoas representantes de Galicia elaborarán informes reservados, que se remitirán coa periodicidade que determine o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior. Sempre se manterá a reserva, sixilo, confidencialidade ou segredo que determine a autoridade ou funcionario/a que presida a delegación ou equipo español en que se integren as autoridades ou persoal funcionario galego.

Artigo 40. Participación galega por invitación estatal en delegacións españolas no exterior e na negociación de tratados

1. Cando un departamento da Xunta de Galicia for invitado por outro da Administración xeral do Estado a participar nunha delegación oficial española que se desprace ao exterior, o devandito departamento comunicará o seu parecer ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, que o trasladará, se for oportuno, ao Ministerio español de Asuntos Exteriores e de Cooperación. Aquela comunicación ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior acompañarase da seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa sobre as competencias ou intereses galegos afectados.

b) Informe da asesoría xurídica do departamento ou, se for o caso, do servizo xurídico da entidade interesada.

c) Avaliación económica e orzamentaria.

2. Cando un departamento da Xunta de Galicia for invitado por outro da Administración xeral do Estado a participar nunha delegación oficial española que se desprace ao exterior para iniciar ou desenvolver negociacións con outro Estado ou organización internacional co obxecto de negociar un tratado, ou para que autoridades ou persoal funcionario da Xunta de Galicia se incorporen a unha delegación oficial española no exterior co propósito de iniciar ou desenvolver conversas tendentes á negociación dun tratado, procederase do seguinte modo:

a) O departamento autonómico que recibise a proposta estatal elaborará unha memoria xustificativa e senllos informes de natureza económica e xurídica ao respecto. Os devanditos documentos serán remitidos ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, que, pola súa vez, procederá á súa valoración e elaborará o seu propio informe á luz do dereito internacional aplicable, así como un documento de prospectiva de condicionantes políticos internacionais que concorran no caso. Ademais, este poderá solicitar informes adicionais a organismos, entidades e persoal experto destacado que considere idóneos.

b) Á vista dos anteriores informes elaborará o seu propio informe-proposta, que elevará ao seu conselleiro/a superior xerárquico/a.

c) O/A conselleiro/a antedito/a valorará a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia, para que este autorice ou desautorice a participación galega solicitada pola Administración xeral do Estado. No caso de que a autorice, precisará os condicionantes e alcance desa participación, e o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior comunicarao, ademais, ao Ministerio español de Asuntos Exteriores e de Cooperación.

d) As persoas representantes de Galicia nas delegacións exteriores españolas ou nos equipos negociadores de tratados por instancia da Administración xeral do Estado tamén trasladarán copia das notas e actas que elaboren, así como dos documentos a que accedan, ao centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, que, pola súa vez, poderá destacar a persoal especializado en apoio das persoas representantes autonómicas. En calquera caso, as persoas representantes de Galicia elaborarán informes reservados que se remitirán coa periodicidade que determine o centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior. Sempre se manterá a reserva, sixilo, confidencialidade ou segredo que determine a autoridade ou funcionario/a que presida a delegación ou equipo español en que se integren as autoridades ou persoal funcionario galego.

Disposición adicional primeira. Fundación Galicia Europa

1. A Fundación Galicia Europa, entidade sen ánimo de lucro e ente instrumental do sector público autonómico galego que opera, ademais sometida ao dereito local foráneo onde desenvolve as súas actividades, ten o mandato da Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. A Fundación dependerá orgánica e funcionalmente do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

2. En cumprimento dos seus fins fundacionais, a Fundación Galicia Europa serve o interese xeral de Galicia, o seu fortalecemento institucional, o fomento da súa economía produtiva e social e a promoción de todas aquelas accións que acheguen Galicia á realidade europea, defendendo os seus intereses ante as institucións e órganos da Unión e difundindo os valores europeos entre a sociedade galega.

3. A Fundación Galicia Europa prestará apoio aos distintos departamentos e entidades da Xunta de Galicia, así como ás restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da Unión, e colaborará na preparación de viaxes e visitas institucionais das autoridades de Galicia ás institucións e órganos da Unión, así como das autoridades das citadas institucións e órganos a Galicia.

4. No ámbito da defensa dos intereses galegos no proceso de toma de decisións da Unión, a Fundación Galicia Europa colaborará co resto de oficinas autonómicas e rexionais en Bruxelas así como coa Representación Permanente de España ante a Unión Europea (Reper) e cos eurodeputados/as galegos/as. Así mesmo, respectando a repartición constitucional e estatutaria de competencias, poderá adoptar iniciativas ou estratexias e chegar a acordos con outras rexións ou institucións e órganos europeos que permitan a Galicia influír naquelas decisións da Unión que máis afecten os seus intereses.

5. No marco da normativa vixente en materia de función e emprego públicos, cando nas oficinas da Fundación Galicia Europa, sitas en Galicia e en Bruxelas-Bélxica ou outros países da Unión distintos de España, existan necesidades específicas do servizo, conxunturais ou motivadas polo aumento do volume de traballo que requiran reforzar as súas actuacións, a Xunta de Galicia poderá trasladar voluntaria e motivadamente persoal funcionario ou laboral propio en comisión de servizos por unha duración de seis meses, prorrogable excepcionalmente por outros seis no caso de que se manteñan as referidas necesidades de reforzamento.

6. Cando no cadro de persoal da Fundación Galicia Europa non existan efectivos abondos para atender situacións extraordinarias, o titular do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior poderá autorizar o persoal funcionario ou laboral adscrito ao seu centro directivo e especializado en asuntos europeos a acudir voluntariamente en apoio das devanditas tarefas da Fundación. O desprazamento temporal e voluntario do devandito persoal á oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas ou outras dependencias foráneas efectuarase por un período máximo de seis meses, prorrogable por outros seis. Para todos os efectos, considerarase que este persoal continúa en servizo activo nos seus postos de orixe e co recoñecemento da súa condición de expatriados a cargo da Fundación Galicia Europa.

Disposición adicional segunda. Apoios extraordinarios ás delegacións exteriores da Xunta de Galicia

Cando necesidades extraordinarias e imprevisibles, que obedezan á conxuntura da área xeográfica onde desenvolvan as súas actividades as delegacións ou oficinas exteriores da Xunta de Galicia, aconsellen reforzar temporalmente o traballo destas delegacións ou oficinas, poderase recorrer aos mecanismos de reforzamento previstos para a Fundación Galicia Europa nos puntos 5 e 6 da anterior disposición adicional.

Disposición adicional terceira. Modelos harmonizados de memoranda de entendemento

O centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior negociará coas autoridades competentes do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación a adopción de modelos harmonizados de memoranda de entendemento que satisfagan os requirimentos das lexislacións estatal e autonómica e que, deste modo, permitan axilizar os procedementos internos de coordinación entre ambas as dúas administracións. Cando sexa posible, os promotores autonómicos de acordos intentarán adecuar as súas propostas aos anteditos modelos harmonizados.

Disposición transitoria primeira. Coeficientes por razón de servizo no exterior

En tanto non se regulan os coeficientes por razón de servizo que poidan corresponder ao persoal da Xunta de Galicia por residencia no estranxeiro, aplicaranse supletoriamente os que están establecidos no ámbito da Administración xeral do Estado.

Disposición transitoria segunda. Elaboración da primeira Estratexia galega de acción exterior tras a aprobación da Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado

Co fin de concluír coa maior dilixencia a primeira Estratexia galega de acción exterior, os prazos de consultas e informes previstos neste decreto poderán reducirse á metade, podendo mesmo suplirse o informe do Caex pola consulta individualizada ás súas persoas integrantes.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ao disposto neste decreto. En particular, quedan expresamente derrogados os seguintes decretos:

Decreto 224/2006, do 30 de novembro, polo que se regulan as delegacións da Xunta de Galicia no exterior.

Decreto 368/2009, do 30 de xullo, polo que se crea e se regula o Consello de Acción Exterior.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a consellería competente en materia de acción exterior e relacións coa Unión Europea para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de novembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza