Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 31 de decembro de 2015 Páx. 53288

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 23 de decembro de 2015 pola que se procede á ampliación dos importes para o financiamento das axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos, para o seu uso no curso escolar 2015/16.

Mediante a Orde do 22 de maio de 2015 (Diario Oficial de Galicia do 1 de xuño), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos, para o seu uso no curso escolar 2015/16.

O artigo 18 desta orde establece que estas axudas serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.423A.780.0, por importe total de 10.828.380,00 euros para o ano 2015, e na contía de 700.000,00 euros para o ano 2016, que se pode ampliar, se for o caso, conforme o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Como consecuencia da existencia de remanentes doutras convocatorias no mesmo servizo, tendo en conta que estas axudas non están sometidas ao réxime de concorrencia competitiva e que o importe asignado non é suficiente para atender os compromisos adquiridos ao abeiro da convocatoria, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo único

Incrementar o importe para financiar as axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centos sostidos con fondos públicos, para o seu uso no curso escolar 2015/16, en dous millóns de euros (2.000.000,00 euros), de acordo co establecido no artigo 18 da Orde do 22 de maio de 2015 (DOG do 1 de xuño).

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Univeristaria