Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 31 de decembro de 2015 Páx. 53194

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas á renovación total ou parcial de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia (Plan Renove de ascensores) e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código do procedemento IN532A).

A sociedade, en xeral, e as administracións públicas, en particular, deben esforzarse por mellorar as prestacións, a seguridade, a habitabilidade e o confort dos edificios de vivendas, reducindo os consumos de enerxía e incorporando aparellos o máis seguro posibles.

Os ascensores son instalacións que teñen un uso intensivo, e que supoñen unha parte importante do consumo enerxético do edificio. Por outra banda, deben incorporar elementos de seguridade que diminúan ao máximo os riscos no seu uso.

Os avances da tecnoloxía fan que estean dispoñibles no mercado actual aparellos máis seguros e eficientes enerxeticamente que os instalados fai anos en moitos edificios de vivendas da nosa comunidade, polo que considérase conveniente subvencionar a renovación total ou parcial dos ascensores existentes, de xeito que se consiga unha redución dos consumos enerxéticos e/ou un incremento da seguridade.

Á Dirección Xeral de Enerxía e Minas correspóndelle a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da Consellería de Economía, Emprego e Industria nos ámbitos da seguridade industrial e enerxía, de acordo co Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da mesma.

De acordo co anterior, a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, acorda realizar unha convocatoria de axudas para a renovación total ou parcial de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia (Plan Renove de ascensores).

Por todo isto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen no anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria para incentivar a renovación total ou parcial de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN532A).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócase as devanditas subvencións para o ano 2016.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo de formulario normalizado que se inclúe como anexo II desta orde. Esta solicitude acompañarase da documentación recollida no artigo 5º das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será dende o 20 de xaneiro de 2016 ao 20 de abril de 2016, ambos os dous incluídos, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e no Diario Oficial de Galicia.

Unha vez presentadas as solicitudes por parte das persoas interesadas, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses.

Artigo 4. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es.

A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito, non será de aplicación o disposto no apartado 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN532A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

1. Páxina web oficial da consellería: http://ceei.xunta.gal,

2. O teléfono da devandita dirección xeral: 981 95 71 87 ou 981 54 55 72,

3. O enderezo electrónico: cei.sxai@xunta.es,

4. Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902.120.012).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase ao director xeral de Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2015

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas á renovación total ou parcial de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar a renovación total ou parcial de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

3. A concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario e o seu esgotamento comportará a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

– Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

– A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Actuacións, gastos subvencionables e contía das axudas

1. Terán a consideración de actuacións subvencionables a renovación total ou parcial de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Estes investimentos en renovación de ascensores deberán permitir unha redución anual, cando menos, do 35 % no uso da enerxía convencional ou un incremento xustificable na seguridade.

Estas actuacións levaranse a cabo en ascensores xa instalados que conten co rexistro de aparello elevador (RAE).

2. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á naturaleza da actividade subvencionada.

Os gastos subvencionables deberán ser ofertados, presupostados, realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2016 e a data límite establecida para a presentación da documentación xustificativa da subvención (15 de novembro de 2016). Todos os investimentos obxecto de axuda deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables a partir da data de xustificación do investimento.

Consideraranse subvencionables os custos en equipamentos, materiais, obra civil, man de obra e os impostos indirectos asociados para a reforma e posta en servizo do ascensor, de xeito que este quede operativo. Estes gastos deberán corresponder de maneira indubitativa coas actuacións subvencionables.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, preste ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que haberá de achegarse coa solicitude de subvención, se realizará conforme a criterios de eficiencia y economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non se considerarán subvencionables:

– Os gastos e custos financeiros que sexan consecuencia do investimento

– Os gastos realizados en bens usados.

3. Os traballos deberán realizarse por empresas mantedoras/conservadoras habilitadas de acordo coa lexislación vixente en materia de ascensores e, de ser o caso, deberá contar co correspondente proxecto técnico de modificacións esenciais.

4. Non se considerarán subvencionables as actuacións cun investimento inferior a 5.000 euros por ascensor.

5. Non se considerarán subvencionables aqueles conceptos das facturas que non se poidan facer corresponder, dun xeito inequívoco, cos considerados como subvencionables.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. A concesión destas axudas, que terán a modalidade de subvención, outórganse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación

Denominación

Importe (euros)

09.20.732A.781.0

“Plan Renove de Ascensores”

700.000,00

Crédito total (€)

700.000,00

Estas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria indicada, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

2. A intensidade da axuda será dun 50 % do investimento subvencionable por ascensor, pero en ningún caso, baixo esta convocatoria, poderá concederse unha subvención superior a 10.000 euros por ascensor e 20.000 euros por comunidade.

Así mesmo, cando non se dispoña de crédito suficiente para atender ás últimas solicitudes coa intensidade de axuda prevista no parágrafo anterior, o crédito esgotarase nela coa porcentaxe de axuda que resulte considerando tódolos investimentos subvencionables que a conformen. Para o caso de empate entre varias solicitudes nos termos do artigo 8.4 procederase a repartir o crédito dispoñible segundo o disposto no devandito artigo.

3. As subvencións que se outorguen ao abeiro destas bases serán compatibles con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de outras Administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea o de organismos internacionais.

Non obstante, o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

Artigo 4. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios da subvención as comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal, radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia e legalmente constituídas de acordo cos artigos 2º e 5º da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal. Todo isto, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nas presentes bases así como os que fundamenten a concesión e os que se prevexan nesta orde e na normativa aplicable. Non poderá disolverse a comunidade ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non poderán obter a condición de beneficiario das subvencións reguladas nestas bases as persoas ou entidades nas que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais os beneficiarios deben estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e no ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración Pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria nos seus artigos 2 e 3.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

A) Documentación administrativa:

A.1. Formulario normalizado de solicitude composto polo anexo II debidamente asinado. De conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o/a presidente/a ostentará a representación da comunidade neste procedemento e será o asinante da documentación.

A.1.1. Anexo II: modelo normalizado de solicitude que inclúe:.

– Datos identificativos do solicitante e do investimento.

– Declaración de que os datos que figuran na solicitude, nos seus anexos e demais documentación son certos.

– Declaración expresa de que coñece e admite as condicións da convocatoria e cumpre cos requisitos establecidos nesta.

– Declaración expresa de que os provedores non están vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións previstas no apartado 7 do artigo 27 da Lei 9/2007, nin no artigo 43º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da antedita lei.

– Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no apartado 2 do artigo 10º da Lei 9/2007.

– Declaración responsable de que o número da conta bancaria, onde se debe realizar o pagamento, é certo e ten como titular á comunidade beneficiaria da subvención.

– Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para o mesmo proxecto e conceptos, procedentes doutras Administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

A.2. Documentación xurídico-administrativa da comunidade solicitante:

A.2.1. NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

A.2.2. Acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este extremo.

A.2.3. Acta onde conste o acordo da xunta de propietarios, coa maioría legalmente establecida, para solicitar a subvención ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este extremo.

A.2.4. No caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

B) Documentación xustificativa dos investimentos:

B.1. Memoria descritiva das actuacións subvencionables realizada pola empresa mantedora/conservadora na que se xustifiquen os aforros enerxéticos ou o incremento da seguridade. A devandita memoria deberá incluir como mínimo:

Inmoble: número de vivendas, número de andares servidos polo ascensor (paradas) e número de ascensores que traballan en paralelo, incluído o propio ascensor renovado.

Descrición detallada das actuacións a realizar.

Características do ascensor existente e do posterior, logo da súa renovación.

Cálculos que xustifiquen a redución do consumo enerxético ou xustificación do incremento na seguridade.

B.2. Orzamento desglosado e detallado dos investimentos por ascensor.

B.3. Cando resulte de aplicación, segundo o indicado no punto 2 do artigo 2, copia das tres ofertas solicitadas e, en caso de non se optar pola máis vantaxosa, memoria xustificativa da elección. No caso de non presentar as ofertas por concorrer algunha das circunstancias indicadas na citada base, deberá indicar o motivo.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel (orixinal ou copia compulsada) en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición dos persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Consentimento e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos esixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 7. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución de concesión e a proposta do pagamento de obrigas e interesar da Consellería de Facenda o seu pagamento.

2. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano encargado, á vista das solicitudes, de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados. Para isto desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

Artigo 8. Instrución do procedemento

1. De acordo co establecido no artigo 74.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a instrución das solicitudes efectuarase seguindo a orde correlativa de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, sempre que exista consignación orzamentaria.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da LRXPAC, se a solicitude non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. No caso de coincidencia na data e hora entre varias solicitudes, e cando non se dispoña de crédito suficiente para atendelas coa intensidade de axuda solicitada, este repartirase de xeito proporcional á suma total dos investimentos subvencionables presentados, respectando o límite de intensidade máxima prevista no artigo 3.

5. Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán a disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50º e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 9. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 10. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria.

2. Á vista da proposta formulada pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas, e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, de non ser tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación que serán motivadas, de acordo cos criterios establecidos na presente orde.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses contados a partir da presentación da solicitude de subvención polo interesado nun rexistro válido. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da LRXPAC.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

– Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

– Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

– Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

– Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento no que se ditou a resolución tiveran lugar con posterioridade á mesma.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 9º.

Artigo 13. Renuncia

1. A renuncia á subvención poderá facerse por calquera medio que permita a súa constancia de acordo co disposto no artigo 91 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En todo caso, a renuncia á subvención requirirá o acordo da xunta de propietarios.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención o beneficiario terá ata o 15 de novembro de 2016 para presentar, nos lugares sinalados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, a seguinte documentación (orixinal ou copia compulsada):

– Memoria na que se describan as actuacións realizadas.

– Facturas dos provedores (que deberán reflectir, de xeito desglosado por ascensor, o seu importe e a súa descrición)

– Documentos bancarios acreditativos do pagamento das facturas presentadas (que permitan relacionar a factura e o provedor). Non se admitirán pagos en efectivo, nin se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñan de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica de dita entidade bancaria.

– No caso de renovación parcial e que pola súa antigüidade o ascensor tivera que pasar inspección periódica obrigatoria, acta favorable emitida por un organismo de control.

– No caso de renovación total do ascensor, xustificación de ter realizado o rexistro de aparello elevador novo (RAE) e a baixa do vello.

– Certificado emitido pola empresa mantedora/conservadora habilitada que realizou o traballo no que se xustifique o aforro enerxético, de cando menos, un 35 % ou ben o incremento na seguridade.

– Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto e conceptos, procedentes doutras Administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo III).

– No caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Transcorrido o prazo de presentación da xustificación sen tela presentado ante o órgano administrativo correspondente, este requirirá ao beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobro total ou parcial da subvención, á esixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá ao beneficiario das sancións que, consonte coa lei, lle correspondan.

Artigo 15. Pagamento e anticipos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. No caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o disposto no artigo 3.2 das bases reguladoras respecto ás intensidades máximas de axuda.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, da acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas.

Estes pagamentos deberán ser solicitados polo beneficiario, de ser o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a) Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida.

b) Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme ao establecido na letra i) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

1. Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente, no prazo establecido no artigo 14, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que podan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres podan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Conforme ao disposto no artigo 36.2 da Lei 9/2007, os membros da comunidade de propietarios responden solidariamente da obriga de reintegro en proporción ás súas respectivas cotas de participación.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Conforme ao disposto no artigo 68.1 da Lei 9/2007, os membros da comunidade de propietarios responden solidariamente da sanción pecuniaria en proporción ás súas respectivas cotas de participación.

Artigo 18. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 19. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución de concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación de norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, no será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 20. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases estarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o regulamento da antedita Lei. Así mesmo estarase ao disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.