Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 24 de febreiro de 2016 Páx. 6820

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 18 de febreiro de 2016 pola que se convoca e se establece o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 de titularidade privada con prazas concertadas para o curso 2016/17.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asigna á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establece no seu artigo 1 a creación da Consellería de Política Social.

Pola súa vez, o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establece no seu artigo 8 a estrutura dos órganos de dirección da Consellería de Política Social, que contén unha Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Por último, o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúe á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Neste contexto, a Administración autonómica conta cunha rede propia de escolas infantís 0-3 e contribúe ao financiamento das escolas de titularidade municipal e de entidades de iniciativa social, que amplían e complementan a rede de recursos de atención á infancia sostida con fondos públicos.

Así mesmo, a Consellería conta co programa do Bono concilia, consistente nunha axuda económica directa ás familias para o pagamento total ou parcial dunha escola infantil privada da súa elección. Esta axuda está destinada a aquelas familias que non obtivesen praza nunha escola pública ou financiada con fondos públicos e marcasen a opción do bono concilia na súa solicitude, e a aquelas outras que residan en localidades que carezan de prazas públicas.

Pola súa vez, co fin de dar unha solución eficaz e concreta ao volume das listas de espera que se concentran na rede pública de escolas infantís das sete grandes cidades e, por extensión, ás dos concellos das súas respectivas áreas de influencia, no curso 2015/16 púxose en marcha un concerto de prazas en escolas infantís de titularidade privada, dirixidas ás persoas solicitantes que non obtivesen praza en ningunha das escolas da rede pública autonómica.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar e establecer o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 de titularidade privada que resultaron adxudicatarias do concerto de prazas do primeiro ciclo de educación infantil nas sete grandes cidades e nos concellos da súa área de influencia.

Artigo 2. Persoas adxudicatarias

Poderán ser adxudicatarios/as de praza nas escolas infantís de titularidade privada con prazas concertas para o primeiro ciclo de educación infantil os nenos e as nenas que estean nos seguintes supostos:

a) Renovación de praza.

Os nenos e as nenas con praza concertada durante o curso 2015/16 en calquera das escolas infantís con concerto de prazas do primeiro ciclo de educación infantil terán dereito á renovación da praza na escola infantil en que están escolarizados, co mesmo horario e cos mesmos servizos con que lle foi adxudicada, sempre que non teñan feitos os tres anos de idade o 31 de decembro de 2016.

Para a renovación de praza é requisito imprescindible estar ao día no pagamento das cotas mensuais na data de presentación da solicitude.

b) Novo ingreso.

Os nenos e as nenas solicitantes de praza para o curso 2016/17 nas escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que queden en lista de espera por falta de prazas dispoñibles e que nas respectivas solicitudes marcasen a opción de candidato/a a praza concertada terán a condición de candidatos/as a unha praza concertada de maneira automática e non terán, por tanto, que presentar nova solicitude ao abeiro desta orde.

Artigo 3. Solicitudes e documentación de renovación de praza

1. Para a renovación da praza do alumnado escolarizado nunha praza concertada durante o curso 2015/16, presentarase o modelo oficial segundo o anexo I desta orde, debidamente formalizado e asinado, que estará dispoñible nos enderezos electrónicos http://benestar.xunta.es e https://sede.xunta.es, e facilitaranse tamén nos propios centros en que se solicite praza e nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

2. Documentación que se ten que achegar coas solicitudes:

a) Anexo II, de ser o caso.

b) Copia do DNI da persoa solicitante e do/a cónxuxe ou parella, de ser o caso, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Copia da declaración do IRPF da persoa solicitante e do/a cónxuxe ou parella, de ser o caso, correspondente ao ano 2014, só no caso de non autorizar a consulta dos datos tributarios que figuran en poder da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Título de familia numerosa, só no caso de non ser expedido pola administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou, sendo expedida por esta, non se autorice a súa consulta.

Así mesmo, no caso de se produciren cambios que afecten os recursos da unidade familiar e que poidan incidir no cálculo da renda desta, a persoa interesada achegará, dentro do prazo de presentación de solicitudes, aqueles documentos que os acrediten e xustifiquen.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación de solicitudes de renovación de praza

1. As solicitudes de renovación de praza coa documentación requirida deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solititudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración autonómica poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, xa mencionados.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O prazo para a presentación de solicitudes de renovación de praza será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo de solicitude o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 5. Condicións xerais das prazas

As prazas en escolas infantís 0-3 con concerto de prazas terán as mesmas condicións que as públicas tanto no que atinxe aos servizos que inclúen como aos prezos que aboarán as familias.

Unha vez concedida a praza concertada de acordo co procedemento establecido nesta orde, esta deberá manterse nas mesmas condicións durante todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

A permanencia do alumnado no centro non poderá superar as oito horas diarias dentro da xornada por que opte.

Así mesmo, o alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2016/17.

Artigo 6. Prezos

As familias con nenos e nenas aos/ás cales se lles conceda unha praza concertada nunha das escolas infantís obxecto desta orde, aboarán á escola infantil os prezos públicos establecidos polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, con base na aplicación dos prezos públicos mensuais segundo os tramos de renda per cápita da unidade familiar e dos descontos aplicables en cada caso.

Artigo 7. Regras e definicións para a determinación do importe que se deberá pagar

Para a determinación do importe mensual que aboarán as persoas obrigadas ao pagamento dos prezos públicos teranse en conta as especificacións recollidas no anexo do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro. Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e:

– As fillas e os fillos menores, con excepción dos que, con consentimento das nais e/ou dos pais, vivan independentes destes.

– As fillas e os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

– As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente o 31 de decembro de 2014.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais de cada un dos membros da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro e segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF). Para estes efectos, tomarase para o cálculo da cota a declaración do IRPF correspondente ao ano 2014.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela unha única persoa proxenitora que non conviva con outra persoa con quen manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que a outra proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas á Consellería de Política Social para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice a Consellería para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta orde, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, os servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais poderán requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 9. Tramitación e resolución dos expedientes

1. Os servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais como órganos responsables da tramitación dos expedientes comprobarán que as solicitudes de renovación de praza reúnen os requisitos recollidos nesta orde e formularán a correspondente proposta de resolución. De non ser así, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10 días) emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer, de acordo co artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. As solicitudes do alumnado integrante da lista de espera en calquera das escolas infantís da rede autonómica que na súa solicitude marcase a opción de candidato/a a praza concertada e presentase o anexo correspondente seleccionando un máximo de tres escolas infantís con concerto de prazas, serán tramitadas polo Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da xefatura territorial correspondente para adxudicarlle unha praza concertada das elixidas na solicitude.

No caso de non poder adxudicarlle ningunha das prazas concertadas solicitadas porque se cubran con outro/a candidato/a con máis puntuación, terá dereito a permanecer nas listas de espera das escolas públicas solicitadas.

O alumnado con praza concertada concedida en calquera das escolas privadas que participen neste programa será excluído da lista de espera das escolas públicas.

No caso dos/das solicitantes en lista de espera que solicitasen simultaneamente a praza concertada e a axuda do bono concilia e non conseguisen a praza concertada pasarán a ser valorados para a axuda económica do bono.

3. A resolución das prazas, por proposta do Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, corresponde por delegación do conselleiro de Política Social ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

4. O prazo para resolver e notificar a resolución de adxudicación de praza será de cinco meses contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

5. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

6. Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En caso de silencio administrativo, o prazo será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

Artigo 10. Publicación das listas de persoas adxudicatarias e matrícula

1. As listas de adxudicatarios/as, tanto de renovación de praza como de novo ingreso, faranse públicas a partir do día 30 de xuño de 2016 nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, así como no enderezo electrónico http://benestar.xunta.es.

2. Unha vez concedida a praza, tanto de renovación como de novo ingreso, a persoa interesada deberá presentar o modelo oficial de matrícula, que estará dispoñible no enderezo electrónico http://benestar.xunta.es, e facilitarase tamén na escola infantil con concerto de prazas na cal se lle adxudicou a praza e nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

O prazo para presentar o impreso de matrícula na escola infantil adxudicada e confirmar así a praza será de dez (10) días naturais contados desde a recepción da resolución de adxudicación de praza e débese remitir unha copia deste ao servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da xefatura territorial que lle corresponda.

A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realiza a matrícula do neno ou da nena no prazo sinalado, considérase decaído na súa solicitude.

Artigo 11. Revisión do prezo

Ao longo do curso poderase proceder á revisión do prezo fixado inicialmente cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) A modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) As variacións nos seus ingresos que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica actual. Soamente se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 30 % no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de seis meses para seren tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola AEAT ou por calquera outra documentación que, a xuízo da xefatura territorial da Consellería de Política Social, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) A variación no número de membros da unidade familiar.

Neste sentido, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.

A modificación do prezo, de ser o caso, será resolta pola persoa titular da xefatura territorial e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 12. Baixas

1. Será causa de baixa nas escolas infantís:

a) O cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) A solicitude das nais, dos pais ou das/dos representantes legais.

c) A falta de pagamento do prezo establecido durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, sen prexuízo da reclamación desta polo procedemento administrativo de constrinximento.

d) A comprobación de falsidade nos documentos ou nos datos achegados.

e) A incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) A falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que a falta de asistencia sexa xustificada e se prolongue máis dun mes, haberá que presentar xustificación con carácter mensual. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

Artigo 13. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades». O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.es.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file