Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 1 de marzo de 2016 Páx. 7726

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 24 de febreiro de 2016 pola que se amplía a Orde do 29 de xaneiro de 2016 pola que se regula o réxime de permisos, licenzas e vacacións do persoal docente que imparte ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Por Orde do 29 de xaneiro de 2016 regulouse o réxime de permisos, licenzas e vacacións do persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Resulta necesario ampliar esta orde para incorporar un permiso retribuído para as funcionarias e laborais docentes en estado de xestación e prever unha adaptación da xornada laboral para tratamentos oncolóxicos, polo que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1

Engádese un novo artigo 17.bis á Orde do 29 de xaneiro de 2016 coa seguinte redacción:

Artigo 17 bis. Permiso retribuído para as funcionarias e as laborais en estado de xestación

As funcionarias e as laborais en estado de xestación terán dereito a un permiso retribuído a partir do día primeiro da semana 37 de embarazo e ata a data do parto.

No suposto de xestación múltiple, este permiso poderase iniciar o primeiro día da semana 35 de embarazo e ata a data do parto.

O permiso será concedido pola xefatura territorial correspondente logo de solicitude acompañada da documentación xustificativa pertinente.

Artigo 2

Engádese un punto 3 ao artigo 30 da Orde do 29 de xaneiro de 2016 coa seguinte redacción:

3. Para adaptación progresiva da xornada laboral para tratamentos oncolóxicos.

O persoal funcionario e o persoal laboral que se reincorporen ao servizo efectivo cando finalice un tratamento de radioterapia ou quimioterapia poderán solicitar unha redución da metade da xornada de traballo. A xefatura territorial poderá conceder esta redución cando coadxuve á plena recuperación funcional da persoa ou evite situacións de especial dificultade ou penosidade no desempeño do seu traballo. Esta redución poderase estender ata un mes desde a alta médica, ampliable por un mes máis cando o persoal xustifique a persistencia no seu estado de saúde das circunstancias derivadas do tratamento de radioterapia ou quimioterapia. A solicitude irá acompañada da documentación que achegue o interesado para acreditar a existencia desta situación e a Administración deberá resolver sobre ela nun prazo de tres días, logo de informe da inspección médica educativa.

Disposición transitoria. Permiso retribuído para as funcionarias e as laborais en estado de xestación

As funcionarias e as laborais en estado de xestación que, no momento da entrada en vigor da presente orde, superen as 37 semanas ou, se é o caso, 35 semanas de embarazo terán dereito a un permiso retribuído a partir da entrada en vigor desta orde e ata a data do parto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria