Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 3 de marzo de 2016 Páx. 8227

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2016 pola que se invitan as grandes empresas para que manifesten o seu interese de acceder a unha liña de axudas para realizar en Galicia grandes proxectos de desenvolvemento experimental dentro da iniciativa de industria 4.0-captación de investimentos no período 2016-2020.

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promoveren a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto dos axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; e favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

A Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013 define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 estruturándoa arredor de 3 retos que orientarán a definición detallada da estratexia de actuación, e asociando a cada un destes retos unhas prioridades e liñas de acción específicas aliñadas cos obxectivos e os principais programas de innovación a nivel rexional, nacional e europeo, como é o caso das respectivas axendas dixitais ou o programa Horizonte 2020. Pois ben, o segundo reto é acadar un novo modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento e aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais. A segunda prioridade estratéxica deste reto é potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos baixo o concepto de «fábrica do futuro» e a través da ecoinnovación para a mellora da eficiencia e do comportamento ambiental na industria. Preténdese fomentar a innovación nos modelos produtivos dos principais sectores industriais galegos, incidindo especialmente en sectores transversais necesarios para conseguir unha mellora da produtividade, garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento de novos modelos de negocio. Para iso, defínense como obxectivos específicos as tecnoloxías de proceso (a fábrica do futuro) e as tecnoloxías limpas (ecoinnovación) orientadas á optimización de procesos e á xeración de produtos baseados en coñecementos respectuosos co ambiente. A fábrica do futuro pretende potenciar a innovación en tecnoloxías relacionadas coa simulación nos procesos produtivos dos sectores industriais galegos para facelos máis eficientes e mellorar a súa produtividade como garante de competitividade a nivel internacional.

Aliñada coa RIS3 Galicia, o Consello da Xunta de Galicia aprobou na súa sesión do 13 de maio de 2015 a Axenda de competitividade industrial Galicia: industria 4.0, que aspira a ser o instrumento para aumentar o peso da actividade industrial no conxunto da economía galega ata acadar un 20 % do PIB. Esta axenda propón accións de impulso á competitividade industrial, obxectivos estratéxicos e medidas para o tecido produtivo galego e constitúe o plan director da Industria de Galicia 2015-2020, definido no artigo 23 da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia. Nace coa visión de impulsar un novo tecido industrial en Galicia, moderno, intelixente e sustentable, competitivo no futuro escenario global. Esta visión dunha nova industria galega propón que sexa capaz, co seu equipo humano, de observar o contorno para anticiparse aos cambios e evolucionar cara á fábrica intelixente, cunha loxística avanzada, mediante a interconexión completa dos procesos, a integración das cadeas de valor, incorporando conceptos e utilidades relacionados con esta nova industria: sensorización extensiva, robótica flexible e colaborativa, sistemas ciberfísicos, vehículos autónomos, integración vertical e horizontal nos procesos de produción, etc., e incorporando e desenvolvendo técnicas e equipos de fabricación aditiva e novos materiais, aplicando a intelixencia competitiva en todo o proceso e nos produtos (big data, cloud computing, a internet das cousas); todo iso co reto de conseguir persoas e organizacións capacitadas para mobilizar e dirixir esta revolución. Para isto propón como enfoque reforzar o papel de líder das empresas tractoras nos sectores estratéxicos da economía galega e potenciar a súa capacidade de atracción de investimento a través dunha política activa de captación de investimentos en Galicia contando con grandes empresas, buscando fidelizar a súa implantación na rexión e rentabilizar os esforzos de atracción realizados, completando, ademais, a súa cadea de valor en Galicia e apoiando os grandes proxectos de investimento empresarial que actúen como tractores da economía.

A última das ferramentas de planificación estratéxica da Xunta de Galicia é o Plan estratéxico de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 28 de xaneiro de 2016, que unifica todas as estratexias anteriores. Entre as accións principais que desenvolverá o plan no que respecta ao obxectivo transversal do fomento do emprendemento, a industrialización e a internacionalización está a de impulsar un novo modelo industrial mediante o apoio a unha nova industria galega competitiva no mercado global coa posta en marcha de medidas aceleradoras do proceso de transformación do tecido industrial nun tecido avanzado, intelixente e aliñado coas tendencias internacionais da fábrica intelixente e da industria 4.0.

De acordo co exposto, dentro das accións que a Axencia Galega de Innovación está estudando, encóntrase a convocatoria de subvencións dirixidas a fomentar a realización en Galicia de grandes proxectos de desenvolvemento experimental, aliñados coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da industria 4.0.

Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas e para os efectos de dispor da suficiente información para o seu deseño, priorización das actuacións e planificación orzamentaria, considérase necesario efectuar o presente anuncio previo e abrir un prazo para que os operadores económicos que así o desexen poidan manifestar as súas intencións de investimento no desenvolvemento dos aludidos proxectos de desenvolvemento experimental, indicando o seu importe previsible, sectores involucrados, efectos que se pretenden conseguir e consecuencias para a economía de Galicia.

Tendo en conta os efectos que se pretenden sobre o sector produtivo galego e o tecido empresarial, a Axencia considera que a dimensión mínima dos proxectos que se recollen neste anuncio previo debe ser superior aos 50 millóns de euros e ser realizados por grandes empresas, sen prexuízo de que poidan preverse outras accións para proxectos de importe inferior.

Enténdese que o presente anuncio previo e a apertura do prazo para a presentación de manifestacións de interese, ademais de permitir á Administración coñecer se existen empresas interesadas en participar nunha eventual convocatoria e a entidade dos proxectos e sectores en que poden desenvolverse, pode fomentar a participación de propostas innovadoras, permitir que as grandes empresas planifiquen e periodifiquen adecuadamente os seus proxectos e investimentos e garantir a transparencia.

Este anuncio enmárcase, por tanto, no disposto no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece o seguinte «A xestión das subvencións a que se refire esta lei realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos».

A invitación é aberta e diríxese ás grandes empresas interesadas en realizar os seus proxectos e explotar os seus resultados en Galicia. A participación nesta convocatoria non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de subvencións que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto das convocatorias de subvencións que poidan ter lugar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Para os efectos da realización das manifestacións de interese terase en conta que a intensidade, se é o caso, da eventual axuda para cada futuro beneficiario, de acordo co disposto no artigo 25 do Regulamento UE 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, non excederá o 25 % dos custos subvencionables ao se tratar de proxectos de desenvolvemento experimental. Non obstante, a intensidade da axuda poderá incrementarse en 15 puntos porcentuais se o proxecto implica unha colaboración efectiva con un ou varios organismos de investigación e difusión de coñecementos, asumindo estes como mínimo o 10 % dos custos subvencionables e tendo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación.

As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos no anexo desta resolución.

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Primeiro.

Anunciar que a Axencia Galega de Innovación está estudando a convocatoria de subvencións dirixidas a fomentar a realización en Galicia de grandes proxectos de desenvolvemento experimental, aliñados coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da industria 4.0 aplicables a novos produtos ou novos procesos e con implicación no emprendemento innovador e na súa capacidade para xerar e axudar a un ecosistema innovador.

Segundo.

Con carácter previo á adopción da decisión de convocatorias das axudas ábrese un prazo ata o ano 2020 desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia para que os operadores económicos que así o desexen poidan manifestar as súas intencións de investimento no desenvolvemento e explotación de resultados en Galicia dos aludidos proxectos de desenvolvemento experimental, indicando o seu importe previsible, sectores involucrados, efectos que se pretenden conseguir e consecuencias para a economía de Galicia.

A dimensión mínima dos proxectos que se recollen neste anuncio previo debe ser superior aos 50 millóns de euros e deberán ser realizados por grandes empresas.

As manifestacións de interese dirixiranse á Axencia Galega de Innovación (praza de Europa nº 10-A/6º B, 15707 Santiago de Compostela) e poderanse presentar en calquera dos lugares indicados na lexislación de procedemento administrativo.

Terceiro.

A participación neste proceso non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de subvencións que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

Cuarto.

A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto das convocatorias de subvencións que poidan ter lugar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Quinto.

Para os efectos da realización das manifestacións de interese terase en conta que a intensidade, se for o caso, da eventual axuda para cada futuro beneficiario, de acordo co disposto no artigo 25 do Regulamento UE 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, non excederá o 25 % dos custos subvencionables ao se tratar de proxectos de desenvolvemento experimental. Non obstante, a intensidade da axuda poderá incrementarse en 15 puntos porcentuais se o proxecto implica unha colaboración efectiva con un ou varios organismos de investigación e difusión de coñecementos, asumindo estes como mínimo o 10 % dos custos subvencionables e tendo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación.

Sexto.

A Axencia Galega de Innovación estudará as manifestacións de interese e proxectos de desenvolvemento empresarial que se presenten para os efectos do exercicio das súas competencias de deseño de futuras convocatorias de axudas para proxectos de desenvolvemento empresarial. Avisarase da recepción de cada manifestación de interese e contestarase, nun prazo máximo de tres meses desde a presentación de cada manifestación de interese, cunha orientación meramente para os efectos informativos da aptitude do proxecto para ser obxecto de subvención de acordo coa normativa comunitaria e axudas nesta materia. Durante este período, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar as empresas interesadas a entrevistas para solicitar aclaracións do contido da súas propostas.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2016

Manuel Antonio Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación

ANEXO
Contido da manifestación de interese

Número máximo de páxinas excluíndo a portada e o índice: 40.

Tamaño de letra: 11 puntos.

Interliñado: 1,5 liñas.

A manifestación de interese deberá conter as seguintes epígrafes e deberá respectar a orde indicada:

1. Identificación da empresa e anuncio:

a) Datos da empresa responsable: razón social, CIF, enderezo, persoa/s de contacto, teléfono, correo electrónico.

b) Indicar que se trata dunha proposta presentada á resolución da Axencia Galega de Innovación dentro da «captación de investimentos 4.0».

2. Resumo.

3. Obxectivos tecnolóxicos do proxecto de desenvolvemento experimental que se ten previsto realizar:

a) Establecer de forma explícita e concreta os obxectivos do proxecto.

b) Aliñamento coas tendencias internacionais da fábrica intelixente e da industria 4.0.

4. Descrición técnica e plan de traballo.

– Se se dispón delas, poderase presentar unha descrición detallada, alcance e plan de traballo das actividades que se van realizar, organizadas como tarefas ou fitos e con referencia aos métodos e procedementos que se van utilizar.

5. Orzamento previsto do proxecto.

– Se se dispón desta información, poderase presentar unha cuantificación, descrición e xustificación da necesidade das distintas partidas de gasto en que se distribúe o orzamento do proxecto atendendo ás distintas fases ou actividades do proxecto.

6. Explotación de resultados.

a) Identificación do mercado obxectivo e previsión de comercialización a nivel nacional e internacional dos resultados do proxecto.

b) Definición da estratexia de comercialización dos produtos e servizos obtidos.

7. Impacto socioeconómico.

a) Xustificación da repercusión do proxecto na actividade empresarial galega, contribución ao fortalecemento do tecido empresarial en Galicia. Capacidade de arrastre ou mobilización do investimento privado. Plan de reindustrialización e investimentos previstos derivados dos resultados do proxecto.

b) Impacto do proxecto en termos de mantemento e creación de emprego.

c) Implicacións ambientais do proxecto.