Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 8 de abril de 2016 Páx. 12567

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2015/16.

O Estatuto de autonomía de Galicia declara no seu artigo 31 a competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Pola súa banda, a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece e define as obrigas das administracións educativas en relación cos servizos educativos complementarios, tales como o transporte e os comedores escolares.

Actualmente, o Decreto 132/2013, do 1 de agosto (DOG nº 154, do 13 de agosto), regula o funcionamento dos comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación.

O artigo 2.1.e) da citada norma prevé que a Administración educativa poderá colaborar coas asociacións de nais e pais do alumnado e as súas federacións, cando estas asuman a xestión e organización do comedor escolar.

No marco normativo referido, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria establece nesta orde un programa de axudas económicas coa finalidade de cofinanciar os servizos de comedores escolares que xestionan as asociacións de nais e pais do alumnado nos centros públicos non universitarios dependentes dela.

Polo exposto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar as axudas económicas destinadas ás asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnado legalmente constituídas, que xestionan os comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparten os niveis de ensinanza básica obrigatoria e/ou o segundo ciclo de educación infantil.

2. O outorgamento das axudas a que se refire esta orde realizarase en réxime de concorrencia competitiva baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

3. As axudas económicas irán destinadas a sufragar os seguintes conceptos:

a) O custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, entendido como o servizo de comida ao mediodía, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do servizo do comedor e o desenvolvemento dos programas complementarios de promoción da saúde e das habilidades persoais, durante o curso académico 2015/16.

b) Os gastos orixinados pola contratación de persoal que desenvolva o labor de atención ao alumnado con necesidades específicas, para o caso de que a contratación deste persoal se realice separadamente.

c) Os gastos ocasionados pola contratación por parte das asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

4. Poderán acollerse a esta orde todas as actuacións descritas no parágrafo anterior, sempre que se desenvolvan durante o curso académico 2015/16.

Artigo 2. Crédito orzamentario destinado

1. Para a concesión das axudas regulamentadas nesta orde destinaranse 522.998 euros que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 10.10.423A.481.0 dos orzamentos xerais de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, ben que o importe da axuda concedida en ningún caso poderá, en concorrencia coas outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade que desenvolva a beneficiaria.

Artigo 3. Actividade cofinanciable

Son actividades cofinanciables as vinculadas á organización e xestión dos comedores escolares existentes nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que realicen as entidades que poden ter a condición de beneficiarias e que se enumeran no artigo 4.

As axudas poderán sufragar ata un máximo do 50 % do custo do servizo de comedor do centro escolar correspondente. Para iso terase en conta o orzamento que a solicitante debe achegar no momento de presentar a súa solicitude, que deberá axustarse ao modelo incorporado como anexo II.

Os solicitantes que sexan perceptores doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outras entidades públicas ou privadas deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía e percibirán, se é o caso, a axuda cos límites expresados no artigo 2.2.

Artigo 4. Beneficiarias das axudas

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor nas instalacións dos centros escolares correspondentes.

2. De conformidade co previsto no artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, introducido pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, será requisito para o acceso e exercicio ás profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con menores non ser condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por tráfico de seres humanos. Para este efecto, quen pretenda o acceso a tales profesións, oficios ou actividades deberá acreditar esta circunstancia mediante a achega dunha certificación negativa do Rexistro Central de delincuentes sexuais.

O exposto implica para as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que concorran ás axudas establecidas na presente orde a obriga de presentar, coa súa solicitude, no caso de persoal propio da entidade, unha declaración responsable debidamente asinada polo representante legal das ditas asociacións, federacións e confederacións en que manifeste expresamente que se dará debido cumprimento ao mandato legal contido no dito artigo 13.5 e, no caso do persoal pertencente tanto ás empresas contratadas como ás subcontratadas por elas, declaración responsable asinada polo representante legal das empresas contratistas en que acredite que non foron condenados en sentenza firme por delitos sexuais.

3. Entenderase que xestiona o comedor escolar a entidade que teña ao seu cargo a súa organización, por algunha das formas que a seguir se enumeran:

a) Mediante a contratación directa da prestación do servizo de forma integral, que comprenda tanto a xestión do comedor como as restantes actividades asociadas a este, ou ben a contratación separada de ambas as actividades.

b) Mediante a encomenda integral do servizo a entidades ou empresas especializadas segundo as condicións establecidas de común acordo entre as empresas e as asociacións respectivas.

4. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das axudas aquelas asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que, por careceren de instalacións adecuadas nos centros escolares, xestionen o servizo de comedor escolar nos locais hostaleiros próximos aos centros escolares, sempre e cando cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que existan as condicións adecuadas de seguridade viaria no desprazamento do alumnado cara ao establecemento hostaleiro.

b) Que o local hostaleiro onde se preste o servizo de comedor escolar sexa o mesmo durante todo o curso académico 2015/16.

c) Que o prezo diario dos menús contratados co citado local hostaleiro non supere os 6 euros por comensal, incluído o IVE.

5. Nos supostos previstos nos precedentes números 3 e 4 deste artigo, as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado deberán cumprir o mandato legal contido no citado artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996 e exixir ás empresas externas a que contraten ou encomenden a prestación do servizo a acreditación de que o persoal que vaia ter contacto habitual cos menores non foi condenado por delito sexual.

Artigo 5. Subcontratación das actividades subvencionadas

1. En atención á natureza da actividade obxecto de subvención, as empresas contratadas polas beneficiarias poden subcontratar con terceiros a execución total ou parcial das actividades relativas ao servizo do comedor escolar.

2. Cando a actividade subcontratada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o antedito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscribira por escrito.

b) Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no punto anterior.

3. Ademais do disposto anteriormente, as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado beneficiarias deberán cumprir as previsións e obrigas que, referidas á subcontratación, se sinalan no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o mandato legal contido no citado artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, e exixir ás empresas externas a que contraten ou encomenden a prestación do servizo a acreditación de que o persoal subcontratado que vaia ter contacto habitual cos menores non foi condenado por delito sexual.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes estarán subscritas polo representante legal da entidade solicitante segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, que incluirá as seguintes declaracións:

1º. A certificación do acordo do órgano competente da entidade solicitante polo que se decide solicitar a axuda.

2º. Unha declaración do conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para a mesma finalidade procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

No caso de ter concedida algunha destas axudas, deberán acreditala mediante orixinal ou copia cotexada da resolución ou da comunicación da súa concesión ou certificado do órgano concedente.

3º. Unha declaración responsable de que non concorren no solicitante da axuda ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A este anexo deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) O modelo que figura como anexo II, relativo ao orzamento do custo do servizo de comedor.

b) O anexo III, correspondente a unha memoria explicativa en que se indique expresamente o ano/curso de inicio do servizo e se detalle o carácter continuado e non ocasional do servizo, o número de usuarios e a súa repartición por nivel educativo (coa desagregación establecida no citado anexo), a modalidade de prestación do servizo e o programa de promoción da saúde e das habilidades persoais previsto.

c) Copia do NIF da ANPA, federación ou confederación, no caso de que o/a solicitante denegue expresamente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a consulta dos seus datos na Axencia Estatal Tributaria.

d) Copia cotexada da documentación acreditativa da relación contractual asinada pola entidade solicitante desta axuda e polas entidades ou persoas físicas que lle presten os servizos que son obxecto desta axuda, na cal conste declaración responsable debidamente asinada polo representante legal da empresa en que se acredite que todo o persoal contratado ou, de ser o caso, subcontratado, con contacto habitual con menores, dispón de certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

e) A relación de asociacións de nais e pais de alumnado que formen parte da federación ou das confederacións, se é o caso, e que realicen a actividade de comedor escolar, indicando para cada centro escolar a información requirida no anexo III citado na letra b) deste artigo 6.1.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, o solicitante das axudas deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das asociacións, federacións ou confederacións interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas poderán acollerse ao establecido na regra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo representante legal das asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, entón deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo artigo 6.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Lugar e prazo de presentación das solicitudes e da documentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.es ), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 9. Instrución do procedemento

A unidade administrativa instrutora do procedemento é o Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios dependente da Subdirección Xeral de Recursos Educativos Complementarios da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se deba pronunciar a resolución, conforme o establecido nesta orde, na normativa xeral e específica en materia de axudas e subvencións e de acordo coas normas do procedemento administrativo común.

A unidade instrutora examinará a documentación presentada polas solicitantes e, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos que sinala o artigo 70 desta lei e os exixidos na propia orde de convocatoria, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, se dará por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

O instrutor realizará finalmente un informe no cal determine, con base na documentación que conste no seu poder, os solicitantes que cumpren os requisitos para accederen ás axudas.

Artigo 10. Valoración das solicitudes

1. Constituirase unha Comisión de Valoración que, tendo en conta o informe emitido polo Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios, valorará os expedientes resultantes e elevaralle unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión das axudas.

A Comisión de Valoración estará integrada polos seguintes membros:

– O/a subdirector/a xeral de Recursos Educativos Complementarios, que actuará como presidente/a, ou persoa en quen delegue.

– O/a xefe/a do Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios.

– Un/unha xefe/a dos servizos provinciais de Recursos Educativos Complementarios.

– Un/unha funcionario/a do Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios, que actuará como secretario/a.

No caso de que for necesario prover a suplencia dalgún dos seus membros, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria proverá conforme o seguinte:

a) A presidencia será suplida polo/a xefe/a do Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios.

b) Nos restantes casos, o nomeamento deberá respectar o rango xerárquico dos postos arriba relacionados.

2. Para valorar as solicitudes teranse en consideración os seguintes criterios:

a) Polo carácter continuado na organización e xestión do servizo do comedor escolar, outorgarase un máximo de 5 puntos repartidos do seguinte xeito: 1 punto por cada curso escolar xestionando o citado servizo, cun máximo de 5 cursos escolares consecutivos, excluído o curso obxecto desta orde.

b) Polo número de comensais outorgaranse ata 10 puntos. Os comensais clasifícanse nas seguintes categorías:

a. Usuarios fixos. Son usuarios todos os días da semana lectiva.

b. Usuarios descontinuos. Usuarios que usan o servizo de comedor cunha frecuencia inferior á semana completa:

i. 4 días á semana.

ii. 3 días á semana.

iii. 2 días á semana.

iv. 1 día á semana.

c. Usuarios eventuais. Son os alumnos que fan uso do servizo de comedor esporadicamente e sen unha frecuencia determinada con antelación.

No anexo II desta orde cubrirase a previsión mensual de cada tipo de usuario. A suma total de cada unha das categorías valorarase da seguinte forma:

a. Os usuarios fixos valoraranse ao 100 %.

b. Os usuarios descontinuos 4 días á semana valoraranse ao 80 %.

c. Os usuarios descontinuos 3 días á semana valoraranse ao 60 %.

d. Os usuarios descontinuos 2 días á semana valoraranse ao 40 %.

e. Os usuarios descontinuos 1 día á semana valoraranse ao 20 %.

f. Os usuarios eventuais valoraranse ao 1 %.

A suma de todas estas operacións dividirase entre o número de meses que o comedor permaneza aberto.

O resultado final, do cal se desprezarán os decimais, recibirá a seguinte puntuación:

Comensais

Puntuación

Ata 75

10

De 76 a 150

8

De 151 a 190

6

De 191 a 275

4

Máis de 275

2

c) Programa de promoción da saúde e habilidades persoais: para valorar os programas de promoción da saúde, promoción de hábitos alimentarios saudables e desenvolvemento das habilidades persoais do alumnado do comedor, os solicitantes deberán presentar o anexo III desta orde, o cal inclúe os seguintes aspectos de obrigado cumprimento:

– A entidade organizadora do programa.

– Unha descrición das actividades que se desenvolven nel.

– A programación diaria, semanal ou mensual das actividades.

– Unha descrición do persoal encargado do seu desenvolvemento, con referencia expresa ao número e á súa cualificación.

Os programas recollidos nesta epígrafe valoraranse cun máximo de 5 puntos repartidos do seguinte xeito:

– Ata 4 puntos, polo desenvolvemento do programa con carácter continuo e permanente ao longo do curso escolar 2015/16.

– Ata 1 punto, cando na realización das actividades ou das accións que formen parte dos programas de promoción da saúde e habilidades persoais se utilice a lingua galega, en cumprimento do disposto na letra l) do número 2 do artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para a aplicación dos criterios anteriores ás solicitudes presentadas polas federacións ou confederacións de nais/pais de alumnos/as, farase unha valoración global destas atendendo ás circunstancias que presenten os comedores escolares dos centros docentes incluídos en cada unha delas.

Nestes supostos, a aplicación dos criterios de valoración sinalados no artigo 10 estará suxeita ás seguintes especificacións:

Nos puntos 10.2.a) e 10.2.b), a puntuación final será o resultado de calcular a puntuación media entre as obtidas polos centros correspondentes.

No punto 10.2.c), cando existan diferentes programas nos centros correspondentes a unha mesma federación ou confederación, a puntuación final será o resultado de calcular a puntuación media entre as obtidas polos centros correspondentes.

Para poder valorar estes puntos, as federacións ou confederacións presentarán unha descrición pormenorizada para cada ANPA que a integre, conforme os anexos desta orde.

4. Unha vez determinada a puntuación obtida por cada solicitante en aplicación dos criterios anteriores, o importe das axudas atribuirase mediante a súa asignación proporcional, de maneira que as solicitudes que acaden a máxima puntuación individual posible (20 puntos) obteñan o dereito ao 50 % do orzamento presentado conforme o establecido no artigo 3 desta orde, respectando en todo caso o límite sinalado no artigo 2 desta orde.

5. A axuda máxima establecida no parágrafo 2º do artigo 3 desta orde, isto é o 50 % do custo do servizo, ponderarase polo coeficiente resultante da relación entre o número de puntos obtidos na valoración con respecto ao total de puntos posibles (20 puntos).

O exceso/defecto, sobre o total do orzamento dispoñible establecido no artigo 2 desta orde, redistribuirase proporcionalmente, minorando/incrementando o importe da subvención. O resultado determinará as contías definitivas que se lles concederán ás beneficiarias.

6. No caso de que antes do inicio do prazo establecido para a xustificación se produzan renuncias ás axudas concedidas, os créditos liberados poderán distribuírse de novo entre todos os solicitantes sen necesidade dunha nova convocatoria pública, tendo en conta as valoracións xa efectuadas pola Comisión e dando lugar ao outorgamento dunhas axudas complementarias, que serán proporcionais ás puntuacións obtidas consonte os criterios sinalados neste artigo.

Artigo 11. Resolución e formalización das axudas

1. De conformidade co disposto na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012, de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, delégase no secretario xeral técnico da consellería a competencia para resolver a concesión destas axudas.

2. Unha vez completado o expediente, a Comisión de Valoración elevaralle ao secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a súa proposta de concesión das axudas para que resolva o procedemento. As resolucións serán notificadas no prazo máximo de tres meses, que se contarán a partir do día en que se publique esta convocatoria.

3. Transcorrido o prazo de tres meses sen que fose notificada unha resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude da axuda e os interesados poderán presentar un recurso de reposición no prazo de tres meses, ou acudir directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

4. As resolucións ditadas seranlles notificadas aos interesados de acordo co disposto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Toda alteración das circunstancias que se tiveron en conta para conceder a axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

6. As resolucións ditadas porán fin á vía administrativa e contra elas poderase recorrer potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes, ou poderán ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Publicidade da convocatoria das axudas e da súa concesión

1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

2. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas ao abeiro desta orde, con expresión da súa convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, as beneficiarias e as cantidades outorgadas.

Así mesmo, divulgará a concesión das axudas na súa páxina web oficial ( http://www.edu.xunta.es/portal/ ) nos termos previstos no artigo 6.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

3. Pola súa banda, as beneficiarias das axudas deberán darlle unha publicidade adecuada e difusión ao cofinanciamento público do servizo de comedor escolar de que se trate.

Artigo 13. Pagamento e xustificación das axudas

1. O pagamento das axudas realizarase logo de que a beneficiaria xustifique que realizou as actividades que se van cofinanciar.

2. A xustificación da axuda concedida presentarase entre os días 15 de setembro e 30 de setembro, ambos os dous incluídos. Esta xustificación dirixirase ao Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios da Subdirección Xeral de Recursos Educativos Complementarios, dependente da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sita no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Cando transcorrido o prazo establecido de xustificación non se presentase esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá a beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan (artigo 45 do Decreto 11/2009).

3. A xustificación axustarase ás previsións do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve. Por este motivo, as beneficiarias deberán cubrir o anexo IV desta orde, o cal inclúe:

a) Puntos I.a) e I.b). Unha declaración do número de usuarios reais e a súa repartición por nivel educativo (coa desagregación establecida no citado anexo).

b) Punto II. A conta xustificativa dos gastos e ingresos.

1. A conta xustificativa incluirá a declaración das actividades obxecto de cofinanciamento e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos ocasionados e dos ingresos que soportan estes gastos.

2. Punto II.1. Os gastos relacionados nesta conta xustificativa acreditaranse mediante os orixinais ou as copias compulsadas das facturas ou doutros documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na conta xustificativa.

Ademais, entregaranse os orixinais ou as copias compulsadas dos xustificantes dos pagamentos efectivos destas facturas que aseguren en todo caso a realización das actividades subvencionadas. En particular:

– Se os gastos derivan dunha relación laboral, deberá xuntarse a nómina e o xustificante do seu pagamento, así como acreditar o pagamento das retencións efectuadas en cumprimento da normativa aplicable do IRPF e do aboamento das cotizacións da Seguridade Social.

– Se os gastos derivan da relación contractual cunha entidade ou autónomo/a, deberán xuntarse as facturas e os xustificantes de pagamento.

– No caso de computar gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguros, deberán achegar un informe ou declaración da empresa aseguradora no cal se especifique a porcentaxe da póliza directamente vinculada á prestación do dito servizo de comedor escolar.

Os xustificantes de pagamento poderán consistir na acreditación mediante extracto bancario da transferencia bancaria realizada ou do cheque nominativo emitido ou, no caso de ter pagado en metálico, deberá achegarse un xustificante do prestador do servizo aboado ou unha certificación deste de ter recibido o importe relacionado neste anexo.

3. Punto II.2. Na conta xustificativa, na súa epígrafe de ingresos, inclúe unha declaración do conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

A esta declaración débese xuntar orixinal ou copia cotexada da resolución ou da comunicación da súa concesión ou un certificado do/dos órgano/s que concedeu/concederon a axuda.

c) Punto III.

1º. Declaración da entidade á cal se lle concedeu a subvención, indicando a forma de pagamento pactada co provedor.

No caso de que os usuarios aboen directamente o prezo total ou parcial do servizo á entidade ou empresa prestadora, deberase remitir un certificado expedido pola entidade ou empresa provedora á cal se lle encomendaron os servizos, onde figure que os gastos derivados da prestación destes están realmente aboados, especificando para cada centro educativo incluído na solicitude da axuda:

1) O importe total e os importes desagregados por meses.

2) O número de usuarios en cada mes.

3) Os menús servidos en cada mes.

2º. A certificación do/da presidente/a de que esa entidade xestionou o comedor escolar do centro que lle corresponde durante o período ao que se refire a xustificación.

3º. Unha declaración de que non concorren no solicitante da axuda ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4º. Unha declaración responsable de que a entidade está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como de que non ten débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia, con base no disposto no artigo 60.4 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Se as beneficiarias non xustifican a totalidade do orzamento de gastos presentado coa solicitude, o importe da axuda concedida minorarase proporcionalmente á xustificación dos gastos que se presente.

Artigo 14. Obrigas das beneficiarias das axudas

Son obrigas das beneficiarias das axudas reguladas nesta orde, ademais das que quedan sinaladas nas bases anteriores, as seguintes:

– Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación de verificación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

– Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación efectuarase no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

– Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

– Informar a comunidade escolar respectiva das axudas percibidas da Consellería en concepto de cofinanciamento na xestión do comedor escolar.

Artigo 15. Revogación e reintegro das axudas

Nos supostos establecidos no artigo 33.1 da Lei 9/2007 e no suposto sinalado no derradeiro parágrafo do artigo 13 desta orde, procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida, así como o aboamento dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 16. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia serán de aplicación as disposicións recollidas no título IV, artigos 50 ao 68 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Normas de aplicación supletoria

No non previsto nas bases anteriores, serán de aplicación directa as normas contidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e de aplicación supletoria as establecidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a rec.santiago@edu.xunta.es .

Disposición derradeira primeira

Contra esta orde poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte a aquel en que se publique no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file