Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 12 de abril de 2016 Páx. 13158

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2016 pola que se convoca unha xornada sobre marcas de garantía e denominacións de orixe.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, de 10 de xullo, convócase unha xornada sobre marcas de garantía e denominacións de orixe, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Esta xornada permitirá aos asistentes ter os coñecementos xurídicos esenciais sobre marcas de garantía. Estas marcas non indican a orixe empresarial dun produto, senón que garanten uns determinados estándares de calidade ou características do produto. En atención a que a reforma do Regulamento sobre a marca da Unión Europea de 2009 recoñeceu as marcas de certificación da Unión, calquera asociación ten a posibilidade de rexistrar unha marca de certificación con efectos nos vinte e oito países que forman a Unión Europea.

Polo demais, a xornada tamén proporcionará un maior coñecemento da regulación das denominacións de orixe no marco de toda a Unión Europea.

Finalmente, analizaranse cales son as accións que protexen os titulares de marca de garantía e os organismos titulares de denominacións de orixe, para perseguir as infraccións destas. Así se poñen os remedios xurídicos necesarios para evitar os prexuízos que estas infraccións causan aos citados titulares e aos consumidores.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– O concepto de marca: diferenzas coa denominación de orixe.

– A actividade da OMPI en materia de marcas de garantía e denominacións de orixe.

– A marca de certificación da Unión.

– A marca de garantía en España.

– A marca de garantía. Galicia Calidade.

– A regulación das denominacións de orixe da UE.

– A protección xurídica das marcas de garantía e as denominacións de orixe.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, salón de actos. Rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 2 de maio de 2016.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 7 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 11.00 horas do 29 de abril de 2016.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización da xornada e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública