O Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificado polo Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, no seu artigo 12 establece que o acceso ás ensinanzas oficiais conducentes aos títulos superiores de ensinanzas artísticas nos diferentes ámbitos requirirá estar en posesión do título de bacharel ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación das correspondentes probas específicas a que se refiren os artigos 54.2, 55.2, 56.1 e 57.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.
Igualmente, o citado Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, na súa disposición adicional oitava, sobre acceso directo, establece que, con carácter excepcional e de acordo co artigo 69.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, as administracións educativas poderán establecer o acceso directo a maiores de 18 anos de idade ás ensinanzas artísticas superiores en xeral mediante a superación dunha proba específica, regulada e organizada polas administracións educativas, que acredite que o aspirante posúe os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas, así como o acceso directo aos estudos superiores de música ou de danza de maiores de 16 nas mesmas condicións.
A Lei 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, no punto 6 da súa disposición derradeira quinta, sobre calendario de implantación, establece que as modificacións introducidas nas condicións de acceso e admisión ás ensinanzas reguladas nesa lei orgánica serán de aplicación no curso escolar 2016/17.
En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso do alumnado que se atope en tales circunstancias, para o curso escolar 2016/17, ás ensinanzas artísticas superiores de Música, de Arte Dramática, de Deseño e de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Xa que logo, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral
RESOLVE:
Convocar a proba de acceso, para os aspirantes que non estean en posesión do título de bacharel ou equivalente e fagan dezaoito anos no ano 2016, ás ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, de Deseño, e de Conservación e Restauración de Bens Culturais, para o curso escolar 2016/17, así como para os aspirantes que non estean en posesión do título de bacharel ou equivalente e fagan dezaseis anos no ano 2016, ás ensinanzas artísticas superiores de Música, que se rexerá polas seguintes instrucións:
Primeiro. Inscrición para realizar a proba
a) A inscrición realizarase na secretaría dos seguintes centros educativos entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o día 30 de maio, ambos inclusive:
– Conservatorio Superior de Música da Coruña.
– Conservatorio Superior de Música de Vigo.
– Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.
– Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela.
– Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo.
– Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense.
– Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
– Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
b) Para a formalización das solicitudes de admisión, os centros superiores facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, xunto cunha copia compulsada do DNI ou NIE ou pasaporte.
c) Os centros superiores onde se realice a inscrición deberán enviarlle á dirección xeral, a través do correo electrónico sxeefp@edu.xunta.es, o día 31 de maio, a relación de persoas inscritas para realizar a proba de acceso, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade ou do documento acreditativo.
d) A relación de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios de cada centro o día 31 de maio, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es .
e) Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisional entre os días 1 e 2 de xuño, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizou a inscrición (ou a través do correo electrónico sxeefp@edu.xunta.es).
f) A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 3 de xuño no taboleiro de anuncios de cada centro, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es .
Segundo. Desenvolvemento da proba
a) A proba de acceso realizarase o día 6 de xuño, ás 9.00 horas, no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela, de acordo co seguinte horario:
– 9.00 horas: presentación.
– Das 9.30 ás 10.30 horas: Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés).
– Das 10.30 ás 11.30 horas: Lingua Castelá e Literatura.
– Das 12.00 ás 13.00 horas: Lingua Galega e Literatura.
– Das 13.00 ás 14.00 horas: Filosofía e Cidadanía ou Historia da Filosofía.
– Das 16.00 ás 17.00 horas: Historia de España ou Ciencias para o Mundo Contemporáneo.
b) As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e copia da folla de solicitude de inscrición.
Terceiro. Tribunal e cualificacións
a) A proba de acceso será administrada e avaliada polo tribunal que se recolle no anexo a esta resolución.
b) Os membros deste tribunal terán dereito á percepción de asistencias de acordo co establecido no capítulo IV do Decreto 144/2001, do 7 de xuño.
c) A proba de acceso será cualificada cos termos de apto e non apto.
Cuarto. Admisión do alumnado
a) Unha vez concluída a proba, o tribunal publicará a listaxe provisional de persoas que superaron e non superaron a proba, o día 8 de xuño, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es .
b) Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 9 e 10 de xuño, ambos os dous incluídos, ante o presidente do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros remitirán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través do correo electrónico sxeefp@edu.xunta.es, as reclamacións presentadas para proceder á súa revisión.
c) As cualificacións definitivas publicaranse o día 13 de xuño, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es .
d) Contra as cualificacións definitivas, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.
Quinto. Emisión de certificación
Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes que superaron a proba, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa remitirá, o día 13 de xuño, os correspondentes certificados de ter superada a proba aos centros onde os aspirantes realizaron a inscrición.
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2016
Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional
e Innovación Educativa
ANEXO
Tribunal da proba de acceso
de ensinanzas artísticas superiores
Tribunal titular |
Tribunal suplente |
||
Presidenta |
Isabel Serna Masiá |
Presidente |
Manuel Guerra Fernández |
Secretaria |
Rosa Giao Sánchez |
Secretaria |
Mª Luz Ares Fandiño |
Vogal 1º |
Noemí Álvarez Villar |
Vogal 1º |
Sofía Viña Díaz |
Vogal 2º |
Mª Jesús Lorenzana Lamelo |
Vogal 2º |
Mª Teresa de Jesús Rey Rey |
Vogal 3º |
Carmen Meiriño González |
Vogal 3º |
Marta Coria Blanco |
Vogal 4º |
Manuel Ángel García Gómez |
Vogal 4º |
Manuel Mira Martínez |
Vogal 5º |
Leopoldo Bahillo Varela |
Vogal 5º |
Julita Taboada Martínez |
Vogal 6º |
Ricardo Pita Fernández |
Vogal 6º |
Victoria Cerviño Ferrín |