Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 6 de maio de 2016 Páx. 16939

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

ANUNCIO do 14 de abril de 2016, da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, pola que se procede a darlle publicidade á resolución da mesma data pola que se convoca para a súa provisión, polo sistema de libre designación, un posto vacante de supervisor/a da Área de Calidade.

De conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG núm. 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na Orde de 24 de maio de 2006 (DOG núm. 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, e en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, modificado polo Decreto 111/2013 do 4 de xullo (DOG núm. 140, do 24 de xullo), e na Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG núm. 130, do 20 de xullo), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde,

DISPÓN:

Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, un posto vacante de supervisor/a da Área de Calidade.

As bases íntegras da citada convocatoria estarán expostas nos taboleiros de anuncios da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e na páxina web do Sergas (www.sergas.es).

As solicitudes deberanse presentar no Rexistro Xeral da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, sito no Edificio Santa María Nai do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, planta 3, dirixidas á xerente de Xestión Integrada, no prazo de quince (15) días hábiles contados desde o seguinte ao da data da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderanse presentar a través de calquera dos rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os interesados deberán presentar xunto coa solicitude un curriculum vitae e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.

Ourense, 14 de abril de 2016

Eloína Núñez Masid
Xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras