Na sesión realizada polo xurado provincial o día 29 de marzo de 2016 figura o seguinte acordo:
Monte de Novelúa (expediente 45/73), pertencente aos veciños da parroquia de Novelúa, no termo municipal de Monterroso, e clasificado como veciñal en man común por resolución do Xurado Provincial con data do 28 de decembro de 1974, e monte de Salgueiros (expediente 58/76), pertencente aos veciños da parroquia de Salgueiros, no termo municipal de Monterroso, e clasificado como veciñal en man común por resolución do Xurado Provincial con data do 29 de abril de 1977. Con data do 2 de marzo de 2015 ten entrada copia autenticada da sentenza firme ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Chantada, con data do 29 de abril de 2013, ditada no procedemento ordinario 281/2009, na cal se declara: «[...] que o monte veciñal en man común de Novelúa ten como linde que o separa do monte veciñal de Santa María de Salgueiros e dos predios dos demandados os seguintes puntos de referencia: desde Pena Castrela ata o marco Mámoa da Lagoa; desde este punto ata Fonte Tibián; de aí ata o Marco da Cruz; desde aí a Pena do Bao; de aí a Marco dos Campazos; desde aí ata Fonte da Barcela ou Barxela; e de aí ata o lugar de Coios Brancos, onde finaliza o lindeiro coa parroquia de Salgueiros. 2. Declarar que os puntos Marco da Cruz, Pena do Bao e Marco dos Campazos teñen a localización que sosteñen os veciños de Novelúa. 3. Declarar que os demandados carecen de dereito a ocupar e posuír calquera parcela comprendida dentro dos lindeiros do monte veciñal en man común de Novelúa. 4. Condenar os demandados a estaren e pasaren polas anteriores declaracións e a deixaren libres e á disposición dos veciños de Novelúa as parcelas do
monte que veñen ocupando e posuíndo dentro do seu perímetro [...]». Dado traslado da documentación ao Servizo de Montes, con data do 23 de novembro de 2015 emítese informe especificando as modificacións resultantes, co que o monte de Novelúa queda cunha superficie de 315,3 hectáreas, e o monte de Salgueiros, cunha superficie de 49,5 hectáreas. Xuntan esbozo da situación actual dos montes veciñais afectados. Examinada a devandita sentenza, o Xurado, por unanimidade, acorda dar cumprimento ao establecido nela, coa incorporación do esbozo referido ao expediente de clasificación.
Ao descoñecerse o nome e enderezo dos posibles titulares de dereitos e intereses sobre o referido monte, por medio do presente anuncio, en conformidade co disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, comunícase o devandito acordo.
Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para a execución da Lei de MVMC, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.
Lugo, 18 de abril de 2016
José Ramón Losada Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Lugo