Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 9 de maio de 2016 Páx. 17252

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2016/17.

A Lei 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, no punto 6 da súa disposición derradeira quinta sobre calendario de implantación, establece que as modificacións introducidas nas condicións de acceso e admisión ás ensinanzas reguladas nesa lei orgánica serán de aplicación no curso escolar 2016/17.

Igualmente, o Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificado polo Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, na súa disposición adicional oitava sobre acceso directo, establece que, con carácter excepcional e de acordo co artigo 69.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, as administracións educativas poderán establecer o acceso directo a maiores de 18 anos de idade ás ensinanzas artísticas superiores en xeral mediante a superación dunha proba específica, regulada e organizada polas administracións educativas, que acredite que o aspirante posúe os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas, así como o acceso directo aos estudos superiores de música ou de danza de maiores de 16 anos nas mesmas condicións.

O punto 1 do artigo 5 do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, establece que para o acceso a estas ensinanzas requirirase cumprir os requisitos establecidos no artigo 57.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Asemade, o punto 4 do mesmo artigo, establece que a consellería competente en materia de educación, a través da dirección xeral correspondente, convocará, organizará, desenvolverá e avaliará, con carácter anual, unha proba específica de acceso a estes estudos.

Igualmente, a Orde do 30 de setembro de 2010 pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula o acceso ao dito grao, no seus artigos 16, 18 e 19, concreta determinados aspectos relativos ás probas de acceso a estas ensinanzas.

En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2016/17. Xa que logo, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas de acceso específicas ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2016/17, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeiro. Acceso

a) De acordo co establecido no artigo 16 da Orde do 30 de setembro de 2010, para o acceso ás ensinanzas superiores de Deseño requirirase estar en posesión do título de bacharel ou titulación declarada equivalente, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, e superar a proba específica de acceso.

b) Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán realizar a dita proba e, no caso de obter praza, matricularse de forma provisional no prazo establecido; deberán acreditar a obtención do título de bacharel antes do inicio do curso no mes de setembro e no caso de non acreditalo, perderán o dereito á matrícula e á praza.

c) De conformidade co citado artigo 16.2 da citada Orde do 30 de setembro de 2010, a superación desta proba específica permitirá acceder a calquera dos centros do Estado onde se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da súa dispoñibilidade de prazas.

d) Así mesmo, segundo o establecido no citado artigo 18.1 da citada orde, poderán acceder aos estudos superiores en Deseño, sen realizaren a proba específica sinalada no artigo 16 desta orde, os aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño.

Segundo. Órganos competentes para resolver os procesos de admisión

1. Comisión de acceso.

De conformidade co disposto no artigo 19 da Orde do 30 de setembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, formarase unha comisión de acceso que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporá, cando for o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que consideren adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo desta resolución.

2. Tribunais.

Para o desenvolvemento e a avaliación das probas de acceso específicas, a comisión de acceso estará asistida por tribunais específicos para cada unha das distintas especialidades, tal e como se recolle no anexo a esta resolución. As direccións das escolas de Arte e superiores de Deseño en que se leven a cabo as probas específicas adoptarán as medidas oportunas relacionadas coa dispoñibilidade de espazos e medios para a realización das ditas probas en colaboración coas presidencias dos tribunais correspondentes e da comisión de acceso.

Terceiro. Inscrición para realizar as probas

a) A inscrición farase na Secretaría da Escola de Arte e Superior de Deseño de Galicia elixida en primeira ou única opción, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o 7 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) Para a formalización das solicitudes de admisión, as escolas de Arte e superiores de Deseño facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na Secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

– Título de bacharel ou titulación equivalente, ou certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba de acceso a estas ensinanzas para maiores de dezaoito anos ou algunha materia do bacharelato, farano constar na solicitude, quedando condicionada á superación dela.

c) O día 8 de xuño as escolas de Arte e superiores de Deseño exporán as listaxes provisionais de admitidos ás probas no seu taboleiro de anuncios e na súa páxina web. O alumnado que non sexa admitido ou detecte erros na listaxe poderá presentar a súa reclamación os días 9 e 10 de xuño na Secretaría da escola en que fixeran a inscrición.

d) O día 13 de xuño as escolas de Arte e superiores de Deseño deberán enviarlle á comisión de acceso, a través de correo electrónico, a relación definitiva de persoas inscritas para o acceso e admisión en cada especialidade das ensinanzas superiores de Deseño, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, con expresión da proba ou probas que deba realizar, e centros a que opte, ordenados segundo a súa preferencia.

e) O día 13 de xuño a relación definitiva de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios de cada escola, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

Cuarto. Acceso directo

a) De conformidade co artigo 18.2 da Orde do 30 de setembro de 2010, a porcentaxe de prazas sobre o total das ofertadas en cada especialidade para os aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño é do 20 %. O 80 % restante será adxudicado mediante a proba específica.

b) Os aspirantes que opten polo acceso directo deberán formalizar igualmente a súa inscrición no proceso de acceso e admisión nas datas establecidas no punto terceiro da presente resolución.

c) Os aspirantes que estean pendentes da avaliación do proxecto final, ou da avaliación final de ciclo, para a obtención dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2015/16, e en consecuencia non dispoñan do título antes de finalizar o prazo de inscrición, poderán igualmente formalizar a súa inscrición para o acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Deseño, e deberán presentar a certificación de ter solicitado o devandito título para a formalización da matrícula no prazo ordinario establecido.

d) O criterio de prelación na adxudicación das prazas por acceso directo, cando non existan prazas suficientes, será en función da nota final do expediente académico do ciclo superior de Artes Plásticas alegado para o dito acceso directo, calculada segundo se dispón no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Para os efectos do cálculo da cualificación media do expediente académico das persoas que soliciten acceder ás ensinanzas superiores de Deseño aplicaranse, cando cumpra, as seguintes equivalencias, agás que no seu expediente consten explicitamente as cualificacións numéricas das materias. Neste caso serán as que se teñan en conta:

– Suficiente/aprobado: 5,5.

– Ben: 6,5.

– Notable: 7,5.

– Sobresaliente/matrícula de honra: 9,0.

O resultado de aplicar a táboa de equivalencias indicada anteriormente expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudo, con dúas cifras decimais. Así mesmo, para determinar a media do expediente académico non se considerarán as materias ou áreas que o alumnado teña validadas ou nas cales estivese exento.

f) No caso de non quedaren cubertas as prazas de acceso directo, esas prazas serán asignadas aos aspirantes que superaron as probas específicas.

Quinto. Desenvolvemento das probas

a) As probas específicas de acceso levaranse a cabo o día 20 de xuño na EASD Pablo Picasso da Coruña, de acordo co seguinte calendario e horario:

– 1ª parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

– 2ª parte: das 16.00 ás 20.00 horas.

b) A EASD Pablo Picasso organizará a distribución horaria e de espazos de ocupación dos tribunais que actúen nela.

c) Estrutura da proba específica.

A proba específica de acceso ás ensinanzas superiores en Deseño constará de dúas partes:

• Primeira parte.

Durante un máximo de tres horas, os aspirantes contestarán por escrito tres cuestións, formuladas por escrito polo tribunal, relacionadas cos seguintes temas:

a) A historia das artes en xeral.

b) A historia das artes aplicadas, os oficios artísticos e o deseño en xeral.

c) O deseño na especialidade que se aspira a cursar.

Nesta parte da proba, o tribunal valorará a extensión e profundidade dos coñecementos, así como a calidade expresiva e expositiva amosada polo aspirante.

• Segunda parte.

Durante un máximo de catro horas, os aspirantes realizarán dous exercicios de debuxo:

– 1º exercicio: debuxo mimético a man alzada, do natural ou a partir da documentación facilitada, dun modelo relacionado coa especialidade que se aspira a cursar, proposto polo tribunal, realizado a lapis de grafito sobre papel tamaño DIN A3.

– 2º exercicio: debuxo a man alzada, utilizando os sistemas e técnicas de representación máis apropiadas aos estudos que se aspira a cursar, que serán definidos polo tribunal, do modelo do exercicio anterior.

Nesta parte da proba o tribunal valorará a fidelidade representativa, os coñecementos amosados e a exactitude e limpeza da execución.

d) Cualificación da proba específica de acceso.

Cada unha das partes da proba cualificarase nunha escala de 0 a 10, con dous decimais.

A cualificación final da proba específica de acceso será o resultado da media aritmética das cualificacións obtidas polo aspirante en cada unha das súas partes, expresada con dous decimais; considerarase superada a proba a partir da cualificación de 5,00 (cinco).

Sexto. Admisión do alumnado

a) Unha vez concluída a proba específica, e antes do día 27 de xuño os tribunais publicarán as listaxes de aspirantes, con expresión da cualificación final obtida, e os aspirantes presentados e non presentados, ordenadas por cada especialidade segundo a puntuación en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web da escola onde se realizase a proba, e remitirán as ditas listaxes á DXEFPIE, para a súa publicación no portal educativo, o día 27 de xuño.

b) Os/as aspirantes poderán presentar reclamación por escrito en contra das cualificacións ou solicitar a corrección dos erros que se detecten, na secretaría do centro en que se realizou a proba, durante os días 28 e 29 de xuño.

c) Os tribunais encargados da avaliación e cualificación da proba específica de acceso resolverán sobre as solicitudes de corrección de erros ou reclamacións en contra das cualificacións antes do día 30 de xuño de 2016.

d) Os tribunais comunicarán o 30 de xuño á comisión de acceso a relación definitiva de aspirantes que superaron as probas de acceso, ordenados por puntuación e en orde decrecente, segundo as distintas especialidades, e publicarán estas no taboleiro de anuncios e na páxina web da escola onde se realizou a proba.

e) A comisión, á vista das listaxes dos aspirantes que superaron a proba de acceso, determinará, en función do número de vacantes, os aspirantes que obtiveron praza nas respectivas escolas de Arte e superiores de Deseño, e elevará a proposta á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

f) A listaxe de persoas admitidas en cada escola e especialidade será comunicada ás respectivas escolas de Arte e superiores de Deseño o día 4 de xullo, e exposta no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es.

g) No caso de quedaren prazas vacantes, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá establecer un proceso extraordinario de acceso na primeira semana de setembro.

Sétimo. Reclamacións e recursos

a) Os acordos e decisións dos tribunais sobre as probas de acceso poderán ser obxecto de reclamación, presentada mediante escrito fundamentado na Secretaría da EASD na cal se realizasen as probas, ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo de dous días hábiles, contados a partir do día da súa publicación. Este órgano deberá resolver as reclamacións no prazo de dous días hábiles seguintes ao do remate deste prazo de reclamación.

b) Contra as resolucións das reclamacións emitidas polo tribunal, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Oitavo. Matrícula

a) O alumnado que obteña praza poderá formalizar a súa matrícula entre os días 6 e 15 de xullo, ambos os dous incluídos.

b) Para a formalización das solicitudes de matrícula, as escolas de Arte e superiores de Deseño facilitaranlles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única instancia na Secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2016/17.

c) O día 18 de xullo as escolas de Arte e superiores de Deseño remitirán á comisión de acceso as listaxes de aspirantes matriculados en cada especialidade.

d) O día 22 de xullo a comisión de acceso publicará no portal educativo as listaxes de espera para cada especialidade e centro.

e) A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnos e alumnas admitidos. Non se cuantifica, para estes efectos, o alumnado repetidor.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2016

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO

I. Comisión de acceso ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2016/17.

Presidente: Gonzalo Porral Mato.

Secretario: Manuel Soto Gómez.

Vogais:

Esther Muñoz Mella.

César Taboada Varela.

Santiago Riande Torres.

II. Tribunais encargados da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Deseño.

Tribunal nº 1: Especialidades de Gráfico e Moda:

Tribunal titular

Tribunal suplente

Presidente/a

Antonio Andrés Ferreiro Rodríguez

Mónica Sabariz Casado

Vogal 1º

Carmen Lage Veloso

Motserrat Gómez Bravo

Vogal 2º

Juan Luís Luaces Fandiño

María Teresa Picallo Rodríguez

Vogal 3º

Javier Álvarez Franco

Elena Pardo Antequera

Vogal 4º

María Antonieta Ríos Peleteiro

Ana Luísa Castro Dapena

Tribunal nº 2: Especialidades de Interiores e Produto:

Tribunal titular

Tribunal suplente

Presidente/a

Nicolás López Ciprián

José Luís Torres Padín

Vogal 1º

Carlos Barreiro Roca

Néstor Martín Gulías

Vogal 2º

Elisa González Penas

Jesús Eduardo Villar Quintás

Vogal 3º

Javier Macho Eiras

Manuel Otero Parra

Vogal 4º

María Dolores de las Cuevas Revilla

Lucía Rivera Formoso