Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 9 de maio de 2016 Páx. 17270

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2016 pola que se convoca un curso de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras e manexo de maquinaria agrícola e forestal para persoal que presta servizos na Consellería do Medio Rural destinado nos centros CIAM, Estación Experimental de Gandaría de Montaña de Marco da Curra, Estación Experimental de Agrogandaría da Pobra de Brollón, Estación Experimental do Baixo Miño-Salceda de Caselas e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal).

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 5 de xaneiro de 2016 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e Mugatra Sociedad de Prevención, S.L.U. para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras. Manexo de maquinaria agrícola e forestal (CV16016).

RESOLVO:

Publicar a convocatoria dun curso de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras. Manexo de maquinaria agrícola e forestal (CV16016), que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Primeira. Obxectivos

Curso acerca dos riscos derivados dos traballos nas explotacións agrogandeiras e forestais que se dan nos establecementos da Consellería do Medio Rural, co obxecto de dar cumprimento ao establecido no artigo 19 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, que sinala que a formación deberá estar centrada especificamente no posto de traballo ou función de cada traballador.

Segunda. Contido

LPRL: dereitos e obrigas de traballadores e empresarios.

Riscos xerais:

Caídas desde alturas (silos, tellados, etc.).

Riscos derivados da utilización de ferramentas e maquinaria.

Riscos derivados do manexo de tractores e apeiros.

Manexo de animais. Golpes e contaxio de enfermidades, picaduras e mordeduras.

Inhalación de gases.

Manexo de produtos fitosanitarios, praguicidas, fertilizantes.

Manipulación manual de cargas.

Equipamentos de protección individual e colectiva.

Atrapamentos durante a corta polo pé.

Contacto eléctrico con liñas.

Exposición ao ruído.

Primeiros auxilios.

Terceira. Destinatarios

Persoal da Consellería do Medio Rural destinado nos centros:

– CIAM.

– Estación Experimental de Gandaría de Montaña de Marco da Curra.

– Estación Experimental Agrogandeira da Pobra de Brollón.

– Estación Experimental do Baixo Miño-Salceda de Caselas.

– Ingacal.

Cuarta. Desenvolvemento

Modalidade: presencial.

Nº de edicións: catro.

Duración: 12 horas por edición.

Prazas: 30 por edición.

Lugar: Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM): salón de actos. Estrada Betanzos-Santiago, km 7, Mabegondo, 15318 Abegondo.

Datas:

1ª edición: 2 e 3 de xuño.

2ª edición: 6 e 7 de xuño.

3ª edición: 9 e 10 de xuño.

4ª edición: 13 e 14 de xuño.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Quinta. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es .

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e Mugatra, S.L.U. poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Mugatra, S.L.U. reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Mugatra, S.L.U. garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Oitava. Certificados

Ao rematar o curso terán dereito á expedición dun certificado de asistencia aqueles alumnos inscritos que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do curso e o selo oficial da institución.