Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 12 de maio de 2016 Páx. 18203

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 28 de abril de 2016 pola que se publican as bases e se anuncia a convocatoria pública para cubrir seis prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas.

A Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, desenvolve as accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. As competencias nesta materia correspóndenlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística; de acordo co disposto no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; que está adscrita á antedita consellería segundo o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Así mesmo, o 21 de setembro de 2004, aprobouse no Parlamento de Galicia, por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, o Plan xeral de normalización da lingua galega, desenvolvido, no seu momento, por instancia da antiga Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. No dito plan recoméndanse unha serie de medidas de actuación segundo o sector social implicado. No que se refire á proxección exterior do galego, un dos obxectivos marcados no plan é o de consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico.

No sentido apuntado, e a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino de lingua, literatura e cultura galegas, créanse os centros de estudos galegos, como órganos de referencia nestas universidades, a través dos cales se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.

Son precisamente estes centros o instrumento idóneo para promover unha formación eminentemente práctica entre os titulados universitarios que cumpran cos requisitos de participación exixidos nesta convocatoria. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro dos seus programas de formación relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas, dirixidos a unha ampla gama de destinatarios, ofrécelle a este colectivo a posibilidade de se incorporar aos centros de estudos galegos, co fin de completar a súa formación e de se situar nunha mellor posición de cara a unha futura inserción no mundo laboral. O programa de formación complétase con actividades teórico-prácticas deseñadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística en exclusiva para o colectivo de lectores de lingua, literatura e cultura galegas e, con base nos convenios subscritos, facilítase a posibilidade de realizar, ou de completar, estudos de posgrao nas universidades de destino.

A desexable colaboración entre as distintas administracións, neste caso a Xunta de Galicia e as universidades, plasmada a través dos mencionados convenios nos cales estas últimas adquiren, durante a súa vixencia, o compromiso de contratar e integrar no seu cadro de persoal docente un lector de lingua, literatura e cultura galegas, supón un impulso substancial ao obxectivo marcado no Plan xeral de normalización lingüística de fomentar a proxección exterior do galego no mundo académico da ensinanza superior.

Por outra parte, con base nos principios xerais que rexen as relacións entre as administracións públicas, consagrados nos artigos 3.2 e 4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria síntese na obriga de prestarlles ás universidades implicadas a súa cooperación, colaboración e asistencia activa para que poidan levar a cabo con eficacia o proceso de selección do lector ou lectora referido no parágrafo anterior.

Esta obriga legal de asistencia ten a súa orixe na circunstancia de que os centros de ensino de nivel superior onde se imparten as titulacións conducentes a conseguir a suficiente e adecuada acreditación académica para optar á praza de lector ou lectora de lingua, literatura e cultura galegas se situan en Galicia.

Non obstante o anterior, a actuación da consellería quedará limitada a publicitar as bases da convocatoria a través daqueles medios de difusión que considere pertinentes, entre outros, o Diario Oficial de Galicia, a colaborar na súa xestión administrativa, a prestarlles o asesoramento técnico que demanden e a darlle a adecuada difusión á resolución pola que as universidades adxudican as prazas convocadas.

En consecuencia, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Publícanse as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, de seis prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nos centros de estudos galegos localizados nas universidades que se relacionan na táboa seguinte:

Destino

Localidade

País

Universidade Autónoma de Barcelona

Barcelona

España

Universidade de Gales, Bangor

Bangor

Reino Unido

Universidade de Heidelberg

Heidelberg

Alemaña

Universidade de Kiel

Kiel

Universidade de Leipzig

Leipzig

Universidade de Varsovia

Varsovia

Polonia

Artigo 2. Duración

1. A contratación por parte das universidades das persoas seleccionadas abranguerá, como máximo, un período que non excederá os tres anos.

2. As datas previstas de incorporación e remate recóllense no anexo II, no cal se describen as características principais de cada unha das prazas convocadas. En todo caso, respectarase a data de remate.

Artigo 3. Retribucións

1. O importe íntegro anual que percibirán os adxudicatarios tamén se indica, respecto de cada praza, no anexo II.

2. Con cargo a este importe, os beneficiarios asumirán calquera gasto de tipo profesional ou persoal que poida derivar da súa condición, é dicir: impostos, cotizacións sociais, gastos de locomoción, manutención e residencia, custos de matrícula e gastos de inscrición en actividades formativas, trámites administrativos, etc.

3. Estas persoas, de acordo co establecido no seu artigo 1 e por mor da relación laboral establecida coa universidade de destino, quedan fóra do ámbito de aplicación do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 4. Programa de formación

1. O programa de formación, que terá un marcado carácter práctico, estará integrado por actividades relacionadas coa docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas. As persoas adxudicatarias desenvolverán estas actividades, no marco do convenio asinado coas universidades de destino, baixo a dirección do/da responsable do centro de estudos galegos e en permanente coordinación con este.

As ditas actividades non se limitarán ao ámbito académico universitario senón que tamén abranguerán a súa área de influencia.

2. Á marxe do anterior, e para complementar as accións formativas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística deseñará actividades de formación específicas para o colectivo de lectores.

Artigo 5. Requisitos

1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.

– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.

– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.

– Non atoparse incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Titulación académica:

▪ Poderá solicitar todas as prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

• Licenciatura en Filoloxía Galega.

• Licenciatura en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego.

• Grao en Lingua e Literatura Galegas.

• Grao en Estudos de Galego e Español.

• Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.

▪ Poderá solicitar as prazas localizadas no Reino Unido, Alemaña e Polonia quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

• Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

• Grao en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derivase da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.

3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 14.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado recollido como anexo I nesta orde. O formulario da solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no enderezo http://www.lingua.gal/portada

2. Ás solicitudes xuntarase a seguinte documentación preceptiva:

– Copia do DNI da persoa solicitante, no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade, ou do documento acreditativo da súa identidade.

– Copia da titulación universitaria exixida no artigo 6, só no caso de non autorizar a súa consulta, ou da acreditación de que foi solicitada.

3. As persoas interesadas poderán solicitar, como máximo, tres destinos que deberán relacionar no anexo I por orde de preferencia.

4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. As persoas interesadas só poderán optar por unha das vías de presentación.

6. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle á persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou acompañe os documentos preceptivos. Unha vez que transcorra o dito prazo sen que se produza a emenda, considerarase que desiste da súa petición.

7. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e o establecido para a súa emenda, publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no seu taboleiro de anuncios as listaxes provisionais de admitidos, excluídos, con indicación da causa que orixina esta situación, e desistidos.

Á vista das listaxes anteriores, as persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días para presentar reclamación.

Artigo 7. Prazo de presentación

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Acreditación de méritos e forma de presentación da documentación

1. Para a valoración dos seus méritos, conforme o establecido no anexo III, os candidatos achegarán a seguinte documentación:

a) En relación coa titulación exixida, orixinal ou copia compulsada da certificación académica persoal, na cal debe constar a nota media do expediente académico, calculada en función do disposto na resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011 (Diario Oficial de Galicia núm. 188, do 30 de setembro).

b) Currículo, no cal deben figurar todos os méritos alegados.

c) Para cada destino solicitado, proxecto didáctico de docencia en prácticas aplicable á universidade solicitada, que incluirá como primeira epígrafe a explicación dos motivos da súa solicitude.

A extensión do proxecto didáctico non deberá superar as 25 páxinas, mecanografadas cun interliñado de espazo e medio, tipo de letra non superior a 14 puntos e presentadas en formato A4.

2. Os méritos alegados no currículo xustificaranse mediante documento orixinal ou copia compulsada, se se utiliza a vía presencial, e da forma indicada para a documentación complementaria, no suposto de presentación electrónica. Os xustificantes disporanse a continuación do currículo, na mesma orde en que aparezan relacionados neste.

Non se valorará ningún mérito que non conste explicitamente no currículo ou que, no caso de figurar, non se xustifique adecuadamente ou se faga fóra do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de publicacións, xustificaranse mediante copia simple da obra, á cal se engadirán, se é o caso, a capa, a contracapa, a folla que conteña o ISBN, ISSN ou depósito legal e o índice. No caso de publicacións extensas, recoméndase a entrega de orixinais, que se devolverán unha vez que se resolva a convocatoria.

Aos xustificantes dos méritos redactados nun idioma distinto aos oficiais en Galicia, para seren valorados, deberán xuntarlles unha tradución a algún destes e incluirán ao pé unha declaración responsable asinada, cunha lenda que faga constar que se trata dunha tradución fiel do documento orixinal.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. Na presentación da documentación gardarase a seguinte orde: solicitude, documento acreditativo da identidade (de ser o caso), titulación académica, certificación académica persoal, currículo, xustificantes dos méritos alegados neste (na mesma orde en que aparezan relacionados nel) e proxecto(s) didáctico(s).

A documentación anterior, que se presente de forma non electrónica, achegarase sen ningún tipo de encadernación que dificulte ou impida a súa manipulación.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comisión de Valoración

1. Os méritos alegados polas persoas solicitantes serán valorados por unha comisión integrada polos representantes das respectivas universidades.

Presidirá a comisión o representante da universidade cuxa relación de colaboración coa Xunta de Galicia, en relación co obxecto desta convocatoria e en función dos sucesivos convenios asinados, sexa a máis antiga. Actuará como secretario/a o/a representante da universidade na cal se dea a circunstancia contraria.

2. A Comisión de Valoración poderá acordar a incorporación ás súas reunións de persoal de carácter técnico que contribúa a unha correcta valoración dos méritos alegados polos aspirantes ou a aclarar as dúbidas que lles poidan xurdir aos membros da dita comisión. Este persoal actuará con voz pero sen voto nas reunións da citada comisión.

Artigo 10. Valoración de méritos

1. A Comisión reunirase para valorar os méritos debidamente acreditados de cada unha das solicitudes admitidas, de acordo cos criterios que se indican no anexo III desta orde.

2. Cando o número de solicitudes admitidas para un mesmo destino supere a contía de 12, limitarase o acceso á fase de exposición e defensa do proxecto didáctico aos doce candidatos que acaden as maiores puntuacións nos méritos 1 ao 4 do anexo III.

En calquera caso, non accederán á fase anterior aqueles candidatos que non presentasen o proxecto didáctico en prazo.

3. A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web institucional e comunicaralles aos solicitantes, a través do correo electrónico facilitado, a relación dos candidatos seleccionados para a fase de exposición e defensa do proxecto didáctico, así como o lugar, a data e a hora de realización.

4. Será causa específica de desistencia non presentarse á exposición e defensa do proxecto didáctico.

Artigo 11. Proposta de resolución

1. Rematados os traballos por parte da Comisión de Valoración, as respectivas universidades formularan a proposta de resolución provisional baseada nas maiores puntuacións obtidas polos candidatos.

A adxudicación non poderá recaer sobre candidatos/as cunha valoración total inferior a 5 puntos.

2. Esta proposta de resolución provisional exporase á información pública na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no seu taboleiro de anuncios, por un prazo de dez días contados a partir do seguinte á data de publicación. Durante este prazo, os interesados poderán formular as alegacións que consideren pertinentes nos lugares e nas formas indicados no artigo 6.

3. Se algún dos candidatos propostos tiver a intención de non aceptar a adxudicación da praza, deberá comunicalo expresamente dentro do prazo de alegacións e proporase o seguinte con maior puntuación; ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao situado a continuación, e así sucesivamente ata a súa cobertura.

Artigo 12. Resolución

1. Logo de rematar o prazo de alegacións e examinadas estas, se as houber, formularase a proposta de resolución definitiva.

2. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de catro meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse denegadas.

3. No caso de funcionarios en servizo activo, a adxudicación dependerá de que obteñan o pase á situación administrativa correspondente, xa que é incompatible co desempeño dun posto de traballo na Administración pública.

4. A Secretaría Xeral de Política Lingüística colaborará na difusión pública da adxudicación das prazas convocadas.

5. Para os efectos do estipulado no artigo 14 e para cada destino ofertado, integrarán unha listaxe de suplentes aquelas solicitudes que, respectando a orde de prelación por puntuación, se situasen a continuación da persoa adxudicataria e, como mínimo, acadasen unha puntuación total igual a 5.

6. A concesión da praza e a percepción das retribucións non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e as persoas beneficiarias.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

1. As persoas adxudicatarias sométense e quedan obrigadas a respectar, en todas as súas actuacións relacionadas co obxecto desta convocatoria, as normas que regulan o réxime de funcionamento e disciplinario que se apliquen en cada unha das universidades de destino. Responderán das súas actuacións, polo tanto, ante as ditas universidades.

Artigo 14. Substitucións

1. Se, unha vez adxudicadas as prazas, algún dos beneficiarios renunciase, aplicarase, para a súa cobertura provisional, o procedemento descrito no artigo 11.3 sobre a listaxe de suplentes a que fai referencia o artigo 12.4. Estas prazas deberán incluírse na seguinte convocatoria para a súa adxudicación mediante concurso público de méritos.

2. Cando sexa necesaria a substitución temporal do lector titular, empregarase tamén o procedemento descrito no número anterior. Esta substitución abranguerá o período que dure a causa que a orixina.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude para participar nesta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación das bases que a regulan.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude de concesión da praza por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

5. Segundo o previsto nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web as bases que regulan a presente convocatoria e, no Diario Oficial de Galicia, as bases e os datos relevantes referidos ás subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude supón a autorización dos beneficiarios para o tratamento dos datos necesarios para este fin.

6. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxpl.secretaria@xunta.es

Artigo 17. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable á presente convocatoria é o seguinte: Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE número 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

A persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file

ANEXO II
Características das prazas convocadas

• Universidade Autónoma de Barcelona:

Modalidade:

contrato laboral.

Denominación ou categoría laboral:

profesor/a asociado/a A36.

Duración máxima:

3 anos.

Data prevista de incorporación:

1 de outubro de 2016.

Data de remate (respectarase en todo caso):

31 de agosto de 2019.

Retribucións íntegras anuais*:

15.154 euros.

Perfil da praza:

sen perfil definido.

• Universidade de Gales, Bangor:

Modalidade:

contrato laboral.

Denominación ou categoría laboral:

profesor/a de lingua contratado.

Duración máxima:

3 anos.

Data prevista de incorporación:

1 de outubro de 2016.

Data de remate (respectarase en todo caso):

31 de agosto de 2019.

Retribucións íntegras anuais*:

15.325,44 euros.

Perfil da praza:

lingua galega e historia/cultura contemporánea.

• Universidade de Heidelberg:

Modalidade:

contrato laboral.

Denominación ou categoría laboral:

lektor für Galicisch.

Duración máxima:

3 anos.

Data prevista de incorporación:

1 de outubro de 2016.

Data de remate (respectarase en todo caso):

30 de setembro de 2019.

Retribucións íntegras anuais*:

1º ano: 18.905,81 euros.

2º e 3º ano: 20.984,54 euros.

Perfil da praza:

estudos de Fil. Románica e de Tradución e Interpretación, concretamente: lingua e cultura galegas, lingüística teórica, descritiva e aplicada do galego.

• Universidade de Kiel:

Modalidade:

contrato laboral

Denominación ou categoría laboral:

lektor für Galicisch

Duración máxima:

3 anos

Data prevista de incorporación:

1 de outubro de 2016

Data de remate (respectarase en todo caso):

30 de setembro de 2019

Retribucións íntegras anuais*:

15.325,44 euros.

Perfil da praza:

estudos literarios e tradución, estudos culturais e urbanos.

• Universidade de Leipzig:

Modalidade:

contrato laboral.

Denominación ou categoría laboral:

13 TV-L.

Duración máxima:

3 anos.

Data prevista de incorporación:

1 de outubro de 2016.

Data de remate (respectarase en todo caso):

31 de agosto de 2019.

Retribucións íntegras anuais*:

21.840 euros.

Perfil da praza:

lingua, sociolingüística, tradución alemán-galego.

• Universidade de Varsovia:

Modalidade:

contrato laboral.

Denominación ou categoría laboral:

lector de galego.

Duración máxima:

3 anos.

Data prevista de incorporación:

1 de outubro de 2016.

Data de remate (respectarase en todo caso):

30 de setembro de 2019.

Retribucións íntegras anuais*:

15.325,44 euros.

Perfil da praza:

sen perfil definido.

* Retribucións vixentes na data de publicación desta orde.

ANEXO III

Méritos

Puntuacións

1. Formación:

Máximo 12 puntos

1.1. Polo título de doutor:

1 punto

1.2. Por cada licenciatura ou titulación de grao a maiores da exixida 0,5 puntos:

Ata 2 puntos

1.3. Expediente académico:

Valorarase segundo a nota media calculada en función do disposto na resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro) e acreditarase mediante certificación académica persoal. A puntuación así obtida tomarase, con dous decimais, pola metade do seu valor.

Ata 5 puntos

1.4. Asistencia a cursos de formación didáctica no ensino de linguas:

Ata 2 puntos

1.4.1. Ata 25 horas

0,25 puntos

1.4.2. De 26 a 50 horas

0,50 puntos

1.4.3. De 51 a 100 horas

0,75 puntos

1.4.4. Máis de 100 horas

1,00 puntos

1.5. Asistencia a actividades de formación relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

1.5.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

1.5.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

1.5.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

1.5.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2. Actividade docente e/ou divulgativa e publicacións:

Máximo 7 puntos

2.1. Impartición de cursos, seminarios, relatorios, etc., relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

2.1.1. De 0 a 10 horas

0,05 puntos

2.1.2. De 11 a 25 horas

0,10 puntos

2.1.3. De 26 a 50 horas

0,15 puntos

2.1.4. De 51 a 100 horas

0,20 puntos

2.1.5. Máis de 100 horas

0,25 puntos

2.2. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas (dirección e/ou coordinación):

Cando estas actividades foran realizadas en universidades de fóra de Galicia, valoraranse exclusivamente no punto 3.1.

Ata 1 punto

2.2.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

2.2.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

2.2.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

2.2.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2.3. Publicacións relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

No caso de autoría múltiple, a puntuación que se outorgará será a resultante de dividir os puntos correspondentes entre o número de autores.

Acreditaranse mediante orixinais ou copias simples en que consten o ISBN, ISSN ou depósito legal, segundo corresponda, e o índice.

Ata 2 puntos

2.3.1. Libros:

2.3.1.1. Non especializado

0,50 puntos

2.3.1.2. Especializado

1,00 puntos

2.3.2. Relatorios, artigos, recensións, etc.:

2.3.2.1. Non especializado ou publicacións de curta extensión

0,10 puntos

2.3.2.2. Especializado

0,20 puntos

2.3.3. Material audiovisual:

2.3.3.1. Non especializado

0,10 puntos

2.3.3.2. Especializado

0,20 puntos

2.4. Docencia no ensino regulado de lingua, literatura e cultura galegas:

Valorarase con 0,05 puntos por cada mes ou fracción inferior.

Ata 2 puntos

3. Dinamización e coñecementos:

Máximo 4 puntos

3.1. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas en universidades de fóra de Galicia (dirección e/ou coordinación):

Ata 1 punto

3.1.1. Ata 25 horas

0,20 puntos

3.1.2. De 26 a 50 horas

0,40 puntos

3.1.3. De 51 a 100 horas

0,60 puntos

3.1.4. Máis de 100 horas

0,80 puntos

3.2. Coñecemento da comunidade autónoma ou do país en que se encontre a universidade solicitada e da súa situación sociocultural (acreditación exclusiva mediante residencia):

Ata 1 punto

3.3. Nivel de coñecemento do idioma ou idiomas propios do país de destino (distintos ao galego ou castelán):1

Ata 2 puntos

3.3.1. MCERL A2/ALTE 1

0,25 puntos

3.3.2. MCERL B1/ALTE 2

0,50 puntos

3.3.3. MCERL B2/ALTE 3

0,75 puntos

3.3.4. MCERL C1/ALTE 4

1,00 puntos

3.3.5. MCERL C2/ALTE 5/Licenciatura/Grao

1,25 puntos

3.3.6. Outros (ensino non regulado, residencia no país máis de 3 meses seguidos, etc.)

0,15 puntos

4. Adecuación do currículo presentado ao perfil formativo do destino solicitado:

Máximo 3 puntos

5. Exposición e defensa ante a Comisión de Valoración do proxecto didáctico de docencia en prácticas, investigador e difusor da lingua, a literatura e a cultura galegas que se desenvolverá na universidade solicitada:

Valorarase tendo en conta os seguintes criterios:

▪ Destino (ata 1 punto):

– Motivación pola que o solicita

– Coñecementos sobre a universidade solicitada

– Coñecementos sobre a actividade do seu centro de estudos galegos (CEG)

– Coñecementos sobre o país ou a comunidade autónoma en que se localiza o CEG

▪ Deseño do proxecto docente (ata 3 puntos):

– Deseño e estruturación

– Coñecementos e fundamentación teórica

– Deseño de actividades

– Aplicabilidade do proxecto

– Bibliografía

▪ Coñecementos e habilidades xerais (ata 1 punto):

– Coñecementos técnicos, didácticos e pedagóxicos

– Coñecementos sobre a regulación do ensino da lingua galega e sobre a acreditación do nivel de competencia en lingua galega (Celga)

– Filosofía e metodoloxía de traballo na aula

– Competencias persoais, capacidade de razoamento e de resolución de problemas

– Habilidades comunicativas

– Empatía, interacción e sociabilidade

– Seguridade na exposición dos conceptos que defende

– Aptitude e actitude persoal para a realización das actividades

– Motivación profesional

– Outros aspectos (dominio de idiomas, etc.)

Máximo 5 puntos

1 MCERL: Marco europeo común de referencia para as linguas.

ALTE: Asociación de Avaliadores de Linguas Europeas.