Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 20 de xuño de 2016 Páx. 25269

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2016, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes, en materia de colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións municipais, para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o Plan Hurbe no ano 2016.

Desde a Xunta de Galicia estase a traballar na configuración da Galicia global. Unha concepción de país que o entende como unha entidade única que debe procurar en todos os eidos un desenvolvemento equilibrado que permita a equiparación nas mellores condicións coas rexións europeas máis avanzadas.

O Plan Hurbe nace como resposta á necesidade da humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá de persoas nativas e inmigrantes, busca o achegamento das estruturas urbanas aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

A finalidade perseguida é a de humanizar as vilas, as grandes e as pequenas que máis o precisen, atendendo á realidade sociodemográfica de cada unha delas, aplicando unha nova visión sobre as nosas urbes enfocada no futuro e nas persoas que posibilite que se xunten.

Nunha Galicia con máis de 30.000 núcleos de poboación e que en moitos casos non se desenvolveron procurando a comodidade do seus habitantes, o Plan Hurbe busca aumentar as cotas de benestar das persoas que neles vivan mediante a mellora dos contornos urbanos.

O modelo territorial galego caracterízase pola súa diversidade, pois xunto ás sete grandes cidades que concentran, na súa área de influencia, o 57 % da poboación galega, conflúen, por unha banda, un conxunto de vilas de pequeno e mediano tamaño que contribúen ao equilibrio territorial e á cohesión social e, por outra banda, un importante número de entidades singulares de poboación de tamaño desigual e de tipo diferente, distribuídas polo territorio de maneira dispersa, que dotan dunha especial singularidade o espazo rural da nosa comunidade autónoma.

O conxunto de vilas dispersas pola nosa xeografía, articulan e centralizan a vida económica, social e cultural do territorio que se atopa baixo a súa área de influencia. Constitúen verdadeiros motores de dinamización social e económica ao se converteren en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

A súa influencia vén determinada por diversos factores como accesibilidade ao núcleo, o nivel de servizos, equipamentos e actividades de lecer que subministra ao conxunto da poboación, e o seu papel como centro comercial para a economía da zona.

Respecto dos espazos rurais, que ocupan a maior parte da superficie do territorio da nosa comunidade autónoma, tres son os elementos caracterizadores destes tipos de asentamentos:

• En primeiro lugar, a existencia dunha escasa distribución da poboación nun ámbito onde os espazos non construídos son a nota predominante.

• En segundo lugar, o uso económico do solo con predominio da agricultura, gandaría e a explotación forestal.

• En terceiro lugar, por unha forma de vida dos seus habitantes marcado pola pertenza a colectividades de reducido tamaño, nos cales existe un estreito coñecemento persoal e fortes lazos sociais, así como pola súa relación particular co espazo, que favorece un entendemento directo e vivencial do medio ecolóxico.

As directrices de ordenación do territorio aprobadas definitivamente polo Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, distinguen, segundo a diferente función que desempeñan no conxunto do sistema territorial de Galicia:

– Espazos rurais integrados: correspóndense coas zonas máis próximas ás áreas urbanas, cuxa característica principal vén dada por constituír zonas de expansión urbana das cidades veciñas, cun adecuado acondicionamento territorial (equipamentos, dotacións, infraestruturas, etc.).

– Espazos rurais intermedios: adoitan situarse na contorna das vilas intermedias e contan cun nivel de servizos, dotacións e infraestruturas aceptable.

– Espazos rurais periféricos: os máis afastados das zonas urbanas (zonas de montaña de topografía complexa) onde a crise demográfica se presenta como un problema acuciante, cun nivel deficiente de infraestruturas, dotacións e equipamentos.

O Plan Hurbe 2014-2017 continúa na senda iniciada polo Plan Hurbe 2010-2013 e trata de articular unha estratexia de posta en valor das vilas, tanto as grandes como as pequenas, e dos núcleos rurais, que permita crear as condicións propicias para o seu desenvolvemento sustentable, sen prexuízo de actuacións puntuais nas cidades, que se encadren nos obxectivos fixados neste plan.

Para tal fin é preciso acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes, perseguindo os seguintes obxectivos:

1. Promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentibilidade económica, ambiental e social.

2. Mellorar os equipamentos e as dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de proporcionar unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais da nosa comunidade autónoma.

3. Fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico das vilas.

4. Incorporar as tecnoloxías de información tanto nas instalacións como na previsión de usos e actividades dos equipamentos municipais.

5. Prestar especial atención a aquelas accións sensibles á especificidade de xénero que garantan un acceso máis equitativo de mulleres e homes aos bens e servizos.

Para a consecución destes obxectivos desenvolveranse accións nas seguintes áreas de actuación:

• Programa de equipamentos públicos.

• Programa de humanización de rúas.

•.Programa de urbanización e mellora de espazos públicos.

Tal e como recolle o Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, é competencia desta, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a realización de actuacións de mellora de contornos urbanos, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Neste contexto resulta fundamental a colaboración cos concellos como órganos responsables desas áreas, sendo o Plan Hurbe a ferramenta de colaboración técnico-financeira da Xunta neste eido.

Pola súa parte o Decreto 246/1992, do 30 de xullo, regula as condicións a que se debe axustar a execución de acordos de cooperación entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais e demais entidades públicas para a realización de obras cuxa titularidade corresponda a estas últimas e que terán por destino o uso ou servizo público.

O propio plan establece que ademais das actuacións en execución, así como as que se establezan para os efectos da súa priorización no marco dos obxectivos fixados no Plan Hurbe 2014-2017, se poderán incorporar aqueloutras cuxa finalidade e obxectivos estean definidos no plan, ata os límites das dispoñibilidades orzamentarias en cada anualidade.

No actual exercicio orzamentario a Administración xeral do Estado procedeu a achegar a esta Comunidade Autónoma un financiamento extraordinario destinado, entre outros fins, á execución dos obxectivos previstos no Plan Hurbe.

Atendendo ao disposto nos parágrafos anteriores,

RESOLVO:

Un. Ábrese un prazo de presentación de solicitudes para todos aqueles concellos que estean interesados en colaborar coa Xunta de Galicia no marco do Plan Hurbe, para a realización de obras cuxa titularidade corresponda aos respectivos municipios, e que teñan por destino un uso ou servizo público encadrado dentro dalgún dos tres programas do Plan Hurbe.

O prazo sinalado no paragrafo anterior para presentar solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG.

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supera os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

As obras respecto das cales se solicite a colaboración deberán ser obras cuxo inicio de execución teña lugar no presente exercicio 2016, e poderá estenderse a dita execución non máis alá do exercicio 2017.

O concello poderá contribuír economicamente ao financiamento da obra, expresando tal circunstancia, así como o importe da súa achega, na solicitude.

Dous. Os programas do actual Plan Hurbe 2014-2017 son:

• Programa de equipamentos públicos.

• Programa de humanización de rúas.

• Programa de urbanización e mellora de espazos públicos.

No marco do Programa de equipamentos públicos a Xunta de Galicia promoverá a execución de equipamentos urbanos municipais, baixo criterios de eficiencia e sustentabilidade, co fin de dotar os concellos dunha adecuada oferta de actividades de lecer, recreativas, culturais e de lecer. Serán obxectivos específicos deste programa:

– Incrementar a oferta de infraestruturas e equipamentos óptimos para o desenvolvemento de actividades e eventos de carácter cultural que permitan garantir o acceso á cultura á totalidade da poboación.

– Contribuír á dinamización cultural, económica e de cohesión social, priorizando as actuacións en comarcas carentes destas infraestruturas.

Dentro do Programa de humanización de rúas, promoveranse todas aquelas actuacións orientadas a mellorar a seguridade, accesibilidade e, en definitiva, unha mellora na calidade das rúas que garanta o benestar dos veciños. Destacan os seguintes obxectivos específicos:

– Recuperación de espazo público peonil para facilitar os desprazamentos e potenciar a súa función como espazo de encontro dos veciños.

– Mantemento e conservación das rúas en óptimas condicións de seguridade, para os vehículos e transeúntes.

No que se refire ao Programa de urbanización e mellora de espazos públicos.

Potenciaranse as actuacións de conservación e recuperación de espazos públicos para a súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo, destacando como obxectivos específicos:

– Rexeneración ambiental de espazos degradados para o seu uso pola colectividade.

– Incrementar a oferta dos espazos de convivencia, con especial atención a aqueles que revistan un especial interese histórico, artístico ou arquitectónico.

Tres. Á solicitude de colaboración presentada (anexo I), xuntarase unha memoria valorada, un anteproxecto de obra con avance da estimación orzamentaria, ou un proxecto de obra.

Catro. As solicitudes presentadas valoraranse por orde de entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, para os efectos de comprobar a súa adecuación aos requisitos previstos nesta resolución, e, en particular, aos obxectivos do Plan Hurbe 2014-2017, dentro do límite das dispoñibilidades orzamentarias.

Cinco. Unha vez analizadas as solicitudes conforme o previsto no punto anterior, procederase, se é o caso, á sinatura dos correspondentes convenios de colaboración.

Para estes efectos, todas aquelas obras cuxo orzamento de execución supere o importe do contrato menor de obra de acordo co previsto no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, e cuxo financiamento sexa integramente autonómico, serán licitadas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, logo da sinatura do correspondente convenio ao abeiro do Decreto 246/1992, do 30 de xullo.

Nos restantes casos, é dicir, cando se trate de obras menores ou exista financiamento conxunto entre a Administración autonómica e a Administración municipal, as obras serán licitadas polo concello e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio realizará achega que lle corresponda, unha vez xustificado o investimento nos termos que se establezan no correspondente convenio de colaboración asinado para tales efectos.

Seis. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado relacións administrativas coa cidadanía e entidades, responsabilidade da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela o a través dun correo electrónico a sxt.mot@xunta.gal .

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2016

Mª Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file
missing image file