Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 20 de xuño de 2016 Páx. 24936

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia.

I

A Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece na súa disposición derradeira segunda a habilitación da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento regulamentario.

O fin é dar cumprimento á aprobación dun Regulamento xeral de estradas de Galicia que conteña un réxime xurídico das estradas autonómicas e locais que lles permite ás súas correspondentes administracións titulares unha actuación en condicións óptimas para asegurar a adecuada xestión e protección do dominio público viario.

Xunto co anterior, outro obxectivo deste mandato legal, o presente decreto ten por obxecto aprobar o Regulamento xeral de estradas de Galicia.

II

A aprobación do Regulamento xeral de estradas de Galicia explícase tamén como unha manifestación da necesidade de prestar unha decidida atención a un ámbito da actuación pública, como é o das estradas, que ten unha evidente transcendencia para a calidade de vida da cidadanía, así como para o desenvolvemento económico e social.

En concreto, en Galicia, o sistema viario constitúe un instrumento imprescindible para acadar un equilibro territorial e socioeconómico, debido á combinación da súa histórica estrutura de asentamentos de poboación, extraordinariamente dispersa e diseminada, coa actual tendencia demográfica, caracterizada pola concentración da poboación no eixe atlántico e nun reducido número doutros asentamentos urbanos, en combinación co progresivo proceso de despoboamento no interior da Comunidade Autónoma.

En consecuencia, considérase especialmente recomendable que a Comunidade Autónoma de Galicia conte cun conxunto de instrumentos normativos que lle permitan xestionar nas mellores condicións posibles as redes de estradas de titularidade autonómica e local, tendo en conta as peculiaridades que foron expostas.

Isto exixe, sen dúbida, a aprobación dun Regulamento xeral de estradas de Galicia que conteña un réxime xurídico das estradas autonómicas e locais que lles permite ás súas correspondentes administración titulares unha actuación en condicións óptimas para asegurar a adecuada xestión e protección do dominio público viario.

Xunto co anterior, outro obxectivo fundamental do Regulamento xeral de estradas de Galicia é salvagardar o interese da cidadanía, nas súas relacións coa Administración neste ámbito. Así, a cidadanía debe contar cun grao de seguridade xurídica suficiente, para o que unha regulación o máis detallada posible dos supostos de feito e dos aspectos organizativos e de procedemento introducidos pola lexislación de estradas de Galicia debe contribuír a delimitar a necesaria marxe para a actuación de carácter discrecional con que a Administración debe actuar en moitas destas ocasións.

III

Por outra parte, a estrutura do Regulamento xeral de estradas de Galicia resulta similar á da lexislación de estradas de Galicia, que desenvolve, aínda que cunha división en capítulos, seccións e subseccións máis detallada en todos os seus títulos. O obxectivo é acadar unha regulación completa da materia que inclúa os correspondentes preceptos daquela, así como as súas respectivas normas regulamentarias de execución, pero que permita, ao tempo, distinguir claramente aqueles dos seus preceptos que son directa transcrición dos previamente existentes no texto legal, en relación con aqueles outros onde se exerce a potestade regulamentaria que aquel lle encomenda á Xunta de Galicia. Para iso, as reproducións dos preceptos da lexislación de estradas de Galicia no texto regulamentario sinálanse coa indicación entre parénteses do artigo do texto legal a que corresponden e da abreviatura LEG empregada para facer referencia á antedita lei.

No que se refire aos aspectos específicos regulados neste regulamento, tense procurado levar a cabo unha concreción maior en relación cos diferentes conceptos que aparecen na lexislación de estradas de Galicia, en cada un dos seus títulos, co non disimulado obxectivo de facilitar a aplicación da lexislación autonómica en materia de estradas polos correspondentes operadores xurídicos. Iso afecta tanto as disposicións xerais, no que se refire ao concepto e ás clases de estradas, como á regulación das actuacións administrativas relacionadas coa planificación, a proxección, a coordinación, a construción, o financiamento e a explotación das estradas, así como á protección do dominio público viario e ao réxime sancionador derivado.

Por outra parte, tamén resultaba conveniente desenvolver os aspectos de procedemento e organizativos contidos na lexislación de estradas de Galicia que, polo súa natureza máis detallada, resultan máis adecuadamente regulados nunha norma de rango regulamentario. Iso é particularmente destacable en materias como a planificación e a proxección en materia de estradas, e nos diferentes instrumentos en que se materializa, ou na regulación dos mecanismos de coordinación cos diferentes instrumentos de ordenación territorial e urbanística, así como certos aspectos da regulación referida á construción, ao financiamento e, especialmente, á explotación das estradas.

Ademais, dun modo moi particular, a actuación das administracións titulares das estradas en ámbitos como os de outorgamento de autorizacións e imposición de sancións ou doutras medidas de protección da legalidade viaria fai necesario tamén regular un procedemento completo, que permita a aquelas actuar cun grao suficiente de axilidade e, ao tempo, de seguridade xurídica, en sectores de actuación onde a posición da cidadanía, nas súas relacións coa Administración, necesita dun marco normativo que lles outorgue unhas garantías suficientes, por tratarse de actuacións que, en moitos casos, limitan a súa esfera xurídica.

IV

O decreto contén un único artigo, no cal se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia. A parte final do Decreto está composta por unha disposición derrogatoria de todas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a el e por dúas disposicións derradeiras que establecen o título competencial e o prazo para a súa entrada en vigor.

Pola súa parte, o Regulamento xeral de estradas de Galicia estrutúrase en 5 títulos, que se corresponden con cada un dos que compoñen a lexislación de estradas de Galicia.

O título I contén unha serie de disposicións xerais e divídese en 4 capítulos, que regulan aspectos relativos ao obxecto do texto regulamentario e ao concepto de estradas, á clasificación das estradas, ás definicións necesarias para a súa interpretación e á titularidade das estradas.

O título II abrangue os aspectos de planificación e proxección das estradas e divídese en 3 capítulos, que tratan sobre a planificación das estradas, os estudos e proxectos para o seu desenvolvemento e a coordinación con outras políticas públicas e con outras administracións.

O título III regula, en 3 capítulos, todos os aspectos relativos á construción, ao financiamento e á explotación das estradas.

O título IV refírese á protección do dominio público viario e contén 5 capítulos, nos cales se regula a delimitación da zona de dominio público viario e das zonas e liñas de protección da estrada, os usos autorizables en cada unha das anteditas zonas, o uso público da zona de servidume, o réxime de autorizacións asociado e, finalmente, as medidas de protección da legalidade viaria.

Finalmente, o título V regula o réxime sancionador mediante 3 capítulos referidos ás infraccións, ás sancións e ao procedemento aplicable.

A parte final do regulamento está composta por 2 disposicións adicionais, 1 disposición transitoria e 2 disposicións derradeiras.

As disposicións adicionais incorporan a regulación dos prazos para a aprobación dos catálogos de estradas e dos inventarios de travesías, así como a dos organismos xestores das estradas.

A disposición transitoria refírese aos procedementos administrativos iniciados con anterioridade á entrada en vigor do regulamento.

Pola súa parte, as disposicións derradeiras regulan a autorización para o desenvolvemento normativo do texto regulamentario e o réxime dos formularios normalizados para a solicitude de autorizacións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día vinte e seis de maio de dous mil dezaseis, ao abeiro da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Regulamento xeral de estradas de Galicia

Apróbase o Regulamento xeral de estradas de Galicia para o desenvolvemento da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que se insire a continuación.

Disposición derrogatoria única. Derrogacións e vixencias

1. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao presente decreto.

2. Mantén a súa vixencia o Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Título competencial

Este decreto dítase ao abeiro do disposto no artigo 148.1.5º da Constitución española, que establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias en materia de estradas cando o seu itinerario se desenvolva integramente no territorio destas, do artigo 27.8 do Estatuto de autonomía para Galicia, que lle reserva á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de estradas non incorporadas á rede do Estado e cuxo itinerario se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma, e da disposición derradeira segunda da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que habilita o Consello da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento regulamentario.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte (20) días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de maio de dous mil dezaseis

O presidente
P.S. (Decreto 54/2016, do 25 de maio; DOG núm. 99, do 26 de maio)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

Regulamento xeral de estradas de Galicia

ÍNDICE

Título I. Disposicións xerais

Capítulo I. Obxecto e concepto de estradas

Artigo 1. Obxecto

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Artigo 3. Dominio público viario

Artigo 4. Concepto de estradas

Capítulo II. Clasificación das estradas

Artigo 5. Clases de estradas

Artigo 6. Autoestradas

Artigo 7. Autovías

Artigo 8. Vías para automóbiles

Artigo 9. Estradas convencionais

Artigo 10. Cambio de clase das estradas

Capítulo III. Definicións

Artigo 11. Explanación e as súas arestas exteriores

Artigo 12. Elementos funcionais das estradas

Artigo 13. Treitos urbanos

Artigo 14. Travesías

Artigo 15. Outras definicións

Capítulo IV. Titularidade

Artigo 16. Titularidade das estradas

Artigo 17. Determinación da titularidade

Artigo 18. Cambios de titularidade

Artigo 19. Catálogos de estradas

Artigo 20. Inventarios de travesías

Artigo 21. Aprobación dos catálogos de estradas e inventarios de travesías

Artigo 22. Modificación dos catálogos de estradas e inventarios de travesías

Artigo 23. Actualización dos catálogos de estradas e inventarios de travesías

Artigo 24. Mapa de estradas de Galicia

Título II. Planificación e proxección

Capítulo I. Planificación

Artigo 25. Planificación en materia de estradas

Sección 1ª. Plan director de estradas de Galicia

Artigo 26. Concepto, natureza e eficacia

Artigo 27. Documentación e contido

Artigo 28. Tramitación

Sección 2ª. Plans sectoriais de estradas

Artigo 29. Concepto, natureza e eficacia

Artigo 30. Documentación e contido

Artigo 31. Tramitación

Sección 3ª. Categorización das estradas

Artigo 32. Categorías funcionais das estradas

Artigo 33. Rede estruturante

Artigo 34. Rede complementaria

Artigo 35. Rede local

Capítulo II. Estudos e proxectos

Sección 1ª. Tipos de estudos e proxectos

Artigo 36. Tipoloxía dos estudos e proxectos

Artigo 37. Estudo de planeamento

Artigo 38. Estudo previo

Artigo 39. Estudo informativo

Artigo 40. Anteproxecto

Artigo 41. Proxecto de trazado

Artigo 42. Proxecto de construción

Artigo 43. Documento final de obra

Sección 2ª. Redacción e tramitación de estudos e proxectos

Artigo 44. Normas e instrucións técnicas complementarias

Artigo 45. Orde de estudo

Artigo 46. Redacción

Artigo 47. Aprobación provisional

Artigo 48. Informes sectoriais e informe municipal

Artigo 49. Necesidade de sometemento aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas

Artigo 50. Tramitación da información pública

Artigo 51. Informes das administracións territoriais afectadas

Artigo 52. Simultaneidade de procedementos

Artigo 53. Informe de resposta ás alegacións e informes presentados

Artigo 54. Aprobación do expediente de información pública e informe das administracións afectadas

Artigo 55. Aprobación definitiva

Artigo 56. Efectos da aprobación definitiva dos proxectos

Artigo 57. Modificacións de estudos e proxectos

Capítulo III. Coordinación

Sección 1ª. Coordinación coa ordenación do territorio

Artigo 58. Coordinación coa ordenación do territorio

Sección 2ª. Coordinación coa ordenación urbanística

Artigo 59. Eficacia dos estudos e proxectos de estradas

Artigo 60. Informe en materia de estradas sobre o planeamento urbanístico

Artigo 61. Coordinación en treitos urbanos

Artigo 62. Recoñecemento de treitos urbanos e travesías

Artigo 63. Delimitación de treitos urbanos e travesías

Artigo 64. Coordinación cos desenvolvementos urbanísticos

Artigo 65. Normas e instrucións técnicas complementarias

Sección 3ª. Coordinación con outras administracións

Artigo 66. Coordinación coa planificación doutras administracións

Artigo 67. Informe sobre actuacións doutras administracións

Título III. Construción, financiamento e explotación

Capítulo I. Construción

Artigo 68. Modalidades de execución das obras

Artigo 69. Dirección e inspección das obras

Artigo 70. Normas e instrucións técnicas complementarias

Artigo 71. Actuacións de interese xeral

Artigo 72. Dispoñibilidade de terreos

Artigo 73. Expropiacións

Artigo 74. Reposición de servizos e bens afectados

Capítulo II. Financiamento

Artigo 75. Financiamento das actuacións

Artigo 76. Procedementos de colaboración

Artigo 77. Convenios de colaboración

Artigo 78. Recursos xerados pola explotación das estradas

Artigo 79. Contribucións especiais

Capítulo III. Explotación

Sección 1ª. Conceptos xerais

Artigo 80. Concepto de explotación

Artigo 81. Conservación e mantemento

Artigo 82. Uso e defensa

Artigo 83. Colaboración cos concellos

Artigo 84. Modos de explotación

Artigo 85. Dirección e inspección da explotación

Artigo 86. Normas e instrucións técnicas complementarias

Sección 2ª. Funcionalidade da vía

Artigo 87. Medidas relativas á funcionalidade da vía

Artigo 88. Limitacións xenéricas á circulación

Artigo 89. Restricións á circulación

Artigo 90. Comunicación das limitacións á circulación

Artigo 91. Usos especiais da estrada

Artigo 92. Control de usos

Sección 3ª. Explotación de elementos funcionais

Artigo 93. Áreas de servizo

Artigo 94. Áreas de descanso

Artigo 95. Apertura ao uso público de camiños de servizo

Título IV. Protección do dominio público viario

Capítulo I. Delimitación de zonas

Sección 1ª. Zona de dominio público

Artigo 96. Definición da zona de dominio público

Artigo 97. Delimitación da zona de dominio público adxacente

Artigo 98. Adquisición da zona de dominio público

Sección 2ª. Zonas de protección da estrada e liña límite de edificación

Artigo 99. Zonas de protección da estrada e liña límite de edificación

Artigo 100. Delimitación da zona de servidume

Artigo 101. Delimitación da zona de afección

Artigo 102. Delimitación da liña límite de edificación

Artigo 103. Redución excepcional da distancia da liña límite de edificación

Artigo 104. Dereitos preexistentes e indemnizacións

Capítulo II. Usos autorizables

Artigo 105. Usos autorizables na zona de dominio público

Artigo 106. Usos autorizables na zona de servidume

Artigo 107. Usos autorizables na zona de afección

Artigo 108. Usos autorizables entre a estrada e a liña límite de edificación

Capítulo III. Uso público da zona de servidume

Artigo 109. Réxime de uso público da zona de servidume

Artigo 110. Indemnizacións

Capítulo IV. Autorizacións

Sección 1ª. Condicións xerais

Artigo 111. Réxime xeral

Artigo 112. Relación con outras licenzas, permisos ou autorizacións

Artigo 113. Competencia

Artigo 114. Reserva e precariedade

Artigo 115. Efectividade, prazo máximo e transmisibilidade

Artigo 116. Execución material e control

Artigo 117. Responsabilidade e risco derivado

Artigo 118. Taxas

Artigo 119. Garantías

Artigo 120. Modificación ou suspensión de autorizacións

Sección 2ª. Condicións particulares

Subsección 1ª. Cultivos, plantacións e movementos de terra

Artigo 121. Cultivos agrícolas

Artigo 122. Plantacións e cortas de arboredo

Artigo 123. Instalacións agrícolas de rega por aspersión

Artigo 124. Movementos de terra e explanacións e depósitos

Artigo 125. Vertedoiros

Artigo 126. Muros de sostemento

Subsección 2ª. Accesos

Artigo 127. Concepto de acceso

Artigo 128. Limitación e ordenación de accesos

Artigo 129. Efectos das autorizacións de acceso

Artigo 130. Condicións dos accesos

Artigo 131. Prohibicións de cruzamentos e xiros á esquerda a nivel

Artigo 132. Reordenación de accesos

Subsección 3ª. Edificacións, urbanizacións e instalacións

Artigo 133. Edificacións e outras estruturas

Artigo 134. Obras subterráneas

Artigo 135. Peches

Artigo 136. Urbanizacións

Artigo 137. Parcelacións e segregacións

Artigo 138. Elementos, obras, actuacións e instalacións das administracións públicas

Artigo 139. Instalacións industriais, canteiras e explotacións agrícolas e gandeiras

Artigo 140. Instalacións deportivas ao aire libre

Artigo 141. Estacións de servizo

Artigo 142. Estruturas verticais e instalacións de iluminación

Artigo 143. Edificacións, instalacións e peches preexistentes

Artigo 144. Cambio de uso

Artigo 145. Demolicións

Subsección 4ª. Redes e infraestruturas de servizos públicos

Artigo 146. Redes e infraestruturas aéreas

Artigo 147. Canalizacións subterráneas

Artigo 148. Cruzamentos subterráneos

Subsección 5ª. Obras de paso

Artigo 149. Pasos inferiores

Artigo 150. Pasos superiores

Subsección 6ª. Instalacións provisionais

Artigo 151. Instalacións provisionais

Subsección 7ª. Publicidade

Artigo 152. Restricións

Artigo 153. Casos que non teñen a consideración de publicidade

Artigo 154. Condicións de colocación e revogación

Sección 3ª. Procedemento

Subsección 1ª. Consulta previa sobre a viabilidade de autorizacións

Artigo 155. Consulta previa sobre a viabilidade de autorizacións

Subsección 2ª. Procedemento para a tramitación das solicitudes de autorización

Artigo 156. Iniciación

Artigo 157. Necesidade de presentación de proxectos e outros estudos

Artigo 158. Contido dos proxectos

Artigo 159. Instrución

Artigo 160. Resolución

Artigo 161. Competencia para a revisión en vía administrativa

Subsección 3ª. Procedemento para a modificación ou suspensión das autorizacións

Artigo 162. Procedemento para a modificación ou suspensión das autorizacións

Capítulo V. Medidas de protección da legalidade viaria

Artigo 163. Réxime xeral e competencia

Artigo 164. Control e vixilancia do dominio público viario

Artigo 165. Auxilio da forza pública

Artigo 166. Paralización de obras, suspensión de usos e outras medidas de protección da legalidade viaria

Artigo 167. Procedemento de adopción das medidas de protección da legalidade viaria

Artigo 168. Expediente de reposición da legalidade viaria

Artigo 169. Retirada de obxectos ou elementos abandonados

Artigo 170. Obras ruinosas

Artigo 171. Danos e perdas causados ao dominio público viario

Artigo 172. Mantemento das condicións das instalacións

Artigo 173. Execución subsidiaria

Artigo 174. Compatibilidade de actuacións

Título V. Réxime sancionador

Capítulo I. Infraccións

Artigo 175. Consideración e clasificación das infraccións viarias

Artigo 176. Infraccións leves

Artigo 177. Infraccións graves

Artigo 178. Infraccións moi graves

Artigo 179. Concorrencia de infraccións

Artigo 180. Responsabilidade

Artigo 181. Obriga de reparación, indemnización e restitución

Artigo 182. Prescrición das infraccións

Artigo 183. Interrupción da prescrición das infraccións

Capítulo II. Sancións

Artigo 184. Sancións por infraccións leves

Artigo 185. Sancións por infraccións graves

Artigo 186. Sancións por infraccións moi graves

Artigo 187. Incremento das sancións por beneficio económico

Artigo 188. Redución das sancións

Artigo 189. Gradación

Artigo 190. Concorrencia de sancións

Artigo 191. Prescrición das sancións

Artigo 192. Interrupción da prescrición das sancións

Capítulo III. Procedemento

Artigo 193. Ámbito de aplicación do procedemento sancionador

Sección 1ª. Disposicións xerais do procedemento

Artigo 194. Competencia

Artigo 195. Acción pública

Artigo 196. Condutas constitutivas de delito ou falta

Artigo 197. Vía administrativa de constrinximento

Sección 2ª. Procedemento sancionador

Artigo 198. Tramitación do procedemento

Artigo 199. Actuacións previas e iniciación do procedemento

Artigo 200. Medidas provisionais

Artigo 201. Instrución

Artigo 202. Resolución

Artigo 203. Efectos da resolución

Artigo 204. Recoñecemento de responsabilidade ou pagamento voluntario

Artigo 205. Caducidade do procedemento

Sección 3ª. Procedemento para a reparación, indemnización e restitución

Artigo 206. Urxencia da reparación dos danos ou da restitución do medio

Artigo 207. Procedemento ordinario

Artigo 208. Multas coercitivas

Artigo 209. Liquidación no caso de execución subsidiaria

Artigo 210. Indemnización

Disposición adicional primeira. Aprobación ou actualización dos catálogos de estradas e inventarios de travesías

Disposición adicional segunda. Organismos xestores

Disposición transitoria única. Procedementos administrativos iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste regulamento

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Disposición derradeira segunda. Formularios normalizados para a solicitude das autorizacións competencia da Comunidade Autónoma de Galicia

Anexo. Definicións

Regulamento xeral de estradas de Galicia

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Obxecto e concepto de estradas

Artigo 1. Obxecto

Este regulamento ten por obxecto o desenvolvemento da lexislación de estradas de Galicia, en todo o relativo á regulación do dominio público viario das redes de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades locais do seu ámbito territorial, ao establecemento dos procesos de planificación, proxección, construción, financiamento, explotación, uso e protección daquel, incluído o seu réxime sancionador, e os mecanismos que permitan coordinar a actuación das súas distintas administracións titulares.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Este regulamento é de aplicación ás estradas e ao resto de elementos que constitúen o dominio público viario de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades locais do seu ámbito territorial.

Artigo 3. Dominio público viario

1. O dominio público viario estará constituído:

a) Polas estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia.

b) Polos terreos ocupados polos elementos funcionais das ditas estradas, así como as construcións e instalacións existentes neles.

c) Polas zonas de dominio público adxacentes ás estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia e aos seus elementos funcionais.

(Artigo 2 LEG)

2. O conxunto dos elementos que constitúen o dominio público viario considérase afecto ao uso público das estradas.

3. Como consecuencia da súa cualificación como bens de dominio público, aos elementos indicados no número anterior aplicaráselles o réxime propio deste tipo de bens, en especial no relativo á súa defensa, uso e protección, no non regulado especificamente na lexislación de estradas de Galicia ou neste regulamento.

Artigo 4. Concepto de estradas

1. Son estradas as vías de dominio e uso públicos proxectadas e construídas fundamentalmente para a circulación de vehículos automóbiles (artigo 3.1 LEG).

2. Para os efectos da lexislación de estradas de Galicia e deste regulamento non terán a consideración de estradas nin se incluirán, polo tanto, nas redes da Comunidade Autónoma ou das entidades locais:

a) As vías urbanas, entendidas como as que compoñen a rede interior de comunicacións dunha poboación, agás as travesías e os treitos urbanos das estradas.

b) Os camiños públicos ou privados, entre os cales se inclúen os camiños de servizo, veciñais, agrícolas, forestais ou pecuarios.

(Artigo 3.2 LEG)

CAPÍTULO II

Clasificación das estradas

Artigo 5. Clases de estradas

As estradas clasifícanse, en atención ás súas características técnicas, en autoestradas, autovías, vías para automóbiles e estradas convencionais (artigo 4.1 LEG), segundo o establecido nos catálogos de estradas das súas respectivas administracións titulares.

Artigo 6. Autoestradas

Autoestradas son as estradas que están especialmente proxectadas, construídas e sinalizadas como tales para a exclusiva circulación de vehículos automóbiles e reúnen as seguintes características:

a) Constan de distintas calzadas para cada sentido de circulación, separadas entre si, agás en puntos singulares e con carácter temporal, por unha franxa de terreo non destinada á circulación ou, en casos excepcionais, por outros medios.

b) Non cruzan nin son cruzadas ao mesmo nivel por outra vía de comunicación ou servidume de paso, pasos peonís, vías ciclistas, liña de ferrocarril ou outra infraestrutura.

c) As propiedades lindeiras non teñen acceso directo a elas.

d) Están valadas, en ambas as dúas marxes, en toda a súa lonxitude.

(Artigo 4.2 LEG)

Artigo 7. Autovías

1. Autovías son as estradas que están especialmente proxectadas, construídas e sinalizadas como tales e reúnen as seguintes características:

a) Constan de distintas calzadas para cada sentido de circulación, separadas entre si, agás en puntos singulares e con carácter temporal, por unha franxa de terreo non destinada á circulación ou por outros medios.

b) Non cruzan nin son cruzadas ao mesmo nivel por outra vía de comunicación ou servidume de paso, pasos peonís, vías ciclistas, liña de ferrocarril ou outra infraestrutura.

c) As propiedades lindeiras non teñen acceso directo a elas, agás no caso excepcional de que se autorice a conexión de vías de servizo ás calzadas principais, para levar a cabo unha reordenación de accesos ou por outras razóns de interese público.

d) Están valadas, en ambas as dúas marxes, en toda a súa lonxitude.

(Artigo 4.3 LEG)

1. Nas autovías, a consellería competente en materia de estradas determinará os itinerarios ou treitos daquelas que estarán reservados ao uso exclusivo de vehículos automóbiles, atendendo a razóns de fluidez do tráfico, comodidade e seguridade da circulación, e sempre que exista un itinerario alternativo para o resto de vehículos e potenciais usuarios da estrada. A resolución correspondente deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Vías para automóbiles

Vías para automóbiles son as estradas reservadas á exclusiva circulación de vehículos automóbiles e que reúnen as seguintes características:

a) Constan dunha única calzada e poden estar proxectadas con previsión da súa futura duplicación.

b) Non cruzan nin son cruzadas ao mesmo nivel por outra vía de comunicación ou servidume de paso, pasos peonís, vías ciclistas, liña de ferrocarril ou outra infraestrutura.

c) As propiedades lindeiras non teñen acceso directo a elas, agás no caso excepcional de que se autorice a conexión de vías de servizo á calzada principal, para levar a cabo unha reordenación de accesos ou por outras razóns de interese público.

d) Están valadas, en ambas as dúas marxes, en toda a súa lonxitude.

(Artigo 4.4 LEG)

Artigo 9. Estradas convencionais

1. Estradas convencionais son as que non reúnen as características das autoestradas, autovías ou vías para automóbiles (artigo 4.5 LEG).

2. Teñen a consideración de estradas urbanas de alta capacidade as estradas convencionais que reúnen as seguintes características:

a) Constan de distintas calzadas para cada sentido de circulación, separadas entre si, agás en puntos singulares e con carácter temporal, por unha franxa de terreo non destinada á circulación, por unha mediana de tipo urbano ou por outros medios.

b) Poden ser cruzadas ao mesmo nivel por outras estradas, pasos peonís ou vías ciclistas, pero non por liñas de ferrocarril ou outras infraestruturas, ben que as interseccións con outras estradas se resolverán sen cruzar a nivel ningún carril de circulación en sentido contrario.

c) As propiedades lindeiras teñen acceso limitado a elas.

d) Poden estar dotadas de elementos de integración urbana nas súas marxes, tales como beirarrúas, aparcadoiros, mobiliario urbano e outros similares.

Artigo 10. Cambio de clase das estradas

1. Cando as estradas, ou treitos perfectamente delimitados destas, pasen a reunir as características técnicas dunha clase distinta, poderán adquirir a consideración legal da dita clase, logo da tramitación do correspondente expediente.

2. O expediente de cambio de clase das estradas incoarase por parte da Administración titular da estrada, e a el incorporaranse, cando menos, os documentos que xustifiquen que a estrada, ou treito dela, reúne os requisitos necesarios para que se inclúa na nova clase, e os planos en que se describan e delimiten perfectamente as características xeométricas da vía e indiquen a repercusión do cambio nas zonas de dominio público e protección da estrada, así como na liña límite de edificación.

3. Estes documentos, que serán redactados pola Administración titular da estrada, someteranse a un trámite de información pública que se levará a cabo durante un prazo mínimo de trinta (30) días hábiles, ampliable ao seu xuízo nun máximo de quince (15) días hábiles máis, mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados e no sitio web oficial da Administración titular.

A documentación que forma o expediente estará á disposición da cidadanía na sede central e na páxina web oficial da Administración titular, na sede territorial desta que abranga o ámbito da actuación, de ser o caso, e nos concellos afectados. As alegacións presentadas neste procedemento deberán versar sobre a xustificación de que a estrada, ou o seu treito, reúne os requisitos necesarios para que sexa modificada a súa clasificación na forma proposta no expediente.

4. Simultaneamente, o expediente de cambio de clase de estrada tamén se someterá ao informe das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación para que, nun prazo de trinta (30) días hábiles, ampliable a xuízo da Administración titular da estrada nun máximo de quince (15) días hábiles máis, examinen se a clasificación proposta no expediente é a máis adecuada para os seus intereses e emitan informe sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitisen o citado informe, entenderase que amosan a súa conformidade co cambio de clase proposto.

5. Transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, a Administración titular da estrada dará resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante será posto á disposición das persoas interesadas e notificado ás administracións ás cales se lles tivese dado trámite de informe e ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións.

6. A continuación, a Administración titular da estrada remitirá copia do expediente de cambio de clase á consellería competente en materia de estradas para que emita informe vinculante, que deberá versar sobre os preceptos contidos na lexislación de estradas de Galicia, neste regulamento e sobre se a estrada, ou treito dela, reúne os requisitos necesarios para que se inclúa na nova clase.

7. Recibido o informe vinculante da consellería competente en materia de estradas, á Administración titular da estrada correspóndelle adoptar, de acordo con aquel, a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva ou de desestimación, total ou parcial, da proposta de cambio da clase de estrada de que se trate.

8. A resolución deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia e notificaráselles á consellería competente en materia de estradas, ás administracións ás cales se lles tivese dado trámite de informe e ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións.

9. A aprobación dos expedientes de cambio de clase de estradas teñen a consideración de actualización do catálogo de estradas da súa respectiva Administración titular, cando este fose aprobado previamente.

10. No caso de que os catálogos de estradas das entidades locais non fosen aprobados previamente, a aprobación dos expedientes de cambio de clase de estradas terá, con respecto á estrada obxecto do expediente, os mesmos efectos que a aprobación daqueles, e implicará a aprobación simultánea da súa incorporación a aqueles.

CAPÍTULO III

Definicións

Artigo 11. Explanación e as súas arestas exteriores

1. A explanación dunha estrada ou dos seus elementos funcionais asociados é a superficie comprendida entre as dúas arestas exteriores daquela.

A aresta exterior da explanación, en cada unha das marxes da estrada, é a intersección do noiro do desmonte ou do terraplén co terreo natural (artigo 5.1 LEG).

2. Nos casos en que exista gabia de garda de desmonte ou ao pé de terraplén, a aresta exterior da explanación será a liña exterior de delimitación da dita gabia.

Onde o terreo natural se sitúe ao mesmo nivel que a estrada, a aresta exterior da explanación será a liña exterior de delimitación da gabia. Cando non exista gabia, a aresta exterior da explanación situarase a un metro (1 m) do bordo da plataforma. A desaparición accidental da gabia por erosións ou colmataxes non cuestiona a súa preexistencia.

Nas obras de fábrica, a aresta exterior da explanación estará definida pola intersección dos paramentos exteriores ou das súas cimentacións co terreo natural.

Naqueles treitos de estrada en que existan túneles, pontes, viadutos, estruturas ou obras similares, a aresta exterior da explanación será a máis exterior que resulte de comparar a intersección co terreo natural dos noiros xerados polas súas bocas ou estribos e a proxección ortogonal sobre o terreo da liña exterior de delimitación das obras.

Artigo 12. Elementos funcionais das estradas

1. Son elementos funcionais das estradas as zonas permanentemente afectas á súa conservación, á explotación do servizo público viario ou a outros fins auxiliares ou complementarios (artigo 6.1 LEG).

2. Terán a consideración de elementos funcionais:

a) Aquelas infraestruturas complementarias constituídas por espazos e instalacións destinadas a ordenar, mellorar ou regularizar o sistema xeral de transportes e comunicacións, tales como centros operativos de conservación e explotación, zonas de estacionamento, paradas de autobuses, áreas de servizo, áreas de descanso, zonas de auxilio e atención médica de urxencia, estacións e centros de control, lugares de inspección e pesaxe de vehículos, estacións de medición, aparcamentos disuasorios e calquera outro semellante (artigo 6.2.a LEG), tales como parques de maquinaria, viveiros, garaxes, talleres, vivendas para o persoal encargado da conservación e explotación das estradas, áreas de mantemento ou áreas de peaxe.

b) Os espazos lonxitudinais, sensiblemente paralelos ás estradas, respecto das que teñen un carácter secundario por servir ás propiedades e edificios lindeiros, tales como as vías e camiños de servizo, ou estar destinados á circulación peonil e de vehículos terrestres de tracción humana, como as beirarrúas, as sendas peonís e os carrís para a circulación de bicicletas (artigo 6.2.b LEG), incluíndo os pasos superiores ou inferiores para tráfico peonil ou ciclista.

c) Os elementos complementarios da estrada, tales como instalacións de iluminación e de ventilación, semáforos e outros elementos de ordenación e regulación da circulación, instalacións de rega e desaugamento, plantacións e zonas axardinadas e outros elementos de natureza análoga.

d) As calzadas de acceso aos propios elementos funcionais.

Artigo 13. Treitos urbanos

1. Para os efectos da lexislación de estradas de Galicia e deste regulamento, considérase treito urbano dunha estrada aquel que discorre por solo clasificado polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico como:

a) Urbano.

b) De núcleo rural cando, neste caso, conte con aliñacións marcadas no instrumento de planeamento urbanístico e sobre este emitise informe favorable, conforme a lexislación de estradas de Galicia e este regulamento, a Administración titular da estrada.

(Artigo 7 LEG)

2. O réxime que a lexislación de estradas de Galicia e este regulamento establecen para os treitos urbanos aplicaráselles tamén:

a) A aqueles treitos que discorren por solos que teñan acadado a condición de urbanos, en execución do planeamento urbanístico, e segundo o previsto na lexislación urbanística.

b) Aos terreos situados nas marxes das estradas que cumpran coas condicións que se lles exixen aos treitos urbanos, aínda que a estrada non discorra por eles.

3. A delimitación dos treitos urbanos por parte da Administración titular da estrada recoñecerase segundo os procedementos de coordinación co planeamento urbanístico previstos neste regulamento.

Artigo 14. Travesías

1. Para os efectos da lexislación de estradas de Galicia e deste regulamento, considérase travesía o treito dunha estrada no cal, discorrendo por solo clasificado como urbano, existen edificacións consolidadas que forman parte do núcleo de poboación (artigo 8.1 LEG).

2. Considerarase que existen edificacións consolidadas que forman parte do núcleo de poboación cando existan, polo menos nunha das marxes da estrada, edificacións consolidadas con acceso á estrada na metade das parcelas lindeiras con ela, en número non inferior a vinte (20) e nunha lonxitude continuada non inferior a cincocentos metros (500 m).

3. As travesías de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia ou treitos delas adquirirán a condición de vías urbanas cando se cumpran simultaneamente as condicións seguintes:

a) Que o seu tráfico sexa maioritariamente urbano.

b) Que exista unha alternativa viaria que proporcione un mellor nivel de servizo, supoña unha redución dos tempos de viaxe e manteña a continuidade do itinerario a través de estradas de titularidade da Administración titular da travesía ou doutras administracións de maior ámbito territorial.

(Artigo 8.2 LEG)

4. As travesías de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia que adquiran a condición de vías urbanas entregaranse ao concello polo cal estas discorran, seguindo os procedementos de cambios de titularidade previstos na lexislación de estradas de Galicia (artigo 8.3 LEG) e neste regulamento.

Unha vez entregada, a titularidade da vía será da Administración que a reciba, e actualizaranse os catálogos de estradas e os inventarios de travesías das administracións cedente e cesionaria.

Artigo 15. Outras definicións

Para a correcta interpretación e aplicación da normativa de estradas de Galicia teranse en conta, ademais das definicións contidas na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento, as que figuran no anexo.

CAPÍTULO IV

Titularidade

Artigo 16. Titularidade das estradas

1. A titularidade das estradas obxecto da lexislación de estradas de Galicia correspóndelle á Comunidade Autónoma ou ás entidades locais de Galicia (artigo 9.1 LEG).

2. A Administración titular da estrada é responsable do servizo público viario, así como do debido exercicio das facultades e prerrogativas que lle recoñece a lexislación de estradas de Galicia (artigo 9.2 LEG) e este regulamento.

3. Ao marxe das estradas de titularidade da Administración xeral do Estado, o resto das estradas de Galicia terá a consideración de autonómicas, provinciais ou municipais, segundo a súa titularidade lle corresponda á Comunidade Autónoma, ás deputacións provinciais ou aos concellos de Galicia.

4. As estradas de titularidade da Comunidade Autónoma compoñen a Rede autonómica de estradas de Galicia, mentres que as de titularidade das respectivas entidades locais compoñen as súas correspondentes redes de estradas (artigo 9.3 LEG).

Artigo 17. Determinación da titularidade

1. Presumirase que a titularidade dunha estrada lle corresponde á Administración que a teña incluída no seu catálogo de estradas, salvo que se poida acreditar o contrario mediante calquera medio probatorio legalmente admisible, tales como decretos ou actas de cambio de titularidade, convenios ou outros documentos administrativos similares.

2. Cando unha estrada non estea incluída no catálogo de estradas de ningunha Administración, ou estea incluída simultaneamente nos catálogos de estradas de varias administracións, e en ausencia doutros medios probatorios, entenderase que a súa titularidade lle corresponde a aquela Administración que teña tramitado a súa construción.

Artigo 18. Cambios de titularidade

1. Os cambios de titularidade de estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías ou treitos delas que estean incluídas no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo de acordo entre as administracións afectadas (artigo 9.4 LEG).

2. Os cambios de titularidade das travesías ou de treitos delas que estean incluídas no inventario de travesías da súa Administración titular, cando adquiran a consideración de vías urbanas, se realicen a prol do concello polo cal estas discorran e sempre que exista acordo entre este e a Administración titular da estrada, poderán ser aprobados pola consellería competente en materia de estradas, mediante resolución.

No resto dos casos, deberán ser aprobados, de xeito motivado, por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da antedita consellería (artigo 9.5 LEG).

3. As resolucións ou os decretos polos cales se aproben os cambios de titularidade das estradas obxecto da lexislación de estradas de Galicia deberán ser publicados no Diario Oficial de Galicia e serán efectivos ao día seguinte da súa publicación naquel (artigo 9.6 LEG).

4. No caso de que unha das administracións afectadas sexa a Administración xeral do Estado, aplicarase a regulación sobre cambio de titularidade prevista na normativa estatal en materia de estradas (artigo 9.6 LEG).

5. Os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente (artigo 9.7 LEG).

Os cambios de titularidade dos elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente tramitaranse seguindo o mesmo procedemento que no caso das estradas ou treitos delas.

6. Os cambios de titularidade formalizaranse mediante acta de entrega subscrita polas administracións interesadas, na cal se definirán con precisión os límites do treito afectado e os bens anexos, así como a súa lonxitude real e todas aquelas outras circunstancias que contribúan á súa mellor identificación.

As actas incluirán un plano en que se identifiquen graficamente os límites do treito afectado e dos bens anexos.

7. No caso de que, no prazo de tres (3) meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución ou decreto polo cal se aproben os cambios de titularidade, non se teña asinada a correspondente acta de entrega por parte das administracións cedente e cesionaria, bastará con que a primeira a asine unilateralmente, facendo constar o ofrecemento formal, para entender formalizada a cesión e para os efectos derivados dela.

8. As actas de entrega publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no boletín oficial da provincia correspondente, para os efectos do seu coñecemento por terceiros.

9. As obrigas derivadas do cambio de titularidade serán efectivas ao día seguinte da súa formalización.

10. No caso de cambios de titularidade que afecten a Rede autonómica de estradas de Galicia, as resolucións ou os decretos polos cales se aproben poderán servir para a aprobación simultánea das modificacións ou actualizacións do catálogo de estradas e do inventario de travesías da súa titularidade.

11. Os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial.

Artigo 19. Catálogos de estradas

1. Os catálogos de estradas son os instrumentos públicos que serven para identificar e inventariar as estradas das redes de cada Administración titular (artigo 10.1 LEG).

2. Os catálogos conterán a clasificación técnica das estradas, a súa identificación e denominación, os puntos inicial e final de cada un dos treitos que a constitúen e a súa respectiva lonxitude, así como a súa representación gráfica.

3. A adquisición e perda da condición de estrada dunha determinada vía pública, ou dun treito dela, levará aparellada a súa inclusión ou remoción no catálogo de estradas da Administración titular.

Artigo 20. Inventarios de travesías

1. Os inventarios de travesías son os instrumentos públicos que serven para identificar e inventariar as travesías existentes nas redes de estradas de cada Administración titular (artigo 10.2 LEG).

2. Os inventarios conterán a identificación e denominación das travesías, a identificación e denominación das estradas en que se encontran, os puntos inicial e final de cada un dos treitos que a constitúen e a súa respectiva lonxitude, a súa representación gráfica a escala adecuada así como a expresión de cantas circunstancias resulten necesarias para a identificación de cada unha delas.

3. Unha localidade pode ter ningunha, unha ou varias travesías.

Artigo 21. Aprobación dos catálogos de estradas e inventarios de travesías

1. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, aprobará por decreto o catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia e o seu inventario de travesías, así como as súas respectivas modificacións posteriores.

A actualización do catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia e do seu inventario de travesías realizarase por orde da consellería competente en materia de estradas (artigo 10.3 LEG).

2. O catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia e o seu inventario de travesías estarán á disposición da cidadanía no portal virtual da Xunta de Galicia.

3. As entidades locais aprobarán os catálogos das estradas da súa titularidade e os inventarios de travesías correspondentes, así como as respectivas modificacións e actualizacións posteriores (artigo 10.4 LEG).

Os concellos poderán aprobar, modificar e actualizar os catálogos das estradas da súa titularidade e os inventarios de travesías correspondentes como instrumentos independentes ou como parte dos documentos integrantes dos seus instrumentos de planeamento urbanístico municipal. Neste último caso, as súas aprobacións, modificacións ou actualizacións deberán tramitarse segundo o previsto na lexislación aplicable en materia de ordenación urbanística.

4. Os catálogos de estradas e os inventarios de travesías aprobados polas entidades locais, así como as súas respectivas modificacións e actualizacións posteriores, seranlle comunicados por aquelas á consellería competente en materia de estradas, co fin de coordinar o sistema viario da Comunidade Autónoma.

5. A aprobación dos inventarios de travesías por parte dos órganos competentes das súas respectivas administracións titulares implicará a autorización por parte daqueles para que os cambios de titularidade das travesías ou de treitos delas que estean incluídas nos devanditos inventarios poidan ser aprobados pola consellería competente en materia de estradas, cando se verifiquen, simultaneamente, as seguintes circunstancias:

a) Que as travesías ou treitos delas adquiran a consideración de vías urbanas.

b) Que os cambios de titularidade se realicen a prol do concello polo cal discorran as travesías ou treitos delas.

c) Que exista acordo entre o concello e a Administración titular da estrada.

(Artigo 10.5 LEG)

6. Os catálogos de estradas e os inventarios de travesías actualizaranse permanentemente para reflectir a adquisición ou perda da condición de estradas de determinadas vías públicas, os cambios de titularidade de estradas ou treitos delas, a construción de novas estradas e o resto de circunstancias que lles afecten.

Artigo 22. Modificación dos catálogos de estradas e inventarios de travesías

Terán a consideración de modificación dos catálogos de estradas e dos inventarios de travesías:

a) O cambio de titularidade de estradas, travesías ou treitos delas, segundo os procedementos da lexislación de estradas de Galicia e deste regulamento.

b) A construción de novas estradas ou de novos treitos das estradas existentes.

c) A adquisición ou perda da condición de estrada dunha vía pública.

d) A consideración como travesía dun treito de estrada, cando non se tramitase un expediente ao respecto para o seu recoñecemento.

(Artigo 10.6 LEG)

Artigo 23. Actualización dos catálogos de estradas e inventarios de travesías

Terán a consideración de actualización dos catálogos de estradas e dos inventarios de travesías:

a) O cambio de titularidade de travesías ou treitos delas que estivesen incluídas no inventario de travesías da súa Administración titular, cando poida ser aprobado pola consellería competente en materia de estradas.

b) A variación de trazado en estradas existentes.

c) A variación dos datos que identifican as estradas ou travesías contidas neles.

(Artigo 10.7 LEG)

d) A consideración como travesía dun treito de estrada, cando se teña tramitado un expediente ao respecto para o seu recoñecemento.

e) O cambio de clase de estradas, cando se teña tramitado un expediente ao respecto.

Artigo 24. Mapa de estradas de Galicia

1. O Mapa de estradas de Galicia incluirá as estradas de titularidade autonómica e local, segundo a representación gráfica de cada unha delas que se inclúa nos catálogos de estradas das súas respectivas administracións titulares.

2. A aprobación, modificación e actualización do Mapa de estradas de Galicia realizarase por orde da consellería competente en materia de estradas.

3. O Mapa de estradas de Galicia actualizarase de forma periódica, cando menos cada dous (2) anos, e estará á disposición da cidadanía no portal virtual da Xunta de Galicia, con carácter informativo.

TÍTULO II

Planificación e proxección

CAPÍTULO I

Planificación

Artigo 25. Planificación en materia de estradas

1. A planificación en materia de estradas de Galicia realizarase a través dos seguintes instrumentos:

a) Plan director de estradas de Galicia.

b) Plans sectoriais de estradas.

(Artigo 11.1 LEG)

2. Os instrumentos de planificación en materia de estradas deberán coordinarse coa estratexia nacional de seguridade viaria e cos plans de seguridade viaria que a desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 11.2 LEG).

Sección 1ª. Plan director de estradas de Galicia

Artigo 26. Concepto, natureza e eficacia

1. O Plan director de estradas de Galicia é o instrumento técnico e xurídico de planificación plurianual das actuacións en materia de estradas das distintas administracións, referido á totalidade do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. O Plan director de estradas de Galicia determina, conxuntamente e de acordo co réxime de competencias vixente, as administracións responsables da execución de cada actuación e, se é o caso, os criterios para establecer os necesarios acordos ou convenios entre as administracións que deban proceder ao seu desenvolvemento conxunto (artigo 12.1 da LEG).

2. O Plan director de estradas de Galicia, logo de ser aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, ten a consideración de programa coordinado de actuación, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio (artigo 12.2 LEG).

3. O Plan director de estradas de Galicia non modificará directamente as determinacións das figuras de planeamento xeral reguladas na lexislación urbanística nin nos plans de ordenación do medio físico regulados na lexislación autonómica de ordenación do territorio.

Porén, no caso de que as obras e actuacións previstas no plan exixan unha modificación das determinacións dos plans xerais ou normas complementarias ou subsidiarias de planeamento e plans que os desenvolvan, procederase, unha vez definida a obra ou actuación de que se trate a nivel de plan sectorial, estudo ou proxecto aprobado definitivamente, á adaptación dos devanditos plans (artigo 12.3 LEG).

Artigo 27. Documentación e contido

O Plan director de estradas de Galicia estará integrado polos seguintes documentos, que se elaborarán atendendo ás determinacións que se indican en cada caso:

a) Memoria, que incluirá:

1º. Fixación dos obxectivos estratéxicos e operativos.

2º. Avaliación do cumprimento do plan anterior.

3º. Definición dos criterios xerais aplicables ao deseño e construción dos elementos que compoñen o sistema viario, así como a súa conservación e a do seu patrimonio histórico.

4º. Descrición e análise da situación da rede de estradas e dos seus elementos funcionais en relación co seu estado funcional e de conservación, a seguridade viaria, a mobilidade sustentable, a calidade de servizo, o sistema xeral de transportes, o modelo territorial, o medio natural, a dinamización dos investimentos empresariais, a fixación da poboación rural e as principais variables socioeconómicas.

5º. Adscrición dos treitos da rede existentes e previstos ás distintas clases e categorías de estradas, tendo en conta o previsto nos catálogos de estradas aprobados.

6º. Relación cos plans e programas que, en materia de estradas, aprobasen as distintas administracións que interveñen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

7º. Definición dos procedementos para o desenvolvemento e xestión do Plan director, incluíndo os criterios e procedementos para a elaboración dos plans sectoriais de estradas.

8º. Definición de criterios e procedementos para a avaliación do cumprimento dos obxectivos e para a revisión e actualización do Plan director.

b) Relación dos programas que forman o instrumento de planificación e das actuacións previstas en cada un deles, incluída unha descrición, coa especificación suficiente, das súas respectivas características.

c) Documentación gráfica e planos, que recollerá a representación a escala adecuada de todas as actuacións previstas no Plan director.

d) Estudo económico e financeiro, que incluirá a identificación, determinación e programación dos recursos económicos, financeiros e organizativos necesarios para a execución das actuacións previstas, así como para garantir a conservación, explotación e defensa do dominio público viario.

e) Programación temporal das actuacións, que incluirá a orde de prioridade o cronograma daquelas, e o ámbito temporal previsto para a vixencia do Plan director.

f) A documentación exixida pola normativa básica sobre avaliación ambiental, cando o instrumento de planificación, segundo aquela, deba ser sometida a ese trámite.

g) Estudo de avaliación de impacto de seguridade viaria.

h) Medidas de articulación, de ser o caso, entre o Plan director, as Directrices de ordenación do territorio e demais instrumentos de ordenación urbanística e do territorio vixentes.

Artigo 28. Tramitación

1. A elaboración do Plan director de estradas de Galicia iniciarase cunha antelación non inferior a dezaoito (18) meses con respecto do prazo de vencemento do plan vixente e a súa tramitación e aprobación axustarase ao seguinte procedemento, tanto para o caso dun novo Plan director como para o de modificación do existente:

a) O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, acordará a formulación dun novo Plan director de estradas de Galicia ou a modificación do vixente. O acordo, que deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia, será motivado, sinalará as causas que o xustifiquen e as súas finalidades, determinará as administracións ou entes públicos que teñan que colaborar na súa formulación, así como o prazo dentro do cal se deberá redactar o documento correspondente á proposta do novo Plan director.

b) A consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas elaborará un documento previo, no cal se expoñan os obxectivos e propostas básicas que deba desenvolver o Plan director de estradas de Galicia, dentro do prazo que no seu acordo establecese o Consello da Xunta de Galicia.

c) O documento previo do novo Plan director será remitido ás entidades locais afectadas e demais administracións e entes públicos que deban colaborar na súa formulación que, dentro dos dous meses seguintes á súa recepción, deberán remitir os plans ou programas de actuación ou actividades que desenvolvan os instrumentos de ordenación xeral, ao tempo que poderán efectuar as súas propostas de programación ou observación e, de ser o caso, as alternativas que consideren convenientes.

d) Unha vez analizada a información recibida e, de ser o caso, rectificado, modificado ou ampliado o documento correspondente á proposta do novo Plan director, a consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas acordará a súa aprobación inicial, que será anunciada no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e, como mínimo, en dous medios de comunicación de entre os de máis difusión da Comunidade Autónoma, e someterao aos trámites de información pública e informe das entidades locais e outras administracións e entes públicos afectados desde o punto de vista da ordenación do territorio e das consellarías da Xunta de Galicia competentes en materia de facenda, ordenación do territorio, agricultura, economía e industria por un prazo de dous meses.

Paralelamente, solicitaranse os informes preceptivos e realizaranse as consultas previas necesarias, segundo o exixido pola normativa sectorial. Así mesmo, realizarase a consulta previa á Comisión Europea, a través da canle correspondente, cando o plan afecte un lugar que albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritaria.

e) Unha vez rematado o trámite anterior, a consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas redactará, incorporando as modificacións que, de ser o caso, procedesen como resultado dos trámites de información pública e informe das administracións, organismos e entes públicos afectados, o documento definitivo do Plan director e procederá á súa aprobación provisional.

f) Despois da aprobación provisional, o Plan director será elevado pola consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas ao Consello da Xunta de Galicia, a quen lle corresponde a súa aprobación definitiva en forma de decreto.

g) Logo de ser aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia, o Plan director remitirase ao Parlamento de Galicia, para o seu exame, e publicarase no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia o seu acordo de aprobación e a súa normativa de desenvolvemento.

2. A tramitación do Plan director de estradas de Galicia realizarse de xeito simultáneo co procedemento de avaliación ambiental, establecido pola lexislación básica sobre a materia.

Sección 2ª. Plans sectoriais de estradas

Artigo 29. Concepto, natureza e eficacia

1. Os plans sectoriais de estradas son os instrumentos técnicos e xurídicos de desenvolvemento do Plan director de estradas de Galicia, no ámbito da Administración autonómica e das entidades locais de Galicia, respecto da rede de estradas de que son titulares.

Os plans sectoriais de estradas poderán ter a consideración de plan sectorial de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio e urbanismo, cando así os cualifique o Consello da Xunta de Galicia, por iniciativa da Administración titular.

Os plans sectoriais de estradas que sexan declarados de incidencia supramunicipal prevalecerán sobre a ordenación urbanística nos aspectos relativos ao sistema viario e de comunicacións. Para estes efectos, as súas determinacións vincularán o planeamento das entidades locais, que deberá adaptarse a elas no prazo dun ano desde a data da súa aprobación e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico (artigo 13 LEG).

2. Os plans sectoriais de estradas poderán referirse ao conxunto ou a unha parte da rede de estradas da Administración que os promova.

Artigo 30. Documentación e contido

Os plans sectoriais de estradas estarán integrados polos seguintes documentos, que se elaborarán atendendo ás determinacións que se indican en cada caso:

a) Memoria, que incluirá:

1º. Identificación da Administración titular da rede de estradas obxecto do plan.

2º. Identificación e descrición do ámbito territorial de incidencia do plan.

3º. Avaliación do cumprimento do plan anterior.

4º. Xustificación da súa harmonización co Plan director de estradas de Galicia e do interese público das actuacións planificadas.

5º. Fixación dos obxectivos e establecemento de prioridades entre eles.

6º. Definición dos criterios xerais aplicables ao deseño e construción dos elementos que compoñen o sistema viario, especificando os parámetros mínimos e desexables do seu trazado en planta e alzado e dos elementos que compoñan a súa sección tipo, así como á súa conservación e á do seu patrimonio histórico.

7º. Descrición e análise da situación da rede de estradas e dos seus elementos funcionais en relación co seu estado funcional e de conservación, a seguridade viaria, a mobilidade sustentable, a calidade de servizo, o sistema xeral de transportes, o modelo territorial, o medio natural e as principais variables socioeconómicas.

8º. Adscrición dos treitos da rede existentes e previstos ás distintas clases e categorías de estradas, tendo en conta o previsto nos catálogos de estradas aprobados.

9º. Descrición e análise da incidencia sobre o territorio físico, así como das afeccións ambientais previstas e dos medios propostos para corrixilas ou minimizalas.

10º. Definición dos procedementos para o desenvolvemento e xestión do plan.

11º. Definición de criterios e procedementos para a avaliación do cumprimento dos obxectivos e para a revisión do plan.

b) Relación dos programas que forman o instrumento de planificación e das actuacións previstas en cada un deles, incluíndo unha descrición, coa especificación suficiente, das súas respectivas características e as directrices para a redacción dos estudos e proxectos en que se desenvolvan.

c) Documentación gráfica e planos, que recollerá a representación a escala adecuada de todas as actuacións previstas no plan sobre a cartografía da súa localización, así como os planos de clasificación e cualificación dos terreos afectados, obtidos dos instrumentos de planeamento urbanístico vixentes.

d) Estudo económico e financeiro, que incluirá a identificación, determinación e programación dos recursos económicos, financeiros e organizativos necesarios para a execución das actuacións previstas, así como para garantir a conservación, explotación e defensa do dominio público viario.

e) Programación temporal das actuacións, que incluirá a orde de prioridade o cronograma daquelas, e o ámbito temporal previsto para a vixencia do plan.

f) A documentación exixida pola normativa básica sobre avaliación ambiental, cando o instrumento de planificación, segundo aquela, deba ser sometido a ese trámite.

g) Estudo de avaliación de impacto de seguridade viaria.

h) De ser o caso, as determinacións urbanísticas do planeamento local que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, así como o prazo para realizar a correspondente adecuación.

Artigo 31. Tramitación

1. A elaboración de cada plan sectorial de estradas iniciarase segundo o previsto no Plan director de estradas de Galicia e a elaboración dos sucesivos deberá iniciarse cunha antelación non inferior a doce (12) meses con respecto do prazo de vencemento do plan vixente.

A súa tramitación e aprobación axustarase ao seguinte procedemento, tanto para o caso dun novo plan sectorial como para o de modificación do existente:

a) O órgano competente en materia de estradas da Administración titular da rede acordará a elaboración do novo plan sectorial ou a modificación do vixente e establecerá os obxectivos e directrices do seu contido.

b) Unha vez elaborado o documento correspondente á proposta do novo plan sectorial, e cando así o solicite a Administración titular da rede, a consellería competente en materia de estradas analizará o documento e, se procedese, elevará ao Consello da Xunta de Galicia a proposta da súa declaración como de incidencia supramunicipal.

c) Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia o debate e a declaración do plan sectorial como de incidencia supramunicipal.

d) A continuación, a Administración titular da rede someterá o plan sectorial a información pública desde o punto de vista da ordenación do territorio, e anunciarao no Diario Oficial de Galicia e, como mínimo, en dous medios de comunicación de entre os de máis difusión no ámbito da actuación, por un prazo de dous meses, durante o cal se porá á disposición do público e se lles solicitará informe ás entidades locais e demais administracións públicas afectadas polo plan, así como ás consellarías da Xunta de Galicia competentes en materia de ordenación do territorio, agricultura, economía e industria e, no caso dos plans sectoriais de estradas das entidades locais, de estradas. No caso dos plans sectoriais de estradas da Administración autonómica, tamén se lle solicitará informe á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de facenda.

Paralelamente, solicitaranse os informes preceptivos e realizaranse as consultas previas necesarias, segundo o exixido pola normativa sectorial. Así mesmo, realizarase a consulta previa á Comisión Europea, a través da canle correspondente, cando o plan afecte un lugar que albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritaria.

e) Unha vez rematado o trámite anterior, a Administración titular da rede redactará, incorporando as modificacións que, de ser o caso, procedesen como resultado dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, o documento definitivo do plan sectorial, aprobarao provisionalmente e remitirallo á consellería competente en materia de estradas, á cal lle corresponde informar o Consello da Xunta sobre as alegacións presentadas no trámite de exposición pública e informe das administracións afectadas.

f) Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia o debate e a aprobación definitiva dos plans sectoriais de estradas.

g) Logo de ser aprobados definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia o acordo de aprobación e a normativa de desenvolvemento dos plans sectoriais de estradas.

2. A tramitación dos plans sectoriais de estradas realizarase de xeito simultáneo co procedemento de avaliación ambiental, establecido pola lexislación básica sobre a materia.

3. Os plans sectoriais de estradas elaborados polos concellos que non sexan declarados como de incidencia supramunicipal tramitaranse segundo o procedemento previsto na lexislación urbanística.

Sección 3ª. Categorización das estradas

Artigo 32. Categorías funcionais das estradas

1. O Plan director de estradas de Galicia categorizará funcionalmente as estradas en tres redes:

a) Rede estruturante.

b) Rede complementaria.

c) Rede local.

2. A inclusión de cada estrada nunha rede deberá fundamentarse na categoría dos núcleos urbanos ou centros de actividade a que serve, así como na función que desempeñe en relación coa ordenación do territorio e o sistema de transporte.

3. A categorización funcional das estradas é independente da súa titularidade.

Artigo 33. Rede estruturante

A Rede estruturante está formada polos grandes eixes que, xunto coa rede Rede de estradas do Estado, vertebran o territorio, o conectan coas redes de estradas da República Portuguesa e das comunidades autónomas de Asturias e Castilla y León e relacionan entre si:

a) Os espazos urbanos.

b) Os nodos do sistema urbano intermedio.

c) Os aeroportos e portos de interese xeral do Estado.

Artigo 34. Rede complementaria

1. A Rede complementaria está formada polas estradas que, xunto coa Rede de estradas do Estado e a Rede estruturante, conectan os nodos para o equilibrio do territorio entre si e coas anteditas redes.

2. Formarán tamén parte da Rede complementaria aquelas estradas que, sen formar parte da Rede de estradas do Estado ou da Rede estruturante, constitúan o principal acceso:

a) Aos parques empresariais de carácter estratéxico e parques empresariais de influencia supracomarcal previstos na planificación sectorial de áreas empresariais de Galicia.

b) Ás estacións de ferrocarril de alta velocidade, cando se sitúen en núcleos de poboación aos cales non se acceda a través doutras estradas da Rede de estradas do Estado ou da Rede estruturante, ou fóra da rede de vías urbanas dos núcleos de poboación.

Artigo 35. Rede local

1. A Rede local está formada por todas as estradas non incluídas na Rede de estradas do Estado, na Rede estruturante ou na Rede complementaria.

2. En particular, formarán tamén parte da Rede local aquelas vías que, sen formar parte da Rede de estradas do Estado, da Rede estruturante ou da Rede complementaria, constitúan o principal acceso a:

a) Concellos que non dispoñan de acceso a través doutras estradas.

b) Parques empresariais de rango comarcal, plataformas loxísticas, parques especializados e parques tecnolóxicos orientados á innovación, desenvolvemento e investigación previstos na planificación sectorial de áreas empresariais de Galicia.

c) Portos de titularidade autonómica, estacións de ferrocarril convencional e estacións intermodais, cando se sitúen en núcleos de poboación aos cales non se acceda a través doutras estradas ou fóra da rede de vías urbanas dos núcleos de poboación.

d) Equipamentos colectivos sanitarios, asistenciais, educativos, culturais, deportivos, administrativos e recreativos de carácter supralocal, cando se sitúen en núcleos de poboación aos cales non se acceda a través doutras estradas ou fóra da rede de vías urbanas dos núcleos de poboación.

CAPÍTULO II

Estudos e proxectos

Sección 1ª. Tipos de estudos e proxectos

Artigo 36. Tipoloxía dos estudos e proxectos

1. Con carácter previo á redacción dos estudos ou proxectos requiridos para a construción de novas estradas ou a modificación das existentes, poderanse redactar os seguintes estudos:

a) Estudo de planeamento.

b) Estudo previo.

2. Para construír novas estradas ou modificar as existentes, deberanse redactar os estudos e os proxectos correspondentes, de acordo coa tipoloxía seguinte:

a) Estudo informativo.

b) Anteproxecto.

c) Proxecto de trazado.

d) Proxecto de construción.

3. Unha vez rematadas as obras de execución de novas estradas ou modificación das existentes, elaborarase un documento final daquelas.

4. Poderanse redactar cantos outros estudos específicos ou parciais se consideren precisos para determinar posibles actuacións futuras.

Artigo 37. Estudo de planeamento

1. O estudo de planeamento consiste na definición dun esquema viario futuro, así como das características e dimensións recomendables, necesidades de solo e outras limitacións, á vista da ordenación territorial e urbanística.

2. Elaboraranse estudos de planeamento cando sexa necesario para harmonizar e coordinar o contido dos instrumentos de planificación en materia de estradas con outros instrumentos de ordenación territorial e urbanística.

3. O estudo de planeamento debe conter os seguintes documentos:

a) Memoria, cos anexos que sexan precisos para desenvolvela, que incluirá:

1º. Identificación das administracións titulares das estradas obxecto do estudo.

2º. Descrición do espazo en que se asenta a infraestrutura e o ámbito territorial de incidencia desta, analizando especialmente os instrumentos de ordenación territorial e urbanística que lle afecten.

3º. Exposición das necesidades que hai que satisfacer e dos factores sociais, técnicos, económicos, ambientais, de seguridade viaria e administrativos que deben considerarse para propor a solución máis adecuada ao problema que se deberá resolver.

4º. Definición dos distintos esquemas viarios estudados.

5º. Estudo da adecuación das actuacións estudadas aos instrumentos de ordenación territorial ou urbanística ou, de no ser así, indicación das determinacións para as cales se deba prever a súa modificación como consecuencia da aprobación do estudo informativo ou proxecto correspondente.

6º. Análise de ponderación das distintas alternativas para lograr os fins públicos ou sociais a que se aspira e unha motivación detallada da opción finalmente elixida. Esta motivación, como mínimo, debe ter en conta os factores de funcionalidade, técnica construtiva, seguridade viaria, eficiencia económica, eficiencia ambiental e sustentabilidade, e debe incluír os correspondentes datos e cálculos básicos.

b) Planos, que incluirán os de situación xeral e de conxunto necesarios para a definición dos aspectos esenciais de todos os esquemas viarios estudados.

Artigo 38. Estudo previo

1. O estudo previo consiste na recompilación e análise dos datos necesarios para definir en liñas xerais as diferentes solucións dun determinado problema, valorando todos os seus efectos.

2. Elaboraranse estudos previos cando sexa necesario analizar e concretar as necesidades de actuación na rede de estradas, a partir do previsto nos instrumentos de planificación en materia de estradas.

3. O estudo previo debe conter os seguintes documentos:

a) Memoria, cos anexos que sexan precisos para desenvolvela, que incluirá:

1º. Identificación das administracións titulares das estradas obxecto do estudo.

2º. Descrición do espazo en que se asenta a infraestrutura e o ámbito territorial de incidencia desta.

3º. Exposición das necesidades que se deberán satisfacer e dos factores sociais, técnicos, económicos, ambientais, de seguridade viaria e administrativos que deben considerarse para propor a solución máis adecuada ao problema que se deberá resolver.

4º. Definición das distintas alternativas de actuación estudadas.

5º. Valoración económica de cada alternativa, que inclúa, de ser o caso, todos os custos adicionais inherentes á execución das obras e, en particular, o custo das expropiacións e indemnizacións que se deban realizar.

6º. Estudos xeolóxicos, xeotécnicos, de asolagabilidade e outros riscos naturais para acreditar suficientemente a idoneidade dos terreos onde está prevista a realización da obra.

7º. Estudo da adecuación das actuacións estudadas aos instrumentos de planeamento urbanístico ou, de non ser así, indicación das determinacións urbanísticas do planeamento municipal para as cales se deba prever a súa modificación como consecuencia da aprobación do estudo informativo ou proxecto correspondente. Incluirase tamén a representación gráfica das zonas de protección da estrada e da liña límite de edificación.

8º. Análise de ponderación das distintas alternativas para lograr os fins públicos ou sociais que xustifican a obra e unha motivación detallada da opción finalmente elixida. Esta motivación, como mínimo, debe ter en conta os factores de funcionalidade para o uso que lle corresponden, de técnica construtiva, seguridade viaria e laboral, eficiencia económica, eficiencia ambiental e sustentabilidade, e debe incluír os correspondentes datos e cálculos básicos.

9º. Estudo relativo á posible división dos documentos que deban definir a actuación en estudos informativos ou proxectos parciais, coa especificación da valoración económica de cada un deles e do plan de etapas e os prazos previstos para a súa elaboración, contratación e execución.

b) Planos, que incluirán os de situación xeral e de conxunto necesarios para definir os aspectos esenciais de todas as alternativas estudadas.

Artigo 39. Estudo informativo

1. O estudo informativo consiste na análise dos datos necesarios para definir e valorar, en liñas xerais, as diferentes alternativas a un problema viario determinado e propor a solución máis axeitada para este (artigo 15.a LEG).

2. Deberanse elaborar estudos informativos cando sexa preceptivo o sometemento da actuación aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, segundo o previsto na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento.

Non obstante, cando as circunstancias concorrentes aconsellen que a función do estudo informativo sexa asumida por un anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción, poderase elaborar un destes en lugar daquel (artigo 16.1 LEG).

Enténdese que é aconsellable que a función do estudo informativo sexa asumida por un anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción cando se verifique algunha das seguintes circunstancias:

a) Cando só sexa viable un corredor para o trazado da actuación que se vai deseñar.

b) Cando o ámbito territorial da actuación abranga un único termo municipal.

c) Cando a lonxitude da actuación non exceda os cinco quilómetros (5 km).

d) Cando concorran outras circunstancias que simplifiquen de xeito significativo a comparación entre as distintas alternativas de trazado viables.

3. O estudo informativo debe conter os seguintes documentos:

a) Memoria, cos anexos que sexan precisos para desenvolvela, que incluirá:

1º. Identificación da Administración titular da estrada obxecto do estudo.

2º. Descrición do espazo en que se asenta a infraestrutura e o ámbito territorial de incidencia desta.

3º. Exposición das necesidades que debe satisfacer a obra e os factores sociais, técnicos, económicos, ambientais, de seguridade viaria e administrativos que deben considerarse para propor a solución máis adecuada ao problema que hai que resolver.

4º. Definición das distintas alternativas de actuación estudadas.

5º. Estudos xeolóxicos, xeotécnicos, de asolagabilidade e outros riscos naturais para acreditar suficientemente a idoneidade dos terreos onde está prevista a realización da obra.

6º. Análise de ponderación das distintas alternativas para lograr os fins públicos ou sociais que xustifican a obra e, de ser o caso, unha motivación detallada da opción finalmente elixida. Esta motivación, como mínimo, debe ter en conta os factores de funcionalidade para o uso que lle corresponden, de técnica construtiva, seguridade viaria e laboral, eficiencia económica, eficiencia ambiental e sustentabilidade, e debe incluír os correspondentes datos e cálculos básicos.

7º. Proposta de implantación de áreas de servizo, de ser o caso, establecendo a súa localización e accesos e propondo as instalacións que deberán conter, en función das necesidades previsibles das persoas usuarias e das dotacións existentes na contorna.

8º. Estudo relativo á posible descomposición do estudo informativo en proxectos parciais, coa especificación da valoración económica de cada un deles e do plan de etapas e os prazos previstos para a súa elaboración, contratación e execución.

9º. Xustificación do interese público ou utilidade social da infraestrutura.

b) Planos, que incluirán os de situación xeral e de conxunto necesarios para definir os aspectos esenciais de todas as alternativas de trazado estudadas.

c) Valoración económica de cada alternativa, que inclúa, de ser o caso, todos os custos adicionais inherentes á execución das obras e, en particular, o custo das expropiacións e indemnizacións que se deban realizar.

d) Documento acreditativo da adecuación da obra proxectada aos instrumentos de planeamento urbanístico ou, de non ser así, indicación das determinacións urbanísticas do planeamento municipal que se deben modificar como consecuencia da súa aprobación, así como o prazo para realizar a correspondente adecuación. Incluirase tamén a representación gráfica das zonas de protección da estrada e da liña límite de edificación.

e) Estudo de carácter económico e financeiro sobre a viabilidade da actuación, cando estea prevista a súa execución e explotación en réxime de concesión de obra pública, sexa exixida pola normativa de contratos do sector público, co contido exixido naquela, e se pretenda dar cumprimento simultaneamente ás tramitacións previstas naquela e na lexislación de estradas de Galicia.

f) Estudo de impacto ambiental ou documento ambiental, cando a actuación deba ser sometida ao trámite de avaliación ambiental, segundo a normativa básica ou autonómica sobre a materia, co contido establecido naquela.

Artigo 40. Anteproxecto

1. O anteproxecto consiste no estudo a escala adecuada da solución óptima e das solucións construtivas que sexa necesario empregar (artigo 15.b LEG).

2. Deberanse elaborar anteproxectos cando así o exixa a lexislación de contratos do sector público (artigo 16.2 LEG).

No resto dos casos, a decisión sobre a elaboración de anteproxectos é potestativa da Administración promotora da actuación.

En ambos os dous casos, os anteproxectos, sempre que conteñan a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que é necesario ocupar, poderán servir para o cumprimento dos requisitos previos exixidos pola lexislación en materia de expropiación forzosa.

A elaboración de anteproxectos debe vir precedida da aprobación definitiva do correspondente estudo informativo, agás nos casos en que non fose exixible a súa elaboración ou cando o anteproxecto asuma a función do estudo informativo.

3. O anteproxecto debe conter os seguintes documentos:

a) Memoria cos anexos que sexan precisos para desenvolver os datos e cálculos básicos necesarios, que incluirá:

1º. Identificación da Administración titular da estrada obxecto do proxecto.

2º. Descrición do obxecto das obras, que debe incluír os antecedentes e a situación previa, as necesidades que debe satisfacer e a xustificación da solución adoptada, coa especificación dos factores de todo tipo que deben terse en conta e, en particular, os de tipo social, técnico, económico, ambiental, de seguridade viaria e administrativo.

3º. Estudos xeolóxicos ou xeotécnicos, agás que sexan incompatibles coa natureza da obra.

4º. Xustificación expresa da coherencia coa opción ou solución seleccionada, cando a obra proxectada desenvolva un estudo informativo aprobado definitivamente ou, en caso contrario, xustificación e argumentación dos motivos aducidos para apartarse daqueles. Ademais, débese comprobar a adecuación da obra proxectada aos instrumentos de planeamento urbanístico ou, de non ser así, ás determinacións urbanísticas do planeamento municipal que deben modificarse como consecuencia da aprobación do antedito estudo informativo. Incluirase tamén a representación gráfica das zonas de protección da estrada e da liña límite de edificación.

5º. Xustificación expresa do cumprimento da declaración de impacto ambiental correspondente ao estudo informativo, cando o anteproxecto desenvolva un documento dese tipo que fose sometido ao trámite de avaliación ambiental, sen prexuízo, de ser o caso, dos efectos derivados do acordo de resolución de discrepancias respecto da antedita declaración de impacto ambiental.

6º. Estudo relativo á posible descomposición en proxectos parciais, coa especificación da valoración económica de cada un deles e do plan de etapas e os prazos previstos para a súa elaboración, contratación e execución.

7º. Referencias de todo tipo para o implantación da obra.

8º. Relación concreta e individualizada, na cal se describan, en todos os aspectos materiais e xurídicos, os terreos, bens, servidumes e demais dereitos reais que se considere necesario ocupar para a execución da obra ou para a reposición dos servizos afectados pola súa execución, coa identificación das súas persoas titulares, así como a representación gráfica da delimitación das ocupacións necesarias.

b) Planos de situación xerais, de conxunto e de detalle necesarios para que a obra quede suficientemente definida.

c) Orzamento que comprenda os gastos de execución da obra, que pode estar integrado por distintos orzamentos parciais, no cal consten os prezos unitarios, o estado das medicións e os detalles para a súa valoración. Calcularanse de xeito independente todos aqueles outros custos adicionais inherentes á execución das obras e, en particular, o custo das expropiacións e indemnizacións que sexa necesario realizar, segundo o sistema legal de valoracións vixente.

d) No caso de que o anteproxecto se someta aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, indicación das determinacións urbanísticas do planeamento municipal que se deben modificar como consecuencia da súa aprobación, así como o prazo para realizar a correspondente adecuación.

e) Estudo relativo ao réxime de utilización e explotación da obra, con indicación da súa forma de financiamento e do réxime de tarifas aplicable, incluída, de ser o caso, a incidencia ou contribución nestas dos rendementos que puidesen corresponder ás zonas de explotación comercial, cando estea prevista a súa execución e explotación en réxime de concesión de obra pública e así o exixa a normativa de contratos do sector público.

f) O resto da documentación exixible pola normativa de contratación do sector público, cando o anteproxecto vaia servir de base a unha licitación pública.

4. Cando, segundo o previsto na lexislación de estradas de Galicia, un anteproxecto asuma a función dun estudo informativo que deba ser sometido de xeito preceptivo aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, o seu contido deberá abranguer, cando menos, o exixido a ambos tipos de documentos.

Artigo 41. Proxecto de trazado

1. O proxecto de trazado consiste na determinación dos principais aspectos xeométricos da actuación e na definición concreta dos bens e dos dereitos afectados (artigo 15.c LEG).

2. A elaboración de proxectos de trazado é potestativa da Administración promotora da actuación.

Os proxectos de trazado poderán servir para o cumprimento dos requisitos previos exixidos pola lexislación en materia de expropiación forzosa.

A elaboración de proxectos de trazado debe vir precedida da aprobación definitiva do correspondente estudo informativo ou do anteproxecto que tivese asumido a súa función, agás nos casos en que non fose exixible a súa elaboración ou cando o proxecto de trazado asuma a función do estudo informativo.

3. O proxecto de trazado debe conter os seguintes documentos:

a) Memoria cos anexos que sexan precisos para desenvolver os datos e cálculos básicos necesarios, que incluirá:

1º. Identificación da Administración titular da estrada obxecto do proxecto.

2º. Descrición do obxecto das obras, que debe incluír os antecedentes e a situación previa, as necesidades que debe satisfacer e a xustificación da solución adoptada, coa especificación dos factores de todo tipo que deben terse en conta e, en particular, os de tipo social, técnico, económico, ambiental, de seguridade viaria e administrativo.

3º. Estudos xeolóxicos ou xeotécnicos, agás que sexan incompatibles coa natureza da obra.

4º. Xustificación expresa da coherencia coa opción ou solución seleccionada, cando a obra proxectada desenvolva un estudo informativo ou anteproxecto aprobado definitivamente ou, en caso contrario, xustificación e argumentación dos motivos aducidos para apartarse daqueles. Ademais, débese comprobar a adecuación da obra proxectada aos instrumentos de planeamento urbanístico ou, de non ser así, ás determinacións urbanísticas do planeamento municipal que se deben modificar como consecuencia da aprobación do antedito estudo informativo ou anteproxecto. Incluirase tamén a representación gráfica das zonas de protección da estrada e da liña límite de edificación.

5º. Xustificación expresa do cumprimento da declaración de impacto ambiental correspondente ao estudo informativo ou anteproxecto, cando o proxecto de trazado desenvolva un documento dese tipo que fose sometido ao trámite de avaliación ambiental, sen prexuízo, de ser o caso, dos efectos derivados do acordo de resolución de discrepancias respecto da antedita declaración de impacto ambiental.

6º. Estudo relativo á posible descomposición en proxectos parciais, coa especificación da valoración económica de cada un deles e do plan de etapas e os prazos previstos para a súa elaboración, contratación e execución.

7º. Referencias de todo tipo para a implantación da obra.

8º. Relación concreta e individualizada, na cal se describan, en todos os aspectos materiais e xurídicos, os terreos, bens, servidumes e demais dereitos reais que se considere necesario ocupar para a execución da obra ou para a reposición dos servizos afectados pola súa execución, coa identificación das súas persoas titulares, así como a representación gráfica da delimitación das ocupacións necesarias.

b) Planos de situación xerais, de conxunto e de detalle necesarios para que a obra quede suficientemente definida.

c) Orzamento que comprenda os gastos de execución da obra, que pode estar integrado por distintos orzamentos parciais, no cal consten os prezos unitarios, o estado das medicións e os detalles para a súa valoración. Calcularanse de xeito independente todos aqueles outros custos adicionais inherentes á execución das obras e, en particular, o custo das expropiacións e indemnizacións que sexa necesario realizar, segundo o sistema legal de valoracións vixente.

d) No caso de que o proxecto de trazado se someta aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, indicación das determinacións urbanísticas do planeamento municipal que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, así como o prazo para realizar a correspondente adecuación.

4. Cando, segundo o previsto na lexislación de estradas de Galicia, un proxecto de trazado asuma a función dun estudo informativo que deba ser sometido de xeito preceptivo aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, o seu contido deberá abranguer, cando menos, o exixido a ambos os tipos de documentos.

Artigo 42. Proxecto de construción

1. O proxecto de construción consiste no desenvolvemento completo da solución óptima, co detalle suficiente para facer factible a súa construción e posterior explotación (artigo 15.d) LEG).

O proxecto de construción deberá redactarse cos datos e precisión necesarios para permitir executar as obras e explotalas posteriormente sen a intervención das súas persoas autoras.

2. Deberanse elaborar proxectos de construción para a licitación de contratos de obras de estradas, agás no caso de contratos que, como parte da prestación, comprendan tamén a redacción do correspondente proxecto e no de obras de emerxencia ou de conservación ordinaria (artigo 16.3 LEG).

No caso de que non se tivese redactado previamente un anteproxecto ou proxecto de trazado, o proxecto de construción poderá servir como base dos expedientes de información pública que fosen necesarios para os efectos da lexislación en materia de expropiación forzosa.

A elaboración de proxectos de construción debe vir precedida da aprobación definitiva do correspondente estudo informativo ou do anteproxecto ou proxecto de trazado que tivese asumido a súa función, agás nos casos en que non fose exixible a súa elaboración ou cando o proxecto de construción asuma a función do estudo informativo.

3. O proxecto de construción debe conter os seguintes documentos:

a) Memoria cos anexos que sexan precisos para desenvolver todos os datos e cálculos necesarios, que incluirá:

1º. Identificación da Administración titular da estrada obxecto do proxecto.

2º. Descrición do obxecto das obras, que debe incluír os antecedentes e a situación previa, as necesidades que debe satisfacer e a xustificación da solución adoptada, coa especificación dos factores de todo tipo que deben terse en conta e, en particular, os de tipo social, técnico, económico, ambiental, de seguridade viaria e administrativo.

3º. Estudos xeolóxicos ou xeotécnicos, agás que sexan incompatibles coa natureza da obra.

4º. Xustificación expresa da coherencia coa opción ou solución seleccionada, cando a obra proxectada desenvolva un estudo informativo, anteproxecto ou proxecto de trazado aprobado definitivamente ou, no caso contrario, xustificación e argumentación dos motivos aducidos para apartarse daqueles. Ademais, débese comprobar a adecuación da obra proxectada aos instrumentos de planeamento urbanístico ou, de non ser así, ás determinacións urbanísticas do planeamento local que deben ser modificadas como consecuencia da aprobación do antedito estudo informativo, anteproxecto ou proxecto de trazado. Incluirase tamén a representación gráfica das zonas de protección da estrada e da liña límite de edificación.

5º. Xustificación expresa do cumprimento da declaración de impacto ambiental correspondente ao estudo informativo, anteproxecto ou proxecto de trazado, cando o proxecto de construción desenvolva un documento dese tipo que fose sometido ao trámite de avaliación ambiental, sen prexuízo, de ser o caso, dos efectos derivados do acordo de resolución de discrepancias respecto da antedita declaración de impacto ambiental.

6º. Medidas para garantir a fluidez e seguridade da circulación nos treitos de estradas afectados pola execución das obras, con expresión dos desvíos de circulación propostos e dos períodos en que se poida perturbar a antedita circulación.

7º. Sinalización fixa e variable, balizamento, defensas e outras medidas para a xestión da circulación nos treitos de estradas obxecto do proxecto, tanto durante a execución das obras como durante a súa posterior explotación.

8º. Ordenación de accesos e reordenación dos existentes.

9º. Programa de traballos con previsión do tempo e do custo estimado en cada período.

10º. Referencias de todo tipo para o a implantación da obra.

11º. Estudo de xestión dos residuos de construción e demolición.

12º. Estudo de seguridade e saúde no traballo ou, se procede, estudo básico de seguridade e saúde, de conformidade coa lexislación sobre a materia, e adecuado ao proxecto concreto da obra de que se trate.

13º. Relación concreta e individualizada, na cal se describan, en todos os aspectos materiais e xurídicos, os terreos, bens, servidumes e demais dereitos reais que se considere necesario ocupar para a execución da obra ou para a reposición dos servizos afectados pola súa execución, coa identificación das súas persoas titulares, así como a representación gráfica da delimitación das ocupacións necesarias.

14º. Proxectos de reposición dos servizos afectados polas obras, agás se son inherentes ao proxecto principal.

b) Planos de situación xerais, de conxunto e de detalle necesarios para que o conxunto da obra quede completamente definido.

c) Prego de prescricións técnicas particulares, no cal se debe realizar a descrición das obras e regularse a execución daquelas, coa especificación da forma de execución, as obrigas de carácter técnico, o sistema de medición das unidades executadas e o control de calidade dos materiais empregados e do proceso de execución.

d) Orzamento que comprenda os gastos de execución da obra, que pode estar integrado por distintos orzamentos parciais, no cal consten os prezos unitarios e os desagregados, se procede, o estado das medicións e os detalles para a súa valoración.

e) No caso de que o proxecto de construción se someta aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, indicación das determinacións urbanísticas do planeamento municipal que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, así como o prazo para realizar a correspondente adecuación.

f) O resto da documentación exixible pola normativa de contratación do sector público, cando o proxecto de construción vaia servir de base a unha licitación pública.

4. Cando, segundo o previsto na lexislación de estradas de Galicia, un proxecto de construción asuma a función dun estudo informativo que deba ser sometido de xeito preceptivo aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, o seu contido deberá abranguer, cando menos, o exixido a ambos os dous tipos de documentos.

5. Nos casos e na forma en que así o permita a lexislación vixente en materia de contratos do sector público, poderase simplificar, refundir ou incluso suprimir algún ou algúns dos documentos anteriores, sempre que a documentación resultante sexa suficiente para definir, valorar ou executar as obras que comprenda. Neses casos, incluirase na memoria a xustificación das simplificacións ou supresións de documentos realizadas.

Artigo 43. Documento final de obra

1. O documento final consiste na recompilación de toda a información necesaria para coñecer de xeito detallado as características da obra executada e para a posterior explotación do dominio público viario.

2. Elaboraranse documentos finais tras a execución de toda clase de obras de execución de novas estradas ou modificación das existentes, agás as de mera conservación e mantemento.

3. O documento final de obra debe conter os seguintes documentos:

a) Memoria cos anexos que sexan precisos para desenvolver todos os datos necesarios, que incluirá:

1º. Identificación da Administración titular da estrada obxecto da obra.

2º. Descrición do obxecto das obras, que debe incluír os antecedentes e a situación previa á súa execución, as necesidades que se pretendían satisfacer e a xustificación da solución adoptada, coa especificación dos factores de todo tipo que se tiveron en conta e, en particular, os de tipo social, técnico, económico, ambiental e administrativo.

3º. Xustificación expresa da coherencia da obra executada coa opción ou solución aprobada, cando se desenvolva un estudo ou proxecto sometido aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas e aprobado definitivamente, ou, no caso contrario, xustificación e argumentación dos motivos aducidos para apartarse daqueles. Ademais, débese comprobar a adecuación da obra proxectada aos instrumentos de planeamento urbanístico ou, de non ser así, ás determinacións urbanísticas do planeamento local que deben ser modificadas como consecuencia da aprobación do antedito estudo ou proxecto.

4º. Xustificación expresa do cumprimento da declaración de impacto ambiental, cando a obra executada desenvolva un estudo ou proxecto sometido ao trámite de avaliación ambiental ou, no caso contrario, xustificación e argumentación dos motivos aducidos para apartarse daquela.

5º. Descrición completa da obra executada e análise da súa conformidade con respecto ao proxecto que desenvolve ou, no caso contrario, descrición de todas as variacións introducidas con respecto daquel e xustificación e argumentación dos motivos aducidos para apartarse del.

6º. Cronograma dos traballos executados e do investimento realizado en cada período.

7º. Anotacións das bases para a implantación da obra.

b) Planos de situación xerais, de conxunto e de detalle necesarios para que o conxunto da obra quede completamente definido.

c) Prescricións técnicas segundo as cales foron executadas as obras, coa especificación da forma de execución, as obrigas de carácter técnico, o sistema de medición das unidades executadas e o control de calidade dos materiais empregados e do proceso de execución, incluída copia dos rexistros de todos os ensaios de control de calidade efectuados, con análise das non conformidades detectadas.

d) Representación gráfica da delimitación das ocupacións realizadas, así como a relación concreta e individualizada, na cal se describan, en todos os aspectos materiais e xurídicos, os terreos, bens, servidumes e demais dereitos reais ocupados para a execución da obra ou para repor os servizos afectados pola súa execución, coa identificación das súas persoas titulares e copia compulsada das respectivas actas de ocupación.

e) Representación gráfica das zonas de protección da estrada e da liña límite de edificación.

f) Copias compulsadas do libro de ordes, do libro de incidencias e do libro de subcontratación da obra.

g) Medición e valoración da obra executada, incluído o cálculo da revisión de prezos e copia compulsada da relación das certificacións emitidas.

Sección 4ª. Redacción e tramitación de estudos e proxectos

Artigo 44. Normas e instrucións técnicas complementarias

1. Na medida en que non contraveña a normativa técnica básica, a consellería competente en materia de estradas poderá ditar normas e instrucións técnicas complementarias relativas á redacción de estudos e proxectos de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia.

Estas normas e instrucións técnicas complementarias publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

2. As normas e instrucións técnicas complementarias ditadas pola consellería competente en materia de estradas revisaranse periodicamente, para a súa actualización permanente.

Artigo 45. Orde de estudo

1. Antes do inicio da redacción de calquera estudo ou proxecto, é preceptiva a aprobación da correspondente orde de estudo por parte da Administración promotora da actuación.

2. O contido da orde de estudo será, como mínimo, o seguinte:

a) Datos xerais: situación e denominación da actuación.

b) Referencia á previsión da actuación no Plan director de estradas de Galicia, no plan sectorial de estradas da Administración promotora ou no planeamento urbanístico municipal, de ser o caso.

c) Características funcionais e técnicas da actuación.

d) Contido mínimo do estudo ou proxecto.

e) Instrucións particulares e documentación.

Artigo 46. Redacción

1. Todos os estudos e proxectos a que fai referencia este capítulo redactaranse segundo a normativa técnica básica de interese xeral establecida pola Administración xeral do Estado e segundo as normas e instrucións técnicas complementarias ditadas pola consellería competente en materia de estradas (artigo 18.2 LEG).

2. A redacción dos estudos e proxectos poder realizarse directamente polo órgano competente da Administración promotora da actuación ou ben a través de contrato, por calquera das modalidades previstas na lexislación de contratos do sector público, encomenda ou convenio, consonte as disposicións vixentes (artigo 18.3 LEG).

3. Os estudos e proxectos deben ser redactados baixo a dirección ou inspección e a supervisión do órgano competente da Administración promotora da actuación e serán subscritos por profesional técnico competente (artigo 18.4 LEG).

4. Só será precisa a función de inspección da redacción dos estudos e proxectos de estradas cando a súa dirección non a realice o persoal técnico competente da Administración promotora da actuación.

O persoal técnico encargado da inspección da redacción dos estudos e proxectos de estradas pode acceder a toda a información dispoñible sobre eles, visitar o seu lugar e tomar calquera dato que considere preciso.

5. Poderá encargarse a terceiras persoas, a través de contrato, encomenda ou convenio, a dirección da redacción de estudos e proxectos de estradas, de conformidade coas disposicións vixentes.

No caso de que a dirección da redacción de estudos e proxectos de estradas sexa encargada a terceiros, nos termos previstos no parágrafo anterior, a Administración promotora da actuación exercerá as funcións de inspección.

6. A orde de inicio dos traballos de redacción de estudos e proxectos que se van elaborar con medios propios, a adxudicación a terceiras persoas do contrato para a súa redacción ou a formalización do correspondente convenio ou encomenda para a realización daqueles implicará, en relación cos terreos necesarios para a execución dos traballos de recoñecemento técnico, topográficos, xeolóxicos, xeotécnicos, arqueolóxicos e calquera outro que for preciso para a súa redacción:

a) A declaración de utilidade pública.

b) A declaración da necesidade de ocupación, con carácter temporal.

c) A declaración da urxencia da ocupación.

7. O previsto no número anterior só terá efecto cando se formulase e tramitase, conforme a lexislación en materia de expropiación forzosa, a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que é necesario ocupar e, en xeral, se cumprisen os requisitos previos que exixe aquela.

Ademais, entenderase sen prexuízo dos efectos da aprobación definitiva dos estudos e proxectos, segundo o previsto na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento.

8. A supervisión dos estudos e proxectos rexerase polo establecido na lexislación de contratos do sector público e no resto da normativa aplicable.

Artigo 47. Aprobación provisional

1. Os estudos e proxectos que deban someterse aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas serán aprobados de xeito provisional polo órgano competente da Administración promotora da actuación, logo da emisión do informe de supervisión (artigo 19 LEG).

A continuación, a Administración promotora da actuación remitirá o estudo ou proxecto á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas, que o elevará ao Consello da Xunta de Galicia para a súa declaración, de ser o caso, como de incidencia supramunicipal.

2. A aprobación provisional, que implicará a declaración de que o estudo ou proxecto cumpre todos os requisitos e prescricións legais e regulamentarias, permitirá practicar, de ser o caso, os trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas, así como cantos outros trámites sexan preceptivos ou convenientes para obter a aprobación definitiva.

Artigo 48. Informes sectoriais e informe municipal

1. No procedemento de elaboración de estudos e proxectos solicitaranse os informes exixidos pola normativa sectorial aplicable (artigo 20 LEG).

2. Nos supostos de actuacións sobre treitos urbanos que afecten terreos situados fóra da zona de dominio público, remitiráselle ademais o proxecto ao concello correspondente para que no prazo dun (1) mes emita informe sobre el. No caso de que este non se emita no prazo sinalado, entenderase que non existe ningunha obxección ao proxecto presentado (artigo 20 LEG).

Artigo 49. Necesidade de sometemento aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas

1. Será preceptivo o sometemento dos estudos informativos ou, se é o caso, dos anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, segundo o previsto na lexislación de estradas de Galicia, aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Construción de novas estradas ou treitos delas que non se previsen no planeamento urbanístico municipal.

b) Modificacións substanciais de estradas existentes que afecten de xeito significativo o planeamento urbanístico municipal, entendendo que existe afección significativa nos seguintes supostos:

1º. No caso de treitos urbanos, cando as obras se executen fóra dos terreos de dominio público viario e dos comprendidos entre este e as aliñacións oficiais marcadas no correspondente instrumento de planeamento urbanístico.

2º. No caso de treitos non urbanos de estradas que atravesen solo non clasificado como rústico polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico, cando as obras se executen fóra dos terreos de dominio público viario e dos comprendidos entre este e a liña límite de edificación.

(Artigo 21.1 LEG)

2. Tamén serán sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administración afectadas aqueles estudos ou proxectos de:

a) Actuacións que deban ser sometidas a avaliación ambiental, segundo a lexislación básica e autonómica sobre a materia.

b) Actuacións que requiran un estudo de viabilidade, por estar prevista a súa execución e explotación en réxime de concesión de obra pública, segundo o exixido na lexislación de contratos do sector público.

c) Actuacións en municipios que carezan de planeamento urbanístico municipal, cando as obras se executen fóra dos terreos de dominio público viario e en terreos que teñan a consideración de urbanos, segundo os criterios previstos na lexislación urbanística.

3. No resto de estudos e proxectos, a decisión sobre o seu sometemento aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas será potestativa da Administración promotora da actuación.

4. Para os efectos deste artigo, en ningún caso terán a consideración de novas estradas as duplicacións de calzada, os acondicionamentos de trazado, os ensanches da plataforma, as melloras de firme e, en xeral, todas aquelas outras actuacións que non impliquen un cambio da súa clasificación ou que non supoñan unha modificación substancial na funcionalidade dunha estrada preexistente.

5. Non será necesario someter aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas os estudos e proxectos que desenvolvan outros anteriores que xa foran sometidos a eses trámites, agás que supoñan unha variación da concepción global do trazado aprobado segundo aqueles.

Artigo 50. Tramitación da información pública

1. O trámite de información pública en materia de estradas levarase a cabo durante un prazo mínimo de trinta (30) días hábiles, ampliable a xuízo da Administración promotora da actuación mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados e, como mínimo, en dous medios de comunicación de entre os de máis difusión no ámbito da actuación (artigo 21.2 LEG). A ampliación do prazo deste trámite que poida acordar a Administración promotora da actuación non poderá exceder o prazo mínimo previsto para aquel.

No antedito anuncio farase constar expresamente o obxecto e finalidade da información pública, así como o seu prazo, e publicarase tamén no sitio web oficial da Administración promotora da actuación.

2. A documentación que compón o estudo informativo, ou o anteproxecto ou proxecto que asuma a súa función, estará á disposición da cidadanía na sede central da Administración promotora da actuación, na sede territorial desta que abranga o ámbito da actuación, se é o caso, e nos concellos afectados (artigo 21.2 LEG).

Na páxina web oficial da Administración promotora da actuación proporcionarase cando menos un extracto desa documentación que sexa accesible e intelixible para o público en xeral.

3. As alegacións presentadas neste procedemento deberán versar sobre a concepción global do trazado das distintas alternativas analizadas (artigo 21.2 LEG).

Artigo 51. Informes das administracións territoriais afectadas

Simultaneamente, os estudos e proxectos sometidos ao trámite de información pública en materia de estradas a que se refiren os puntos anteriores tamén se someterán ao informe, en materia de estradas, das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación para que, nun prazo de trinta (30) días hábiles, ampliable a xuízo da Administración promotora da actuación, examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para os seus intereses e informen sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitisen o citado informe, entenderase que amosan a súa conformidade co trazado proposto (artigo 21.3 LEG). A ampliación do prazo deste trámite que poida acordar a Administración promotora da actuación non poderá exceder o prazo mínimo previsto para aquel.

Artigo 52. Simultaneidade de procedementos

1. No caso de proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, o sometemento a informes sectoriais, incluído o relativo ás actuacións en treitos urbanos, poderase realizar simultaneamente co trámite de informe das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación.

2. Cando sexa posible, formalizaranse simultaneamente os trámites de información pública e informe das administracións afectadas en materia de estradas, os equivalentes en materia de ordenación do territorio, avaliación ambiental, concesión de obras públicas ou expropiacións, segundo a lexislación que rexe en cada unha delas. Neses casos, ampliaranse as administracións ás cales se lles outorgue trámite de informe, o obxecto sobre o que poderán versar as alegacións presentadas nos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e, en caso necesario, os prazos previstos para ambos os trámites, de tal xeito que se cumpran os requisitos legais concorrentes.

Artigo 53. Informe de resposta ás alegacións e informes presentados

1. Transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada, por parte da Administración promotora da actuación, ás alegacións formuladas.

O informe resultante porase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e ás persoas particulares que presentasen alegacións (artigo 21.4 LEG).

O prazo para emitir o informe será de seis (6) meses desde a data de finalización do prazo para presentar alegacións e informes, ampliable outros tres (3) meses por parte da Administración promotora da actuación, por solicitude xustificada do servizo a que lle corresponda emitilo.

2. Unha vez emitido o informe de resposta ás alegacións e informes presentados, o expediente completo seralle remitido ao servizo xurídico da Administración promotora da actuación, para que emita informe relativo á súa tramitación e ao resto dos aspectos que puidesen ameazar a legalidade do acto de aprobación definitiva.

O prazo para emitir o informe será de dous (2) meses.

Artigo 54. Aprobación do expediente de información pública e informe das administracións afectadas

1. Simultánea ou previamente á aprobación definitiva do estudo ou proxecto, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas.

2. A competencia para resolver sobre a aprobación do expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas correspóndelle ao mesmo órgano que, segundo o caso, teña atribuída a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do estudo ou proxecto.

3. A resolución notificaráselles ás administracións ás cales se lles tivese dado trámite de informe e ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións.

Artigo 55. Aprobación definitiva

1. Os estudos e proxectos aprobaraos de xeito definitivo, cando non teñan que ser posteriormente sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación, logo da emisión do preceptivo informe de supervisión (artigo 22.1 LEG).

2. No caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste. A resolución tamén pode deixar sen efecto a tramitación do estudo ou proxecto ou parte deste, ou ben pode acordar a suspensión, total ou parcial, da súa tramitación.

Na resolución pódense introducir as prescricións de carácter técnico, social, territorial e de protección ambiental e patrimonial que se consideren necesarias, para ter en conta nos proxectos que desenvolvan posteriormente o estudo ou proxecto ou, cando aquelas sexan significativas, nun novo estudo ou proxecto que sexa sometido á mesma tramitación ca o orixinal (artigo 22.2 LEG).

3. No caso de que o informe dalgunha das administracións territoriais ás cales se lles dese trámite de informe preceptivo en materia de estradas expresar de xeito motivado a súa falta de conformidade co trazado proposto no estudo ou proxecto, o expediente remitiráselle ao Consello da Xunta de Galicia, que será o competente para emitir a resolución de aprobación definitiva do estudo ou proxecto, logo do informe da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas (artigo 22.3 LEG).

4. A aprobación definitiva dos estudos informativos, así como dos anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, cando non estean incluídos no Plan director de estradas de Galicia, no plan sectorial de estradas da Administración promotora nin no planeamento urbanístico municipal, corresponderalle ao Consello da Xunta de Galicia, logo do informe da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas no caso de actuacións promovidas polas entidades locais (artigo 22.4 LEG).

Neste caso, a Administración promotora deberá motivar que a urxencia da actuación impide tramitar a súa incorporación aos anteditos instrumentos de planificación en materia de estradas ou ao planeamento urbanístico municipal.

5. A aprobación definitiva dos estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas corresponderalle ao órgano competente da Administración promotora da actuación cando se verifiquen simultaneamente as seguintes circunstancias:

a) Cando ningunha das administracións territoriais ás cales se lles dese trámite de informe preceptivo en materia de estradas expresar de xeito motivado a súa falta de conformidade co trazado proposto.

b) Cando se trate de estudos informativos, ou de anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, que desenvolvan actuacións incluídas no Plan director de estradas de Galicia, no plan sectorial de estradas da Administración promotora ou no planeamento urbanístico municipal.

6. As resolucións de aprobación definitiva dos estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións territoriais afectadas publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

A resolución notificaráselles ás administracións ás cales se lle tivese dado trámite de informe e ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións.

7. Cando na lexislación de estradas de Galicia ou neste regulamento se faga referencia á aprobación dos estudos ou proxectos, sen especificación ningunha, entenderase que se trata da aprobación definitiva, agás que do contexto en que se inclúa o termo se deduza claramente o contrario.

Artigo 56. Efectos da aprobación definitiva dos proxectos

1. A aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará, para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes:

a) A declaración de utilidade pública.

b) A declaración da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes e dos préstamos necesarios para executalas, sempre que veñan previstos no seu proxecto.

c) A declaración da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para o trazado de planta do proxecto.

d) A declaración da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para as modificacións do proxecto que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente.

e) A declaración da urxencia da ocupación.

2. Para os efectos do previsto no número anterior, será imprescindible que o anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción aprobado definitivamente inclúa, entre os documentos que o compoñen, a relación concreta e individualizada na cal se describan, en todos os aspectos materiais e xurídicos, os terreos, bens, servidumes e demais dereitos reais que se considere necesario ocupar para a execución da obra ou para a reposición dos servizos afectados pola súa execución, coa identificación das súas persoas titulares, así como a representación gráfica da delimitación das ocupacións necesarias, e que se tivesen realizado os trámites exixidos pola lexislación en materia de expropiación forzosa.

3. Logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento serán efectivas respecto dos terreos que afecten a actuación correspondente (artigo 22.6 LEG).

Artigo 57. Modificacións de estudos e proxectos

O previsto nesta sección seralle de aplicación á redacción e tramitación das modificacións dos estudos e proxectos.

CAPÍTULO III

Coordinación

Sección 1ª. Coordinación coa ordenación do territorio

Artigo 58. Coordinación coa ordenación do territorio

A planificación en materia de estradas e os estudos e proxectos que a desenvolvan deberán coordinarse coas determinacións vinculantes das directrices de ordenación do territorio, e coas do resto de instrumentos de ordenación territorial que lles afecten, no que se refiran á formulación e execución da política sectorial de estradas.

Sección 2ª. Coordinación coa ordenación urbanística

Artigo 59. Eficacia dos estudos e proxectos de estradas

1. Os estudos informativos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio.

2. As determinacións contidas nos estudos informativos e proxectos de estradas terán forza vinculante para as administracións públicas e para as persoas particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

As entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto dos estudos informativos e proxectos deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido neses documentos, nos cales se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que aqueles determinen e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Artigo 60. Informe en materia de estradas sobre o planeamento urbanístico

1. Nos supostos de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou as actuacións previstas nos plans de estradas vixentes, o concello remitiralles, con posterioridade á súa aprobación inicial, o correspondente documento ás administracións titulares das estradas afectadas para que emitan informe sobre este.

O informe terá carácter vinculante e deberá ser emitido no prazo de tres (3) meses; transcorrido este, entenderase favorable.

No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas (artigo 23.2 LEG).

2. Os informes emitidos polas administracións titulares das estradas afectadas rexeranse, entre outros, polos seguintes criterios:

a) Deberanse incorporar ao planeamento urbanístico as actuacións previstas ou non nos plans de estradas vixentes e que estean desenvolvidas a nivel de calquera tipo de estudo ou proxecto aprobado definitivamente.

b) No suposto de actuacións previstas nos plans de estradas vixentes sobre as cales non se teña desenvolvido ningún tipo de estudo ou proxecto aprobado definitivamente, a persoa promotora do instrumento de planeamento actuará segundo o previsto na normativa propia do plan de estradas do que forme parte a actuación.

c) A clasificación, cualificación e ordenación urbanística dos terreos situados na zona de dominio público e nas zonas de protección da estrada garantirá o respecto das limitacións á propiedade reguladas na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento.

d) Tanto nas estradas existentes como nas planificadas, tanto se forman parte do plan de estradas vixente como se non, clasificaranse como solo rústico de especial protección de infraestruturas todos os terreos que, estando clasificados como rústicos previamente e non incorporándose a sectores de solo urbanizable, formen a zona de dominio público e as zonas de protección da estrada.

e) Os instrumentos de planeamento urbanístico deberán conter as disposicións necesarias para garantir a existencia de interseccións ou enlaces suficientes e adecuados entre as obras de urbanización das distintas unidades de actuación e desenvolvementos urbanísticos e as estradas existentes ou planificadas.

Artigo 61. Coordinación en treitos urbanos

Nos treitos urbanos das estradas, o instrumento de planeamento urbanístico determinará a aliñación de edificación, que poderá fixarse, de xeito motivado, a unha distancia inferior á que prevé a lexislación de estradas de Galicia con carácter xeral para a liña límite de edificación das estradas, valorando a existencia de edificacións continuadas preexistentes, así como a concorrencia de razóns técnicas, socioeconómicas ou de orografía do terreo que poidan aconsellar a redución (artigo 23.3 LEG).

Artigo 62. Recoñecemento de treitos urbanos e travesías

1. A delimitación dos treitos urbanos e travesías por parte da Administración titular da estrada poderá recoñecerse mediante a aprobación do instrumento de planeamento urbanístico que conte co seu previo informe preceptivo favorable nos supostos de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou actuacións previstas nos plans de estradas vixentes.

O recoñecemento da delimitación dos treitos urbanos e travesías só terá efectos no momento en que o instrumento de planeamento sometido a informe entre en vigor.

Para que se produza o recoñecemento da delimitación dos treitos urbanos e travesías, o antedito informe deberá incluír un pronunciamento expreso e concreto ao respecto. En caso de ausencia do antedito pronunciamento expreso e concreto, entenderase que non se está a recoñecer delimitación de ningún treito urbano nin de ningunha travesía.

2. A delimitación dos treitos urbanos e travesías por parte da Administración titular da estrada poderá recoñecerse tamén a través dun expediente de delimitación específico ao respecto.

3. No caso das travesías, a súa delimitación por parte da Administración titular da estrada poderá recoñecerse tamén a través da aprobación ou modificación do correspondente inventario de travesías.

Artigo 63. Delimitación de treitos urbanos e travesías

1. Os expedientes de delimitación de treitos urbanos e travesías incoaranse, cando sexa preciso, por parte da Administración titular da estrada, de oficio ou por instancia dalgún dos concellos polos cales discorra.

No caso de que sexa incoado por instancia dun ou varios concellos, o ámbito do expediente restrinxirase aos treitos de estradas que discorran polos seus respectivos termos municipais.

2. Os estudos de delimitación de treitos urbanos e travesías terán en conta o previsto no correspondente instrumento de planeamento urbanístico e deberán xustificarse en todos os seus aspectos. Incluirán, ademais, os planos en que se delimite a estrada, ou o treito dela, a que se refire a proposta, a identificación dos treitos que se propón recoñecer como treitos urbanos e travesías, a situación actual da zona de afección e da liña límite de edificación e a ordenación urbanística da zona, incluída a definición da aliñación de edificación.

3. O estudo de delimitación elaborarao o órgano da Administración titular que teña encomendada a dirección ou inspección da explotación da estrada ou os concellos polos cales esta discorra, segundo o expediente se iniciase de oficio ou por instancia de parte, respectivamente.

4. Unha vez elaborado, o estudo de delimitación será aprobado provisionalmente pola Administración titular da estrada e, posteriormente, someterase a un trámite de información pública, que se levará a cabo durante un prazo mínimo de trinta (30) días hábiles, ampliable ao seu xuízo nun máximo de quince (15) días hábiles máis, mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados e no sitio web oficial da Administración titular.

A documentación que forma o expediente estará á disposición da cidadanía na sede central e na páxina web oficial da Administración titular, na sede territorial desta última que abranga o ámbito da actuación, de ser o caso, e nos concellos afectados. As alegacións presentadas neste procedemento deberán versar sobre a xustificación do establecemento da liña límite de edificación na forma proposta no expediente.

5. Simultaneamente, cando o expediente se iniciase de oficio, tamén se someterá ao informe dos concellos afectados para que, nun prazo de trinta (30) días hábiles, ampliable a xuízo da Administración titular da estrada nun máximo de quince (15) días hábiles máis, examinen a delimitación de treitos urbanos e travesías proposta no expediente e emitan informe ao respecto, no ámbito das súas competencias. Transcorrido ese prazo sen que os concellos consultados emitisen o citado informe, entenderase que amosan a súa conformidade coa delimitación proposta.

6. Transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe dos concellos afectados e recibidas as alegacións e informes presentados, a Administración titular da estrada, ou treito dela, dará resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante será posto á disposición das persoas interesadas e notificado aos concellos afectados e ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións.

7. A continuación, a Administración titular da estrada remitirá copia do expediente de delimitación de treitos urbanos e travesías á consellería competente en materia de estradas para que emita informe sobre el, que deberá versar sobre os preceptos contidos na lexislación de estradas de Galicia, neste regulamento e sobre a harmonización da delimitación proposta co correspondente instrumento de planeamento urbanístico.

8. Recibido o informe vinculante da consellería competente en materia de estradas, á Administración titular da estrada correspóndelle adoptar, de acordo con aquel, a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva ou de desestimación, total ou parcial, da proposta de delimitación de treitos urbanos e travesías.

9. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificaráselles á consellería competente en materia de estradas, aos concellos afectados e ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións.

10. A aprobación dos expedientes de delimitación de travesías ten a consideración de actualización do inventario de travesías da súa respectiva Administración titular, cando este fose aprobado previamente.

11. No caso de que os inventarios de travesías non fosen aprobados previamente, a aprobación dos expedientes de delimitación de travesías implicará a aprobación daqueles e da simultánea incorporación a eles das travesías delimitadas no expediente.

No caso da Rede autonómica de estradas de Galicia, cando non fose aprobado previamente o seu inventario de travesías, a aprobación dos expedientes de delimitación de travesías realizarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas.

Artigo 64. Coordinación cos desenvolvementos urbanísticos

Cando con motivo da redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento pasen a clasificarse como urbanizables terreos adxacentes ás estradas, destinaranse ao sistema xeral viario, incluíndoos como parte do sector de solo urbanizable, os terreos comprendidos entre a liña exterior da zona de dominio público e a liña límite de edificación.

No instrumento de planeamento preverase a obtención deses terreos por parte da Administración titular da estrada mediante cesión obrigatoria ou ocupación directa, nos termos previstos na lexislación autonómica en materia de ordenación urbanística (artigo 23.4 LEG).

Artigo 65. Normas e instrucións técnicas complementarias

1. Na medida en que non contraveña a normativa técnica básica, a consellería competente en materia de estradas poderá ditar normas e instrucións técnicas complementarias relativas á coordinación entre o planeamento urbanístico e a planificación sectorial das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia.

Estas normas e instrucións técnicas complementarias publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

2. As normas e instrucións técnicas complementarias ditadas pola consellería competente en materia de estradas revisaranse periodicamente, para a súa actualización permanente.

Sección 5ª. Coordinación con outras administracións

Artigo 66. Coordinación coa planificación doutras administracións

1. O Plan director de estradas de Galicia e os plans sectoriais de estradas autonómicos e das entidades locais de Galicia deberán coordinarse entre si e co plan de estradas do Estado en canto se refire ás súas mutuas incidencias, para garantir a unidade do sistema de comunicacións e harmonizar os intereses públicos afectados (artigo 24.1 LEG).

Os anteditos plans tamén se deberán coordinar cos plans análogos da República Portuguesa, das comunidades autónomas do Principado de Asturias e de Castilla y León e das súas respectivas entidades locais, en relación coas actuacións con incidencia mutua.

2. Correspóndelle á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas fixar as directrices que rexan os plans sectoriais de estradas das entidades locais de Galicia e supervisar a súa execución, co fin de coordinar a planificación e garantir a coherencia e funcionalidade do sistema viario da Comunidade Autónoma (artigo 24.2 LEG).

Artigo 67. Informe sobre actuacións doutras administracións

1. Con carácter previo á solicitude de autorización, as administracións públicas e o resto de entidades integrantes do sector público que pretendan realizar calquera tipo de actuación que afecte o dominio público viario deberán solicitarlle á súa correspondente Administración titular que emita informe sobre a viabilidade da actuación pretendida no prazo dun (1) mes, con carácter vinculante.

Ademais, poderán solicitar información e orientación verbo dos requisitos técnicos e xurídicos que as disposicións vixentes lles impoñan.

2. Os informes sobre actuacións doutras administracións teñen unha validez dun (1) ano, sempre e cando non se modifiquen as condicións da estrada pola aprobación ou modificación do Plan director de estradas de Galicia, do plan sectorial de estradas da Administración titular ou dun estudo ou proxecto específico, circunstancias, todas elas, que o deixarán sen efecto.

3. Transcorrido o prazo previsto para emitir o informe sobre actuacións doutras administracións sen que a correspondente Administración titular o emitise, a Administración pública ou entidade integrante do sector público que promova a actuación poderá dar por cumprido ese trámite e, de ser o caso, presentar a solicitude de autorización correspondente.

TÍTULO III

Construción, financiamento e explotación

CAPÍTULO I

Construción

Artigo 68. Modalidades de execución das obras

1. A execución das obras de estradas poderá realizala o órgano competente da Administración promotora da actuación ou ben a través de contrato, por calquera das modalidades previstas na lexislación de contratos do sector público, encomenda ou convenio, consonte as disposicións vixentes (artigo 25 LEG).

2. A Administración titular actuará como promotora das actuacións que afecten as estradas da súa competencia ou as que teña previsto executar segundo a súa planificación, agás encomenda ou convenio con outra.

Artigo 69. Dirección e inspección das obras

1. As obras de estradas serán executadas baixo a dirección ou inspección da Administración promotora da actuación (artigo 26 LEG).

As anteditas funcións de dirección e inspección realizaraas persoal técnico competente.

2. Só será precisa a función de inspección da execución das obras de estradas cando a súa dirección non a realice o persoal técnico competente da Administración promotora da actuación.

O persoal técnico encargado da inspección da execución das obras pode acceder a toda a información dispoñible sobre elas, visitar as obras e tomar calquera dato que considere preciso.

3. Poderán encargarse a terceiras persoas, a través de contrato, encomenda ou convenio, ademais da dirección de obra, funcións de apoio ao control e vixilancia inherentes a ela, de conformidade coas disposicións vixentes.

No caso de que a dirección de obra sexa encargada a terceiros, nos termos previstos no parágrafo anterior, a Administración promotora da actuación exercerá as funcións de inspección da execución da obra.

4. O persoal técnico ao cal lle vaia a corresponder exercer as funcións de explotación das obras de estradas que se executen pode visitalas para os efectos das súas competencias en materia de uso e defensa da estrada.

Artigo 70. Normas e instrucións técnicas complementarias

1. Na medida en que non contraveña a normativa técnica básica, a consellería competente en materia de estradas poderá ditar normas e instrucións técnicas complementarias relativas á execución de obras de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia (artigo 18.1 LEG).

Estas normas e instrucións técnicas complementarias publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

2. As normas e instrucións técnicas complementarias ditadas pola consellería competente en materia de estradas revisaranse periodicamente, para a súa actualización permanente.

Artigo 71. Actuacións de interese xeral

1. As obras de estradas promovidas pola Administración autonómica ou polas entidades locais de Galicia, incluídas todas as actuacións necesarias para a súa execución, así como as realizadas nas zonas onde se sitúen os seus elementos funcionais, no resto da zona de dominio público ou na zona de servidume, constitúen actuacións de interese xeral e, polo tanto, non están sometidas a licenza ou a calquera outro acto de control preventivo municipal previsto na lexislación reguladora das bases do réxime local.

A execución das devanditas obras, sempre que se realice de acordo cos proxectos aprobados, unicamente poderá ser suspendida pola propia Administración promotora ou pola autoridade xudicial (artigo 27 LEG).

En consecuencia, non procederá a suspensión, por parte dos órganos urbanísticos competentes, das obras de estradas promovidas pola Administración autonómica ou polas entidades locais de Galicia cando se realicen en execución de proxectos aprobados definitivamente segundo a lexislación de estradas de Galicia e o presente regulamento, nin daqueloutras que poida acordar a Administración titular das estradas por razóns de emerxencia.

2. Quedarán suxeitas á lexislación local e urbanística as obras, instalacións ou calquera outra actividade promovida por particulares na zona de dominio público.

3. Antes do inicio das obras de estradas, a Administración promotora comunicaralles aos concellos afectados pola súa execución a memoria e aqueles planos que definan de forma xeral as actuacións previstas nos proxectos correspondentes, para efectos informativos, independentemente do trámite de informe das administracións públicas afectadas ou do informe preceptivo no caso de actuacións sobre treitos urbanos que afecten terreos situados fóra da zona de dominio público.

A antedita comunicación non será precisa no caso de proxectos de conservación, mantemento, rehabilitación ou reparación que non comporten expropiacións nin desvíos de tráfico máis aló da plataforma da estrada, nin no caso de obras de emerxencia.

Artigo 72. Dispoñibilidade de terreos

A dispoñibilidade dos bens e dereitos necesarios para executar as obras, así como as súas ocupacións temporais ou a modificación ou imposición de servidumes sobre eles, poderá ter lugar a través dos seguintes procedementos:

a) Expropiación forzosa, segundo o previsto na lexislación sobre a materia.

b) Compravenda, cesión voluntaria, permuta e os demais previstos na lexislación sobre patrimonio aplicable ás correspondentes administracións públicas implicadas.

c) Os previstos na lexislación en materia de ordenación urbanística.

Artigo 73. Expropiacións

1. As expropiacións ou ocupacións temporais de bens e dereitos e a imposición ou modificación de servidumes, se é o caso, necesarias para a execución de obras de estradas a que se refiren a lexislación de estradas de Galicia e este regulamento efectuaranse consonte o establecido na lexislación vixente en materia de expropiación forzosa (artigo 28.1 LEG).

2. A Administración titular subrogarase na posición xurídica da persoa expropiada para os efectos do seu dereito ao aproveitamento urbanístico que lles corresponda aos terreos expropiados (artigo 28.2 LEG).

3. Non obstante, cando se trate de expropiar terreos en situación urbanizada, a Administración titular poderá convir, libremente e por mutuo acordo coa persoa expropiada, que esta reciba unha indemnización equivalente ao valor que terían os terreos no caso de atoparse en situación rural, e deixando o aproveitamento urbanístico, ou o dereito a el, en posesión da persoa expropiada, sempre que sexa posible conforme a lexislación e o planeamento urbanístico (artigo 28.3 LEG).

4. Os servizos que tramiten os expedientes de expropiación farán constar nas actas de ocupación e nos actos administrativos de imposición, modificación ou extinción de servidumes todos os requisitos e circunstancias necesarios para a súa inscrición ou toma de razón nos rexistros públicos, segundo o disposto na normativa sobre expropiación forzosa.

Artigo 74. Reposición de servizos e bens afectados

1. No caso de que deban ser expropiados servizos ou bens afectados pola execución das obras, a Administración promotora poderá optar en substitución da expropiación pola súa reposición.

A titularidade destes servizos e bens repostos, así como as responsabilidades derivadas do seu funcionamento, mantemento, conservación e explotación, corresponderanlle á persoa que fose a súa titular orixinaria.

No caso de que a Administración promotora opte pola reposición dos servizos ou bens que resulten afectados polas obras de estradas, as persoas titulares están obrigadas a facilitar que as obras de reposición se poidan iniciar no prazo que, considerando as circunstancias concorrentes, lle sexa notificado en cada caso (artigo 29 LEG).

2. Finalizada a reposición dos servizos ou ben afectados, comprobarase a súa finalización e estado por parte da Administración promotora e das persoas titulares. Para estes efectos, a Administración promotora outorgaralles ás persoas titulares trámite de audiencia por un prazo de tres (3) días para que fagan constar os reparos de xeito pormenorizado e, de ser o caso, concederase un prazo proporcionado para a súa corrección. A realización e contido do acto de comprobación quedará reflectido nunha acta. A acta de comprobación implicará a asunción definitiva da titularidade dos servizos e bens repostos, así como as responsabilidades derivadas do seu funcionamento, mantemento, conservación e explotación, por parte da persoa que fose a súa titular orixinaria.

CAPÍTULO II

Financiamento

Artigo 75. Financiamento das actuacións

1. O financiamento das actuacións levadas a cabo nas estradas reguladas pola lexislación de estradas de Galicia poderá realizarse por unha ou varias das seguintes modalidades:

a) Mediante as consignacións que para tal fin se inclúan nos orzamentos da Administración titular.

b) Mediante contratos para a construción e/ou explotación das estradas en réxime de concesión de obra pública; nese caso financiaranse mediante os recursos propios das sociedades concesionarias, os alleos que estas mobilicen, as subvencións ou outro tipo de achegas económicas por parte da Administración concedente e, de ser o caso, as achegas doutras administracións públicas distintas da concedente e o financiamento que puidese provir doutros organismos nacionais ou internacionais.

c) Mediante procedementos de colaboración con outras administracións públicas, sociedades ou entes públicos, con outros organismos locais, nacionais, comunitarios ou internacionais, ou con particulares.

d) Mediante os recursos xerados pola explotación das estradas.

e) Mediante o establecemento de contribucións especiais.

f) Mediante calquera outro mecanismo previsto na lexislación de estradas de Galicia, neste regulamento ou na normativa urbanística, patrimonial ou de contratación administrativa.

(Artigo 30.1 LEG)

2. Nos treitos das estradas onde se estableza un pagamento de peaxe ou taxa polo seu uso, a Administración titular poderá establecer medidas ou procedementos compensatorios que veñan reducir ou anular o pagamento directo por parte da persoa usuaria (artigo 30.2 LEG).

Artigo 76. Procedementos de colaboración

1. As administracións públicas, sociedades ou entes públicos, organismos locais, nacionais, comunitarios ou internacionais, no ámbito das súas respectivas competencias, ou as persoas particulares poderán colaborar, cando así o consideren oportuno, coa Administración titular da Rede de estradas para desenvolver e financiar actuacións que lle afecten a esta ou de novas estradas ou treitos delas que vaian a ser incorporados á dita rede.

2. A colaboración poderase levar a cabo segundo as seguintes modalidades:

a) Achega de diñeiro.

b) Cesión de terreos, libres de cargas e gravames.

c) Instalación, ás súas expensas e polos seus propios medios, de elementos funcionais ou equipamentos complementarios da estrada, tales como mobiliario urbano e calquera outro similar.

d) Achega temporal de maquinaria adscrita ao parque da entidade fornecedora.

e) Compromiso de tomar ao seu cargo, total ou parcialmente, a execución, modificación, conservación ou mantemento de determinados treitos da estrada, dos seus elementos funcionais ou, cando concorran razóns de interese xeral, de accesos novos ou reordenados.

f) Colaboración técnica na redacción de estudos e proxectos, así como na dirección das obras realizadas.

3. As cesións de terreos tramitaranse segundo a normativa aplicable nesta materia ás correspondentes administracións públicas implicadas.

Os terreos cedidos incorporaranse ao dominio público viario da Administración titular da estrada, que os poderá inscribir no Rexistro da Propiedade mediante os asentos que procedan segundo a lexislación hipotecaria.

4. As obras executadas por terceiras persoas no marco de procedementos de colaboración deberá recibilas a Administración titular da estrada, previamente á súa posta en servizo.

5. Cando a colaboración se inscriba no marco dunha iniciativa de desenvolvemento territorial ou urbanístico, a persoa promotora desta deberá custear e, de ser o caso, executar as infraestruturas de conexión coa rede de estradas da actuación que se pretenda, así como as ampliacións que, como consecuencia do incremento do seu uso que esta xere, resulten necesarias na dita rede.

Artigo 77. Convenios de colaboración

1. A colaboración concretarase nun convenio, que establecerá as obrigas e compromisos recíprocos asumidos polas partes, as modalidades de colaboración de cada unha delas, as formas e prazos en que levalas a cabo, as fórmulas para garantir a súa efectividade e os mecanismos para o seu seguimento e revisión, sen prexuízo do previsto, de ser o caso, na lexislación aplicable en materia de subvencións.

2. No caso de procedementos de colaboración con administracións públicas, sociedades ou entes públicos, organismos locais, nacionais, comunitarios ou internacionais, os correspondentes convenios terán carácter administrativo e rexeranse pola lexislación aplicable en cada caso.

3. No caso de procedementos de colaboración con particulares, estes deberán presentar, antes da sinatura do correspondente convenio, unha proposta na cal farán constar, cando menos:

a) A identificación da actuación para a cal ofrece colaboración.

b) A modalidade de colaboración que se ofrece, así como a forma e prazo en que se fará efectiva.

c) No caso de achegas de diñeiro, a súa contía e un aval bancario por ese importe, en garantía do seu cumprimento.

d) No caso de cesións de terreos, os documentos que acrediten a titularidade e a inexistencia de cargas sobre aqueles.

4. No caso de novas estradas ou treitos delas, o convenio indicará de xeito expreso se a totalidade ou parte delas pasarán a formar parte da rede de estradas dalgunha das administracións implicadas.

Artigo 78. Recursos xerados pola explotación das estradas

As estradas reguladas pola lexislación de estradas de Galicia poderán xerar recursos económicos a favor da Administración titular da rede conforme o seguinte:

a) Mediante o establecemento de taxas creadas consonte a normativa tributaria.

b) Mediante o alleamento de propiedades e terreos de carácter patrimonial que formen parte da rede de estradas.

c) Mediante o alleamento do aproveitamento urbanístico dos terreos que conforman o dominio público viario ou doutros terreos de carácter patrimonial que formen parte da rede de estradas.

d) Pola recadación das indemnizacións por danos, procedementos de execución subsidiaria, multas coercitivas e sancións derivadas das infraccións cometidas, segundo a lexislación de estradas de Galicia e este regulamento.

(Artigo 31 LEG)

Artigo 79. Contribucións especiais

1. Poderán imporse contribucións especiais cando da execución das obras que se realicen para a construción de estradas, vías de servizo ou accesos resulte a obtención por persoas físicas ou xurídicas dun beneficio especial, aínda que este non se poida fixar nunha cantidade concreta.

O aumento do valor de determinados predios a causa da execución das obras terá para estes efectos a consideración de beneficio especial (artigo 32.1 LEG).

2. As contribucións especiais devindicaranse no momento da recepción das obras ou, en defecto desta, no da súa posta en servizo (artigo 32.3 LEG).

Se as obras fosen fraccionables, a devindicación producirase para cada un dos suxeitos pasivos no momento en que se teñan recibido, ou posto en servizo, as correspondentes a cada treito ou fracción da obra.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, unha vez aprobado o acordo concreto de imposición e ordenación, a Administración promotora poderá exixir por anticipado o pagamento das contribucións especiais en función do importe das obras que se teña previsto recibir, ou pór en servizo, no ano seguinte. Non poderá exixirse o anticipo dunha nova anualidade sen que teñan sido recibidas, ou postas en servizo, as obras para as cales se exixiu outro anticipo.

3. Serán suxeitos pasivos destas contribucións especiais aquelas persoas que se beneficien de modo directo coas estradas ou cos accesos que se executen e, especialmente, as persoas titulares dos terreos e establecementos contiguos e as das urbanizacións que resulten melloradas na súa comunicación (artigo 32.2 LEG).

Porén, non se entenderán especialmente beneficiadas as propiedades que, sen estaren afectadas a unha explotación mercantil ou industrial, vexan prexudicado dun modo notorio o seu valor residencial ou paisaxístico, ou a súa contorna patrimonial ou ambiental, polo impacto das actividades ruidosas, molestas, perigosas ou contaminantes que a execución das obras supoña dun modo permanente, cando ese non poida ser corrixido doutro xeito.

A condición de suxeitos pasivos das contribucións especiais terá os efectos previstos na normativa tributaria.

4. A base impoñible estará constituída polo custo total das obras, incluídos, se é o caso, todos os custos adicionais inherentes á súa execución e, en particular, o custo das expropiacións e indemnizacións que se deban realizar (artigo 32.4 LEG).

5. A base liquidable determinarase pola seguinte porcentaxe da base impoñible:

a) Con carácter xeral, ata o vinte e cinco por cen (25%).

b) En vías de servizo, ata o cincuenta por cen (50%).

c) Nos accesos de uso particular a terreos, establecementos, instalacións, explotacións ou urbanizacións, ata o noventa por cen (90%).

(Artigo 32.5 LEG)

6. Para obter a cota tributaria, a base liquidable das contribucións especiais repartirase entre os suxeitos pasivos establecendo un tipo de gravame para cada un deles que atenda a aqueles criterios obxectivos que, segundo a natureza das obras, construcións ou circunstancias que concorran naqueles, se determinen de entre os seguintes:

a) Superficie dos terreos, establecementos, instalacións, explotacións ou urbanizacións beneficiadas.

b) Situación, proximidade e accesos á estrada dos terreos, establecementos, instalacións, explotacións ou urbanizacións.

c) Bases impoñibles nas contribucións territoriais dos predios beneficiados.

d) Aqueloutras que se determinen no documento regulador da contribución especial, en atención ás circunstancias particulares que concorran na actuación.

(Artigo 32.6 LEG)

7. O establecemento de contribucións especiais nos supostos a que se refire a lexislación de estradas de Galicia correspóndelle á Administración promotora da actuación segundo o disposto na normativa aplicable en cada caso (artigo 32.7 LEG).

CAPÍTULO III

Explotación

Sección 1ª. Conceptos xerais

Artigo 80. Concepto de explotación

1. A explotación do dominio público viario comprende:

a) As operacións de conservación e mantemento.

b) As accións encamiñadas á súa defensa, mellor uso e aproveitamento.

(Artigo 33.1 LEG)

Artigo 81. Conservación e mantemento

1. A conservación e mantemento do dominio público viario comprende as actividades necesarias para preservar o estado dos seus bens e manter a vialidade da rede de estradas (artigo 33.2 LEG).

2. Corresponderalle aos concellos a conservación e mantemento de todos os elementos que, estando situados no dominio público viario, non formen parte da estrada nin dos seus elementos funcionais e lles sirvan a aqueles para exercer as súas competencias (artigo 33.7 LEG), como, por exemplo, axardinamento, abastecemento, evacuación e depuración de auga, iluminación pública das travesías, recollida de residuos e transporte público.

Artigo 82. Uso e defensa

1. A defensa do dominio público viario comprende as accións dirixidas a protexelo e evitar as actividades que o prexudiquen ou menoscaben, así como a manter a funcionalidade e seguridade viaria da rede de estradas (artigo 33.3 LEG).

O mellor uso e aproveitamento do dominio público viario refírese ás actuacións encamiñadas a facilitar o seu emprego nas mellores condicións de seguridade e comodidade. Comprenderá, para estes efectos, as intervencións en materia de información e sinalización e a ordenación de accesos e usos das zonas de protección (artigo 33.4 LEG), así como as actuacións de restauración e protección ambiental necesarias e as de conservación do medio natural e da paisaxe.

2. A Administración titular da estrada é a única competente para a súa sinalización permanente. Débese considerar ilegal, para todos os efectos, toda sinalización establecida por calquera outra persoa ou entidade sen previa autorización daquela (artigo 33.5 LEG), agás en casos de emerxencia, segundo o previsto na normativa de circulación.

Artigo 83. Colaboración cos concellos

A Administración titular da estrada poderá convir cos concellos en que se sitúe unha travesía o que consideren procedente para mellorar a explotación e integración urbana daquela (artigo 33.6 LEG).

En concreto, os concellos poderán sinalizar as travesías das estradas, logo e informe vinculante da súa Administración titular.

Artigo 84. Modos de explotación

1. A Administración titular da rede, como regra xeral, xestionará e explotará directamente o dominio público viario, incluídas as súas travesías, cuxa utilización será gratuíta para as persoas usuarias, agás que se estableza unha taxa polo seu uso (artigo 34.1 LEG).

En consecuencia, a explotación directa por parte da Administración titular non requirirá de formalización administrativa ningunha.

2. Cando se estableza unha peaxe polo uso das estradas, recollerase a exención desta para os vehículos das forzas armadas, os das forzas e corpos de seguridade, os das autoridades xudiciais, os vehículos destinados ao transporte sanitario, os dos servizos contra incendios, os de servizos de protección civil e os utilizados polos propios servizos de explotación de estradas, no cumprimento das súas respectivas funcións específicas.

3. O dominio público viario tamén poderá ser explotado a través de calquera dos sistemas de xestión previstos na lexislación de contratos do sector público (artigo 34.2 LEG).

Ademais, para empregar calquera deses sistemas de xestión indirectos, será requisito previo a autorización por parte da correspondente Administración titular.

4. A Administración titular da rede poderá crear entidades co obxecto de xestionar a explotación do dominio público viario (artigo 34.3 LEG).

5. A explotación do dominio público viario levarase a cabo, en todo caso, en réxime de servizo público e segundo os principios de legalidade, continuidade, adaptabilidade ao progreso tecnolóxico, neutralidade e igualdade.

6. En todo caso, as funcións de explotación do dominio público viario que impliquen o exercicio de potestades públicas deberá levalas a cabo a propia Administración titular.

Artigo 85. Dirección e inspección da explotación

1. A explotación do dominio público viario realizarase baixo a dirección ou inspección da Administración titular da rede (artigo 35 LEG).

2. A dirección da explotación do dominio público viario comprende a organización dos medios dispostos con ese fin, e a programación, supervisión, seguimento e comprobación das actividades realizadas para:

a) A conservación e mantemento do dominio público viario, incluídas as de mantemento da vialidade.

b) A defensa do dominio público viario, incluída a súa vixilancia e o impulso das medidas de protección da legalidade viaria.

c) O mellor uso e aproveitamento do dominio público viario, incluída a modificación da sinalización existente e o impulso das actuacións para a súa progresiva mellora.

3. A inspección da explotación do dominio público viario comprende, nos casos en que é precisa, o coñecemento e información sobre o seu estado e sobre as accións levadas a cabo pola dirección de explotación.

4. Só será precisa a función de inspección da explotación do dominio público viario cando a súa dirección non sexa realizada pola Administración titular da rede.

O persoal técnico encargado da inspección da explotación do dominio público viario pode acceder a toda a información dispoñible sobre el, visitalo e tomar calquera dato que considere preciso.

5. Poderán encargarse a terceiras persoas, a través de contrato, encomenda ou convenio, ademais da dirección da explotación do dominio público viario, funcións de apoio ao control e vixilancia inherentes a ela, de conformidade coas disposicións vixentes.

No caso de que a dirección da explotación do dominio público viario sexa encargada a terceiros, nos termos previstos no parágrafo anterior, a Administración titular da rede exercerá as funcións de inspección.

Artigo 86. Normas e instrucións técnicas complementarias

1. Na medida en que non contraveña a normativa técnica básica, a consellería competente en materia de estradas poderá ditar normas e instrucións técnicas complementarias relativas á explotación das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia.

As normas e instrucións técnicas que se diten terán en conta as particularidades da Comunidade Autónoma de Galicia e compatibilizarán a realización de actividades económicas no contorno das estradas coa necesaria protección do dominio público viario e da seguridade viaria (artigo 33.8 LEG).

Estas normas e instrucións técnicas complementarias publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

2. As normas e instrucións técnicas complementarias ditadas pola consellería competente en materia de estradas revisaranse periodicamente, para a súa actualización permanente.

Sección 2ª. Funcionalidade da vía

Artigo 87. Medidas relativas á funcionalidade da vía

A Administración titular da rede de estradas, no ámbito das súas competencias:

a) Poderá impor de xeito motivado limitacións temporais ou permanentes á circulación en certos treitos daquela, así como para determinados tipos de vehículos, nos supostos previstos na normativa en materia de circulación (artigo 36 LEG).

b) Emitirá os informes vinculantes, aos cales se refire a normativa vixente en materia de circulación e vehículos, para outorgar a autorización complementaria de circulación de transportes especiais que así o requiran e a autorización previa de probas deportivas, marchas ciclistas e outros eventos ou usos especiais da estrada.

c) Poderá establecer estacións e centros de control, lugares de inspección e pesaxe de vehículos e estacións de medición para o coñecemento e control das características da demanda de tráfico.

Artigo 88. Limitacións xenéricas á circulación

1. Poderanse reservar ao uso exclusivo de vehículos automóbiles determinadas estradas ou treitos delas, co fin de mellorar a comodidade e a seguridade viaria da circulación.

A reserva dunha estrada ou treito dela acordaraa a súa correspondente Administración titular, logo de informe da consellería competente en materia de estradas, e anunciarase no Diario Oficial de Galicia.

2. Por razóns de seguridade viaria ou fluidez do tráfico, a Administración titular da rede de estradas poderá establecer, en certos treitos daquela, outras medidas de ordenación tales como limitacións de velocidade ou peso, carrís reservados, sentido único de circulación, prohibicións de xiro, prioridade en interseccións, prohibicións de parada ou estacionamento e, en xeral, calquera medida aplicable en materia de ordenación da circulación que teña carácter permanente ou provisional.

O establecemento destas medidas en travesías debe efectuarse logo de comunicación ao concello correspondente para que no prazo de quince (15) días emita informe sobre elas. En caso de que este non se emita no prazo sinalado, entenderase que non existe obxección ningunha ás medidas propostas.

3. A Administración titular da estrada poderá habilitar carrís para a súa utilización en sentido contrario ao habitual cando a realización de traballos na calzada o faga necesario, logo de informe vinculante da Administración competente en materia de tráfico.

4. As limitacións que determina este artigo deben efectuarse en todo caso mediante a correspondente sinalización e, se é preciso, coas medidas adicionais necesarias.

Artigo 89. Restricións á circulación

1. Correspóndelle á Administración titular da estrada a autorización de restricións á circulación motivadas por deficiencias físicas da infraestrutura ou pola realización de obras nela, cando supoñan limitacións temporais por cortes dun ou máis carrís de circulación ou, incluso, o peche á circulación de toda a estrada.

Neses casos, deberá preverse, sempre que sexa posible, a habilitación dun itinerario alternativo e a súa sinalización, e as restricións á circulación aplicaranse segundo o previsto na normativa de circulación.

2. As autorizacións por restricións á circulación por obras fixas que impliquen ocupacións da calzada en travesías deben notificárselles aos concellos onde se produzan.

3. As autorizacións de restrición á circulación por obras que impliquen o peche total da calzada deben notificárselle aos concellos onde se produzan e ás administracións titulares das vías públicas polas cales se propoña a realización dos desvíos de tráfico correspondentes.

Artigo 90. Comunicación das limitacións á circulación

1. Seranlle comunicadas á Administración competente en materia de tráfico, coa máxima antelación posible, todas as limitacións temporais ou permanentes á circulación en certos treitos da rede de estradas, así como para determinados tipos de vehículos, nos supostos previstos na normativa en materia de circulación que, de xeito motivado, impoña a Administración titular da rede de estradas, cando as condicións meteorolóxicas, a situación da estrada, a seguridade viaria ou a seguridade das persoas usuarias así o exixa.

2. As limitacións á circulación que supoñan o peche total da estrada ou que poidan provocar importantes colapsos de tráfico deben anunciarse especificamente en medios de comunicación de ampla difusión.

Artigo 91. Usos especiais da estrada

1. A Administración titular da estrada emitirá o informe vinculante a que se refire a normativa vixente en materia de circulación e vehículos cando, segundo ela, requiran autorización previa ou autorización complementaria de circulación, nos seguintes supostos:

a) Transportes especiais.

b) Probas deportivas, marchas ciclistas e outros eventos.

c) Outros usos especiais da estrada.

2. Para emitir o antedito informe, a Administración titular da estrada poderá requirirlle á persoa solicitante da autorización a presentación dun estudo detallado en que xustifique que o uso especial da estrada non lle producirá danos a esta, garantirá a fluidez da circulación e realizarase tomando as medidas necesarias para reducir ao máximo as afeccións ao resto das persoas usuarias da estrada.

3. O estudo necesario para emitir o informe será subscrito por profesional técnico competente e deberá ter, como mínimo, o seguinte contido:

a) Descrición da actividade que se vai desenvolver.

b) Itinerarios e treitos da rede de estradas afectados, e tipo de vehículos empregados, analizando a compatibilidade entre eles, especialmente no que se refire a raios de xiro en calzadas e interseccións, delimitacións verticais e horizontais e outras limitacións á circulación.

c) Impacto sobre a rede de estradas, tanto no que respecto á fluidez da circulación como aos efectos sobre o conxunto de elementos da estrada e, en particular, sobre os firmes, as estruturas, o sistema de drenaxe e os elementos de sinalización, balizamento, defensas e iluminación.

d) Medidas propostas para eliminar ou paliar os impactos identificados.

4. No informe estableceranse os requisitos necesarios para garantir o cumprimento de todos os condicionantes expresados neste artigo e, como condición para a súa emisión en sentido favorable, exixirase a constitución dunha garantía para responder dos danos e perdas que se poidan ocasionar ao dominio público viario.

5. Cando os usos especiais resulten incompatibles coa seguridade da infraestrutura ou a fluidez da circulación, os informes deben establecer as correspondentes limitacións á circulación ou restricións no uso xeral da rede.

6. No caso de transportes especiais, o informe vinculante poderase referir a unha viaxe en concreto ou a diversas viaxes durante un período. Ademais, neste último caso, o informe poderase referir a un itinerario concreto ou a un conxunto de estradas.

7. Agás que se poida habilitar un itinerario alternativo na estrada, os informes referentes a feiras, festas, desfiles e outros usos especiais da estrada similares determinaran de xeito específico que as actividades deben ter lugar, preferentemente, fóra da zona de dominio público.

As zonas onde se desenvolvan estas actividades deben delimitarse, por parte das persoas promotoras ou organizadoras, coas medidas de protección necesarias para evitar riscos tanto para as persoas asistentes á celebración dos actos como para ás persoas usuarias da estrada.

Artigo 92. Control de usos

A Administración titular da rede de estradas poderá establecer estacións e centros de control, lugares de inspección e pesaxe de vehículos e estacións de medición para o coñecemento e control das características da demanda de tráfico.

As sobrecargas que constitúan infracción sancionaranas as autoridades competentes en cada caso.

Sección 3ª. Explotación de elementos funcionais

Artigo 93. Áreas de servizo

1. Son áreas de servizo as zonas contiguas ás estradas deseñadas especialmente para albergar instalacións e servizos destinados á cobertura das necesidades da circulación e a facilitar a comodidade e seguridade das persoas usuarias da estrada.

2. A Administración titular da rede de estradas facilitará a existencia das áreas de servizo necesarias para a seguridade e comodidade das persoas usuarias.

3. As áreas de servizo poderán ser explotadas directamente pola súa Administración titular ou a través de calquera dos sistemas de xestión previstos na lexislación de contratos do sector público.

4. As áreas de servizo poderán situarse nunha ou en ambas as marxes da estrada.

5. As áreas de servizo contarán cos servizos e instalacións exixidos nos documentos que rexan a súa situación administrativa e, como mínimo, cos seguintes:

a) Aparcadoiros pavimentados.

b) Servizos hixiénicos.

c) Zonas de descanso.

d) Servizos de abastecemento de auga.

e) Estacións de recarga de fontes de enerxía para vehículos.

f) Servizos telefónicos.

6. Será libre e gratuíto o uso, propio da súa función, dos aparcadoiros, servizos hixiénicos, zonas de descanso e servizos de abastecemento de auga, sen prexuízo das normas aplicables sobre circulación e seguridade.

7. Nas áreas de servizo poderán disporse as instalacións adicionais seguintes:

a) Restaurantes e cafetarías.

b) Hoteis e moteis.

c) Talleres de reparación de vehículos.

d) Instalacións de venda de recambios e accesorios de vehículos.

e) Zonas de xogos infantís.

f) Instalacións de venda de artigos de alimentación, turísticos ou de recordo.

g) Outras instalacións e servizos destinados á cobertura das necesidades da circulación e a facilitar a comodidade e seguridade das persoas usuarias da estrada.

8. Non se poderán establecer nas áreas de servizo instalacións que non teñan relación directa co servizo da estrada ou xeren un tráfico adicional, polo que quedan expresamente prohibidos os locais destinados a actividades de espectáculo ou diversión, agás os incluídos no número anterior.

Tampouco poderán venderse ou subministrarse nos locais ou instalacións das áreas de servizo bebidas alcohólicas de graduación superior a vinte graos (20º).

9. As áreas de servizo terán acceso directo á estrada e comunicaranse co exterior unicamente a través dela.

En autoestradas, autovías e vías para automóbiles estarán valadas en todo o seu perímetro exterior.

10. As áreas de servizo deseñaranse de xeito que resulten adaptadas ao seu contorno, tendo en conta as súas peculiaridades históricas e ambientais.

Artigo 94. Áreas de descanso

1. A Administración titular da rede de estradas poderá dispor, en lugares adecuados, áreas de descanso, que contarán, cando menos, con aparcadoiros pavimentados separados da calzada e das súas beiravías.

2. As áreas de descanso comunicaranse co exterior unicamente a través da estrada. En autoestradas, autovías e vías para automóbiles estarán valadas en todo o seu perímetro exterior.

Artigo 95. Apertura ao uso público de camiños de servizo

1. Os camiños de servizo poderán ser abertos provisionalmente ao uso público para atender necesidades inaprazables, eventuais, urxentes, imprevisibles ou catastróficas, logo de comprobación de que o camiño reúne as condicións de vialidade e seguridade suficientes para o normal tránsito de vehículos, e logo de autorización temporal da Administración titular da estrada adxacente.

Na autorización determinarase inequivocamente o prazo, por referencia a unha data concreta ou ao cumprimento de determinados feitos ou condicións, e o organismo que deba exercer as funcións de explotación, así como, de ser o caso, o resto de prescricións que se deberán ter en conta.

De ser o caso, os gastos de toda clase que orixine a apertura provisional e o uso público do camiño de servizo serán por conta da Administración, organismo, entidade ou calquera outra persoa pública ou privada cuxas necesidades a tivesen motivado.

2. No caso de que proceda resolver a incorporación permanente dun camiño de servizo á rede da Administración titular correspondente, será precisa a aprobación previa dun proxecto para a súa adaptación aos requirimentos técnicos propios das estradas e a execución das obras correspondentes.

3. As autorizacións para a apertura provisional dos camiños de servizo ao uso público e as resolucións para a súa incorporación permanente á rede da Administración titular correspondente publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

TÍTULO IV

Protección do dominio público viario

CAPÍTULO I

Delimitación de zonas

Sección 1ª. Zona de dominio público

Artigo 96. Definición da zona de dominio público

A zona de dominio público está integrada polos terreos ocupados por todos os elementos do dominio público viario adquiridos por título lexítimo pola Administración titular (artigo 37.1 LEG).

Artigo 97. Delimitación da zona de dominio público adxacente

1. A zona de dominio público adxacente é a parte da zona de dominio público formada polos terreos adxacentes ás estradas e aos seus elementos funcionais, adquiridos por título lexítimo pola Administración titular pero non ocupados directamente pola explanación das estradas ou pola dos seus elementos funcionais.

Para estes efectos, a distancia entre a aresta exterior da explanación correspondente ás calzadas e elementos funcionais previstos e o límite exterior da zona de dominio público adxacente, medida horizontal e ortogonalmente desde a primeira, non poderá ser superior a:

a) Quince metros (15 m) no caso de autovías, autoestradas e vías para automóbiles.

b) Dez metros (10 m) no caso de estradas convencionais e elementos funcionais.

(Artigo 37.2 LEG)

2. Para a delimitación da zona de dominio público adxacente:

a) Os ramais e vías de xiro de enlaces e interseccións terán a consideración de estradas convencionais, agás cando conecten autoestradas, autovías ou vías para automóbiles entre si, que terán a consideración de vías para automóbiles.

b) A explanación dos camiños de servizo sensiblemente paralelos a autoestradas, autovías ou vías para automóbiles considerarase como parte da propia explanación desas estradas.

3. No caso de que existan terreos adquiridos por título lexítimo pola Administración titular máis distantes da estrada ou dos seus elementos funcionais que o límite exterior da zona de dominio público adxacente, estes terán a consideración de bens patrimoniais da Administración titular da rede de estradas.

Artigo 98. Adquisición da zona de dominio público

1. Agás que a propiedade dos terreos necesarios se obteña por outros procedementos, os proxectos para a execución das obras de estradas deberán prever a expropiación dos terreos que se van integrar na zona de dominio público, incluídos os destinados a ser ocupados polas estradas e polos seus elementos funcionais, así como a zona de dominio público adxacente que se considere necesaria en cada caso para a súa correcta explotación.

2. Naqueles treitos de estrada en que existan túneles, pontes, viadutos, estruturas ou obras similares, adquiriranse e pasarán a formar parte da zona de dominio público adxacente, como regra xeral, os terreos comprendidos entre a proxección vertical das liñas exteriores de delimitación das obras sobre o terreo.

En todo caso, cando menos, adquirirase e pasará a formar parte da zona de dominio público adxacente o terreo ocupado polos soportes e cimentacións das estruturas ou obras similares e unha franxa de terreo de tres metros (3 m) ao redor deles (artigo 37.3 LEG).

A zona de dominio público poderá incluír os terreos necesarios para asegurar a conservación e mantemento da obra, segundo as características xeotécnicas do terreo, a súa diferenza de cota sobre a rasante da obra e a disposición dos seus accesos e doutros elementos.

Sección 2ª. Zonas de protección da estrada e liña límite de edificación

Artigo 99. Zonas de protección da estrada e liña límite de edificación

1. Para a protección do dominio público viario e a debida prestación do servizo público viario, ademais da zona de dominio público, establécense as zonas de protección da estrada denominadas de servidume e de afección, así como o trazado da liña límite de edificación (artigo 38.1 LEG).

2. Para os efectos do réxime xurídico de protección do dominio público viario e para o establecemento das limitacións á propiedade dos terreos próximos, os ramais e as vías de xiro de enlaces e interseccións terán a consideración de estradas convencionais (artigo 38.2 LEG), agás cando conecten autoestradas, autovías ou vías para automóbiles entre si, que terán a consideración de vías para automóbiles.

3. Cando, pola proximidade das calzadas, enlaces e outros supostos, as zonas de dominio público, de servidume ou de afección se superpoñan entre elas, prevalecerá en todo caso o réxime establecido para a zona de dominio público sobre a de servidume e o desta sobre a de afección, calquera que sexa a estrada ou elemento funcional determinante (artigo 38.3 LEG).

4. As diferentes administracións titulares das redes de estradas coordinaranse adecuadamente para delimitar as zonas de protección e da liña límite de edificación no caso de enlaces e interseccións entre estradas de diferente titularidade, respectando o criterio de prevalencia de réximes establecido no punto anterior.

5. Nos treitos urbanos das estradas non se establecen nin zonas de protección da estrada nin liña límite de edificación (artigo 38.4 LEG).

6. As persoas propietarias dos terreos, construcións, establecementos, instalacións ou outros bens situados nas zonas de protección das estradas e as titulares das actividades que se desenvolvan naqueles están obrigadas a conservalos nas debidas condicións de limpeza e seguridade para que non afecten o adecuado funcionamento do servizo público viario, e deberán executar as obras e actuacións necesarias para mantelos nas debidas condicións. Serán responsables dos danos e perdas causados polo incumprimento desta obriga (artigo 38.5 LEG).

Artigo 100. Delimitación da zona de servidume

1. A zona de servidume está formada por dúas franxas de terreo, unha a cada beira da estrada, delimitadas interiormente polas liñas exteriores da zona de dominio público e exteriormente por dúas liñas paralelas aos ditos límites e medidas horizontal e ortogonalmente desde eles, a unha distancia de:

a) Dez metros (10 m) no caso de autoestradas, autovías e vías para automóbiles.

b) Dous metros (2 m) no caso de estradas convencionais e elementos funcionais.

(Artigo 39.1 LEG)

1. Para delimitar a zona de servidume, a explanación dos camiños de servizo sensiblemente paralelos a autoestradas, autovías ou vías para automóbiles considerarase como parte da propia explanación desas estradas.

2. Aplicarase a distancia prevista para autoestradas, autovías e vías para automóbiles sempre que a liña exterior da zona de dominio público estea a unha distancia da aresta exterior da explanación daquelas inferior a quince metros (15 m), aínda que existan estradas convencionais ou elementos funcionais paralelos ou adxacentes a aquelas.

3. Cando, pola presenza de estradas convencionais ou elementos funcionais paralelos ou adxacentes a autoestradas, autovías ou vías para automóbiles, a liña exterior da zona de dominio público estea a unha distancia da aresta exterior da explanación daquelas superior a quince metros (15 m), a delimitación da zona de servidume virá fixada pola liña máis exterior que resulte da aplicación das seguintes distancias:

a) Vinte e cinco metros (25 m) desde a aresta exterior da explanación correspondente ás calzadas previstas das autoestradas, autovías ou vías para automóbiles, medida paralela, horizontal e ortogonalmente desde aquela.

b) Dous metros (2 m) desde a liña exterior da zona de dominio público, medida paralela, horizontal e ortogonalmente desde aquela.

4. No caso de existiren túneles, pontes, viadutos, estruturas ou obras similares, os terreos comprendidos entre a proxección ortogonal das liñas exteriores de delimitación das obras sobre o terreo que non formen parte da zona de dominio público formarán parte da zona de servidume (artigo 39.2 LEG) e quedarán suxeitos á imposición das servidumes de paso necesarias para garantir a adecuada explotación da estrada.

5. Os terreos comprendidos na zona de servidume poderán pertencer a calquera persoa pública ou privada.

Artigo 101. Delimitación da zona de afección

1. A zona de afección está formada por dúas franxas de terreo, unha a cada beira da estrada, delimitadas interiormente polas liñas exteriores da zona de servidume e exteriormente por dúas liñas paralelas ás arestas exteriores da explanación e medidas horizontal e ortogonalmente desde elas, a unha distancia de:

a) Cen metros (100 m) no caso de autoestradas, autovías e vías para automóbiles.

b) Trinta metros (30 m) no caso de estradas convencionais e elementos funcionais.

(Artigo 40.1 LEG)

2. No caso de existiren túneles, pontes, viadutos, estruturas ou obras similares, as liñas exteriores de delimitación das obras asumirán a función das arestas exteriores da explanación para os efectos de determinar a zona de afección (artigo 40.2 LEG).

3. Para delimitar a zona de afección, a explanación dos camiños de servizo sensiblemente paralelos a autoestradas, autovías ou vías para automóbiles considerarase como parte da propia explanación desas estradas.

4. No caso de anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción aprobados definitivamente, a delimitación da zona de afección realizarase tendo en conta a explanación prevista para o conxunto das estradas e dos seus elementos funcionais proxectados naqueles.

5. Os terreos comprendidos na zona de afección poderán pertencer a calquera persoa pública ou privada.

Artigo 102. Delimitación da liña límite de edificación

1. A liña límite de edificación está situada a ambas as dúas beiras da estrada cun trazado que discorre paralelo ás liñas exteriores de delimitación das calzadas a unha distancia, medida horizontal e ortogonalmente a aquelas, de:

a) Cincuenta metros (50 m) no caso de autoestradas, autovías e vías para automóbiles.

b) Quince metros (15 m) no caso de estradas convencionais e elementos funcionais.

(Artigo 41.1 LEG)

2. No suposto de que as distancias establecidas no número anterior queden incluídas dentro da zona de dominio público ou da zona de servidume, a liña límite de edificación establecerase na liña límite exterior da zona de servidume (artigo 41.2 LEG).

3. No caso de estradas en que estea previsto a súa futura ampliación ou duplicación de calzada, segundo un anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción aprobado definitivamente, a delimitación da liña límite de edificación realizarase tendo en conta o conxunto das calzadas previstas.

4. Para os efectos do establecemento da liña límite de edificación, só se terán en conta os elementos funcionais que dispoñan de calzada.

5. Nos terreos afectados por varias liñas límite de edificación de distintas calzadas deberanse respectar, simultaneamente, todas elas.

Artigo 103. Redución excepcional da distancia da liña límite de edificación

1. A Administración titular da rede de estradas poderá excepcionalmente tramitar un expediente de redución das distancias sinaladas na lexislación de estradas de Galicia, fóra dos treitos urbanos, sempre que quede garantida a ordenación das marxes da estrada, o adecuado control dos seus accesos e a seguridade viaria, cando nunha estrada, ou en treitos concretos dela, as características do lugar fagan extraordinariamente dificultoso respectar as distancias sinaladas (artigo 41.3 LEG).

A redución excepcional da distancia da liña límite de edificación non a situará, en ningún caso, dentro da zona de dominio público nin da zona de servidume.

2. A liña límite de edificación poderase reducir cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) A existencia dunha orografía accidentada, que comporte que a execución de edificacións máis alá da distancia establecida con carácter xeral para a liña límite de edificación implique alteracións do terreo natural superiores ás que se efectuarían no caso de que esta se situase a unha distancia inferior.

b) A existencia de edificacións consolidadas nas marxes da estrada, de tal xeito que se poida definir unha liña paralela ao eixe da estrada, a unha distancia inferior á establecida con carácter xeral para a liña límite de edificación, que intercepte edificacións existentes en máis dun quince por cento (15%) da súa lonxitude.

c) A necesidade de situar nas marxes da estrada edificacións ou instalacións destinadas a servir como elementos funcionais da estrada, como servizos vinculados á infraestrutura viaria ou ao sistema xeral de transporte, ou como parte doutras redes ou infraestruturas de servizos públicos.

3. O expediente de redución excepcional das distancias da liña límite de edificación incoarase por parte da Administración titular da estrada, de oficio ou a instancia dos concellos polos cales esta discorra.

4. A proposta de establecemento da liña límite de edificación, que poderá non ser uniforme, terá en conta o previsto no correspondente instrumento de planeamento urbanístico e deberá xustificarse en todos os seus aspectos. Incluirá, ademais, os planos en que se delimite a estrada, ou o treito dela a que se refire a proposta, a ordenación urbanística da zona, as zonas de dominio público e de protección da estrada e as situacións actual e proposta da liña límite de edificación.

5. Esta proposta, que será elaborada polo órgano da Administración titular que teña encomendada a dirección ou inspección da explotación da estrada, será aprobada provisionalmente pola Administración titular da estrada e, posteriormente, someterase a un trámite de información pública que se levará a cabo durante un prazo mínimo de trinta (30) días hábiles, ampliable ao seu xuízo nun máximo de quince (15) días hábiles máis, mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados e no sitio web oficial da Administración titular.

A documentación que forma o expediente estará á disposición da cidadanía na sede central e na páxina web oficial da Administración titular, na sede territorial desta última que abranga o ámbito da actuación, de ser o caso, e nos concellos afectados. As alegacións presentadas neste procedemento deberán versar sobre a xustificación do establecemento da liña límite de edificación na forma proposta no expediente.

6. Simultaneamente, o expediente de redución excepcional das distancias da liña límite de edificación tamén se someterá ao informe dos concellos afectados para que, nun prazo de trinta (30) días hábiles, ampliable a xuízo da Administración titular da estrada nun máximo de quince (15) días hábiles máis, examinen se a liña límite de edificación proposta no expediente é a máis adecuada para os seus intereses e emitan informe sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que os concellos consultados emitisen o citado informe, entenderase que amosan a súa conformidade coa proposta.

7. Transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe dos concellos afectados e recibidas as alegacións e informes presentados, a Administración titular da estrada, ou treito dela, dará resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante será posto á disposición das persoas interesadas e notificado aos concellos aos cales se lles tivese dado trámite de informe e ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións.

8. A continuación, a Administración titular da estrada remitirá copia do expediente de redución excepcional das distancias da liña límite de edificación á consellería competente en materia de estradas para que emita informe vinculante, que deberá versar sobre os preceptos contidos na lexislación de estradas de Galicia, neste regulamento e sobre a harmonización da liña límite de edificación proposta co correspondente instrumento de planeamento urbanístico.

9. Recibido o informe vinculante da consellería competente en materia de estradas, á Administración titular da estrada correspóndelle adoptar, de acordo con aquel, a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva ou de desestimación, total ou parcial, da proposta de redución excepcional das distancias da liña límite de edificación.

10. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificaráselles á consellería competente en materia de estradas, aos concellos aos cales se lles tivese dado trámite de informe e ás persoas particulares que presentasen alegacións.

11. En caso de aprobación definitiva da proposta, a redución excepcional das distancias da liña límite de edificación formalizarase mediante acta subscrita polo órgano da Administración titular que teña encomendada a dirección ou inspección da explotación da estrada e por representantes designados polos concellos polos cales esta discorra.

Artigo 104. Dereitos preexistentes e indemnizacións

O establecemento e a delimitación das zonas de protección e da liña límite de edificación, tanto das estradas existentes como das novas que se constrúan, así como as limitacións sinaladas na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento e o réxime de usos autorizables que se regula nela, que teñen a consideración de limitacións xerais da propiedade a prol do dominio público viario, non alteran a situación de propiedade preexistente dos terreos que afectan nin a titularidade dos dereitos de terceiras persoas sobre eles. Tampouco xera dereito a ningunha indemnización para as persoas titulares dos dereitos sobre os terreos afectados (artigo 42.1 LEG).

CAPÍTULO II

Usos autorizables

Artigo 105. Usos autorizables na zona de dominio público

1. Na explanación da estrada e na dos seus elementos funcionais só se poderán autorizar os seguintes usos:

a) Cruzamentos subterráneos ou aéreos que sexan imprescindibles para darlles continuidade ás redes e infraestruturas de servizos públicos ou para conectarse a eles.

b) Pasos inferiores ou superiores.

c) Obras de acceso á propia estrada.

d) Excepcionalmente, apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos cando sexan empregados de xeito compartido coa rede de iluminación pública en estradas convencionais e elementos funcionais, fóra dos seus treitos urbanos e sempre que non se trate de apoios de redes eléctricas de alta tensión.

e) Excepcionalmente, conducións subterráneas lonxitudinais correspondentes a redes e infraestruturas de servizos públicos, cando se xustifique debidamente que polas condicións extremadamente dificultosas da orografía do terreo, ou pola súa condición urbana, non existe outra solución tecnicamente viable, ou se trate da reposición de conducións afectadas polas obras de estradas, e se sitúen, preferentemente, fóra da calzada e, cando sexa posible, tamén das súas beiravías.

f) Elementos, obras, actuacións e instalacións necesarios para que as administracións públicas poidan exercer as súas competencias, cando pola súa natureza ou funcionalidade non poidan ter outra colocación.

g) Instalacións provisionais, cun prazo fixado, asociadas a actividades de interese ou uso público.

(Artigo 43.1 LEG)

2. Na zona de dominio público adxacente só se poderán autorizar os seguintes usos:

a) Usos autorizables na explanación da estrada e na dos seus elementos funcionais.

b) Conducións subterráneas lonxitudinais correspondentes a redes e infraestruturas de servizos públicos.

c) Excepcionalmente, apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos, cando polas condicións orográficas do terreo resulta tecnicamente inviable retiralos a maior distancia, en estradas convencionais e elementos funcionais, fóra dos seus treitos urbanos e sempre que non se trate de apoios de redes eléctricas de alta tensión.

(Artigo 43.2 LEG)

3. En ningún caso se autorizarán obras, instalacións ou calquera outra actividade na zona de dominio público que prexudiquen a integridade da estrada, a seguridade viaria ou a súa adecuada explotación (artigo 43.3 LEG).

Artigo 106. Usos autorizables na zona de servidume

1. Na zona de servidume das estradas só se poderán autorizar os seguintes usos:

a) Usos autorizables na zona de dominio público adxacente.

b) Cultivos agrícolas.

c) Plantación e corta de arboredo.

d) Peches completamente diáfanos, sobre piquetes sen cimentación de obra de fábrica, por circunstancias especiais de aproveitamento agrícola ou gandeiro debidamente acreditadas.

e) Movementos de terra e explanacións.

f) Excepcionalmente, vías, aparcamentos, illotes e zonas axardinadas de uso público.

(Artigo 44.1 LEG)

2. En ningún caso se autorizarán obras, instalacións ou calquera outra actividade na zona de servidume que prexudiquen a integridade da estrada, a seguridade viaria ou a súa adecuada explotación (artigo 44.2 LEG).

3. O uso e ocupación dos terreos comprendidos na zona de servidume das estradas polas persoas titulares daqueles estarán limitados pola compatibilidade co seu posible uso público, nos termos establecidos neste regulamento, sen que esta limitación orixine dereito a indemnización.

Artigo 107. Usos autorizables na zona de afección

1. Na zona de afección poderanse autorizar todos aqueles usos que non prexudiquen a integridade da estrada, a seguridade viaria ou a súa adecuada explotación, coas excepcións establecidas na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento na parte da zona de afección comprendida entre a estrada e a liña límite de edificación (artigo 45 LEG).

2. O outorgamento ou denegación das autorizacións solicitadas fundarase tamén nas previsións dos anteproxectos, proxectos de trazado e proxectos de construción aprobados que impliquen a ampliación ou variación da estrada.

Artigo 108. Usos autorizables entre a estrada e a liña límite de edificación

1. Entre a estrada e a liña límite de edificación prohíbese calquera tipo de construción de nova planta, por encima ou por debaixo da rasante do terreo, os peches non diáfanos ou de fábrica, así como a instalación, agás cruzamentos, dos apoios das redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos, coas excepcións establecidas na lexislación de estradas de Galicia ou neste regulamento, no caso de elementos que non teñan carácter edificatorio.

O réxime establecido na lexislación de estradas de Galicia non modificará, en ningún caso, o disposto na normativa urbanística para os edificios fóra de ordenación (artigo 46 LEG).

2. Para os efectos da lexislación de estradas de Galicia e deste regulamento, terán a consideración de construcións de nova planta as reconstrucións ou ampliacións das construcións existentes.

3. As limitacións establecidas entre a estrada e a liña límite de edificación non confiren ningún dereito a indemnización ás persoas titulares de dereitos reais sobre as superficies dos predios alí situados.

CAPÍTULO III

Uso público da zona de servidume

Artigo 109. Réxime de uso público da zona de servidume

1. A Administración titular da estrada poderá utilizar ou autorizar a utilización da zona de servidume por razóns de interese xeral ou cando o requira a explotación da estrada, segundo o disposto nos números seguintes.

2. Os terreos comprendidos na zona de servidume poderán utilizarse temporalmente, sen notificación previa, para as seguintes finalidades:

a) Canalizar as augas que discorran lonxitudinal ou transversalmente á estrada.

b) Depositar temporalmente obxectos de calquera tipo que estean na estrada e constitúan obstáculos ou perigos para a circulación de vehículos ou persoas.

c) Estacionar temporalmente vehículos ou remolques que non poidan ser obrigados a circular por avaría ou por calquera outra razón.

d) Efectuar desvíos provisionais de tráfico ou adecuar o terreo para a circulación de vehículos, maquinaria ou materiais, para poder resolver situacións de emerxencia.

e) Realizar obras declaradas de emerxencia.

f) Inspeccionar, controlar e vixiar o tráfico e o transporte, así como outros usos análogos, por parte das forzas e corpos de seguridade competentes.

3. Os terreos comprendidos na zona de servidume poderán utilizarse, logo da notificación prevista no número seguinte, para as seguintes finalidades:

a) Aproveitar materiais para o seu uso exclusivo na realización de obras na estrada.

b) Almacenar temporalmente materiais, maquinaria e ferramentas destinados á realización de obras na estrada.

c) Realizar traballos de recoñecemento técnico, topográficos, xeolóxicos, xeotécnicos, arqueolóxicos e calquera outro análogo.

d) Instalar conducións vinculadas ao servizo da estrada.

e) Establecer sistemas que permitan a rega por aspersión da zona de dominio público, para a estabilización de noiros ou sementes.

f) Outras utilizacións análogas que requira a explotación da estrada.

4. Nos casos en que sexa exixible, segundo o previsto neste artigo, a Administración titular da estrada notificaralles previamente ás persoas propietarias dos terreos afectados, ás arrendatarias, se as houbese, e ás outras persoas que posúan bens ou dereitos afectados, a resolución de ocupación dos terreos, con expresión, en forma certa ou aproximada, da superficie e do prazo, finalidade a que se destina e designación da persoa ou entidade que ocasiona a necesidade de ocupación, en caso de que sexa coñecida, para os efectos de que nun prazo de quince (15) días manifeste o que considere conveniente, resolución que será inmediatamente executiva.

Artigo 110. Indemnizacións

1. A ocupación dos terreos da zona de servidume para a localización de instalacións ou a realización de actividades públicas vinculadas coa construción ou co mantemento da estrada e, en xeral, cando o requira o servizo público viario, dará lugar a indemnización polos danos e perdas causados polo seu emprego (artigo 42.2 LEG).

2. A ocupación da zona de servidume e os danos e perdas que se causen pola súa utilización serán indemnizables segundo a lexislación en materia de expropiación forzosa.

3. Sempre que exista unha persoa ou entidade que ocasione a necesidade de ocupación distinta da Administración titular da estrada, será da súa conta o aboamento das indemnizacións que procedan.

CAPÍTULO IV

Autorizacións

Sección 1ª. Condicións xerais

Artigo 111. Réxime xeral

1. A execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección está suxeita ao deber de obter a correspondente autorización previa, agás que expresamente sexa permitida pola lexislación de estradas de Galicia ou por este regulamento (artigo 47.1 LEG).

2. Non será precisa autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección por parte da propia Administración titular da estrada.

3. No outorgamento de autorizacións imporanse as condicións que, en cada caso, se consideren oportunas para evitarlles danos e perdas á estrada, ás zonas de protección, aos seus elementos funcionais, á seguridade da circulación viaria ou á adecuada explotación da estrada (artigo 47.3 LEG).

4. No caso de actuacións promovidas por administracións públicas, ou polo resto de entidades integrantes do sector público, as autorizacións para a súa execución estarán vinculadas ao indicado no informe que, de ser o caso, tivese emitido a correspondente Administración titular sobre a viabilidade da actuación pretendida.

Artigo 112. Relación con outras licenzas, permisos ou autorizacións

1. A autorización a que se refire este capítulo é independente e enténdese sen prexuízo doutras licenzas ou autorizacións que sexan necesarias para a execución das obras, instalacións ou actividades de que se trate (artigo 47.4 LEG).

2. Non se poderán outorgar licenzas, permisos ou outras autorizacións de carácter urbanístico para a realización de obras e actividades na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección sen que previamente se tivese obtido a autorización prevista neste capítulo.

As licenzas, permisos ou outras autorizacións de carácter urbanístico que se outorguen deberán respectar o contido das autorizacións a que se refire este capítulo, cuxas cláusulas as vincularán e, en todo caso, prevalecerán sobre aquelas.

3. As actuacións non previstas nas autorizacións outorgadas deberán ser obxecto dun novo procedemento de autorización, agás cando resultasen inherentes á actuación autorizada.

Artigo 113. Competencia

1. A competencia para autorizar a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección correspóndelle á Administración titular da estrada (artigo 47.2 LEG).

2. No caso de obras, instalacións ou actividades non executadas pola Administración titular da estrada, na parte da zona de dominio público dos treitos urbanos distinta das calzadas e das súas beiravías, as autorizacións a que se refire este capítulo serán outorgadas polos concellos, logo do informe vinculante da Administración titular da estrada. Ese informe será tamén preciso no caso de obras que vaia realizar o propio concello (artigo 47.2 LEG).

En todo caso, os concellos remitirán á Administración titular da estrada copia de todas as autorizacións que outorguen para a execución de obras, instalacións ou actividades na parte da zona de dominio público dos treitos urbanos distinta das calzadas e das súas beiravías.

3. Considérase que as autorizacións de acceso á estrada ou aos seus elementos funcionais afectan directamente as súas calzadas e, en consecuencia, o outorgamento das autorizacións correspóndelle, en todos os casos, á Administración titular da estrada.

Artigo 114. Reserva e precariedade

1. As autorizacións outorgaranse a reserva das demais licenzas e autorizacións necesarias, sen prexuízo de terceiras persoas e deixando a salvo os dereitos preexistentes sobre os terreos ou bens. Non suporán en ningún caso a cesión do dominio público, nin a asunción pola Administración titular de ningunha responsabilidade respecto da persoa titular da autorización ou de terceiras persoas (artigo 49.1 LEG).

2. As autorizacións outorgadas para a realización de obras, instalacións ou actividades na zona de dominio público poderán ser revogadas unilateralmente polo órgano que as outorgou en calquera momento por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización, cando sexa necesario por motivo de calquera obra que vaia realizar na estrada a Administración titular desta, e quedará obrigada a persoa solicitante a retirar pola súa conta os elementos instalados (artigo 49.5 LEG).

Artigo 115. Efectividade, prazo máximo e transmisibilidade

1. A autorización producirá efectos mentres permaneza o obxecto determinante do seu outorgamento e, de ser o caso, non teña transcorrido o seu prazo máximo.

2. Con carácter xeral, as autorizacións para a realización de obras, instalacións ou actividades na zona de dominio público outorgaranse por un prazo máximo de dez (10) anos, e poderán concederse, logo da solicitude da persoa interesada, ata dúas (2) prórrogas por períodos de igual duración. Antes de que transcorra o prazo da autorización, incluídas as prórrogas, se é o caso, a persoa titular poderá solicitar unha nova autorización.

Para estes efectos, considérase que as autorizacións de acceso se refiren á incorporación de vehículos á estrada desde fóra do dominio público viario, independentemente dos elementos que se sitúen nel, polo que non estarán sometidas ás limitacións establecidas no parágrafo anterior (artigo 49.4 LEG).

3. A autorización será transmisible logo de notificación á Administración titular da estrada, e á cal outorgou a autorización, do cambio de titularidade, en documento asinado pola persoa titular da autorización e por aquela a que se lle transmite.

A persoa adquirente quedará subrogada nestes casos na posición da persoa que fose titular da autorización. A transmisión producirá efectos desde o momento en que fose comunicada á Administración titular da estrada, e á cal outorgou a autorización.

Artigo 116. Execución material e control

1. As obras ou instalacións autorizadas deberán executarse dentro dos prazos que determine a propia autorización, e esta terá a consideración de caducada en caso contrario ou se non se iniciase a actividade autorizada no dito prazo.

O prazo concedido para a execución material dos traballos necesarios para a realización das obras ou instalacións autorizadas non será, en ningún caso, superior a tres (3) anos.

2. As actuacións poderán ser inspeccionadas en todo momento polo persoal da Administración titular da estrada ou da que outorgou a autorización (artigo 49.2 LEG).

En todo caso, a correspondente autorización deberá estar dispoñible para a súa consulta por parte do dito persoal, así como polos/as axentes da autoridade en materia de tráfico se a actuación ten incidencia sobre este.

3. As actuacións autorizadas, cando afecten a zona de dominio público, non se poderán iniciar sen que o persoal da Administración que outorgou a autorización e, no caso de que non coincidan, o da Administración titular da estrada comprobasen a súa implantación. No resto dos casos, a Administración titular da estrada poderá condicionar, na súa autorización, o inicio das actuacións a que se teña comprobado a súa implantación.

Para estes efectos, a persoa interesada porase en contacto co dito persoal, conforme se indique na autorización, cunha antelación mínima de sete (7) días da data que prevexa para a dita operación. A realización e contido da súa implantación quedarán reflectidos nunha acta. Se non houbese conformidade faranse constar os reparos de xeito pormenorizado e concederase un prazo proporcionado para a súa corrección.

A acta de conformidade da súa implantación implicará o permiso definitivo de iniciación das obras.

Antes da realización do acto de implantación das actuacións autorizadas, a persoa interesada deberá comunicarlle á Administración que outorgou a autorización e, no caso de que non coincidan, á Administración titular da estrada a identificación da persoa a que lle teña encomendada a dirección da actuación, cando non coincida coa persoa titular da autorización.

4. As obras executaranse segundo a documentación presentada e as condicións impostas na autorización, sen interromper nin dificultar, agás casos excepcionalmente autorizados, a circulación pola estrada e garantindo, en todo caso, a seguridade viaria.

5. Se a Administración titular da estrada ou a que outorgou a autorización apreciasen desviacións respecto da documentación presentada ou das condicións impostas na autorización, paralización inmediatamente as actuacións ata que se corrixan aquelas, segundo o previsto neste regulamento, sen prexuízo da tramitación do expediente de sanción que proceda.

6. Finalizadas as obras ou instalacións autorizadas, a Administración titular da estrada documentará a súa terminación, o seu estado e a súa conformidade cos termos da autorización. De ser o caso, faranse constar as obxeccións de xeito pormenorizado e concederase un prazo proporcionado para a súa corrección (artigo 49.3 LEG).

Para estes efectos, a persoa titular da autorización porase en contacto co persoal da Administración titular, conforme se indique na autorización, cunha antelación mínima de sete (7) días da data en que prevexa finalizar as obras ou instalacións.

No caso de autorizacións para realizar obras ou instalacións na zona de dominio público, a persoa titular estará obrigada a terlle entregado á Administración titular da estrada a documentación que recompile a información necesaria para coñecer de xeito detallado as características da obra executada, previamente á realización do acto de documentación da súa terminación, o seu estado e a súa conformidade cos termos da autorización.

7. A acta de conformidade implicará o permiso de uso das obras ou instalacións (artigo 49.3 LEG), no que á normativa sectorial de estradas se refire, e a reserva das demais licenzas e autorizacións necesarias.

Artigo 117. Responsabilidade e risco derivado

1. As obras de execución da actuación autorizada serán por conta da persoa titular da autorización, ao igual que as que con posterioridade á súa terminación sexa preciso realizar con motivo de modificacións na estrada, sen que por tal razón poida a persoa titular da autorización exixir o aboamento de ningunha indemnización.

2. A persoa titular da autorización deberá repor, ao seu cargo, os elementos do dominio público viario que resulten danados pola súa actuación, e restituiraos ás condicións anteriores. Igualmente, será responsable dos danos e perdas que ocasionen a terceiras persoas.

3. As autorizacións outorgadas para realizar obras, instalacións ou actividades na zona de dominio público exclúen o aboamento á persoa interesada de calquera indemnización por razón dos danos e perdas ocasionados pola explotación e polo uso da estrada, incluídos os causados polo tráfico ou por calquera obra realizada na estrada pola Administración titular desta, incluídas as de conservación. Neses casos, a reposición das obras e elementos amparados pola autorización será por conta da persoa interesada (artigo 49.6 LEG).

Artigo 118. Taxas

A tramitación dos expedientes de autorización, a publicación de anuncios no Diario Oficial de Galicia ou no boletín oficial da provincia correspondente, a inspección das obras e a confrontación dos proxectos, así como a ocupación, uso privativo ou aproveitamento especial do dominio público viario, devindicarán as correspondentes taxas, cando así o dispoña a normativa aplicable para cada unha delas.

Artigo 119. Garantías

1. A realización de calquera actuación no dominio público viario poderá requirir a constitución polas persoas interesadas da correspondente garantía por unha contía que será determinada pola Administración titular da estrada (artigo 51.1 LEG).

A constitución da antedita garantía tamén se poderá requirir no caso de actuacións realizadas nas zonas de protección da estrada, cando poidan afectar negativamente o dominio público viario.

Neses casos, na resolución de autorización resolverase sobre a exixencia de constitución da garantía e, de ser o caso, sobre a súa contía.

2. Para a súa determinación, a Administración titular terá en conta os seguintes criterios:

a) A valoración do importe que lle suporía a reparación dos danos ou perdas que, potencialmente, se lle puidesen provocar ao dominio público viario.

b) A gravidade das eventuais afeccións á explotación da estrada.

3. A contía da garantía exixida non poderá ser superior a cinco mil euros (5.000 €) por cada metro lineal que resulte da proxección ortogonal da planta da actuación sobre o eixe da estrada.

4. A garantía, que se manterá durante o prazo dun (1) ano desde a data da acta de conformidade, será independente das taxas que, con carácter xeral, se devindiquen pola tramitación do expediente da autorización e sen prexuízo das responsabilidades en que se puidese incorrer polo incumprimento das condicións establecidas naquela (artigo 51.2 LEG).

Transcorrido ese prazo sen que se apreciase desviación con respecto ás condicións das autorizacións nin se ocasionasen danos ou perdas ao dominio público viario, a Administración titular da estrada autorizará a devolución da garantía constituída.

5. No suposto de que as persoas interesadas ocasionaren danos ou perdas ao dominio público viario, a Administración titular da estrada incautará a garantía na contía equivalente aos ditos danos e perdas. En todo caso, a persoa interesada deberá indemnizar a Administración titular polos danos e perdas que excedan o importe da contía incautada (artigo 51.3 LEG).

6. Se a obra se deteriora ou arruína con posterioridade á expiración do prazo de garantía por vicios ocultos da construción, a persoa titular da autorización responderá dos danos e perdas ocasionados durante o prazo de vinte (20) anos contados desde a data da acta de conformidade (artigo 51.4 LEG).

Artigo 120. Modificación ou suspensión de autorizacións

1. A Administración titular da estrada poderá, en calquera momento, modificar ou suspender temporal ou definitivamente a autorización nos casos seguintes:

a) Cando a actuación produza danos no dominio público viario.

b) Por incumprimento das condicións da autorización.

c) Por pór en risco a seguridade viaria.

d) Cando se alteren os supostos determinantes do seu outorgamento.

e) Cando resulte incompatible con normas aprobadas con posterioridade.

(Artigo 50.1 LEG)

2. A suspensión ou modificación das autorizacións outorgadas non dará lugar a indemnización, por constituír unha manifestación da potestade de ordenación do dominio público viario, agás no caso de que a persoa interesada non teña a obriga xurídica de soportar o dano, segundo o réxime de responsabilidade da Administración previsto na lexislación de réxime xurídico das administracións públicas.

Sección 2ª. Condicións particulares

Subsección 1ª. Cultivos, plantacións e movementos de terra

Artigo 121. Cultivos agrícolas

Os cultivos e outros labores agrícolas só se permitirán fóra da zona de dominio público e non requirirán de autorización previa cando non modifiquen a topografía do terreo sobre o cal se realicen.

Artigo 122. Plantacións e cortas de arboredo

1. As plantacións de árbores só se autorizarán fóra da zona de dominio público, sempre que se sitúen a unha distancia da liña exterior da zona de dominio público, medida horizontal e ortogonalmente desde ela, superior a catro metros (4 m), cando se empreguen as especies frondosas a que fai referencia a lexislación de montes de Galicia, e a dez metros (10 m) no resto das especies.

2. As cortas de arboredo só se autorizarán fóra da zona de dominio público, cando non prexudiquen a estrada por variar o curso das augas ou producir inestabilidade nos noiros.

3. Só se autorizarán cortas ou plantacións de árbores, en todo caso, cando non resulten diminuídas as condicións de visibilidade ou de seguridade.

Artigo 123. Instalacións agrícolas de rega por aspersión

As instalacións agrícolas de rega por aspersión, tanto se son móbiles como fixas, situaranse sempre fóra da zona de dominio público e da zona de servidume, e a unha distancia suficiente para garantir que non afecten negativamente a estrada, os seus elementos funcionais ou a seguridade viaria. Cando sexan móbiles, non sobrevoarán a zona de dominio público nin a zona de servidume.

As augas procedentes da rega por aspersión non afectarán negativamente en ningún caso a estrada, os seus elementos funcionais ou a seguridade viaria, para o que deberán adoptarse as medidas necesarias por parte da persoa titular da instalación para evitar eses efectos.

Artigo 124. Movementos de terra e explanacións e depósitos

1. Os movementos de terras e explanacións de finalidade e volume superior ao propio de actividades agrícolas serán autorizables fóra da zona de dominio público, sempre que non prexudiquen a estabilidade da estrada ou a súa explotación, por modificación do curso das augas, redución da visibilidade ou calquera outro motivo.

2. Os depósitos provisionais de materiais ou maquinaria, asociados a actividades de interese ou uso público, poderanse autorizar na zona de dominio público, sempre que se sitúen fóra da calzada e das súas beiravías, non teñan fins lucrativos e non inflúan negativamente na seguridade viaria.

O resto de depósitos provisionais ou permanentes de materiais ou maquinaria só se poderán autorizar fóra da zona de dominio público e da zona de servidume, cando non prexudiquen a integridade da estrada, a seguridade viaria ou a súa adecuada explotación.

3. Na autorización de movementos de terra e explanacións imporase a condición de que se adopten as medidas necesarias para que, en ningún caso, as augas da escorremento da zona vertan á zona de dominio público viario, para o que, no caso de recheos ou terrapléns, a rasante final do terreo na liña exterior da zona de dominio público deberá quedar a unha cota inferior, cando menos en cincuenta centímetros (50 cm), á da aresta exterior da calzada.

Artigo 125. Vertedoiros

Os vertedoiros de refugallos, sen prexuízo doutras prescricións legais, non se autorizarán na zona de dominio público nin nas zonas de protección das estradas.

Artigo 126. Muros de sostemento

Entre a estrada e a liña límite de edificación non será autorizable a construción, reconstrución ou ampliación de muros de sostemento, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Excepcionalmente, no caso de que se xustifique tecnicamente que sexan necesarios para o sostemento de noiros ou ladeiras, poderanse autorizar muros de sostemento, sempre que se sitúen fóra das zonas de dominio público e de servidume.

Subsección 2ª. Accesos

Artigo 127. Concepto de acceso

1. Considéranse accesos ás estradas ou ás súas vías de servizo todas aquelas entradas e saídas de vehículos a elas en que a súa incorporación á ou desde a calzada se produce sen empregar as conexións da estrada con outras vías públicas que teñan a consideración de estradas ou de vías de servizo.

Teñen a consideración de accesos ás estradas ou ás súas vías de servizo os das actuacións urbanísticas, os das vías urbanas e camiños públicos, os das instalacións de servizos e os das leiras e predios lindeiros.

2. Non terán a consideración de accesos as conexións que teñen lugar, mediante interseccións ou enlaces, entre a estrada e outras vías públicas que teñan a consideración de estradas, da mesma ou de distinta titularidade, ou coas súas propias áreas ou vías de servizo.

As conexións a que se refire este número rexeranse polo indicado na normativa aplicable ao deseño de estradas e, no caso de conexións con outras vías públicas que teñan a consideración de estradas, de distinta titularidade, requirirán a emisión dun informe vinculante por parte da Administración titular da estrada na cal se pretenda realizar a conexión. O antedito informe poderá ser, segundo o caso, o correspondente ao trámite de informe das administracións públicas afectadas, para a tramitación de estudo ou proxecto que a deseñe, ou o informe en materia de estradas sobre o planeamento urbanístico que a planifique.

3. Para os efectos de regular os accesos ás estradas, aos camiños privados aplicaránselle as mesmas condicións que aos predios lindeiros.

Artigo 128. Limitación e ordenación de accesos

1. A Administración titular da rede poderá limitar e ordenar os accesos ás estradas e establecer, con carácter obrigatorio, os lugares e as condicións en que tales accesos se poidan construír, atendendo á normativa vixente e aplicando criterios de intensidade de tráfico, seguridade viaria e funcionalidade e explotación da estrada. En todo caso, será prioritario o emprego de accesos existentes (artigo 52 LEG), restrinxindo ao máximo a creación de novos accesos.

Poderán establecerse igualmente as limitacións de deseño que xustificadamente se consideren convenientes, incluída a necesidade de que a execución dos accesos se realice a distinto nivel.

2. Os estudos e proxectos de estradas planificarán a ordenación dos accesos nas súas marxes, favorecendo a súa concentración a través de vías de servizo conectadas preferentemente coas estradas a través de interseccións ou enlaces.

3. Non se autorizarán accesos das propiedades lindeiras ás autoestradas, autovías e vías para automóbiles, nin a todas aquelas estradas convencionais, ou treitos delas, que fosen deseñadas con limitación de accesos.

4. Nas estradas convencionais e nas súas vías de servizo, só se autorizarán accesos das propiedades lindeiras cando se cumpra algunha das seguintes condicións:

a) Que o acceso sexa de interese público por estar vinculado a bens, instalacións ou servizos de carácter igualmente público.

b) Que se xustifique que non existe a posibilidade de acceso a calquera outra vía pública.

5. Están suxeitos ao deber de obter a correspondente autorización previa por parte da Administración titular da estrada os seguintes supostos:

a) O establecemento dun novo acceso.

b) O cambio de uso dun acceso existente.

c) A reordenación dun acceso existente como consecuencia da solicitude dun novo acceso que a faga precisa.

6. O uso dun acceso autorizado non implicará exclusividade en ningún caso, e a Administración titular da estrada poderá as limitacións de uso e condicionamentos que considere necesarios para o interese público e a seguridade viaria, incluída a compatibilidade ou extensión do uso a outras persoas usuarias.

7. A modificación da sinalización horizontal e vertical por razóns de seguridade viaria non ten a consideración de limitación ou ordenación de accesos, e poderaa realizar directamente a Administración titular da estrada cando as citadas razóns o fagan necesario.

Nese sentido, a autorización de acceso só se referirá aos movementos que se realicen no sentido de circulación da marxe en que se sitúe aquel. En ningún caso xerará dereito ningún para realizar movementos de cruzamento ou xiro á esquerda con respecto á estrada ou vía de servizo, que serán regulados pola Administración titular segundo a normativa vixente en materia de sinalización viaria.

8. A Administración titular da estrada poderá exixir a modificación dun acceso nos casos previstos para a modificación ou suspensión de autorizacións, con carácter xeral, na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento.

En concreto, poderá exixir a ampliación, mellora ou modificación dun acceso na forma que proceda a cargo da súa persoa titular, cando non se adapte á normativa vixente en cada momento, ou cando o incremento do tráfico, no acceso ou na estrada, ou outras circunstancias que afecten a seguridade viaria, así o xustifiquen.

9. Os elementos funcionais das estradas, constituídos por espazos e instalacións destinados a ordenar, mellorar ou regularizar o sistema xeral de transportes e comunicacións, poderán ter acceso ás estradas das que teñen tal consideración, nas condicións en que así o regule a consellería competente en materia de estradas.

10. As autorizacións de acceso non estarán sometidas ás limitacións de prazo máximo establecidas na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento, con carácter xeral, para a autorización de actuacións na zona de dominio público.

11. As autorizacións de acceso serán independentes das autorizacións correspondentes ás edificacións, urbanizacións ou instalacións que se executen ou se pretendan executar nos predios situados nas marxes das estradas e vías de servizo.

Artigo 129. Efectos das autorizacións de acceso

1. As obras dos accesos realizaranse por conta da persoa titular da autorización e segundo a documentación presentada e as condicións establecidas na correspondente autorización da Administración titular da estrada.

No caso de que as obras puidesen afectar a estrutura da estrada, a súa Administración titular poderá optar pola execución directa da parte das obras que lle puidesen afectar, a cargo da persoa solicitante.

2. Incorporaranse ao dominio público viario os elementos do novo acceso que se sitúen sobre a zona de dominio público.

Tamén se incorporarán ao dominio público viario os enlaces, interseccións, glorietas, pasos inferiores e superiores, vías de servizo, elementos de cambio de velocidade e aqueloutras ampliacións da plataforma da estrada ou vía de servizo orixinal que se executen como parte do proxecto do acceso, así como todos os terreos sobre os cales se sitúen todos eses elementos, aínda no caso de que pertencesen ou fosen adquiridos pola persoa solicitante da autorización para executar o acceso.

A cesión dos elementos e terreos formalizarase mediante a sinatura dunha acta para tal efecto. A sinatura da antedita acta será requisito previo para a realización do acto en que se documentará a terminación das obras do acceso, o seu estado e a súa conformidade cos termos da autorización.

3. A conservación e mantemento do acceso, incluso na parte incorporada ao dominio público viario, corresponderalle á persoa titular da autorización.

No caso de que as condicións de mantemento de certos elementos do acceso puidesen afectar as propias da estrada, a súa Administración titular poderá asumir o mantemento deses elementos a cargo da persoa titular da autorización.

Artigo 130. Condicións dos accesos

A consellería competente en materia de estradas regulará as condicións de visibilidade, intensidade de tráfico, distancias de seguridade, deseño do acceso ou outras en que se poderán autorizar os accesos ás estradas e ás súas vías de servizo. En todo caso, deberán verificarse, cando menos, as condicións seguintes:

a) Por restrición de acceso: non se autorizará o acceso ás estradas convencionais nas cales se teñan restrinxido os seus accesos mediante, por exemplo, a disposición de valado perimetral nas súas marxes.

b) Pola existencia de vías de servizo: se un treito de estrada está dotado de vías de servizo, non se disporán accesos á calzada principal, utilizando para iso as vías de servizo.

c) Pola existencia de acceso alternativo: non se autorizará o acceso a estradas convencionais ou vías de servizo de titularidade autonómica ou provincial cando exista a posibilidade dun acceso alternativo á rede viaria a través de calquera outra vía pública de titularidade dunha Administración de ámbito territorial máis restrinxido.

d) Por razón de visibilidade, non se autorizará ningún acceso no que non se cumpran, simultaneamente, as seguintes condicións:

1º. Todo acceso deberá dispor dunha visibilidade na estrada superior á distancia de parada para o carril e sentido de circulación da marxe en que se sitúa.

2º. No treito da estrada definido pola distancia de parada existirá plena visibilidade para calquera vehículo situado no acceso, a unha distancia de tres metros (3 m) do bordo exterior da beiravía.

Artigo 131. Prohibicións de cruzamentos e xiros á esquerda a nivel

1. Os accesos, agás que se resolvan a distinto nivel, só poderán servir ao tráfico que circula polo carril contiguo da estrada e non se permitirán cruzamentos ou xiros á esquerda a nivel para entrar ou saír do acceso nos seguintes casos:

a) Nos accesos desde actuacións urbanísticas, vías urbanas e camiños públicos a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a dez mil (10.000) vehículos ao día.

b) Nos accesos desde actuacións urbanísticas, vías urbanas e camiños públicos a treitos das estradas convencionais que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a cinco mil (5.000) vehículos ao día e non dispoñan de carrís centrais de espera en que realizar eses movementos.

c) Nos accesos desde instalacións de servizo a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a dez mil (10.000) vehículos ao día.

d) Nos accesos desde instalacións de servizo a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a sete mil cincocentos (7.500) vehículos ao día.

e) Nos accesos desde vivendas unifamiliares ou predios agrícolas a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a quince mil (15.000) vehículos ao día.

f) Nos accesos desde vivendas unifamiliares ou predios agrícolas a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a dez mil (10.000) vehículos ao día.

g) Nos accesos desde propiedades de uso residencial distintas das vivendas unifamiliares a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a quince mil (15.000) vehículos ao día.

h) Nos accesos desde propiedades de uso residencial distintas das vivendas unifamiliares a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a sete mil cincocentos (7.500) vehículos ao día.

i) Nos accesos desde o resto de propiedades non incluídas noutras letras deste número a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a dez mil (10.000) vehículos ao día.

j) Nos accesos desde o resto de propiedades non incluídas noutras letras deste número a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a sete mil cincocentos (7.500) vehículos ao día.

2. Nos accesos que presenten unha intensidade de tráfico inferior ás indicadas para o seu caso no número anterior, e agás que se resolvan a distinto nivel, poderase permitir o cruzamento dun carril da estrada ou vía de servizo para saír do acceso, e prohibirase o xiro á esquerda a nivel para entrar nel, nos seguintes casos:

a) Nos accesos desde instalacións de servizo a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a cinco mil (5.000) vehículos ao día.

b) Nos accesos desde instalacións de servizo a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a tres mil (3.000) vehículos ao día.

c) Nos accesos desde vivendas unifamiliares ou predios agrícolas a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a sete mil cincocentos (7.500) vehículos ao día.

d) Nos accesos desde vivendas unifamiliares ou predios agrícolas a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a cinco mil (5.000) vehículos ao día.

e) Nos accesos desde propiedades de uso residencial distintas das vivendas unifamiliares a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a sete mil cincocentos (7.500) vehículos ao día.

f) Nos accesos desde propiedades de uso residencial distintas das vivendas unifamiliares a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a tres mil (3.000) vehículos ao día.

g) Nos accesos desde o resto de propiedades non incluídas noutras letras deste número a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a cinco mil (5.000) vehículos ao día.

h) Nos accesos desde o resto de propiedades non incluídas noutras letras deste número a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a tres mil (3.000) vehículos ao día.

3. Nos accesos que presenten unhas intensidades de tráfico inferiores ás indicadas para o seu caso nos números anteriores poderase permitir o cruzamento dun carril da estrada ou vía de servizo, para entrar e saír do acceso.

4. Cando se superen os límites de intensidade media diaria de circulación de vehículos establecidos nos números anteriores, suprimiranse os cruzamentos ou xiros á esquerda a nivel das estradas ou vías de servizo sen que isto lle dea dereito a ningunha indemnización por parte da Administración ás persoas titulares das autorizacións do acceso.

Artigo 132. Reordenación de accesos

1. A ordenación ou reposición dos accesos poderase realizar:

a) Mediante os proxectos de construción, xerais ou específicos, para tal fin, promovidos pola Administración titular da estrada e tramitados segundo o previsto na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento.

b) Como consecuencia da solicitude dun novo acceso cuxa autorización faga precisa a reordenación doutros accesos existentes, autorizados á persoa solicitante ou a outras. Neste caso, só se poderá empregar a figura da expropiación forzosa cando o novo acceso sexa declarado de utilidade pública ou interese social.

2. A titularidade dos accesos repostos corresponderá á súa persoa titular orixinal.

3. Finalizada a ordenación ou reposición dos accesos, por calquera das causas previstas neste artigo, comprobarase a súa finalización e estado por parte da Administración titular da estrada e das persoas titulares dos accesos ordenados ou repostos.

Para estes efectos, a Administración titular da estrada outorgaralles ás persoas titulares dos accesos ordenados ou repostos trámite de audiencia por un prazo de tres (3) días para que fagan constar os reparos de xeito pormenorizado e, de ser o caso, concederase un prazo proporcionado para a súa corrección.

A realización e contido do acto de comprobación quedará reflectido nunha acta.

A acta de comprobación implicará a autorización para a apertura ao uso dos accesos ordenados ou repostos, e a asunción definitiva da súa titularidade, así como das responsabilidades derivadas do seu funcionamento, mantemento, conservación e explotación, por parte da persoa que fose a súa titular orixinaria.

4. No suposto en que os proxectos prevexan a construción de camiños de servizo para ordenar ou unificar accesos, unha vez postos en uso, a súa titularidade, conservación e mantemento corresponderanlles ás persoas beneficiarias a que serven.

5. Cando a Administración titular da estrada promova proxectos de construción, xerais ou específicos, de reordenación de accesos, poderá repor accesos constituíndo, mediante expropiación, servidume de paso a través de terreos de titularidade doutras persoas.

Subsección 3ª. Edificacións, urbanizacións e instalacións

Artigo 133. Edificacións e outras estruturas

Entre a estrada e a liña límite de edificación non será autorizable a construción, reconstrución ou ampliación de edificacións e outras estruturas, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Artigo 134. Obras subterráneas

1. As obras subterráneas non se autorizarán nas zonas de dominio público e de servidume.

2. Entre a estrada e a liña límite de edificación non se autorizarán as obras subterráneas que supoñan unha construción por debaixo da rasante do terreo, tales como garaxes, almacéns, piscinas, obras que formen parte de instalacións industriais e outras similares.

Artigo 135. Peches

1. Os peches novos e a reposición dos existentes, como consecuencia da súa deterioro, serán autorizables nos seguintes supostos:

a) Completamente diáfanos, sobre piquetes sen cimentación de obra de fábrica, por circunstancias especiais de aproveitamento agrícola ou gandeiro debidamente acreditadas, a partir da liña exterior da zona de dominio público.

b) Diáfanos, nos cales se admitirá un zócolo opaco que non sobresaia máis de corenta centímetros (40 cm) da rasante do terreo, ou arbustivos de menos de cento vinte centímetros (120 cm) de altura, a partir da liña de delimitación exterior da zona de servidume.

c) Non diáfanos ou peches de obra de fábrica, máis separados da estrada que a liña límite de edificación.

2. Os peches completamente diáfanos e os diáfanos non arbustivos estarán constituídos por unha malla metálica, que poderá estar plastificada, cunha apertura mínima de tres centímetros (3 cm) e un diámetro dos arames non superior a tres milímetros (3 mm).

No caso de peches completamente diáfanos, por circunstancias especiais de aproveitamento gandeiro, admitiranse diámetros dos arames non superiores a dez milímetros (10 mm), cando, nese caso, a apertura mínima da malla sexa de dez centímetros (10 cm).

Artigo 136. Urbanizacións

1. Nas urbanizacións contiguas á estrada non se autorizará a construción, reconstrución ou ampliación de edificacións e outras estruturas, por encima ou por debaixo da rasante do terreo, entre a estrada e a liña límite de edificación.

2. A partir da liña de delimitación exterior da zona de servidume poderán autorizarse vías, aparcamentos, illotes e zonas axardinadas.

3. Na zona de servidume só se autorizarán as obras imprescindibles para o acceso á urbanización e, excepcionalmente, vías, aparcamentos, illotes e zonas axardinadas de uso público.

Artigo 137. Parcelacións e segregacións

As parcelacións e segregacións de parcelas lindeiras coas estradas só se poderán autorizar cando o acceso rodado de todas as novas parcelas xeradas se resolva a través doutras vías distintas das estradas.

Artigo 138. Elementos, obras, actuacións e instalacións das administracións públicas

Poderán autorizarse, fóra da calzada e das beiravías, os elementos, obras, actuacións e instalacións necesarios para que as administracións públicas poidan exercer as súas competencias, tales como mobiliario urbano, axardinamentos, iluminación pública, recollida de residuos, transporte público, infraestruturas de transporte ou outros análogos, cando pola súa natureza ou funcionalidade non poidan ter outra colocación.

Artigo 139. Instalacións industriais, canteiras e explotacións agrícolas e gandeiras

As instalacións industriais, canteiras e explotacións agrícolas e gandeiras deberán cumprir as condicións que se lles requiren ás actuacións de urbanización e as que, en cada caso, lles sexan exixibles segundo as súas respectivas características, e serán autorizables na zona de afección, sen prexuízo do previsto neste regulamento para o caso dos cultivos agrícolas.

En consecuencia, as actuacións autorizables en cada unha das zonas de protección da estrada serán as permitidas para os distintos tipos de obras que constitúen as actuacións de urbanización, segundo este regulamento.

A Administración titular da estrada, nas condicións que considere oportunas para a súa correcta explotación, deberá precisar na correspondente autorización as disposicións para evitar ou diminuír as molestias e perigos que a actuación puidese ocasionar á explotación da estrada ou o posible impacto para a paisaxe visible desde ela, e impor as condicións adicionais oportunas, en caso de considerar insuficientes as medidas correctoras previstas no estudo presentado coa solicitude.

Artigo 140. Instalacións deportivas ao aire libre

Poderán autorizarse instalacións deportivas ao aire libre na zona de afección, sempre e cando dispoñan dun valado ou malla de seguridade que impida a posible caída de obxectos á estrada, coas limitacións previstas neste regulamento en relación coas edificacións e outras estruturas.

Artigo 141. Estacións de servizo

Os depósitos subterráneos, surtidores de aprovisionamento e marquesiñas das estacións de servizo só serán autorizables cando se sitúen máis separados da estrada que a liña límite de edificación.

Artigo 142. Estruturas verticais e instalacións de iluminación

1. As torres de telecomunicacións, xeradores eólicos, silos ou calquera outro tipo de estrutura en que predomine a dimensión vertical sobre o resto situaranse máis separadas da estrada que a liña límite de edificación e a unha distancia da calzada non inferior á súa altura.

2. As instalacións de iluminación, polas súas características ou luminosidade, vistas desde calquera punto da calzada ou das beiravías da estrada, non poderán producir cegamento ou distracción ás súas persoas usuarias, confusión cos sinais de circulación nin calquera outro efecto negativo sobre a seguridade viaria.

Ademais, cando se trate de instalacións de iluminación de titularidade privada, deberán situarse máis separadas da estrada que a liña límite de edificación e, de ser o caso, a unha distancia da calzada non inferior á altura dos postes.

Artigo 143. Edificacións, instalacións e peches preexistentes

1. Nas edificacións, instalacións e peches preexistentes na zona comprendida entre a liña exterior de delimitación da calzada da estrada e a liña límite de edificación poderanse autorizar, no que á lexislación sectorial en materia de estradas se refire, e sempre que quede garantida a seguridade viaria na estrada e nos seus accesos e non se produza cambio de uso nin incremento de volume edificado, por encima ou por debaixo da rasante do terreo:

a) Con carácter xeral, as obras de mantemento, conservación e rehabilitación.

b) Excepcionalmente, obras de rehabilitación estrutural, naqueles supostos de interese público ou social, así cualificados.

(Disp. adic. 1ª.1 LEG)

2. As edificacións, instalacións e peches preexistentes que se vexan afectados por obras de reforma da estrada e que conten con autorización, sempre que lles for exixible, poderán ser repostos, pola súa persoa propietaria ou pola Administración titular da actuación, coas mesmas características que tivesen e, en todo caso, fóra da zona de dominio público (disp. adic. 1ª.2 LEG).

Artigo 144. Cambio de uso

O cambio de uso de edificacións, urbanizacións e instalacións existentes requirirá a autorización previa da Administración titular da estrada, que comprobará a súa compatibilidade e, de ser o caso, a do seu acceso, coa regulación aplicable ao novo uso.

Artigo 145. Demolicións

As demolicións serán autorizables sempre e cando se adopten as medidas necesarias para manter a seguridade viaria.

Subsección 4ª. Redes e infraestruturas de servizos públicos

Artigo 146. Redes e infraestruturas aéreas

1. Os apoios das redes e infraestruturas aéreas fixaranse máis separados da estrada que a liña límite de edificación e a unha distancia da calzada non inferior á altura dos postes.

2. Excepcionalmente, poderán autorizase, en estradas convencionais e elementos funcionais, fóra dos treitos urbanos e sempre que non se trate de apoios de redes eléctricas de alta tensión:

a) A localización máis próxima á estrada que a liña límite de edificación, incluso dentro da zona de dominio público, dos apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos, cando sexan empregados de xeito compartido coa rede de iluminación pública.

b) A instalación fóra da explanación da estrada e dos seus elementos funcionais dos apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos, cando polas condicións orográficas do terreo resulta tecnicamente inviable retiralos a maior distancia. Neste caso, a distancia entre o apoio e a calzada non será inferior á altura dos postes.

3. Na explanación da estrada e dos seus elementos funcionais só se poderán autorizar os cruzamentos aéreos que sexan imprescindibles para dar continuidade ás redes e infraestruturas de servizos públicos ou para conectarse a eles.

4. As instalacións aéreas que constitúan parte integrante de industrias ou establecementos só serán autorizables cando se sitúen máis separados da estrada que a liña límite de edificación, agás as imprescindibles para conectar coas redes e infraestruturas de servizos públicos.

5. Nos cruzamentos aéreos sobre a calzada ás súas beiravías, a altura mínima sobre a rasante será a fixada na normativa específica e, como mínimo, a establecida na normativa de trazado de estradas.

Artigo 147. Canalizacións subterráneas

1. As conducións subterráneas lonxitudinais poderanse autorizar:

a) Fóra da explanación da estrada e dos seus elementos funcionais, cando se correspondan con redes e infraestruturas de servizos públicos.

b) Fóra das zonas de dominio público e de servidume.

2. Excepcionalmente, na explanación da estrada e dos seus elementos funcionais só se poderán autorizar, preferentemente, fóra da calzada e, cando sexa posible, tamén das súas beiravías, conducións subterráneas lonxitudinais correspondentes a redes e infraestruturas de servizos públicos, cando se xustifique debidamente que polas condicións extremadamente dificultosas da orografía do terreo, ou pola súa condición urbana, non existe outra solución tecnicamente viable, ou cando se trate da reposición de conducións afectadas polas obras de estradas.

3. As conducións subterráneas que constitúan parte integrante de industrias ou establecementos só serán autorizables cando se sitúen fóra das zonas de dominio público e servidume, agás as imprescindibles para conectar coas redes e infraestruturas de servizos públicos.

4. As conducións autorizadas non poderán prexudicar en forma ningunha o comportamento resistente e funcional do firme da estrada nin o bo funcionamento e desaugamento dos seus sistemas e elementos de drenaxe superficial e profundo.

Artigo 148. Cruzamentos subterráneos

1. Serán autorizables os cruzamentos subterráneos que sexan imprescindibles para dar continuidade ás redes e infraestruturas de servizos públicos ou para conectarse a eles.

2. As obras dos cruzamentos subterráneos executaranse de forma que produzan as menores perturbacións posibles á circulación, repondo en perfectas condicións o firme e pavimento da estrada, e terán a debida protección para soportar sen deformacións nin avarías as cargas transmitidas polo tránsito de vehículos. A antedita protección situarase de tal xeito que a profundidade da súa parte superior non sexa inferior, en ningún punto, a oitenta centímetros (80 cm) por debaixo da rasante do pavimento e permitirá, ademais, a reparación ou substitución do treito de condución, sen afectar en forma ningunha a plataforma da estrada.

3. Non se autorizarán cruzamentos a ceo aberto en autoestradas, autovías, vías para automóbiles e estradas urbanas de alta capacidade, nin no resto de estradas convencionais con intensidade media diaria de circulación superior a tres mil (3.000) vehículos ou que teñan sido construídas ou reparadas dentro dos tres (3) anos anteriores á solicitude da autorización.

Nos casos anteriores, o cruzamento deberase efectuar mediante mina, túnel ou perforación mecánica subterránea.

Tamén se poderán empregar para o cruzamento as obras de paso ou desaugamento da estrada, sempre que se garanta o adecuado mantemento das súas condicións funcionais, estruturais e, de ser o caso, hidráulicas.

4. Os cruzamentos subterráneos que constitúan parte integrante de industrias ou establecementos só serán autorizables cando resulten imprescindibles para conectar coas redes e infraestruturas de servizos públicos.

5. Os cruzamentos autorizados non poderán prexudicar en forma ningunha o comportamento resistente e funcional do firme da estrada nin o bo funcionamento e desaugamento dos seus sistemas e elementos de drenaxe superficial e profundo.

Subsección 5ª. Obras de paso

Artigo 149. Pasos inferiores

A cota mínima de resgardo entre a parte superior da obra de paso e a rasante da estrada será fixada na autorización.

As características da estrutura terán en conta a posibilidade de ampliación ou variación da estrada, segundo o previsto nos estudos informativos, anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción aprobados definitivamente.

Artigo 150. Pasos superiores

1. No caso de pasos superiores promovidos por particulares, os estribos da estrutura quedarán fóra da zona de dominio público, agás autorización expresa da Administración titular da estrada.

En estradas de calzadas separadas poderanse situar apoios na mediana, sempre que a largura desta sexa suficiente para que non representen un perigo para a circulación, a distancia do punto máis próximo dos apoios á aresta exterior da calzada non resulte inferior a un metro (1 m) e non requiran rectificar a aliñación dos sistemas de contención de vehículos existentes nela.

En todo caso, se fose necesario adaptar, substituír ou reforzar os sistemas de contención de vehículos existentes na estrada, as actuacións necesarias serán á conta da persoa interesada.

2. A altura sobre a calzada e as beiravías, tanto durante a execución da obra como na situación definitiva, será a fixada pola normativa de trazado de estradas.

3. As características da estrutura terán en conta a posibilidade de ampliación ou variación da estrada, segundo o previsto nos estudos informativos, anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción aprobados definitivamente.

4. Unha vez executadas as obras, o paso superior non poderá ser posto en servizo sen que se teña formalizada a correspondente acta na cal a Administración titular da estrada documente a súa terminación, estado e conformidade cos termos da autorización, deixando constancia expresa do resultado das probas de carga e, de ser o caso, dos reparos observados e do prazo fixado para a súa corrección.

Co levantamento da acta de conformidade, a persoa titular do paso superior poderao pór en servizo, logo de comunicación á Administración titular da estrada, cunha antelación mínima de sete (7) días da data que prevexa para a dita operación.

Subsección 6ª. Instalacións provisionais

Artigo 151. Instalacións provisionais

Na calzada, e nas súas beiravías, só se poderán autorizar aquelas instalacións provisionais, cun prazo fixado, asociadas a actividades de interese ou uso público, como festas ou feiras tradicionais, actividades deportivas ou similares.

Subsección 7ª. Publicidade

Artigo 152. Restricións

1. Fóra dos treitos urbanos, queda prohibida a colocación, fixa ou provisional, de carteis ou outros elementos publicitarios que sexan visibles desde a zona de dominio público da estrada, sen que esta prohibición poida dar dereito a indemnización (artigo 53.1 LEG).

2. Entenderase por visible desde a zona de dominio público da estrada toda instalación publicitaria cuxa dimensión maior sexa superior ao cinco (5) por mil da súa distancia á aresta exterior da calzada e se oriente cara á estrada sen obstáculos visuais fixos interpostos.

3. Nos treitos urbanos a disposición de publicidade estará sometida ás ordenanzas municipais, e deberá situarse fóra da zona de dominio público e non interferir nin afectar a sinalización, a iluminación ou o balizamento da estrada (artigo 53.2 LEG).

Artigo 153. Casos que non teñen a consideración de publicidade

Para os efectos da lexislación de estradas de Galicia e deste regulamento, non teñen a consideración de publicidade:

a) Os carteis informativos instalados ou autorizados pola Administración titular da estrada. Para estes efectos, considéranse carteis informativos:

1º. Os sinais e carteis de circulación e os seus paneis complementarios.

2º. A sinalización turística oficial de lugares, sitios e paisaxes de interese natural ou cultural.

3º. Os que sinalicen instalacións de carácter público vinculadas ao sistema de transporte.

4º. Os que se refiran a actividades ou obras que afecten a estrada ou informen sobre o estado da vía e demais circunstancias relacionadas co tráfico.

5º. Os que informen da estación de servizo máis próxima e sobre os prezos dos produtos enerxéticos naquela e nas inmediatamente posteriores.

b) Os rótulos dos establecementos mercantís ou industriais que sexan indicativos da súa actividade, sempre que se sitúen nos edificios ou terreos en que aqueles desenvolvan a súa actividade, máis separados da estrada que a liña límite de edificación e a unha distancia da calzada non inferior á súa altura, e non inclúan comunicación adicional tendente a promover a contratación de bens ou servizos.

c) Os anuncios de espectáculos, celebracións ou probas culturais, deportivas ou similares, debidamente autorizados e que se desenvolvan na propia estrada, sempre que a súa celebración sexa ocasional, non se coloquen, en ningún caso, nos soportes da sinalización vertical da estrada ou interferindo con ela e sexan retirados pola persoa titular da autorización inmediatamente despois de finalizar o acontecemento anunciado.

d) Os rótulos que figuren sobre os vehículos automóbiles e que se refiran exclusivamente á actividade das persoas que os empreguen, ou á carga que transporten, sempre que non empreguen substancias reflectoras, cores ou composicións que poidan inducir á confusión con sinais de tráfico ou circulación ou que poidan obstaculizar o tráfico rodado.

(Artigo 53.3 LEG)

Artigo 154. Condicións de colocación e revogación

1. Para ser autorizables, os carteis informativos e o resto de elementos indicados nesta subsección, polas súas características ou luminosidade, vistos desde calquera punto da calzada ou das beiravías da estrada, non poderán producir cegamento ou distracción ás súas persoas usuarias, confusión coas sinais de circulación nin calquera outro efecto negativo sobre a seguridade viaria.

Ademais, os carteis informativos instalados ou autorizados pola Administración titular da estrada deberán cumprir coa normativa básica en materia de sinalización viaria e, no caso da sinalización turística oficial de lugares, sitios e paisaxes de interese natural ou cultural, deberán cumprir tamén coa normativa autonómica na materia.

2. Os carteis informativos e o resto de elementos autorizables nas condicións fixadas nesta subsección serán colocados polas persoas interesadas, logo de autorización do órgano competente, e correrán ao cargo daquelas a súa instalación, conservación e mantemento en perfectas condicións estéticas e de estabilidade e, de ser o caso, retirada.

Non requirirán autorización os rótulos que figuren sobre os vehículos automóbiles e cumpran as condicións establecidas na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento.

3. A autorización poderá ser revogada, sen dereito a indemnización, logo de audiencia á persoa interesada, en caso de mala conservación, cesamento de actividade, por razóns de seguridade viaria ou por prexudicar a explotación da estrada.

A revogación farase por resolución motivada e concederase un prazo proporcionado ás circunstancias do caso para a retirada de todos os elementos obxecto de revogación. Sen prexuízo das medidas de protección da legalidade e das sancións previstas na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento, transcorrido o prazo fixado sen que a persoa interesada retirase os elementos obxecto de revogación, a Administración que outorgou a autorización levará a cabo a retirada por conta daquela.

Sección 3ª. Procedemento

Subsección 1ª. Consulta previa sobre a viabilidade de autorizacións

Artigo 155. Consulta previa sobre a viabilidade de autorizacións

1. Con carácter previo á solicitude de autorización, as persoas interesadas poderán consultar o órgano a que lle corresponda outorgar a autorización sobre a viabilidade da actuación pretendida, así como obter información e orientación verbo dos requisitos técnicos e xurídicos que as disposicións vixentes lle impoñan (artigo 48.3 LEG).

2. Para esta consulta previa, cuxa natureza debe ser expresamente indicada na solicitude presentada pola persoa interesada, non será necesaria a presentación do proxecto, e bastará unha descrición e representación gráfica suficientemente precisas da actuación que se pretende realizar, e os datos necesarios para a súa correcta localización, así como os datos requiridos de xeito xenérico para as solicitudes de iniciación por instancia de parte na lexislación en materia de procedemento administrativo.

3. O informe derivado da consulta previa deberá notificarse no prazo de seis (6) meses contados desde o día seguinte ao da entrada da consulta no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

4. Os informes derivados de consultas previas teñen unha validez dun (1) ano, sempre e cando non se modifiquen as condicións da estrada pola aprobación ou modificación do Plan director de estradas de Galicia, do plan sectorial de estradas da Administración titular, dun estudo ou proxecto específico ou, de ser o caso, de calquera alteración significativa nos terreos en que se pretenda levar a cabo a actuación, circunstancias, todas elas, que o deixarán sen efecto.

Subsección 8ª. Procedemento para a tramitación das solicitudes de autorización

Artigo 156. Iniciación

1. Os procedementos de outorgamento de autorizacións iniciaranse por solicitude da persoa interesada e tramitaranse consonte o disposto na lexislación en materia de procedemento administrativo, agás no expresamente regulado na lexislación de estradas de Galicia ou neste regulamento (artigo 48.1 LEG).

2. Para os efectos do outorgamento de autorizacións, entenderase por persoa interesada a titular ou promotora das obras, instalacións ou actividades, ou ben a persoa titular dos terreos en que se executen ou realicen.

3. A persoa interesada dirixirá ao órgano a que lle corresponda outorgar a autorización a correspondente solicitude de autorización, na cal indicará os datos requiridos de xeito xenérico para as solicitudes de iniciación por instancia de parte na lexislación en materia de procedemento administrativo, xunto cunha memoria explicativa que inclúa os planos, esbozo ou datos necesarios para a correcta e inequívoca localización e definición da actuación que pretende realizar ou dun proxecto, nos casos en que sexa necesario, así como as medidas de sinalización e balizamento que teña que adoptar para garantir a seguridade viaria, en caso de afectar a calzada da estrada ou as súas beiravías.

De ser o caso, a persoa interesada deberá achegar tamén a xustificación do aboamento das taxas que resulten exixibles, cando deba ser previo á tramitación do expediente, segundo o previsto na normativa aplicable para cada unha delas.

4. No caso de solicitudes de autorización para acceso á estrada, ademais da documentación exixida con carácter xeral neste regulamento, deberán indicar o uso a que se pretende destinar.

5. Na solicitude de autorización de carteis informativos, rótulos de establecementos mercantís ou industriais ou anuncios de espectáculos, celebracións ou probas culturais, deportivas ou similares, determinarase a localización prevista e xuntarase un plano a escala no cal figuren acoutadas as dimensións do cartel e dos seus elementos de sustentación, detallando o seu texto, os pictogramas empregados e as súas dimensións, así como os materiais que se van empregar para a súa fabricación.

6. No caso de solicitudes de autorización que se refiran a obras, instalacións ou actuacións situadas fóra da zona de dominio público viario, será necesario presentar tamén a autorización ou concesión, segundo os casos, da Administración a que lle corresponda a propiedade dos terreos, de ser o caso, ou declaración responsable que acredite a propiedade ou calquera outro dereito que leve aparellada a posesión dos terreos en que se vaia situar.

Se fose preciso, cando durante a instrución do expediente xurdan dúbidas respecto da veracidade do declarado, poderase exixir a presentación de documentación que permita acreditar de xeito fidedigno a titularidade, como, por exemplo, documento público debidamente inscrito no Rexistro da Propiedade ou, incluso escritura pública de formación de predio independente.

Será igualmente válida para acreditar a dispoñibilidade dos terreos a documentación que permita acreditar de xeito fidedigno que a persoa solicitante é titular dun dereito de opción de compra daqueles, sempre que o prazo para exercer a opción sexa superior a dous (2) anos.

7. Examinada a documentación presentada, se esta fose incompleta, procederase segundo o previsto na lexislación en materia de procedemento administrativo.

Artigo 157. Necesidade de presentación de proxectos e outros estudos

1. Só será necesaria a presentación de proxectos, estudos temáticos concretos ou memorias valoradas nos supostos previstos neste regulamento e cando o órgano a que lle corresponda outorgar a autorización, de xeito motivado, o considere necesario para a debida apreciación do obxecto e alcance da actuación.

En concreto, no caso de instalacións industriais, canteiras e explotacións agrícolas e gandeiras, deberase presentar un estudo en que se analicen as molestias e perigos que aquelas lle puidesen producir á circulación, así como o impacto sobre a paisaxe visible desde a estrada, detallando o tratamento das súas zonas de protección e incluíndo as medidas correctoras que sexan precisas.

Pola súa parte, as solicitudes de autorización para acceso á estrada, agás no caso de accesos a vivendas unifamiliares e predios agrícolas, e para a instalación de estacións de servizo, deberán incorporar un estudo de tráfico que recolla a repercusión na rede de estradas da actuación que se pretende promover.

No caso de calquera tipo de instalacións fixas ou provisionais que teñan incidencia sobre a circulación na estrada ou nos seus elementos funcionais, as solicitudes de autorización deberán incluír un estudo das medidas que se deberán adoptar, a cargo da persoa solicitante, para reducir ao máximo as afeccións ao resto das persoas usuarias da estrada.

2. Será necesario presentar, xunto coa solicitude de autorización, un proxecto das obras ou instalacións que se pretendan executar, subscrito por profesional técnico competente, nos seguintes casos:

a) Construción de obras de paso superior ou inferior, obras de desaugamento, muros de sostemento e, en xeral, todas as actuacións que poidan incidir sobre a seguridade da circulación, sobre algún servizo público existente, sobre o libre curso das augas, tanto superficiais como subterráneas, ou sobre as condicións ambientais do contorno, por pretender situarse, total ou parcialmente, na zona de dominio público ou nas zonas de protección da estrada.

b) Urbanizacións, instalacións industriais, estacións de servizo, redes ou infraestruturas de servizos públicos, explanacións e, en xeral, calquera elemento de urbanización que se pretenda situar, total ou parcialmente, na zona de dominio público ou nas zonas de protección da estrada.

c) Accesos ás estradas ou ás súas vías de servizo, agás no caso de accesos a vivendas unifamiliares e predios agrícolas.

d) Calquera outra obra ou instalación que se pretenda situar, total ou parcialmente, na zona de dominio público viario.

Artigo 158. Contido dos proxectos

1. O proxecto detallará as condicións estruturais da obra e a súa incidencia sobre os diferentes aspectos a que afecte, que deberán estar suficientemente analizados e satisfactoriamente resoltos, comprenderá os estudos, planos e documentos necesarios para a completa e precisa definición das actuacións que se van executar, en relación coa estrada, e recollerá especialmente a ordenación da zona comprendida entre a estrada e a liña límite de edificación, así como as medidas que adoptar para resolver a drenaxe da estrada e para evitar as molestias e perigos que a actuación puidese ocasionar á explotación da estrada, segundo a normativa aplicable e de forma completa e suficiente.

2. Os proxectos que se presenten deberán incluír unha memoria descritiva do seu obxecto e xustificativa do cumprimento da normativa, incluído o planeamento municipal que lle sexa aplicable, desenvolvida nos anexos que sexan necesarios, uns planos que definan completamente a actuación proxectada, un prego de prescricións técnicas que regule as condicións da súa execución e un orzamento que a valore.

3. Os proxectos de redes ou infraestruturas de servizos públicos que se pretendan executar na zona de dominio público da estrada deberán incluír, en todo caso, unha xustificación da necesidade ineludible da ocupación que se solicita.

4. O órgano que instrúa o expediente poderá requirir que se amplíe ou complete o proxecto nos aspectos en que o considere insuficiente, co fin de garantir que non se afecte nin prexudique a estrada ou terceiras persoas.

Artigo 159. Instrución

1. No caso das autorizacións que lles corresponda outorgar aos concellos, en estradas que non son da súa titularidade, aqueles recadarán previamente o informe vinculante da Administración titular da estrada.

O informe deberá emitirse no prazo máximo de dous (2) meses tras a súa solicitude. O transcurso do antedito prazo sen que fose emitido implicará a desconformidade da Administración titular coa obra ou actividade para a cal se solicita autorización.

2. De ser o caso, o órgano que instrúa o expediente someterá a solicitude de autorización á audiencia das terceiras persoas interesadas, para que poidan formular as alegacións que consideren oportunas.

Cando poida afectar intereses públicos ou de persoas non identificadas, a solicitude de autorización someterase a un trámite de información pública que se levará a cabo durante un prazo mínimo de trinta (30) días hábiles, ampliable ao xuízo do órgano que instrúa o expediente nun máximo de quince (15) días hábiles máis, mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, no caso de estradas de titularidade autonómica, ou no boletín oficial da provincia correspondente, no caso de estradas de titularidade local, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados e no sitio web oficial do órgano a que lle corresponda outorgar a autorización.

Cando así veña previsto na normativa aplicable en cada caso, a publicación no Diario Oficial de Galicia ou no boletín oficial da provincia correspondente realizarase por conta da persoa solicitante.

3. Comprobada sobre o terreo a actuación solicitada e practicados, se fosen necesarios, os trámites administrativos complementarios que se consideren pertinentes, o órgano que instrúa o expediente informará sobre cantas circunstancias considere oportunas en relación:

a) Coas características da estrada.

b) Cos datos de explotación.

c) Co cumprimento da normativa vixente.

d) Coas alegacións presentadas nos trámites de audiencia ou información pública, de ser o caso.

4. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto ás persoas interesadas, segundo o previsto na lexislación en materia de procedemento administrativo, para que nun prazo de quince (15) días hábiles poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas pola persoa solicitante.

5. A persoa funcionaria que instrúa o expediente elevarao, co seu informe e proposta de resolución, á persoa titular do órgano a que lle corresponda outorgar a autorización.

A proposta de resolución deberá versar sobre a procedencia de outorgar ou denegar a autorización solicitada, e proporá as condicións que se deberían exixir para a súa autorización ou, de ser o caso, os motivos da súa denegación.

Artigo 160. Resolución

1. A persoa titular do órgano a que lle corresponda outorgar a autorización resolverá, á vista do expediente, sobre a solicitude presentada.

Na dita resolución estableceranse as condicións da autorización ou, de ser o caso, os motivos da súa denegación.

En particular, poderase establecer, como condición suspensiva dos efectos da autorización, a exixencia de constitución dunha garantía a favor da Administración titular da estrada, na contía que esta determine.

2. Para o establecemento de condicións teranse en conta a actuación que se pretende desenvolver, as características técnicas e de tráfico do treito afectado da estrada, a seguridade viaria e a correcta explotación da estrada.

3. A resolución deberá notificarse no prazo de seis (6) meses contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. O transcurso do dito prazo sen que se practicase a notificación da resolución permitiralle á persoa interesada entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo (artigo 48.2 LEG).

Artigo 161. Competencia para a revisión en vía administrativa

A competencia para a revisión en vía administrativa da resolución dos expedientes de solicitude de autorización correspóndelle á Administración titular da estrada.

Subsección 9ª. Procedemento para a modificación ou suspensión das autorizacións

Artigo 162. Procedemento para a modificación ou suspensión das autorizacións

O procedemento para modificar ou suspender a autorización iniciarase de oficio ou por instancia de parte e será instruído pola Administración titular da estrada. En todo caso, antes de elevar a proposta de resolución, darase audiencia ás persoas interesadas co fin de que poidan formular cantas alegacións conveñan aos seus dereitos (artigo 50.2 LEG).

A tramitación dos expedientes de modificación ou suspensión da autorización rexeranse polo mesmo procedemento previsto para o seu outorgamento, e os órganos competentes para inicialos, instruílos e resolvelos serán os mesmos que para aquel.

CAPÍTULO V

Medidas de protección da legalidade viaria

Artigo 163. Réxime xeral e competencia

1. A competencia para a execución das medidas de protección da legalidade viaria previstas neste capítulo correspóndelle á Administración titular da estrada.

Na parte da zona de dominio público dos treitos urbanos distinta das calzadas e das súas beiravías, as anteditas medidas de protección poderán ser tamén adoptadas polos concellos (artigo 54 LEG) polos cales discorra a estrada, independentemente da súa titularidade e sen prexuízo do exercicio das súas competencias por parte da Administración titular.

2. As administracións competentes determinarán, mediante unha norma de rango regulamentario, cando menos, os órganos competentes para iniciar, instruír e resolver os expedientes de reposición da legalidade viaria e para executar as súas resolucións.

Artigo 164. Control e vixilancia do dominio público viario

1. Todas as actuacións ou actividades realizadas na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección estarán sometidas ao control e vixilancia da Administración competente, que para tal fin poderá encomendarlle ao persoal funcionario adscrito ás funcións de explotación das estradas a realización das inspeccións, controis, enquisas, recollida de información e demais actuacións que resulten necesarias.

2. O persoal funcionario adscrito ás funcións de explotación das estradas terá a condición de axente da autoridade cando estea en exercicio das ditas funcións (artigo 73.1 LEG).

O antedito persoal terá a obriga de denunciar aqueles feitos, dos cales teña coñecemento, que puidesen constituír infracción tipificada na lexislación de estradas de Galicia.

Ademais, poderá, sempre que as circunstancias o permitan e non deriven perigo, dano ou perda, advertir, asesorar e facilitar información e orientación para o cumprimento dos trámites e obrigas previstos na normativa aplicable.

3. As persoas que realicen calquera actuación ou actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección deberán prestar toda a colaboración ao persoal funcionario adscrito ás funcións de explotación das estradas co fin de permitirlle realizar as correspondentes inspeccións e comprobacións, para os efectos administrativos.

4. O persoal funcionario, en exercicio das súas funcións de inspección relacionadas coa explotación das estradas, terá, entre outras, as seguintes facultades:

a) Acceder, logo identificación e sen notificación previa, ás instalacións ou ámbitos suxeitos a inspección, sempre que se trate de espazos abertos que non constitúan domicilio particular. Cando se trate de espazos pechados ou que constitúan domicilio particular, agás que se dispoña do consentimento da súa persoa titular, débese obter, previamente, a autorización xudicial pertinente.

b) Requirir información e proceder aos exames e controis necesarios que aseguren o cumprimento das disposicións vixentes e das condicións das autorizacións outorgadas.

c) Comprobar a existencia e posta ao día da documentación exixible.

d) Requirir, no exercicio das súas funcións, o auxilio da forza pública.

5. Os feitos constatados polo persoal funcionario a que se lle recoñece a condición de autoridade, e que se formalicen en documento público observando os requisitos legais pertinentes, terán valor probatorio sen prexuízo das probas que na defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar as persoas administradas (artigo 73.2 LEG).

Artigo 165. Auxilio da forza pública

As administracións competentes para a execución das medidas de protección da legalidade viaria poderán requirir o auxilio da forza pública cando resulte necesario para a súa execución (artigo 54 LEG).

Artigo 166. Paralización de obras, suspensión de usos e outras medidas de protección da legalidade viaria

1. A Administración competente poderá dispor, sen mais trámites, en resolución motivada, a inmediata paralización das obras e a suspensión dos usos non autorizados ou que non se axusten ás condicións establecidas nas correspondentes autorizacións outorgadas por ela (artigo 55.1 LEG).

2. A Administración competente poderá instar, mediante a oportuna notificación as empresas subministradoras de servizos públicos para que suspendan, no prazo de sete (7) días naturais, a subministración do servizo correspondente ás obras ou aos usos nos cales se dispuxese a súa paralización ou suspensión. A suspensión da subministración só se poderá levantar unha vez que se legalizasen as obras ou os usos ou logo da notificación en tal sentido da Administración competente ás empresas subministradoras (artigo 55.2 LEG).

3. A Administración competente poderá precintar as obras ou instalacións e ordenarlle á persoa responsable da actuación, da obra ou do uso a retirada, no prazo de dous (2) días naturais, da maquinaria e dos materiais aprovisionados. De incumprir a obriga de retirada, esta poderá realizala, sen máis trámites, a Administración competente, por conta daquela (artigo 55.3 LEG).

4. Se as actuacións non autorizadas ou que non se axustan á autorización supoñen un risco grave para a seguridade viaria, a Administración competente poderá adoptar, por conta da persoa responsable e sen máis trámites, as medidas que considere oportunas para garantir a seguridade da circulación (artigo 55.4 LEG).

Artigo 167. Procedemento de adopción das medidas de protección da legalidade viaria

1. O órgano competente para resolver sobre a paralización das obras, a suspensión dos usos non autorizados ou que non se axusten ás condicións establecidas nas correspondentes autorizacións e para adoptar o resto de medidas de protección da legalidade viaria previstas neste capítulo, á vista dos informes que considere necesarios para a máis completa determinación e descrición das actuacións que a motivan, notificaralle a resolución correspondente á persoa responsable da actuación.

2. A resolución de paralización das obras e a suspensión dos usos exporá de xeito motivado os seus fundamentos, segundo o disposto na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento, e nela adoptaranse tamén o resto de medidas de protección da legalidade viaria que se consideren necesarias, de entre as previstas neste capítulo.

3. No caso de que se comprobe que non se ten acatado a correspondente resolución de forma inmediata, requirirase o auxilio da forza pública para a súa execución.

Artigo 168. Expediente de reposición da legalidade viaria

1. Na resolución de paralización ou suspensión, ordenarase a incoación dun expediente de reposición da legalidade viaria que, unha vez instruído e logo da audiencia á persoa responsable, resolverá sobre a posible legalización das obras ou dos usos (artigo 55.5 LEG).

2. No caso de se apreciar que as obras ou usos non autorizados ou que non se axusten ás condicións establecidas nas correspondentes autorizacións poderían ser legalizables, como parte da instrución do expediente de reposición da legalidade viaria, instarase a persoa responsable para que, no prazo de sete (7) días naturais, solicite a legalización da actuación.

De ser o caso, a solicitude de legalización tramitarase segundo o procedemento previsto neste regulamento para as solicitudes de autorización.

3. Se a persoa responsable non solicita a legalización no dito prazo ou cando a actuación non for legalizable, a Administración competente, unha vez instruído o expediente de reposición da legalidade viaria e logo da audiencia á persoa responsable, poderá acordar en resolución motivada a demolición das obras, a suspensión definitiva dos usos e o restablecemento da realidade física alterada, e requirirá a persoa responsable para que proceda ao seu cumprimento no prazo que se lle conceda, que debe ser proporcional ás circunstancias da actuación que haxa que realizar.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución que poña fin aos expedientes de protección da legalidade viaria será dun (1) ano, contado a partir da data en que se incoaron aqueles, tanto no caso de que se tramiten independentemente como dentro do procedemento de sanción previsto na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento. De ser o caso, poderase tramitar a ampliación deste prazo máximo segundo o procedemento establecido na lexislación en materia de procedemento administrativo.

O cumprimento do prazo máximo sen que se notifique a resolución producirá a caducidade do procedemento. Non obstante, poderá incoarse un novo expediente de protección da legalidade viaria cando as exixencias das correspondentes obrigas non prescribisen conforme o establecido na lexislación de estradas de Galicia. Para estes efectos, conservarán a súa validez os actos de trámite previos á instrución do expediente caducado e nomearase unha persoa distinta como instrutora deste (artigo 59.2 LEG).

Transcorrido o prazo máximo para ditar e notificar a resolución, o órgano competente emitirá, por solicitude da persoa interesada, certificación en que conste que caducou o procedemento e se arquivaron as actuacións.

5. Transcorrido o prazo sen que a persoa responsable atendese ao requirimento de demolición das obras e suspensión definitiva dos usos e de restablecemento da realidade física alterada, a Administración competente procederá, sen máis trámites, á execución subsidiaria por conta daquela.

Artigo 169. Retirada de obxectos ou elementos abandonados

A Administración competente retirará, sen máis trámites e por conta da persoa responsable, todos os obxectos ou elementos abandonados, instalados ou depositados no dominio público viario que menoscaben a seguridade viaria ou obstaculicen o normal uso e explotación da estrada (artigo 56 LEG).

Se o persoal a cargo da explotación da estrada atopar algún obxecto ou elemento nas anteditas circunstancias, procederá, de oficio e sen prexuízo da titularidade do obxecto ou elemento, á súa retirada e ao seu depósito temporal no lugar máis próximo que non obstaculice o uso normal da vía, logo de aviso ao órgano responsable da dirección da explotación da estrada, sen prexuízo da posterior incoación, de ser o caso, do oportuno expediente sancionador.

Artigo 170. Obras ruinosas

1. Cando unha obra ou instalación situada entre a estrada e a liña límite de edificación acade un estado ruinoso que poida provocar danos á estrada ou constituír un perigo para a circulación, a Administración competente adoptará as medidas necesarias e instará o concello en que estea a obra ou instalación para que incoe un expediente de declaración de ruína e a subseguinte demolición, se é o caso (artigo 57 LEG).

2. No suposto de ruína inminente, a Administración titular da estrada adoptará, por conta da persoa responsable, as medidas procedentes, dentro do ámbito das súas competencias, para garantir a seguridade viaria.

Artigo 171. Danos e perdas causados ao dominio público viario

1. A Administración titular da estrada executará, sen máis trámites e con cargo á persoa causante, as medidas necesarias para reparar os danos producidos ao dominio público viario e restituír a realidade física alterada nel, cando supoñan un risco grave para a seguridade viaria (artigo 58.1 LEG).

2. A persoa causante dos danos deberá aboarlle á Administración titular da estrada a indemnización polos danos e perdas ocasionados, no prazo que, para tal efecto, se lle conceda.

No caso de que un asegurador asumise o risco derivado da responsabilidade civil da persoa causante dos danos, a Administración titular da estrada poderá requirirlle directamente a aquel o pagamento da indemnización polos danos e perdas causados ao dominio público viario (artigo 58.2 LEG).

3. O prazo de prescrición da exixencia da obriga de reparar os danos e perdas causados e de indemnizar polos danos non reparables e polas perdas causados será de tres (3) anos, contados desde o día seguinte a aquel en que se producisen.

Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento de declaración de responsabilidade por danos e perdas, e volverá transcorrer o prazo se aquel estiver paralizado durante máis dun (1) mes por causa non imputable á persoa infractora (artigo 58.3 LEG).

Artigo 172. Mantemento das condicións das instalacións

1. As persoas propietarias ou, de ser o caso, ocupantes ou arrendatarias de terreos, construcións, instalacións, especies vexetais e calquera outro elemento que incida, directa ou indirectamente, sobre o dominio público viario ou sobre as súas zonas de protección deberán mantelos nas debidas condicións de funcionamento, seguridade e salubridade para a estrada e as súas persoas usuarias.

2. No caso de que se incumprise algunha das condicións establecidas no número anterior, a Administración competente requirirá a persoa propietaria para realizar as actuacións necesarias para o cumprimento das súas obrigas, e, de ser o caso, procederá á súa clausura ou corrección no prazo que se lle conceda, que debe ser proporcional ás circunstancias da actuación que se deba realizar.

Transcorrido o prazo sen que a persoa responsable atendese o requirimento, a Administración competente procederá, sen máis trámites, á execución subsidiaria por conta daquela.

Artigo 173. Execución subsidiaria

Nos casos de execución subsidiaria das medidas de protección da legalidade viaria previstas neste capítulo, a valoración do importe que lle debe ser reclamado á persoa responsable da actuación de que se deriven aquelas será establecida polo órgano da Administración competente que as tivese executado directa ou indirectamente, logo de audiencia á persoa responsable da actuación.

Artigo 174. Compatibilidade de actuacións

As medidas de protección da legalidade viaria recollidas neste capítulo, incluídas expresamente as indemnizacións por motivo dos danos e perdas causados ao dominio público viario, adoptaranse sen prexuízo das sancións e responsabilidades que resulten procedentes e poderán ordenarse e executarse pola Administración competente en cada caso, tanto independentemente como dentro do procedemento de sanción previsto na lexislación de estradas de Galicia (artigo 59.1 LEG) e neste regulamento.

TÍTULO V

Réxime sancionador

CAPÍTULO I

Infraccións

Artigo 175. Consideración e clasificación das infraccións viarias

1. Teñen a consideración de infraccións administrativas viarias as accións que vulneren as prescricións contidas na lexislación de estradas de Galicia, conforme a tipificación que se establece nela (artigo 60 LEG).

2. As infraccións administrativas viarias clasifícanse como leves, graves ou moi graves.

Artigo 176. Infraccións leves

Son infraccións leves:

a) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións nas zonas de protección da estrada levadas a cabo sen as autorizacións requiridas ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas, cando poidan ser obxecto de legalización posterior na súa totalidade.

b) Colocar, verter, lanzar ou abandonar nos elementos funcionais ou na zona de dominio público adxacente obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, sempre que non poñan en perigo as persoas usuarias da estrada.

(Artigo 61.1 LEG)

Artigo 177. Infraccións graves

Son infraccións graves:

a) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións non permitidos nas zonas de protección da estrada ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas, cando, neste último caso, non for posible a súa legalización posterior.

b) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións na zona de dominio público da estrada, levados a cabo sen as autorizacións requiridas ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas, cando poidan ser obxecto de legalización posterior na súa totalidade.

c) Colocar, verter, lanzar ou abandonar nos elementos funcionais ou na zona de dominio público adxacente obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, cando poñan en perigo as persoas usuarias da estrada.

d) Colocar, verter, lanzar ou abandonar na explanación da estrada, pero fóra da calzada e das beiravías, obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, sempre que non poñan en perigo as persoas usuarias da estrada.

e) Deteriorar intencionadamente calquera elemento da estrada directamente relacionado coa ordenación, orientación, sinalización e seguridade da circulación, ou modificar as súas características ou situación, cando non se impida que o elemento de que se trate siga prestando a súa función.

f) Destruír, deteriorar, alterar ou modificar intencionadamente calquera obra ou instalación da estrada ou dos seus elementos funcionais, cando non sexa afectada a calzada ou as beiravías.

g) Establecer nas zonas de protección instalacións de calquera natureza ou realizar actividades que resulten perigosas, incómodas ou insalubres para as persoas usuarias da estrada, sen adoptar as medidas pertinentes para evitalo.

(Artigo 61.2 LEG)

Artigo 178. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves:

a) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións non permitidas na zona de dominio público da estrada ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas cando, neste último caso, non for posible a súa legalización posterior.

b) Colocar, verter, lanzar ou abandonar na explanación da estrada, pero fóra da calzada e das beiravías, obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, cando poñan en perigo as persoas usuarias da estrada.

c) Colocar, verter, lanzar ou abandonar na calzada ou nas beiravías da estrada obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza.

d) Subtraer ou, intencionadamente, destruír ou deteriorar calquera elemento da estrada directamente relacionado coa ordenación, orientación, sinalización e seguridade da circulación ou modificar as súas características ou situación, cando se impida que o elemento de que se trate siga prestando a súa función.

e) Destruír, deteriorar, alterar ou modificar intencionadamente calquera obra ou instalación da estrada ou dos seus elementos funcionais, cando sexa afectada a calzada ou as beiravías.

f) Establecer calquera clase de publicidade visible desde a zona de dominio público da estrada.

(Artigo 61.3 LEG)

Artigo 179. Concorrencia de infraccións

Cando da comisión dunha infracción derive necesariamente a comisión doutra ou doutras, deberá imporse unicamente a sanción correspondente á infracción máis grave cometida (artigo 62 LEG).

Artigo 180. Responsabilidade

1. Serán responsables da infracción as persoas físicas ou xurídicas seguintes

a) A persoa promotora da actividade e, de ser o caso, a persoa que a executa, o/a técnico/a director/a daquela e a persoa propietaria do terreo en que se realiza.

b) No caso de incumprimento das condicións dunha autorización administrativa, a persoa titular desta.

(Artigo 63.1 LEG):

2. Nos supostos en que aparezan varias persoas responsables da actuación, responderán todas elas de forma solidaria da sanción que se impoña, da reparación dos danos, da indemnización polos danos non reparables e polas perdas que foron causados e do restablecemento da realidade física alterada (artigo 63.2 LEG).

3. Se as infraccións son imputables a unha persoa xurídica, poderán ser consideradas como responsables subsidiarias as persoas físicas que integran os seus órganos reitores ou de dirección, agás que discrepasen das decisións que levaron a cometer a infracción, e así se acredite debidamente (artigo 63.3 LEG).

Artigo 181. Obriga de reparación, indemnización e restitución

1. Sen prexuízo da sanción que se impoña, a persoa ou as persoas responsables dunha infracción das previstas na lexislación de estradas de Galicia teñen a obriga de reparar os danos, de indemnizar polos danos non reparables e polas perdas que foron causados pola infracción e de proceder a restituír e repor as cousas ao seu estado anterior.

(Artigo 64 LEG)

2. A obriga de restitución e reposición das cousas ao seu estado anterior exixiráselles ás persoas responsables da infracción en calquera momento, independentemente da eventual prescrición desta ou das sancións que deriven dela (artigo 64 LEG).

3. As obrigas a que se fai referencia neste artigo son independentes das sancións que, de ser o caso, se impoñan, teñan natureza administrativa ou penal.

Artigo 182. Prescrición das infraccións

1. O prazo de prescrición das infraccións será de seis (6) anos para as moi graves, catro (4) anos para as graves e dous (2) anos para as leves (artigo 65.1 LEG).

2. O cómputo do prazo de prescrición iniciarase na data en que se cometese a infracción ou, no caso de actividades continuadas, na data do seu cesamento. Cando a actividade constitutiva de infracción non se poida coñecer por falta de manifestación de signos externos, o prazo computarase a partir de cando estes sexan manifestamente perceptibles (artigo 65.2 LEG).

O cómputo do prazo de prescrición de infraccións motivadas por construcións ou instalacións iníciase cando estas están totalmente rematadas. Enténdese que as construcións ou instalacións están totalmente rematadas cando están en condiciones de utilidade para a finalidade prevista, sen necesidade de realizar ningunha outra actuación posterior.

Artigo 183. Interrupción da prescrición das infraccións

Interromperá a prescrición das infraccións a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador, e volverá transcorrer o prazo se aquel estivese paralizado durante máis dun (1) mes por causa non imputable á presunta persoa responsable (artigo 65.2 LEG).

CAPÍTULO II

Sancións

Artigo 184. Sancións por infraccións leves

As infraccións leves previstas na lexislación de estradas de Galicia sancionaranse coas seguintes multas:

a) Por realizar obras, instalacións, usos ou actuacións nas zonas de protección da estrada levadas a cabo sen as autorizacións requiridas ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas, cando poidan ser obxecto de legalización posterior na súa totalidade:

1º. Cando se levasen a cabo na zona de servidume da estrada, con multa de 1.000 a 2.500 €.

2º. Cando se levasen a cabo na zona de afección, entre a estrada e a liña límite de edificación, con multa de 500 a 1.500 €.

3º. Cando se levasen a cabo na zona de afección, máis separados da estrada que a liña límite de edificación, con multa de 250 a 1.000 €.

b) Por colocar, verter, lanzar ou abandonar nos elementos funcionais ou na zona de dominio público adxacente obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, sempre que non poñan en perigo as persoas usuarias da estrada, con multa de 250 a 2.500 €.

Artigo 185. Sancións por infraccións graves

As infraccións graves previstas na lexislación de estradas de Galicia sancionaranse coas seguintes multas:

a) Por realizar obras, instalacións, usos ou actuacións non permitidos nas zonas de protección da estrada ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas, cando, neste último caso, non for posible a súa legalización posterior:

1º. Cando se levasen a cabo na zona de servidume da estrada, con multa de 3.500 a 10.000 €.

2º. Cando se levasen a cabo na zona de afección, entre a estrada e a liña límite de edificación, con multa de 3.000 a 7.500 €.

3º. Cando se levasen a cabo na zona de afección, máis separados da estrada que a liña límite de edificación, con multa de 2.501 a 5.000 €.

b) Por realizar obras, instalacións, usos ou actuacións na zona de dominio público da estrada levados a cabo sen as autorizacións requiridas ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas, cando poidan ser obxecto de legalización posterior na súa totalidade:

1º. Cando se levasen a cabo na calzada ou nas beiravías, con multa de 3.500 a 10.000 €.

2º. Cando se levasen a cabo na explanación da estrada, pero fóra da calzada ou das beiravías, con multa de 3.000 a 7.500 €.

3º. Cando se levasen a cabo na zona de dominio público da estrada, pero fóra da súa explanación, con multa de 2.501 a 5.000 €.

c) Por colocar, verter, lanzar ou abandonar nos elementos funcionais ou na zona de dominio público adxacente obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, cando poñan en perigo as persoas usuarias da estrada, con multa de 2.501 a 10.000 €.

d) Por colocar, verter, lanzar ou abandonar na explanación da estrada, pero fóra da calzada e das beiravías, obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, sempre que non poñan en perigo as persoas usuarias da estrada, con multa de 2.501 a 7.500 €.

e) Por deteriorar intencionadamente calquera elemento da estrada directamente relacionado coa ordenación, orientación, sinalización e seguridade da circulación, ou modificar as súas características ou situación, cando non se impida que o elemento de que se trate siga prestando a súa función, con multa de 2.501 a 7.500 €.

f) Por destruír, deteriorar, alterar ou modificar intencionadamente calquera obra ou instalación da estrada ou dos seus elementos funcionais, cando non sexa afectada a calzada ou as beiravías, con multa de 2.501 a 7.500 €.

g) Por establecer nas zonas de protección instalacións de calquera natureza ou realizar actividades que resulten perigosas, incómodas ou insalubres para as persoas usuarias da estrada, sen adoptar as medidas pertinentes para evitalo:

1º. Cando se establecesen na zona de servidume da estrada, con multa de 3.000 a 10.000 €.

2º. Cando se establecesen na zona de afección, con multa de 2.501 a 7.500 €.

Artigo 186. Sancións por infraccións moi graves

As infraccións moi graves previstas na lexislación de estradas de Galicia sancionaranse coas seguintes multas:

a) Por realizar obras, instalacións, usos ou actuacións non permitidos na zona de dominio público da estrada ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas cando, neste último caso, non for posible a súa legalización posterior:

1º. Cando se levasen a cabo na calzada ou nas beiravías, con multa de 25.000 a 250.000 €.

2º. Cando se levasen a cabo na explanación da estrada, pero fóra da calzada ou nas beiravías, con multa de 15.000 a 150.000 €.

3º. Cando se levasen a cabo na zona de dominio público da estrada, pero fóra da súa explanación, con multa de 10.001 a 75.000 €.

b) Por colocar, verter, lanzar ou abandonar na explanación da estrada, pero fóra da calzada e das beiravías, obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, cando poñan en perigo as persoas usuarias da estrada, con multa de 10.001 a 200.000 €.

c) Por colocar, verter, lanzar ou abandonar na calzada ou nas beiravías da estrada obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza:

1º. Cando supoñan un obstáculo para a circulación ou minoren as condicións de seguridade viaria da estrada, con multa de 25.000 a 250.000 €.

2º. Cando non supoñan un obstáculo para a circulación nin minoren as condicións de seguridade viaria da estrada, con multa de 10.001 a 100.000€.

d) Por subtraer ou, intencionadamente, destruír ou deteriorar calquera elemento da estrada directamente relacionado coa ordenación, orientación, sinalización e seguridade da circulación ou modificar as súas características ou situación, cando se impida que o elemento de que se trate siga prestando a súa función, con multa de 10.001 a 150.000 €.

e) Por destruír, deteriorar, alterar ou modificar intencionadamente calquera obra ou instalación da estrada ou dos seus elementos funcionais, cando sexa afectada a calzada ou as beiravías, con multa de 10.001 a 250.000 €.

f) Por establecer calquera clase de publicidade visible desde a zona de dominio público da estrada, coas multas que se recollen no seguinte cadro, segundo o tamaño do cartel publicitario e a súa posición respecto á estrada:

Tamaño do cartel

Posición do cartel respecto á estrada

Fóra das zonas de dominio público e protección

Nas zonas de protección

Na zona de dominio
público

Ata 9 m2

De 10.001 a 25.000 €

De 10.500 a 35.000 €

De 11.000 a 40.000 €

De 9 a 20 m2

De 12.000 a 30.000 €

De 13.000 a 40.000 €

De 14.000 a 45.000 €

De 20 a 35 m2

De 15.000 a 35.000 €

De 17.500 a 45.000 €

De 20.000 a 50.000 €

De 35 a 50 m2

De 17.500 a 40.000 €

De 20.000 a 50.000 €

De 22.500 a 55.000 €

De 50 a 65 m2

De 20.000 a 45.000 €

De 22.500 a 55.000 €

De 25.000 a 60.000 €

Máis de 65 m2

De 22.500 a 50.000 €

De 25.000 a 60.000 €

De 27.500 a 65.000 €

Artigo 187. Incremento das sancións por beneficio económico

Cando o beneficio económico obtido coa comisión da infracción viaria sexa superior á sanción que lle corresponda, esta incrementarase na contía equivalente ao beneficio económico obtido pola persoa infractora (artigo 66.2 LEG).

Artigo 188. Redución das sancións

1. A sanción correspondente á infracción cometida poderá reducirse ata nun noventa por cento (90 %) do seu valor, cando non se provocasen danos ao dominio público viario nin se puxese en risco a seguridade viaria se, antes da resolución do expediente de sanción, a persoa responsable acata, se é o caso, a resolución de paralización ou suspensión e procede á demolición das obras, á suspensión definitiva dos usos e ao restablecemento da realidade física alterada (artigo 66.3 LEG).

2. A porcentaxe de redución terá en conta a entidade dos feitos e a intencionalidade da persoa responsable, e virá determinada principalmente polas condicións de celeridade, seguridade e colaboración coa Administración na demolición das obras, suspensión definitiva dos usos e restablecemento da realidade física alterada, na cal se entenderá incluída, cando sexa procedente, a legalización efectiva das actuacións de que se trate. A dita porcentaxe minorarase cando o restablecemento da realidade física alterada forme parte do elemento de lucro da actividade sancionada.

Artigo 189. Gradación

1. Para a gradación das sancións teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) Agravantes:

1º. A natureza dos danos e perdas producidos.

2º. O risco xerado.

3º. A intencionalidade da persoa causante ou responsable.

4º. A acumulación de ilícitos nun mesmo feito.

5º. A reincidencia, pola comisión no cómputo dun (1) ano de máis dunha (1) infracción viaria, cando así fose declarado por resolución firme.

6º. A dificultade técnica ou custo económico da reposición da realidade física alterada e da reparación dos danos e perdas causados.

7º. O alcance na perturbación da prestación do servizo público viario.

8º. O incumprimento das medidas de protección da legalidade viaria ordenadas.

b) Atenuantes:

1º. O recoñecemento dos feitos e da súa responsabilidade por parte da persoa responsable da actuación.

2º. A diminución, por parte da persoa responsable da actuación, dos danos e perdas causados antes da iniciación do expediente de sanción.

3º. A reposición, por parte da persoa responsable da actuación, da realidade física alterada antes da resolución pola cal se impón a sanción.

(Artigo 67.1 LEG)

2. O importe das multas determinarase tendo en conta as circunstancias de gradación concorrentes (artigo 67.2 LEG).

Para iso, operarase do seguinte xeito:

a) No suposto de existencia de circunstancias agravantes e/ou atenuantes, identificarase cada unha delas e valorarase na categoría, de entre as seguintes, que lle corresponda:

1º. Baixa.

2º. Media.

3º. Alta.

b) Calcularase o rango bruto de variación das multas correspondentes para a infracción cometida como a diferenza entre os importes máximo e mínimo daquelas.

c) O rango bruto de variación así calculado dividirase en vinte e catro (24) partes brutas iguais.

d) Calcularase o importe máximo neto da multa engadíndolle, por cada circunstancia agravante concorrente, ao importe mínimo da multa correspondente para a infracción cometida:

1º. 1 parte bruta no caso de que a circunstancia agravante se valorase como de categoría baixa.

2º. 2 partes brutas no caso de que a circunstancia agravante se valorase como de categoría media.

3º. 3 partes brutas no caso de que a circunstancia agravante se valorase como de categoría alta.

e) Calcularase o rango neto de variación das multas correspondentes para a infracción cometida como a diferenza entre o importe máximo neto calculado anteriormente e o importe mínimo da multa correspondente.

f) O rango neto de variación así calculado dividirase en nove (9) partes netas iguais.

g) Calcularase o importe definitivo da multa subtraéndolle, por cada circunstancia atenuante concorrente, ao importe máximo neto calculado anteriormente:

1º. 1 parte neta no caso de que a circunstancia atenuante se valorase como de categoría baixa.

2º. 2 partes netas no caso de que a circunstancia atenuante se valorase como de categoría media.

3º. 3 partes netas no caso de que a circunstancia atenuante se valorase como de categoría alta.

Artigo 190. Concorrencia de sancións

1. Non poderán sancionarse os feitos que fosen sancionados penal ou administrativamente, nos casos en que se aprecie identidade do suxeito, feito e fundamento (artigo 69.1 LEG).

2. As sancións administrativas que se lles impoñan ás distintas persoas responsables como consecuencia dunha infracción viaria teñen carácter independente (artigo 69.2 LEG).

3. Sen prexuízo de que a súa responsabilidade se poida apreciar nun mesmo procedemento administrativo, as persoas responsables de dous ou máis feitos constitutivos de infracción viaria serán sancionadas conforme o previsto na lexislación de estradas de Galicia por cada unha das accións cometidas (artigo 69.3 LEG).

Artigo 191. Prescrición das sancións

1. O prazo de prescrición das sancións será de tres (3) anos para as correspondentes a infraccións moi graves, dous (2) anos para as correspondentes a infraccións graves e un (1) ano para as correspondentes a infraccións leves (artigo 70.1 LEG).

2. O cómputo do prazo de prescrición contarase desde o seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impoña a sanción (artigo 70.2 LEG).

Artigo 192. Interrupción da prescrición das sancións

Interromperá a prescrición das sancións a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel estivese paralizado durante máis dun (1) mes por causa non imputable á persoa infractora (artigo 70.2 LEG).

CAPÍTULO III

Procedemento

Artigo 193. Ámbito de aplicación do procedemento sancionador

1. O obxecto deste capítulo é regular o procedemento sancionador en materia de estradas, no que se refire á imposición de:

a) Multas polas infraccións cometidas.

b) Obrigas de reparación, indemnización e restitución e reposición das cousas ao seu estado anterior.

c) Multas coercitivas.

2. Para adoptar o resto de medidas de protección da legalidade viaria seguiranse os procedementos previstos neste regulamento.

Sección 1ª. Disposicións xerais do procedemento

Artigo 194. Competencia

1. Correspóndelle á Administración titular da estrada en que se cometese a infracción a potestade sancionadora en materia de estradas, así como a potestade para a imposición:

a) Da obriga da reparación dos danos, da indemnización polos danos non reparables e polas perdas que foron causados e da restitución da realidade física alterada.

b) De multas coercitivas.

c) Do resto de medidas de protección da legalidade viaria.

(Artigo 71.2 LEG)

2. O exercicio das potestades a que se fai referencia no número anterior correspóndelle aos órganos administrativos aos cales a Administración lle atribúa expresamente a competencia para a iniciación, instrución e resolución dos expedientes correspondentes, por disposición de rango legal ou regulamentario (artigo 71.3 LEG), sen que poidan atribuírselle ao mesmo órgano as fases de instrución e resolución.

Artigo 195. Acción pública

Será pública a acción para exixir a observancia do establecido na lexislación de estradas de Galicia (artigo 72 LEG) e neste regulamento.

Artigo 196. Condutas constitutivas de delito ou falta

1. En calquera momento do procedemento sancionador, se o órgano competente considera que os feitos tamén poderían ser constitutivos de ilícito penal, comunicarallo ao Ministerio Fiscal, e solicitaralle testemuño sobre as actuacións practicadas respecto da comunicación.

Nestes supostos, así como cando o órgano competente teña coñecemento de que se está a desenvolver un proceso penal sobre os mesmos feitos, solicitará do órgano xudicial comunicación sobre as actuacións adoptadas (artigo 74.1 LEG).

2. Recibida a comunicación, e no caso de que se considere que existe identidade de suxeito, feito e fundamento entre a infracción administrativa e a infracción penal que puider corresponder, o órgano competente para resolver o procedemento acordará a súa suspensión ata que se dite resolución xudicial (artigo 74.2 LEG).

3. O desenvolvemento dun proceso penal non exclúe a posibilidade de que a Administración titular da estrada exerza as medidas de protección da legalidade viaria previstas na lexislación de estradas de Galicia (artigo 74.3 LEG).

4. A sanción penal excluirá a imposición de sanción administrativa, pero non a obriga de repor a realidade física alterada (artigo 74.4 LEG).

5. De non se considerar a existencia de delito ou falta, o órgano competente poderá proseguir ou, se é o caso, iniciar o expediente de sanción, que, en todo caso, deberá respectar os feitos declarados probados por resolución xudicial penal firme (artigo 74.5 LEG).

Artigo 197. Vía administrativa de constrinximento

1. Poderán exixirse pola vía administrativa de constrinximento os importes correspondentes ás multas. Tamén se poderá empregar este procedemento para exixir os importes correspondentes ás indemnizacións polos danos non reparables e polas perdas que foron causados, así como os derivados dos gastos pola execución subsidiaria da reparación dos danos causados ou da restitución da realidade física alterada. Nestes últimos casos, o importe determinarase en función do custo que para a Administración supoñan as anteditas reparación ou restitución (artigo 75 LEG).

2. No caso de que nun procedemento de revisión dos actos en vía administrativa se acorde a suspensión da execución da multa, do pagamento do importe das indemnizacións polos danos non reparables e as perdas causadas, así como dos derivados dos gastos pola execución subsidiaria da reparación dos danos causados ou da restitución da realidade física alterada, e da antedita suspensión poidan derivar prexuízos de calquera natureza, aquela só producirá efectos logo de prestación de caución, garantía, fianza ou depósito suficiente para responder deles. A Administración competente para resolver o recurso poderá exixir a súa prestación e establecer o importe correspondente.

Sección 2ª. Procedemento sancionador

Artigo 198. Tramitación do procedemento

O procedemento para impor sancións por infraccións viarias axustarase ao establecido na lexislación de estradas de Galicia e, de xeito supletorio, na normativa reguladora do procedemento administrativo común, nas súas disposicións de desenvolvemento e na normativa autonómica aplicable (artigo 71.1 LEG) e, en particular, neste regulamento.

Artigo 199. Actuacións previas e iniciación do procedemento

1. Os procedementos sancionadores iniciaranse de oficio, por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa ou como consecuencia de orde superior, petición razoada doutros órganos ou denuncia.

Para os efectos deste regulamento enténdese por:

a) Propia iniciativa: a actuación derivada do coñecemento directo ou indirecto das circunstancias, condutas ou feitos susceptibles de constituír infracción por parte do órgano que ten atribuída a competencia de iniciación.

b) Orde superior: a orde emitida por un órgano administrativo superior xerárquico do competente para iniciar o procedemento, e que expresará, na medida do posible, a persoa ou persoas presuntamente responsables; as condutas ou feitos que puidesen constituír infracción administrativa e a súa tipificación; así como o lugar, a data, datas ou período de tempo continuado en que os feitos se produciron.

c) Petición razoada: a proposta de iniciación do procedemento formulada por calquera órgano administrativo que non ten competencia para iniciar o procedemento e que tivese coñecemento das condutas ou feitos que puidesen constituír infracción, ben ocasionalmente ou ben por ter atribuídas funcións de inspección ou investigación.

As peticións deberán especificar, na medida do posible, a persoa ou persoas presuntamente responsables; as condutas ou feitos que puidesen constituír infracción e a súa tipificación; así como o lugar, data, datas ou período de tempo continuado en que os feitos se tivesen producido.

d) Denuncia: o acto polo cal calquera persoa pon en coñecemento do órgano que ten competencia para iniciar o procedemento a existencia dun determinado feito que puidese constituír infracción.

As denuncias deberán expresar a identidade da persoa ou persoas que as presentan, o relato dos feitos que se poñen en coñecemento da Administración e que puidesen constituír infracción, a data da súa comisión e, cando sexa posible, a identificación das presuntas persoas responsables.

2. A formulación dunha petición non vincula o órgano competente para iniciar o procedemento sancionador, ben que deberá comunicarlle ao órgano que a formulase os motivos polos que, de ser o caso, non procede iniciar o procedemento.

Cando se presentase unha denuncia, deberá notificárselle á persoa denunciante a iniciación ou non do procedemento cando a denuncia vaia acompañada dunha solicitude de iniciación. Cando a denuncia invoque un prexuízo no dominio público viario, a non iniciación do procedemento deberá ser motivada.

3. Con anterioridade á iniciación do procedemento, o órgano competente para inicialo poderá abrir un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias do caso concreto e de determinar con carácter preliminar a conveniencia ou non de inicialo.

En especial, estas actuacións orientaranse a determinar, coa maior precisión posible, os feitos susceptibles de motivar a incoación do procedemento, a identificación da persoa ou persoas que puidesen resultar responsables e as circunstancias relevantes que concorran nuns e noutros.

As actuacións previas realizaraas o persoal funcionario adscrito ás funcións de explotación das estradas e, en defecto deste, a persoa ou órgano administrativo que determine o órgano competente para iniciar o procedemento.

4. Cando da realización das actuacións previas se comprobase que non se provocaron danos ao dominio público viario nin se puxo en risco a seguridade viaria, se a persoa responsable procedeu a demoler das obras, a suspender definitivamente os usos e a restablecer a realidade física, arquivarase, por parte do órgano competente para iniciar o procedemento sancionador, sen máis trámite.

5. A iniciación dos procedementos sancionadores formalizarase co contido mínimo seguinte:

a) A identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables.

b) Os feitos que motivan a incoación do procedemento, a súa posible cualificación e as sancións que puidesen corresponder, sen prexuízo do que resulte da instrución.

c) A identificación da persoa ou órgano instrutor e, de ser o caso, da persoa a quen lle corresponde exercer as funcións de secretaria do procedemento, con expresa indicación do réxime de recusación de ambos.

d) O órgano competente para resolver o expediente e a norma que lle atribúe tal competencia, indicando a posibilidade de que a presunta persoa responsable poida recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade, cos efectos previstos neste regulamento.

e) As medidas de carácter provisional que acordase o órgano competente para iniciar o procedemento sancionador, sen prexuízo das que se poidan adoptar durante aquel, segundo o previsto neste regulamento.

f) A indicación do dereito a formular alegacións e á audiencia no procedemento, e dos prazos para o seu exercicio, así como a indicación de que, no caso de non efectuar alegacións no prazo de quince (15) días sobre o contido do acordo de iniciación, este poderá ser considerado proposta de resolución cando conteña un pronunciamento preciso acerca da responsabilidade imputada.

6. O acordo de iniciación comunicaráselle ao órgano instrutor, con traslado de cantas actuacións existan ao respecto, e notificaráselles á persoa denunciante, de ser o caso, e ás persoas interesadas, entendendo en todo caso por tal a persoa ou persoas inculpadas.

7. Nos termos previstos na lexislación en materia de procedemento administrativo, os órganos e dependencias administrativas pertencentes a calquera das administracións públicas facilitaranlle ao órgano instrutor os antecedentes e informes necesarios, así como os medios persoais e materiais necesarios para desenvolver as súas actuacións.

As persoas designadas como órgano instrutor serán responsables directas da tramitación do procedemento e, en especial, do cumprimento dos prazos establecidos.

Artigo 200. Medidas provisionais

1. Unha vez iniciado o procedemento sancionador, o órgano competente para resolver o procedemento poderá adoptar en calquera momento, mediante acordo motivado, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución que se puidese ditar e o bo fin do procedemento, para evitar o mantemento dos efectos da infracción e para garantir as exixencias dos intereses xerais.

2. Cando así veña exixido por razóns de urxencia inaprazable, o órgano competente para iniciar o procedemento ou o órgano instrutor poderán adoptar as medidas provisionais que resulten necesarias.

3. As medidas de carácter provisional poderán consistir na prestación de fianzas ou en calquera das medidas de protección da legalidade viaria previstas neste regulamento.

As medidas provisionais deberán estar expresamente previstas e axustarse á intensidade, proporcionalidade e necesidades dos obxectivos que se pretenden garantir en cada suposto concreto.

Artigo 201. Instrución

1. As persoas interesadas disporán dun prazo de quince (15) días para achegar cantas alegacións, documentos ou informacións consideren convenientes e, de ser o caso, propor proba en que se concreten os medios de que pretenden valerse. Na notificación da iniciación do procedemento indicaráselles ás persoas interesadas o antedito prazo.

Unha vez que se curse a notificación, o órgano instrutor do procedemento realizará de oficio cantas actuacións resulten necesarias para o exame dos feitos, recadando os datos e informacións que sexan relevantes para determinar, de ser o caso, a existencia de responsabilidades susceptibles de sanción.

Se como consecuencia da instrución do procedemento resultase modificada a determinación inicial dos feitos, da súa posible cualificación, das sancións impoñibles ou das responsabilidades susceptibles de sanción, notificaráselles todo iso á persoa ou persoas inculpadas na proposta de resolución.

2. Recibidas as alegacións ou transcorrido o prazo sinalado no número anterior, o órgano instrutor poderá acordar a apertura dun período de proba, de conformidade co previsto na lexislación en materia de procedemento administrativo, por un prazo non superior a trinta (30) días nin inferior a dez (10) días.

No acordo, que se lles notificará ás persoas interesadas, poderase rexeitar de xeito motivado a práctica daquelas probas que, de ser o caso, tivesen proposto aquelas, cando sexan improcedentes segundo o disposto na lexislación en materia de procedemento administrativo.

A práctica das probas que o órgano instrutor considere pertinentes, entendéndose por tales aquelas distintas dos documentos que as persoas interesadas poidan achegar en calquera momento da tramitación do procedemento, realizarase segundo o establecido na lexislación en materia de procedemento administrativo.

Cando a proba consista na emisión dun informe dun órgano administrativo ou entidade pública, e sexa admitida a trámite, entenderase que ten carácter preceptivo, e poderase entender que ten carácter determinante para a resolución do procedemento, cos efectos previstos na lexislación en materia de procedemento administrativo.

Os feitos constatados por persoal funcionario a quen se lle recoñece a condición de autoridade, e que se formalicen en documento público observando os requisitos legais pertinentes, terán valor probatorio, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar as persoas administradas.

Cando a valoración das probas practicadas poida constituír o fundamento básico da decisión que se adopte no procedemento, por ser peza imprescindible para a avaliación dos feitos, deberá incluírse na proposta de resolución.

3. Concluída, de ser o caso, a proba, o órgano instrutor do procedemento formulará proposta de resolución na cal se fixarán de xeito motivado os feitos que se consideren probados e a súa exacta cualificación xurídica, se determinará a infracción que, de ser o caso, aqueles constitúan, a persoa ou persoas responsables e a sanción que se propón, a valoración das probas practicadas, en especial aquelas que constitúan os fundamentos básicos da decisión, así como as medidas provisionais que, de ser o caso, se tivesen adoptado. Cando a instrución conclúa a inexistencia de infracción ou responsabilidade, e non se faga uso da facultade prevista no número seguinte, a proposta de resolución declarará esa circunstancia.

4. O órgano instrutor resolverá a finalización do procedemento, con arquivamento das actuacións, sen que sexa necesaria a formulación de proposta de resolución cando na instrución do procedemento se poña de manifesto que concorre algunha das seguintes circunstancias:

a) Cando se demostre a inexistencia dos feitos que puidesen constituír a infracción.

b) Cando os feitos non resulten acreditados.

c) Cando os feitos probados non constitúan, de modo manifesto, infracción administrativa.

d) Cando non exista ou non se puidese identificar a persoa ou persoas responsables, ou ben aparezan exentas de responsabilidade.

e) Cando se conclúa, en calquera momento, que prescribiu a infracción.

5. A proposta de resolución notificaráselles ás persoas interesadas, e indicaráselles a posta de manifesto do procedemento. Á notificación xuntarase unha relación dos documentos que conforman o procedemento, co fin de que as persoas interesadas poidan obter as copias daqueles que consideren convenientes, e concederáselles un prazo de quince (15) días para formular alegacións e presentar os documentos e informacións que consideren pertinentes ante o órgano instrutor do procedemento.

Agás no caso de que, no seu momento, as persoas interesadas non efectuasen alegacións sobre o contido da iniciación do procedemento, poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas, de ser o caso, pola persoa interesada.

A proposta de resolución cursarase inmediatamente ao órgano competente para resolver o procedemento, xunto con todos os documentos, alegacións e informacións que consten naquel.

Artigo 202. Resolución

1. Antes de ditar resolución, o órgano competente para resolver poderá decidir, mediante acordo motivado, a realización das actuacións complementarias indispensables para resolver o procedemento.

O acordo de realización de actuacións complementarias notificaráselles ás persoas interesadas, e concederáselles un prazo de sete (7) días para formular as alegacións que teñan por pertinentes. As actuacións complementarias deberán practicarse nun prazo non superior a quince (15) días. O prazo para resolver o procedemento quedará suspendido ata terminar as actuacións complementarias. Non terán a consideración de actuacións complementarias os informes que precedan inmediatamente á resolución do procedemento.

2. Na resolución non se poderán aceptar feitos distintos dos determinados na fase de instrución do procedemento, agás os que resulten, de ser o caso, da aplicación do previsto no número anterior, con independencia da súa diferente valoración xurídica. Porén, cando o órgano competente para resolver considere que a infracción reviste maior gravidade que a determinada na proposta de resolución, notificaráselles á persoa ou persoas inculpadas para que acheguen cantas alegacións consideren convenientes, e concederáselles un prazo de quince (15) días.

3. O órgano competente ditará resolución que será motivada e decidirá todas as cuestións expostas polas persoas interesadas e aquelas outras derivadas do procedemento.

A resolución formalizarase por calquera medio que acredite a vontade do órgano competente para adoptala.

A resolución adoptarase no prazo de dez (10) días, desde a recepción da proposta de resolución, e os documentos, alegacións e informacións que consten no procedemento, agás o disposto nos números anteriores deste artigo.

4. As resolucións dos procedementos sancionadores, ademais de conter os elementos previstos na lexislación en materia de procedemento administrativo, incluirán a valoración das probas practicadas, e especialmente daquelas que constitúan os fundamentos básicos da decisión, fixarán os feitos e, de ser o caso, a persoa ou persoas responsables, a infracción ou infraccións cometidas e a sanción ou sancións que se impoñen; ou ben a declaración de non existencia de infracción ou responsabilidade.

5. As resolucións notificaránselles ás persoas interesadas. Se o procedemento se tivese iniciado como consecuencia de orde superior ou petición razoada, a resolución comunicaráselle ao órgano administrativo autor daquela.

Artigo 203. Efectos da resolución

1. As resolucións dos procedementos sancionadores son inmediatamente executivas desde que son firmes na vía administrativa.

2. Cando a persoa infractora recorra ou impugne a resolución adoptada, as resolucións dos recursos administrativos ou dos procedementos de revisión de oficio que, de ser o caso, se interpoñan non poderán supor a imposición de sancións máis graves para a persoa sancionada.

3. As resolucións dos procedementos sancionadores poderán adoptar as disposicións cautelares precisas para garantir a súa eficacia en canto non sexan executivas.

As anteditas disposicións poderán consistir no mantemento das medidas provisionais que, de ser o caso, se adoptasen, segundo o previsto neste regulamento.

En todo caso, as disposicións cautelares estarán suxeitas ás limitacións que a lexislación en materia de procedemento administrativo establece para as medidas de carácter provisional.

Artigo 204. Recoñecemento de responsabilidade ou pagamento voluntario

1. Iniciado un procedemento sancionador, se a persoa infractora recoñece a súa responsabilidade, poderase resolver o procedemento, coa imposición da sanción que proceda.

2. O pagamento voluntario da sanción por parte da persoa imputada, en calquera momento anterior á resolución, poderá implicar igualmente a terminación do procedemento, sen prexuízo da posibilidade de interpor os recursos procedentes nin da obriga de reparar os danos, de indemnizar polos danos non reparables e polas perdas que fosen causados pola infracción e de restituír e repor as cousas ao seu estado anterior.

Artigo 205. Caducidade do procedemento

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución que poña fin ao procedemento será dun (1) ano, contado a partir da data en que se incoou o expediente de sanción. De ser o caso, poderase tramitar a ampliación deste prazo máximo segundo o procedemento establecido na lexislación en materia de procedemento administrativo.

O cumprimento do prazo máximo sen que se notifique a resolución producirá a caducidade do procedemento. Non obstante, poderá incoarse un novo expediente de sanción cando os feitos constitutivos da infracción non prescribisen conforme o establecido na lexislación de estradas de Galicia. Para estes efectos, conservarán a súa validez os actos de trámite previos a instruír o expediente caducado e nomearase unha persoa distinta como instrutora deste (artigo 76 LEG).

Transcorrido o prazo máximo para ditar e notificar a resolución, o órgano competente emitirá, por solicitude da persoa interesada, certificación en que conste que caducou o procedemento e que se arquivaron as actuacións.

Sección 3ª. Procedemento para a reparación, indemnización e restitución

Artigo 206. Urxencia da reparación dos danos ou da restitución do medio

1. A urxencia da reparación dos danos ou da restitución das cousas ao seu estado anterior será apreciada polo órgano da Administración titular que exerza a dirección ou inspección da explotación da estrada. En todo caso, serán de urxente reparación todos os danos que supoñan un risco para a seguridade viaria.

2. No caso de que a Administración titular da estrada considere urxente a reparación dos danos ou a restitución das cousas ao seu estado anterior, executarase con cargo á persoa infractora, sen necesidade de requirimento nin audiencia previa, e sen prexuízo da liquidación definitiva logo da audiencia para estes efectos (artigo 64 LEG).

Artigo 207. Procedemento ordinario

1. Cando non fose urxente a reparación dos danos ou a restitución das cousas ao seu estado anterior, o expediente de reparación dos danos ou de restitución das cousas ao seu estado anterior poderase tramitar como parte do procedemento sancionador ou, de ser o caso, como un expediente independente.

2. O importe e o resto de condicións da indemnización que corresponda polos danos non reparables e polas perdas causados estableceranse na resolución do correspondente procedemento sancionador ou, de ser o caso, nun expediente que se tramite de xeito independente segundo o indicado neste artigo.

3. Na proposta de resolución do correspondente expediente deben constar a referencia á situación alterada, os pronunciamentos da obriga de facer e as actuacións necesarias que deberá realizar a persoa causante da situación alterada co fin de repor o medio ao seu estado orixinario. Tamén se incluirá, de ser o caso, o importe da indemnización polos danos non reparables e polas perdas causados.

4. No caso de que o expediente de reparación dos danos ou da restitución das cousas ao seu estado anterior se tramite de xeito independente, a proposta de resolución notificaráselle á persoa presuntamente causante da situación alterada, co fin de que no prazo de dez (10) días formule as alegacións que considere procedentes.

5. Recibidas as alegacións, ou transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que se efectuasen, o órgano competente ditará resolución definitiva en que se fixe o prazo para reparar os danos ou restituír as cousas ao seu estado anterior, así como o importe da indemnización polos danos non reparables e polas perdas causados.

6. Unha vez transcorrido o prazo fixado na resolución sen que a persoa causante da situación alterada reparase os danos ou restituíse as cousas ao seu estado anterior, a Administración titular poderá imporlle multas coercitivas como medio de execución forzosa ata conseguir a súa execución voluntaria, segundo o previsto na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento.

Só cando se comprobe a ineficacia ou a improcedencia das multas coercitivas se poderá proceder á execución subsidiaria.

Artigo 208. Multas coercitivas

1. Cando a resolución dun expediente de reposición da legalidade viaria ou a dun procedemento para a imposición de sancións, incluídos os supostos de prescrición, lle impuxer á persoa responsable a obriga de restitución e reposición das cousas ao seu estado anterior e esta non cumprir o prazo fixado naquela ou nun requirimento posterior, unha vez transcorrido o dito prazo, poderánselle impor multas coercitivas, conforme o establecido na lexislación en materia de procedemento administrativo (artigo 68.1 LEG).

2. As multas coercitivas poderán ter natureza periódica, ata que se leve a cabo a restitución e reposición das cousas ao seu estado anterior.

A súa contía será de entre cen (100 €) e mil euros (1.000 €). No caso de multas coercitivas periódicas, ese valor será o da súa máxima contía mensual.

Para a gradación das multas coercitivas teranse en conta as mesmas circunstancias establecidas na lexislación de estradas de Galicia para a gradación das sancións (artigo 68.2 LEG).

3. A imposición de multas coercitivas é independente da imposición de multas en concepto de sanción e compatible con estas (artigo 68.3 LEG).

4. A imposición de multas coercitivas requirirá que se producise o correspondente requirimento e apercibimento previo.

5. No caso de incumprimento da obriga de restitución das cousas ao seu estado anterior, a imposición de multas coercitivas empregarase preferentemente como medio de execución forzosa, fronte á execución subsidiaria, sen prexuízo do procedemento previsto na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento para os casos en que se considere urxente a antedita restitución.

Só cando se comprobe a ineficacia ou improcedencia das multas coercitivas se poderá proceder á execución subsidiaria.

Artigo 209. Liquidación no caso de execución subsidiaria

1. No caso de que a Administración titular procedese á execución subsidiaria da reparación dos danos ou á restitución das cousas ao seu estado anterior, elaborará unha valoración do importe que lle supuxo, notificarallo a modo de liquidación á persoa responsable e concederalle un prazo de quince (15) días para formular alegacións e presentar os documentos e informacións que consideren pertinentes.

2. Recibidas as alegacións ou transcorrido o prazo sinalado no número anterior, poderase adoptar a resolución definitiva, na cal se fixe o importe da liquidación da execución subsidiaria.

Artigo 210. Indemnización

1. Cando a reparación dos danos ou a restitución das cousas ao seu estado anterior non sexa posible e, en calquera caso, cando se teñan producido danos irreparables ou perdas, as persoas responsables aboarán as indemnizacións que correspondan.

2. A indemnización consistirá nun importe equivalente ao valor dos bens destruídos ou da deterioración que se lles producise e establecerase segundo os criterios seguintes, aplicando aquel que proporcione o valor maior:

a) O valor teórico da restitución e a reposición cando os danos sexan irreparables.

b) O custo total dos gastos da reconstrución ou reparación correspondente.

c) O beneficio obtido pola persoa infractora coa actividade ilegal.

3. De ser o caso, o importe da indemnización poderá exixirse pola vía administrativa de constrinximento, segundo o previsto na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento.

Disposición adicional primeira. Aprobación ou actualización dos catálogos de estradas e inventarios de travesías

1. As administracións titulares das redes de estradas aprobarán ou, de ser o caso, actualizarán os seus respectivos catálogos de estradas, no prazo de seis (6) meses desde a entrada en vigor deste regulamento.

2. As administracións titulares das redes de estradas aprobarán ou, de ser o caso, actualizarán os seus respectivos inventarios de travesías, no prazo de doce (12) meses desde a entrada en vigor deste regulamento.

Disposición adicional segunda. Organismos xestores

1. As administracións titulares das redes de estradas poderán dispor de organismos autónomos ou axencias públicas que asuman a xestión da rede de estradas na súa totalidade, de estradas individuais, de conxuntos de estradas ou treitos delas, dos seus elementos funcionais e/ou das actuacións que en cada caso se realicen, que actuarán como organismos xestores daquelas (disp. adic. 2ª.1 LEG).

2. Na normativa de desenvolvemento que regule o funcionamento do organismo xestor, a Administración titular poderá atribuírlle a aquel as competencias que, segundo a lexislación de estradas de Galicia e este regulamento, lle corresponden á Administración titular, para o exercicio efectivo das funcións relacionadas co ámbito de xestión que lle fose encomendado.

Non poderán ser atribuídas ao organismo xestor, á parte das competencias que na lexislación de estradas de Galicia ou neste regulamento se lle atribúen expresamente ao Consello da Xunta de Galicia ou á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas, as seguintes:

a) Aquelas competencias que se lle atribúan neste regulamento á Administración titular da rede no procedemento de tramitación dos plans sectoriais de estradas e das súas modificacións.

b) Acordar con outras administracións cambios na titularidade das estradas.

c) Resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas.

d) Aprobar definitivamente os estudos informativos ou, se é o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto na lexislación de estradas de Galicia.

e) Emitir informe sobre as propostas de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou actuacións previstas nos plans de estradas vixentes.

f) Establecer medidas ou procedementos compensatorios que, nos treitos das estradas en que se estableza un pagamento de peaxe ou taxa polo seu uso, veñan reducir ou anular o pagamento directo por parte das persoas usuarias.

g) Aprobar o establecemento de contribucións especiais.

h) Aprobar a redución excepcional das distancias establecidas con carácter xeral para a liña límite de edificación.

(Disp. adic. 2ª.2 LEG)

3. Os recursos xerados pola explotación das estradas e as contribucións especiais, segundo se definen na lexislación de estradas de Galicia e neste regulamento, contribuirán ao financiamento do correspondente organismo xestor, no caso de que exista (disp. adic. 2ª.3 LEG).

Disposición transitoria única. Procedementos administrativos iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste regulamento

Os procedementos administrativos iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste regulamento rexeranse polo disposto na normativa anterior, coa excepción dos procedementos sancionadores, aos cales será de aplicación a norma máis favorable para as presuntas persoas infractoras.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

1. A consellería competente en materia de estradas poderá ditar normas e instrucións técnicas complementarias relativas ás estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia, en canto non sexan contrarias ao disposto na lexislación de estradas de Galicia, neste regulamento e na normativa técnica básica de interese xeral establecida pola Administración xeral do Estado.

Esta atribución entenderase sen prexuízo do exercicio da potestade regulamentaria que lles corresponde a todas as administracións titulares en relación coas estradas da súa titularidade, en canto non sexa contrario ao disposto na lexislación de estradas de Galicia, neste regulamento, na normativa técnica básica de interese xeral establecida pola Administración xeral do Estado, nas normas ou instrucións técnicas complementarias ditadas pola consellería competente en materia de estradas nin na normativa de aplicación supletoria en cada caso.

2. A persoa titular da consellería competente en materia de estradas poderá ditar, tamén, no relativo á organización e ás materias propias do seu departamento, as disposicións administrativas de carácter xeral precisas para o desenvolvemento da lexislación de estradas de Galicia e deste regulamento.

Disposición derradeira segunda. Formularios normalizados para a solicitude das autorizacións competencia da Comunidade Autónoma de Galicia

Co obxecto de manter adaptados á normativa vixente os formularios necesarios para solicitar as autorizacións competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, logo de resolución do órgano competente da consellería competente en materia de estradas, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a actualización non supoña unha modificación substancial deles. As actualizacións que se realicen nos formularios non poderán implicar a modificación do contido das solicitudes previsto neste regulamento.

Para presentar as solicitudes de autorización que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia e nas xefaturas territoriais e servizos centrais da consellería competente en materia de estradas, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

ANEXO

Definicións

Acondicionamento de trazado: obra de adaptación dunha estrada ou dos seus elementos funcionais a uns parámetros de trazado máis exixentes que aqueles de que dispón, que afecta a súa planta, o seu alzado, ou ambos, e que pode afectar tamén a súa sección transversal.

Automóbil: para os efectos deste regulamento, vehículo de motor que circula sen carrís e sen conexión a unha fonte exterior de enerxía, agás os ciclomotores, os vehículos de persoas con mobilidade reducida e os tractores e demais maquinaria agrícola.

Beirarrúa: franxa lonxitudinal, sensiblemente paralela á estrada ou dos seus elementos funcionais, elevada ou non con respecto á calzada e destinada ao tránsito peonil.

Beiravía: franxa lonxitudinal pavimentada, contigua á calzada, non destinada ao uso de vehículos automóbiles, agás en circunstancias excepcionais (artigo 5.3 LEG).

Berma: franxa lonxitudinal, afirmada ou non, comprendida entre o bordo exterior da beiravía e a gabia ou noiro.

Calzada: parte pavimentada da explanación, tanto da estrada como dos seus elementos funcionais, composta por un ou varios carrís e destinada á circulación de vehículos automóbiles (art. 5.2.LEG).

Camiño: vía destinada ao tráfico rodado de vehículos automóbiles, que serve a unha colectividade e non forma parte de ningunha rede de estradas.

Camiño agrícola: vía destinada fundamentalmente para o acceso a predios rústicos, e cuxo tráfico predominante é de tractores e maquinaria agrícola.

Camiño de servizo: vía construída como elemento auxiliar ou complementario das actividades específicas das súas persoas titulares.

Camiño forestal: vía destinada fundamentalmente para o acceso a predios rústicos, e cuxo tráfico predominante é de tractores e maquinaria forestal.

Camiño pecuario: vía destinada fundamentalmente ao tránsito de gando, tanto para o acceso a predios rústicos como a zonas de pastoreo ou a fontes de auga.

Camiño veciñal: vía destinada ao acceso a vivendas unifamiliares e que non forma parte de ningunha rede de estradas.

Carril: franxa lonxitudinal en que pode estar dividida a calzada, delimitada ou non por marcas viarias lonxitudinais, e con largo suficiente para a circulación dunha fila de automóbiles que non sexan motocicletas.

Carril central de espera: carril destinado, nunha intersección con xiro á esquerda, á detención do vehículo á espera de oportunidade para realizar esta manobra sen obstaculizar o tránsito prioritario da calzada.

Desmonte: parte da explanación situada baixo a superficie do terreo na situación previa á execución da estrada ou dos seus elementos funcionais.

Distancia de parada: distancia total percorrida por un vehículo obrigado a deterse tan rapidamente como lle sexa posible, medida desde a súa situación no momento de aparecer o obxecto ou obstáculo que motiva a súa detención. Comprende a distancia percorrida durante os tempos de percepción, reacción e freada.

Duplicación de calzada: obra de ampliación dunha estrada consistente na construción dunha nova calzada, separada da existente, para destinar cada unha delas a un sentido único de circulación.

Edificación: obra ou fábrica construída para habitación ou para calquera outro uso, constituíndo un espazo cuberto e delimitado, total ou parcialmente, por muros de peche.

Eixe: liña que define o trazado en planta ou alzado dunha estrada e que se refire a un punto determinado da súa sección transversal.

Elemento de cambio de velocidade: carril ou cuña destinado a incrementar ou reducir a velocidade, desde a dos elementos dun enlace, intersección ou enlace á estrada ou viceversa.

Enlace: zona en que dúas ou máis estradas se conectan ou cruzan e na cal, cando menos, un dos movementos entre elas se realiza a distinto nivel.

Ensanche de plataforma: obra de adaptación dunha estrada ou dos seus elementos funcionais que amplía a súa sección transversal, aproveitando, en todo ou en parte, a plataforma existente, pero sen afectar o seu trazado en planta nin en alzado.

Explanación: zona de terreo realmente ocupada pola estrada ou polos seus elementos funcionais, na cal se modificou o terreo, con respecto á situación previa á execución destes.

Firme: conxunto de capas executadas con materiais seleccionados e, polo xeral, tratados, que constitúe a superestrutura da plataforma, resiste as cargas do tráfico e permite que a circulación teña lugar con seguridade e comodidade.

Gabia: abertura sensiblemente paralela a unha calzada e situada na súa marxe ou na das bermas adxacentes co fin de canalizar a ceo aberto as augas da escorremento superficial.

Glorieta: intersección disposta en forma de anel, polo xeral circular, sendo único o sentido de circulación naquel.

Instalación de servizos: instalación ou establecemento que satisfaga as necesidades das persoas usuarias das estradas, sempre que estea situada fóra de áreas de servizo, como, por exemplo, estacións de servizo, restaurantes, hoteis, moteis, talleres mecánicos, cafetarías e outras instalacións asimilables.

Intensidade media diaria: número total de vehículos que pasan durante un ano pola sección transversal dunha estrada ou doutra vía pública, dividida polo número de días do ano.

Intersección: zona común a dúas ou máis estradas en que se conectan ou cruzan e na cal todos os movementos entre elas se realizan ao mesmo nivel.

Mediana: franxa lonxitudinal situada entre dúas calzadas separadas, non destinada á circulación.

Mellora de firme: obra de conservación ou adaptación dunha estrada ou dos seus elementos funcionais, co obxecto de restablecer ou aumentar a resistencia do seu firme ou as características superficiais do seu pavimento.

Nivel de servizo: medida cualitativa descritiva das condicións de circulación da corrente de tráfico, en función de factores tales como a velocidade, o tempo de percorrido, a liberdade de manobra, as interrupcións de tráfico, a comodidade e conveniencia, e a seguridade.

Noiro: superficie inclinada de terreo e modificada artificialmente mediante escavación ou recheo para configurar a explanación da estrada ou dos seus elementos funcionais.

Plataforma: zona da estrada ou dos seus elementos funcionais destinada ao uso de vehículos, formada pola calzada, as beiravías e as bermas afirmadas.

Ramal: calzada dun ou varios carrís que, formando parte dos enlaces ou interseccións, une as estradas que se conectan ou cruzan neles, ao mesmo ou a distinto nivel.

Rasante: liña dunha vía considerada na súa inclinación ou paralelismo respecto do plano horizontal.

Sección transversal: corte ideal da estrada por un plano vertical e normal á proxección horizontal do eixe, nun punto calquera deste.

Servizo público: actividade ou instalación de titularidade pública ou privada que tenda á consecución dos fins da súa competencia, e que beneficie directa o indirectamente a comunidade, con independencia da modalidade de xestión en que se preste, tales como produción, transporte e distribución de enerxía ou hidrocarburos, abastecemento, evacuación e depuración de auga, servizos de telecomunicacións, transporte público e outros análogos.

Terraplén: parte da explanación situada sobre a superficie do terreo na situación previa á execución da estrada ou dos seus elementos funcionais.

Treito: calquera porción dunha estrada comprendida entre dúas seccións transversais calquera.

Trazado: definición xeométrica da estrada ou dos seus elementos funcionais.

Vehículo: artefacto ou aparello capaz de circular por vías e terreos.

Vía de servizo: elemento funcional constituído por unha vía sensiblemente paralela a unha estrada, respecto da cal, ten carácter secundario, pode conectar con esta nalgúns puntos e serve ás propiedades e edificios lindeiros.

Vía urbana: rúa, avenida, rolda, paseo e calquera outra vía de titularidade municipal que compón a rede interior de comunicacións dunha poboación, agás as travesías e os treitos urbanos das estradas.