Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 22 de xuño de 2016 Páx. 25785

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 72/2016, do 9 de xuño, polo que se autorizan e se regulan determinados sistemas de eliminación de subprodutos animais non destinados ao consumo humano en Galicia e se concretan determinados aspectos sanitarios das explotacións porcinas.

O artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 11, 13, 38, 131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución. Así mesmo, o artigo 33.1 do devandito estatuto atribúe á Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e o número 4 do mesmo artigo engade que a Comunidade Autónoma de Galicia poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio todos os servizos relacionados con estas materias, e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade, reservando ao Estado a alta inspección conducente ao cumprimento destas funcións e competencias.

Os subprodutos animais non destinados ao consumo humano (en diante SANDACH) representan un risco potencial para a sanidade animal, a saúde pública e o ambiente. Por mor de diversas alertas alimentarias, principalmente da chamada crise das vacas tolas, a Unión Europea dotouse dunha lexislación en materia de seguridade alimentaria baseada principalmente en evitar o desvío de determinados SANDACH á cadea alimentaria humana ou animal. Así, o Regulamento (CE) nº 1069/2009, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais e aos produtos derivados non destinados ao consumo humano e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1774/2002 (Regulamento sobre subprodutos animais), constitúe desde o 4 de marzo de 2011 o marco normativo da Unión Europea aplicable á xestión dos subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo humano. Esta norma foi obxecto de desenvolvemento mediante o Regulamento (UE) nº 142/2011, da Comisión, do 25 de febreiro, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1069/2009, do 21 de outubro, do Parlamento Europeo e do Consello, que establece as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais e aos produtos derivados non destinados ao consumo humano, e a Directiva 97/78/CE, do Consello, en canto a determinadas mostras e unidades exentas dos controis veterinarios na fronteira en virtude dela.

O Real decreto 1528/2012, do 8 de novembro, polo que se establecen as normas aplicables aos subprodutos animais e aos produtos derivados non destinados ao consumo humano, ten por obxecto establecer disposicións específicas de aplicación en España dos citados regulamentos. Este real decreto recolle, no seu artigo 2, que a autoridade competente facultada para garantir o cumprimento dos seus requisitos e da normativa da Unión Europea en materia de SANDACH, serán os órganos competentes das comunidades autónomas ou cidades de Ceuta e Melilla, así como das entidades locais, e os órganos competentes da Administración xeral do Estado no que se refire aos intercambios con terceiros países.

No Regulamento (CE) nº 1069/2009, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro, no seu artigo 19, titulado «Recollida, transporte e eliminación», recóllense unha serie de excepcións aos sistemas de eliminación establecidos nos seus artigos.

En concreto, o número 1 do dito artigo 19 establece que:

«1. Non obstante o disposto nos artigos 12, 13, 14 e 21, a autoridade competente poderá autorizar a eliminación:

a) Dos animais de compañía e équidos mortos mediante enterramento;

c) Do material da categoría 1 recollido no artigo 8, letra b), inciso ii); dos materiais das categorías 2 e 3 mediante incineración ou enterramento in situ ou por outros medios, baixo supervisión oficial, que preveñan a transmisión de riscos para a saúde pública e a saúde animal, en zonas cuxo acceso sexa practicamente imposible ou só sexa posible en circunstancias que, por motivos xeográficos ou climáticos ou por mor dun desastre natural, entrañarían riscos para a saúde e a seguridade do persoal que leva a cabo a recollida, ou implicaría o uso de medios de recollida desproporcionados;...

f) De abellas e subprodutos da apicultura mediante incineración ou enterramento in situ en condicións que preveñan a transmisión de riscos para a saúde pública e a saúde animal».

No mesmo senso, o artigo 16 do Real decreto 1528/2012, do 8 de novembro, titulado «Normas especiais de recollida e eliminación», atribúe á autoridade competente a que se refire o artigo 2 a autorización destas excepcións.

A eliminación dos cadáveres de animais da especie equina e das abellas e dos subprodutos da apicultura mediante o seu enterramento controlado exonera as explotacións galegas da obriga de transportalos aos correspondentes establecementos de eliminación, o que pode contribuír a incrementar a eficiencia produtiva daquelas.

En canto aos cadáveres de animais de compañía, segundo o ámbito onde se xeren ou se atopen, poden xestionarse dentro de distintos marcos normativos, SANDACH ou residuos, en todo caso sempre suxeitos a unhas especificacións regulamentarias moi estritas en canto á súa eliminación. Por unha banda, os subprodutos animais constituídos polos cadáveres de animais de compañía, e calquera das súas partes incluídas as peles, deben categorizarse polos explotadores nos establecementos en que se producen como material de categoría 1, segundo o disposto polo Regulamento (CE) nº 1069/2009, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro, e eliminarse de acordo con esta normativa. Doutra banda, para o caso dos cadáveres dos animais domésticos, tamén resulta de aplicación a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, que, con carácter básico, configura no seu artigo 3 os cadáveres destes animais como residuos domésticos.

No mesmo senso, a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, nos seus artigos 12.5 e 49.3, sinala que corresponde ás entidades locais como servizo obrigatorio a recollida, o transporte e o tratamento dos residuos domésticos, na forma en que se estableza nas súas respectivas ordenanzas no marco xurídico do establecido nesta lei, nas que, de ser o caso, diten as comunidades autónomas e na normativa sectorial en materia de responsabilidade ampliada do produtor. Finalmente, esta mesma lei dispón que no suposto de abandono, vertedura ou eliminación incontrolada de residuos, a potestade sancionadora corresponderá aos titulares das entidades locais.

Hai que ter en conta que os animais domésticos e, por tanto os seus cadáveres, así como a recollida e o tratamento de residuos, entran tamén dentro do ámbito competencial dos concellos recollido no artigo 25.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e no artigo 80.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, ao atribuírlle a protección da salubridade publica. Así mesmo, a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, atribúe aos concellos a prestación do servizo de recollida dos animais abandonados.

Con todo, non pode esquecerse o feito de que frecuentemente os/as propietarios/as establecen coas súas mascotas unhas relacións afectivas que os levan a procurar un tratamento para os seus cadáveres en consonancia cos ditos afectos, polo que é necesario posibilitar e regular o seu enterramento.

En Galicia existe un tipo de explotación gandeira tradicional, consistente na cría de équidos en completa liberdade, que se leva a cabo en pastos, xeralmente de uso común. Cando acontece a morte destes animais, xa sexa por causas naturais, accidentes ou ataque de depredadores silvestres, poden darse situacións en que resulte difícil a retirada dos cadáveres, ben por atopase en zonas de acceso practicamente imposible, en zonas nas cales se entrañan riscos para a saúde e a seguridade do persoal que leve a cabo a recollida ou porque implican o uso de medios de recollida desproporcionados.

Ata o momento, o Decreto 142/2012, do 14 de xuño, polo que se establecen as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galicia, unicamente regula o enterramento como método de eliminación dos cadáveres dos animais pertencentes ás explotacións extensivas de équidos en liberdade, polo que, á vista dos motivos expostos, resulta necesario contemplar outros medios de eliminación de cadáveres de animais da especie equina, que tamén sexan aplicables no caso de que só se atopen refugallos destes animais.

A Comunidade Autónoma de Galicia, con base nas súas competencias en materia de gandaría (artigo 30.I do Estatuto de autonomía de Galicia), así como en materia de sanidade (artigo 30), respectando a competencia lexislativa básica do Estado, pode desenvolver as previsións estatais relativas ás distancias que deben gardar as explotacións gandeiras respecto de determinadas instalacións e establecementos.

En concreto, e no caso das explotacións porcinas, considérase necesario remitirse ás distancias mínimas previstas na normativa básica estatal, ben que concretando qué debe entenderse por «cascos urbanos» para os efectos do artigo 5.dos.A), relativo á separación sanitaria de tales explotacións.

Esta delimitación inclúese na disposición adicional segunda e realizouse segundo o ditame do Consello Consultivo de Galicia, tendo en conta o tipo de especie animal de que se trata, o tipo de epizootias que afectan a dita especie, o seu poder difusor, os elementos determinantes da dita difusión, a ausencia do seu carácter zoonósico, o número de habitantes e as circunstancias de carácter xeográfico no medio rural galego, caracterizado por unha maior diseminación de vivendas e poboación.

Na tramitación desta norma deuse audiencia aos sectores afectados e o Consello Agrario Galego emitiu un ditame.

En consecuencia, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concordante, e por proposta da conselleira do Medio Rural, oído o Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xuño de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Este decreto ten como obxecto autorizar, en condicións que garantan a protección da saúde pública, a sanidade animal e o ambiente e consonte o disposto no artigo 16 do Real decreto 1528/2012, do 8 de novembro, polo que se establecen as normas aplicables aos subprodutos animais e aos produtos derivados non destinados ao consumo humano, as seguintes actuacións:

a) A eliminación mediante enterramento dos équidos mortos nas explotacións equinas.

b) A eliminación mediante enterramento das abellas mortas e outros subprodutos animais non destinados ao consumo humano da apicultura (en diante SANDACH da apicultura).

c) O enterramento dos cadáveres de animais de compañía.

d) A eliminación, baixo supervisión oficial, mediante degradación in situ, de cadáveres de animais equinos explotados en liberdade mortos nos pastos.

2. Así mesmo, ten como finalidade regular, sen prexuízo da normativa ambiental que sexa aplicable, as condicións básicas en que se realizará:

a) O enterramento dos équidos mortos, as abellas mortas e outros SANDACH da apicultura e os cadáveres de animais de compañía.

b) A eliminación, mediante degradación in situ, de cadáveres de animais equinos explotados en liberdade mortos nos pastos.

Artigo 2. Exclusións

Este decreto non resulta de aplicación aos seguintes SANDACH:

a) Os cadáveres de equinos que se sacrificaron con destino ao consumo humano en matadoiros e os que se sacrificaron ou morreron como consecuencia da presenza real ou sospeitada dunha enfermidade transmisible aos seres humanos ou aos animais, e en particular das enfermidades de declaración obrigatoria que afectan os équidos relacionadas no anexo I do Real decreto 526/2014, do 20 de xuño, polo que se establece a lista das enfermidades dos animais de declaración obrigatoria e se regula a súa notificación.

b) Os cadáveres de equinos mortos nun centro de concentración de gando, ou no interior dun vehículo durante o transporte a un matadoiro autorizado para o seu sacrificio.

c) As abellas mortas e os SANDACH da apicultura, cando na explotación apícola na que se xeren exista a presenza real ou sospeitada dunha enfermidade transmisible aos seres humanos ou aos animais, e en particular das enfermidades de declaración obrigatoria que afectan as abellas dispostas no anexo I do Real decreto 526/2014, do 20 de xuño.

Artigo 3. Definicións

Sen prexuízo das definicións incluídas no artigo 3 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, as recollidas no artigo 3 do Regulamento (CE) nº 1069/2009, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro, e as incluídas no anexo I do Regulamento (UE) nº 142/2011, da Comisión, do 25 de febreiro, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1069/2009, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro, e a Directiva 97/78/CE, do Consello, do 18 de decembro de 1997, pola que se establecen os principios relativos á organización de controis veterinarios dos produtos que se introduzan na Comunidade procedentes de países terceiros, en canto a determinadas mostras e unidades exentas dos controis veterinarios na fronteira en virtude dela, para os efectos deste decreto serán aplicables as seguintes:

a) Équido ou animal equino: un mamífero solípede salvaxe ou domesticado de calquera especie do xénero Equus da familia Equidae e os seus cruzamentos.

b) Subprodutos da apicultura: mel, cera, xelea real, própole ou pole non destinados ao consumo humano.

c) Animal de compañía: calquera animal pertencente ás especies normalmente alimentadas e mantidas, mais non consumidas, polos seres humanos con fins distintos da gandaría.

d) Persoa propietaria de animal de compañía: a persoa física que posúe a titularidade dun animal de compañía cunha finalidade non económica. Exclúense desta definición as persoas físicas ou xurídicas titulares dos establecementos sinalados no artigo 33.2 do Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

e) Explotacións equinas extensivas en liberdade: aquelas explotacións extensivas asentadas sobre terreos agrícolas ou forestais, xa sexan públicos ou privados, onde se explotan baixo control os animais equinos en completa liberdade.

f) Pastos de uso en común: son terreos forestais ou agrícolas, independentemente da súa titularidade, sobre os cales se poden asentar explotacións equinas de varias persoas titulares autorizadas polas persoas propietarias dos terreos para o aproveitamento en común das producións forraxeiras desas superficies.

g) Persoa responsable de pasto de uso en común: a persoa, física ou xurídica, ou unha comunidade veciñal de montes en man común, titular do dereito de aproveitamento de pastos, coincida ou non coa persoa propietaria do terreo, e que asume, ademais das obrigas derivadas do negocio xurídico privado de explotación que corresponda, as establecidas neste decreto derivadas do aproveitamento en común dos pastos.

h) Captación de auga potable: toda aquela obra destinada a obter un certo volume de auga para satisfacer unha determinada demanda de auga potable, dunha formación acuífera ben superficial ou subterránea, por medio de pozos, sondaxes e mananciais. Terán esta consideración os encoros utilizados para abastecemento de poboacións en todo o seu perímetro.

i) Responsable do enterramento: as persoas titulares ou representantes das explotacións gandeiras equinas ou apícolas que adopten este método de eliminación, as persoas propietarias de animais de compañía que os enterren e os operadores de establecementos que presten un servizo de enterramento de animais de compañía a terceiros.

j) Responsable da eliminación mediante degradación in situ de cadáveres de equinos mortos nos pastos de explotacións extensivas en liberdade: as persoas titulares ou representantes das explotacións gandeiras equinas que adopten este método de eliminación.

CAPÍTULO II
Condicións e requisitos para a eliminación dos SANDACH

Sección 1ª. Condicións para a eliminación dos SANDACH

Artigo 4. Condicións xerais

1. Sen prexuízo do disposto para a súa transformación e/ou eliminación no Regulamento (CE) 1069/2009, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro, e no Regulamento (UE) nº 142/2011, da Comisión, do 25 de febreiro, o enterramento de cadáveres equinos, SANDACH apícolas e cadáveres de animais de compañía, así como a degradación in situ de cadáveres de equinos explotados en liberdade mortos nos pastos só poderá realizarse de xeito controlado e en condicións que garantan o control dos riscos para a saúde pública, a sanidade animal e o ambiente, segundo o establecido neste decreto.

2. Cando a especie de que se trate estea suxeita a unha regulamentación que estableza a súa identificación, individual ou por lotes, non se poderá enterrar ningún cadáver ou subproduto que non cumpra con esta obriga.

Artigo 5. Condicións de enterramento dos équidos mortos nas explotacións gandeiras

O enterramento dos cadáveres equinos poderá levarse a cabo por parte das persoas titulares daquelas explotacións que cumpran a normativa vixente en materia de rexistro de explotacións gandeiras e de identificación animal, e cos equinos pertencentes á súa explotación. O équido obxecto de enterramento deberá estar identificado segundo proceda, en función da súa idade, de acordo co disposto na normativa aplicable en materia de identificación animal e, en particular, no Real decreto 1515/2009, do 2 de outubro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies equinas, e no Decreto 142/2012, do 14 de xuño, polo que se establecen as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galicia.

Artigo 6. Condicións de enterramento dos SANDACH apícolas xerados nas explotacións gandeiras

O enterramento dos SANDACH apícolas poderá realizarse por parte das persoas titulares das explotacións apícolas que cumpran a normativa vixente en materia de rexistro de explotacións gandeiras e de identificación animal, e sempre que teñan as colmeas correctamente identificadas de acordo coa normativa aplicable en materia de identificación animal, en particular, o Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen as normas de ordenación das explotacións apícolas.

Artigo 7. Condicións de enterramento de cadáveres de animais de compañía

1. A eliminación dos cadáveres de animais de compañía poderá realizarse mediante o seu enterramento controlado ben por parte das persoas propietarias deles ou ben por establecementos que presten un servizo de enterramento de animais de compañía a terceiros, segundo o establecido neste decreto.

2. No caso de animais da especie canina, será requisito imprescindible para poder acollerse a esta vía de eliminación o cumprimento dos requisitos previos de identificación e inclusión no rexistro correspondente establecidos no Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos.

Artigo 8. Condicións para a eliminación mediante degradación in situ de cadáveres de equinos de explotacións extensivas en liberdade

A eliminación dos cadáveres de equinos de explotacións gandeiras extensivas en liberdade que morran nos pastos e se atopen en zonas de acceso practicamente imposible ou que só sexa posible en circunstancias que, por motivos xeográficos ou climáticos ou por consecuencia dun desastre natural, entrañen riscos para a saúde e a seguridade do persoal que leva a cabo a recollida ou cuxo acceso implicaría o uso de medios de recollida desproporcionados, poderá levarse a cabo mediante a súa degradación natural in situ, baixo supervisión oficial segundo o establecido neste decreto.

Igual que o disposto no artigo 5, esta eliminación só poderán realizala os titulares de explotacións ou persoa responsable do pasto de uso en común, en explotacións que cumpran a normativa vixente en materia de rexistro de explotacións gandeiras e de identificación animal, cos equinos pertencentes á propia explotación mortos no pasto, e que comunicaron á autoridade competente en materia de gandaría a súa intención de acollerse a este sistema, segundo se establece no artigo 12 deste decreto.

Sección 2ª. Requisitos para a eliminación dos SANDACH

Artigo 9. Requisitos xerais dos enterramentos dos cadáveres e SANDACH

1. Os enterramentos realizaranse de forma que se evite a contaminación das capas freáticas e dos acuíferos e, en todo caso, deberán gardar unha distancia mínima de 250 metros desde calquera captación de auga potable e 50 metros desde calquera curso de auga.

2. Os enterramentos realizaranse de forma que se eviten outros riscos para a saúde pública ou a sanidade animal, mesmo polos ruídos ou olores.

3. Os enterramentos deberán realizarse de forma e coa profundidade que garanta que os animais preeiros, oportunistas ou as pragas non poidan acceder a eles e non se expoñan outros riscos engadidos para a saúde pública e/ou para a sanidade animal.

4. Os cadáveres ou subprodutos na fosa, antes de seren enterrados, deberán ser cubertos ou impregnados cun desinfectante apropiado, como pode ser o cal vivo, distribuído uniformemente entre capa e capa de subproduto.

5. Nos enterramentos evitaranse, así mesmo, danos ou alteracións ao ambiente natural, en concreto, riscos para a auga, o aire e o solo á biota, aos elementos xeomorfolóxicos e elementos de significación patrimonial, cultural ou histórica.

Artigo 10. Requisitos específicos dos enterramentos dos équidos e dos SANDACH apícolas mortos ou xerados nas explotacións gandeiras

1. Os enterramentos deberanse realizar na propia explotación, en terreos da súa propiedade ou en terreos alleos, pero respecto dos que se posúa un título que o permita, preferiblemente no lugar onde se atope o cadáver ou SANDACH ou, de ser o caso, nos puntos máis próximos posibles ao dito lugar e, levaranse a cabo nun prazo máximo de 48 horas desde a morte do animal ou o momento en que se atopou.

2. Os enterramentos realizaranse de forma que se eviten outros riscos para a saúde pública ou a sanidade animal e especificamente:

a) A unha distancia mínima de 100 metros doutras explotacións gandeiras e de vivendas alleas.

b) Separados claramente da zona de estabulación dos animais da explotación, así como do almacén de alimentos e doutros lugares da explotación cuxa proximidade no momento do enterramento poida xerar calquera risco para a saúde humana e/ou para a sanidade animal.

Artigo 11. Requisitos específicos dos enterramentos de cadáveres de animais de compañía

1. As persoas propietarias dos animais de compañía poderán enterralos en terreos da súa propiedade ou en terreos alleos, pero respecto dos que se posúa un título que o permita.

2. Os operadores que presten un servizo de enterramento de animais de compañía a terceiros asegurarán:

a) Que os enterramentos se realizan nos lugares e establecementos expresamente autorizados polo concello correspondente.

b) Que as fosas son estancas e que, unha vez completa a súa capacidade, son seladas de forma adecuada.

Artigo 12. Requisitos específicos da eliminación mediante degradación in situ de cadáveres de equinos mortos nos pastos

1. As persoas titulares ou representantes das explotacións equinas extensivas en liberdade poderán eliminar, baixo supervisión oficial, mediante degradación in situ, os cadáveres de animais equinos, destas explotacións, mortos nos pastos sempre que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os cadáveres se atopen nunha zona de acceso practicamente imposible.

b) Polas características da zona, se corran riscos para a saúde e a seguridade do persoal que leve a cabo a recollida.

c) Que a súa recollida implicase o uso de medios desproporcionados.

2. Así mesmo, os cadáveres deberan estar situados a unha distancia mínima de 100 metros doutras explotacións gandeiras e de vivendas alleas. Porén, nos pastos de uso común, non se considera a existencia doutras explotacións gandeiras.

3. A acreditación destas circunstancias levarase a cabo mediante a presentación dunha declaración responsable cos contidos mínimos previstos no anexo I deste decreto.

CAPÍTULO III
Obrigas

Artigo 13. Obrigas das persoas responsables dos enterramentos

1. As persoas responsables dos enterramentos garantirán a correcta eliminación dos cadáveres e subprodutos mediante o enterramento na forma e baixo as condicións que se regulan neste decreto.

2. Deberán manter un rexistro no cal se indicarán os seguintes aspectos:

a) As datas de enterramento dos SANDACH.

b) A localización dos enterramentos.

c) A identificación dos animais mortos (especie, cantidade ou partes dos animais e, se é o caso, identificación individual ou por lotes).

d) En caso de prestación de servizo de enterramento de animais de compañía a terceiros, identificación das persoas propietarias destes.

A información contida no rexistro deberá conservarse durante polo menos tres anos contados a partir da última inscrición e o rexistro estará á disposición permanente da autoridade competente de control para a súa supervisión.

3. As persoas responsables dos enterramentos deberán permitir a correspondente toma de mostras cando o solicite a autoridade competente.

4. No caso de que a persoa responsable do enterramento sexa a propietaria do animal de compañía, non será necesario manter o rexistro descrito no número 2.

Artigo 14. Obrigas das persoas titulares ou representantes das explotacións gandeiras que realicen enterramentos

1. As persoas titulares ou representantes das explotacións gandeiras serán responsables da correcta eliminación dos cadáveres equinos e SANDACH da apicultura que se xeren nas súas explotacións, así como da eliminación in situ en explotacións extensivas en liberdade, por algún dos métodos establecidos no Regulamento (CE) nº 1069/2009, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro, e no Regulamento (UE) nº 142/2011, da Comisión, do 25 de febreiro, e na forma e nas condicións que se regulan neste decreto.

2. Así mesmo, deberán manter o rexistro establecido no artigo 13, no cal se indicará ademais a identificación do equino morto ou, no caso da apicultura, a clase e a cantidade de SANDACH enterrados.

3. No caso dos cadáveres equinos, unha vez enterrados, a persoa titular da explotación ou o seu representante deberá comunicar a baixa do animal á autoridade competente en materia de gandaría nun prazo non superior a 7 días naturais desde a data en que se produciu a morte, e entregará o correspondente documento de identificación equina, na forma establecida no artigo 8.6 da Orde do 29 de marzo de 2010, pola que se establecen medidas en relación co sistema de identificación dos équidos na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As persoas titulares ou representantes das explotacións gandeiras ás cales pertenzan os equinos mortos e os subprodutos da apicultura están obrigadas a comunicar á autoridade competente en materia de gandaría de forma inmediata e, en todo caso, antes de proceder ao seu enterramento, calquera sospeita de enfermidade epizoótica ou de enfermidade que implique un risco sanitario para a sanidade animal, para a saúde pública ou para o ambiente, consonte o disposto na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

5. As persoas indicadas no número anterior estarán, así mesmo, obrigadas a:

a) Facilitar a información que lles sexa requirida pola autoridade competente en materia de gandaría sobre o estado sanitario dos animais que teñan baixo a súa responsabilidade.

b) Aplicar as medidas sanitarias impostas por esta autoridade de acordo coa normativa vixente e, en particular, as dispostas neste decreto.

c) Permitir cantas actuacións de control sexan consideradas oportunas pola autoridade competente en materia de gandaría, no marco da presente norma, e facilitar a súa execución.

Artigo 15. Obrigas dos operadores que presten servizo de enterramento de animais de compañía a terceiros e das persoas propietarias

1. De acordo co disposto no artigo 24 do Regulamento (CE) nº 1069/2009, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro, os operadores que presten servizo de enterramento de animais de compañía a terceiros garantirán que os establecementos ou plantas baixo o seu control están autorizados polo órgano administrativo competente en materia de gandaría antes de iniciar as operacións.

2. Estes operadores deberán contar, ademais, coa correspondente licenza municipal de actividade ou comunicación previa ante o concello en que se sitúen.

3. Se é o caso, a manipulación, a recollida e o transporte dos cadáveres farase mediante operadores rexistrados e/ou autorizados polo órgano administrativo competente en materia de gandaría. Este requisito non será aplicable no caso de que as persoas propietarias dos animais de compañía depositen directamente os seus cadáveres nos establecementos.

4. No caso de animais da especie canina, a persoa propietaria do animal deberá comunicar esta circunstancia ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos, regulado polo Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, no prazo de 10 días desde a realización efectiva do enterramento, para os efectos da súa baixa no rexistro.

Artigo 16. Obrigas das persoas titulares ou representantes das explotacións equinas extensivas en liberdade que deixen in situ os équidos mortos nos pastos

1. As persoas titulares ou representantes das explotacións equinas extensivas en liberdade que deixen in situ os équidos mortos nos pastos asumirán de forma xeral as obrigas recollidas no artigo 14, incluída a de mantemento do rexistro a que fai referencia ese artigo, coa particularidade de que a data de localización do cadáver ou refugallo será asimilada á data da morte do équido.

2. Localizado o cadáver do équido morto no pasto, a persoa titular da explotación ou representante valorará, en función da localización daquel, se o cadáver se atopa nunha zona de acceso practicamente imposible ou que só é posible en circunstancias que, por motivos xeográficos ou climáticos ou por consecuencia dun desastre natural, entrañen riscos para a saúde e a seguridade do persoal que leva a cabo a recollida ou cuxo acceso implicaría o uso de medios de recollida desproporcionados e, polo tanto, pode eliminarse in situ, sempre que se garanta o control dos riscos para a saúde pública, a sanidade animal e o ambiente.

3. Para os efectos da supervisión oficial prevista no artigo 8, a persoa responsable do enterramento deberá comunicar á autoridade competente en materia de gandaría a dita eliminación, mediante unha declaración responsable cos contidos mínimos recollidos no anexo I deste decreto, no prazo máximo de 48 horas desde a localización do cadáver. Esta autoridade, á vista do contido da comunicación, ou aleatoriamente, poderá realizar unha inspección presencial e requirir a retirada ou o enterramento do cadáver se se desen circunstancias que afecten a saúde pública, a sanidade animal ou o dano ambiental que así o aconsellen.

CAPÍTULO IV
Presentación das declaracións

Artigo 17. Presentación das declaracións

As declaracións responsables, citadas no artigo 12.3, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as declaracións en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Sistema integrado», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a dirección xeral competente en materia de gandaría. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a devandita dirección xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico sersegal@xunta.gal

Artigo 19. Documentación e modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO V
Medidas cautelares

Artigo 20. Prohibicións de enterramento de cadáveres e SANDACH e de eliminación in situ nos pastos

O enterramento de équidos e SANDACH apícolas e a eliminación in situ dos équidos nos pastos poderá prohibirse preventivamente de maneira inmediata mediante unha resolución da autoridade competente en materia de gandaría, cando os titulares das explotacións gandeiras ou as persoas responsables de enterramentos incumpran as condicións establecidas neste decreto e cando nas explotacións gandeiras se sospeite ou confirme un brote dunha enfermidade grave transmisible a persoas ou animais, ata que se poida descartar o risco para a saúde pública e/ou para a sanidade animal.

CAPÍTULO VI
Réxime sancionador

Artigo 21. Réxime sancionador

En caso de incumprimento do disposto neste decreto será de aplicación, en función da materia, o réxime de infraccións e sancións establecido na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal; na Lei 17/2011, do 5 de xullo, de seguridade alimentaria e nutrición; na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados; na Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública; na Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, ou na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Disposición adicional primeira. Modificación de formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición adicional segunda. Distancias de explotacións gandeiras porcinas a cascos urbanos

Para os efectos da aplicación das condicións mínimas de localización recollidas para as novas explotacións porcinas na normativa básica estatal relativa ás medidas de ordenación sanitaria e zootécnica daquelas, e de acordo co sistema de asentamento poboacional propio de Galicia, entenderanse por «casco urbano» os asentamentos de poboación suficiente e efectiva constitutivos de núcleos de poboación formados, na data de solicitude da licenza municipal correspondente da nova explotación porcina, por edificacións de uso residencial con separación entre elas inferior aos 25 metros, que estean formando rúas, prazas e outras vías urbanas, e constitúan un conxunto en que teñan a súa residencia polo menos 100 persoas. Non se considerarán, por tanto, incluídos no concepto de «casco urbano» outro tipo de asentamentos de poboación que non cumpran conxuntamente cos ratios de poboación e edificacións anteriormente sinalados, nin as vivendas illadas dispersas, nin os asentamentos poboacionais en diseminado constitutivos de núcleos rurais.

A distancia sinalada na normativa de referencia medirase entre a edificación con uso residencial do «casco urbano» máis próxima á explotación e o seu peche sanitario.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento do decreto

Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de gandaría para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xuño de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file