Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 23 de xuño de 2016 Páx. 26510

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2016 pola que se convoca unha edición dun curso sobre formación en desfibrilación semiautomática externa (DESA) para persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teña como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2016, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dos cursos de formación continua dirixidos ao persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo

Curso

Denominación

Formación en desfibrilación semiautomática externa (DESA) para persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

8

Prazas

20 por edición

Segunda. Obxectivos e contido da actividade formativa

Obxectivos: adquirir a formación necesaria para a utilización e manexo dos desfibriladores externos, co fin de conseguir:

1. Aumentar as taxas de supervivencia nos pacientes con morte súbita, conseguindo un acceso precoz a un sistema de emerxencias médicas.

2. Acurtar os tempos para realizar reanimación cardiopulmonar e a desfibrilación precoz.

Contido: no curso trataranse os seguintes temas:

• Introdución.

• RCP básica. Recordo.

• Coñecemento teórico do DESA.

• Recollida de datos (Utstein). Mantemento do aparello.

• Exercicios prácticos:

– RCP básica.

– Práctica DESA.

– RCP + DESA (megacode).

Terceira. Destinatarios/as

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) dos concellos de Galicia.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Desenvolvemento da actividade

Lugar e datas: vaise realizar unha edición na Agasp (rúa da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra) nas datas reflictidas na seguinte táboa:

Edición

Lugar

Datas (aproximadas)

Agasp (rúa da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra)

12 de xullo de 2016

Horario: 9.30 a 13.30 e das 16.00 ás 20.00

Quinta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos de participación: os/as solicitantes deberán:

a) Ter prioritariamente a condición de demandante de emprego.

b) Estar como voluntario/a activo/a na correspondente AVPC que dispoña de equipo de desfibriladores externos.

c) Ter superado o curso básico de protección civil.

d) Unha vez acreditados os puntos b) e c), deberá constatarse a condición de demandante de emprego do/da solicitante e realizarase a selección para a cobertura das prazas de acordo cos criterios establecidos na base oitava.

e) No suposto de existiren prazas vacantes non cubertas por desempregados, serán cubertas polos restantes solicitantes que non cumpran a dita condición seguindo os criterios da base oitava.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou o desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se cubrirá xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es) e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios de selección

Os criterios de selección son os seguintes e na orde indicada:

1º. Teñen preferencia as persoas que estean en situación de demandantes de emprego.

2º. De acordo co artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, en cada edición do curso reservarase un cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

3º. Teñen preferencia as persoas de maior rango xerárquico na AVPC.

4º. Teñen preferencia as persoas con máis antigüidade como voluntarias de protección civil.

5º. Teñen preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Aplicada a anterior selección combinada para desempregados, no suposto de existiren vacantes, realizarase igual proceso para os solicitantes empregados. Cando no proceso de selección de desempregados non se completase a reserva do punto segundo, a dita reserva, de existir suficiente número de solicitantes, continuará aplicándose no colectivo de empregados ata chegar á referida porcentaxe.

Novena. Acreditación da condición de desempregado/a

A tramitación das solicitudes de inscrición nas actividades formativas incluídas nesta convocatoria require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas á Agasp para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos.

A presentación da solicitude de inscrición nas actividades formativas incluídas nesta convocatoria pola persoa interesada comportará a autorización á Agasp para a consulta da súa situación laboral no Servizo Público de Emprego.

Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar o consentimento para a mencionada consulta, sinalando a epígrafe correspondente na solicitude de matrícula. Neste suposto, presentará no enderezo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es a tarxeta de demandante de emprego actualizada.

O prazo de presentación da documentación mencionada no punto anterior é o mesmo que para a presentación de solicitudes de inscrición e a documentación presentada fóra de prazo poderá non ser tida en conta no proceso de selección do alumnado para as diferentes actividades formativas.

Décima. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro), as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Undécima. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Duodécima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

O alumnado dos cursos deberá dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE. Os indicadores de execución relativos ao alumnado refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa operación, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa operación cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Décimo terceira. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, e penalizaranse disciplinariamente, no caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporalle ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décimo cuarta. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo quinta. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2014-2020, no eixe 1B, obxectivo temático 08 - Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral. Prioridade de inversión 08.01 - Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral. Obxectivo específico 08.01.02 - Mellorar a empregabilidade especialmente das persoas desempregadas e/ou demandantes de emprego, a través da adquisición e/ou actualización de competencias profesionais.

Décimo sexta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar, mediante resolución do director xeral e sen necesidade de nova publicación, o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir polo mesmo procedemento o curso, ampliar novas edicións ou prazas del, ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 10 de xuño de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública