Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 27 de xuño de 2016 Páx. 26940

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico extraordinario de investimentos destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, regula nos artigos 255 e 256 as asociacións de veciños e determina especificamente que os concellos galegos favorecerán o desenvolvemento das que se constitúan para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños; que as constituídas con esta finalidade terán a consideración de entidades de participación cidadá; que poderán federarse dentro de cada municipio; que a Xunta de Galicia levará un rexistro xeral en que se inscribirán as existentes na Comunidade Autónoma e que a ela lle corresponde, a través da consellería competente en materia de réxime local, prestarlles a debida asistencia e axuda.

O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle a xestión dos asuntos propios das asociacións, así como as relacións coas entidades locais e coas demais institucións relacionadas co ámbito do poder local, que son, en particular, competencias da Dirección Xeral de Administración Local, o fomento do asociacionismo veciñal e o impulso, estudo e control do cumprimento da Lei de Administración local de Galicia e demais normativa de réxime local, así como o exercicio das competencias que nesa materia lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza regula mediante a presente orde, dentro do ámbito das súas competencias, axudas específicas para investimentos destinadas ás asociacións veciñais de Galicia, coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento de concesión de axudas está xustificado pola propia natureza destas e a súa concesión vén determinada polo cumprimento por parte das entidades dos requisitos establecidos na propia orde. Distribúese o crédito entre as catro provincias atendendo ao número de asociacións con que contan.

A presente orde financiarase cos recursos adicionais que proporciona o novo obxectivo de estabilidade orzamentaria para as comunidades autónomas en 2016, establecido en aplicación da nova senda aprobada no pleno 94 do Consello de Política Fiscal e Financeira, do 28 de abril.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e beneficiarios

1. As subvenciones reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para investimentos destinadas ás entidades a que se refire o número 3 deste artigo, coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

3. Poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais (en adiante, entidades), para a realización de investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso, camiños veciñais e traídas de augas veciñais coa finalidade de mellorar a prestación dos servizos de interese veciñal, análogos aos encadrados como servizos básicos municipais na lexislación básica de réxime local, mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.

4. As entidades deberán estar, en todo caso, debidamente inscritas no correspondente rexistro de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (central ou provincial) dependentes da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociación de veciños, e ter actualizados no rexistro os datos de composición da xunta directiva e os estatutos da entidade.

No suposto das comunidades de usuarios de augas, deberán estar inscritas no libro do rexistro de augas do correspondente organismo de bacía.

5. Non se atenderán as solicitudes das entidades non inscritas e coa totalidade dos seus datos sen actualizar na data en que remate o prazo de solicitudes.

Artigo 2. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.781.0 (código de proxecto 2016 00375), ata un importe máximo de tres millóns de euros (3.000.000 de euros), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, distribuíndose por provincias do seguinte xeito:

– A Coruña: novecentos cincuenta mil euros (950.000 €).

– Lugo: cincocentos mil euros (500.000 €).

– Ourense: cincocentos mil euros (500.000 €).

– Pontevedra: un millón cincuenta mil euros (1.050.000 €).

2. A axuda económica que se conceda poderá acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 15.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos, ata o esgotamento do crédito a que se refire o punto anterior.

3. No caso de esgotamento do crédito dispoñible, informarase do dito aspecto a través da páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://cpapx.xunta.gal).

Artigo 3. Destino das subvencións

Poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade veciñal ou sobre os cales a entidade solicitante ten un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título, así como equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles vinculados a acadar unha eficaz prestación dos servizos de interese veciñal, análogos aos encadrados como servizos básicos municipais na lexislación de réxime local, e a mellora da vida local nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, incluídos os camiños veciñais e as traídas de augas xestionadas polas comunidades de usuarios de augas.

Artigo 4. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. As entidades que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365
(https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

6. A entidade solicitante deberá xuntar á solicitude a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do NIF da entidade solicitante só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

b) Memoria explicativa do investimento que se vai realizar, que será asinada polo representante da entidade, na cal se fará constar a data, e irá acompañada dun esbozo de situación. Cando se trate de obras de reforma ou ampliación de instalacións ou edificacións existentes deberán incluírse entre a documentación fotografías que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.

c) Orzamento do investimento ou da adquisición que se vai realizar, que deberá describir con claridade conceptos e cantidades e o seu prezo unitario. O orzamento, no cal se fará constar a data e que será asinado polo representante da entidade, debe aplicar o IVE do 21 %. Só será subvencionable o IVE que non sexa deducible e a entidade deberá sinalar expresamente esta circunstancia (se o IVE é deducible ou non) na solicitude.

d) Nome das asociacións de veciños/federacións que forman parte da entidade, se é o caso.

e) Certificación do órgano competente en que se aproba participar nesta convocatoria de subvencións e do nomeamento do representante para a súa relación coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, emitida no modelo do anexo II.

f) Declaración do representante da entidade de non estar incursa en causas de incompatibilidade para contratar e percibir subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria, incluída no anexo I da presente orde.

g) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas que financien o investimento que se vai subvencionar e compromiso de comunicarlle á Dirección Xeral de Administración Local as que obteñan nun futuro, incluída no anexo I da presente orde.

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa consta en poder da Administración autonómica, e non se produciu variación que afecte o contido ou a vixencia desta desde o momento en que foi presentada, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que a Dirección Xeral de Administración Local reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, considere oportuna.

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

A inscrición da entidade no Rexistro de Asociacións será verificada de oficio por parte dos correspondentes servizos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

7. O defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas pola Dirección Xeral de Administración Local e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendaren os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se terán por desistidas da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Instrución

1. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que, ao abeiro do establecido no artigo 4.7 da presente orde, se requirise aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por rexistro de entrada da solicitude presentada a data en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

2. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación que exixe o artigo 4.6 da presente orde é correcta e está completa, ata o esgotamento do crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local elevará as sucesivas propostas de concesión á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 6. Resolución, notificación e modificación

1. O prazo para resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será dun mes, contado a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Será causa de denegación de concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada no artigo 2 da presente orde.

3. A resolución notificaráselles a todas as entidades interesadas, na forma prevista no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo o establecido no artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

4. Contra a resolución as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo.

5. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse en todo caso os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Aceptación

1. O representante da entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

3. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

4. A Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 8. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

1. Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

2. Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 9 desta orde.

3. Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de cinco anos.

4. Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

e) Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos do seu remate unha modificación que afecte a natureza do investimento.

f) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 9. Xustificación e pagamento

As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 31 de outubro de 2016.

Para tales efectos, deberán achegar:

a) Memoria explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos, que inclúa unha reportaxe fotográfica.

b) Conta xustificativa dos gastos no modelo do anexo III, na cal se relacionarán as facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificarase o provedor, o NIF, o número da factura, o concepto e o importe) ata completar a totalidade do orzamento que serviu de base á concesión.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.

c) Facturas orixinais, ou fotocopias compulsadas, conformadas polo presidente da agrupación veciñal, indicando o DNI. Deben achegarse facturas, como mínimo, polo importe da subvención concedida.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar as unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto, as facturas non se admitirán a trámite, o que dará lugar á perda da subvención concedida.

d) Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

e) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas, para a actuación subvencionada ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administración públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración, segundo o modelo do anexo III.

f) Declaración asinada polo/a presidente/a da entidade de que se cumpriu a finalidade da subvención, segundo o modelo do anexo III.

O aboamento da subvención practicaráselle directamente á agrupación na conta bancaria indicada por esta.

Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado a correspondente xustificación entenderase que a entidade renuncia á subvención.

Artigo 10. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actuación subvencionada.

Artigo 12. Incumprimento de obrigas

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 13. Publicidade das subvencións concedidas

As entidades beneficiarias e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos establecidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; do mesmo xeito integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

Artigo 14. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a administracionlocal@xunta.gal

Artigo 15. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Administración Local, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://cpapx.xunta.gal).

b) Nos teléfonos 981 54 62 11 e 881 99 71 71.

c) No enderezo electrónico: administracionlocal@xunta.gal

Artigo 17. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file