Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 29 de xuño de 2016 Páx. 27467

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2016 pola que se convoca o VII Curso superior de formación do técnico na Administración local.

A Escola Galega de Administración Pública, a Dirección Xeral de Administración Local, a Federación Galega de Municipios e Provincias e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia organizan o presente curso co obxectivo de incidir na formación específica daquelas materias de especial importancia para o desenvolvemento das actividades laborais dos técnicos da Administración local.

O curso comezou, coa súa primeira edición, no ano 2007. Orixinalmente, o curso estaba dirixido exclusivamente aos enxeñeiros de camiños e aos alumnos da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña. Non obstante, os organizadores do curso, conscientes de que o traballo municipal é interdisciplinar, consideraron conveniente, na súa IV convocatoria, abrir o curso a todo tipo de técnicos, especialmente aos funcionarios con habilitación de carácter nacional, posto que a incorporación de persoal responsable das funcións públicas necesarias e reservadas leva consigo, sen dúbida, unha nova perspectiva ao modo de tratar as materias do curso e logra a interrelación entre todos os axentes do traballo municipal.

Conforme os fins que asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP, en colaboración co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Dirección Xeral de Administración Local, convoca o VII Curso superior de formación do técnico na Administración local.

1. Obxectivos.

O obxectivo deste curso é completar e actualizar os coñecementos dos técnicos da Administración local, o que lles permitirá un mellor desenvolvemento das funcións que teñen encomendadas.

2. Contido.

Os temas que se tratarán no curso serán os seguintes:

Tema 1. Estrutura organizativa do Estado e papel das entidades locais (municipios e deputacións).

Tema 2. A Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local: competencias e deberes das entidades locais.

Tema 3. Competencias, funcións e responsabilidades do técnico de obras municipal.

Tema 4. Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público. O Real decreto lexislativo 2/2000 sobre contratos das administracións públicas, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

Tema 5. Responsabilidades patrimoniais das administracións públicas.

Tema 6. Lexislación sobre prevención de riscos laborais: responsabilidades da Administración e dos técnicos municipais.

Tema 7. A Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: procedementos, redacción de informes, participación dos cidadáns, etc.

Tema 8. Lexislacións sectoriais con incidencia nas entidades locais (ordenación do territorio, estradas, augas, costas, portos, patrimonio, medio e espazos protexidos, etc.).

Tema 9. A Administración electrónica. Novas tecnoloxías ao servizo da Administración municipal: SIX, cartografía dixital, fotografía aérea, información de satélites, etc.

Tema 10. O marco legal da ordenación do territorio e do urbanismo en Galicia.

Tema 11. Instrumentos de ordenación do territorio de ámbito autonómico: directrices de ordenación do territorio, plan de ordenación do litoral.

Tema 12. O plan xeral municipal. Análise técnica e análise administrativa.

Tema 13. O desenvolvemento urbanístico. Plans parciais, plans sectoriais e plans especiais.

Tema 14. Informes urbanísticos do plan xeral municipal e dos plans especiais.

Tema 15. Os proxectos de urbanización.

Tema 16. Os sistemas de xestión urbanística.

Tema 17. Os convenios urbanísticos.

Tema 18. As licenzas no ámbito municipal.

Tema 19. A disciplina urbanística.

Tema 20. A avaliación ambiental dos plans.

Tema 21. A sustentabilidade e a protección do medio no ámbito das entidades locais.

Tema 22. Coordinación e aspectos prácticos da planificación de infraestruturas e servizos con administracións supramunicipais e entidades privadas.

Tema 23. A mobilidade no ámbito da Administración local.

Tema 24. O proxecto das infraestruturas de transporte: estradas urbanas, rúas, ferrocarrís urbanos e metropolitanos, estacións de ferrocarril e autobuses, aparcadoiros, intercambiadores, etc.

Tema 25. O proxecto dos servizos urbanos municipais: abastecemento, saneamento, iluminación pública, control de tráfico, enerxía eléctrica, telecomunicacións, distribución de gas, xestión de residuos sólidos, etc.

Tema 26. Áreas industriais e áreas empresariais.

Tema 27. Os equipamentos e as dotacións públicas.

Tema 28. O proxecto dos espazos libres (prazas, beiras fluviais, litoral, parques, etc.).

Tema 29. Lexislación sobre accesibilidade e a súa incidencia na xestión municipal.

Tema 30. A xestión dos servizos municipais e a relación coas concesionarias. Análise desde o punto de vista técnico e desde o punto de vista xurídico.

Tema 31. A xestión do patrimonio e os bens municipais: adquisición, inventario, cesión, alleamento, etc.

Tema 32. Os proxectos de expropiación, asignación do valor do solo e mutuos acordos.

3. Prazas: 50.

4. Destinatarios.

4.1. O 30 % das prazas (15) ten como destinatarios os empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local, e das universidades do Sistema universitario de Galicia que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

4.1.1. Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

4.1.2. Pertencer aos grupos I e II do persoal laboral.

Este curso valorarase con 1 punto a aqueles alumnos que tivesen sido considerados aptos á finalización deste e, polo tanto, teñan dereito a certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e conforme o establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo).

4.2. O 20 % das prazas (10) ten como destinatarios profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

4.3. O 40 % das prazas (20) ten como destinatarios enxeñeiros de camiños, canais e portos colexiados.

4.4. O 10 % das prazas (5) ten como destinatarios estudantes de enxeñaría de camiños, canais e portos ou do máster de enxeñaría de camiños, canais e portos precolexiados.

No caso de non completarse na súa totalidade a cota de prazas reservadas nos puntos anteriores, estas poderán cubrirse co resto dos solicitantes, coa orde de preferencia 4.1, 4.2, 4.3 e 4.4.

5. Pagamento da matrícula.

5.1. O importe da matrícula é de novecentos euros (900 €) para todos aqueles solicitantes que cumpran as condicións prescritas no punto 4.1.

O importe anterior poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 60 % do total (540 €) pagarase ao matricularse, entre o 26 de xullo e o 15 de agosto, e o 40 % restante (360 €) farase efectivo entre o 15 de setembro e o 15 de outubro.

5.2. O importe da matrícula é de mil douscentos euros (1.200 €) para os solicitantes que cumpran as condicións indicadas nos puntos 4.2, 4.3 e 4.4.

Igual que no punto anterior, este importe poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 60 % do total (720 €) pagarase ao matricularse, entre o 26 de xullo e o 15 de agosto, e o 40 % restante (480 €) farase efectivo entre o 15 de setembro e o 15 de outubro.

6. Forma de pagamento.

Os pagamentos da matrícula realizaranse a través do número de conta ES19 0238 8138 6206 0004 8926, indicando no concepto VII Curso Administración Local.

Non se devolverán as cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición dentro dos prazos marcados para cada caso perderán a súa condición de alumnos deste curso e non terán dereito á devolución das cantidades ingresadas con anterioridade.

8. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 20 de xullo de 2016.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula).

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

8.1. Se os peticionarios son os referidos no punto 4.1:

8.1.1. Certificación pública descritiva das funcións que desenvolve no posto de traballo, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que presta os seus servizos.

8.1.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

8.2. Se os peticionarios son os referidos no punto 4.2:

8.2.1. Orixinal ou copia debidamente compulsada da titulación de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

8.2.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

8.3. Se os peticionarios son os referidos no punto 4.3:

8.3.1. Certificación pública de estar colexiado no Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, expedida pola persoa acreditada para emitila.

8.3.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

8.4. Se os peticionarios son os referidos no punto 4.4:

8.4.1. Certificación pública de estar precolexiado no Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, expedida pola persoa acreditada para emitila. Orixinal ou copia debidamente compulsada de estar matriculado no curso universitario 2015/16.

8.4.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada.

Todos os méritos alegados deberán acreditarse seguindo a orde establecida nesta convocatoria, e a documentación exixida presentarase numerada nos termos desta. A non formalización nos referidos termos supoñerá a non valoración destes.

Poderase pedir a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente acreditados. A non presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do solicitante previamente seleccionado.

9. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente, designada para este efecto, na cal participarán representantes da Escola Galega da Administración Pública, do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, da Federación Galega de Municipios e Provincias e da Dirección Xeral de Administración Local, e cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con discrecionalidade técnica e independencia con respecto aos órganos directivos das tres entidades mencionadas.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

9.1. Para os solicitantes incluídos no punto 4.1, valoraranse:

9.1.1. Posto de traballo actual.

9.1.2. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

Os solicitantes deberán indicar a data exacta (día, mes e ano) de toma de posesión e, se é o caso, de cesamento dos puntos 9.1.1 e 9.1.2.

9.1.3. Formación:

9.1.3.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

No suposto de que non se consigne o número de horas da actividade formativa, esta non será obxecto de valoración.

9.1.3.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.1.4. Outros méritos:

9.1.4.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionados coa materia do curso.

9.1.4.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso.

Todos os méritos alegados deberán acreditarse nos termos consignados e serán achegados seguindo a orde establecida nesta convocatoria, presentándose a documentación exixida numerada nos termos desta. A non formalización nos referidos termos supoñerá a non valoración destes.

En todo caso, esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro de 2008).

9.2. Para os solicitantes incluídos no número 4.2 e 4.3 valoraranse:

9.2.1. Experiencia profesional. Terán prioridade aqueles solicitantes que acrediten mediante certificación emitida polo organismo ou entidade contratante e/ou, se é o caso, mediante copia do contrato, que a súa actividade profesional actual ten relación directa coa materia do curso.

9.2.2. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

9.2.3. Formación:

9.2.3.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

9.2.3.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.2.4. Outros méritos:

9.2.4.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionados coa materia do curso.

9.2.4.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso.

9.3. Para os solicitantes incluídos no número 4.4 valoraranse:

9.3.1. Experiencia académica. Valorarase o maior nivel alcanzado de estudos.

9.3.2. Formación:

9.3.2.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

9.3.2.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.3.3. Outros méritos:

9.3.3.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionados coa materia do curso.

9.3.3.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso.

A comisión poderá establecer cotas para garantir o carácter interdisciplinario e interadministrativo nos grupos de traballo que se establezan, de acordo coas solicitudes recibidas. Así mesmo, resolverá as alegacións e reclamacións que se poidan suscitar.

10. Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Lista de espera.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas do curso. As persoas que non figuren na devandita lista de espera figuran nun posto máis afastado na lista de reservas ou foron excluídas por algunha das causas establecidas nas bases da convocatoria.

12. Certificado de aproveitamento.

A superación deste curso queda supeditada a que os alumnos acudan con regularidade ao curso, cunha porcentaxe de asistencia mínima do 90 % das horas programadas (só serán admisibles un 10 % de faltas, sempre xustificadas), e tamén á aprobación do traballo. Os participantes que non cumpran os requisitos serán excluídos e, como consecuencia, perderán todos os seus dereitos.

Ademais, para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, os alumnos deberán presentar os traballos en grupo, que se elaborarán baixo a dirección dos profesores durante o período docente, e o traballo final de curso. Este será obxecto de exposición pública e avaliado por un tribunal designado para este efecto.

As normas de realización do traballo, así como o prazo de entrega deste, serán comunicados aos alumnos durante a realización do curso e coa suficiente antelación, e serán de cumprimento obrigado. Se tras a exposición pública do proxecto o tribunal considera que non ten unha calidade mínima, o alumno poderá presentar de novo o proxecto unha soa vez na data que a dirección do curso lle indique.

Ao finalizar o curso, os alumnos obterán unha cualificación que será de non apto, apto ou apto con mención. Nestes dous últimos casos, isto reflectirase nun certificado de superación do curso que emitirá a EGAP. Non se expedirán certificados de asistencia sen superar o curso, aínda que si poderán emitirse, para os efectos de xustificar a comparecencia ás clases, certificados das datas e horas de asistencia.

13. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, entre o 9 de setembro e o 17 de decembro de 2016.

Terá unha duración de 120 horas, que se distribuirán a razón de oito horas por semana, os venres das 16.00 ás 20.30 horas e os sábados das 9.30 ás 14.00 horas.

Durante a realización deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para este efecto. Os alumnos terán que acreditar mediante a súa sinatura a súa asistencia a cada unha das sesións académicas, tanto teóricas coma prácticas.

14. Renuncia, asistencia e puntualidade.

14.1. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

– O número de fax 981 54 63 30.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

14.2. Asistencia e puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) Faltas de asistencia:

– Serán sempre xustificadas e non poderán superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais (12 horas).

– A xustificación das faltas de asistencia deberá acreditarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da falta de asistencia.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c):

– Perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

– Pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

15. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa e de resolver as cuestións que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que se poidan producir durante o desenvolvemento do curso.

A realización deste curso queda condicionada á formalización de matrículas, así como ao pagamento de, polo menos, o seu primeiro prazo, por un importe que os organizadores do curso consideren suficiente para o financiamento do curso. En caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, procederase á devolución das cantidades aboadas.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública