Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 5 de xullo de 2016 Páx. 28488

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

A transcendencia dos cambios sociais e a experiencia acumulada ao longo dos últimos anos, que recollen documentos de referencia como o Libro branco da atención temperá e o informe da Axencia Europea para o Desenvolvemento da Educación Especial, sinalaron a conveniencia de asumir un novo concepto da atención temperá baseado nos dereitos dos/das nenos/as, na igualdade de oportunidades e na participación social, centrado nas necesidades da familia e na prestación dos servizos nos contornos naturais da vida dos/das nenos/as. Neste sentido, os ditos documentos poñen de manifesto tamén que ese novo concepto de atención temperá implica necesariamente que a saúde, a educación e os servizos sociais se involucren e interrelacionen para ofrecer unha acción integral a estes nenos e nenas, así como ás súas familias e ao seu contorno.

Con base niso, resultaba necesaria unha nova normativa que permitise crear un espazo común de coordinación e corresponsabilidade entre os sistemas de saúde, educación e servizos sociais na procura dunha acción integral, destinada a satisfacer os dereitos e necesidades dos nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos e das súas familias, así como a súa prevención, así como tamén deste xeito dar resposta á necesidade de regular os servizos de atención temperá como unha rede integral de responsabilidade pública e de carácter universal, rexida polos principios reitores de igualdade, coordinación, atención personalizada, integración social, interese superior do/da menor, prevención, autonomía persoal e participación, descentralización, proximidade, interdisciplinariedade e alta cualificación profesional, diálogo e participación familiar e calidade.

O Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá, é o marco de referencia neste novo paradigma que implica a obriga de facilitar aos nenos e ás nenas e ás súas familias esta actuación transversal tan transcendente para o seu progreso dun xeito continuado, flexible e contextualizado, a través dun marco normativo que posibilite a intervención múltiple dirixida a nenos e nenas de 0 a 6 anos, ás súas familias e á comunidade, e tendo presente o deber de cooperar e a responsabilidade de colaborar, para que cada sistema de servizos achegue os medios e recursos de que dispón e evitar duplicidades de servizos.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4, establece que os dereitos, liberdades e dereitos fundamentais dos galegos e galegas son os establecidos na Constitución española. Aos poderes públicos de Galicia correspóndelles promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, eliminar os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social, e no artigo 27 establece as competencias exclusivas da Comunidade Autónoma galega en materia de asistencia social.

No ámbito desas competencias ditouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia que, no seu artigo 19, define a intervención social, biopsicosocial, sociolóxica ou socioeducativa que favoreza a adquisición ou recuperación de funcións ou habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social, como intervención ou servizo de carácter técnico-profesional incluído dentro do catálogo de servizos sociais. E no seu artigo 12 regula os servizos sociais comunitarios específicos orientados ao desenvolvemento de programas e a xestión de centros orientados a colectivos con problemáticas identificadas e singulares, procurando a súa normalización e reincorporación social ou como espazo de tránsito a un servizo especializado.

A regulación destes servizos desenvolveuse polo Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento que, no seu artigo 26, alínea d), establece como funcións propias dos servizos sociais comunitarios específicos a atención das persoas con discapacidade a través dos centros ocupacionais, así como o apoio psicosocial e familiar vinculado á atención temperá e, así mesmo, no seu anexo IV, considérase a atención psicosocial e familiar vinculada á atención temperá como un dos programas e servizos prioritarios na formulación de programas dos servizos sociais comunitarios municipais, segundo o disposto no artigo 18 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Cómpre tamén citar o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e o funcionamento dos órganos técnicos competentes e a Orde do 2 de xaneiro de 2012, pola que se desenvolve o dito decreto. Dentro do catálogo de servizos do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o artigo 3 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, recolle os servizos de promoción da autonomía persoal, entre os cales a orde citada inclúe o servizo de atención temperá, e así mesmo o Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais, para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

Neste marco de actuación, esta convocatoria ten por obxecto facilitar a implantación, así como impulsar o funcionamento e a consolidación dos servizos de atención temperá dirixidos á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

Nesta actuación recoñécese o ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, como o idóneo para o desenvolvemento destes servizos e tendo en conta, ademais, que está en liña cun dos principios reitores da Rede galega de atención temperá, establecidos no artigo 3 do Decreto 183/2013, do 5 de decembro, e que é o principio de descentralización e proximidade, co obxectivo dun achegamento eficiente destes servizos ás persoas destinatarias implementando, sempre que sexa posible, actuacións de base comunitaria para a inclusión social.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, enmárcase no programa operativo FSE Galicia para o período 2014-2020, obxectivo temático 9 «Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», prioridade de investimento 9.4 «Mellorar a accesibilidade para as persoas máis vulnerables a servizos de atención sanitaria, sociais e de orientación, formación e educación, incluíndo a eliminación de estereotipos», obxectivo específico 9.4.1 «Mellorar a accesibilidade para as persoas máis vulnerables a servizos de atención sanitaria, sociais e de orientación, formación e educación, incluíndo a eliminación de estereotipos» e dáse debido cumprimento á normativa aplicable, de conformidade co disposto no artigo 125.3.e) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello.

Segundo o establecido no artigo 14 do Regulamento (UE) núm.1304/2013, as subvencións e a asistencia reembolsable que se beneficien dunha axuda pública non superior a 50.000 € adoptarán a forma de baremos estándar de custos unitarios, de importes a tanto alzado ou de financiamento a tipo fixo. Por este motivo incorpórase nesta convocatoria o establecemento de métodos de custo simplificados.

Neste sentido, esta convocatoria estará cofinanciada con fondos FSE do programa operativo de Galicia 2014-2020, nunha porcentaxe do 80 %, obxectivo temático 9, prioridade de investimento 9.4, obxectivo específico 9.4.1.

Finalmente, o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúelle á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, entre outras, as competencias relativas á dirección, impulso, xestión, planificación, coordinación, control e supervisión das actuacións da consellería en materia de benestar destinadas á atención das persoas con discapacidade e das persoas en situación de dependencia, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

Por iso, e facendo uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e proceder á convocatoria das subvencións ás entidades locais de Galicia, para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, de forma individual ou de forma conxunta mediante o sistema de xestión compartida, coa finalidade da súa implantación e/ou da consolidación dos existentes.

Estes servizos de atención temperá estarán constituídos exclusivamente polo conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

2. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase crédito por importe total de dous millóns douscentos cincuenta e dous mil douscentos dezaseis euros (2.252.216 €), distribuído nas seguintes anualidades e que se imputará á aplicación orzamentaria que se sinala:

Aplicación

Código proxecto

Anualidade

Importe

12.04.312E.460.1

2016 00172

2016

1.117.140 €

2017

1.135.076 €

Total

2.252.216 €

Esta convocatoria está cofinanciada con fondos FSE no programa operativo de Galicia 2014-2020, nunha porcentaxe do 80 % e encádrase no obxectivo temático 9, prioridade de investimento 9.4, obxectivo específico 9.4.1.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos desta orde considérase:

1. Atención temperá: enténdese a atención temperá como o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

2. Trastorno do desenvolvemento: enténdense por trastornos do desenvolvemento aquelas situacións en que, como consecuencia dunha alteración das estruturas ou funcións corporais, restricións na participación social ou calquera outro factor contextual, se produce un atraso ou desviación significativos no desenvolvemento das capacidades, adquisicións e recursos persoais típicos para a idade de referencia.

3. Situacións de risco de padecer un trastorno no desenvolvemento: enténdese como tal aquelas circunstancias de vulnerabilidade evolutiva que requiren intervención pola descompensación negativa entre factores de risco e protección.

4. Equipo interdisciplinar: o formado por profesionais de distintas disciplinas con formación académica específica en desenvolvemento infantil e atención temperá e/ou en apoio familiar, ou que acrediten experiencia suficiente nesas materias para a realización das súas funcións.

5. Plan personalizado de intervención: proposta de intervención interdisciplinaria elaborada polo equipo e que, como mínimo, deberá facer referencia a: obxectivos e expectativas da intervención; atención, recursos e medios necesarios que se dirixen ao menor, á súa familia e ao seu contorno, ámbito de realización; liñas de actuación que se van desenvolver por cada profesional, coordinacións previstas con outras persoas e/ou profesionais que poidan intervir no plan.

Artigo 4. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Porén, os gastos financiados ao abeiro desta orde non poderán acollerse a outras axudas procedentes do Fondo Social Europeo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

2. O importe da subvención concedida non poderá, en ningún caso, en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución do servizo obxecto da subvención. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 5. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención os concellos de Galicia, as agrupacións ou asociacións deles, mancomunidades de concellos e consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, ben de xeito individual, ou ben mediante xestión compartida. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

En todo caso, para os efectos de solicitude individual, a entidade solicitante que a formule deberá contar cun censo, como mínimo, de 20.000 habitantes, segundo a cifra oficial de poboación a data 1 de xaneiro de 2015 fonte Instituto Galego de Estatística.

2. Ningún concello poderá figurar nunha solicitude de xestión compartida e subscribir outra individual. O incumprimento disto dará lugar á inadmisión da solicitude individual do concello de que se trate, dándolle validez á de xestión compartida.

3. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións, ou derivados, se é o caso, da presentación dunha solicitude para a xestión compartida do servizo. Así mesmo, as entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data na que finalice o prazo de presentación de solicitudes, agás o sinalado no punto 1 do presente artigo relativo aos datos de poboación no caso das solicitudes individuais, en tanto que para ese requisito a data de referencia é a do 1 de xaneiro de 2015.

Artigo 6. Solicitudes de xestión compartida: requisitos e condicións

1. Para estes efectos terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as presentadas por agrupacións, asociacións ou entidades locais que integren a varios concellos.

2. Os concellos que se agrupen ou asocien deberán:

a) Presentar, xunto coa solicitude, un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación, que poderá ser un novo convenio ou un anterior en vigor. A Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, a través do seu portal, publicará un ou varios modelos de convenio relativos á xestión compartida, de forma conxunta, agrupada ou asociada, que terán carácter orientativo.

Se non se achegase o convenio xunto coa solicitude ou no prazo concedido para a súa achega logo do requirimento efectuado para o efecto, considerarase desistido da súa solicitude.

b) Nomear a persoa titular dunha das alcaldías para a representación única, tanto na coordinación como na interlocución, ante a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, que será a que reciba e xustifique a subvención.

c) Reflectir os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades que forman parte da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que se aplicará a cada unha delas.

d) Cumprir as agrupacións e asociacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais, entidade resultante de fusión de concellos, os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude.

3. As mancomunidades de concellos e os consorcios locais deberán presentar, xunto coa solicitude, unha certificación expedida pola súa secretaría onde se faga constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio e os que participan no proxecto ou servizo para o que se solicita subvención.

4. Sen prexuízo doutros supostos en que proceda a inadmisión da solicitude, para as solicitudes formuladas por agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades e consorcios locais, establécese expresamente a inadmisión daquelas solicitudes nas que non se acredite a realización conxunta do servizo para a cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades e consorcios deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Artigo 7. Accións subvencionables e contía da axuda

1. Serán subvencionables ao abeiro da presente convocatoria os servizos de atención temperá que integren o conxunto de actuacións preventivas, de diagnose e de intervención que, de forma coordinada, se dirixen a poboación infantil de 0 a 6 anos, á familia e á súa contorna, e que teñan como finalidade dar resposta, o máis axiña posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os menores con trastornos no desenvolvemento ou que teñen risco de padecelos.

Non obstante, a atención estenderase ata a data de finalización do curso escolar cando o cumprimento da idade de 6 anos sexa anterior a esta, de acordo co previsto no artigo 1.2 do Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá.

As ditas actuacións deberán considerar a globalidade do/da menor, e deberán ser programadas e executadas por equipos multiprofesionais.

2. Deste xeito, e de acordo co establecido no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais, para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, os servizos de atención temperá deberán comprender as prestacións de:

a) Diagnose e valoración dos trastornos de desenvolvemento dos/das nenos/as.

b) Desenvolvemento psicomotor.

c) Desenvolvemento cognitivo.

d) Desenvolvemento da linguaxe e comunicación.

e) Desenvolvemento da autonomía.

f) Desenvolvemento da área social e afectiva.

g) Apoio, información, habilitación e formación da familia.

3. Para prestar os servizos de atención temperá que se subvencionen ao abeiro da presente convocatoria, a entidade solicitante deberá contar cun equipo interdisciplinar de profesionais tales como psicólogos/as, psicopedagogos/as, logopedas, traballadores/as sociais, terapeutas ocupacionais, que deberán posuír formación académica específica en materia de desenvolvemento infantil e atención temperá e/ou en apoio familiar, ou acreditar experiencia suficiente (mínimo de 2 anos) nestas materias para a realización das súas funcións.

4. Serán gastos subvencionables os derivados da execución do servizo obxecto da subvención, relacionados no artigo 8 da presente orde e nos termos establecidos no dito artigo.

Para a determinación do importe da subvención aplicarase o sistema de custos simplificados segundo módulo ou custo unitario de 19,62 €/hora, incluído o 20 % en concepto de gastos directos e indirectos derivados do servizo subvencionado, de traballo efectivo realizado por cada profesional que leve a cabo as actuacións do servizo de atención temperá, ata un máximo de 3.153 horas por profesional, que se corresponden coa dedicación dun ou dunha profesional a xornada completa para a totalidade do período subvencionable de 22 meses. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 40 menores de 0-6 atendidos dos cales o 60 % (24) deberán ter realizadas, como mínimo, 1 sesión individualizada ao mes de carácter presencial das prestacións recollidas no punto 2 do presente artigo. O número de menores atendidos incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade solicitante.

Para estes efectos, enténdese como sesión presencial cada unha das sesións de traballo derivadas das intervencións que comprenda o plan personalizado de intervención e na que o/a menor e/ou a súa familia son atendidos por algún dos/das profesionais do equipo do servizo de atención temperá.

5. En todo caso, a contía máxima da axuda que se pode conceder é de 180.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 220.000 euros no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou cando se trate dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.

6. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable, as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 14 desta orde:

a) Entre 90 e 100 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

b) Entre 80 e 89 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

c) Entre 70 e 79 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

d) Entre 60 e 69 puntos: 60 % do gasto subvencionable.

e) Entre 50 e 59 puntos: 50 % do gasto subvencionable.

f) Entre 40 e 49 puntos: 40 % do gasto subvencionable.

g) Entre 30 e 39 puntos: 30 % do gasto subvencionable.

h) Inferior a 30 puntos: 10 % do gasto subvencionable.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

Así mesmo, no caso de quedar crédito dispoñible despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de agarda, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, co límite da contía máxima da axuda, ou de ser inferior, da contía solicitada.

Artigo 8. Gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables os derivados da prestación do servizo de atención temperá obxecto de subvención, e referidos a gastos directos de persoal e outros gastos directos e gastos indirectos, nos termos establecidos a seguir:

a) Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coas actuacións subvencionadas e que se refiran de forma inequívoca e constatable a ela, en particular os seguintes:

1º. Gastos directos de persoal: serán subvencionables as retribucións salariais dos/das profesionais que pertenzan ao persoal propio da entidade, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á seguridade social a cargo da entidade beneficiaria, correspondentes á prestación do servizo obxecto da subvención. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha previa asignación de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á prestación do servizo como no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental. Así mesmo, e no caso suposto de dedicación parcial da xornada de traballo, deberá constar na xustificación documental a totalidade das horas de xeito que se reflictan as dedicadas a actividade subvencionada e as tarefas que se desenvolven no resto da xornada.

E, no caso de contratación mercantil ou externa, os honorarios ou retribucións salariais correspondentes dos/das profesionais contratados/as para a prestación do servizo, e deberá quedar suficiente xustificación documental da acción subvencionada e do tempo de dedicación a esta.

Só serán imputables as horas efectivamente traballadas dedicadas á prestación do servizo obxecto desta subvención, realizadas por profesionais adscritos a este, tales como: psicopedagogos/as, logopedas, traballadores/as sociais, terapeutas ocupacionais, psicólogo/a.

2º. Outros gastos directos: serán subvencionables as axudas de custo e gastos de locomoción do persoal adscrito ao servizo de atención temperá que deriven das actuacións de coordinación con outros ámbitos implicados na atención aos menores como o ámbito educativo, o ámbito sanitario así como outros ámbitos dos servizos sociais.

b) Gastos indirectos: gastos correntes que non corresponden en exclusiva á operación subvencionada por ter carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento: gastos indirectos de persoal, gastos en bens consumibles e en material funxible, gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade).

2. En todo caso, as actuacións que se desenvolven ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, no Regulamento (UE) núm. 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006, do Consello e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020.

3. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

4. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos ás axudas reguladas nesta orde será desde o 1 de xaneiro de 2016 ao 31 de outubro de 2017.

As entidades beneficiarias deberán identificar e xustificar de xeito independente os gastos que se imputarán a cada exercicio, de xeito que os gastos correspondentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2016 ata o 31 de decembro de 2016, se imputarán ao exercicio 2016 e os gastos correspondentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2017 ata o 31 de outubro de 2017, ao exercicio 2017.

5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

6. O importe da axuda calcularase aplicando ao custo unitario polas horas estimadas de traballo efectivo dedicadas ao servizo de atención temperá, a porcentaxe que resulte da puntuación obtida segundo o establecido no artigo 7.6 desta orde, cos límites de axuda máxima que correspondan segundo o indicado no artigo 7.5, ou, de ser inferior, da contía solicitada.

7. Para os efectos desta orde, non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables, non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles nos que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da acción subvencionada, tales como a contratación de profesionais, alugamento de instalacións para a prestación do servizo obxecto da subvención e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.

Non obstante o anterior, cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe de cada un dos gastos subvencionables supere os 9.000 euros, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas provedoras, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número delas que as realicen ou subministren, ou que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

Artigo 9. Prazo, solicitudes e documentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van a presentar por parte da entidade solicitante de forma electrónica, superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A documentación que se debe presentar para solicitar as axudas previstas nestas convocatorias é a seguinte:

a) Copia do DNI da persoa representante no caso de non autorizar a súa consulta.

b) Anexo I: solicitude debidamente cuberta e asinada pola persoa que ostenta a representación da entidade solicitante.

c) Anexo II: certificación do órgano competente da entidade no que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención e do compromiso do financiamento do importe dos custos necesarios para completar o orzamento previsto para a realización da actuación ou medida para a que se solicita a subvención. No caso de mancomunidades ou consorcios deberán cubrir o último punto do anexo para facer constar a relación de concellos que a integran e os que participan na actuación ou medida para a que se solicita a subvención.

d) Anexo II bis, só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos: certificación do órgano competente do concello representante, na que se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados, os puntos que se recollen no dito anexo en relación cos requisitos e condicións previstas no artigo 6 desta orde.

e) Copia do convenio de colaboración, só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos.

f) Memoria de aforro de custos respecto da prestación do servizo de atención temperá de forma individualizada, só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades ou consorcios.

g) Anexo III: memoria descritiva do funcionamento do servizo de atención temperá; do persoal adscrito ao dito servizo, orzamento dos custos directos do dito persoal segundo a estimación de horas de traballo efectivo dedicadas ao dito servizo; número de nenos/as usuarios/as previstos con atención individualizada durante o período subvencionable.

h) Anexo IV: fichas individualizadas do persoal que presta ou que vai prestar servizos no servizo de atención temperá, que se numerarán correlativamente.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa representante da entidade solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude inclúe autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, será necesario presentar fotocopia compulsada do DNI da persoa representante da entidade solicitante.

2. As solicitudes das entidades solicitantes deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta orde, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a documentación acreditativa nos termos previstos regulamentariamente.

4. A consellería concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e a finalidade da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Política Social, publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puidesen impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

6. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 11. Emenda da solicitude

Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia, unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, requirirá á entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da dita lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia ou na páxina web da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. A instrución dos procedementos previstos nesta orde correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos, serán remitidos á comisión de valoración, regulada no artigo 13 desta orde.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria ou fosen presentadas fóra de prazo quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desistencia ou inadmisión.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

a) Presidencia: o/a subdirector/a xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia ou persoa en que delegue.

b) Secretaría: o/a xefe/a do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal.

c) Vogalías: o/a xefe/a do Servizo de Prevención da Dependencia, o/a xefe/a do Servizo de Recursos Especializados para a Discapacidade, o/a xefe/a do Servizo de Coordinación de Servizos Sociais Comunitarios e unha traballadora social da Consellería de Política Social con experiencia no ámbito da atención temperá.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a comisión de valoración será substituída pola persoa designada pola presidencia da comisión.

2. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 14, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

3. No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. Sempre que se cumpran os requisitos establecidos na presente orde, a comisión de valoración prevista no artigo 13 valorará as solicitudes presentadas conforme os seguintes criterios de valoración:

a) Pola continuidade da prestación dun servizo de atención temperá dentro do termo municipal ou agrupación de concellos que estivese financiado por esta Administración nos últimos tres anos: 20 puntos.

b) Cobertura territorial: ata 10 puntos. Para estes efectos entenderase que non existe cobertura xeográfica axeitada cando o ámbito territorial da entidade solicitante teña elevada dispersión, perda de poboación e/ou dificultades de comunicación por estrada que impidan ou dificulten de xeito importante a prestación dun servizo de atención temperá. Para os efectos de valorar a dispersión, a perda de poboación ou a dificultade de transporte por estrada, a comisión de valoración empregará indicadores de estatísticas oficiais que poderá complementar con outros deseñados por axentes especializados.

c) Pola prestación do servizo de atención temperá en horario de mañá e tarde: ata 5 puntos. De acordo co seguinte: 1 día á semana: 0,5 puntos; 2 días á semana: 2 puntos; 3 días á semana: 3 puntos; 4 días á semana: 4 puntos; 5 días á semana: 5 puntos.

d) Polo número estimado de menores con atención puntual que supoñan un incremento respecto do mínimo exixido no artigo 7.4 desta convocatoria: ata 6 puntos. De acordo co seguinte: cando o número previsto sexa superior ao número mínimo exixido e ata o 40 %, 2 puntos; máis do 40 % e ata o 80 %, 3 puntos; máis do 80 % e ata o 90 %, 4 puntos; máis do 90 %, 6 puntos.

Para estes efectos considérase atención puntual cando a atención prestada non derive na realización dun plan personalizado de intervención.

e) Polo número estimado de menores con atención continuada cun mínimo de 1 intervención individualizada ao mes de carácter presencial que supoñan un incremento respecto do número mínimo establecido no artigo 7.4 desta convocatoria: ata 6 puntos. De acordo co seguinte: cando o número previsto sexa superior ao número mínimo exixido e ata o 40 %, 2 puntos; máis do 40 % e ata o 80 %, 3 puntos; máis do 80 % e ata o 90 %, 4 puntos; máis do 90 %, 6 puntos.

Para estes efectos considérase atención continuada cando se elabora para a atención do/da menor un plan personalizado de intervención.

f) Pola porcentaxe que supón o número estimado de menores con atención continuada sobre o total da poboación de 0 a 6 anos: ata 3 puntos. De acordo co seguinte: ata o 2 %: 0 puntos, superior ao 2 % e ata o 4 %: 1 punto, superior ao 4 % e ata o 6 %: 2 puntos e superior ao 6 %: 3 puntos.

Para os efectos deste criterio tomaranse os datos oficiais de poboación de 0-6 anos a data 1 de xaneiro de 2015 fonte Instituto Galego de Estatística.

g) Ratio profesional (traballador/a a tempo completo)/menor con atención continuada: coa seguinte ponderación: desde 1 punto para a proporción 1/25 ata 3 puntos para proporción 1/20.

h) Periodicidade das actuacións de coordinación con outros ámbitos (sanitarios, educativo e outros ámbitos dos servizos sociais), ata 3 puntos, coa seguinte ponderación: de carácter mensual: 1 punto, de carácter quincenal: 2 puntos e de carácter semanal: 3 puntos.

i) Intervención comunitaria con accións que repercutan na poboación do ámbito territorial da entidade solicitante (accións de divulgación, sensibilización, dinamización e similares): 2 puntos.

j) Existencia de persoas con discapacidade no/nas cadro/s de persoal da entidade solicitante: 2 puntos.

2. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 60 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración establecidos no punto anterior e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios.

3. A puntuación final das solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, mancomunidades ou consorcios, incrementaranse nun 40 % de acordo cos seguintes criterios:

a) Pola mera presentación da solicitude para a xestión compartida: 15 %.

b) Polo número de concellos asociados e a repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total: ata 15 %. De acordo co seguinte:

1º. Polo número de concellos participantes: 2 concellos, 3 %; 3 concellos, 4 %; 4 concellos, 5 %; 5 concellos, 6 %; máis de 5 concellos, 7 %.

2º. Pola poboación total: ata 5.000 habitantes, 1 %; de 5.001 a 10.000 habitantes, 3 %; de 10.001 a 15.000 habitantes, 5 %; de 15.001 a 20.000 habitantes, 7 %; máis de 20.000 habitantes, 8 %.

c) Pola presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación do servizo de modo individual: 10 %.

4. No caso da presentación de solicitudes por parte da entidade resultante dunha fusión de concellos, as súa puntuación final incrementarase nun 45 %.

5. No caso de empate na puntuación, cando algunha delas puidera quedar na lista de agarda, para o desempate, en primeiro lugar terá preferencia a solicitude de xestión compartida fronte á presentada individualmente, en segundo lugar pola puntuación obtida na letra a) e se persiste pola data de presentación da solicitude.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, actuando por delegación do conselleiro de Política Social, por proposta do órgano instrutor e despois da fiscalización pola intervención delegada.

2. O prazo para resolver e notificar será de cinco meses, contados desde a publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Dado que a subvención está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informarase a entidade beneficiaria do cofinanciamento comunitario, con expresión do obxectivo temático, prioridade de investimento e obxectivo específico e a porcentaxe de cofinanciamento. Así mesmo, informaráselle de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non comunicar o dito extremo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fora expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 18. Prazo e xustificación da subvención

1. A xustificación da subvención obxecto da presente convocatoria realizarase a través da modalidade de custos simplificados prevista nos artigos 67 e 68 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013.

2. O prazo para a presentación da documentación xustificativa rematará o 15 de novembro de 2017. Non obstante o anterior, os custos imputables ao exercicio 2016, segundo o establecido no artigo 8.4, deberán ter sido efectivamente pagados, en todo caso, con data límite do 31 de xaneiro de 2017.

3. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento debidamente cuberta e asinada pola persoa que ten a representación da entidade, na cal se deberá facer constar, de modo expreso, o cumprimento da finalidade para a que foi concedida, así como o custo de persoal segundo as horas efectivamente traballadas dedicadas ao servizo obxecto da subvención, con desagregación dos custos imputables a 2016 e dos custos imputables a 2017 (anexo V).

b) Declaración complementaria e actualizada á data de xustificación de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (anexo VI).

c) Certificación dos custos directos de persoal referidos a cada un dos/das profesionais, con indicación do tipo de relación ou vinculación coa entidade solicitante, o número de horas efectivamente traballadas dedicadas ao servizo obxecto desta subvención, polo custo unitario que corresponda segundo o indicado no artigo 7 desta orde. Segundo o modelo que figura na páxina web da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

Os gastos subvencionables deberán ter sido efectivamente pagados respecto do período imputable a 2016 o 31 de xaneiro de 2017, e respecto do período imputable a 2017, o 15 de novembro de 2017.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria.

d) Orixinais das follas mensuais das horas efectivamente traballadas dedicadas ao servizo obxecto desta subvención, asinadas pola persoa traballadora e pola persoa designada pola entidade solicitante para as funcións de coordinación e comunicación coa Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade que así conste no anexo II presentado coa solicitude de subvención, acompañadas dun resumo onde conste o número total de horas efectivamente dedicadas ao servizo obxecto da presente subvención, nos períodos subvencionables, segundo o previsto no artigo 8 desta orde. Segundo o modelo que figura na páxina web da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

e) Certificación do número total de menores atendidos no período subvencionable, xunto cunha relación deses menores, acreditativa da atención recibida, segundo os modelos que figuran na páxina web da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

f) Ficha individualizada de cada unha das persoas atendidas onde conste a actuación ou actuacións realizadas, coa data de atención, perfil da persoa usuaria e os resultados obtidos, asinada polo/a pai/nai ou titor/a do/da menor e pola persoa responsable do servizo obxecto da presente subvención, co obxecto de dar cumprimento á obriga recollida no artigo 21 desta convocatoria, segundo o modelo que figure na páxina web da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade ou nas ferramentas informáticas que se deseñen para esta finalidade.

Non serán computables as persoas que non se identifiquen e para as cales non consten debidamente cubertas as referidas fichas de atención individualizada.

g) Folla individualizada de seguimento de cada persoa atendida con atención individualizada, onde conste un mínimo de 1 sesión individualizada ao mes de carácter presencial, asinada polo/a pai/nai, ou titor/a do/a menor e pola persoa responsable do servizo, segundo o modelo que figure na páxina web da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade ou nas ferramentas informáticas que se deseñen para esta finalidade.

Non serán computables as persoas que non se identifiquen e para as cales non consten debidamente cubertas as referidas follas de atención individualizada nas que se recolla un mínimo de 1 intervención ao mes de carácter presencial.

h) Ficheiro electrónico das persoas atendidas, segundo os datos e indicadores de execución e de resultado. Estas estatísticas achegaranse no modelo que figura na páxina web da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade ou nas ferramentas informáticas que se deseñen para esta finalidade.

i) Memoria xustificativa da actuación subvencionada, con descrición detallada das accións desenvolvidas, segundo o modelo que figura na páxina web da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

A memoria irá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, enquisas, e outros documentos onde deberán figurar os logos do FSE e a imaxe corporativa da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, así como doutras evidencias que permitan acreditar a realización da actividade subvencionada e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 20 da presente orde.

4. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa, esta deberá presentarse obrigatoriamente nos modelos dispoñibles a través da páxina web da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 19. Pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 50 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectiva unha vez realizada a notificación da resolución e transcorrido o prazo de dez días establecido no artigo 15.4 da presente orde. A contía do anticipo non poderá ser superior ao importe da subvención imputada ao exercicio 2016, se é o caso, o importe do anticipo reducirase ata o dito límite.

O 50 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación pola entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta orde.

3. Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos no artigo 22 desta orde e nos demais supostos previstos na normativa de aplicación relacionada no artigo 24 desta convocatoria.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal fosen concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención.

b) Manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida, así mesmo deberá conservar toda a documentación relativa á subvención e ás persoas participantes ou usuarias durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante á Comisión Europea, data esta que se publicará oportunamente no Diario Oficial de Galicia.

c) Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas, terá que constar a condición de subvencionada pola Consellería de Política Social e polo programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.

En todo caso, nos espazos de atención ás persoas usuarias e nas comunicacións contarán co emblema da Unión Europea e coa referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

d) Informar, se é o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións nas que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social) e polo FSE, así como dos obxectivos dos fondos, figurando os emblemas, como mínimo, nos partes de asistencia/participación, relacións e follas de seguimento, enquisas de avaliación ou certificados de asistencia.

e) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados previstos no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de execución relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catros semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do/da participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios que teranlles que respectar o principio de integridade dos datos.

f) Cumprir coa normativa de protección de datos de carácter persoal, en concreto, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. Os datos de carácter persoal das persoas usuarias ou participantes nas actuacións subvencionadas incorporaranse ao ficheiro de datos de carácter persoal da Consellería de Política Social a que se refire o artigo 26 desta orde. En todo caso, deberá constar necesariamente a autorización expresa da persoa interesada para o tratamento e incorporación dos seus datos de carácter persoal, sendo a entidade beneficiaria da axuda a responsable de recadar e custodiar a dita documentación.

g) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

h) Facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

i) Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, así como calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas con Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, que incluirán as oportunas visitas sobre o terreo.

2. Así mesmo, cumprir coa obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 21. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, a actuación da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas, e do resto da normativa vixente que sexa de aplicación pola tipoloxía do servizo subvencionado.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. De ser o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado, indicadas pola entidade solicitante na súa solicitude e tidas en conta para a asignación da subvención, segundo o establecido no artigo 7.4. Tamén procederá a minoración cando o número de menores atendidos ou o número mínimo de menores con atención individualizada sexa inferior aos que corresponden segundo as horas xustificadas.

3. Procederá o reintegro do 5 % da axuda percibida, no caso de incumprir a obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

4. Procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder, no caso de non comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas que financien a acción subvencionada.

5. Particularmente acadarán a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida, no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas no artigo 20 letras c) e d).

6. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 23. Seguimento e control

1. A Consellería de Política Social levará a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Consellería de Política Social poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e aqueloutras que determine a súa condición de subvencionada polo programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, no Regulamento (UE) núm. 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006, do Consello; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu Regulamento; e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020.

Artigo 25. Información ás entidades interesadas

Sobre a presente convocatoria, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade tanto a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos, ou da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, http://benestar.xunta.es, dos teléfonos 981 54 67 36/54 73 98, así como no enderezo electrónico: autonomiapersoal.sxps@xunta.es, ou presencialmente.

Artigo 26. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do de 13 decembro, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e as entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo: sxt.politicasocial@xunta.es

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file