Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 7 de xullo de 2016 Páx. 29005

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se somete a información pública o Plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano da Coruña.

A disposición adicional décimo segunda da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, establece que, co fin de mellorar as condicións de accesibilidade das persoas usuarias á rede de transporte público, ademais das formas de cooperación previstas na Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos de viaxeiros por estrada, a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de mobilidade e transportes, poderá elaborar e, despois de oír os concellos interesados e as empresas contratistas dos servizos de transporte público afectados, aprobar plans de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano.

A través destes plans concretaranse as novas rutas e fixaranse novos puntos de parada e interconexión das redes urbana e interurbana de transporte público e, unha vez aprobados, resultarán de directa e inmediata aplicación aos contratos de servizo de transporte público que resulten afectados.

En desenvolvemento da indicada previsión legal, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda desenvolveu o Plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano da Coruña que, para xeral coñecemento e en cumprimento do disposto artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, se somete a información pública durante o prazo de vinte (20) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

O texto íntegro deste documento poderase consultar na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda:

(http://civ.xunta.gal/seccion-tema/c/CIV_Transporte_de_viaxeiros?content=Direccion_Xeral_Mobilidade/Transporte_Publico/seccion.html&std=Plan_accesibilidade_corunha.html).

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2016

Helena de Lucas de Santos
Directora xeral de Mobilidade