Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 11 de xullo de 2016 Páx. 29609

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 30 de xuño de 2016 pola que se establece o plan de avaliación e seguimento do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, específico para o período de avaliación 2016/17.

O Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 (PEG), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 28 de xaneiro de 2016, establece que a vontade do Goberno de Galicia, apoiada na experiencia de implementación de plans estratéxicos pasados, é que o PEG non remate coa súa aprobación, senón que continúe vivo ao longo da súa vixencia, e sexa obxecto de seguimento, avaliación e modificación, para o cal se deberá adoptar as medidas precisas para paliar as desviacións na súa execución, ou ben adaptarse a novos retos que poidan xurdir no vindeiro quinquenio.

O punto terceiro da parte de avaliación define o Plan de avaliación e seguimento do PEG (PASPEG, en diante) e regula os seus elementos substanciais, obxectivo xeral e específicos, alcance, ámbito temporal, estrutura do plan e resumo das avaliacións e actuacións de seguimento, propostas, principios de avaliación, gobernanza do PASPEG, informes de avaliación e seguimento, e revisión e modificación.

Indica o devandito punto que no prazo de seis meses desde a aprobación do PEG 2015-2020 se presentará o PASPEG anual, que definirá as condicións particulares de realización das actuacións de avaliación e seguimento do devandito plan, incluía a descrición das avaliacións previstas a este nivel e permitirá obter información sobre o que funciona, o que non e por que, así como sobre os resultados acadados coas intervencións, e favorecerá o intercambio de coñecemento e de mellores prácticas nos diferentes eidos sectoriais.

Segundo o devandito sistema de gobernanza, como autoridade de avaliación do PEG correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de planificación económica a creación do sistema de rexistro de datos dos indicadores non financeiros que nutre de información o seguimento do PASPEG, así como a xestión dos informes de seguimento.

Como unidade de coordinación das actuacións de avaliación e seguimento, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda debe definir os modelos de execución anual en que se concreten as actuacións de seguimento e convocar a rede de avaliación e seguimento do PEG.

A responsabilidade principal no sistema de avaliación do PEG 2015-2020 corresponde á devandita dirección xeral, a través da Subdirección Xeral de Planificación, tal e como establece o Decreto 101/2014, do 1 de agosto, que define a estrutura e as funcións da consellería.

Ademais, a citada dirección xeral deberá coordinar os provedores de datos, para garantir a súa axeitada dispoñibilidade e a súa obtención no momento preciso para o desenvolvemento das avaliacións programadas.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, ao abeiro das competencias establecidas no Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, así como no Plan estratéxico de Galicia 2015-2020,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da orde

1. A presente orde ten por obxecto establecer o Plan de avaliación e seguimento do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, específico para o período de avaliación 2016/17, e delimitar o alcance e o contido das súas actuacións.

2. Enténdese por período de avaliación, para os efectos desta orde, o ciclo completo de actuacións de xeración e recollida de datos e indicadores e de elaboración dos informes de avaliación e seguimento previstos para cada exercicio.

Artigo 2. Axentes encargados do desenvolvemento das actuacións de seguimento e avaliación

1. Técnicos/as responsables de indicadores.

En cada consellería, así como no ámbito dos órganos dependentes da Presidencia, son as persoas responsables da información relativa aos indicadores asociados aos obxectivos estratéxicos e operativos do PEG e teñen as seguintes funcións:

– Mantemento e actualización dos indicadores de produtividade asociados aos proxectos de gasto dos obxectivos operativos en que se concretan os programas de gasto que xestiona cada servizo orzamentario.

– Mantemento e actualización do sistema de indicadores de resultado asociado aos obxectivos estratéxicos a que contribúen os programas de gasto que xestiona cada servizo orzamentario.

– Revisión dos datos dos indicadores recollidos nos informes de seguimento dos programas que teñan encomendados.

– Colaboración coas persoas encargadas da avaliación do PEG na achega de calquera outro dato ou antecedente que resulte preciso para desenvolver con éxito as actuacións de avaliación e seguimento.

2. Responsables dos informes de seguimento.

En cada consellería, así como no ámbito dos órganos dependentes da Presidencia, son as persoas responsables da xestión dos programas de gasto asociados aos obxectivos estratéxicos do PEG, é dicir, director/a técnico/a, secretario/a xeral, director/a xeral ou equivalente nos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas. Desenvolverán as seguintes funcións:

– Elaborar os informes de execución anual correspondentes para o seguimento do PEG 2015-2020.

– Implementar as recomendacións recollidas nos devanditos informes ou explicar por que non se aplican.

3. A rede de avaliación e seguimento do PEG.

Estará dirixida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e composta polos seguintes membros:

• Dúas persoas en representación da Subdirección Xeral de Planificación, das cales unha actuará como secretario/a.

• Unha persoa en representación de cada consellería, así como un representante da Secretaría Xeral da Presidencia, designada de entre o persoal responsable de indicadores.

• Unha persoa en representación de cada un dos seguintes órganos ou entidades:

– O Instituto Galego de Estatística.

– A Secretaría Xeral de Igualdade.

– A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

– O Instituto de Estudos do Territorio.

– A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

No seu seo impulsaranse as actuacións de avaliación, mantemento de indicadores, coordinación técnica e dispoñibilidade de datos estatísticos. Ademais, terá a tarefa de acreditar, de ser o caso, a aplicación das recomendacións das avaliacións.

4. Equipo avaliador.

Estará composto por persoal independente dos servizos xestores dos programas avaliados, seleccionado de entre o persoal da Subdirección Xeral de Planificación. Poden solicitar a asistencia de persoal facultativo da propia Administración autonómica cando a especificidade do programa obxecto de avaliación así o requira. De xeito extraordinario, cando a escaseza de medios o xustifique, poderá recorrerse a avaliadores externos, sempre que se dispoña de crédito axeitado e suficiente.

Consonte o sinalado no PEG, o equipo avaliador terá como función o seguimento dos resultados das avaliacións e informes de seguimento, así como a formulación de propostas para incorporar as súas conclusións e recomendacións á execución e xestión dos correspondentes programas.

Artigo 3. Sistema de rexistro de datos dos indicadores non financeiros do PEG

1. O sistema de rexistro de datos dos indicadores non financeiros do PEG será unha base de datos informática que conterá os indicadores que reflictan o grao de avance na consecución dos obxectivos do plan.

2. Para tal efecto, cada indicador integrado no sistema contará cunha ficha técnica, como as recollidas nos anexos I e II, en que se describirán as súas principais características.

3. A persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia, así como a persoa titular da secretaría xeral técnica de cada consellería, nomeará polo menos un/unha técnico/a responsable de indicadores, que deberá recompilar e transmitir todos os datos precisos para o proceso de seguimento e avaliación referentes ás liñas de actuación do PEG que sexan obxecto da xestión da súa sección orzamentaria, na cal se encadrarán os entes instrumentais dependentes.

4. Na ficha técnica de cada indicador figurarán as persoas responsables nomeadas ao abeiro do indicado no punto anterior.

5. O persoal técnico responsable responde da obtención da información precisa para o mantemento dos indicadores, da carga de datos coa periodicidade indicada no punto sete e de asegurar a dispoñibilidade dos datos estatísticos que se inclúen nas operacións estatísticas da súa competencia, no que atinxe aos indicadores de produtividade e de resultados do PEG.

6. O sistema contable xumco2 será a ferramenta informática que operará como rexistro dos indicadores de referencia, os seus valores obxectivo e realizado, e vincularaos cos indicadores financeiros.

7. Os datos dos indicadores de resultado e produtividade actualizaranse no mes de xullo de 2016, para reflectir os datos de produtividade do primeiro semestre do exercicio 2016, e no mes de marzo de 2017 para reflectir os datos do exercicio 2016.

Artigo 4. Informes que se elaborarán respecto ao exercicio 2016

1. Consonte o previsto no Plan de avaliación e seguimento do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, respecto ao exercicio 2016 realizaranse informes de seguimento da evolución da xestión financeira e indicadores.

2. Realizarase un informe por programa e servizo conforme o modelo recollido no anexo III.

3. Os informes serán asinados polas persoas responsables do seguimento, que serán os da xestión dos respectivos programas, é dicir, cada director/a técnico/a, secretario/a xeral, director/a xeral ou equivalente nos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas.

4. O modelo detallado no anexo III predeterminarase nun soporte informático cos datos pre cargados no xumco2, para os efectos de elaboración do informe. Este deberá remitirse á dirección xeral competente en materia de planificación económica, para a súa avaliación e proposta de recomendacións, na primeira quincena do mes de maio de 2017.

5. A consellería competente en materia de planificación orzamentaria elaborará un informe resumo sobre o seguimento dos obxectivos do PEG.

6. Os informes de programa serán públicos e figurarán na páxina web de cada consellería ou entidade, ou na propia do PEG.

Artigo 5. Informe resumo de seguimento dos obxectivos do PEG do exercicio 2016

O informe anual de seguimento do Plan estratéxico 2015-2020 incluirá:

– Un informe sintético ou executivo cos principais avances acadados polas actuacións desenvoltas ao abeiro do PEG 15-20 que conterá, así mesmo, unha análise dos obxectivos transversais e dos indicadores de contexto.

– Un informe sobre o grao de avance da execución financeira.

– Un informe co avance dos indicadores de resultados.

– Un informe dos principais indicadores de produtividade, que consistirá nunha análise relativa ao grao de execución respecto dos valores previstos e unha análise da eficiencia, que relacione as realizacións de indicadores cos recursos financeiros mobilizados para a súa consecución.

– Ademais, o informe conterá unha relación exhaustiva dos valores acadados polos indicadores, tanto de resultados e de produtividade como dos financeiros. Presentarán os valores acadados na anualidade 2016, os valores acumulados dos indicadores de produtividade en 2015 e 2016, así como a comparación cos valores previstos, e o grao de execución e eficiencia.

O devandito informe elevarase ao Consello da Xunta ao longo do mes de xuño de 2017. Neste informe figurarán como anexos os informes de seguimento de cada programa de gasto.

Artigo 6. Información para avaliacións plurianuais

No seo das reunións da rede de avaliación e seguimento do PEG acordaranse as actuacións e os datos necesarios adicionais que haberá que recoller no 2016 para a elaboración dos informes plurianuais previstos no Plan de avaliación e seguimento do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020.

Disposición adicional. Actuacións preliminares con cargo aos indicadores do exercicio 2015

Na medida en que en 2015, malia non estar aprobado formalmente o PEG, xa se utilizaron estruturas e indicadores orzamentarios equiparables aos contidos no Plan, e que 2015 é formalmente o primeiro exercicio deste, cargarase a valoración dos indicadores realizados no exercicio 2015, xunto cos do primeiro semestre de 2016, antes do 1 de setembro de 2016.

Así mesmo, con base na devandita carga de indicadores, realizaranse informes de seguimento referentes ao exercicio 2015 e a un grupo representativo de programas de gasto para verificar a consistencia do sistema de seguimento deseñado.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos para desenvolver as disposicións contidas nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2016

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I
Ficha de indicador de produtividade

1. Denominación indicador

1.1. Eixe

1.2. Prioridade de actuación

1.3. Obxectivo estratéxico/instrumental

1.4. Obxectivo operativo/instrumental

2. Persoal técnico responsable

3. Unidade de medida

4. Vixencia

5. Agregación

6. Ámbito de aplicación

7. Definición

8. Momento da realización

9. Método de cálculo

10. Observacións

11. Indicador de programas operativos de fondos europeos (especificar)

12. Desagregado por sexo

13. Indicador de obxectivo transversal

14. Indicador de impacto de xénero

NOTAS:

4. Vixencia: reflectirán a data de inicio da súa utilización, a data de actualización ou modificación e data de baixa.

5. Agregación: determinarase se a agregación de resumo de OO e OE é acumulativa, ou media, ou máximo, ou mínimo, etc.

6. Ámbito de aplicación: especificarase a referencia segundo se corresponda con investimento produtivo, TIC, I+D+i, dependencia, igualdade, emprego, etc.

10. Observacións: recolleranse as particularidades que certos indicadores presentan respecto doutros; é dicir, os que se considere teranse que valorar conxuntamente.

14. Indicador de obxectivo transversal: especificarase se, ademais, permite a valoración dalgún dos catro obxectivos transversais.

ANEXO II
Ficha de indicador de resultado

1. Denominación

1.1. Eixe

1.2. Prioridade de actuación

1.3. Obxectivo estratéxico/instrumental

2. Persoal responsable de indicadores

3. Descrición do indicador

4. Fonte

5. Método de cálculo

6. Periodicidade

7. Datos

Dato de referencia inicial

Último dato dispoñible

Ano

Dato

Unidade

8. Valor obxectivo 2020

Dato

ANEXO III
Estrutura do informe de execución anual para o seguimento do PEG 2015-2020

1. Programa de gasto

2. Obxecto do programa

3. Destinatarios do programa

4. Unidade responsable da xestión do programa

4.1. Sección

4.2. Servizos

5. Medios para executar o programa

5.1. Persoais

5.2. Materiais

5.3. Financeiros

6. Obxectivo estratéxico/instrumental (OE/OI) do PEG

7. Resultados esperados do OE

8. Indicadores de resultado (IR)

8.1. Denominación

8.2. Fonte

8.3. Valor de referencia

8.4. Último dato dispoñible

8.5. Meta 2020

8.6. Valoración da evolución do indicador de resultado

9. Obxectivo operativo/instrumental (OO/OI)

9.1. Denominación

9.2. Proxecto de gasto

10. Indicadores de produtividade (IP)

10.1. Denominación

10.2. Obxectivo previsto

10.3. Valor realizado

10.4. Valoración do grao de consecución dos obxectivos previstos

11. Indicador financeiro

11.1. Capítulo

11.2. Valor inicial

11.3. Valor executado (O)

11.4. Valoración da porcentaxe de execución do orzamento

12. Informe de avaliación de resultados

13. Propostas de reformulación de obxectivos, actuacións e indicadores

14. Data e sinatura do responsable do informe

NOTAS:

1. Programa de gasto: o seguimento anual de obxectivos farase a nivel dos proxectos de gasto de cada programa de gasto orzamentario.

3. Destinatarios/as do programa: farase unha descrición dos tipos e do número de destinatarios/as directos/as.

5. Medios: especificarase o número medio de efectivos por ano desagregado por sexo se é posible; a tipoloxía e o número de centros e demais instalacións, medios de transporte, etc. e o orzamento global anual destes.

6. Obxectivo estratéxico (OE) do PEG: constitúe a finalidade a que contribúe o programa de gasto.

7. Resultados esperados: é o cambio que se pretende acadar coas actuacións financiadas co programa de gasto.

8. Indicadores de resultado (IR): miden a consecución dos resultados esperados dentro do obxectivo estratéxico co fin de fortalecer a orientación a resultados da planificación. Para cada IR pártese dun valor de referencia que se deberá actualizar co último dato dispoñible e un valor obxectivo a 2020. Deberá facerse unha valoración da evolución do indicador e unha análise das perspectivas de cumprimento da meta en 2020.

9. Obxectivo operativo/instrumental (OO/OI): constitúe a liña/s de actuación que desenvolverá cada obxectivo estratéxico.

10. Indicadores de produtividade: para cada obxectivo operativo e proxecto de gasto cubrirase a información correspondente aos indicadores de produtividade asociados: valor acadado na anualidade correspondente e unha valoración do grao de consecución dos obxectivos previstos. Así mesmo, achegarase unha explicación da execución do orzamento en termos financeiros, que permitirá a valoración do grao de eficacia e eficiencia dos obxectivos.