Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 13 de xullo de 2016 Páx. 29988

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 28 de xuño de 2016 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento na Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo, para o curso 2016/17, e se modifica a denominación dunha titulación universitaria oficial de grao.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, serán acordadas pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, regula a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e dispón, no seu capítulo VI, o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT). Así, coa entrada en vigor do Real decreto 99/2011, en consonancia co Decreto 222/2011, iníciase unha nova etapa de reorganización xeral dos estudos de posgrao diferenciando o máster universitario do programa de doutoramento.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, a Orde do 20 de marzo de 2012, que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma se fará por orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que recibir o informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño.

As universidades, logo de ser autorizadas a implantar os estudos, quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición alén dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación alén de dous cursos académicos consecutivos implicará o inicio do procedemento de supresión que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na sesión ordinaria do 8 de xuño de 2016, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorablemente sobre a solicitude das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para implantar determinados títulos.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Autorizar a Universidade da Coruña para implantar, no curso 2016/17, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Bioinformática para Ciencias da Saúde, autorizado pola presente orde.

2. Máster universitario en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético, autorizado pola presente orde.

3. Máster universitario en Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Planificación e Xestión de Destinos e Novos Produtos Turísticos, autorizado polo Decreto 245/2011, do 15 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4313055.

4. Máster universitario en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Migracións Internacionais: Investigación, Políticas Migratorias e Mediación Intercultural, autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo, e que figura inscrito no RUCT co código 4311077.

5. Programa de doutoramento en Ciencias Sociais e do Comportamento, autorizado pola presente orde.

Artigo 2

Autorizar a Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2016/2017, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Filosofía. Coñecemento e Cidadanía. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Filosofía: Cuestións Actuais, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4311762.

2. Máster universitario Erasmus Mundus en Lexicografía (European Master in Lexicography). Máster universitario conxunto coas Universidades de Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürnberg (Alemaña), Károli Gáspár Református Egyetem (Hungría), Stellenbosch University (República Sudafricana), Universidade do Minho (Portugal), Università degli Studi di Roma Tre (Italia), Université de Lorraine (Francia) e Uniwersytet Slaski w Katowicach (Polonia), autorizado pola presente orde.

3. Máster universitario en Xornalismo e Comunicación: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento, autorizado pola presente orde.

Artigo 3

Autorizar a Universidade de Vigo para implantar, no curso 2016/17, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Enxeñaría Aeroespacial, autorizado pola presente orde.

Artigo 4

Modificar a denominación do título de grao en Lingua e Literatura Modernas da Universidade de Santiago de Compostela.

O título de grao en Lingua e Literatura Modernas pola Universidade de Santiago de Compostela, que foi autorizada a súa implantación polo Decreto 385/2009, do 27 de agosto, e que figura inscrito no RUCT co código 2501100, modifica a súa denominación para dar cumprimento á nova Resolución de verificación do Consello de Universidades, con data do 25 de novembro de 2015, pasando a denominarse grao en Linguas e Literaturas Modernas.

Artigo 5

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria