Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 14 de xullo de 2016 Páx. 30217

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 81/2016, do 23 de xuño, polo que se crea no ámbito do Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista.

A Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, na redacción conferida polo Real decreto lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema nacional de saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións, establece no artigo 15.1 que cada servizo de saúde establecerá, modificará ou suprimirá as categorías do seu persoal estatutario de acordo coas previsións contidas no propio estatuto marco.

Co propósito de garantir o dereito á mobilidade en termos de igualdade efectiva do persoal estatutario no conxunto do Sistema nacional de saúde, regulado no artigo 37 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, aprobouse o Real decreto 184/2015, do 13 de marzo, polo que se regula o catálogo homoxéneo de equivalencias das categorías profesionais do persoal estatutario dos servizos de saúde e o procedemento da súa actualización, cuxa disposición adicional terceira establece que «Co fin de garantir a mobilidade do persoal estatutario que acceda a novas categorías de enfermeiro/a especialista e co obxecto de dar cumprimento ao previsto neste real decreto, as administracións sanitarias con competencias para isto, impulsarán, na medida da súa capacidade normativa e dispoñibilidades orzamentarias, a creación das categorías de enfermeiro/a especialista».

Dentro do marco normativo descrito, e atendendo á evolución de determinadas prestacións e á aparición de novas titulacións e especializacións, resulta necesario adecuar determinadas categorías profesionais existentes ás necesidades actuais do Sistema público de saúde de Galicia, posibilitando a incorporación de profesionais capacitados para aplicar as funcionalidades que se demandan e mellorar, en suma, a calidade da asistencia prestada á cidadanía.

O Real decreto 450/2005, do 22 de abril, sobre especialidades de enfermaría, veu introducir unha nova regulación das diversas especialidades de enfermaría, ao fío da distinta normativa europea sobre a materia e da propia Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias.

Das especialidades establecidas tanto naquela norma, xa derrogada, como no Real decreto 639/2014, do 25 de xullo, polo que se regula a troncalidade, a reespecialización troncal e as áreas de capacitación específica, se establecen as normas aplicables ás probas anuais de acceso a prazas de formación e outros aspectos do sistema de formación sanitaria especializada en Ciencias da Saúde, e se crean e modifican determinados títulos de especialista, a que arrastra unha máis longa tradición é a de enfermaría obstétrico-xinecolóxica (matrón/a).

De máis recente implantación, no ámbito do Servizo Galego de Saúde, son as categorías de persoal estatutario enfermeiro especialista en saúde mental, creada polo Decreto 95/2007, do 3 de maio, e a de persoal enfermeiro especialista do traballo a través do Decreto 111/2011, do 3 de xuño.

Non obstante, co fin de gardar a necesaria homoxeneidade na denominación e definición dos requisitos de titulación co resto de especialidades de enfermaría vixentes, considérase conveniente crear e regular unha categoría xenérica de persoal enfermeiro especialista, que abranga as distintas especialidades recollidas no Real decreto 639/2014, do 25 de xullo, coa excepción da categoría de enfermeiro/a especialista obstétrico-xinecolóxica, que pola súa longa e tradicional consideración de profesión diferenciada, en virtude da normativa europea, se mantén coa súa denominación.

Polo demais, a creación da nova categoría permitirá a planificación e a progresiva dotación de prazas de persoal enfermeiro especialista e a incorporación a estas do persoal titulado na especialidade que se demande, en condicións de pleno recoñecemento normativo e profesional.

Finalmente, atendendo á normativa estatal en materia de ordenación das profesións sanitarias e categorías profesionais, procédese a outorgar carácter normativo á denominación de «enfermeiro/a» para a correspondente categoría de persoal estatutario; denominación polo demais xa utilizada nos últimos anos nos procesos de selección, provisión e integración tramitados polo Servizo Galego de Saúde, nos seus orzamentos e na normativa retributiva de aplicación.

O presente decreto dítase tras a preceptiva negociación na mesa sectorial e co acordo das organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Confederación Estatal de Sindicatos Médicos-Médicos de Galicia Independentes (CESM-O’MEGA), Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT), Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) e Sindicato de Enfermería (SATSE).

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de xuño de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O presente decreto ten por obxecto a creación da categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista.

2. A regulación contida neste decreto resulta de aplicación ao persoal estatutario que preste servizos nas institucións sanitarias e estruturas organizativas do Servizo Galego de Saúde e nas entidades públicas instrumentais adscritas á consellería con competencias en materia de sanidade ou ao devandito organismo autónomo, en relación coa categoría profesional e os postos de traballo mencionados neste decreto.

Artigo 2. Creación da categoría de enfermeiro/a especialista

Créase no Servizo Galego de Saúde, dentro do colectivo de persoal estatutario sanitario de formación universitaria, de nivel de diplomatura ou grao con título de especialista en ciencias da saúde, encadrado no subgrupo A2, a categoría estatutaria de enfermeiro/a especialista, que abrangue todas as especialidades de enfermaría previstas no Real decreto 639/2014, do 25 de xullo, polo que se regula a troncalidade, a reespecialización troncal e as áreas de capacitación específica, se establecen as normas aplicables ás probas anuais de acceso a prazas de formación e outros aspectos do sistema de formación sanitaria especializada en Ciencias da Saúde, e se crean e modifican determinados títulos de especialista, agás a especialidade obstétrico-xinecolóxica.

Artigo 3. Acceso

1. Para o acceso á nova categoría de enfermeiro/a especialista, como persoal estatutario fixo ou temporal, será indispensable estar en posesión do título de diplomado ou grao universitario en enfermaría, da certificación substitutiva deste ou, cando se trate de títulos estranxeiros, da correspondente resolución do seu recoñecemento ou homologación expedida polo ministerio competente. Deberá, así mesmo, acreditarse a posesión do título de especialista na especialidade correspondente.

2. A superación das probas de selección, convocadas en execución dunha oferta pública de emprego, será requisito para acceder á condición de persoal estatutario fixo da categoría.

3. A selección de persoal temporal efectuarase polo procedemento establecido logo da negociación na mesa sectorial e mediante convocatorias de cadansúa especialidade de enfermaría.

4. Para os efectos deste decreto, os servizos prestados a partir da data de obtención do título de especialista e en desenvolvemento das actividades propias dunha especialidade, debidamente certificados, terán a consideración de prestados nesta nos procesos de selección e provisión, para persoal fixo ou temporal, que se formalicen para o acceso a prazas da nova categoría.

Artigo 4. Réxime xurídico

A relación de servizo do persoal da categoría de enfermeiro/a especialista co Servizo Galego de Saúde regúlase pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e pola normativa de desenvolvemento aplicable ao persoal estatutario deste organismo autónomo.

Artigo 5. Funcións

1. Correspóndelle ao persoal da categoría estatutaria de enfermeiro/a especialista exercer as funcións inherentes ás competencias profesionais especificadas no programa de formación da respectiva especialidade, aprobado consonte a normativa reguladora das profesións sanitarias.

2. As devanditas funcións desenvolveranse sen menoscabo da competencia, responsabilidade e autonomía dos/das profesionais doutras categorías e especialidades que actúen no correspondente equipo ou unidade asistencial.

Artigo 6. Cadro de persoal

1. Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e o control da consellería con competencias en materia de sanidade, de acordo coa planificación estratéxica da política de recursos humanos conxunta do Sistema público de saúde de Galicia, planificar as necesidades e determinar o número de efectivos de persoal da categoría de enfermeiro/a especialista que poden prestar servizos con carácter estrutural.

2. A dotación de prazas farase efectiva de xeito progresivo e logo da pertinente planificación, mediante as modificacións que procedan nos cadros de persoal, coas limitacións e de conformidade coas previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

Artigo 7. Xornada e retribucións

1. O réxime de xornada e horario e o réxime retributivo aplicables ao persoal da nova categoría de enfermeiro/a especialista serán os inherentes ao posto de traballo que se desenvolva, establecidos, segundo o concreto ámbito de cada nomeamento, consonte o disposto na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e o Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro; coas particularidades establecidas, de ser o caso, no Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia e o Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo do persoal das unidades e servizos de atención primaria.

2. Os/as profesionais da categoría estatutaria de enfermeiro/a especialista percibirán o complemento de destino vixente para o persoal xa vinculado ás institucións sanitarias como persoal especialista diplomado ou graduado en enfermaría.

Disposición adicional única. Modificación da denominación da categoría profesional ATS/DUE

1. Modifícase, no ámbito do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, a denominación da categoría ATS/DUE, que a partir da entrada en vigor do presente decreto denominarase «enfermeiro/a».

2. O cambio de denominación non alterará o réxime xurídico da dita categoría.

Disposición transitoria primeira. Ordenación de determinadas categorías de enfermeiro/a especialista

1. Decláranse a extinguir as precedentes categorías de enfermeiro/a especialista en saúde mental, creada polo Decreto 95/2007, do 3 de maio, e a de enfermeiro/a especialista do traballo, creada polo Decreto 111/2011, do 3 de xuño.

2. Malia o anterior, o persoal estatutario fixo especialista que, con anterioridade á entrada en vigor deste decreto estea a desempeñar unha praza de enfermeiro/a especialista en saúde mental ou de enfermeiro/a especialista do traballo, permanecerá no seu desempeño ata a data do seu cesamento.

Unha vez que os ditos postos queden vacantes, por calquera das causas legalmente previstas, serán amortizados e transformaranse en prazas da categoría de enfermeiro/a especialista, de conformidade co artigo 6 deste decreto.

3. O persoal temporal que no momento da entrada en vigor deste decreto estea desempeñando postos de traballo das categorías de enfermeiro/a especialista en saúde mental ou de enfermeiro/a especialista do traballo, permanecerá no seu desempeño, ben que se procederá á novación do seu vínculo estatutario.

A citada novación suporá a modificación da vinculación orixinaria e a expedición dun novo nomeamento estatutario, da mesma natureza temporal, da categoría de enfermeiro/a especialista.

Disposición transitoria segunda. Procedemento específico de acceso

Non entanto o disposto no punto 2 do artigo 3 deste decreto, con carácter transitorio e excepcional, no seo da implantación da nova categoría de enfermeiro/a especialista e nos termos previstos no artigo 34 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde e do artigo 25.3 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, realizarase convocatoria diferenciada para o acceso, polo sistema de concurso, á categoría e prazas de enfermeiro/a especialista, aberta ao persoal diplomado ou graduado universitario de enfermaría con vínculo de fixeza que desempeñe ou desempeñase no Servizo Galego de Saúde as funcións propias de cada especialidade e acredite o título da correspondente especialidade de enfermaría.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no ámbito da organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade